Beiramar da xente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de Beiramar da xente:

Non é a primeira nin será a última vez que nestas crónicas propoñamos a actitude do flâneur, inmortalizada por Charles Baudelaire n’ O spleen de París –hai excelente tradución galega de Xela Arias (Laiovento 2021)–, como unha das mellores formas de desvelar os segredos da cidade na que vivimos. Posición que para o filósofo Walter Benjamin inaugura a modernidade na consideración do fenómeno urbano, até entón identificado pola ocupación da praza pública, substituída pola experiencia do paseante que procura o efémero e as marcas do tempo ao longo das rúas, avenidas, bulevares ou peiraos que sofren o impacto do crecemento metropolitano e o desenvolvemento industrial, característicos da cidade moderna. Experiencia para o alemán semellante a da lectora que abre un libro disposta a engaiolarse ou a sorprenderse co relato que se lle ofrece en cada páxina; cidade convertida así en biblioteca onde en cada esquina flúe o misterio e na que en cada paseo pode indagarse nas capas do palimpsesto urbano, unha forma de compartir a memoria e o coñecemento da propia historia. Ollada coa que a veciñanza pode percorrer a súa cidade como exercicio de esculca e gozo activo, máis tamén cunha disposición crítica que vai máis alá do consumo de autofotos da visitante á caza das iconas urbanas para publicalas como reclamo de autopromoción nas súas redes sociais.

Xaora, hai un século que Benjamin alertaba que «saber orientarse na cidade non é moi difícil, mais perderse nela, coma alguén se perde nunha floresta, require instrución». Desa necesaria curiosidade do paseante, desa forma lenta de afrontar a vida  de quen se deixa levar polo engado do relato da súa cidade, desa pulsión de quen pretende coñecer o motivo de cada unha das capas presentes en edificios e fábricas próximos, o que chamamos palimpsesto urbano, agroma a utilidade para a veciñanza de mediacións en forma de itinerarios e paseos guiados que facilitan esa indagación sobre as marcas visibles ou trazos non visibles dunha cidade que é continuo presente. Unha mediación de afán didáctico que no caso da cidade nosa ven facendo dende hai tres décadas o Instituto de Estudios Vigueses, dende as súas máis de duascentas publicacións, dende as conferencias do seu Forum, auténtica enciclopedia aberta sobre a cidade ou sobre os paseos guiados pola ría, polos xardíns e edificacións históricas. Itinerarios que organizan outras iniciativas da sociedade civil, como a recente «Beiramar da xente», promovida por oito asociacións veciñais e culturais viguesas unidas pola defensa do patrimonio industrial da cidade.

Itinerarios seguidos por centos de persoas polo actual barrio da Industria, hai un século coñecido como areal de Coia, onde se instalou entón un auténtico distrito industrial vinculado a conserva, a pesca e a construción naval. Itinerarios arredor do complexo industrial emblemático deseñado por Jacobo Esténs, como a fábrica de La Artística (1919), dedicada á fabricación de latas de conserva, como os Talleres Alonarti (1921), de fabricación de máquinas para a anterior, dous dos maiores fitos da nosa arquitectura industrial, hoxe abandonados, agardando a súa conservación e usos públicos socio-comunitarios. Como é impresionante o itinerario polo polígono industrial da rúa Jacinto Benavente, desenvolvido dende 1952 cando se abriu a avenida Beiramar, onde se instalaron as primeiras industrias que aplicaron a tecnoloxía do frío e marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Edificacións, unhas xa desaparecidas, como as de Casa MAR, hoxe auditorio e hotel, outras abandonadas e arruinadas, como as de Pescanova, Pescapuerta ou Molagón, que agardan por novos usos. Sen esquecer o incerto futuro da conserveira Albo, valioso conxunto industrial de inspiración rexionalista, proxectado en 1929 polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, cuxa actividade foi trasladada á Plisan de Salvaterra (2022).

Mención á parte polas súas dimensións merece o itinerario arredor das edificacións de conservas Alfageme, un dos complexos do patrimonio industrial máis notables dos existentes en Galicia. Deseñado en 1929 polo arquitecto Manuel Gómez Román, os seus 13.000 metros cadrados entre a rúa Tomás Alonso e a avenida de Beiramar agardan a súa conservación integral e novos usos, entre os que o colectivo «Beiramar da xente» considera a posibilidade de convertelo nun recinto de eventos musicais e deportivos de formato medio, cun aforo entre o do IFEVI e o do auditorio Mar de Vigo. Proposta que merecería ser estudada, xa que no caso de ser viable sería alternativa á actuación anunciada na carballeira da Barroca, que pon en perigo o derradeiro bosque aluvial da parroquia de Navia. O Vigo industrial da Beiramar ben merece ser paseado coa actitude crítica do flâneur.

Reloxos vigueses

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos reloxos públicos vigueses:

A Academia Galega define a palabra reloxo como «un instrumento de diversas formas e sistemas de funcionamento, que mide o paso do tempo e indica a hora que é». Utilizado dende a civilización exipcia para medir os movementos do sol e sinalar as partes do día, a historia do reloxo foi mudando ao fío dos avances da tecnoloxía mecánica, instalándose en igrexas e edificios públicos como referentes da vida de cada unha das cidades, vilas e comunidades. Este foi o caso de Vigo que, ademais de contar co horizonte do seu reloxo natural da ría, no que ao longo do día vai avanzando o sol até agocharse en Cabo Home, conta con moitos outros reloxos públicos moi populares, algúns desaparecidos como xa temos sinalado neste espazo de Campo de Granada. Foi o caso do instalado no balcón de Radio Vigo (1950), en Príncipe 53 primeiro, ou daqueloutro do Cable Inglés, instalado a comezos do século XX, na fachada da Casa Bárcena de Velázquez Moreno, un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño; facéndose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como tamén desapareceron os catro reloxos do farol de Urzaiz de Jenaro de la Fuente, cando foi trasladado a Bouzas.

A pesar destas perdas, aínda paga a pena pasear devagariño pola cidade identificando ou fotografando nas alturas os reloxos públicos vigueses. Un itinerario que debe comezar localizando os tres reloxos de sol do Vigo vello. O primeiro, o que se pode contemplar na casa Pereira de Castro (século XVIII), alí onde a praza da Constitución fai esquina coa rúa Triunfo. O segundo, o cuadrante solar declinante da Colexiata, gravado en 1837 no lateral da igrexa da rúa da Palma, polo reloxeiro Juan Agustín Domínguez, peza que Xosé María Álvarez Blázquez elixiu para ilustrar a cuberta do seu libro A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo (Monterrei 1960, Xerais 2008) e converteu nunha das iconas da propia cidade. Reloxo de sol moi complexo que José Espinosa Rodríguez na súa Tierra de Fragoso (Faro de Vigo, 1949) di lembra o que eran de uso obrigado durante a idade media en igrexas e castelos e que observados polos vixías servían para que estes anunciasen as horas con cornos ou campás. E o terceiro, apenas un gnomon, unha peza de ferro duns escasos vinte centímetros, chantado á altura do balcón do primeiro andar da casa dos Pazos Figueroa (século XVI), na praza de Almeida, reloxo rescatado polo escritor Pedro Feijoo en Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade (Xerais 2018) e do que o mestre Pedro Díaz Álvarez xa daba pistas no seu libro A caracola de pedra. Percorrido polo barrio histórico de Vigo (1982, 1998). Reloxos de sol aos que cómpre engadir o da igrexa de Bouzas e o recuperado na estación marítima.

Paseo que continúa na vista da torre da Colexiata, onde en 1860 se instalou un reloxo mecánico, substituído en 1973 por outro eléctrico. Itinerario onde non pode faltar o reloxo do edificio central da Caixa de Aforros, dunha esfera de dous metros, instalado con mecánica suíza o 6 de decembro de 1958 baixo a escultura de seis metros do anxo do aforro de José Planes. Peza para a que o reloxeiro vigués Botana preparou un carillón que dende entón interpreta un programa musical coñecido pola veciñanza toda: a «Alborada» de Pascual Veiga ao amencer (ás oito), o «Ave María» de Schubert  ao mediodía e «Negra sombra» ao solpor (ás dez), substituídos en Nadal pola panxoliña «Noite de paz». Outrosí é icona viguesa, o reloxo da torre do Instituto Santa Irene na praza de América (1946), o único mecánico que queda en Vigo, parado durante décadas, rehabilitado non hai dous anos e utilizado para dar as doce badaladas do aninovo. Como tamén recuperou a hora (2006) o reloxo do Marco da man da viguesa reloxaría Pagán (1921) de María Berdiales, especializada na instalación e conservación deste tipo de pezas, como as dos edificios de Correos na Alameda, do Santander e Bankinter na praza do farol de Urzaiz ou o reloxo da fachada da Estación Marítima, entre outros.

Constitúen un tipo especial de reloxos públicos vigueses, as sirenas das factorías de Beiramar, que xunto as guindastres forman parte da paisaxe industrial, tamén da memoria, sonora e visual da cidade nosa. Sirenas que marcaban as entradas ou cambios de quenda dos obreiros de estaleiros como Barreras, Freire e Vulcano ou de Casa Mar e outras conserveiras da ría. Como forma parte deste legado o grande reloxo da Lonxa do Berbés, inaugurada en 1949, hoxe no Museo do Mar de Galicia, ou os reloxos de fichar de Alfageme ou Albo, testemuñas de como o control do sistema de produción afectou os horarios e condicións de traballo.

Vía Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 150 aniversario do establecemento do Cable Inglés:

O pasado 27 de maio fixéronse cento cincuenta anos da comunicación por cable telegráfico entre Porthcurno (Cornualles) e Vigo. Un fito co que Vigo se estreaba como punto estratéxico das telecomunicacións polo que entraban e saían todas as mensaxes da comunicación telegráfica entre España e o mundo. Un adianto extraordinario provocado polo establecemento en 1873 da empresa Eastern Telegraph Company Ltd (ETC), chamada popularmente o «Cable Inglés», na rúa Real 20, a carón da «Casa da Parra», onde dende o 17 de xullo de 1858 funcionaba o telégrafo eléctrico que comunicaba con Madrid de forma case instantánea. Oficinas do Cable Inglés que dende 1876 a 1884 instaláronse nos baixos da rúa Príncipe 31 –un edificio hoxe en rehabilitación, onde Prosperi e Cándida Otero montaron o seu estudio (Fotografía Pacheco)–, para trasladarse despois e até 1939 ao entrechán das casas de Manuel Bárcena do arquitecto Jenaro de la Fuente. Unha empresa que contribuíu a modernización de Vigo e a afondar no seu afán de querer ser cidade cosmopolita, coincidindo coa chegada do ferrocarril e o inicio do seu desenvolvemento industrial e demográfico, cando se achegaba aos quince mil habitantes.

Pegada estudada por José Ramón Cabanelas, membro do Instituto de Estudios Vigueses, en Vía Vigo. La historia del Cable Inglés y Cable Alemán (IEV, 2013; 2ª edición, 2020), un dos mellores libros publicados sobre a historia de Vigo, tanto pola esculca documental como pola coidada edición textual e gráfica. Título afortunado tirado dun calendario comercial da ETC que en 1883 informaba ao público madrileño do servizo de comunicación telegráfica directa entre España e Gran Bretaña, América, África, Asia e Oceanía, suplicando aos expedidores que tivesen a ben escribir nos mesmos as palabras «VÍA VIGO». Conexión con Porthcurno, entón o maior centro telegráfico do mundo, que os cableiros Minia e Africa alongaron dende o porto de Vigo a Carcavelos e logo a Xibraltar. Comunicación ampliada a partir de 1896, cando comeza a funcionar en Vigo a estación do Cable Alemán (Deutsch Atlantische Telegraphengellschaft), que tende a liña Emden a Vigo, coa intención de enlazar despois con Lisboa, illas dos Azores e New York. Xestionada por persoal do cable británico, abriu en 1905 oficina en Velázquez Moreno 20, a carón da que tiña ETC, ano no que chegaron os primeiros oficiais alemáns, cuxa residencia estivo na rúa Urzaiz 23 e dende finais de 1910 na rúa Pi e Margall 62, décadas despois sede do Colexio Alemán.

Tanto o Cable Inglés como o Cable Alemán fixéronse presentes na vida cotiá, social e cultural do Vigo de comezos do século XX. Cabanelas conta que na fachada do Cable Inglés en Velázquez Moreno colocouse un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño. Fíxose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como lembra Cabanelas que en 1897 o Cable Inglés contaba en Vigo cun cadro de persoal de 23 empregados, todos xoves británicos, formados durante dous anos na escola de Porthcurno, algúns chegados coas súas familias, que serían pioneiros en Vigo de deportes como o rugby, tenis ou tenis de mesa. Como recorda Cabanelas que a primeira residencia de oficiais solteiros da compañía, desde 1873 até 1915, se instalou na rúa Pracer –onde tiña tamén a súa sede a biblioteca e os salóns do Exiles Club, nome do seu club social e deportivo, que mantiñan, independentemente da estación cablegráfica na que estivesen destinados– inaugurándose a nova, coñecida como «La Finca», á que se accedía por unhas escaleiras de pedra situadas na rúa Taboada Leal 46.

Sen esquecer, neste relato do Cable, que os oficiais da ETC  foron os que introduciron o fútbol en Vigo cando no mes de maio de 1873 o Exiles xogou cos mariñeiros da escuadra inglesa nos cadros do Recheo, chamados temén do Malecón, hoxe urbanizados en seis mazás e divididos pola rúa Luis Taboada. Vigo foi un dos primeiros lugares de España onde se comezou a xogar de forma habitual ao «deporte da pelota», como testemuña unha breve referencia aparecida en Faro de Vigo o 7 de decembro de 1880, que cremos é a primeira referencia impresa sobre o fútbol en Vigo. Cadro do Exiles F.C., primeiro club de fútbol vigués, formado por oficiais do ETC, que a partir de 1905 xogará co Vigo Foot-ball Club e co Fortuna Foot-ball Club, orixe do Celta 1923, e mesmo os reforzará nos partidos das primeiras edicións do campionato galego. Lembranza daquel elegante «Vigo british» do Cable, que deixou unha pegada na cidade conservada aínda hoxe na memoria das familias formadas polos oficiais chegados de Porthcurno.

Vigo no tempo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo no tempo», comisariada por Manuel Gago, e da que tiven a honra de ser coordinador local:

Dende a pasada semana e durante dous meses recala en Vigo o proxecto expositivo «Cidades no tempo», comisariado polo profesor Manuel Gago e organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación, co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como chave da identidade contemporánea de Galicia. Despregado cunha exposición en cada unha das sete principais cidades, foron deseñadas de forma coidadosa coa intención de que cada visitante puidese gozar dunha experiencia singular explorando a complexidade urbana, social e simbólica de cada unha das cidades dende perspectivas diversas: os seus fitos históricos destacados, os seus mitos fundacionais ou seu desenvolvemento urbanístico, económico e cultural. Mostras que conforman cadanseu relato e indagación sobre a súa identidade, dende as orixes até o inicio do século actual, que se vai debullando por medio da interacción cun cento de pezas (obxectos, obras de arte, documentos, planos, mapas, fotografías e publicacións) e da recreación de ambientes, escenografías e textos sonoros e audiovisuais.

Convidado polo comisario Manuel Gago, tiven a oportunidade de participar como coordinador local no equipo que preparou a mostra «Vigo no tempo» (VT) na que coa estrutura, a metodoloxía e os recursos expositivos do proxecto «Cidades no tempo» pretendemos indagar na identidade de Vigo, a primeira cidade de Galicia. E abofé que lonxe da pretensión de ofrecer unha historia de Vigo, o que quedaba fóra das nosas posibilidades e corresponde a un aínda inexistente museo de historia da cidade, resultou unha tarefa apaixonante e moi gratificante identificar algunhas das hélices do ADN dunha cidade que dende hai dous séculos, tras a súa declaración como «cidade leal e valorosa» e a abolición dos privilexios do señorío da mitra compostelá (1811), asumiu unha profunda vontade colectiva de constituírse nunha grande cidade e de ofrecerse como o primeiro motor urbano da Galicia moderna e resume de todas as morfoloxías nas que o noso país pode revelarse. Unha indagación na identidade, porén, que desmonta o prexuízo acuñado por Manuel Murguía de que Vigo carecía de historia de interese, que tanto dano fixo e chegou a callar na sociedade viguesa e na historiografía galega. Unha ollada mudada desde que en 1953 apareceron as estelas romanas do Areal (coas que iniciamos a experiencia expositiva), e moito máis desde que nas tres últimas décadas as achegas historiográficas documentadas polos membros do Instituto de Estudios Vigueses amosaron que a cidade medrou nun territorio intensamente ocupado moito antes de que existise a propia idea de cidade.

Tirando do fío do nobelo da súa capacidade permanente de transformación, que o poeta Ramón González Alegre identificaba como «Vigo nace sempre», a visitante de VT pode seguir a expansión urbana polas pezas senlleiras da planimetría viguesa, dende a primeira imaxe de 1597, o plano de Turriano (que viaxa por vez primeira a Vigo), pasando polo plano dun Vigo fortificado (1667), até a proposta de ordenación portuaria (1919) de Eduardo Cabello; sen menoscabo de coñecer proxectos que nunca chegaron a saír adiante, como o curioso plano de 1810 para facer unha base naval nas illas Cíes. Como pode tirar do fío desoutra transformación constante dos emprendementos industriais, comerciais e portuarios, outras tantas hélices do ADN vigués, interpretadas en óleos presentes na mostra como «Vigo traballa» (1986) de Manuel Moldes, «Recollida de algas no Berbés» (1892) de Juan Martínez Abades ou a «Vista de Vigo» de Urbano Lugrís, un dos murais de cinco metros rescatado do Hotel Moderno.

Na súa proposta, a exposición VT incorpora a tecnoloxía para mergullar ao visitante na indagación a través de instalacións audiovisuais e interactivas. Entre elas son de salientar a experiencia proposta no «Miradoiro», unha gran mesa que permite seguir a evolución de Vigo dende a época romana até a actualidade. Como tampouco debe perder o visitante a experiencia de identificar os «Padróns», as pautas que definen a gramática visual da cidade, nas fotografías de ornatos pétreos, costas e guindastres. Outrosí sucede cos espazos dedicados a presentar a reinvención creativa e musical dos anos 80, A Movida, coincidindo co período da reconversión industrial, e a escoitar seis voces que representan outras tantas memorias da nosa veciñanza, as da escritora Ledicia Costas, a avogada Elvira Landín, a fundadora das Cantadeiras do Berbés Loli Hernández, a fundadora de Alecrín Ana Míguez, o profesor Xosé Henrique Costas e o membro da Asociación Casco Vello Fiz Axeitos. Convido a participar nesta experiencia viguesa, aberta no primeiro andar da sede social de Afundación até o 20 de xaneiro.

A portada da doutora Rodríguez

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á portada que a revista Time dedicou á paratrialtleta viguesa Susana Rodríguez Gacio:

Entre as lembranzas deste curso será para min difícil esquecer o programa que Onda Laredo, a radio escolar da biblioteca do CEIP de Laredo de Chapela, dedicou no mes de marzo a Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 4 de marzo, 1988) con motivo da IIª Semana da Inclusión do centro. Os catro participantes no faladoiro radiofónico (Ricardo, Lara, Hugo e Blimker) comentaron a sesión virtual que o alumnado de 6º de Primaria mantivera coa paratriatleta, expresando a súa admiración polas proezas deportivas dunha campioa mundial cunha discapacidade visual do 90 %, pasando pola súa dedicación como médica no hospital durante os meses de confinamento, até comentar as riquísimas que eran as empanadas da súa nai Berta, parte da dieta equilibrada dunha deportista que preparaba a súa participación nos xogos paralímpicos de Tokyo. Unha sesión que a doutora Rodríguez Gacio repetiu no mes de abril co alumnado do CEIP de Cedeira en termos moi semellantes, formando parte do seu xeneroso compromiso divulgativo nos colexios de Primaria e Secundaria para compartir a experiencia da súa condición e contribuír á concienciación que permita superar os prexuízos existentes sobre a discapacidade.

A pasada semana, «Time», a revista semanal de maior circulación do planeta, con sede en Manhattan, tamén unha das máis influentes, dedicaba a súa portada á doutora viguesa co seguinte titular: «Susana Rodríguez. A atleta paralímpica na primeira liña de combate de España contra a Covid-19». Unha portada que constitúe un acontecemento histórico, tanto polo feito de que o espazo fose ocupado nos dous últimos anos por iconas mundiais como Leonel Messi, o Papa Francisaco, Greta Thunberg ou Albert Einstein, como polo que supón de recoñecemento dunha incrible historia de esforzo e superación persoal para as mulleres, sobre todo para as máis novas, máis alá do aliciente que isto constitúe tamén para o propio deporte paralímpico, para o deporte español e galego como para a cidade de Vigo, orgullosa de semellante recoñecemento a unha das súas máis afoutas veciñas. Unha portada que se desenvolve nas páxinas interiores e nun vídeo no Facebook da revista, salientando como xa fixeran os xoves comentaristas de Chapela, que Susana foi sempre unha loitadora, que nunca se deu por vencida até superar os atrancos que supuña a súa discapacidade visual, como fixo durante as xornadas de loita contra o coronavirus ocupándose dende abril de 2020 como médica residente ao programa do Hospital Clínico de Santiago de atención telefónica aos doentes, o que non lle impediu deixar de adestrar nin un só día.

E abofé que a vida de Susana Rodríguez Gacio foi sempre unha carreira de superación e esforzo continuo, dende que naceu con albinismo oculocutáneo, unha condición xenética que afecta a unha de cada 20.000 persoas, caracterizada pola hipopigmentación de pel e pelo (ausencia ou diminución de melanina) e tamén a unha grave perda de visión, no seu caso do 90 %. Filla de médico e mestra, viguesa con raíces maternas en Sopena, na parroquia mindoniense de San Pedro de Argomoso, Susana teimou xa dende nena en seguir a carreira do seu pai, un deses soños que non semellaban pertencer a persoas diferentes como ela, sendo dende entón o seu xeito de mudar o mundo. Susana confesou nunha da súas intervencións que a súa discapacidade visual fora unha calidade que lle permitiu facer o que ela desexaba. Con traballo e dedicación seguiu a súa carreira académica, primeiro de Fisioterapia en Vigo, despois licenciándose en Medicina en Santiago (2015) e mais tarde como médica residente en Medicina Física e Rehabilitación no Clínico. Con idéntica disciplina e teimoso traballo desenvolveu a súa traxectoria deportiva, desde que aos dez anos comezou a practicar atletismo cunha profesora da ONCE, até que en 2010 mudou ao triatlón, disciplina na que chegou a ser campioa do mundo (2018).

Ademais do impacto mediático que supón a súa presenza en «Time», o caso da doutora Susana Rodríguez Gacio non debería pasar desapercibido xa que supón un modelo educativo de éxito do que é unha auténtica e valorosa loitadora para conducir unha vida na que os soños son apenas límites aparentes a superar. Unha vida, como sinala a súa propia nai, forxada dende a humildade e a tenacidade, para esforzarse en conseguir día a día o que a outras persoas veulles xa regalado polo berce no que naceron. O éxito deportivo e académico de Susana amosa que contando con recursos é posible un modelo inclusivo onde a discapacidade sexa unha calidade e non un estigma, onde todas as persoas con todas as súas diferenzas poidan loitar polos seus soños sentíndose útiles a súa comunidade. A portada histórica da doutora Rodríguez constitúe un fito nunha angueira na que queda moito por conquistar. Parabéns pola proeza, admirada Susana!

Efectos secundarios da pandemia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos efectos da pandemia sobre alumnado non universitario:

Nas últimas semanas escoitei nas salas de profesorado dos colexios nos que traballo a moitas mestras expresar a súa satisfacción por rematar «un curso tan difícil» que, a pesar do impacto de dúas ondas da pandemia e dos seus confinamentos obrigados, ansiedades de cribados e probas PCR, superou as mellores expectativas de manter os centros abertos co facho do entusiasmo sempre prendido. Unha proeza colectiva alicerzada sobre a afouteza dos centros, das súas direccións e equipos Covid e do seu profesorado, comprometidos en facer respectar un protocolo Covid-19 que obrigou a modificar moitas rutinas, espazos e tarefas escolares. Xaora, un éxito atribuíble sobre todo a responsabilidade do alumnado, dende as crianzas de Infantil e Primaria á mocidade de Bacharelato e FP, capaces de asumir día a día un comportamento individual que permitiu frear o temible bicho nas aulas e noutros espazos escolares.

Unha causa na que se investiron milleiros de horas do profesorado en vixilancias de portas, patios, corredores e comedores, milleiros de litros de xel, desinfectantes e rolos de papel utilizados na limpeza obsesiva de mesas, cadeiras e outros efectos escolares, baseada na ventilación permanente das aulas (no inverno e na primavera), na utilización da máscara en todos os espazos, coa flexibilidade responsable na hora das merendas, no mantemento dunha prudente distancia social e no respecto (escasamente educativo) ás burbullas de niveis, trabes sobre as que de forxou o éxito desta urda sanitaria. Unha loita continuada de dez meses, despois doutros catro de confinamento domiciliario e voluntariosa ensinanza virtual do curso anterior, que provocou a inevitable fatiga do alumnado e dos docentes e tamén no caso das persoas máis vulnerables nunha considerable alteración emocional adicional expresada como estrés traumático, depresión ou ansiedade.

Desa cara oculta dos efectos da pandemia sobre a poboación escolar (de 3 a 18 anos) ocúpanse diversas investigacións recentes coincidentes en salientar que ao longo do período de corentena a maior parte sufriu algún tipo de mudanza a nivel comportamental e emocional, sendo os síntomas máis frecuentes a dificultade para concentrarse, o aburrimento, irritabilidade e nerviosismo. Máis en concreto, un estudo de Jon Berasategui, profesor da Universidade do País Vasco e especialista en Educación Emocional, salienta que tras os meses de confinamento do pasado ano, nunha mostra de máis de mil familias con crianzas entre 2 e 14 anos, as tres cuartas partes anoxábase máis do que era habitual nela, a metade choraba máis, o 70 % recoñecía estar máis nerviosa e o 35 % durmía peor ou sufría pesadelos. Como nunha enquisa entre psiquiatras e psicólogos clínicos españois coincidían que no último ano a ansiedade predominaba sobre calquera outra das alteracións psicolóxicas que atendían na poboación infantil.

Estudos coincidentes en salientar que a pandemia, tanto durante o período de confinamento (2020) como no actual, e quizais máis complexo e incerto, da «nova normalidade» (2021), deixou unha pegada de malestar emocional sobre as xeracións máis novas e unha carencia de socialización e contacto imposible de recuperar nun momento das súas vidas onde isto é referencial para elas. Unha precariedade que o profesorado dos centros de Secundaria comprende como ninguén na súa proximidade con adolescentes e xoves, que viven desconcertados e inanes a situación actual, mesmo ás portas de que antes do comezo do vindeiro curso poida comezar a súa vacinación, a única medida que combate de forma eficaz o «corona». Contexto que pode axudar a entender, que non a xustificar, as lamentables viaxes de botellón e bebedeira a Mallorca dalgúns destes mozos e mozas, das que os seus centros foron alleos, como das súas reaccións irresponsables diante das medidas de confinamento obrigadas polas autoridades sanitarias, cando aínda nin sequera se celebraron as segundas probas da ABAU, que dilapidan nunha semana o traballo educativo concienciudo contra a pandemia de dez meses nos seus institutos.

Sen intención de demonizar a esta minoría de bachareis viaxeiros, por desgraza unha parte deles xa casos Covid activos, ou aos milleiros de mozos, entre eles moitos menores, que se concentran de madrugada nos botellóns da Estrela e de Teófilo Llorente, non está de máis salientar que as familias duns e doutros son tamén corresponsables das consecuencias dos seus comportamentos. A situación da pandemia amosa que abordar para o vindeiro curso un programa de benestar emocional nos centros educativos non abonda sen contar co compromiso e a responsabilidade de apoialo de cada unha das familias do seu alumnado. Este curso pasado demostrou que a escola non o pode todo contra o Covid-19.

Calcetíns desparellos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a celebraciñon do Día Mundial da Síndrome de Down:

Para Antón Esteban Estévez

O 21 de marzo, data que sinala a chegada da primavera no noso hemisferio, tamén é o día internacional dos bosques, da poesía, da marioneta, da eliminación da discriminación racial e o día mundial da Síndrome de Down. Unha efeméride esta última creada en 2012 por decisión das Nacións Unidas coa intención de crear conciencia en todas as sociedades do valor que teñen as persoas con esta condición, reivindicar as súas achegas, dereitos e independencia para a toma das súas decisións e crecemento persoal. Escolla dunha data que non foi casual, xa que o día 21 do mes 3 do ano se usa para representar a trisomía (triplicación) do cromosoma 21, unha combinación cromosómica natural que sempre formou parte da condición humana existente en todas as zonas do planeta. A Síndrome de Down non é unha doenza, como algunhas persoas cren, trátase da condición daquelas persoas que posúen esa trisomía, un material xenético extra de cuxa existencia aínda non hai explicación, probablemente producido durante o proceso de división cromosómica, cuxa consecuencia primeira é un desenvolvemento incompleto a nivel cerebral, que provoca algúns trastornos físicos e cognitivos, problemas de aprendizaxe e procesamento que adoitan ir de leves a moderados.

En 2018 unha mociña escocesa de cinco anos, Chloe Lennon, con Síndrome de Down compartiu no perfil de Facebook da súa nai un vídeo no que solicitaba que se celebrase a efeméride do 21 de marzo levando calcetíns distintos en cada pé; apenas un xesto positivo co que pretendía aumentar a conciencia cidadá sobre os dereitos vulnerados ou inexistentes das persoas da súa condición. A petición de Chloe Lennon viralizouse de forma extraordinaria con dezanove millóns de reproducións do vídeo converténdose na icona de comunicación da xornada.  No país noso a asociación Down Galicia promove estes días idéntica iniciativa coa intención de reivindicar o modelo de educación inclusiva e o valor da diversidade, animando a encher as redes sociais de fotografías de calcetíns desparellos de todas as cores e estampados acompañando as etiquetas de #CalcetinsDesparellos, #TanDiferentesComoIguais e #DiaMundialSindromeDown. Calcetíns desparellos, como a iluminación dalgúns dos nosos monumentos e edificios públicos coa proxección da cariña Down, que pretenden facer visible que non hai ningunha persoa que sexa idéntica (igual) a outra, que todas as persoas somos distintas e posuímos idénticos dereitos, residindo nesa diferenza a maior riqueza dunha sociedade diversa e inclusiva.

A efeméride do 21 de marzo é tamén para o movemento Down unha xornada reivindicativa. A federación Down Galicia presentou o seu decálogo pola inclusión na que reclama, entre outras medidas, unha atención temperá pública e de calidade, unha atención sanitaria igualitaria e respectada, unha vida chea de oportunidades e un envellecemento activo sen saír da contorna, na medida que as persoas coa síndrome de Down envellecen antes e precisan utilizar os recursos sociosanitarios das persoas maiores. Como demandan unha educación e un emprego verdadeiramente inclusivo, de xeito que sexa efectivo o dereito á educación inclusiva como dereito humano, un dereito fundamental que pertence a cada neno ou nena. Unha educación non segregada, na que o alumnado coa síndrome de Down comparte aprendizaxe, progresa e participa co resto do alumnado na escola común. Unha educación inclusiva recoñecida tanto na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU, 2006, ratificada por España en 2008), como no cuarto Obxectivo de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, e incluída na disposición adicional cuarta da LOMLOE recentemente aprobada na que se establece un prazo máximo de dez anos para que os centros de educación ordinarios se doten dos recursos necesarios para poder atender nas mellores  condicións ao alumnado con discapacidade.

Unha escola inclusiva é aquela escola común na que todos os nenos e nenas aprenden a vivir xuntos nos mesmos centros e aulas, impedindo calquera tipo de separación das crianzas, fose por sexo ou pola diversidade funcional do seu alumnado. E construír unha escola deste tipo vai máis alá da ducia de liñas dunha disposición adicional dunha nova lei (refundida) de educación: require contar cos recursos docentes suficientes e formados, flexibilizar os currículums e favorecer a autonomía dos centros transformados en comunidades de aprendizaxe. Como educar na inclusión supón abrir unha vida de oportunidades para todos e todas nun mundo que non discrimine a ninguén, onde ninguén decida por outra persoa, onde todas teñen idénticos dereitos e obrigas fose cal fose o seu xénero, cor, número de cromosomas ou a cor e estampado dos seus calcetíns desparellos.

Confeitaría Ramos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á memoria da confeitaría Ramos e outras dozarías clásicas viguesas:

A confeitaría Ramos, despois de case un século no baixo de Pi y Margall 18, pechou as portas para trasladarse aos locais da pastelaría La Camelia na rúa Enrique Lorenzo 2. Un inesperado agasallo para o padal da veciñanza de Teis, que poderá gozar na proximidade das larpeiradas de Ramos, máis tamén outra perda para o meu barrio, a carón do paseo de Afonso e do que noutrora foron os da Falperra e o Barrio do Cura, o comezo da vella estrada de Baiona. A dozaría, como lle chamabamos, o establecemento dos Barreiro, unha estirpe de pasteleiros artesáns, xunto ás igrexas evanxelista e católica, era a derradeira referencia que quedaba dun territorio da desolación urbana, con numerosos edificios abandonados e a maioría dos locais comerciais pechados, estraño para os que alí nacemos e vivimos no último medio século. O edificio da dozaría será derrubado, como o foron xa practicamente todos os do barrio, para construír apartamentos, e apenas nos quedará o rastro que os recendos da dozaría deixaron na memoria da nosa infancia.

Ramos é polo seu repertorio de doces e salgados unha das confeitarías viguesas máis clásicas, ofrecendo algunhas delicias artesanais continuadoras dunha tradición pasteleira de toda a vida. Os seus croissants cun toque de crema son para min os mellores da cidade. As súas empanadillas e empanadas, sobre todo as de bacallau, elaboradas a medio punto mesturando masas, son extraordinarias. Os seus «plumcakes» de froitas confeitadas, deliciosos, á altura dos que ofrece a confeitaría Solla da rúa Uruguai, onde, por certo, prepara esoutra marabilla da crema en forma de lingua queimada. Como inesquecibles son os sabores das medias noites e bolos de leite de Ramos, os bocados dos días de festa da miña infancia. E os seus canapés, o seu finísimo cabelo de anxo de cabaciña, as súas pastas de té e a súa pastelaría variada… Mais se por algo destacou Ramos sempre foi polo seu roscón de Niza, unha singular recreación do artesán engadindo ao pan durmido unha crema de elaboración secreta, presentada a maior parte das veces como trenza, ensaiada con bastante fortuna por outras pastelarías vigueses modernas. Como tamén é coñecida polas súas larpeiradas de tempada, sexan os seus turróns de xema e chocolate, figuriñas de mazapán e polvoróns, as súas enormes orellas de frade ou ósos de santo.

Mención á parte merece a interpretación que Ramos leva facendo da receita da torta Llanderas, probablemente a torta máis netamente viguesa, o símbolo máis larpeiro da cidade, creada polo artesán pasteleiro Ignacio Arrondo nos anos 50, como unha variante da torta polonesa imperial rusa, bautizada polo reposteiro co apelido dun seu amigo, para evitar así un adxectivo daquela comercialmente perigoso. Ramos mantivo sempre fidelidade á valiosísima receita orixinal de Arrondo, elaborada con améndoa, ovo e manteigas, ornamentada con labras de améndoa e barquillos de chocolate. Un segredo que Álvaro Barreiro, o actual artesán de Ramos, herdou do seu pai, que aprendera no obradoiro da confeitaría Arrondo da rúa Policarpo Sanz, onde ingresara como aprendiz aos trece anos, antes de traballar na confeitaría Pereiro de Urzaiz, fronte ao muro da Estación. Obradoiros vigueses desaparecidos, como Las Colonias de Príncipe, Marbella de Colón, que rexía outro dos irmáns Arrondo, ou a confeitaría Roma das Travesas, da que sempre lembrarei o recendo que se coaba polo seu fachinelo do Camiño dos Anxos.

Conservo na memoria o sorriso do vello Barreiro, o mestre artesán de Ramos dende 1975, explicando ao cliente curioso coma min o proceso de elaboración das súas delicias de Nadal das que me declaraba seareiro e que el presentaba cada inicio de decembro. Como lembro no despacho de Ramos as vitrinas ateigadas de encargos e os balóns de cristal repletos de tofes e caramelos de menta e outros sabores. E non esquezo, sobre todo, aquela columna de cristaliños, chantada no medio e medio do local, na que coma no espello de La Belga de Marqués de Valadares, procurabamos nos devolvese durante uns segundos a noso cara distorsionada. Columna que tamén existía na confeitaría El Buen Gusto de Elduayen, por ventura aínda aberta, onde a avoa Filo, despois de moito insistirlle, un día nos mercara un dos seus follados de merengue  e algunha daquelas cristinas de crema grandes, lembranza que agroma de forma recorrente cada vez que paso diante do escaparate.

Somos apenas o que lembramos, «escribe o que lembras e dirás a verdade», lembra Luis Landero en «El huerto de Emerson» (Tusquets 2021), unha das lecturas recentes que máis me valeron. Lembrar Ramos, como aqueloutras confeitarías viguesas da nosa infancia, cando contamos hoxe cunha excelente oferta de obradoiros modernos, constitúe unha forma de descubrimento e de autoestima da propia cidade.

A esperanza chega da man da ciencia

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo ao valor da ciencia e do sistema público de coidados:

Ninguén podía imaxinar hai un ano cando «sentidiño» foi escollida como a palabra galega de 2019 que protagonizaría a campaña da Consellaría de Educación de inicio de curso. Un de tantos paradoxos dun ano horrendo e inesquecible marcado pola irrupción en todo o planeta da pandemia do Covid-19. Un virus que o mudou todo, estarreceunos da noite para a mañá provocando que perdéramos a nosa tranquilidade e comodidade sen que apenas tivésemos moita conciencia sobre cal era súa orixe nin a súa transcendencia. Un bicho feroz que provocou até agora o falecemento de 1,7 millóns de persoas e o contaxio de máis de 77 millóns, ademais dunha crise económica mundial de consecuencias e duración aínda imprevisibles e doutras mudanzas disruptivas que afectan ás nosas formas de vida cotián, á organización do traballo, mobilidade, comunicación, educación e mesmo as actividades de cultura e lecer.

Dende aquel 11 de marzo, día no que OMS declarou que a covid causada polo virus SARS.CoV-2 era unha pandemia, cando en Europa apenas emerxía, aprendemos a convivir coas gráficas das estatísticas de falecementos e persoas contaxiadas, hospitalizadas en planta ou en UCI ou do número de probas de PCR realizadas. Afixémonos ao pavoroso reconto diario de vítimas e doentes en residencias de maiores, o espazo diana principal deste funesto coronavirus. Asumimos como inevitables as cifras disparadas de persoas afectadas por ERTES e ceses de negocios, quizais máis pendentes da xeografía de peches perimetrais e restricións horarias de concellos ou comunidades establecidos polas autoridades sanitarias. Medidas todas que foron consolidando o desacougo e a incerteza como emocións que expresan un estado de desánimo colectivo. E nin sequera a febre do espírito consumista de regalos, luces e paparotas dos encontros de Nadal, celebracións que algúns irresponsables manteñen como se nada sucedese no seu particular Titanic, conseguiu a remontada do pesimismo na segunda vaga da pandemia iniciada no outono.

Xaora, as primeiras vacinacións realizadas nos países da Unión Europea o domingo, convidan á esperanza de poder recuperar nos vindeiros meses unha certa normalidade. Nunca a ciencia lograra unha vacina en tan pouco tempo, apenas dez meses desde que se descubrira na China o misterioso virus que provocaba unha neumonía mortal. Un éxito histórico da colaboración da comunidade científica, daqueles grupos de investigación privados e públicos que traballaron arreo na discreción dos seus laboratorios desenvolvendo máis dun centenar de proxectos de vacinas (dos que por ventura xa están tres no mercado mundial), algunhas veces en condicións moi precarias, como por desventura sucede no noso país. Unha vacina sufragada na Unión Europea polos estados, distribuída e administrada de forma coordinada polos expertos sanitarios do sistema de sanidade pública, o que asegura a súa equidade, a prioridade de protección dos máis vulnerables e o seu carácter universal para toda a poboación. Unha vacinación, non o esquezamos, que debe chegar á poboación dos cinco continentes, un reto sanitario e de solidariedade humana sen precedentes.

Un éxito histórico da comunidade científica que debería axudar a valorar a ciencia como o mellor instrumento para afrontar os retos colectivos da humanidade. Razón pola que o investimento en ciencia e investigación ten un carácter estratéxico, tanto a nivel económico como da súa seguridade. Máis aínda cando superada esta pandemia do Covid-19 xa non se poderá adiar a axenda pendente da saúde do propio planeta, a do seu imparable quecemento global e a da perda da súa biodiversidade, onde os expertos identifican a orixe do Covid-19 e de onde pode aparecer outro bicho tamén con idénticos efectos devastadores. Ciencia, ademais, que debería formar parte con carácter xeral da axenda pública (da administración e dos medios), o que constituiría a mellor vacina contra todas esas fake news e condutas negacionistas irracionais que tanto dano fixeron á convivencia durante a pandemia.

Por último, o vagalume de longo alcance que comezamos a enxergar co inicio da vacinación tamén ten que ver coa propia recuperación do valor e da eficacia dos servizos públicos de coidados, tanto sanitarios como de maiores e crianzas. A súa prestación con carácter universal e de calidade é a garantía da súa equidade e do coidado óptimo das persoas máis vulnerables. E aí, non esquezamos, despois de finalizada a vacinación, no caso galego urxe saber que pasou nas residencias de maiores e como reconstruír o sistema público de coidados de maiores, hoxe no seu 80% negocio de empresas privadas (algunhas de capital transnacional), ao que contribuíu que durante a década de gobernos Feijoo non se abrira ningunha praza pública.

Hipertextos 009/2019: Precisamos máis Artes e Humanidades

Oitocentos millóns de empregos serán ocupados por robots de aquí a 2030. É un camiño irreversible. Por iso hai tempo que o Foro de Davos mandou unha mensaxe á clase traballadora mundial: para no rematar substituídos por máquinas debemos volver ao que nos fai humanos. Isto é, a aprendizaxe cooperativa, a creatividade, o pensamento crítico, a empatía. Habilidades que, precisamente, teñen moito que ver coa formación en Artes e Humanidades.

María José Carmona: «El ser humano frente al algoritmo: por qué el futuro necesita más Artes y Humanidades». Revista dixital EqualTimes.

Agradezo a Asesoría de Bibliotecas que chiase este artigo prospectivo e clarificador no actual entorno do big data, dos robots 4.0 e do desenvolvemento de intelixencia artificial. A proposta de engadir A de Artes á formación STEM (de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tan de moda (tamén en Galicia), semella imprescindible tanto polo seu carácter máis inclusivo e equitativo como polo suplemento de creatividade e diverxencia que achegan as competencias humanísticas e sociais a elas asociadas.

En definitiva: na escola da terceira década do século, a que será a era dos robots (e na que mudará a organización do traballo tal como o coñecemos), paradoxicamente precisaremos máis formación en Artes e Humanidades, ou que o mesmo a Literatura, a Música, a Filosofía, a Historia, as Artes Plásticas deben recuperar peso que perderon no currículum e na propia cultura escolar. O artigo de Carmona é unha peza moi recomendable para o debate do profesorado sobre as finalidades da educación no entorno da hibridación da comunicación dixital e da mais que probable automatización laboral.