Galeano

Memoria

A memoria que máis me interesa, a que máis me move, é a que opera como catapulta, non a que te fixa unha áncora a unha identidade que se pode gardar nunha vitrina e pechar con chave. Creo na memoria como continuidade da vida. Non a memoria morta que nos convida a contemplar unha bolboreta cravada na parede.
Esperanza
A esperanza é unha cousa que se conquista cada día con moita dificultade e que cada día cae e se ergue cando está viva de verdade. Como todos nós, que tropezamos, caemos, dubidamos, dámonos contra a parede, fracasamos, morremos e volvemos a nacer.
Magnífico este libro de entrevistas do fillo do noso querido Luis. Os pensadores da esquerda mundial analizan o estado do planeta dende unha perspectiva emancipadora. Libro moi recomendable.

Cifras

Compostela. Dez horas de xuntanza de editores para preparar as actividades do ano. No xantar contrastamos cifras, a partir das declaracións do reitor da Coruña: “En Galicia hai 400.000 analfabetos”, máis do 15 % da poboación. Somos o 6,6 % da poboación e consumimos o 4,8 % dos libros do estado. Supoñemos o 5,8 % do PIB español e o 10% da poboación agraria. Estamos a cabeza do consumo de alcohol (15 %) e do índice de sobrepeso, aínda que somos a comunidade menos fumadora (22%). Posuímos a poboación máis envellecida de todas as CC.AA., unha das menores taxas de natalidade e un dos índices de desemprego máis elevado (12 %). Explican estas cifras os nosos baixos índices de lectura e a crise do noso sector editorial?

Noticia tranquilizadora

José Luís traquilízame: Isaac non ten nada grave. Apenas a gripe de todos os invernos. En pouco días, estará outra vez novo. Será certo, como expresa nos seus artigos, que non ten Seguridade Social? Outra brincadeira do noso xenial editor decano.