Listado de la etiqueta: culturgal

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 449: Gústame o galego en Cultugal

Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de  ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.

O máis destacado no eido da lectura en Galicia (2010)

Propóñome ao longo desta derradeira semana do ano escribir varias anotacións de balance sobre o que entendo foron as noticias máis destacadas no eido da lectura neste 2010 que remata:

  1. O premio Fipresci que en Cannes recibiu Todos vós sodes capitáns, a película de Oliver Laxe [a pesar de tratarse de cinema, é unha noticia claramente literaria, polas características da obra e o discurso do seu director]
  2. A lección de coherencia e dignidade do escritor Agustín Fernández Paz.
  3. A consolidación do proxecto do plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.
  4. O fracaso do Ano [bonsai] do Libro e da Lectura de Galicia.
  5. O éxito de público e de lectores dun bo monllo de novelas publicadas ou premiadas ao longo do ano: A intervención de Teresa Moure, O Cabo do Mundo [Premio da Crítica] de Xabier Quiroga, Sete palabras [Premio da Crítica Galicia] de Suso de Toro,  Denso recendo a salgado de Manuel Portas, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Todo é silencio de Manuel Rivas, Periferia de Iolanda Zúñiga, Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz… [desculpas por non poder citar outras tantas novelas valiosas publicadas en 2010] Un feito que demostra a vitalidade da nosa ficción e o apoio da sociedade de lectores e lectoras, ao que non son alleos o funcionamento dos Clubes de Lectura das bibliotecas públicas, outro dos fenónomenos culturais do ano.

Iniciativas ás que habería que engadir outras  tan interesantes como foron a creación do Clúster da Edición, librería e comercialización; a recuperación de Cultugal, da man dunha asociación intergremial de industrias culturais; os primeiros libros dixitais infantís en galego da editorial Galaxia; os booktrailers de Xerais, distribuídos na TVG e Internet; a posta en marcha de Redelibros, como a primeira rede social de lectura en Galicia; as actividades de asociacións de voluntariado pola lectura como Espazo Lectura ou a celebración dos Galeuscas de escritores na Coruña.

Culturgal volve a Pontevedra

Hoxe presentamos a edición do Culturgal 2010. A Feira das Industrias Culturais Galegas do 26 ao 28 de novembro volve ao Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, o berce onde recibiu os seus primeiros aloumiños en 2007. Un Culturgal moi renovado organizativamente, máis sólido ca noutrora xa que está alicerzado no traballo de seis asociacións de profesionais da industria cultural galega: os editores da AGE, as empresas musicais AGEM, os editores musicais de AGAPHONO, as empresas de Internet de EGANET, os produtores audiovisuais de AGAPI e os membros de ESCENA GALEGA. Un Culturgal austero, como corresponde ao memomento que vivimos, que contará co patrocinio de AGADIC, o concello de Pontevedra e o amparo do programa CREATIVA.  Xa haberá tempo de anunciar o programa de actividades deste Culturgal, hoxe saudamos este esforzo de traballo en man común dos diversos sectores da cultura galega. Eis a arte da unidade en tempos de crise.

Constituída a asociación «Culturgal»

Esta noticia non debe pasar desapercibida: o pasado mércores catro asociacións profesionais da industria cultural galega (AGE, AGAPHONO, AGEM e ESCENA GALEGA) asinaron a acta da constitución da Asociación Culturgal e nomearon a súa primeira xunta directiva. A nova entidade, que ten como primeiro presidente ao editor Xulio Amigo e na que está previsto se incorporen decontado outras dúas novas entidades (EGANET e AGAPI), será a encargada de organizar o vindeiro CULTURGAL, a feira das industrias culturais galegas, que (moi probablemente) se celebrará nas instalacións de Palexco da Coruña durante a segunda fin de semana do vindeiro mes de decembro. Culmínase, deste xeito, un proceso de colaboración entre os distintos sectores da industria cultural galega coa intención de procurar sinerxias entre eles e crear maiores espazos de visibilidade e presenza diante do público galego. Unha noticia moi esperanzadora para consolidar dende a independencia profesional un evento clave para o futuro das nosas industrias culturais.