Listado de la etiqueta: magar

A memoria de Magar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a edición dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais, 2002, 2004 e 2007):

Entre os meus orgullos de editor está o da publicación dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais 2002, 2004 e 2007), escolma de máis dun milleiro de instantáneas e retratos de Manuel García Castro «Magar», o primeiro fotógrafo de Faro de Vigo. Un proxecto nacido na exposición que durante o mes de abril de 2002 acollera a Casa das Artes, «40 anos en branco e negro», pola que peregrinaran milleiros de persoas convocadas polas fotos de Magar e fixeran exercicio de memoria diante de douscentos cadros que, en boa medida, recollían a crónica das súas vidas. Con este precedente, acordei con el preparar un libro de sobremesa que recollese unha parte das fotos da mostra e algunhas outras pezas do seu arquivo de milleiros de negativos que fora tirando dende 1962, cando entrara a formar parte como fotógrafo do cadro de persoal do decano. Tirando dese fío e de moitas horas de conversa, durante cinco anos fomos montando foto a foto os tres volumes que conforman a crónica visual máis completa da transformación de Vigo (o noso «Viguiño»), con todas as súas contradicións e conflitos, durante catro décadas, atendendo ao seu desenvolvemento urbanístico, industrial, social, cultural, deportivo e político.

Escollemos para prologar o libro, entón non pensabamos que habería outros dous volumes máis, a Fernando Franco, que fixo un texto precioso, como corresponde a quen é o cronista social do Vigo de entre séculos, que salientou a importancia do libro como crónica dos últimos corenta anos e o carácter do seu autor «benhumorado no que por veces lle foxe unha risa burlona e descrida por entre as comisuras da alma». Fernando subliñaba coa sutileza da súa escrita con tinta de ouro o carácter irónico, divertido e emotivo da ollada do fotógrafo de Faro, dacabalo do reporteiro clásico, atrevido e un chisco toleirón, que nunca perdeu a ollada agarimosa para retratar aos humildes e os perdedores coma se de príncipes se tratase. No proceso de edición, que sempre concibín como conversa permanente co autor, comprendín que as fotos de Magar eran arcas de memoria, gardaban unha historia que merecía ser contada. E como tales fotos crónica compartimos un exercicio de memoria, no que Magar lembraba de forma prodixiosa o nome dos centos de persoas fotografadas, como o momento no que disparara ou as condicións en que o fixera. Así fomos escribindo os pés de foto, coma se de chíos de X se tratase, que melloraba por teléfono, cando lembraba algún detalle ou contactara cunha fonte que achegaba ese dato ou nome que faltaba. Conseguimos, así, que cada páxina dos seus libros fose un microrrelato visual de vidas anónimas e de esforzos e tristezas colectivas, capaz de desencadear o que me gusta chamar «efecto Magar», que activa a memoria propia ou familiar deste Viguiño noso.

Nas fotos de Magar identifico a memoria da miña infancia, o das crianzas da xeración de Gorgorito, retratada por Xaime Fandiño en La acera volada (2022), co concurso de castelos de area en Samil, coa circulación metropolitana do tranvía ou  con aquel Balaídos dun Celta de segunda onde no descanso saía a correr Toniño recoñecido polos aplausos da bancada. Nas fotos de Magar están os anos da miña adolescencia, a da mocidade da xeración Polycommander, naufraxio como o do pesqueiro Centoleira, que Magar cubriu como afouto fotoxornalista. Como nas pezas de Magar de finais dos setenta e comezo dos oitenta identifico a ilusión da miña xeración de Siniestro total e Os Resentidos, que co inicio da Autonomía reclamou en Príncipe o dereito de obxección de conciencia, os bonos de Vitrasa e saíu a Urzáiz a defender o sector naval. Nas fotos de Magar está a historia do Celta da Peña Xaburú, das Xuventudes Celestes e Celtarras, do Estudantes, do Vulcano, do Octavio, do Celta feminino, do Celta de atletismo, tamén do Turista, Gran Peña, Peñasco, Coia, Coruxo e outros equipos modestos… Nas fotos de Magar está a cidade puro milagre de Celso Emilio, que se fixo e desfixo urbanisticamente, tamén, a abella da ribeira, que enterrou a ría, secasí o volcán de dinamismos do mestre Ferrín, da clase obreira das factorías de Balaídos e Beiramar, das guindastres portuarias, desa cidade pelexona que nunca se resignou.

Grazas, Magar, por legarnos milleiros de fotografías portadoras da memoria nosa, de lembrar aos humildes que sabemos non pasarán ao libros de historia, que retrataches con respecto e agarimo: Chuchete, Ismael e Toniño, Castro, Tocho, Rafaelito, as carrexonas do Berbés, as leiteiras, pescantinas e afiadores… Coma a doutros contemporáneos seus, como Siorty, Llanos, o seu compañeiro Cameselle ou a da retratista Mary Quintero, alicerces tamén da memoria viguesa, a obra fotográfica de Magar merece ser conservada como patrimonio da cidade e recoñecida polo concello. Grazas, admirado Manolo.

Magar, o fotógrafo de Vigo

Morreu Manuel García Castro, o noso benquerido e admirado «Magar», fotógrafo e reporteiro de Faro de Vigo, autor durante catro décadas de milleiros de instantáneas e retratos en branco e negro, imprescindibles para conservar a memoria e comprender a historia viguesa da segunda parte do século XX. Fillo de ferroviario, naceu en Ciudad Rodrigo (Salamanca), máis alicerzou en Vigo sendo apenas un picariño, aprendendo as artes do seu oficio nos estudios fotográficos Tomás onde, confesou, fixo de todo, dende varrer e abrir a porta a ocuparse das tarefas máis delicadas do retoque dos retratos de estudio. Voluntario no Exército do Aire, ingresou na Escola de Fotografía e Cartografía de Cuatro Vientos (Xetafe). Unha atmosfera formativa, técnica e creativa, nas que compartiu as formas artesanais e as clásicas, que lle serviron en 1962 para incorporarse como reporteiro gráfico pioneiro na redacción de Faro de Vigo, dirixido entón por Manuel González Cerezales, converténdose até a súa xubilación en 2000, primeiro, no fotógrafo todoterreo que a incipiente fotografía de prensa precisaba e, máis tarde, no xefe do departamento gráfico do xornal.

Formando parte da redacción do Faro de Vigo de Álvaro Cunqueiro, máis tarde de Santaella, Landeira e Armesto, «Magar», conectou coa esencia popular da cidade nosa, que comezaba o seu proceso de crecemento industrial, sendo o primeiro cronista visual co que contou o decano. Un fotógrafo capaz de inmortalizar tanto os últimos habitantes das Cíes botando a partida como aos mozos excursionistas que alugaban un barco de pesca para pasar o domingo nas illas. Fotos crónica das que se sentía orgulloso e sabía acompañar co nome e vidas dos seus protagonistas, algo incrible, transcorridas décadas. Era o caso do cartaz protagonizado por Cesáreo «Chuchete» e Ismael conducindo un xato de Teis até o Matadoiro, á que Magar acompañaba retranqueiro coa voz do protagonista: «Chuchete dicíalle ao animal: “Anda, cholita, que te llevo a veranear a Alcabre”». Memoria e humor que Magar nunca perdeu no seu exercicio profesional, como tampouco o seu entusiasmo e axilidade para moverse por Vigo e chegar canto antes onde o seu olfacto aconsellaba, consciente de que o seu oficio obrigaba a disparar con eficacia e emoción. Actitude afouta que o levou a realizar reportaxes fotográficas memorables como a do incendio nas Cíes do Polycommander na mañá do 5 de maio de 1970, que fixo dende unha pequena embarcación de oito metros, que por certo concertara con Freire, o seu colega de El pueblo gallego. Sen esquecer, como lle gustaba lembrar, a primeira viaxe en globo desde as Cíes a Vigo, que rematou infelizmente no medio da ría. Así era Magar, un tipo xeneroso e sensible, talentoso e comprometido co seu traballo.

Foi Magar un amante e defensor de Vigo, que deixa un arquivo de milleiros de negativos, escolmados na exposición 40 años en Blanco y Negro (Casa das Artes 2002) e en tres libros de sobremesa (inclúen máis dun milleiros de fotos), Vigo por Magar I,II e III (Xerais, 2002, 2004 e 2007), un legado extraordinario á cidade que percorreu e fotografou de forma incansable, identificando as súas xentes e as mudanzas no seu territorio. Declarado Vigués distinguido en 1996, en recoñecemento a súa traxectoria profesional para a cidade de Vigo, recibiu outros recoñecementos, entre os que valoraba con grande agarimo a Insignia de Ouro do Real Club Celta, o equipo do corazón que seguiu de forma incansable, o Premio de Xornalismo Gráfico de Galicia (1986) e o Premio Nacional Fotopress 87. Tras a xubilación, en 2002, creou a Fundación Magar co obxectivo principal de apoiar a investigación para unha terapia que cure a acondroplasia, tarefa que xunto a da edición dos seus libros e ordenación do seu arquivo ocupou os mellores anos xubilares. Lembraremos a Magar polo orgullo co que levou a cámara para fotografar o seu Viguiño do corazón, o dos afectos e angueiras compartidas. Todos os nosos abrazos e condolencias son para a súa compañeira Cándida, para os seus fillos Manolo e Jorge, para a súa filla política María Dolores e para as súas netas Paula e Natalia.

Publicado en Faro de Vigo: 02/08/2024

Avenida de Beatriz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a polémica da denominación Avenida de Beatriz e a reedición do libro de Ramón González-Alegre Por entre el arpa y la saudade:

Na primavera de 1961 abriuse no barrio das Travesas unha polémica veciñal de interese poético sobre o nome que debería levar a nova avenida, entón non inaugurada, prevista xa no Plan Palacios e urbanizada a partir do Plan de Melloras de 1953, coñecida logo como Avenida das Camelias. Foi unha columna en Faro de Vigo de Fernando Alonso Amat, escritor e técnico fiscal, despois presidente do Club Náutico, quen sacou a luz un asunto que intrigaba aos veciños das Travesas desde que nas paredes dun dos poucos edificios da nova avenida apareceu un letreiro que rezaba: «Avenida de Beatriz». Decontado apareceron polas Travesas os comentarios sobre a orixe de semellante iniciativa, as especulacións sobre quen era aquela Beatriz, pintada que tiña todas as trazas de ser apenas a declaración dun namorado a súa amada, unha veciña de nome idéntico ao daqueloutra Beatriz de Dante Alighiere, filla de Folco Portinari, símbolo da vida, da paz e do amor.

Polémica popular e literaria na que terzou o poeta Ramón González-Alegre tamén noutro artigo ben xeitoso, publicado en Faro de Vigo o 4 de xullo de 1961, baixo o suxestivo título «El bello nombre de una gran avenida», no que se unía ao seu amigo Amat reclamando á corporación que fixera oficial tan fermoso nome literario, escollido na fala popular da veciñanza (por certo, tamén utilizado de forma habitual nas páxinas de Faro de Vigo até ben entrado 1965). O poeta berciano vigués argumentaba coa súa fina ironía e a súa voz lírica cultísima que os concelleiros vigueses sabían que «Beatriz é, no máis extraordinario poema universal, a nota sobresaínte da humana Virtude», razón polo que o valor poético de introducir o seu nome no rueiro vigués contribuiría a alzar a propia cidade, «tan tristemente desgobernada até agora en espírito», e a constituír «un símbolo para os mozos galegos de Vigo que un día deixaron pintada unha parede con este nome».

A polémica da Avenida de Beatriz alongouse varios anos, nos que seguindo as páxinas de Faro de Vigo comprobamos se popularizou o nome, como amosa unha clarificadora fotografía de Magar tomada en 1963 no que aparece pintado a brochadas sobre unha pedra, á altura das escaleiras de acceso á rúa Ourense. Mágoa que o daquela alcalde José Ramón Fontán, nomeado en xuño de 1963, no seu mandato de apenas quince meses, no que xestionou a traída da auga do Oitavén para Vigo, carecese porén da sensibilidade poética que precisaba a cidade de Martín Códax, cando foi preguntado por un reporteiro de Faro de Vigo (15-11-1963) sobre a súa posición no caso Beatriz. A resposta administrativa do alcalde malogrou a viabilidade do que el mesmo chamaba abrazar a hipótese romántica de Beatriz: «respectando todo o moito e  bo que se dixo e escribiu ao respecto, non se debe esquecer que existe un acordo municipal para non denominar ningunha rúa en canto o plan de ordenación urbana non estea aprobado». Para engadir Fontán con retranca que el propoñería o nome de «rúa do viandante descoñecido, que mellor soaría en galego como “rúa de Xan Ninguén”».

Lembrei a fermosa polémica da Avenida de Beatriz, que lle escoitara contar, entre outros, ao crítico Alberto González-Alegre Burgueño, a raíz da recente reedición do libro do seu pai, Ramón González-Alegre Bálgoma, Por entre el arpa y la saudade. Hombres y tierras de Galicia (Ediciones A.B. 1965; 2ª edición Alhenamedia 2023), unha estraña marabilla como libro de viaxes fragmentario, un retrato certeiro da Galicia dunha época, a de finais da década de 1950, escrito co alento do poeta e a ollada curiosa do vagabundo. Unha primeira edición a do sesenta e cinco nacida nas Travesas, onde vivía o autor, impresa nos talleres de Faro de Vigo, contando coa axuda e alento cultural do empresario Antonio Alfageme del Busto, impulsor de Ediciones A.B. de Vigo, un selo editorial ao coidado do propio González-Alegre, que contaba con longa experiencia como editor da revista Alba (1948-1956) e do seu maior logro Antología de la poesía gallega contemporánea (Colección Adonais, Rialp, 1959).

Xaora, particular interese ten para nós no libro de González-Alegre o capítulo «Vigo: bello mar y caudaloso puerto (Páginas para un diario)», título recollido de Jovellanos, textos escritos en xullo de 1957, un brillante retrato poético do impulso vigués, no ton das prosas publicadas en Faro de Vigo nas seccións «Los viajes gallegos», «Notas de apremio» ou textos ocasionais como o citado sobre a Avenida Beatriz. «Vigo é unha pura transformación. A Vigo fáltalle vellez, sóbralle vida fresca, como se tivese sempre un nacemento. Vigo nace sempre. Que ledicia saber que o traballo fortalece o pulso da cidade..» escribe para salientar que as raíces que comeza a sentir Vigo, a súa identidade, están no seu pulo de permanente mudanza e emprendemento industrial.

Respecto para unha estatua

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar respecto para a estatua de Castro do escultor Jandro:

A comezos de novembro de 2002 apareceu en Príncipe, diante do Marco, a piques de ser inaugurado uns días despois, a estatua en poliéster de Castro, o derradeiro vendedor ambulante de xornais, obra do escultor vigués Alejandro Rodríguez «Jandro», membro da Fundición Nautilus, institución nacida coa intención de achegar as diversas modalidades artísticas ao público. Unha peza de inequívoca intención realista de tamaño natural que homenaxeaba a Manuel Castro, que percorría de forma incansable o centro de Vigo, dende a Porta de Sol a Urzaiz por Príncipe, onde paraba cos seus fardos diante das galerías de La Norma ou das escadas de Almacéns Alfredo Romero, e de alí baixaba até a Alameda por Velázquez Moreno ou Colón, voceando dende moi cedo as noticias máis frescas de «Faro de Vigo», máis tamén dos xornais da tarde, como o deportivo «Meta», «La Noche» de Santiago ou do diario «Pueblo» de Madrid.

Era a de Castro unha figura inesquecible, tanto polo seu carácter adusto e serio como pola súa habilidade para levar baixo o brazo esquerdo un fardo de faros e ao mesmo tempo aguantar os décimos da lotería nacional, mentres sostiña de forma acrobática un faro sobre o índice da man dereita en difíciles equilibrios. Unha proeza dixital esa do baile dos faros documentada por Magar en 1971 nunha fotografía deste quiosqueiro andante na rúa Reconquista á altura dos leóns de Correos ao que, como a Pepiño do quiosco do Paseo de Afonso, que de mociño tamén voceara «Meta» no barrio de Casablanca, lembramos como un deses jichiños humildes e entrañables que humanizaron o Vigo da nosa infancia.

Porén, a aquela aparición da estatua de Jandro á que lle faltaba o bronce, coincidindo coa apertura do Marco que dirixía Carlota Álvarez Basso, foi tan efémera como polémica. Deseñada a iniciativa propia polo autor en 1998, cando residía en Granada, o goberno municipal de Lois Pérez Castrillo encargoulle que a fundise en bronce para a súa instalación diante do museo. Tras as mudanzas da alcaldía dese ano, primeiro en mans de Ventura Pérez Mariño e despois de Corina Porro, a estatua de 300 quilos e dous metros trinta de altura, permaneceu en Madrid case unha década onde foi fundida por partes. Habería que agardar ao día de noiteboa de 2011 para que fose chantada na localización prevista en Príncipe sendo alcalde Abel Caballero.

Un vergonzoso atraso de oito anos ao que non foi alleo un lamentable episodio de censura, denunciado nestas páxinas de «Faro de Vigo» polo xornalista Fernando Franco en 2004 e recuperado do esquecemento neste ano de homenaxe a Xela Arias. O caso é que coincidiu o momento da fundición da estatua coa marea negra provocada polo Prestige e coa resposta expansiva do movemento cidadán organizado na plataforma Nunca Máis e a colectiva do mundo artístico artellada nas intervencións de Burla Negra. Jandro e o seu compañeiro da Fundición Nautilus, o pintor Xosé Guillermo, deseñaron a peza que faltaba á escultura, o exemplar de «Faro de Vigo» que bailaría no furabolos de Castro. Na portada titularon «Galicia berra ¡Nunca Máis!» e na contraportada reproduciron o poema «Dignidade», escrito por Xela Arias para o libro colectivo «Alma de beiramar» (A Nosa Terra, setembro, 2003), que comeza cos versos: «Marea miseria invade global Galicia / Colleita inepta de intereses financeiros / Burla negra…» Ao goberno municipal de Corina Porro non lle gustou esta solución e Jandro negouse a modificar o deseño, do que por ventura o artista conserva o orixinal no seu taller. Confesou que o facía por fidelidade e homenaxe á escritora activista, que pretendía levar a poesía a rúa e faleceu de forma tan prematura o primeiro de novembro de 2003.

Finalmente sería unha axencia quen deseñaría outros contidos para este xornal de bronce, que tras a inauguración da escultura por Caballero (2011), axiña sería obxecto de continuos ataques vandálicos, dende pintadas até arrincarlle en varias ocasións o exemplar do «Faro de Vigo», repetidos este pasado mes de maio, tras o a finalización do toque de recollida, no que a peza apareceu sen o brazo sobre o que bailaba o faro. Ataques denunciados tanto polos comerciantes como polo propio escultor que reclaman ao concello un sistema de videovixilancia eficaz para unha das iconas artísticas actuais da cidade.

Por todas estas vicisitudes a estatua de Castro de Jandro, autor tamén dun proxecto de escultura urbana semellante do poeta peripatético Carlos Oroza, que agarda polo interese do goberno municipal, constituíuse en dúas décadas en icona da liberdade de expresión e en homenaxe ao papel da prensa no desenvolvemento de Vigo como cidade acolledora, dinámica, liberal e cosmopolita. A estatua de Castro merece que se restitúa o deseño orixinal do seu autor e conte co respecto e protección do que carece.

Onte 2106: «Calendario Xerais 2021. Mulleres. Llanos»

Non quero que remate o ano sen recomendar o Calendario Xerais 2021. Mulleres. Llanos, outra alfaia desa extraordinaria serie  sobre a memoria fotográfica concibida e editada por Celia Torres Bouzas. Unha colección de referencia na historia da fotografía en Galicia iniciada en 2014 coa publicación da escolma dunha ducia de fotos da viaxe a Galicia que Ruth Matilda Anderson fixo entre 1924 e 1925, introducida por un texto de Manuel O’Rivas. Serie continuada en 2015 con Mariñeiros de José Suárez, en 2016 pola Emigración de Alberto Martí e no 2017 por unha escolma do traballo fotoxornalístico de Magar. Xaora, foi a partir de 2018 cando a serie mudou a ollada para darlle visibilidade ás fotos de mulleres: en 2018 fotografadas por Pacheco, con texto de Ledicia Costas; en 2019 por José Suárez, con texto de Pedro Feijoo; en 2020 polas traballadoras de Massó, con texto de Covadonga López de Prado; e en 2021, por Llanos, con texto de Sabela Fraga Costas.

Cada un destes almanaques protagonizados por mulleres, calendarios fotográficos de parede con formato de 30 x 60 cm, que inclúe festivos e fases da lúa, propón unha ollada cun enfoque feminista sobre a Galicia do pasado século, privilexiando a visibilidade das mulleres no espazo público, sexa nos traballos comunitarios, agrarios, pesqueiros ou industriais, participando nas actividades sociais, políticas, deportivas, culturais ou relixiosas. Unha contribución moi salientable á construción dunha memoria fotográfica alternativa e crítica, capaz de desvelar outro tipo de referentes e de incorporar no relato galego contemporáneo o papel decisivo das mulleres.

Ese é o enfoque escollido tamén para o Calendario Xerais 2021 no que se escolma unha ducia de fotos protagonizadas por mulleres do Arquivo Llanos depositado no Museo Etnolóxico de Ribadavia dende a súa adquisición pola Consellaría de Cultura en 2009. Fotos de tres xeracións de fotógrafos da familia Llanos, a do avó e pai (ambos os dous de nome Francisco) do noso admirado Ángel Llanos, falecido en 2012, instalados na viguesa rúa Elduayen dende 1885. Daquel arquivo extraordinario de máis de 100.000 instantáneas, que documentaron as transformacións da cidade de Vigo ao longo de todo o século XX, neste almanaque tan singular aparece apenas unha ducia das protagonizadas por mulleres.

O almanaque de Llanos convida a que reparemos cunha ollada feminista durante un mes en situacións e acontecementos moi diversos e atractivos: un partido de fútbol feminino no campo de Coia protagonizado por dous equipos de xogadoras belgas (1925); unha mascarada  teatral de entroido; a esculcar no escaparate do Garaxe Americano da rúa García Barbón (1936); a identificar as protagonistas dun paseo pola rúa do Príncipe (1920-1930); a lembrar o que foron as batallas de flores en Policarpo Sanz (1926); a coñecer unha escena do mercado de froitas e verduras na praciña das ostras (fotografía escollida para a portada do calendario); a entrar nunha clase de costura a máquina (1935); unha escena nun lavadoiro do periurbano; unha reunión política ou sindical durante a segunda República; o interior da gardería da conserveira Massó (1950-1960); até finalizar cunha carreira atlética nas Avenidas e cunha «fotoesperanza» protagonizada por unha rapaciña, como símbolo do empoderamento e da construción dos propios relatos por parte das mulleres.

Todos os nosos parabéns a Celia Torres, editora e alma mater deste proxecto editorial precioso e único na edición cultural galega.

50 anos do «Polycommander»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao cincuentenario da marea negra do Polycommander:

Hai medio século da semana inesquecible do Polycommander, que marcou a memoria da miña xeración. Todo comezou cando o petroleiro noruegués de 230 metros de eslora, pretendía saír da ría pola canle Norte. Ás catro e vinte da madrugada do martes 5 de maio de 1970, cargado con 49.414 toneladas de cru da variedade arabia lixeiro, bateu nas pedras de Cíes, á altura da Punta Muxieiro, diante da praia de Figueiras na illa norte. Un encallamento de causas dificilmente explicables que destruíu a sala de máquinas e abriu unha fenda de tres metros no casco do costado de babor, pola que comezou a verterse o contido dos tanques 5 e 6, onde se aloxaba case un terzo da carga.

Derrame que, tras varios estoupidos de orixe nunca aclarada, deu paso a un incendio pavoroso da embarcación, fabuloso espectáculo seguido con asombro e preocupación polos vigueses durante corenta e oito horas dende o outeiro do Castro ou os miradoiros de Camelias ou do Paseo de Afonso (como no caso noso), e que foi cubrindo cunha densa nubada tanto a ría como a propia cidade. Marea negra, na que se derramaron até 18.000 toneladas de petróleo, que durante anos deixaron as súas inconfundibles pegadas de «pichi» (chapapote) en todas os nosos areais e da que medio século despois se conservan aínda pequenos vestixios nalgunhas rochas dos cons de Mougás e Monteferro.

Daquela primeira gran traxedia ecolóxica da ría de Vigo conservamos algunhas fotos impresionantes tiradas con enorme afouteza dende unha lancha de oito metros por Magar e por Freire, os reporteiros gráficos de Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, así como algunhas crónicas xornalísticas moi valentes para a época sobre a precariedade dos traballos de extinción do incendio por parte dos bombeiros vigueses, das dificultades das tripulacións de varios pesqueiros para conter a marea cos medio artesanais que idearon ou dos efectos do orballo de cinzas sobre os cultivos do Val Miñor.

Porén, carecemos aínda dun relato contrastado capaz de explicar as razóns que provocaron o accidente e o alcance dunha marea negra, que chegou á portada da revista The New Yorker en maio de 1973, mais que as autoridades franquistas de Mariña pretenderon minimizar e reducir ao vertido controlado de apenas mil e pico toneladas de petróleo. Un naufraxio iniciado, como tantas outras veces, por unha circunstancia inesperada, nesta caso a necesidade dunha arribada forzosa ao porto de Vigo para desembarcar á tripulante Karin Alstad, que corría o risco de sufrir un aborto e quedaría ingresada no sanatorio de Troncoso. Unha situación que obrigou ao capitán Mr. Strom Olsen a recalar en Vigo na noitiña e unhas poucas horas despois, xa de madrugada, recuperar a rota iniciada en Sidón (Líbano) cara ao seu destino, o porto bretón de Donges, a carón de Saint-Nazaire.

Un sinistro absurdo do que se descoñecen aínda as súas causas, xa que resulta inexplicable como foi ás pedras unha embarcación que contaba co moderno sistema de navegación Decca e con axudas suficientes. Non se comprende como dende a ponte, na que debería estar aínda Joaquín Miller, o veterano práctico do porto de Vigo, asesorando ao capitán, ao primeiro oficial e ao temoneiro, non se iniciou coa antelación necesaria o cambio de rumbo a estribor. Unha manobra equivocada que a Autoridade Militar de Mariña atribuíu ao capitán noruego, mentres que para aseguradora Lloyd’s e para os organismos internacionais de loita contra contaminación mariña, como o CEDRE francés (ao que tantas veces acudimos procurando información na marea negra do Prestige), correspondeu a unha neglixencia do práctico do porto de Vigo.

Un naufraxio no que se salvaron os 39 tripulantes, entre eles tres mariñeiros de Ribeira, cuxo bote salvavidas foi remolcado nunha arriscada manobra polo pesqueiro Centinela, un dos primeiros en acudir ao auxilio do petroleiro. No entanto, foron algúns os feridos e catro os queimados de importancia (mariñeiros de reemprazo) das tripulacións dos buques da armada, como o cruceiro Canarias, a fragata Legazpi e o remolcador de altura RA-1, participantes nas tarefas de extinción, xunto aos remolcadores do porto Elduayen e Serviola. Como tampouco se dispón dun informe técnico que explique a actuación con máis vontade que acerto de oito avións do exército do aire e dun helicóptero que pretenderon axudar nos labores de extinción, antes da chegada da aviación norteamericana e a súa choiva nociva de dispersantes aromáticos sobre a ría, o que provocou danos para a flora e a fauna mariña, o que supuxo importantes consecuencias para a pesca de baixura e nas colonias de aves.

50 anos despois, paga a pena recuperar a memoria daqueles días do Polycommander, axuda a mellor valorar o tesouro da ría, o noso primeiro patrimonio da humanidade.

A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común

No suplemento de Faro de Vigo que conmemora hoxe os 40 anos de Prensa Ibérica publicaron este meu traballo sobre a memoria cultural viguesa:

Hai unha fotografía que Magar tirou para Faro de Vigo o 16 de maio de 1978 nunha sala do Hotel Samil-Praia que representa o tránsito que tras a morte de Franco comezou a producirse na cultura galega desde a cidade de Vigo, un tempo de cambio e esperanza, onde todo semellaba posible, coñecido como Transición, ao que a historiografía actual denomina de forma máis obxectiva como Reforma Política. A instantánea recolle un momento da deliberación do xurado de Creación Literaria, unha das cinco modalidades outorgadas na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia, organizados polo Círculo Ourensán Vigués da rúa Venezuela, presidido entón por Bieito Ledo Cabido, daquela dono da libraría Ir Indo, situada no segundo andar das novas Galerías de Príncipe.

Unha fotografía na que é doado identificar a sete persoas, membros daquel xurado para a historia da nosa cultura, representativas do que entón constituía a expresión da pluralidade interxeracional e ideolóxica da literatura galega. Comezando pola esquerda da mesa aparecía o profesor Emilio de Gregorio Fernández, que actuou como secretario en representación dos organizadores; ao seu carón sentaba Pilar Vázquez Cuesta, a única muller, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (tamén a única existente en Galicia nesa altura); na fronte estaban Basilio Losada, o sempre influínte tradutor e profesor de galego-portugués da Universidade de Barcelona, nacido en Láncara; e ao seu lado a Carlos Casares, entón profesor de Bacharelato no Instituto de Rodeira de Cangas do Morrazo, autor de Xoguetes para un tempo perdido (1975), novela gañadora do premio concedido pola editorial Galaxia con motivo do seu vinte e cinco aniversario, que participaba no xurado uns poucos días antes de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, a proposta dos seus mentores Ramón Piñeiro e Domingo García Sabell. Na esquerda da fotografía aparecían Paco Martín, o profesor lucense de EXB, director de Axoúxere, («Semanario do neno galego»), publicado polo diario La Región, ademais de narrador novo, autor da novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia; e Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova en toda a súa madurez, que tras a súa campaña política como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega rematara de publicar Cimenterio privado na colección Pombal de Edicións Castrelos, antes de morrer aquel nefasto 31 de agosto de 1979 na súa casa da avenida de Castrelos; e, por último, X.L. Méndez Ferrín, catedrático do Instituto Santa Irene, un dos fundadores do Partido Galego do Proletariado, que tiña tamén recente a publicación de Con pólvora e magnolias (1976), libro de poemas de ruptura, editado con encanto alternativo polo vigués Grupo Rompente.

Na fotografía botamos en falta ao escritor Eduardo Blanco Amor, que entón vivía en Vigo, cidade onde finaría na soidade dun taxi, na noite do primeiro decembro de 1979, mais que a pesar de aparecer no programa do ditame dos premios non chegou a participar na reunión. Foto documental oportunísima, como tantas outras de Magar, un dos cronistas daquel tempo revolcado de incerteza, que pode servir de fondo para reconstruír o devir da literatura galega de fin de século. Testemuña dunha xuntanza moi propositiva, na que se escolleu como mellor libro literario galego do ano 1977 ao poemario Mar e naufraxio do ponteareán Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudios Sociales (CIES), do que se destacou na acta do ditame «o esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega». Mención que se fixo ao interese da obra finalista, Silabario da Turbina do colectivo poético Rompente (Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño), da que se salientaron «unhas especiais características renovadoras produto dunha nova xeración poética».

Renovación foi a palabra preferida por este xurado único que asumía o espírito de tolerancia e pluralidade dos organizadores (profesionais vigueses de diversos eidos que na súa maioría frisaban os trinta anos) destes premios de recoñecemento (sen dotación económica ningunha), mais que con motivo da celebración anovada e popular do día das letras galegas (entón sen recoñecemento institucional) pretendían dende a iniciativa civil poñer en valor de forma normalizada a cada vez máis voluminosa produción cultural galega nos diversos eidos: a creación literaria, a investigación, o ensaio, a mellor iniciativa cultural e o mellor disco de música galega.

Abonda con repasar a nómina doutros gañadores daquela edición para facerse unha idea do que bulía na cultura do país naquel momento. En Investigación recoñecéronse os traballos xeolóxicos de Isidro Parga Pondal, membro da xeración do Seminario de Estudos Galegos; mentres que en Ensaio foi premiado Recupera-la salvación, un dos primeiros libros do teólogo Andrés Torres Queiruga, editado por SEPT, a editorial viguesa que pretendía ser «órgano dunha nova conciencia cristiá no relixioso, no económico, no social e no político».

Como moi significativo foi o premio de Iniciativas Culturais outorgado ao Museo do Pobo Galego, institución civil creada para «investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos», que abrira as súas primeiras salas no Mosteiro de San Domingos de Bonaval apenas o ano anterior co apoio dos intelectuais galeguistas do momento e de figuras maiores destacadas como Xaquín Lourenzo e Antón Fraguas. Xurado de Iniciativas Culturais do que formaban parte, entre outras persoas, a escritora María Xosé Queizán e o empresario renancentista e creador de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, que salientou o valor da revista Vagalume, dirixida por Xosé Fortes Bouzán, como «primeira publicación lograda destinada á infancia, un mundo con total dereito a recibir mensaxes na súa fala e dispor dun órgano no que se expoña a súa sensibilidade». Toda unha declaración de intencións para unha literatura infantil e xuvenil aínda por nacer.

Outrosí sucedeu no premio ao mellor disco, outorgado por un xurado no que actuaba como secretario o compositor Enrique X. Macías, un dos animadores culturais vigueses máis inquedos daquel tempo, xurado que non conseguiu acadar un consenso e adoptou a decisión salomónica de conceder tres premios ex aequo a expresións musicais moi distintas de entender a tradición: ás cantigas galegas con orquestra dos séculos XIX-XX de María Uriz e aos primeiros discos do grupo de música (vigués) de taberna A Roda e ao grupo de folc Milladoiro, creado pola fusión do cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre de Catoira e algúns membros do Grupo Roi Xordo.

Aqueles primeiros Premios da Crítica Galicia de 1978 foron tamén unha certa expresión daquel Vigo revolcado da Transición, moi castigado pola primeira onda da reconversión naval na factoría de Ascón, cuxos obreiros (un cadro de 1.850 persoas) de forma heroica estiveron en folga durante oito meses, dende o 2 de febreiro ao 7 de outubro de 1978, tratando impedir o peche das factorías de Ríos e Meira. X.L. Méndez Ferrín escribiu, ao fío da súa participación naquel xurado, que «nunha inesquecíbel cea celebrada en Samil na que (lembro agora con emoción) nos acompañaba Celso Emilio Ferreiro, un piquete de traballadores de Ascón se dirixiu aos asistentes en petición de solidariedade», que os participantes naquela cea, cuxo cuberto custaba 800 pesetas, exerceron non só aplaudindo aos obreiros, senón tamén coas doazóns entregadas na mesa que mantiñan na porta da sala, entre as que estiveron as 84.000 pesetas polas que foi poxada a estatua de Sargadelos (unha homenaxe ao trobador vigués Martín Codax) do premio compartido da modalidade de «Mellor disco». «Vigo élles así –continúa Ferrín– e os Premios da Crítica Galicia son un produto galego, pero especificamente vigués». Opinión compartida polo profesor Xesús Alonso Montero, membro do primeiro xurado de II.CC., para quen naquel momento de inicio do posfranquismo «Vigo converteuse en cátedra, motor e referente no acontecer cultural galego no sentido máis amplo e dinámico».

Aquela arela común, como escribiu o profesor Modesto Hermida, outro dos animadores culturais daquel tempo, tanto de recuperación da democracia e das liberdades, como de normalización do sector cultural e de recoñecemento da lingua galega en todos os ámbitos da actividade social, educativa e económica, produciuse antes de que existisen as primeiras institucións autonómicas e antes de que se celebrasen as primeiras municipais, o 3 de abril de 1979. Eleccións das que sairía elixido alcalde de Vigo Manuel Soto Ferreiro, apoiado por cinco grupos políticos galeguistas e de esquerda. Un Vigo de 250.000 mil habitantes en aberta crise industrial, xa que tanto o estaleiro de Barreras como a empresa de cerámica de Álvarez de Cabral, controladas in extremis polo estado, reducían mes a mes os seus cadros de persoal; mentres que a factoría de Citroën da Zona Franca tampouco pasaba polo seu mellor momento e a flota viguesa de altura era expulsada dos caladoiros de Terranova e Namibia, o que obrigou ao peche de Casa Mar e Pebsa. Unha cidade con carencias infraestruturais moi severas, nas que non chegaba a auga corrente e o saneamento a unha cuarta parte da súa veciñanza e ao 70% do territorio da súa bisbarra, que contaba apenas cunha pequena biblioteca pública, a Jaime Solá nun baixo da Alameda, e cunha rede aínda moi insuficiente de centros educativos públicos, sobre todo de Bacharelato e FP.

Nese entorno de crise económica, tamén de oportunidade, foi callando en Vigo o proxecto normalizador acuñado polo espírito da arela común. En 1979 agromaron os primeiros proxectos de modernización e profesionalización da edición en lingua galega, liderados por Bieito Ledo, nomeado xerente da editorial Galaxia, e por Xulián Maure Rivas, primeiro director de Edicións Xerais de Galicia, editoras que dende entón converteron a Vigo en capital editorial de Galicia.

No eido do teatro en 1978 creouse a Agrupación de Teatro Galego de Vigo da que formaban parte, entre outros, grupos como A Farándula, Escoitade, Máscara 17, Teatro Popular Galego (máis tarde Artello),  ou Teatro Popular Keyzán, coa intención de procurar a vertebración teatral da cidade, entre a que estaba a organización anual da Mostra de Teatro Galego de Vigo e dunha escola de teatro na cidade, ademais de procurar, entre múltiples dificultades, os primeiros modelos de profesionalización dos seus espectáculos.

No eido da música intensificouse o activismo de Xuventudes Musicais, agrupación de promoción da música culta creada en 1972 da que moito teimou Manuel Álvarez, e apareceron as primeiras tentativas de vivir da canción de músicos vigueses como Bibiano, que publicara o seu primeiro LP, Estamos chegando ao mar en 1976, ou co homónimo de Pilocha (1978). No pub Sachtmo fixéronse as primeiras performances do compositor Enrique Macías e dos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, das que agromarían expresións artísticas moi diversas, dende a música contemporánea do inesquecible compositor de Itinerario de luz ate o grupo que en 1981 se bautizou como Siniestro Total, antes Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, nomes que adoptaron os músicos que sendo alumnos do instituto de Coia (1978), foran El Sexteto del Blues e Coco y el de los Mil Quinientos.

Proceso de anovación que se deu tamén no mundo da artes plásticas, onde a presenza en Vigo de artistas como Laxeiro, alentou que naquelas exposicións da Praza da Princesa, promovidas dende 1976 polo crítico Román Pereiro, sementase o que sería a primeira exposición en Baiona do Grupo Atlántica (1980), que revolucionaría toda a plástica galega de fin de século.

Unha efervescencia cultural viguesa en tempos de crise que contou coa complicidade necesaria dalgúns medios locais, sobre todo de Radio Popular de Vigo, que asumiu un papel inequivocamente galeguizador e aperturista, como  as páxinas de Faro de Vigo, dirixido por Francisco Armesto Faginas, especialmente nas páxinas de Artes e Letras dos domingos, nas que continuaba facendo prodixios as traducións poéticas do mestre Álvaro Cunqueiro, que por certo, gañaría o Premio da Crítica Galicia na súa segunda edición, tras a publicación do sería o seu derradeiro libro de narrativa, Os outros feirantes (1978). Mención á parte merecen as columnas literarias combativas de Dosinda Areses, heterónimo dunha figura da literatura galega, que comezaron a ser publicadas no Pueblo Gallego, até que foi clausurado polo Goberno de UCD (1979), continuadas na Hoja del Lunes de Vigo, semanario dirixido por Gustavo Luca de Tena, editado até 1981 pola Asociación Provincial da Prensa, e máis tarde n’ A Nosa Terra.

A cidade retratada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar a exposición inaugural do Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI).

RGB básico

Non podo agochar a miña decepción tras a visita á exposición “Vigo, a cidade retratada”, coa que abre as súas portas o Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI), un edificio recuperado no corazón do Casco Vello, no recanto entre a praza de Eduardo Chao e a rúa Alta. Apenas 50 fotografías do Arquivo Pacheco, correspondentes ao segundo terzo do século XX, ás últimas décadas de traballo de Jaime Pacheco e ao labor continuado dende 1958 polos seus fillos Jaime e Alberto, organizadas en cinco apartados (o litoral, a industria, os servizos, a expansión urbana e a vida social) ocupan unha parte da planta baixa do que foi concibido como centro de exposición e investigación de referencia da fotografía galega. Mágoa que para o noso abraio estoutra escolma dos amplísimos fondos do Arquivo Pacheco estea moi lonxe do rigor e do afán innovador, didáctico e divulgativo que se agardaría da casa viguesa da fotografía, unha nova peza da Rede de Museos do concello de Vigo.

Non parece xustificable nun centro museístico público a precariedade dunha instalación como a presentada en “Vigo, a cidade retratada”, tanto pola rudeza dos soportes utilizados e organización labiríntica do espazo expositivo como mesmo pola súa confusa iluminación. Nin tampouco a escasa novidade do relato visual proposto, sexa polo reducido número de pezas inéditas como pola súa temática tan xeralista, arredor da transformación de Vigo en cidade portuaria industrial, un caixón de xastre que recolle dende as paisaxes da ría, pasando polas escenas de traballo urbano, até a batalla de flores. Nin é entendible, mesmo considerando a precariedade orzamentaria que sofre todo o sector cultural, a ausencia dalgún soporte documental impreso ou dixital de axuda ás visitantes, que engada información sobre cada unha das fotografías e sobre o contexto dos apartados temáticos, máis aínda cando coñecimos que os textos son accesibles só dende a web do concello. Nin tampouco é comprensible a falta de publicidade nin a ausencia de créditos da exposición e do seu comisariado, que non atopamos por ningures. Carencias que pouco axudan a prestixiar o CAFVI e poñer en valor o Arquivo Pacheco, unha das pezas máis queridas e populares do patrimonio vigués do que continúan aínda inéditas para o público a maior parte das súas 140.000 fotografías.

O CAFVI foi ideado no primeiro mandato de Caballero, cando o BNG se responsabilizou da concellaría de Cultura, ao abeiro dos fondos do Plan E e no marco do programa de construcións públicas promovido polo Consorcio do Casco Vello, que supuxo o traslado dos rexistros da propiedade a catro inmobles entre a rúa Real e a rúa Alta. Paralizado durante case tres anos, tras a primeira fase de construción do edificio, financiado polo Ministerio de Cultura cun millón de euros, o pasado ano a Concellaría de Cultura destinou 379.000 euros para o acondicionamento e instalacións interiores. Xaora aquel proxecto inicial, bautizado como Centro Galego da Fotografía, foi deseñado para instalar as valiosas coleccións fotográficas municipais (os arquivos Pacheco, Ksado, Fotobienal e Vigo Visións) e promover a creación e difusión da fotografía contemporánea. Integrado formalmente na Rede de Museos do concello de Vigo, en proceso de profunda reestruturación, o CAFVI foi aberto parcialmente e de forma apresurada, coa fallida exposición de Pacheco que comentamos, coincidindo co inicio da campaña electoral.

Vigo é a capital fotográfica de Galicia. Foino pola transcendencia do traballo dos seus fotógrafos pioneiros, dende Prosperi, Pacheco e Llanos até o dos seus fotógrafos amadores, como Ricardo Terré e Rainieiro Fernández. Foino polo traballo dos seus fotoxonalistas, como Bene, Magar e Cameselle, e o dos seus fotógrafos de estudio, como Mary Quintero e o seu irmán Roberto. Foino pola excelencia da súa Fotobienal, creada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, unha actividade cultural internacional de primeira, capaz de xerar unha extraordinaria colección de máis de mil duascentas pezas nas que Vigo quedou retratada por algúns dos fotógrafos contemporáneoas máis importantes do mundo. Eis a materia prima sobre a que recuperar o proxecto cultural do Centro Galego da Fotografía, inserido no redeseño en profundidade de toda a rede museística, que sofre unha crise estrutural. Vigo conta cun hiperquipamento museístico no entorno dunha grave indixencia do seu uso, un paradoxo ao que non son alleos o fracaso dalgúns proxectos de musealización, a indiferencia dos públicos e, sobre todo, a precariedade orzamentaria das administracións públicas, sobre todo da Xunta de Galicia e Goberno de España. Neste contexto, a nova concellaría de Cultura debe deseñar a conciencia o proxecto do CAFVI para evitar os erros da súa primeira mostra.

 

Un éxito colectivo

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre as orixes dos Premios da Crítica Galicia, que se celebrarán na edición 2012 o vindeiro sábado, 17 de novembro.

O pasado venres publicouse nestas páxinas de “Faro” unha reportaxe de Amaia Mauleón sobre os Premios da Crítica Galicia con motivo do seu 35 aniversario. Ilustraban o texto senllas fotografías de Magar e outra do desaparecido Llanos nas que puidemos identificar a relevancia que estes premios, creados en 1978 polo Círculo Ourensán Vigués, a entidade recreativa da rúa Venezuela daquela presidida polo libreiro Bieito Ledo, tiveron para a cultura galega.

Na primeira das fotos, a que máis me impactou, aparecen as sete persoas que formaron parte do primeiro xurado de creación literaria, o que escollería como gañador o poemario “Mar e naufraxio” de Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudos Sociales (CIES). Na foto de Magar aparecen arredor de dúas mesas rectangualres seis homes barbados e unha única muller, a profesora de literatura galega Pilar Vázquez Cuesta. O catedrático Emilio de Gregorio, secretario do xurado en representación do Círculo Ourensán, e Basilio Losada, profesor da Universidade de Barcelona, acompañaban a catro dos escritores máis relevantes da literatura galega das últimas cinco décadas Carlos Casares, Paco Martín, Xosé Luís Méndez Ferrín e o poeta Celso Emilio Ferreiro, un ano antes do seu pasamento. Este xurado de auténtica excepción afirmou no texto do seu ditame que no libro de Pexegueiro se realiza “un esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega”, ademais de salientar tamén o interese doutra obra que considerou longamente, “Silabario da turbina” do colectivo poético Rompente, “que mostra unhas especiais caraterísticas renovadoras no que facer poético”. Dende aquela, a creación literaria en galego, como o conxunto da oferta editorial galega, deu un chimpo de xigante. Paga a pena lembrar que entón se editaban en galego cada ano apenas 150 títulos, mentres que na actualidade, a pesar das dificultades das crises da industria editorial, son bastantes máis de dous mil. Foi, pois, aquel do Hotel Samil un decisivo momento alboral dun proceso de crecemento, ao que os Premios da Crítica nunca serían alleos.

Mais a foto de Magar, que sen dúbida pasará á historia da literatura galega, non informaba sobre o que sucedía extramuros daquel cuarto do Hotel Samil, onde se celebraron as deliberacións, ou do salón onde aquel 16 de maio tivo lugar a primeira “Cea das Letras”, na que é ben lembrar que cada un dos asistentes, o certo que de moi diversa condición, pagou as 800 pesetas do menú. Extramuros fervía o Vigo revolcado, que comezaba a enfrontar a primeira das súas nunca concluídas reconversións navais, unha cidade que sofría un momento de devalo económico, ao tempo que coas liberdades, aínda non completamente conquistadas, os partidos e forzas políticas abordaban o complexo debate do texto constitucional e das aspiracións da nación galega ao seu autogoberno e á recuperación plena da súa lingua e da súa cultura.

Nese fervedoiro social e político, que foi tempo de incertezas e oportunidades, cocéronse as primeiras edicións dos Premios da Crítica Galicia. Impulsados por unha xeración entusiasta de profesionais vigueses, pertencentes a un espectro político plural, mais vinculados coa esquerda e co galeguismo, os Premios da Crítica (nacidos primixeniamente co nome de “Premios Martín Codax”), como outras actividades organizadas polo Círculo Ourensán Vigués (Romería das Letras Galegas en Castrelos, Semana da Cultura Galega no norte de Portugal) acreditaron na potencia das iniciativas da sociedade civil e na consideración da cultura e a lingua galegas como un patrimonio de todos. Iniciativas todas as tres alicerzadas sobre un xeito mancomunado de entender o país e un traballo cultural “vivo e incitante”, co que se pretendía, lonxe de calquera intención elitista, “chegar a amplos sectores sociais”, por utilizar os termos dos seus textos fundacionais.

Ese espírito de galeguismo aberto, inequivocamente integrador e antiseitario, esa vocación de presentar a cultura galega na súa verdadeira estatura e diversidade (dende a creación literaria, a investigación, o ensaio, atá a iniciativa cultural, o disco, as artes plásticas, escénicas e audiovisuais), sen complexos nin chovinismos, permitíu a consolidación e a continuidade ininterrompida dos Premios da Crítica Galicia, a pesar das dificultades económicas e das circunstancias políticas de tres décadas e un lustro. A forza destes Premios, que na súa edición 2012 se fallarán o vindeiro sábado, 17 de novembro, debeuse tanto a ese espírito agarimeiro como á grande vitalidade da cultura galega, representada por esas máis de duascentas persoas e entidades que premiadas nas diversas modalidades ao longo da súa historia. Un éxito colectivo!

Onte 66: Magar

Non faltamos á cea benéfica organizada pola Fundación Magar que promove a investigación para a cura da acondroplasia. Unha oportunidade para apoiar o traballo solidiario e xeneroso do veterano fotógrafo, que traballou en Faro de Vigo dende os anos nos que o dirixía Álvaro Cunqueiro. Tras compartir con Manolo Magar a edición de tres libros antolóxicos, queremos e admiramos a un humilde fotógrafo de prensa capaz de tomarlle o latexo coma ningún outro ao Vigo dos últimos cincuenta anos, unha cidade revolcada e moi complexa. Un labor extraordinario, aínda non suficientemente recoñecido, que non se pode perder de maneira ningunha e que debería formar parte do patrimonio documental de Galicia. O arquivo de Magar, como o de Bene, o de Cameselle, como o de Llanos (hoxe no Museo de Ribadavia), como o de Pacheco (propiedade do concello de Vigo), como o dos fotógrafos afeccionados vigueses máis destacados (Ricardo Terré ou Raineiro Fernández), como os das Vigovisións das fotobienais deberían formar parte dun grande e moderno Centro Fotográfico de Galicia, tamén arquivo da memoria viguesa do século XX. Un soño posible a considerar dentro da necesaria reconversión da rede museística viguesa.