Lin esta semana «La Cultura en España 2018», un informe interesantísimo preparado pola Fundación Contemporánea de «La Fábrica», entidade creada coa intención de contribuír ao desenvolvemento profesional do sector cultural en España, para o que desenvolve actividades de encontro, formación, análise e apoio a emprendedores. Unha esculca confeccionada a partir das escollas realizadas por un milleiro de expertos dos diversos eidos da cultura, tanto nos ámbitos da actividade privada como da xestión pública. Un informe no que se clasifican as comunidades autónomas e as cidades españolas no que se refire ao seu momento actual de creación e repercusión internacional nos diversos eidos da cultura, dende a gastronomía e o deseño (as manifestacións culturais hoxe máis valoradas en España), pasando pola literatura, moda, fotografía e arquitectura, até as artes plásticas, teatro, danza, vídeo arte e música clásica, contemporánea e popular.
Un observatorio de referencia no seguimento da actividade cultural en España, dende que comezou a ser publicado en 2009, no que a nivel de Comunidades Autónomas, Galicia ocupa en 2018 a sétima posición, na metade da táboa, nun ránking encabezado pola Comunidade de Madrid, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valencia e Castela e León. Clasificación que a nivel de cidades pola calidade e innovación da súa oferta cultural encabezan Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Málaga, Sevilla e Donostia e na que dentro das primeiras trinta e dúas citadas só aparecen dúas galegas: Santiago de Compostela, na décimo segunda, e A Coruña, na décimo quinta. Unha táboa da que en 2018 forman parte cidades como Xixón, León, Cáceres, Cuenca, Segovia, Gasteiz, Alacante ou Logroño, da que Vigo desapareceu en 2011, cando ocupaba a décimo sétima posición, e da que formaba parte dende o primeiro informe, como décimo quinta cidade pola innovación da súa oferta cultural.
Ránking tamén dos acontecementos e institucións culturais mellor valorados de 2018, encabezado polo Museo do Prado, o Museo Reina Sofía, o Museo Guggenheim, o Teatro Real e o Festival de Cine de Donostia, e no que non aparece referencia ningunha a Galicia nunha relación de 75. Xaora, por ventura, existe unha táboa específica de mellores eventos e acontecementos culturais en Galicia do ano 2018 encabezada por (S8) Mostra de cinema periférico (A Coruña), Culturgal. Feira das Industrias Culturais (Pontevedra), Cineuropa (Santiago) e Resurrection Fest (Viveiro). Relación que até trece referencias se completa co Festival Noroeste (A Coruña), Festival Sin Sal de San Simón (Redondela), Teatro Rosalía de Castro (A Coruña), MAC. Museo de Arte Contemporánea (A Coruña), Cidade da Cultura (Santiago), WOS Festival (Santiago), Auditorio de Galicia (Santiago), FIOT. Festival Internacional de Teatro (Carballo) e Corto Circuíto. Festival Internacional de Cine (Santiago).
Clasificacións diversas, que recoñecen a excelencia e o atractivo da oferta cultural en toda a súa diversidade nas que chama poderosamente a atención que non apareza por ningures referencias a institucións ou acontecementos culturais celebrados na cidade de Vigo. Unha desaparición en toda regra que constitúe outro síntoma do triste devalo cultural da cidade que durante décadas encabezou no século XX o dinamismo da creación cultural en Galicia, liderado que sempre lle foi recoñecido en España, onde era considerada unha referencia. Unha ausencia que obriga a todas as administracións que operan sobre a cidade, dende o concello, a deputación e á Xunta de Galicia e Goberno de España, a reconsiderar a súa estratexia cultural, absolutamente incompatible cunha cidade que leva a anovación cultural no seu ADN e que por ventura e contra vento e marea continúa sendo a capital editorial de Galicia e un dos referentes de edición máis dinámicos da península.
Ben sei que as razóns deste devalo obedecen a causas diversas, ás que non alleas nin o conformismo no que caeu o sector da cultura como a ausencia de políticas culturais públicas estratéxicas, compartidas de forma corresponsable polas diversas administracións e xestionadas de forma autónoma polos profesionais. Abonda con rañar unha miguiña nos conflitos do MARCO, do Centro de Arte Fotográfica, do Marisquiño ou da imposibilidade de pór en marcha a Biblioteca do Estado, para comprender que na cultura en Vigo hai que volver a colocar o contador a cero. Se queremos regresar ao ránking das cidades españolas que contan algo en cultura (non fai falta ser a primeira do mundo), Vigo debe compartir un proxecto plural, participado e profesional no que se xoga a súa identidade e lextimidade para liderar o proxecto comunitario galego e atlántico. No eido cultural, outro Vigo é posible, claro que si.