É incrible
/en Sociedade/por bretemasNin os meus peores vaticinios, de hai menos de dúas semanas, agoiraban este novo desastre. Botámonos a chorar?
Actualización (23:00 horas): o verquido semella moi perigoso. As autoridades tratan de evitar que chegue aos bancos marisqueiros de Arousa. Agardemos que funcione a coordinación interinstitucional e as medidas dos técnicos para evitar males maiores.
Aínda que haberá agardar a contar cos datos (descoñecemos a qué se dedica a empresa?, qué produtos utiliza?, desde cando funciona?) todo parece indicar que volvemos pagar a permisividade das pasadas Administracións autonómicas con este tipo de industrias. É posible que unha planta química como esta de Brenntag poida estar ubicada apenas a cen metros dun espazo medioambiental tan sensible como o do río Umia? Semella que esta non é outra catástrofe ecolóxica imprevisible ou motivada por un erro humano inevitable. Haberá tempo de pedir responsabilidades.
Actualización (03-09-2006, 11:00 horas): mágoa que a prensa de hoxe non achegue moitos novos datos sobre a catástrofe. O que non hai dúbida é que a mancha é tóxica (formada por compoñentes derivadas do petróleo) e como veleno arrasa a biodiversidade alí por onde pasa. Non hai dúbida, tampouco, de que se podería ter evitado e que hai moitas responsabilidades por dirimir.Actualización (04-09-2006, 07:30 horas): as máis recentes informacións de Medio Ambiente e as publicadas hoxe por diferentes medios sinalan que afortundadamente o verquido comeza a ser controlado. Non estaría de máis que decontado se elaborase un mapa das instalacións de risco, existentes no país, semellantes ás de Caldas, e un plan galego de emerxencias.
Actualización (04-09-2006, 21:30 horas): é moi de agradecer a actuación rápida, enérxica e determinada de Pachi Vázquez para atallar canto antes a crise. O máis sorprendente das novas de hoxe son as declaracións dos responsables da empresa que atribúen a causa do incendio á “electricidade estática” e ás “elevadas temperaturas”. Se estas circunstancias non están contempladas nos protocolos de seguridade, é para botarse a tremer.
A nosa dimensión tráxica
/en Sociedade/por bretemas
Onte mentres especulabamos sobre as razóns da catástrofe incendiaria, a nosa dimensión tráxica acentuábase, semella que sen solución de discontinuidade, co accidente de Villada.
Como atinadamente sinala hoxe Juan esta nova traxedia amosa a precariedade patética e vergonzosa das actuais comunicacións de ferrocarril con Galicia (practicamente nas mesmas condicións de hai vinte e cinco anos cando fixemos a mili). Son moitos os nosos milleiros de mozos e mozas estudantes ou emigrantes “mileuristas” que poden dar testemuño do estado calamitoso dos nosos enlaces ferroviarios con Madrid, Euskadi ou Cataluña. Un escándalo que se produce mentres se nos solicita paciencia por agardar á vindeira década polo AVE.
Négome a aceptar que podamos considerar estas catástrofes continuas como un sino tráxico dun país periférico ao abeiro da súa mala sorte. Somos os primeiros en sinistros medioambientais, laborais e viarios. Podemos continuar resignándonos sine die a encabezar este taboleiro da España máis negra? Algo máis que lamentarse haberá que facer para evitalo? Ou non?
Cal será a próxima?
/en Sociedade, Vídeos/por bretemasCal será a próxima catástrofe medioambiental?
(Vídeo vía Contando estrelas)
Actualización (24-08-2006): os autores do vídeo son galiciaenpie.com, a cadaquén o seu. Os meus parabéns polo seu traballo
Arde a nosa pel
/en Sociedade/por bretemas
Cando onte á noitiña deixamos a Pawley na Coruña, despois da asinatura de Agustín e da recollida dos premios Lecturas, non sabiamos que na nosa viaxe pola autoestrada comprobariamos tan de preto o horror provocado polos terroristas do lume. Xa pasaramos unha Compostela sitiada por unha mesta nube de fume mais, en chegando a á altura da entrada ao “corredor” de Sanxenxo, foi cando unha barreira de lapas nos impediu continuar. A garda civil obrigounos a dar a volta para coller en disciplinada ringleira a estrada xeral. Dende as curvas de Barro contemplamos atónitos a forza das lapas nas súa plenitude invadindo a autoestrada e ameazando con chegar ás vivendas. Dende Pontevedra a Vigo, de novo xa na AP-9, viaxamos mergullados na nube de fume: invadiunos, entón, unha enorme tristeza cando comprobamos que o cumio do Xaxán, despois de tres xornadas, continuaba ardendo. Deitámonos verdadeiramente conmocionados, sabendo que moitos dos nosos compatriotas pasarían a noite defendendo impotentes os seus eidos.
A Ría na UVI
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Sociedade, Vigo/por bretemas
No artigo da semana reflexiono sobre a degradación da Ría de Vigo, por mor da desvastación urbanística da beiramar e polos problemas do saneamento, e sobre a necesidade de que o concello propoña de inmediato unha ubicación para a nova depuradora.
Condutor alternativo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Sociedade/por bretemas
A cuestión dos accidentes de tráfico sempre me preocupou moito. Reflexiono sobre ela no artigo da semana.
Rosas murchas
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Sociedade/por bretemas
No artigo da semana atrévome a propoñer unha reflexión, a partir do asasinato de Águeda González, sobre o insidioso fenómeno do terrorismo contra as mulleres. Teño unha certa perplexidade que sobre este tema se debata tan pouco nos nosos blos.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Feira do libro na Alameda1 de Xullo de 2026 - 4:07 a.m.
Xabier P. DoCampo no «Álbum de Galicia»28 de Xuño de 2026 - 9:58 a.m.
Lectura en galego e xénero27 de Xuño de 2026 - 10:51 a.m.
Festa do orgullo24 de Xuño de 2026 - 10:49 a.m.
O novo Vigo vello17 de Xuño de 2026 - 10:44 a.m.












