Valados

Valados.

Externalización de fronteiras?

Preparando o artigo de mañá atopei informacións interesantes sobre a recondución dos emigrantes africanos ata a fronteira arxelina. Recomendo ver este testemuño e mais estoutro para comprender mellor o estado desta emerxencia humanitaria que require dunha acción inmediata.

A industria dos incendios

Grazas ao Mr. dot chego a esta explicación tan plausible das razóns dos incendios que están arrasando Portugal. Por outra banda, Iván realiza un comentario moi interesante na páxina de Juan Varela sobre o que está sucedendo estes días en Galicia.
A foto que publica Mr.dot é tan desoladora coma o noso estado de ánimo.

Ardemos

Así titulei o artigo da semana. A verdade é que lendo as noticias de hoxe creo que me quedei curto e moi piadoso cos pirómanos.
Revisando nas seccións de opinión, tanto dos medios impresos como dos dixitais, non atopo ningunha outra referencia a este problema. Ardemos e queremos mirar para outro lado?

Quen está detrás das lapas?

Vivín un día obsesionado polos incendios. Pola mañá, moi cediño, mentres escribía o artigo da semana (tituleino “Ardemos”, pretendo interpretar todas as variables desta complexa situación) o zunido dos hidroavións sobre a ría alertoume sobre a magnitude do problema.
Diante da miña ventá comprobei que xa había lumes en Domaio, na aba da Lagoa da Guía ou na propia Madroa. Ao mediodía, camiño de Panxón o panorama da Serra do Galiñeiro era desolador: reaviváranse as frontes de Baíña, Peitieiros e Oia e unha mesta nube negra cubría todo o Val Miñor e a Serra da Grova.
Á noitiña, de volta para Sal, vindo pola autoestrada (alí se poden admirar as máis bonitas vistas de Sal), a situación era aínda moito máis preocupante: á altura do aeroporto de Peinador o incendio de Fornelos tiña unha fronte de lapas que semellaba abranguía varios quilómetros.
En Panxón nunha das terrazas preferidas do paseo, diante duns cafés e duns tés, especulamos con Josito sobre as motivacións destes desapiadados pirómanos e constatamos, por varias chamadas, a enorme precupación do goberno galego sobre a evolución ao longo do día da situación.
Diante de criminosos tan perigosos coma estes chiflados incendiarios (o 85% dos incendios son intencionados), que atentan frontalmente contra o patrimonio natural e contra o noso futuro, a Xustiza (entendo que a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza ) e as Administracións competentes (o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Rural) debería poñer en claro diante da cidadanía galega cáles son os verdadeiros móbiles destes delincuentes.
Saben os meus amigos que, cando se constituíu o goberno conxunto, comentei en privado que tiña a intuición de que o primeiro problema serio a enfrontar sería a actuación desta vaga de pirómanos incontrolados. Infelizmente, o meu agoiro cumpriuse en toda regra. Quen está detrás destas lapas? Que podemos facer os cidadáns para apagalas de vez?

De volta

Seguindo o sabio consello de María non vou fardar do medio milleiro de fotos que fixen da viaxe nin enumerar o número de xeados, frapés, esprumatas e pizzas que catamos con entusiasmo.
De volta, o primeiro que fago para poñerme ao día é ler os faros atrasados e os bloglines de toda a semana. Atopo algunhas moi boas noticias (sobre todo a do nomeamento de Luis) e outras moi decepcionantes.
No artigo da semana intento chamar a atención sobre a alarmante situación da sinistralidade laboral, un tema do que, a pesar da súa gravidade, se fala moi pouco.

RDM

O foro de gurús empresariais e económicos que se está desenvolvendo estes días achega reflexións que non teñen perda.
Preguntado o xaponés Kenichi Ohmae, considerado un dos gurús mundiais en estratexias de desenvolvemento rexional, sobre qué facer para que Galicia sexa máis atractiva, contestou de forma lacónica: a palabra clave é RDM: o resto do mundo. Tenche moita razón, neste país noso tan chovinista, cómpre abrir a mirada cara fóra.

Rromipén

Hoxe, día do pobo xitano, é bo saudar o número que a Festa, a magnífica revista que dirixe María Xosé Queizán, dedicou recentemente a etnia do pobo xitano.
Oito millóns de europeos, seiscentos mil deles españois sofren o alarmante crecemento do racismo e do medo ao outro que se está producindo en todo o continente. Non está mal recordalo e non virarlle ás costas á realidade dun pobo nómade coa que nos topamos diariamente.

Triunfo da morte

Miguel Anxo proporciona hoxe, entre tanto ruido, un contrapunto necesario que recomendo vivamente.

España aconfesional?

Despois das cinco horas de debate desta tarde na televisión da Conferencia Episcopal (algo tan incrible como vergonzoso) comprobo que Escolar ten toda a razón:

Tres días de luto oficial, a pesar de que la Constitución define el Estado como aconfesional. Los políticos españoles, presidente del Gobierno incluido, han suspendido la campaña vasca y el resto de la actividad política. La supuesta ofensiva anticatólica del gobierno y la izquierda parece haberse desvanecido con el óbito papal. En los grandes medios, independientemente de su posición ideológica, la corrección política y el respeto atávico a los muertos puede con cualquier reflexión crítica.” Otro análisis de Periodistas 21: “El desafío imperial de la iglesia“.