Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Luces de longo alcance

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a instalación en Vigo da decoración e dun mercado de Nadal:

Pertenzo a esa parte da veciñanza viguesa que non comparte o entusiasmo da alcaldía pola celebración do Nadal convertendo o espazo público do centro nun parque temático. Unha desmesura de non sei cantos millóns de leds e da instalación de non se sabe cantas atraccións de feira que, máis alá das brincadeiras do primeiro edil nos estudios abusando do emprego de adxectivos en grao superlativo, afonda nunha coidada estratexia política de xentrificación do modelo urbano até facer case irrecoñecible Vigo á súa propia veciñanza.

Para relucir Vigo non precisa iluminar con milleiros de luces a Araucaria excelsa da Alameda, o indiscutible teito centenario do noso primeiro xardín urbano, chantada alí dende antes de 1880, e dende entón tinguida pola luz atlántica que acoitela a brétema sobre a ría. Como tampouco semella moi razoable instalar luces noutras árbores case centenarias da Praza de Compostela cargándoas co cableado e estresándoas coas tarefas de colocación e retirado.

Non é a mellor solución instalar un mercadiño de Nadal na Alameda coas súas estruturas, cables, pérgolas, altofalantes e case un cento de casetas de restauración, artesanía e vestiario sobre un espazo tan sensible como o deste xardín no que dende hai décadas medran até 45 especies arbóreas, algunhas delas protexidas, incluídas no catálogo de árbores singulares viguesas, como magnolias, castiñeiras de indias, teixos, nogueiras americanas, estripeiros, casuarinas, pradairos, entre outras. Como é tamén desafortunado que se modifique a atmosfera deste noso xardín botánico utilizando 27 canóns de neve artificial tres veces o día.

Tras a remodelación de 1925, na que foi derrubado o enreixado e o palco da música, concibiuse a Alameda como un filtro urbano natural que illase o rebumbio da cidade e o do porto. Artellouse así como asociación vexetal ornamental con cadansúa franxa de luz e sombra, coa súa cadencia de árbores en ringleira, estanques e parterres florais. Un deseño que amosa o claro interese botánico que hai máis dun século existía naquel Vigo portuario e cosmopolita capaz de transformar a alameda do ensanche de García Olloqui nun espazo interxeracional de calma, paseo demorado, encontro e conversa sosegada, onde ademais se podían escoitar os trilos de andoriñas e outras aves urbanas.

Aquel espírito xenuíno de xardín da Alameda quedou forxado nunha placa histórica de ferro, instalada no paseo central, na que aínda se pode ler: «Sendo estes xardíns propiedade de todos os cidadáns a todos eles interesa a súa conservación. Por isto os pon baixo o seu coidado e vixilancia. O Alcalde». Chamamento ao exercicio dun civismo que non perdeu vixencia ningunha e que debería ser asumido tamén polos responsables deste mercadiño para o que con certeza atoparíase unha localización máis idónea nas instalacións portuarias.

Xaora, como sinala Marcos Calveiro nas recomendabilísimas páxinas de Todos fomos (Xerais 2021), novela de intriga cen por cen viguesa, ambientada no esquecido barrio de Teis, a pesar de tantos millóns de luces e adornos de Nadal, Vigo continúa sendo «a xigantesca aldea caótica e desordenada que fóra sempre». Esa fronteira do alén (Ferrín dixo) «á que amamos polo seu caos e, por enriba de todo, pola súa luz; unha luz –nas palabras luminosas de Calveiro– que fai rexurdir a calquera das súas propias cinzas e reconstruírse día a día; unha luz fulcral que non se detecta en ningunha outra cidade».

Abofé que a escenografía efémera deste enorme decorado de Nadal, ademais do seu custe eléctrico e contaminación luminosa, non pode ocultar os problemas que Vigo arrastra dende hai décadas. Abonda ler as magníficas páxinas económicas de Faro de Vigo para saber que os sectores aínda básicos da economía viguesa, a automoción, as actividades portuarias e as de construción naval están ameazados; que o AVE non chegará na vindeira década nin por Cerdedo nin por Mondariz; que sacar adiante a Saída Sur ferroviaria requirirá moito esforzo colectivo ou que Peinador contará apenas coas liñas subvencionadas polo propio concello.

Neste contexto de dificultades, agravado polas incertezas dunha pandemia que non ten trazas de abandonarnos decontado, Vigo precisa con urxencia  prender outras luces, estas de longo alcance: as da memoria, as da protección do noso patrimonio natural, arquitectónico e cultural, as da planificación estratéxica e innovación, as do emprendemento, as da participación cidadá… Luces que permitirán deseñar o proxecto do que será o Vigo futuro, que aventuro como sucedeu até agora capaz, a pesar de todo, de volver a reconstruírse. E se queremos gozar de luces fermosas e de longo alcance todo o ano podemos gozar do espectáculo diario do solpor sobre as Cíes dende o Paseo de Afonso e outros miradoiros nosos.

Cancións de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro de Cancións de Xela Arias e ao regreso do grupo Desertores:

A pasada semana celebrouse a terceira e derradeira sesión do Simposio Xela Arias co que a Real Academia Galega pecha as actividades do brillantísimo ano dedicado a homenaxear a escritora viguesa. Un serán literario no que se abordou a súa actividade profesional como editora e tradutora pioneira e na que se salientou o seu carácter como artenauta interesada polo diálogo creativo da poesía con outras artes. Unha pulsión interartística iniciada coas primeiras colaboracións de Xela Arias cos pintores Xosé Guillermo e Pedro Sardiña nas páxinas dos xornais A Nosa Terra (1982) e Faro de Vigo (1984), ampliada coas letras que escribiu para o grupo vigués de rock Desertores, na segunda metade da década de 1980, que chegaría ao seu cénit no libro e na exposición Tigres coma cabalos (Xerais 1990), o seu traballo a medias co fotógrafo Xulio Gil, e que tería o seu ramo coas colaboracións con Jandro, autor da escultura do vendedor de xornais Manuel Castro da rúa do Príncipe, no marco das mobilizacións de Burla Negra (2003), co pianista Alberto Conde (1999), co compositor Antonio Pulido Cid (2000) e co clarinetista Fernando Abreu (2003) cos que ensaiou diversas performances sobre os textos de Intempériome (Espiral Maior 2003, Xerais 2021), o seu derradeiro libro de poemas.

Diálogos creativos nos que Xela se achegou ás linguaxes da ilustración, da pintura e escultura, da música e da fotografía, tamén en menor medida e de forma máis ocasional do audiovisual e do teatro, coa intención de espallar o poema fóra dos límites do libro de papel, rebotándose contra a concepción do libro como un cadáver nun anaquel, explorando nos seus numerosos recitais até onde podería chegar a comunicación poética. Unha actividade literaria expandida e hibridada pioneira, rabiosamente contemporánea, na que a autora de Denuncia do equilibrio (Xerais 1986) arriscou a explorar con escasos complexos as posibilidades creativas achegadas por estas disciplinas no seu diálogo co texto poético, coa idea, nas súas palabras, de abordar dende unha posición de rebeldía a que entendía como «a única revolución pendente: a revolución dos afectos». Unha revolución creativa insurxente que xa emerxía nos seus primeiros poemas publicados en Faro de Vigo e fancines como Katarsis nos que experimentaba de forma provocadora coa disposición dos elementos gráficos e o manexo dos espazos, unha forma de indagación que, como sinala a profesora Chus Nogueira, editora da poesía completa (Xerais 2018), expresaba un rexeitamento a un concepto compracente de poesía que pon en dúbida a orde establecida.

E como outra das serendipias afortunadas deste ano, coincidiu o remate do simposio de estudos xelísticos coa aparición nos andeis das librarías do libro-disco Cancións (Xerais 2021) no que a xornalista Teresa Cuíñas Lavandeira recompilou, traduciu para o galego e contextualizou na música do seu tempo as letras que Xela Arias escribira para Desertores. Un volume que inclúe unha gravación discográfica actual dunha ducia de temas con letras de Xela Arias, tanto os seis incluídos no primeiro disco do grupo, El Desertor (1991), os catro do segundo, El vicio de la carne (1994), como outros dous, «Detrás de ti» («Boogie») e «Nena alcohol», que permanecían inéditos. Un traballo musical excelente do veterano grupo dos oitenta formado na actualidade por Humberto Díaz (Heredia), Juan Díaz, Valerio Araújo e Francisco Araújo, presentado en concerto no Auditorio de Chapela e no Culturgal desta fin de semana, cunha acollida entusiasta do público. Un libro-disco concibido como outra peza contra o esquecemento que actualiza aquelas cancións, cuxos textos Fernando Francio definiu «labrados na area da vida», zumegando o aroma daquel Vigo húmido e revolcado, aquel «lixo de cidade», ao que se refería en «Veña, brinca xa, que o imos rebentar», noutra das letras inéditas escrita para Desertores.

A publicación deste coidado libro-disco de Cancións de Xela Arias, como a do anterior de Intempériome, que incluía a gravación do espectáculo «Vencerse é cousa de se tratar» de Fernando Abreu, no que tamén emancipaba os seus versos utilizando a música como recurso escénico, constitúe un afortunadísimo peche bibliográfico deste ano dedicado á autora que confesou que lle gustaría reencarnarse en «Lou Reed feminino» e se sentía «moitísimo máis influída polo mundo do rock and roll que polos poetas galegos». Unha escritora na que descubrimos á Patti Smith das letras galegas, encarnando a fusión de poesía e o rock. Unha poeta na que toda comunicación con ela, en palabras de Teresa Cuíñas, «sucede no seu discurso do desasosego, experto nos confíns dos rueiros, efusivo, congruente, modelado consonte as súas inclinacións en cada momento e inseparable dos seus eixes vitais».

O espírito Airas Moniz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao ditame da XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia:

Entre as sorpresas do acto de ditame e entrega dos Premios da Crítica de Galicia, celebrado en Vigo o pasado sábado, máis alá da contrastada excelencia das obras recoñecidas nas categorías literarias, outorgadas ao escritor Xesús Fraga por Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020) e ao investigador Miguel Anxo Seixas por Castelao. Construtor da nación. Tomo II (Galaxia, 2020), chamou a atención a singularidade e perfil novidoso do resto das súas oito modalidades.

Moi poucas das persoas presentes no Auditorio de Afundación sabían da figura extraordinaria de Manuel Ayaso, premiado na modalidade de Artes Plásticas, o pintor e debuxante de Aguiño (87 anos), emigrante durante seis décadas en New Jersey onde desenvolveu unha obra artística que forma parte de destacadas coleccións privadas e de museos e universidades estadounidenses. Autor dunha obra expresionista, con múltiples referencias surrealistas, a pintura de Ayaso non perdeu nunca os seus referentes primeiros no mundo do mar e nos mitos da terra natal da Barbanza que abandonou aos trece anos e a que regresou hai ben pouco.

Como tamén moi poucas seguían a Erregueté, a Revista Galega de Teatro, fundada hai corenta anos polo noso sempre admirado profesor Antón Lamapereira, hoxe a única publicación en lingua galega que se ocupa de forma monográfica das Artes Escénicas, modalidade dos premios da que foi gañadora. Dirixida na actualidade polo dramaturgo Afonso Becerra, superado o seu número 100, inicia unha nova etapa na que pretende continuar atendendo a todos os xéneros (teatro, danza e circo) e ofrecendo unha crítica seria e profesional, ademais de comezar a publicación, tan necesaria, de libros de e sobre teatro.

Tamén foi ben singular o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas outorgado a Viñetas desde o Atlántico, o evento creado hai vinte e cinco anos na Coruña polo ilustrador Miguelanxo Prado coa pretensión de achegar a linguaxe creativa da banda deseñada ao público non especializado e dar visibilidade a creadores galegos emerxentes e consagrados. Un festival que cada mes de agosto durante sete días sitúa a Galicia e aos seus artistas no mapa mundial do cómic, a ilustración e a banda deseñada.

Outrosí sucedeu co premio da modalidade de música outorgado ao pianista Alejo Amoedo, un intérprete virtuoso, coleccionista, investigador e profesor do Conservatorio Superior de Vigo comprometido coa música e os músicos de Galicia. Membro do colectivo cultural vigués Pertenza, a sinatura de Alejo Amoedo é habitual nas páxinas de Faro de Vigo e de Nós diario, como divulgador da historia musical e da posta en valor deste patrimonio galego.

Secasí non foi sorpresa o premio da modalidade de Cine e Artes Visuais outorgado a cineasta e académica Margarita Ledo pola súa produción, dirección e guión do filme Nación, a película protagonizada polas obreiras de Pontesa, un entrenzado visual estremecedor de reflexións, afectos, voces e berros, a composición filmada da sororidade, da nación como sociedade, como espazo público da comunidade. Filme feminista épico de beleza desacougante, constitúe o mellor traballo cinematográfico da autora.

Con todo, foi quizais o derradeiro dos premios entregados na matinal, o da modalidade de Cultura Gastronómica, outorgado a Queixaría Airas Moniz de Chantada o que mellor pon de manifesto a amplitude, riqueza, potencia, excelencia e a diversidade da produción cultural galega actual. Espírito que encarna o proxecto empresarial da Queixaría Airas Moniz fundada no lugar de Outeiro de San Salvador de Asma, Chantada, por Ricardo Gómez, Ana Vázquez e Xesús Mazaira. Tres ganadeiros que hai unha década decidiron darlle unha volta ao carpín a súa granxa intensiva de vacas Holstein, apostando por un modelo antagónico extensivo, o de vacas Jersey de pastoreo. E despois de seis anos de aposta paciente para bautizar o seu proxecto precursor de elaboración de queixo cru de pastoreo da súa propia explotación rescataron a figura do trobador chantadés do século XII Airas Moniz de Asma, do que se conservan dúas cantigas: «Mia senhor, vin-vos rogar» e «Pois nin non val d’eu muit’amar». Un proxecto baseado na innovación, mais ancorado na tradición, que xa recibiu para o seu queixo azul Savel o recoñecemento como mellor queixo de España (2020-2021) entre 800 referencias.

De Aguiño a Chantada, da Coruña a Vigo, este espírito de innovación e tradición Airas Moniz, chantado de forma inequívoca sobre o piar compartido do emprego do idioma, –«Non hai lingua abondo para recoñecérmonos» foi o verso de Xela Arias escollido para enmarcar a XLIVª edición destes premios da crítica– percorre a cultura galega actual que queremos grande, diversa, orgullosa e sen límites para enxergar o futuro.

Historia da cidade de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar a publicación de Breve Historia da cidade de Vigo, obra colectiva coordinada por J. Miguel González Fernández, publicada polo Instituto de Estudios Vigueses:

A publicación de Breve historia da cidade de Vigo, o libro colectivo coordinado por J. Miguel González Fernández e publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, constitúe un fito na historiografía viguesa como no catálogo de publicacións da nosa entidade de estudos locais. Seguindo o fío diacrónico e cun afán de alta divulgación non exento de rigor, o libro ofrece en case trescentas páxinas as claves sobre as que se alicerza a historia de Vigo e a súa área xeográfica. Un percorrido «Dende o Vigo prehistórico ao do final do Imperio Romano», estudado por Ramón Patiño Gómez e Fernando J. Costas Goberna, que presentan o patrimonio de gravados rupestres, poboamentos castrexos, vilas e instalacións de salgadura romanas. Percorrido continuado polos vieiros pouco coñecidos do Vigo medieval do poeta Martín Codax e das igrexas románicas de Castrelos, Coruxo e Bembrive, enfiados no relato de Elisa Pereira García. Vila amurallada e próspero porto pesqueiro e comercial atlántico, presentada de forma moi documentada e atractiva polo coordinador do volume no capítulo esencial dedicado á Idade Moderna.

Xaora, a cerna da obra é a formación da cidade contemporánea abordada dende as perspectivas da súa evolución histórica (Xoán C. Abad Gallego), demográfica (Elena Durán Rodríguez), económica e infraestrutural (M. Pilar López Vidal), urbanística (Xosé Manuel Souto González) e social e cultural (Ceferino de Blas García). Vigo contemporáneo nacido como cidade (leal e valerosa) tras a Reconquista, episodio bélico que máis alá do seu carácter de mito iniciático, polo mérito de ser a última vila galega en ser ocupada polas tropas francesas e ao mesmo tempo a primeira que de xeito autónomo, grazas ao protagonismo das xentes da súa bisbarra, conseguiu sacudirse da bota napoleónica e comezou o proceso da súa independencia administrativa co señorío que o arcebispado de Santiago exercía dende había séculos sobre ela. Vigo que dende 1836 –coa nova lei de concellos, que crearía os de Vigo, Lavadores e Bouzas sobre o espazo xeográfico da ría e do Val do Fragoso– configurouse como municipio en bisbarra, do que forman parte as parroquias costeiras de Santa María de Vigo, Santiago de Vigo e San Salvador de Teis, penetrando cara o interior do Val do Fragoso, polas agrarias de Santo Tomé de Freixeiro, Santa María de Castrelos e San Pedro de Sárdoma.

Vigo contemporáneo desenvolto ao longo do século XIX como unha cidade portuaria cosmopolita, que medra cos empurróns das súas actividades vinculadas co mar cada vez máis diversificadas, sobre a pesca, a conserva e o tráfico transatlántico. Unha cidade que dende a segunda metade do século XIX duplicou en varias ocasións a súa poboación, construíu un impresionante perfil pétreo no seu ensanche burgués extramurallas, desenvolveu varios sectores industriais e comezou o proceso de transformación da súa morfoloxía urbana de núcleo portuario á actual cidade espallada sobre a ría e o val do Lagares. Acuñouse así o mito do Vigo como cidade puro milagre, como urbe única en Europa polo seu crecemento demográfico, industrial e inmobiliario espectacular en apenas un século, unha proeza colectiva que para os seus defensores pouco tiña que ver cunha historia reducida apenas á Reconquista, as pezas romanas e aos cadros do Museo de Castrelos. Mitos sobre os que reflexiona con ollada e coñecemento amplísimo Rafael Ojea Pérez, técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, no extraordinario prólogo do libro que comentamos; un limiar iluminador que constitúe unha peza de ouro na defensa do patrimonio cultural vigués e no seu coñecemento histórico como alicerce sobre o que construír un sinal de identidade e de orgullo colectivos, en definitiva, un novo «viguismo» asentado na Historia propia.

E nesa proposta de Ojea de identificación sólida co pasado é onde cobra todo o seu valor a publicación desta Breve historia da cidade de Vigo, que actualiza cos criterios historiográficos sólidos dos expertos do Instituto de Estudios Vigueses, achegas bibliográficas de divulgación da historia viguesa como as realizadas por José de Santiago e Gómez (1896), o cronista Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez (1949) ou as recollidas naquel Vigo en su historia (1979), obra colectiva coordinada por Álvaro Cunqueiro e Xosé María Álvarez Blázquez. Estudos incrementados de forma exponencial polos membros do IEV, algúns xa falecidos como Lalo Vázquez Gil, Xerardo Sacau, Xaime Garrido, Moncho Iglesias e Gerardo González Martín, entre outros, cuxas monografías contribuíron ao coñecemento do pasado da nosa cidade. Recomendo vivamente esta oportunísima Historia de Vigo e parabenizo ao equipo de autores e autoras do IEV pola súa aposta polo futuro desta nosa cidade milenaria.

Vigo merece outro tren

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á reclamación da mellora ferroviaria na área metropolitana de Vigo:

No Vigo actual, unha cidade sometida aos rigores da grandilocuencia e da polarización política, contamos cunha estación de velocidade alta, a chamada «Vigo Urzaiz», incrustada agora dentro dun enorme centro comercial de arquitectura de autor (Thom Mayne), o inaugurado como «Vialia Vigo»; un edificio presidido pola polémica reconstrución «decorativa» do que foi a fachada pétrea dunha estación do ferrocarril de 1878, incrustada a súa vez sobre o muro centenario do barrio de Casabranca. Unha intervención urbanística complexa sobre o que foron terreos ferroviarios, na que participan tres administracións e unha concesionaria privada francesa, adxudicataria durante 50 anos, que dota á estación de Adif de carácter intermodal coa instalación dunha estación anexa de autobuses interurbanos (aínda en construción), e conecta en túnel a rúa Lepanto coa AP-9 e a rúa García Barbón con Vía Norte por elevador escultórico. Obras que transforman o espazo público e amplían de forma moi considerable a dotación comercial e de lecer no centro da cidade, con consecuencias que polo momento se descoñecen tanto para o pequeno comercio local como para a mobilidade de vehículos e peóns nas proximidades dun punto esencial no acceso e saída da cidade.

Emporiso chama moito a atención o feito de que se inaugure aos catro ventos semellante intervención urbanística e comercial no barrio da Estación cando Adif anuncia que dende o vindeiro mes de decembro chegar de Vigo a Ourense nos trens Alvia que saen de «Vigo Urzaiz» levará case tanto tempo como a viaxe da cidade das Burgas até «Madrid Chamartín» prevista en dúas horas e cuarto. No mellor dos escenarios previstos por Adif a viaxe en tren dende Urzaiz a Chamartín terá unha duración de 4 horas e 16 minutos, traxecto que obrigará a viaxar por Compostela utilizando o chamado «bypass de Conxo». Sen dúbida, unha solución decepcionante para a competitividade do ferrocarril como saída á Meseta e que despois de décadas agardando pola auga de maio que suporía a finalización das obras de Alta Velocidade en Galicia amosan o fracaso da estratexia ferroviaria viguesa: polo momento non está prevista a chegada do AVE a «Vigo Urzaiz». A cidadanía viguesa terá que contentarse con viaxar a Ourense por Compostela en unidades de Velocidade Alta, como xa ven facendo dende a apertura do Eixe Atlántico Ferroviario, que une Vigo coa Coruña.

E o lamentable do caso é que esta situación non ten perspectivas de ser mellorada nun prazo de tempo razoable, xa que cada ano semella máis evidente que a alternativa viguesa de enlace directo con Ourense por Cercedo camiña a converterse noutra desas enxeñarías que queda no papel, como recoñecen xa abertamente algúns dos que foron os seus promotores e como parecen indicar as cativas previsións orzamentarias para continuar os seus estudos preliminares. Variante para a que a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Vigo-Ourense por Mondariz, entidade civil de carácter apartidario, propón unha alternativa seguindo o curso do río Tea e pasando por baixo da serra de Avión, que estima a duración da viaxe en unidades AVE entre ambas as dúas cidades en 25 minutos. Unha alternativa que merecería ser valorada polas administracións e colectivos empresariais e sociais do Vigo metropolitano, como xa está sucedendo en Ourense, onde diversas entidades apoian que se solicite ao Ministerio de Transportes un estudo informativo deste enlace directo. Solución, ademais, coherente coa prevista Saída Sur, que convertería a «Vigo Urzaiz» en estación de paso cara a fronteira portuguesa, o que facilitaría o enlace coa liña de Porto e Lisboa.

E se isto non abondase, tampouco son alentadoras no entorno vigués as perspectivas de máis frecuencias (incluídas as nocturnas) para o Tren do Eixo Atlántico (Vigo-A Coruña), tanto das que saen de Urzaiz como de Guixar, nin de recuperar as liñas nocturnas con Madrid e Barcelona, nin sequera de mellorar as do transfronteirizo Tren Celta que nos une con Porto e co «tren foguete» cara Lisboa. Unha situación de precariedade que foi denunciada estes días pola Coordinadora Galega polo Tren Público, Social e Sostible que con motivo da declaración de 2021 como ano europeo do ferrocarril solicita unha oportunidade para relanzar este medio de transporte ao servizo das persoas, por consideralo como o máis seguro e eficiente enerxeticamente polas súas menores emisións. Unha proposta dunha nova cultura do ferrocarril de proximidade que deseñe unha nova rede de servizos, capaz de recuperar circulacións e paradas suprimidas e potenciar o transporte de mercadorías.

A Vigo non lle abonda con contar cunha estación de ferrocarril con carcasa comercial tan impresionante como a de «Vialia Urzaiz». Vigo merece outro tren e neste anceio case está todo por facer.

O legado de Vesteiro Torres

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Teodosio Vesteiro Torres:

Froito dos traballos de dixitalización do Arquivo Municipal de Vigo achouse alí a finais da pasada primavera un libreto manuscrito de 72 páxinas asinado en 1867 por Teodosio Vesteiro Torres, que corresponde a «Desde el cielo», zarzuela (inédita) e tres actos que adapta a novela homónima que Manuel Murguía publicara en 1854 nos folletíns do xornal madrileño «La Iberia» e dous anos despois en Vigo como a súa primeira novela pola imprenta de «La Oliva». Un feliz descubrimento que nos achega a unha figura case esquecida do noso Rexurdimento cultural cuxa traxectoria biográfica fora por ventura recuperada hai apenas pouco máis de vinte anos grazas á monografía de María Álvarez de la Granja publicada polo Instituto de Estudios Vigueses (1998). Nacido en pleno centro de Vigo, na rúa da Soledad, o 12 de xuño de 1848, Teodosio Manuel Vesteiro Torres ingresou aos doce anos no Seminario de Tui, onde estudou Filosofía e Teoloxía  durante unha década, unha brillante carreira académica que o levou a ocuparse da biblioteca, a escribir os seus primeiros poemas, ensaios e composicións musicais, a colaborar na revista «La Juventud Católica» e mesmo a dirixir a orquestra da catedral.

Sen chegar a ordenarse, Vesteiro abandonou o seminario en 1871 para instalarse en Madrid na casa duns seus curmáns, onde en apenas cinco anos continuou a súa actividade musical como profesor e desenvolveu unha intensa actividade de erudición literaria sempre co seu pensamento posto en Galicia. Publicou os cinco volumes da «Galería de Gallegos Ilustres» (1874), fundou Galicia Literaria (1875), asociación que reunirá os intelectuais galegos residentes en Madrid, e colaborou con xornais como o ourensán «El Heraldo Gallego», fundado por Valentín Lamas Carvajal, ou o vigués «La Concordia». Ademais de por este intenso labor cultural, a figura de Vesteiro pasará a historia tamén polo seu polémico suicidio no Paseo do Prado o día que facía 28 anos. Acontecemento novelado polo escritor Javier Sierra en «El Maestro del Prado» (Planeta 2013), coñecemos que Vesteiro cunha tendencia cara ao abatemento e a depresión preparara a tráxica resolución de suicidarse con todo detalle: destruíu a maior parte das súas obras inéditas, deixou outras catro para que fosen publicadas de forma póstuma e escribiu varias cartas as súas amizades, entre elas a Manuel Curros Enríquez (o seu amigo do corazón), a Valentín Lamas Carvajal e a viguesa familia do Marqués de Valadares, que a xeito de manda testamentaria se facía responsable do acontecido e solicitaba con espírito inequivocamente wertheriano que non se lle fixese homenaxe ningunha.

Secasí Vesteiro pasará a nosa historia cultural polo extraordinario descubrimento do poeta Martín Codax nun exemplar que adquiriu do «Cancioneiro de Vaticana» (1875). Vesteiro foi o primeiro erudito galego en dar a coñecer en Galicia a poesía dun trobador medieval noso. Cinco días antes do seu suicidio publicou en «El Heraldo Gallego» a transcrición das sete cantigas de Martín Codax cun comentario (a verdade que aos ollos do lectorado de hoxe non o máis axeitado) e doa á biblioteca da Universidade de Santiago o exemplar do cancioneiro que editara Ernesto Monaci cunha dedicatoria que amosa a súa conciencia da importancia desta descuberta para «o noso renacemento literario». Vesteiro contribuíu así a alicerzar o mito de Vigo como «cidade fundada por un poeta, aquel Martín Codax que “bailaba no sagrado de Vigo” e vía a súa amiga bañarse nas ondas», como escribiu don Álvaro Cunqueiro «dunha cidade que reside en versos de amor».

Este histórico artigo sería recollido en «Monografías de Vigo» (1878), a publicación póstuma que Vesteiro deixara preparada para incluír na Biblioteca de La Concordia, na que recrea sucesos como a reconquista da cidade dos franceses, a resistencia que os vigueses e Ruiz de Apodaca ofreceron aos ingleses ou biografías de personaxes vigueses como Inés de Zeta ou Lombia coa «intención de manter vivo o recordo do noso pasado». Entre estes textos, ademais do referido a Martín Codax, destaca o dedicado a «Los Herminios» no que Vesteiro recrea a lenda fundacional das illas Cíes, onde os habitantes lusitanos da Serra da Estrela na súa retirada nas comarcas dos Calaicos se refuxiaron e resistiron o bloqueo das lexións romanas de Xulio César. Vesteiro acuña no seu relato un mito fundacional para unha cidade que como «adorada patria» sabe moito precisa de historia.

No rueiro vigués aparece o nome de Vesteiro Torres para identificar un parque en Coia na confluencia das rúas Castelao e O Grove, tras un acordo plenario de 30 de novembro de 1994 sendo alcalde Carlos G. Príncipe. O legado de Vesteiro Torres como alicerce da Galicia e do Vigo literario ben merecería ser preservado con algunha outra iniciativa na súa memoria.

Camiño Aberdeen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a primeira clasificación europea do Celta hai cincuenta anos:

Hai cincuenta anos que o Celta xogou a súa primeira eliminatoria da Copa da UEFA fronte ao Aberdeen FC, o equipo da cidade do granito, a terceira en poboación de Escocia. Foi aquela a maior proeza do Celta da miña infancia que, tras unha década enteiriña en Segunda División (dende a tempada 1959-60) na que xogou até cinco promocións, ascendeu por fin na de 1968-69 e despois de afacerse á primeira categoría, xa na seguinte (1970-71) e con Rodrigo Alonso Fariña como presidente e Juan Arza como adestrador, obtivo a sexta praza, até entón unha das mellores clasificacións da súa historia, que lle permitía clasificarse para unha competición europea. Naquela eliminatoria, a primeira que xogaba un equipo galego, o Celta non tivo sorte, o que non impediu que a saudade e o orgullo daqueles dúas derrotas acompañase o noso corazón celeste durante case tres décadas, até que chegaron os días felices das tempadas douradas de entre séculos, que o levarían en seis ocasións a xogar a UEFA (de 1998-99 a 2006-07), a gañar a Intertoto (2000),  a superar a fase de grupos da Liga de Campións (2003-04) e, hai pouco, a quedar ás portas dun remate en tempo de desconto da final da Liga Europa (2016-17).

Consultando a crónica de Manuel R. Varela e as entrevistas de Fernando Gallego a ambos os dous técnicos, publicadas en Faro de Vigo, ou a crónica de Marcelo Otero en El Pueblo Gallego, non hai dúbida de que naquel debut europeo na noite do 15 de setembro de 1971 o xogo do equipo de Arza estivo por baixo do que agardaban os doce mil celtistas reunidos no estadio de Balaídos que un ano antes o alcalde Portanet dotara de iluminación e que con motivo da euforia do ascenso prometera reformar completamente até chegar a contar cunha capacidade de 40.000 espectadores. Crónicas que recoñeceron que o Aberdeen foi superior como conxunto e tivo maior capacidade para desdobrarse na lameira do Fragoso. Os dous goles escoceses que deixaron fóra de combate ao Celta chegaron na segunda parte: o primeiro apenas transcorridos seis minutos da continuación, cando Harper aproveitou cun xutazo un grave fallo de blocaxe de Gost, o noso gardarredes; o segundo un autogol de Cesáreo Rivera, o veterano centrocampista goleador do Carballiño,  cando pretendía despexar de cabeza un saque de recanto que pillou despistado ao noso porteiro. Dous goles desgrazados que arruinaron as esperanzas dun equipo celeste que o deu todo, que quixo e non puido e onde destacaron Rodilla, que pelexou coma un xigante entre a defensa escocesa, algúns dos escintileos de Jiménez e a seguridade de Manolo.

Tampouco acompañou a sorte ao Celta no partido de volta, xogado o 29 de setembro de 1971 no Pittodrie Stadium, onde perdeu por cero a un, nun partido onde os de Arza mereceron máis. Segundo as crónicas de Manuel Tourón en Marca e de J. Vázquez para El mundo deportivo, «o Celta estivo mellor ca en Balaídos», «xogou ben, cunha profundidade case descoñecida». Alarcia, o noso gardameta suplente, parou un penalti, Rodilla fallou unha clara oportunidade e os escoceses marcaron a un minuto do remate. Crónicas que coinciden en que os celestes non se amedrentaron nin se resignaron nun estadio onde os 30.000 afeccionados escoceses compuxeron un orfeón xigantesco nin tampouco decepcionaron co seu compromiso  na lameira ao pequeno grupo de celtistas que os acompañaron nunha viaxe entón moi complicada até a principal cidade portuaria do nordeste de Escocia, hoxe capital petroleira europea. Aquel Celta dos partidos co Aberdeen sería sempre o meu Celta do corazón, porque foi o das primeiras ilusións conscientes. Un equipo que formaba con Gost ou Alarcia na portería; Pedrito e Hidalgo nos laterais; Manolo, Rivas ou Domínguez como centrais; Rivera, Juan e Almagro como centrocampistas e interiores; Lezcano, Jiménez ou Suco como extremos e Rodilla como dianteiro centro.

Cincuenta anos despois, lembrar aos heroes de Aberdeen é un exercicio de memoria que nos reconcilia cos principios da gramática do fútbol celeste coñecidos por unha afección formada en moitas derrotas mais que sabe valorar con prudencia o xogo como corresponde a un equipo modesto que non renuncia cada tempada a enxergar o regreso á competición europea, mais que non esquece tampouco os perigos de volver ás andadas de coller o elevador do descenso. Como a bancada de Balaídos sabe valorar tamén aos seus xogadores de corazón celeste, tanto os da valiosa canteira galega, á que pertenceron naquela xeración do Celta aberdonio os meus admirados Manolo, Rivera e Juan, como aqueloutros afillados e instalados en Vigo, como Pedrito, Lezcano e Jiménez, que cincuenta anos despois continúan dando leccións da causa celtista máis auténtica. Todo un exercicio de sobriedade entusiasta que ben podería ser emulado noutras actividades do país dos galegos.

Roteiro polo Vigo de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao roteiro polos espazos vitais e literarios de Xela Arias en Vigo:

Corenta e seis profesoras e profesores chegadas de toda Galicia percorreron o sábado un itinerario polos espazos vitais e literarios vigueses de Xela Arias. Unha actividade formativa organizada polo departamento de linguas do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coa que se pretende que os docentes vivan unha experiencia transversal activa e colectiva fóra do espazo académico de achegamento entre literatura e territorio. Unha xornada, inserida nun programa máis amplo de xeografías literarias, coordinado por Xosé Carlos Rodríguez Pérez, que pretende que os docentes interactúen cos territorios principais dun autor ou autora, co contexto literario do seu tempo, mais tamén coas pezas do seu patrimonio cultural e coas mudanzas sociais e pegadas da memoria, coa intención de contribuír a espertar o interese e construír coñecemento compartido sobre os textos literarios e os espazos nos que cada un desenvolveu a súa obra.

A pesar de que a palabra “Vigo” aparece unha soa vez na obra poética de Xela Arias, en concreto no segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 do fanzine Katarsis (1984) dos irmáns Tizón: «Érgome / e Vigo vai aínda durmido…», foi Vigo a súa cidade amada, na que escribiu e tinguiu toda a súa obra. A cidade de fronteira á que chegou aos sete anos (1969). A cidade revolcada, que percorreu de forma incansable durante a súa adolescencia e mocidade no comezo dos difíciles oitenta vigueses, «paseo arriba», «praza abaixo», como escribiu en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), nun botarse a andar errático, coma o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía naquela páxina memorable de Faro de Vigo (04-06-1983) de forma tan fermosa como entusiasta: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos (…) Te. Saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía».  Vigo, a cidade que a Xela Arias lle suxería «bastante dor» e que para ela «pode ser mesmo [cidade] pasional», como lle confesou á xornalista María Alonso (Atlántico, 1989), «porque tiña moita vida e iso significa dor e pracer ao mesmo tempo».

Na procura das pegadas daquel Vigo amado e vivido por Xela Arias saímos a mañá dende as portas do IES do Calvario onde fixo BUP e ensaiou os primeiros versos, para continuar no monte do Castro, onde xogou no parque de bicicletas e no miradoiro dos galeóns de Rande onde se fotografou coa nai e coa avoa chegada de Sarria. Un itinerario que continuou no Verbum visitando a exposición «A poesía na palabra» e despois no parque de Castrelos, preto da Avenida Portanet onde naceu o seu fillo, falando de Darío a diario (Xerais 1996) e lendo varios dos poemas. Longa camiñada que retomamos á tarde no Café de catro a catro de onde saímos cara ás portas de Xerais, a editora onde comezou a traballar aos vinte anos e na que se formou como editora e tradutora. Baixamos e subimos as escaleiras da rúa Ourense camiño da vivenda familiar da rúa Zamora, onde lemos un fragmento de Non te amola! (Galaxia 2021) sobre as pelexas coa rapazada do camiño de Riobó. De alí fomos até a rúa Venezuela, onde salientamos o papel dinamizador da cultura galeguista do Círculo Ourensán Vigués, editor da revista Neboeira (1983), onde publicou «A mañán é nova e neboada». Pateada que seguiu até as portas da Fundición Nautilus na rúa Manuel Núñez, onde lembramos o seu carácter de artenauta interesada no diálogo con outras artes e a súa amizade decisiva co pintor Xosé Guillermo.

Nas escaleiras do Marco contamos o que sucedeu coa estatua de Castro obra do escultor Jandro e a súa relación co poema «Burla negra», lamentando que a peza aínda non fose reinstalada. Diante da tenda Discos Elepé da rúa Doutor Cadaval limos unha das cancións de Desertores e nas galerías próximas o primeiro poema que publicou n’ A Nosa Terra. Na sombriña do edificio do COAG recordamos a exposición de Tigres coma cabalos (1990) e limos «Monólogo adicto» e outros poemas deste libro intermedial que preparara co fotógrafo Xulio Gil. Continuamos en Policarpo Sanz diante da sede de Faro de Vigo, onde lembramos a súa presenza frecuente nas páxinas do decano, do Teatro Afundación, onde participou na homenaxe a Francisco Fernández del Riego, na «súa retina dende nena». Paramos na rúa Carral, onde estivo a Sala Nasvhille e lembramos o recital de Noites Solidarias organizado por Implicadas no Desenvolvemento.  Rematamos na praza da Princesa diante da Casa Galega da Cultura, onde Xela presentara Intempériome (Espiral Maior 2003) lendo algúns dos seus poemas. Mágoa que faltase tempo para visitar o pub Alma na rúa Poboadores ou Café Uff da rúa Pracer. En todo caso, Xela Arias conta con roteiro de seu que forma parte da cartografía do Vigo literario.

Xeografías de Javier Teniente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do  fotoxornalista Javier Teniente na Casa das Artes:

O pasado domingo pechou na Casa das Artes «Javier Teniente. Unha xeografía atormentada», exposición na que o fotógrafo vigués, que iniciou a súa carreira en «Faro de Vigo» e «Atlántico diario», reuniu 180 fotografías entre os milleiros que tirou nas viaxes que dun extremo ao outro do planeta realizou nos últimos vinte e cinco anos. Comisariada por Jorge Lens, fotógrafo e profesor da Universidade de Vigo, a mostra de coidada presentación reúne unha ducia e media de reportaxes que como fotógrafo documental Teniente realizou en contornas de conflito, fosen guerras, éxodos ou desastres naturais, dende a primeira en Mauritania en 1998 cun contrato de Médicos sen fronteiras, que iniciou a súa colaboración con outras organizacións humanitarias internacionais como Médicos do mundo e Acción contra a fame. Sen ánimo de constituírse en retrospectiva, esta mostra moi completa ofrece tanto pezas de arquivo inéditas como outras publicadas en xornais e revistas nacionais e internacionais polas que o fotoxornalista vigués recibiu importantes recoñecementos como o Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria  en dúas ocasións (2003 e 2005),  o Premio Galicia de Comunicación en 2004 ou unha Mención Especial nos Premios Ortega e Gasset de xornalismo de 2006.

Teniente convida a empregar unha ollada reflexiva sobre cada unha das súas reportaxes, localizadas apenas cunha marca no planisferio e contextualizadas cunha breves liñas tiradas dos seus cadernos de viaxe. Seguindo os fíos cronolóxico e temático (como mellor conveña aos espazos expositivos) e fuxindo dunha ollada paternalista (eurocentrista) na abordaxe da pobreza e da dor, cada visitante pode reconstruír o relato das viaxes africanas do noso fotoxornalista. Saberá da vida e da morte no hospital Sabah de Nouakchott (1998),  onde os doentes acoden a morrer acompañados só polos seus familiares que contemplan desesperanzados o que lles queda de vida. Coñecerá a precariedade de hospitais como o Oldeani de Tanzania (2001), o noxento comercio sexual en Senegal (2005) ou os efectos do ciclón Eline que en 2000 agravaron a crítica situación de Mozambique. Como extraordinarias son as reportaxes en Honduras (1998), Ecuador (2002), Nicaragua (2004), República Dominicana (2004) e, sobre todo, en Haití (2004), durante os días posteriores á sublevación contra o presidente Aristide, no que morreu o seu compañeiro Ricardo Ortega, a quen o noso correspondente acompañaba aqueles días dramáticos.

Particular centralidade tivo na exposición da Casa das Artes a reportaxe sobre a Guerra de Iraq (2003), unha síntese da máis ampla recollida no libro Iraq. Días de posguerra (Xerais 2003), prologado por David Beriain (xornalista de guerra asasinado esta primavera en Burina Faso), froito das viaxes do noso reporteiro ao Iraq ocupado. Pezas que probablemente recollen mellor ca ningunhas outras a concepción humanista dun fotoxornalista como Teniente, que no epicentro dos conflitos armados prefire buscar a ollada das vítimas nos hospitais de Bagdag, onde se realizaban operacións a vida ou morte en inmundas salas de quirófano, ou entre os nenos e nenas que inventaban as súas vidas entre os cascallos alleos aos estoupidos. Cada unha destas fotos de Iraq, como as das outras reportaxes, fora parte dun relato, constitúe un depósito de memoria futura que desprende compromiso e honestidade, xa que en palabras do comisario da exposición, Teniente «non fotografa o que ve senón o que sente», céntrase non tanto na traxedia dos milleiros de cadáveres como na poboación que sofre indirectamente os seus danos colaterais.

Nunha xeografía das reportaxes de Teniente non podía faltar un espazo reservado ao traballo documental realizado en Vigo sobre os traballos portuarios, recollidos no seu libro, Mans salgadas (Xerais 2002), un retrato do mar humanizado de salitre polos traballadores dos estaleiros e da lonxa. Como tampouco faltou a súa reportaxe (2000) sobre Carlos Montouto, alcumado O Gringo, o vello que vivía debaixo da ponte de saída da autoestrada e deambulaba acompañado polo seu can polas rúas viguesas até que foi achado morto no seu acubillo en maio de 2015. Porén, só botei en falta na mostra algunha peza daqueloutra iniciativa artística de Teniente no Casco Vello, «O Vigo que sorrí», unha exposición ao aire libre (na rúa Abeleira Menéndez) de 64 retratos anónimos en branco e negro e de gran formato (2015) de vigueses e viguesas que quixeron compartir un sorriso no contexto convulso da crise e das dificultades de recuperar o tecido do barrio. Por ventura, esta excelente exposición de Teniente abriu este verán unha xanela de esperanza para a programación fotográfica en Vigo, un dos eidos máis destacados da cultura na cidade.