Manuel Sendón: casas doentes

Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!

Libros canapé

Os libros canapé asolagan as mesas de novidades das librarías. Son os reis do novo mercado do libro.

O editor do libro canapé necesita un personaxe “coñecido”: actor, actriz, presentador de televisión, tertuliano, deportista, político en ascenso ou declive, ou simplemente un dos visitantes semanais das páxinas de papel cuché ou das imaxes do Tomate, da Dolce Vita ou do programa da tamén escritora AR. Un personaxe que aborde un tema de “rabiosa” actualidade, polémico ou chamativo (violencia doméstica, corrupción urbanística, anecdotario médico, separación dolorosa, traxedia persoal…); ¡magnífico!, se conta toda a verdade nunhas memorias (escritas por el mesmo) a tumba aberta ou nun libro de conversas autorizadas cun xornalista experto; extraordinario!, se o personaxe se atreve mesmo cunha primeira novela, escrita en apenas quince días de intenso traballo, entre sarao e sarao.

O editor propón unha extensión controlada: menos de duascentas páxinas é a cifra ideal, para conseguir así un volume que se poida vender no mercado a un prezo asequible. O resto queda en mans da maquinaria da editorial: unha corrección impecable de estilo, unha cuberta atractiva, utilizando os novos tratamentos infográficos; unha tipografía e un interliñado xenerosos que faciliten a lectura do novo público lector que se quere gañar; e sobre todo, isto é o máis importante, conseguir unha distribución arrolladora que desprace aos “produtos” da competencia. Velaí a fórmula segura do éxito dos editores do libro canapé.

Con todo, falta aínda un ingrediente decisivo: unha campaña mediática potente, apoiada polos programas de televisión dos comunicadores á moda. Para iso hai que coidar todos os detalles: montar unha presentación nun hotel de campanillas que serva exquisitos canapés; atopar uns presentadores carismáticos que “avalen” o libro e demostren coas súas gabanzas a importancia cultural do novo texto; asegurarse que se vai reunir “toda a profesión” e “todos os moitos amigos” do novo autor ou autora que agardarán estoicamente na cola para que lle asine os primeiros exemplares. As cámaras dos programas de cotilleo, os suplementos dominicais coas súas entrevistas que descubren o rostro descoñecido do autor, as listas dos máis vendidos nos xornais, e, se o libro ten tirón, a “turné agotadora” por provincias. farán o resto.

Nese contexto tan atractivo, a quen lle pode extrañar que Ana María Ríos publique o seu primeiro libro relatando a súa apaixonante experiencia? Haberá quen pense que este primeiro libro canapé galego contribúe a normalización do noso sector editorial. Un interesante debate sobre as diferenzas entre os produtos editoriais e a edición de cultura na que algúns teimamos. Permanezan atentos á pantalla, isto só acaba de comezar.

Etiquetas:

Manifesto por un fútbol atlántico

Hoxe remexendo en papeis vellos, na procura de algo que non din atopado, apareceu ao chou, nunha das vellas libretas que conservo, o texto do “Manifesto por un fútbol atlántico“, a intervención que Manuel Rivas leu no Ateneo da Coruña o 2 de abril de 1985, con motivo da presentación da súa primeira novela, Todo ben.

A pesar de estar escrito antes da aparición do Superdepor, o Celta europeo (daquela os dous en segunda) e a selección galega, este manifesto conserva a súa actualidade. Crear un novo estilo ofensivo de pases e ideas longas é preciso tanto para o fútbol como para o conxunto da sociedade galega.

Transcribo o texto de Manolo, só actualizando lixeiramente a ortografía.
Galicia leva vinte mil anos á defensiva, segundo deixo dito Sánchez Albornoz. Habería que engadir: vinte mil anos á defensiva e case un século de fútbol subalterno.
O peor non é que o noso fútbol sexa de segunda senón que o sexa tantas veces o noso espírito. Non se trata de reivindicar a vitoria como obxectivo supradeportivo que xustifique calquera medio para acadala, mesmo as máis suxas mercadorías. Non hai nada máis efímero que a vitoria, que calquera vitoria. O importante non é gañar nin tampouco participar. O importante, cando se xoga, é querer perder ou querer gañar, a vontade de ser.
Trátase, si, de alentar un novo espírito.
Un fútbol mediocre, administrado con mediocridade, acaba envilecendo ao pobo. É así que o espectáculo máis triste non sucede no campo, senón fóra de xogo, nas bancadas e aínda alén do estadio. Galicia, como a Irlanda de Joyce, é un pobo “escravizado polos sacerdotes e abandonado de Deus”.
O peor do fútbol galego non é o fútbol en si, con ser malo, senón o que representa, o que significa socialmente. Se algo nos mostra a historia do fútbol é que alí onde non existen ideas, dificilmente hai goles. Pola contra, alí onde hai pases longos, en profundidade, tamén hai ideas longas, de futuro.
O fútbol galego carece de imaxinación, de inconformismo, de vontade de ser e de espírito ofensivo. Os que dirixen non aparecen nas caricaturas de Castelao pero deberían estar. Son bandullos andantes con puro fumegando, provincianos desleigados e servís que teñen o deporte como plataforma de intereses cando non tapadeira de corrupción. Eles non aman o fútbol. Utilízano.
Nos anos trinta, cando lle preguntaron sobre a autonomía, Valle Inclán dixo que Galicia debería rexirse por un Estatuto Atlántico que afirmase máis aínda a súa singulariedade. Tamén en Galicia debería xurdir un fútbol con fasquía atlántica, un froito de tanta encrucillada. Un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sul e de ideas longas como as ondas do océano.

Manuel Rivas

A Coruña, 2 de abril de 1985
Etiquetas: , ,

Queda alguén aí?

TVE Galicia emite mañán, domingo día 7, ás 11.30 da mañá pola 2, Queda algúen aí?, un documental sobre a grave e crecente despoboación no rural do interior de Galicia. A través da vida dunha aldea (Pedroso), na que máis da metade dos seus habitantes supera os cincuenta e cinco anos de idade, plásmase un problema que afecta a todo ese rural do interior galego, un extenso territorio que, se non se pon remedio, en poucos anos será un deserto humano. Para os veciños de Pedroso, a obra máis necesaria é un tanatorio, que os ten ilusionados a todos, a case todos… Os que coñecen o documental afirman que é interesante.

Actualización (7.1.07): Efectivamente, o documental pagaba a pena. Como xa fixera en Carrilanos, Rafael Cid, o seu director e guionista, consegue en cincuenta e cinco minutos un relato naturalista dunha comunidade campesiña onde latexan as enormes contradicións do noso tempo (a emigración e a inmigración, a vida subsidiada dos maiores, o abandono das actividades agrícolas tradicionais, a mudanza dos costumes, o envellecemento da poboación, o peche de escolas, a itinerancia dos cregos, o “turismo” dos enterros…). A construción dun formidable tanatorio de dúas plantas (valorado en 114.000 euros e pagado integramente coa tala dos piñeiros comunais) serve de metáfora e fío narrativo da historia dunha aldea que, inevitablemente, semella esmorecer, aínda que tamén emerxe a esperanza que alí outra vida tamén é posible. Mágoa que o documental fose emitido de forma case clandestina (supoño que haberá máis oportunidades de velo). Un exemplo de como é posible que as televisións públicas produzan espazos de calidade. Beizóns para Rafael Cid e a TVE Galicia.

Actualización (8.1.07): La Voz faise eco do documental, ao tempo que aparece a noticia do recurte da programación en galego e para Galicia de TVE. Que fai o Goberno Galego para denunciar semellante desfeita? Acaso non poden impedilo de algunha maneira?

Etiquetas: , ,

Futbolistas emigrantes

O segundo encontro da selección foi, loxicamente, un chisco menos emotivo que o do debut do pasado ano, aínda que a nivel estritamente de xogo resultou moito máis rico e interesante. O combinado galego, a pesar de non poder contar con algunhas das súas estrelas (Oubiña, Aspas, Salgado ou Cabanas), empurrou cunha calidade e afouteza sorprendentes. Moi ben amparado dende a porta por un segurísimo Diego López e dende o medio da defensa por Rubén (o compostelán fixo un partido espectacular, tanto no corte como nos desprazamentos longos da pelota ao xeito inglés), durante a primeira parte o Mago Viqueira adonouse do medio do campo distribuíndo coa fineza dun artesán; mágoa que as oportunidades, que chegaron de varios centros de Trashorras, non puideran ser aproveitadas (indubidablemente, fáltanos remate). Na segunda, a pesar do gol ecuatoriano (o lanzamento da falta foi espléndido), a entrada do xove Jonathan Pereira (hoxe no Villareal, mais procedente da canteira viguesa do Santa Mariña de Cabral e do propio Celta) e de Diego Castro revolucionaron o partido coa súa capacidade de desborde e caneo. Froito dunha das súas sociedades chegou o merecido gol galego que restablecía o equilibrio dun encontro emocionante e intenso. Cando saímos de Riazor, a maioría dos seareiros non estabamos satisfeitos só polo feito de ter gozado e cantado no noso segundo amigable, se non, e isto é aínda máis importante, por ter comprobado sobre o terreo as moitas posibilidades que atesoura esta nova xeración de valiosos futbolistas galegos, a maior parte emigrantes. Que fan o Celta e o Depor que non tratan de reintegrar para o país a toda esta xente? Que lle ten que envexar Rubén a Tamas ou Jonathan Pereira a Núñez ou Nené? Acaso Viqueira non dirixiría con máis criterio e eficacia ca o están facendo os actuais medio centros do Deportivo? Mouriño e Lendoiro (ou os seus responsables técnicos) deberían tomar boa nota de todos estes nomes. Onte o fútbol –ese deporte que sempre semella representar máis que un xogo con pelota– amosouse, outra vez máis, como espello do imaxinario e do real da sociedade. Galicia segue a producir emigrantes.

Volve Richard Sennett

Coincido con Juan en que Richard Sennet, Zygmunt Bauman e Ulrich Beck son os tres sociólogos claves na análise da sociedade postmoderna. Dos tres a obra que mellor coñezo é a de Sennett, que sigo dende a publicación das traducións en español de La corrosión del carácter e El respeto. Acabo de rematar a lectura a súa máis recente entrega La cultura del nuevo capitalismo, un libro no que sintetiza a súa análise sobre a cultura do traballo no que el denomina “a era da fragmentación”.
Para o pensador social norteamericano os traballadores estamos sometidos a unha inevitable corrosión do carácter provocada pola agresiva cultura relacional do que el chama “capitalismo impaciente”. Vivimos nunha era da fragmentación, onde cada individuo debe encarar o reto de definirse a través de constantes mutacións profesionais en ausencia de institucións capaces de dar sentido á vida (o que podemos definir como “precarización” da empresa por medio da externalización dos seus servizos). Reto ao que habería que engadir outro non menos complexo, o de dar a talla na chamada “sociedade das habilidades” na que o talento xa non se valora e as competencias do individuo quedan axiña obsoletas (o que supón a dificultade ou a imposibilidade de facer planos a longo prazo, a presenza do fantasma da inutilidade dos mozos ben preparados como outro paradigma da fragmentación). Retos, os anteriores, ao que habería que sumar o da necesidade de buscar un lugar dende o que sexa posible manter vencellos co pasado que sexan capaces de explicar argumentos de vida que cadaquén debe ir tecendo (que remiten aos fenómenos da “soidade acompañada” ou da desigualdade cada vez máis vencellada cos fenómenos do aillamento).
Este novo libro de Sennett, para min moito máis claro que os dous anteriores, constitúe dende unha perspectiva moral un alegato contra a “cultura da superficialidade” na que o consumismo desaforado (Viva o o Nadal!) substitúe á politica e os apaños e a solidariedade familiar ás medidas sociais. Sennett remata o seu ensaio reivindicando unha nova cultura do traballo ancorada en tres grandes valores, que considera decisivos:
O relato: procurar o sentido de conexión narrativa no traballo, atopar o argumento ou sentido do que facemos. Sennett apunta como iniciativas innovadores deste esforzo as realizadas nos Estados Unidos e na Gran Bretaña para dar forma ás “institucións paralelas” que tratan de facilitar aos traballadores a continuidade e a sostibilidade ausentes nas organizacións flexibles e a curto prazo, as experiencias de “emprego compartido” e as de “ingreso básico”.
A utilidade: procurando, sobe todo nos servizos públicos, un recoñecemento socialmente inclusivo de todo tipo de traballos.
O espírito artesán: definido como “o desexo no traballo de facer ben algo polo simple feito de facelo ben.”
Un libro de referencia, a contracorrente, que nos interroga continuamente e que axuda a mellor entender o noso tempo presente. Recoméndoo.

Os privilexios da igrexa católica

A próxima pastoral da Conferencia Episcopal, na que se aliña co Partido Popular amosándose contraria a negociación con ETA, reclamando o “recto funcionamento” das institucións democráticas (sic) e na que critica ao que chama “laicismo radical” pola súas posicións sobre a recuperación da memoria histórica (a min gústame máis o termo “republicana”), amosa a prepotencia da igrexa católica e a súa certeza de que no marco político actual non vai a perder nin un ápice dos seus privilexios.
Tras os recentes acordos co goberno de Zapatero sobre o financiamento e a posición morniña dos socialistas sobre o regulamento do ensino da relixión na nova reforma educativa, os bispos saben que os seus privilexios (económicos e educativos) non corren perigo ningún e, obrando en consecuencia, manifestan sen temor as súas posicións políticas máis reaccionarias.
Pregúntome moitas veces a razón pola que estes señores non admiten en España o sistema de financiamento alemán (o da igrexa europea máis poderosa) na que só os cidadáns que se recoñecen católicos (un 50%) pagan un imposto para sufragar o seu culto. Pregúntome, tamén, se é moralmente defendible atacar a política de recuperación da memoria do Goberno (morniña, tamén, e ben afastada dos compromisos que expresara ao inicio da lexislatura) e, ao mesmo tempo, conservar nos muros de tantas igrexas as exaltacións do rancio nacionalcatolicismo: “A los caídos por Dios y por España”?
Está moi claro que estamos aínda moi lonxe dunha secularización da nosa sociedade (ese principio de subtraer do relixioso todas as actividades da vida) e de enarborar a bandeira da liberdade de conciencia (noutras palabras: o laicismo). En definitiva, esta é unha pastoral ben previsible. Hai razóns para queixarse?

Actualización (27-11-2006): Recomendo este texto de Juan: Máis laicismo.

O encaixe roto

«O encaixe roto» é o título dun conto escrito hai cen anos por Emilia Pardo Bazán, traducido por María Xosé Queizán dentro do volume Fenda, loucura e morte. Micaelita Aránguiz, unha rapaza da alta sociedade, rompendo todas as convencións sociais do seu tempo, decide cando o bispo lle preguntou se recibía a Bernardo por esposo, soltar un «non» tan claro como enérxico. Camiño do altar engancháraselle o valiosísimo volante de encaixe que pertencera á familia do noivo, unha auténtica marabilla! A noiva, ademais de comprobar decepcionada o retallo sobre o delicadísimo labor, observou a cara de Bernardo contraída e desfigurada por unha irritación vivísima e naquel instante fugaz –conta dona Emilia– «alzouse un pano, e detrás apareceu espida unha alma». Aquela expresión de ira, dureza e menosprezo, permitiulle a moza, nun momento de lucidez, librarse do destino que lle estaba reservado, negándose a seguilo.

Dona Emilia, observadora intelixente e audaz, incansable batalladora da causa feminista, denuncia con grande lucidez, neste relato o dereito da muller a decidir o seu propio destino e a acceder en igualde de condicións cos varóns a todos os ámbitos da vida pública. Despois de cen anos de loita feminista, ninguén é capaz de deter a maior revolución deste século que remata, a da paridade entre homes e mulleres. A pesar da igualdade formal acadada nas sociedades occidentais e a relevancia da muller no sistema educativo actual, aínda son moitos os obstáculos existentes que impiden falar dunha igualdade verdadeiramente real; obstáculos que atinxen tanto ao ámbito da vida privada como da pública, dicotomía onde reside a orixe de todas as desigualdades que oprimiron á muller.

Neste século modificáronse moito as leis, pero moito menos os costumes e a vida cotiá. Hoxe as mulleres soportan, entre a esperanza e o desacougo, unha dobre xornada de traballo, doméstica e profesional, ocupándose case en exclusiva do coidado dos fillos, dos vellos ou dos enfermos. A auténtica igualdade de oportunidades non existe no mundo do traballo, onde os máis baixos niveis salariais e os máis altos de desemprego castigan sempre as mulleres e onde son moitos os obstáculos de todo tipo que teñen que franquear para acadar un nivel paritario de participación nos órganos de decisión das empresas e institucións. A violencia sobre as mulleres segue sendo unha constante que non mellora co paso dos anos, un fenómeno con cifras espeluznantes: no mundo entre o 10% e o 40% das mulleres sofren algún tipo de violencia, dende a mutilación xenital ao tráfico de adolescentes; en España morre cada semana unha muller vítima de malos tratos. Violencia que constitúe un auténtico terrorismo de xénero, un verdadeiro problema de Estado, que amosa ás claras e con contundencia que a muller continúa a ser considerada máis como obxecto que como suxeito.

Avanzada xa a primeira década do novo século será necesario acometer a revolución pendente do xénero: transformando as actitudes e os comportamentos de homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, feminizando aos homes e por extensión a toda a sociedade, modificando as concepcións actuais do que é público e do que é privado; en definitiva, promovendo un cambio de mirada sobre as nosas formas de vida, tomando conciencia de que hai un estilo ignorado de facer as cousas. Será imprescindible tamén, que os gobernos e os homes nos impliquemos na loita contra a violencia de xénero e na corrección das desigualdades que aínda discriminan e afectan ás mulleres, indo moito máis alá de xestos electorais e cotas de participación máis ou menos efectivas. Hoxe ese encaixe roto, ese momento colectivo de lucidez, esa anticipación dun futuro roubado, é a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. A causa de toda a sociedade neste Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Gennet Corcuera

O momento culminante da magnífica conferencia de onte de Pilar Pérez Esteve sobre as “Competencias lingüísticas no marco da Reforma Educativa” foi cando relatou a historia de Gennet Corcuera, a primeira española xordocega que chega á Universidade. Recordou que a estudante comentara nunha entrevista que o momento máis inesquecible da súa vida foi cando “comprendín que cada cousa ten o seu nome, foi coma romper unha cápsula de aceiro”. Poucas veces escoitamos unha referencia máis valiosa para explicar o valor da linguaxe para regular emocións e sentimentos, para entender como a lingua é a mediadora principal de todo tipo de aprendizaxes.

Avós e avoas

Entre as fotos que conservo no estudio, teño moito afecto por unha pequena, xa envellecida, na que aparezo co meu avó Suso “Beleiro” na festa de santa Ana. Polo pantalón tan curtiño, o nique e os campins que levo penso que debe corresponder ao verán do ano sesenta e cinco ou quizais do sesenta e seis. Un fotógrafo de festa, daqueles aos que se lle pagaba na man e logo mandaban o retrato a casa, deixoume para sempre a imaxe feliz do meu avó materno, un humilde ebanista de Mantelas, que nos contaxiou a todos os netos o formigo inquedante por participar nas romaxes do Vigo popular.

Volvín á imaxe do meu avó carpinteiro, cando lin o informe da secretaría de Política Institucional de CC.OO sobre o papel dos maiores de sesenta e cinco anos no coidado dos nenos. Un estudo que constitúe unha nítida radiografía de cómo se organiza a vida cotiá das familias traballadoras e que demostra que as avoas e os avós xubilados (máis de seis millóns en España) teñen un papel decisivo na atención diaria dos netos. Así, un setenta por cento de avós e avoas con netos de 0 a 3 anos ocúpanse diariamente deles (máis da metade na casa da avoa materna). Un oitenta por cento coidan dos nenos durante as horas posteriores á saída do colexio (máis do cincuenta por cento na casa da avoa materna). Porcentaxes que son moi semellantes cando caen enfermos ou cando teñen vacacións (nada máis e nada menos que o setenta e cinco por cento, o que demostra que a maioría dos pequenos “veranea” en casa dos avós). Un informe que proporciona outros datos para a reflexión e que amosa ás claras que para un oitenta por cento das nais traballadoras menores de corenta anos a axuda dos seus pais no coidado dos fillos é “importante”, sendo “imprescindible” para un trinta e sete por cento das menores de trinta anos.

Cifras, con maior ou menor grao de fiabilidade, que demostran, sen embargo, o feito innegable de que esta intensa solidariedade interxeracional é a que esta facendo posible a incorporación da muller á vida laboral e que as familias poidan saír adiante. Os avós, singularmente as avoas maternas, son a opción que deben escoller as nais traballadoras que non poden pagar a contratación doutra persoa para coidar aos seus fillos. Cando as familias modificaron a súa estrutura e dimensión –cada vez son máis reducidas, diversas e inestables– as avoas convertéronse na peza mestra da política asistencial á infancia.

Os avós e as avoas posúen un papel decisivo na densificación da identidade e cohesión da familia: son creadores de harmonía e memoria vivificada. Os avós e as avoas influén na conformación da personalidade dos netos proporcionándolles, nalgúns casos, outros modelos de comportamento emocional ou espellos doutros costumes de vida (dende a alimentación ás actividades de lecer), constituíndo, sempre, unha referencia valiosa na construción do criterio moral do neno. A súa vez, os avós neste contacto cos pequenos, alén do valor da transmisión da memoria e das raíces identitarias de cada grupo familiar, melloran a súa autoestima, xa que se sinten, a pesar das dificultades de lidar con eles, útiles e necesarios.

Este papel decisivo da presenza das avoas amosa, tamén, a pobreza de servizos que ofrece o noso actual estado do benestar e as disfuncionalidades do noso sistema educativo. Sen desmerecer a axuda que están proporcionando as persoas maiores, precísanse máis prazas públicas de escolas infantís para menores de tres anos, máis prazas para estancias de verán dos rapaces en campamentos ou granxas escola, máis actividades de lecer e animación nas cidades organizadas polo concello, un novo horario e calendario escolar máis flexible e extenso… Potenciemos as pegadas indelebles dos avós e das avoas sobre os seus netos e organicemos, tamén, unha sociedade interxeracional máis xusta e equilibrada.

Etiquetas: ,