Con frei Betto

Débolle ao amigo Xulio Ríos un encontro intenso de dúas horas desta noitiña con frei Betto, un intelectual brasileiro con grande presenza internacional. Este dominicio foi durante dous anos asesor de Lula no programa Fame Cero. Escritor incesante (ten 53 libros publicados), conferenciante por todo o mundo, articulista (oito textos semanais), director durante vinte anos da revista América Libre, ensaísta, novelista, especialista en nutrición e gastronomía, posúe unha mirada que deita esperanza sobre un mundo que semella esgazarse. “No Río e no Sao Paulo hai dous millóns e medio de mozos entre os catorce os vinte anos que non remataron o ensino primario. Eles son a maioría dos que morren atacados e dos que atacan”, afirmaba cando falabamos da vida cotián na Rocinha (onde viven catro centas mil persoas) ou en Santa Marta, onde non existe o estado e ten outros donos.
Falando moi amodiño cun charuto na man, dos que lle agasallou o seu presidente, describiunos a síndrome da mosca azul, a que padecen algúns políticos de partidos de esquerda cando quedan apegados aos sabores do poder. “Chegan ao goberno, mais esquecen que non teñen o poder”. Para el esta mosca azul é un síntoma máis da crise da democracia no entorno actual da globalización liberal.
Reiterounos o seu agradecemento pola acollida que recibiu nestes tres días nas dúas conferencias que pronunciou en Galicia e o seu desexo de ver algún día publicado en galego un dos seus libros. Confesounos que a proximidade cultural entre os nosos pobos e a facilidade da comunicación foi unha sorpresa que non agardaba. Despedímonos falando das saudades de Perdices, o distrito paulistano onde vive e do que eu gostei o pasado ano. “Deberiamos vivir trescentos anos como as tartarugas. Os primeiros cen para aprender, os seguintes para crear e traballar e os últimos para ensinar” díxonos cando entraba pola porta do seu hotel.