Listado de la etiqueta: alberto_núñez_feijoo

Onte 977: «Poemas galegos»

Feijoo_V_TV

O título de dous libros literarios malogrou a que fora unha entrevista tranquila para Alberto Nuñez Feijoo en V Televisión. O seu compromiso epidérmico coa literatura galega púxose en evidencia cando (1:05:30) confundiu o título de Cantares gallegos e comparou as obras de Rosalía co título dunha novela. Nada que poida sorprender de quen tan escasamente se ten ocupado da industria editorial en Galicia e do futuro da literatura galega, fóra da lectura dos seus discursos (xeralmente excelentes) nas datas ritualizadas e da rotina dos actos académicos e institucionais. A pesar da situación dramática do sector do libro, da perda de emprego dun corenta por cento, da mudanza de paradigma ou dos proxectos de dixitalización educativa, en cinco anos o presidente da Xunta non atopou razón para recibir á xunta directiva da Asociación Galega de Editores. Un comportamento ben diferente ao dos presidentes Emilio Pérez Touriño e Manuel Fraga cos que o sector editorial mantivo contacto directo e permanente. Ben sei que hoxe se repetirán as gabanzas rituais (e mesmo os ditirambos) a lingua e literatura galegas. Ben sei, mais non abonda.

Onte 904: A plataforma de contidos dixitais de Abalar

Foi o propio presidente da Xunta quen onte presentou a continuidade do programa Abalar para os tres vindeiros cursos e para o dez por cento do alumnado do ensino non universitario de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. A novidade do anunciado reside na creación dunha «plataforma de contidos curriculares dixitais na que estará ao completo a materia de cada curso», da que nada sabemos nin fomos informados os profesionais da edición educativa en Galicia nin do sector da libraría. Ademais deste «enigma», valorado por Feijoo en 3,6 millóns de euros, chama a atención que a Xunta continúe optando por un modelo de contido dixital educativo redistribuído (sen conexión á rede) e apostando por un modelo de «educación dixital completa», que elimine o uso dos soportes impresos, «eses perigosos e caros libros impresos». Abandónase así a estratexia de hibridación dixital de todo o sistema educativo, no que se utilizan ambos os dous tipos de soportes e no que se privilexia o desenvolvemento da competencia dixital e das competencias de comunicación lingüística, aconsellada de forma reiterada nos documentos da LOMCE. Temo que como xa sucedera coa potenciación da ensinanzas do inglés, que xustificou o retroceso do emprego do galego como lingua vehicular, a dixitalización das aulas sexa utilizada como ferramenta da mercadotecnia política.

Onte 795: Pavillón de Baiona

A foto corresponde á inauguración o sábado do renovado Pavillón Municipal de Deportes de Baiona. Aparecen o presidente Feijoo, acompañado de Jesús Vázquez Almuiña (alcalde), José Manuel Lete (secretario xeral para o Deporte), Rafael Louzán (presidente da Deputación de Pontevedra) e María José Bravo Bosch (delegada da Xunta en Vigo). O que chama a atención da foto non é a actitude dos políticos populares, se non a creación lingüística bífida, ese imposible palabro «pavibellon», coa que o recinto deportivo de Covaterreña foi rebautizado nunha neolingua ridícula e imposible. Unha mostra máis da obsesión por modificar os usos lingüísticos normalizados e consolidados en espazos públicos en galego que manteñen algúns políticos, como sucede neste caso co alcalde Baiona. Por fortuna, no Facebook da instalación deportiva continúa a denominación en galego. Sen dúbida, para evitar estas decisións tan ridículas precisamos maiores doses de sentidiño e de amor pola lingua propia dos munícipes, ademais de maior rigor na execución de obras e proxectos como no respecto ao establecido na Lei de Normalización Lingüistica por parte dos responsables municipais e do resto das administracións participantes. Feijoo, Lete, Louzán ou Bosch fixéronlle algunha consideración a este teor ao alcalde Almuíña?

Onte 740: Gratitude

Non foi onte un día que comezase con grandes doses de temperanza. Primeiro foi a indignación que me produciron as declaracións do presidente Feijóo cualificando de «chiste» as palabras do alcalde de Beariz apoiando a Franco. Logo chegaron as de Jesús Vázquez cualificando de «non demócratas» ás persoas que nos opoñemos ao decreto de plurilingüismo e esvarando supostas complicidades co terrorismo aos que criticamos un decreto corrixido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non o nego, quedei moi doído e desacougado por tan inxustas e inconcebibles cualificacións. E non é doado para min facer o esforzo de moderación necesario para evitar o mesmo erro no que caíu o conselleiro de Educación. A lingua é un patrimonio de TODOS e o seu futuro é responsabilidade de TODOS. Non hai volta nin mellores argumentos para o caso. Por fortuna, á primeira hora da tarde chegou a chamada agradecida e agarimosa de Josefina Fernández Mosquera, a viúva de Olimpio Liste. Foi unha beizón e un acougo. Unha conversa telefónica de apenas cinco minutos capaz de me demostrar que aínda existen as persoas boas e xenerosas. A miña profunda gratitude para dona Fina pola súa temperanza en momentos tan difíciles para ela.

Onte 712: O paseíño de Ribadumia

Rajoy concedeulle ao Partido Popular de Galicia o protagonismo do paseíño de Ribadumia. Apenas oitocentos metros para ser acompañado no seu esforzo atlético por vinte dos mandos galegos máis escollidos, acompañados polo agarimo das cámaras e moi lonxe da incomodidade dos micrófonos. Un paseíño saudable, un xesto deportivo previo a un cumprido xantar galego (seguro que baixo unha carpa) de polbo e carne ao caldeiro cun cento de dirixentes coidadosamente convidados por Rueda e Louzán. Un limiar, tamen, da mobilización do vindeiro sábado en Soutomaior na que, por fin, o presidente anunciará a saída da crise económica.

Para os responsables do gabinete de comunicación de Rajoy a intención do paseíño de Ribadumia é expresar o acougo do presidente no seu retiro galaico, alleo ás mentiras de Bárcenas e de Pedro Jota e aos ruxerruxes e intrigas madrileñas do partido. Para os responsables do PPG, o paseíño é outra demostración  do peso e da influencia sobre o presidente da organización galega, capaz de arroupar a Mariano nos transos máis difíciles. Mágoa que estas intencionalidades mediáticas se fagan a costa da dignidade dos medios chamados para fotografar o paripé e a percorrer en diferido as pegadas dos zapatos (as zapatillas son para os paseos de seis quilómetros) de Rajoy. Con todo, ao paseíño de Ribadumia pode tirárselle máis miga do que parece.

Teño para min que tras o estraño empeño da presidencia do Goberno por parte de Rajoy vai ser moi difícil para o Partido Popular de Galicia volver upar a un dos seus dirixentes an Madrid. Nas fotos do paseíño percíbese que o fulgor de Feijóo decaeu un chisco. O noso presidente semella triste. Tan activo hai un par de anos nos medios madrileños, nesta lexislatura diminuíu notablemente a súa aura e xa non se presenta con aquelas ínfulas de renovación que acredita a condición de sucesor. Un decaemento ao que non foron alleos nin os efectos das fotos co narcotraficante Marcial Dorado nin a aparición das informacións sobre unha posible conexión galega do caso Bárcenas e de presunto financiamento ilegal do PPG, probablemente filtradas dende as proximidades de Genova.

Como tamén é significativo que na comitiva deportiva non apareza en posicións destacadas (mesmo non sabemos se participou no xantar) o responsable do partido (e da deputación) en Ourense. Un «detalle» que expresa xerarquía, mais que con certeza non se repetirá en Soutomaior. Como tamén é salientable a presenza protagonista de Carlos Negreira (un home que non perde o sorriso), responsable do PP na Coruña, íntimo de Feijóo, como do conselleiro Hernández, asumindo ambos os dous cada día un maior protagonismo nos medios. Dos dirixentes populares vigueses, amortizada Corina Porro, xa só queda Chema Figueroa e Enrique López Veiga, confirmados así como aspirantes a baterse en duelo co alcadismo de Abel Caballero. Así  é de sufridiña a política popular.

Onte 707: Almunia, Rajoy e Novagalicia

Joaquín Almunia, o comisario europeo da Competencia, confesou por escrito á comisión de investigación do Parlamento Galego sobre a fusión das caixas que o Goberno de Mariano Rajoy foi o responsable da decisión de considerar a Novagalicia banco como entidade «non sistémica». Un eufemismo da prosa financeira tras o que se agocha a responsabilidade do Partido Popular de levar o vindeiro outono á que foi a entidade financeira galega de referencia a «unha poxa» (moi incerta) e a súa conseguinte desaparición. Como tamén, segundo o mesmo escrito de Almunia, non existiu por parte dos membros da Comisión Europea límite sobre o número de preferentistas que poderían acollerse ao procedemento de arbitraxe, contradicindo así a versión coa que Goberno Rajoy elude a súa responsabilidade diante dos preferentistas aos que se lles anunciou a liquidación das súas accións. Sexa coma conta Almunia ou como o fixera Rajoy, o que semella certo é que por moito que se esforce en agochalo o presidente Feijoo –convertindo a Almunia no inimigo número un de Galicia, como culpable da tax-lease e deste lea financeira– as previsións liquidacionistas que manexa o Goberno do Partido Popular e o Banco de España sobre o futuro do NGB poden ser outro golpe moi duro para o futuro de Galicia como espazo económico e político de seu. Hai aínda algunha posibilidade para evitalo? Vaia reentrada de outono que nos agarda!

Un Vigo de primeira

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a precaria situación política e económica de Vigo e a súa área metropolitana.

O estourido de ledicia colectiva do serán do sábado, tras a proeza do Celta de acadar a permanencia no derradeiro partido de liga, produciuse cando Vigo sofre outro do seus momentos máis críticos e máis dolorosos da súa historia recente. Contradicindo as escasas probabilidades matemáticas, estoutro éxito histórico celeste amosa a importancia no eido do xogo (o territorio do simbólico) de acreditar sempre nas propias posibilidades (como defendeu contra vento e marea o adestrador Abel Resino) e na necesidade de contar cun proxecto propio (o da canteira da Madroa) que axude a enxergar o horizonte nos días de brétema.

No territorio do real, a crise está sendo durísima coa área metropolitana viguesa, que sofre unha taxa de desemprego (23,5%) moi por riba da media galega. As centrais sindicais estiman que xa son máis de 50.000 as persoas desempregadas da nosa veciñanza, unha cifra elevadísima nunca superada até agora. Tras a perda e o expolio da caixa de aforros e tras a estafa aos 60.000 afectados polas participacións preferentes e subordinadas da NGB, Vigo carece do instrumento financeiro indispensable para manter vivo o tecido as súas pemes e dos seus sectores económicos de referencia. Un problema gravísimo ao que non é alleo o peche de centos de comercios e de servizos, un panorama desolador nalgunhas das nosas rúas. Coa afortunada excepción da automoción, que este ano resiste grazas a posta en marcha na cadea de montaxe dos novos modelos de Citroën, o noso sector industrial continúa no túnel máis escuro, sobre todo o da construción naval, sometido á espada de Damocles da devolución por parte dos estaleiros das cantidades do tax-lease e dos enigmas provocados pola entrada en Barreras da mexicana Pemex como accionista maioritario. Se iso xa non abondase, a crise financeira e de xestión do grupo Pescanova, a primeira transnacional viguesa, engade un maior dramatismo á situación económica e ao futuro da área metropolitana.

Tampouco corren ventos propicios para Vigo no eido das políticas públicas. Á crise do aeroporto de Peinador, agonizante pola perda de frecuencias, pola deterioración dos servizos e polo incremento dos prezos dos billetes, únese agora á do porto, que agotou as súas opcións de ser incluído como porto nodal na Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T). Unha decisión da Comisión e da Eurocámara que convertirá á nosa terminal portuaria en subsidiaria das de Xixón e da Coruña. Un fracaso rotundo do porto de Vigo á que non é allea a dificultade da súa conexión coa rede ferroviaria de velocidade alta, que tardará aínda anos en chegar ás Rías Baixas.

E como non hai dúa sen tres nin catro, o ministro Gallardón co seu anteproxecto de reforma da Lei de Demarcación e Planta ameaza con dinamitar o partido xudicial vigués, o que prexudicaría a medio milleiro de funcionarios de Xustiza e diminuiría as posibilidades de acceso a case medio millóns de persoas usuarias deste servizo básico na área viguesa. Tampouco axuda ao optimismo a paralización sine die das obras do hospital de Valadares, no que está fracasando o modelo de construción e xestión privada, tanto no seu financiamento coma na xestión da UTE adxudicataria. Como é preocupante como quedou nas pedras o Auditorio Mar de Vigo de Beiramar, cuxo funcionamento moi por baixo do previsto ameaza con arruinar as arcas do concello no caso dunha reclamación da adxudicataria da concesión.

Situación crítica de infraestruturas e servizos públicos, como de empresas vitais para a economía de Vigo e a súa área metropolitana, á que non é allea, nuns casos, a inacción, noutros, o fracaso das políticas da Xunta de Galicia e do Gobierno de España, ambas as dúas en mans do Partido Popular. Sen menoscabo da responsabilidade que nalgunhas destas cuestións tivese o concello de Vigo, gobernado en minoría polo PSdeG-PSOE, co apoio na aprobación dos orzamentos anuais do BNG. É incomprensible, por non berrar indignante, que Vigo e a súa área metropolitana, a pesar da súa potencialidade demográfica e económica, non forme parte das prioridades dos gobernos de Rajoy e Feijóo.

Afastados de calquera localismo chovinista, o proxecto do Vigo metropolitano, o motor dos dinamismos de Galicia, merece unha abordaxe política preferente e proactiva. Paga a pena tomar boa nota da lección que no eido simbólico proporcionou o Celta sobre a lameira do Fragoso. A pesar da dureza e das dificultades da crise en días bretemosos, sei que Vigo pode desenvolver as súas potencialidades con toda a súa capacidade de resistencia cívica e con todo o pulo do seu dinamismo empresarial, só así poderá continuar sendo unha cidade primeira en igualdade de oportunidades e benestar cidadán. Un obxectivo que, sen excepción ningunha,  debe unirnos coma esta ledicia fugaz da permanencia celeste.

Onte 594: Emocións

Comprendo a indignación que Beiras expresou onte no Parlamento Galego de forma abrupta exixindo un pouco de ética a Feijóo que volvía ofendelo de forma moi groseira e desapiadada. O comportamento de Beiras, que simboliza a indignación cidadá ante un xeito amoral e utilitarista de entender a política, non sería noticioso noutros parlamentos europeos (como a Cámara dos Comúns) onde se adoitan admitir estas expresións emotivas. Mágoa que o incidente agochase o desenvolvemento dunha sesión patética, na que o presidente da Xunta se negou a contestar as preguntas dos tres grupos da oposición sobre as súas relacións de amizade co narcotraficante Dorado, onde reside a cerna do interese e da indignación cidadá. Moi malas trazas ten este inicio de lexislatura parlamentaria, cando máis se precisa un debate político a corpo aberto sobre a situación crítica dun país desangrado socialmente (300.000 parados) e onde o seu goberno desacredita as competencias do seu autogoberno.

Onte 574: Sen memoria

Feijoo confesou onte que non lembraba todas e cada unha das cousas que fixo cando estaba no instituto. Na súa comparecencia diante dos medios dixo que non lembraba se foi de vacacións con Marcial Dorado a Andorra ou a Picos de Europa. Nada dixo entón das viaxes que semella fixo a Cascais e Ibiza nin das chamadas rexistradas polo xuíz Vázquez Taín de 2001 a 2003. Feijoo é unha persoa sen memoria. Eis quizais resida a clave do éxito da súa meteórica carreira política. Dá medo!

Onte 566: As contas do Gaiás

A cerna da deboura do Gaiás está agora en coñecer canto lle vai custar ao pobo galego indemnizar a Copasa, Acciona e OHL, as construtoras adxudicatarias das obras paralizadas de forma definitiva. Ben sería que para afrontar este transo coa maior transparencia, o Goberno Galego presentase en sede parlamentaria, onde foi aprobado o aborto do proxecto, as contas todas do Gaiás dende o inicio do proxecto, pasando polas súas diferentes reformulacións, até o proxecto do seu peche e usos futuros. Algo semella non cadrar. Feijoo fala de 287 millóns investidos nos catro edificios finalizados, mentres outras fontes falan xa de 400 millóns. Tampouco cadran os 170 millóns de euros que Feijoo di se aforrarían co peche do proxecto, mentres que as obras adxudicadas (Teatro e Centro de Arte), en 2005 cando Feijoo formaba parte do último Goberno Fraga, o foron por 112 millóns. O PSdeG-PSOE cifra en 18 millóns de euros a indeminización ás construtoras, mentres o pintoresco alcalde de Santiago rivaliza co presidente da Xunta afirmando que non acredita nesta teoría do punto e final de Gaiás. Sexan estas cifras ou calquera outras, o do Gaiás é o grande fracaso cultural do Partido Popular de Galicia, un capricho de Fraga que nos vai saír por un ollo da cara. Con todo o que está caíndo, con todo o que se está sabendo sobre as prácticas daquel período, as contas do Gaiás merecen unha investigación no Parlamento Galego de gran calado. Que menos!