De «La Oliva» a «El Miño»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao xornal La Oliva:

Ao fío do sequiscentenario de La Concordia, a pasada semana apenas citamos o xornal que o precedeu, La Oliva, publicación de espírito provincialista, aparecida en 1856 e con saída bisemanal, os xoves e os domingos, coa intención de rivalizar dende posicións liberais e progresistas coas máis moderadas de Faro de Vigo, nacido case tres anos antes, cando ao actual decano non chegara aínda o conservador José Elduayen, o seu guieiro ideolóxico durante tres décadas. Unha rivalidade xornalística que vitalizou culturalmente a Vigo, mais tamén decisiva para conformar por primeira vez un espazo de comunicación e confrontación ideolóxica entre os moderados e a alianza dos progresistas e demócratas vigueses, xusto cando a cidade comezaba a súa modernización, reclamando a chegada do ferrocarril, o desenvolvemento portuario e a súa expansión fóra das murallas. Competencia que facilitou o asentamento durante décadas de dúas tipografías concorrentes na cidade, a de Ángel María de Lema (Faro de Vigo) e a dos propietarios de La Oliva e El Miño, despois de La Concordia, o que acuñaría na cidade unha tradición e un liderado editorial en Galicia que por ventura chega á actualidade.

Segundo xornal nacido en Vigo, se non computamos na serie o Seminario Patriótico (1823) e El Gratis (1843), un periódico de anuncios de carácter gratuíto, saído da imprenta de Gabriel Román, traída de Portugal por José Araújo, La Oliva naceu arredor da familia burquesa Chao, procedente do Ribeiro, asentada en Vigo desde que José María Chao abrira, no trienio liberal (1820-1823), a súa botica na Praza da Constitución. Foi o seu primeiro director e sostén financeiro o avogado José Ramón Fernández Domínguez «Carballo», casado con Concepción Chao, filla do boticario, sendo o redactor xefe o seu irmán Alejandro Chao, o director literario Manuel Murguía e o impresor e director durante a maior parte da súa traxectoria Juan Compañel Rivas, que en 1855 chegara de Madrid para facerse cargo do prelo que «Carballo» adquirira na rúa Real 21, tras recibir a adxudicación da impresión do boletín provincial da provincia de Pontevedra, o que sen dúbida, facilitou a aparición de La Oliva. Acubillo ao xornal vigués que a estirpe dos Chao completaría –segundo o investigador vigués Xurxo Martínez, que dedicou a súa extraordinaria tese de doutoramento a esta publicación– o deputado en Cortes e futuro ministro de Fomento, Eduardo Chao, como protector ideolóxico e político da publicación.

Cun formato de 33 x 26 cm e unha disposición a catro columnas, La Oliva publicouse nunha primeira xeira dende o 2 de febreiro de 1856 deica o 11 abril de 1857 cando foi pechada por orde gobernamental. Decontado a cabeceira foi substituída por El Miño, conservando o seu espírito progresista, continuando a numeración e mantendo a súa impresión na rúa Real, sendo o seu animador principal Juan Compañel, que modificou o formato, 47 x 33 cm e a disposición a cinco columnas. O 10 de outubro de 1868, coincidindo coa revolta da Gloriosa, a redacción decidiu recuperar o título orixinal, La Oliva, mantendo tamén a numeración, que na data do seu peche, o 30 de abril de 1873, chegou aos 1.925 números. Tanto como La Oliva como El Miño o xornal de Compañel, segundo Xurxo Martínez, constituíron «un esforzo por recrear os elementos que integraran o imaxinario nacional colectivo», dando entrada nas súas páxinas ás colaboracións dos autores provincialistas e xa con «Juan Compañel na dirección presentándose como o periódico nacional e portavoz do Rexurdimento», concibido non de forma exclusiva como unha manifestación literaria, senón como un verdadeiro movemento de carácter político.

Baixo o subtítulo de «Periódico de Galicia» e o lema «Todo por Galicia. Todo para Galicia», aparecido na mancheta de El Miño, Compañel puxo o xornal vigués ao servizo dos intereses de Galicia, fosen políticos, económicos e culturais, na lóxica compartida coa doutrina do provincialismo. Xornal que Manuel Curros Enríquez consideraba «guía da causa do rexionalismo» e Murguía «o que máis influíra nos destinos do noso país, nos folletíns da «Biblioteca de La Oliva», no suplemento cultural «Floresta» dirixido por Murguía ou no Álbum El Miño (1858), primeira antoloxía da literatura galega do século XIX, participaron os escritores sobranceiros do Rexurdimento, reforzando –como sinala Xurxo Martínez– «a función da literatura como forma de expansión do ideario provincialista». Pechado en 1873, cando Compañel foi nomeado delegado do Ministerio de Fomento en Ourense e vendeu a imprenta a Miguel Fernández Dios, o espírito de galeguismo vigués con emprendemento económico de La Oliva xermolaría en publicacións periódicas e editoras que décadas despois callaron na edición galega moderna de referencia.

Sequiscentenario de «La Concordia»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao sequiscentenario de La Concordia e ao bicentenario do Semanario Patriótico de Vigo:

Celebramos hoxe, 2 de maio, o sequiscentenario da aparición en 1873 do primeiro exemplar de La Concordia, o periódico de oficiosa filiación liberal, que serviu á política, primeiro de Eduardo Chao, despois de Ángel Urzáiz, máis tarde, do agrarismo, que competiría durante cinco décadas con Faro de Vigo, aparecido vinte anos antes, que da man do seu propietario e impresor Ángel de Lema e Marina se fora vinculando coas posicións conservadoras de José Elduayen. Nacemento de La Concordia que celebraba aqueloutro, tamén un 2 de maio, mais de cincuenta anos antes, do Semanario Patriótico de Vigo, primeiro periódico impreso na provincia de Vigo na imprenta de Pascual Arza, cuxo único primeiro número (dos trece publicados) se conserva nos fondos do Museo de Castrelos. Xornal mural impreso por unha soa cara, a dúas columnas, desaparecería o 4 de agosto de 1823, cando as baionetas das forzas reaccionarias ao mando do xeneral Pablo Morillo –aquel heroe oportunista da Reconquista, nomeado coronel a toda presa, a quen hoxe se debería privar de honras– esmagaron ao pobo vigués, rematando así coa súa efémera capitalidade do trienio liberal.

Foi o primeiro director de La Concordia Miguel Fernández Dios, a quen axudaba o xove xornalista Ramón García Vicetto, establecendo a súa redacción na rúa Vitoria 10 e os seus talleres na praza da Constitución 6, na imprenta do seu director e propietario. Inicialmente saía os martes e os venres baixo o subtítulo de «Periódico de comercio e intereses xerais», epígrafe modificado en 1894 como «Primeiro diario de Vigo», no mesmo ano no que se trasladaron as oficinas e o prelo á Praza do Sol 3 e cando se lle asignou o teléfono número 50, o que se facía constar na mancheta, como tamén a cifra da tirada do día anterior, daquela próxima aos tres mil exemplares. A comezos de 1878 comezou a saír diariamente (menos os festivos), dirixido xa polos fillos do fundador, primeiro Eudoro Fernández Lema, despois Miguel, anticipándose máis dun ano á que Faro de Vigo, entón trisemanario, se convertese a partir do 7 de xullo de 1879 en «Diario da tarde». Continuou así unha oposición persistente entre ambas as dúas cabeceiras viguesas, que Xosé María Álvarez Blázquez considera «sempre ponderada e construtiva», «con esporádicas manifestacións de nerviosismo», o que non impediu nalgunhas ocasións que unisen as súas voces en defensa dos intereses de Vigo, mentres continuaba a competencia comercial e publicitaria.

Inicialmente apareceu cun formato de 23 x 24 centímetros e constaba de catro páxinas, dispostas a catro columnas, abrindo a primeira cun artigo editorial, durante algún tempo encabezado polo antigo lema do xornal La Oliva, do que se declaraba lexítimo descendente, «Todo por Galicia, todo para Galicia», dedicando a cuarta a publicidade. Formato, paxinación e maqueta modificada ao longo da súa historia, tanto polo incremento das súas seccións, a inserción dende 1907 de gravados de personaxes, paisaxes e monumentos como polas publicación dos seus folletíns de autores galegos como de estranxeiros traducidos, concibidos para ser encadernados como libros da Biblioteca de La Concordia. Procedemento utilizado para a publicación de varias das novelas de Benito Vicceto, escolmas de poesías de Alberto Camino (1881) e Francisco Añón Paz (1878) ou os ensaios El cura de Fruíme. Estado social de Galicia durante el siglo XVIII (1881) de Fernando Fulgosio e as Monografías de Vigo (1878) do chorado Teodosio Vesteiro Torres.

Nas páxinas de La Concordia, dirixidas desde 1900 por Miguel Fernández, neto do fundador, sendo redactor xefe Juan de Villavicencio, colaboraron figuras literarias como os poetas vigueses Luis A. Mestre e Juan Neira Cancela ou a pioneira Concepción Arenal. Como nos seus anos serodios na páxina dos luns dedicada a narración publicou Castelao algúns dos seus relatos e o poeta Luis Amado Carballo os seus primeiros textos. Anos, entre 1918 e 1922, nos que se ocupou da crítica literaria Manuel Lustre Rivas, figura por rescatar do esquecemento, o xornalista vigués mártir, asasinado o 10 de novembro de 1936 na Cuncheira, director que foi tamén do semanario Acción Viguesa (1922), redactor xefe do xornal vigués Galicia. Diario de Vigo (1923) e xa durante a República redactor de Faro de Vigo, redacción onde foi detido antes de ser encarcerado na illa de San Simón. La Concordia deixou de publicarse en 1924, tras a decisión adoptada pola súa propietaria a Editorial Vigo S.A., tamén a dunha cabeceira nova, El Pueblo Gallego, que dende o 27 de xaneiro de 1924 collera o revezo. Como noxento foi que a colección de La Concordia, como denunciou Álvarez Blázquez, fose queimada na vía pública, «nun acto de incualificable incivilidade», que pasará a historia das infamias viguesas ocultas.

O Salón

Até o 7 de maio está aberto o XXIVº Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a nosa festa da lectura cidadá. Centrado arredor do lema «Libros para xogar!», unha chiscadela agarimosa aos pedagogos italianos Francesco Tonucci e Gianni Rodari, o Salón tece redes con Colombia como país convidado, que presenta a súa literatura infantil e xuvenil e as súas experiencias socialmente transformadoras a partir dos libros e da lectura. Programa ao que o cento de actividades arredor do xogo e a lectura se engaden as merecidas homenaxes á ilustradora Maife Quesada e ao escritor e activista cultural Manuel Lourenzo González, tamén un dos primeiros directores do Salón. É a do Salón, organizado dende 1999 polo concello de Pontevedra, no marco do proxecto municipalista de cidade educativa da alcaldía do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores, unha experiencia de éxito, tanto pola súa continuidade (por riba de crises e pandemias) como pola súa capacidade para mudar e sorprender, para actualizarse en cada edición (como ven sucedendo nas últimas), sen perder faragulla ningunha da súa enerxía creativa nin da pulsión da colaboración e empatía cos centros educativos (os protagonistas deste encontro), contando coa presenza dos autores e autoras, ilustradores e ilustradoras, editoras, librarías e persoas mediadoras. O Salón amosa que é posible construír cos libros e coa lectura cidadá (entendendo como tal un fenómeno interxeracional e hibridado en xéneros e soportes) espazos de esperanza. Como demostra a excelencia acadada ao longo destes case cinco lustros pola literatura infantil e xuvenil galega que atopou no Salón unha plataforma de visibilidade e prestixio para a presentación das súas novidades e iniciativas, e máis recentemente coa Residencia Artística do Salón e coa celebración do Congreso Internacional de Mediación Lectora, un espazo tamén para a creación e innovación como para a reflexión e a formación do profesorado comprometido co poder transformador dos libros.

Publicado en Nós diario: 26/04/2023

Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á memoria da iniciativa editorial na cidade de Vigo:

As primeiras imprentas de Vigo establecéronse a partir de 1822, ao abeiro do Decreto sobre liberdade de imprenta de 1810, coa intención de publicar as ordes oficiais e os primeiros folletos e libros. Do taller do valenciano Pascual Arza saíron en 1823 os trece números do Semanario Patriótico, o primeiro periódico vigués, órgano político da provincia de Vigo, que deixará de publicarse tras a entrada en Vigo o 4 de agosto de 1823 das tropas do reaccionario xeneral Pablo Morillo. Da imprenta do vasco Sebastián de Iguereta, chegado en 1840, saíron ese mesmo ano os exemplares do Boletín Oficial da provincia de Vigo e o Boletín de Vigo, ademais  do primeiro libro publicado na cidade, do que temos constancia, o Catecismo Histórico de España de Santiago Filgueira, profesor de primeiras letras do Colexio de Humanidades de Vigo, ao que seguiu Cristina y su manifiesto a los españoles, asinado por «Un joven vigués».

Secasí, haberá que agardar a que o emprendedor vigués Ángel de Lema e Marina instale en 1847 a que será a primeira imprenta estable e duradeira da cidade, na que se publicará o decisivo Informe sobre el cólera morbo asiático (1848) de Nicolás Taboada Leal, ao que seguiron outros folletos sobre temas pesqueiros e educativos de profesores vigueses, até que o 3 de novembro de 1853 imprima no seu prelo de madeira o primeiro número de Faro de Vigo. Con todo, será a chegada de Juan Compañel, cuxa familia publicara en 1840 no seu taller compostelán a Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, ría y alrededores do médico Nicolás Taboada Leal, libro que dalgún xeito é o primeiro estudo do Vigo contemporáneo, quen fixe o proxecto de Vigo como cidade referente da edición literaria en Galicia e en galego. Do taller de Compañel da rúa Real 21, saíron os exemplares do periódico La Oliva (1856), despois El Miño (1857), así como libros decisivos como La primera luz (1859) de Manuel Murguía, as primeiras novelas de Rosalía de Castro ou o libro inicial na nosa lingua da mesma autora, Cantares gallegos (1863).

Vigo do libro que consolidarán as oficinas de imprenta de Faro de Vigo (Rúa Príncipe 21) e do seu competidor, o xornal La Concordia, impreso na oficina de M. Fernández Dios (Praza da Constitución 6), onde se imprimiron numerosos folletíns literarios por entregas e títulos como Monografías de Vigo (1878) de Teodosio Vesteiro Torres ou Cuentos vigueses (1881) de Ramón García Vicetto. Outras imprentas da fin do século XIX foron as de Ángel Varela Gómez (Paseo de Afonso XII), que publicou a novela Todo malo (1895) de Jaime Solá; a de Cerdeira e Fariña (Praza da Constitución 6), editora de Fragmentos de la Historia de Galicia (1900) de Justo Areal e a de Eugenio Krapf (Rúa Policarpo Sanz 17), impresor suízo chegado de Sevilla responsable de edicións de títulos clásicos, como La Celestina (1899) ou El diablo cojuelo (1902), que destacaban polo seu gosto refinado, na escolla tipográfica e nos materiais de impresión.

Vigo do libro que se desenvolveu con plenitude ao longo do século XX, tras un período inicial de languidez, con impresións literarias ocasionais, como a Dos arquivos do trasno (1926) de Rafael Dieste e La saudade y el arte en los pueblos célticos (1928) de Plácido Castro, saídas da imprenta de El Pueblo Gallego, ou apenas coas xeitosas edicións comerciais de José Cao (Rúa Príncipe 30), popularizadas coas iniciais de PPKO, ou coa dos esmerados folletos turísticos en cor da Litografía e Imprenta Roel (Rúa Velázquez Moreno 36), algúns en inglés destinados a conseguir a chegada de visitantes. Rematada a guerra, recomezouse a edición de libros en Vigo, por parte da editorial Cíes, fundada en 1944 por Eugenio Barrientos, da familia de libreiros e impresores establecidos na rúa do Príncipe 43 dende finais de século. Cíes popularizou durante unha década as novelas do oeste en España, contando coa autoría de Marcial Lafuente Estefanía, que vivía no edificio Pernas de Travesas, así como editou as primeiras publicacións dirixidas en Galicia a público infantil.

A partir de 1950 puxéronse en marcha os proxectos de edición galeguista, das edicións Monterrey de Xosé María Álvarez Blázquez e Luis Viñas Cortegoso, e da editorial Galaxia, que pilotarían Francisco Fernández del Riego  e Xaime Isla Couto, entre outros activistas galeguistas. Vigo como capital editorial galega, tamén como unha das cidades que mais libros publican en España, que se consolidaría nos comezos da Autonomía, coa actividade das editoras viguesas: Galaxia, Castrelos, Xerais, A Nosa Terra, Ir Indo, Nova Galicia, Cumio, Sept, Nigra, CEF, Xerme, Tambre… e máis recentemente de novas como Elvira, Belagua, Catro Ventos, Creotz, Triqueta Verde… Un Vigo do libro indispensable para explicar o carácter industrial e o dinamismo cultural da cidade dende hai douscentos anos.

Pequena historia de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás publicacións sobre Vigo dirixidas á infancia ou ao seu emprego con finalidades didácticas:

Dentro da ampla bibliografía dispoñible sobre Vigo e a súa historia son escasos os títulos dirixidos á infancia ou concibidos para súa utilización con propósitos didácticos. Unha eiva que xa hai catro décadas tratou de atenuar o Departamento de Educación do concello de Vigo coa publicación da colección Materiais Pedagóxicos para Investiga-lo Medio, coordinada por Rafael Ojea, na que se publicou aquela primeira Guía de recursos didácticos de Vigo para a escola (1986), gromo dun dos primeiros programas de utilización didáctica da cidade artellados no estado. Un esforzo editorial do concello de Vigo que tivo continuidade na colección Datos da Concellería de Patrimonio Histórico e Medio Ambiente iniciada con Vigo nalgúns dos seus topónimos (1990) de Gerardo Sacau Rodríguez e na que ao longo da década se publicaron unha decena de títulos.

Un catálogo didáctico sobre a historia de Vigo ao que o Instituto de Estudios Vigueses (IEV) fixo importantes achegas na súa colección de Materiais Didácticos iniciada con A cultura castrexa. Vigo hai 2000 anos (1994), ao que seguiron, A Prehistoria. As raíces de Vigo (1995), Vigo Romano (1997) e Vigo Medieval (2000), obras de Hidalgo Cuñarro en colaboración con José Manuel Rodríguez Sobral e na cuarta de Rafael Sánchez Bargiela. Serie á que complementou o Atlas Básico de Vigo e a súa área (IEV, en coedición con Xerais, 1999), concibido como material didáctico de consulta que pretendía ofrecer unha panorámica do Vigo metropolitano en tres tempos: a memoria do pasado histórico, as encrucilladas do presente inestable (entón na fronteira da mudanza de século) e as expectativas de desenvolvemento futuro. Intencionalidade compartida por Vigo na historia (A Nosa Terra, 1998), unha excelente síntese da historia viguesa en 64 páxinas preparada por Basilio Cegarra, apoiada en documentación visual moi coidada e rigorosa, que dende a súa publicación foi o primeiro referente nas bibliotecas escolares viguesas para traballar a historia da cidade metropolitana.

Panorama da divulgación histórica viguesa na que merecen un espazo principal os dous volumes da Historia Ilustrada de Vigo que Faro de Vigo publicou en 1996 en 72 fascículos de dezaseis páxinas. Un logro editorial no que se mesturaban os textos históricos e a ampla documentación gráfica rescatada por un equipo de redactores do decano (José Ángel Otero Ricart, Rogelio Garrido, Fernando Franco, Eduardo Rolland, Luis Piñero, Javier Mosquera, J.A. Xesteira, Juan Carlos Recondo, Francisco J. Gil e Chema García) coas seis páxinas de cómic debuxadas e coloreadas por Bofill (na súa maior parte) e Javier Aguilera sobre os guións de Patricia Álvarez Hernández. Unha obra que merece unha reedición actualizada, ou canto menos a súa dixitalización, para facilitar o acceso dos escolares. Como tamén foi valiosa Un día dentro de las murallas (La Voz de Galicia, 1996), obra de Carlos Núñez, ilustrada na súa maior parte por Evaristo Pereira, na que destacaba a vontade divulgadora na presentación de textos e ilustracións.

No contexto de semellantes antecedentes, apareceu con espírito anovador Pequena Historia de Vigo (Embora 2022) froito da colaboración creativa do escritor Pedro Feijoo e do ilustrador Xosé Tomás. Un álbum que sintetiza os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo» franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Temas que non esquecen a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista. Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, patatillas ou manises. Unha obra que combina con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a persoas novas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela. Un traballo referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guión de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables e homenaxes emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Un libro importante para a bibliografía viguesa que recomendo vivamente e non pode faltar nas nosas bibliotecas escolares nin nos andeis das persoas curiosas pola historia de Vigo.

 

Ferreiro nacionalista galego

Luís Gonçales Blasco «Foz», unha das dez persoas participantes no acto fundacional da UPG o 25 de xullo de 1964, ofrece en Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais 2023) o retrato do comportamento político do autor de Celanova no que salienta a súa participación no movemento nacionalista e antifascista galego. Turrando de memoria e de documentación detallada esclarecedora, «Foz» relata a militancia de Ferreiro dende os dezasete anos nas Mocedades Galeguistas  (1932), a súa participación na creación da UPG e algunhas das súas achegas ao partido como a organización en trepias, células de tres membros nas que unha contactaba cunha cuarta, ou o nome de Terra e Tempo para o órgano de propaganda. Como reconstrúe os anos de amargura en Venezuela, aclara o proceso da súa expulsión da UPG (1974) e contextualiza na Reforma Política a súa incorporación ao PSG de Xosé Manuel Beiras e a participación na Candidatura Democrática Galega ao Senado (1977) pola provincia de Ourense e a creación da Irmandade Galega de Madrid (1978), como a posterior militancia anecdótica na agrupación viguesa do PSOE nos seus derradeiros meses coa intención (inxenua) de galeguizalo. Secasí a cerna da obra atopámola na reivindicación da figura de Celso Emilio Ferreiro como poeta nacional galego, tras a campaña sectaria e calumniosa de desprestixio que sufriu tras o seu pasamento (1979) e unha década despois, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, ao fío da que algúns críticos e poetas amigos negaron o seu nacionalismo e o cualificaron de poeta bilingüe. «Foz», como xa anunciara en traballos anteriores sobre esta polémica, ofrece un relato alternativo e veraz, alicerzado sobre a propia obra do poeta, que constitúe a xusta e necesaria reparación da dignidade de quen foi patriota galego. Recomendo esta valente biografía política tan esclarecedora sobre a figura de Ferreiro.

Publicado en Nós Galicia 05/04/2023

35 % LIX

Ás portas da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) cómpre salientar que a LIX é o primeiro piar da edición en galego, xa que en 2021 supuxo o 35 % da facturación do sector (5,8 millóns de euros), o 36 % dos títulos publicados en galego polas editoras da AGE (278) e o 33 % do catálogo dispoñible en galego nas librarías (5.466 títulos). Cifras que amosan un crecemento sostido e continuidade da súa dependencia da rede de distribución escolar. Consolidación á que non foi allea a diversificación e excelencia dun catálogo que ofrece tanto álbums e libros ilustrados de xéneros, temáticas e formatos diversos, como lecturas de ficción nas clásicas coleccións graduadas das editoras xeralistas (Merlín, Sopa de libros, Árbore, Meiga Moira, Oqueleo, Fóra de Xogo, Costa Oeste…), recomendadas nos centros escolares e apoiadas pola presenza de autores e autoras ou espectáculos de mediación. Oferta alentada dende hai anos por editoras con vontade de especializarse en LIX, como Kalandraka e OQO, fenómeno emulado nos últimos pola aparición de novas editoras ou selos con semellante vontade, como Bulubú, Triqueta verde, Patas de peixe, Cuarto de inverno, Aira editorial ou Verdemar, entre outras. Anovación que detectamos tamén no catálogo de autorías e de obras premiadas nos concursos para textos inéditos, como na ampliación do interese da maior parte das editoras polo libro de non ficción e polo cómic e banda deseñada. Xaora, a chave do sector infantil e xuvenil galego continúan estando na súa capacidade para ofrecer lecturas valiosas e atractivas en galego que contribúan dende as primeiras idades á formación dun lectorado que en contadas ocasións a emprega de forma habitual. Con todo, o futuro da nosa LIX pasa por unha atención preferente ao lectorado neofalante como á formación do lectorado literario adolescente, tarefas nas que editoras, autorías e instancias mediadoras (bibliotecarias e profesorado) deben compartir unha estratexia entusiasta.

Publicado en Nós diario: 29/03/2023

Historias do Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar 100 historias do Celta de Eduardo Rolland:

Ás portas da celebración do centenario, o xornalista Eduardo Rolland publicou 100 anos de Historia do Celta. Un século escrito con afouteza e corazón (Ardemar Edicións 2022), libro no que ofrece medio cento de textos que resumen o primeiro século de fútbol celeste. Historias que contribuíron a forxar a identidade e o carácter do club nacido en Vigo coa intención de constituír un equipo de dimensión galega, competitivo a escala internacional, nunha disciplina que os entusiastas traballadores da Eastern Telegraph Company practicaban de forma afeccionada dende facía case tres décadas. Unha tradición futbolística pioneira, vinculada á dimensión portuaria da cidade, consolidada a partir de 1895, ano no que os empregados do Cable Inglés fundaron o Exiles Cable Club, o primeiro club de fútbol vigués. Práctica deportiva que adquiriría índole profesional coa creación dos dous clubs que se fusionarían o 10 de agosto de 1923: o Fortuna (1908) do campo de Bouzas e o Real Vigo Sporting Club (1914) da chamada “catedral” de Coia, entidade que a súa vez xurdira da fusión do New Club Vigués (1906) e do Sporting Club (1911). Clubs vigueses que dende 1906 até 1923 monopolizaron os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial até a creación da Liga en 1929.

Rolland ofrece unha historia literaria e singular, renunciando a proporcionar estatísticas e clasificacións, coa intención de salientar así as figuras celestes máis icónicas (xogadores, adestradores e directivos), os acontecementos deportivos principais (fosen vitorias como derrotas inesquecibles) e os momentos críticos ou tráxicos dun club, que uniu o seu devir ao da propia cidade da que foi (e continúa sendo) o seu primeiro emblema no mundo. Relatos para os que o autor escolle a lingua galega, o que merece beizón, tanto por tratarse dunha achega importante para o catálogo do libro en galego, como pola coherencia coa propia historia dun club nacido para representar ao seu país. Velaí a escolla de nome entre as propostas de Breogán e Celta, tras un concurso popular auspiciado, como o proceso de fusión, por Manuel de Castro “Handicap” dende as páxinas de Faro de Vigo. Velaí a escolla do equipamento, en principio o vermello e branco da bandeira viguesa, pouco tempo despois, xa en competición oficial, mudado polo azul celeste e calzón branco, como sinalou Juan Baliño Ledo, o secretario da mesa fundacional do club, «xa que desde o principio sempre se quixo que o Celta representase a Galicia».

Utilizando a prosa fluída e documentada, tinguida das pingas de retranca de obras anteriores, como Galicia en guerra (Xerais 2006) e Reconquista (Xerais 2009), Rolland ofrece nestas prosas celestes algúns retratos memorables. Velaí o do inglés Francis Cuggy, primeiro adestrador, escollido entre os trinta nomes propostos pola Federación Inglesa de Fútbol, que acadou en dúas tempadas o campionato galego. Como inesquecible é o do escocés que se fixo chamar Míster Cowan, cuxo verdadeiro nome era William Raeside, todo un impostor que non abandonada o seu rostro flegmático e a súa pipa, co que o Celta fixo unha boa tempada (1927-1928), rematada cunha xira por Arxentina e Uruguai. Como merece lectura atenta a participación nesta historia celeste de Laureano Álvarez Rodríguez, aquel telépata madridista de orixe galega que de forma “desinteresada” prometía levar ao Celta de novo a primeira división, o que para Derviche «a directiva sopesaba contratar, como o bruxo de Pereiró e un famoso curandeiro», na mesma temporada (1959-1960) na que iniciaría unha das décadas máis decepcionantes da súa historia en segunda división, cando as “circunstancias adversas” mandaban, como salientaba Ramón Allegue “o Tigre Padrón”, o mítico gardameta celeste, autor doutra interesantísima historia do Celta, desta volta en primeira persoa, publicada por entregas nas páxinas dominicais do decano.

Rolland relata as tres finais de copa perdidas in extremis, como lembra o escándalo de Jaburú e a traxedia de Quinocho, rescata con saudade a era da rianxeira, os ascensos da esperanza, algunhas das vitorias máis contundentes dos derbis ou retrata con agarimo algúns dos mitos celestes de sempre: o león Ruiz, Sansón, Pahíño, Nolete, Ademir, o capitán Manolo, Gudelj ou o Mago de Moaña, entre outros. Como non esquece a traxectoria na competición europea, dende a maldición da primeira eliminatoria co Aberdeen (1971), a participación en Champions hai dúas décadas, a épica semifinal de Old Tratford (2017), como o feito de que en 2000 o Celta gañase a Copa Intertoto, o único título europeo do fútbol galego.

Recomendo estes 100 anos de Historia do Celta, unha achega valiosa de Eduardo Rolland para a recuperación da memoria colectiva dun Celta centenario como para a historia da propia cidade de Vigo.

 

Bubble

No «Contafíos» de Nós diario saúdo a publicación de Deus salve as raíñas, a terceira entrega da seire «A señorita Bubble» de Ledicia Costas e Andrés Meixide:

Celebrei o comezo de entroido lendo Deus salve as raíñas (Xerais 2023), a terceira entrega da serie «A señorita Bubble» escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Andrés Mexide. Unha lectura gozosa dun texto engaiolante e complexo, con vontade inequívoca de clásico infantil, que amosa o talento desbordado da que é hoxe a nosa cabezaleira internacional do xénero. Un novo episodio protagonizado pola xenial inventora e mecánica, que manexa como ningunha outra a tecnoloxía do vapor, chamada desta volta pola raíña Isabel II coa intención de poder recuperar a súa peza máis valiosa desaparecida nun palacio de Buckingham infestado de ratas de cores. Unha historia tinguida de tópicos da cultura british, que permite a Ledicia despregar os recursos ficcionais do subxénero steampunk, que iniciara coa primeira entrega da serie A señorita Bubble (2017) e na que afondara na extraordinaria A balada dos unicornios (2018), mesturando como a ela mellor lle presta os ingredientes da fantasía, a ciencia e o humor retranqueiro. Unha fórmula maxistral lediciana aviada con referencias intertextuais a clásicos xuvenís como Verne (velaí a viaxe de regreso en cepelín, que permite a Meixide reunir aos personaxes) e, sobre todo, Roald Dahl, a quen homenaxea creando un río de queixo Cheddar fundido inundando as principais rúas londinienses, un atrevemento hipercalórico que o galés sometido hoxe aos rigores do politicamente correcto  moito aplaudiría. Despois da publicación de novelas importantes como Golpes de Luz (2021) e A lebre mecánica (2022), o seu terceiro Lazarillo, no que alerta sobre a silenciosa adicción xuvenil ás apostas, Costas amosa a versatilidade do seu potente catálogo ficcional para todos os públicos, capaz de crear mundos de ficción autónomos e singulares en permanente construción, como os das súas tres series: Bubble, Escarlatina ou os Minimortos, e facelo sen perder en cada entrega nin a excelencia nin a capacidade para sorprender nin o devezo de remoer a lectura.

A festa equivocada

No «Contafíos» desta semana en Nós diario recomendo A festa equivocada (Rodolfo e Priscila 2022) de Fran P. Lorenzo:

Unha das miñas lecturas favoritas recentes foi A festa equivocada (Rodolfo e Priscila, 2022), o libro no que Fran P. Lorenzo escolma os artigos que publicou no extinto xornal Galicia hoxe baixo o epígrafe «Vai de blog». Prosas en primeira persoa, nas que emerxe a voz íntima e familiar dun rapaz vigués sen aldea, nalgunha medida tamén debedoras das novas narrativas electrónicas, na década que se xestaron as utilidades das redes sociais. Setenta textos que hoxe lemos como unha brillante crónica do ocaso do absolutismo democrático e caciquil do fraguismo tardío, como da esperanza secuestrada ao goberno bipartito e á vontade colectiva de Nunca Máis, como do posterior inicio do borrado do disco duro dunha nación emprendida polo tecnócrata dos Peares e o seu cadro de eficientes liquidadores. Un exercicio destemido de xornalismo crítico e insurxente, unha ollada luminosa, elegante, urbana, dandi e queer, en palabras da prologuista María Yáñez, interrompida de forma abrupta pola autoridade eclesiástica compostelá que obrigou a rematar esta festa literaria, un reduto de liberdade na contraportada dos xoves daquel xornal en galego que desaparecería en xuño de 2011, sen deixar sequera o seu rastro na rede. Emporiso, os catrocentos textos de Fran P. Lorenzo desapareceron de internet, o que obrigou ao editor Carlos Meixide a un esforzado rescate, a partir dos exemplares conservados na Biblioteca de Galicia no Gaiás. Feito que fai d’ A festa equivocada obra aínda máis valiosa, grazas ao traballo paciente do editor que procura un contido único para ser conservado en formato libro, asumindo que as súas tarefas, ademais da fabricación, comercialización e comunicación, radican na escolla e no tratamento do propio texto. Edición excelente de Rodolfo e Priscila, unha das editoras independentes que está anovando o catálogo do libro galego, merecedora dos nosos parabéns.