Música, tamén en galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos festivais musicais de verán en Vigo:

Coincidindo co 75 aniversario do primeiro concerto ao aire libre en Castrelos ­–unha actuación do Orfeón donostiarra, que se anticipou unha década a aquel 13 de xullo de 1957 no que o Auditorio de Castrelos se estreou cunha representación de Otelo, incluída nos Festivais de España– as Tanxugueiras triunfaron no palco vigués por excelencia. 40.000 persoas, segundo estimacións do Faro, boa parte delas moi novas, brincaron coa foliada armada por estas tres pandereteiras que exploran novos espazos para a música tradicional galega, achegándoa a sonoridades contemporáneas.

Un excelente espectáculo musical recoñecido con entusiasmo no xeneroso auditorio vigués, onde hai semanas triunfou a despedida de Joan Manuel Serrat, amosando que Vigo continúa sendo o punto neurálxico da cultura galega, tamén da musical, mesmo a pesar do contexto tan adverso da lingua galega na cidade. A ilusión polo noso compartida por milleiros de rapazas ao latexo das Tanxugueiras, fenómeno que xa se manifestara cando participaron no televisivo Benidorm Fest, convida a esperanza tanto para o futuro da cultura e da lingua galega no sempre difícil mercado global como pola emotividade expresada por milleiros de corazóns entusiasmados por pertencer, roubándolles as palabras as tres cantoras de Teo, a unha Terra na que non se recoñecen fronteiras.

Tras as restricións da pandemia, é moi de agradecer que o sector musical pretendese recuperar neste verán a música ao vivo. E abofé que o conseguiu. Son ducias os festivais máis diversos que Galicia diante convocan cada fin de semana aos seus públicos, non sendo alleos en moitos casos aos recursos dun segundo ano de Xacobeo ou a que os responsables políticos das programacións de festas e cultura pretendan este verán anterior ás eleccións armar festa rachada en cadanseu concello.

Secasí, non podía ser doutra maneira, Vigo converteuse tamén no escenario principal da «batalla dos festivais» entre a Xunta de Galicia e o concello de Vigo. Unha concorrencia competitiva que por ventura incrementa a un nivel descoñecido na cidade da oliveira a oferta de música popular internacional sexa nos concertos de Castrelos e do TerraCeo do Auditorio, programados polo Concello de Vigo; sexa nos case vinte concertos entre os do Auditorio Mar de Vigo e os do Teatro Afundación, incluídos no programa do Xacobeo 21-22, do festival Latitudes, que se celebrará no peirao de Transatlánticos ou da presenza de Muse no estadio de Balaídos, organizados pola Xunta de Galicia; sen esquecer outras iniciativas privadas consolidadas na última década como o sorprendente festival Sinsal da illa de San Simón ou os concertos do Marisquiño, que contan con axudas de varias das administracións.

Diante desta ampla oferta, pagada con recursos públicos, é lexítimo reclamar a maior transparencia na contratación e na xestión dos concertos, sobre todo na venda anticipada das entradas, como a reclamar a presenza nos carteis de maior diversidade de expresións e xéneros e participación dos músicos locais. Criterios que no caso dos festivais vigueses están moi lonxe de respectarse, tanto por parte do Concello como da Xunta. Abonda repasar a programación de Castrelos para comprobar a raquítica presenza da música galega, coa excepción das Tanxugueiras, en xira pola península, e de Luar na lubre, formando parte do Festival Folclórico Internacional de Coruxo. Oferta local insuficiente, aínda que en menor medida, nos carteis auspiciados pola Xunta, centrados só no pop, rock e indie. Como fariña doutra muiñada foi a xestión das entradas de Muse e os inxustificados privilexios outorgados aos abonados do Celta.

Carlos Núñez, probablemente o músico vigués máis coñecido no mundo, denunciaba estes días a tan reducida oferta de música galega no Auditorio de Castrelos, onde non foi convidado a actuar dende aquel apoteótico concerto de 2004, onde contou coa presenza de varios músicos internacionais. Como semella incrible que a despedida dos escenarios de Siniestro total, o grupo vigués de rock máis importante das últimas catro décadas, non se puidese facer no anfiteatro de Castrelos, diante do seu público primeiro.

A música galega e os músicos vigueses en todas as súas expresións, dende a coral á clásica, dende o folk ao jazz, dende rock a todas as tendencias da música popular actual deben estar presentes en Castrelos de forma habitual, dialogando cos artistas internacionais alí convidados. Cómpre mudar a ollada das programacións musicais financiadas en boa medida con cartos públicos e dirixidas xeralmente polas preferencias e intereses do mainstream madrileño. O espectáculo de Tanxugueiras amosa que é posible recuperar a autoestima e o orgullo polo propio, estratexia que comprobamos conta co apoio do público.

Viana, o Schindler galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do deputado republicano Alejandro Viana Esperón:

A lista de Schindler (1993), o filme de Steven Spielberg, baseado na novela de Thomas Keneally A arca de Schindler, que representa a vida no gueto xudeu de Cracovia e a brutalidade do holocausto nazi, serviu tamén para desvelar a figura heroica de Oskar Schindler, o empresario alemán, espía e membro do partido nazi, capaz de rebelarse e salvar a vida de máis dun milleiro de xudeus polacos do campo de exterminio de Plaszow, contratándoos na súa fábrica de Cracovia. Unha iniciativa salvadora, recoñecida en 1960 polo goberno de Israel coa distinción de «Xusto entre as nacións», e máis tarde por Alemaña, como modelo de decencia e dignidade na defensa da vida dos seres humanos.
A publicación de Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (Belagua, 2021), biografía preparada polo avogado e politicólogo pontareano Roberto Mera Covas e galardoada co premio Losada Diéguez ao mellor libro de investigación e ensaio do ano, recupera do esquecemento a figura do deputado Alejandro Viana Esperón, a quen ben se lle podería alcumar como «o Schindler galego». Un relato emocionante e moi detallado que remata coa ocultación imposta dende hai case oito décadas sobre o periplo vital e o papel decisivo de Alejandro Viana, responsable de varias organizacións humanitarias, director do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE) entre 1940 e 1941, desde as que organizou expedicións marítimas colectivas de republicanos que naquela Europa ocupada polos nazis pretendían chegar a América para salvar as súas vidas.
Nacido en Ponteareas en 1877, con apenas catorce anos trasladouse a Vigo para traballar como dependente de comercio e formarse na tenza de libros de contabilidade no Centro de Instrución Mercantil. Fundador en 1901 da Asociación de Dependentes de Comercio de Vigo, iniciaría a súa actividade como industrial exportador de ovos e despois no sector da conserva, actuando como representante dos exportadores do porto de Vigo e participando en 1920 como accionista destacado de Tranvías Eléctricos de Vigo, empresa da que chegaría a ser presidente de 1935 a 1936. Directivo do Partido Republicano Vigués (1914), cofundador da Liga de Defensores de Vigo e do Ateneo de Vigo (1923), presidente do Círculo Mercantil, conselleiro delegado do xornal El Pueblo Gallego (1924), promotor do Estadio de Balaídos, foi designado concelleiro da corporación presidida polo alcalde Gregorio Espino, na que se responsabilizou do departamento de Facenda e na que ocuparía en 1926 a Alcaldía en funcións durante uns meses. Unha intensa actividade política e empresarial que continuaría na Segunda República como responsable en Vigo de Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña. Nas eleccións de febreiro de 1936 foi elixido deputado a Cortes formando parte da candidatura da Fronte Popular, sendo o candidato máis votado en Vigo e participando entre o 15 e o 17 de xullo de 1936 na comisión de deputados e alcaldes que entregaron o Estatuto de Autonomía de Galicia ao presidente da República.
Roberto Mera rescata no seu libro o compromiso de Alejandro Viana durante os anos da Guerra e do Exilio, fose como directivo das Milicias Galegas en Madrid e da Sociedade Galega Antifascista, ou como membro das Cortes reunidas en Valencia (1937), Montserrat (1938) e a derradeira en Figueres (1939), formando parte xunto ao tamén galego Osorio Tafall do grupo de apoio a Juan Negrín como presidente do Goberno. Será co inicio da vaga de refuxiados, tras a caída de Catalunya, nas praias de Saint Cyprien e Argelès-sur-Mer, cando Viana inicie dende París a súa actividade salvadora como xefe da Sección de Emigración do SERE, na que se ocupará de xestionar e organizar as expedicións de refuxiados cara aos países de acollida. Será Viana quen se encargue durante a primavera e o verán de 1939 de organizar o frete das expedicións dos «barcos da liberdade», o Sinaia, Ipanema e Méxique, que supuxeron a evacuación de 8.000 republicanos a México. Será tamén o responsable xunto ao poeta e diplomático Pablo Neruda da expedición do Winnipeg a Chile, a maior destas características que atravesou o Atlántico. Como será Viana o delegado oficial en París das Sociedades Hispanas Confederadas de Nova York que organizará outras saídas.
É incomprensible que tan brillante traxectoria humana, empresarial e política, como a dun hábil e paciente activismo diplomático, que salvou até 17.000 persoas, na que non falta sequera a odisea para chegar a México en 1941 e para tras once anos de separación forzosa reunirse no país azteca coa súa muller a viguesa Josefina Dotras Fábregas, non fose aínda recoñecida como merece polo concello e institucións viguesas. Parabéns a Roberto Mera por tan excelente traballo que rescata para a nosa historia a proeza da figura extraordinaria de Alejandro Viana, o «Schindler galego».

O galego tamén é para o verán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar un texto galegófobo do PP de Baiona:

Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galego

Esta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan «la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados». Texto no que entenden «que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística»; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.

Un texto político que aventuramos pasará á historia externa do galego por reunir en apenas un cento de palabras as mentiras e os prexuízos actuais máis grosos sobre a nosa lingua milenaria. Máis alá do desatino (sinónimo no vocabulario galego de “burrada”) e do atrevemento sen referencias académicas ningunhas de clasificar o uso das linguas pola estación do ano, outra forma de diglosia na que o galego continúa sendo a lingua inferior, o conto do grupo popular baionés (como ben advirte para estes casos o mestre Castelao) é ben triste xa que nega de raíz a existencia da propia lingua galega, á que se refire como “nuestro dialecto”, terminoloxía do máis reseso franquismo, anterior á Constitución, ao Estatuto de Autonomía de Galicia e á Lei de Normalización Lingüística que dende hai máis de catro décadas regula a nosa convivencia e a utilización das linguas cooficiais no espazo público. Un texto galegofóbico que en aras desoutro prexuízo de evitar que os nosos visitantes españois poidan sentirse molestos escoitando un monólogo en galego dun actor galego ou simplemente lendo na rúa un carteliño onde se anuncia, máis aínda se posúen unha segunda vivenda en Galicia (condición de propiedade que para os populares semella outorgarlles “dereito de veto lingüístico”), apela a que “por cortesía” durante o verán prescindamos do uso do galego e sexamos, dialogando co verso rosaliano, estranxeiros na nosa patria.

Este disparatado texto dos populares baioneses, que ben debería sequera ser comentado polos responsables galegos do PP, podería formar parte d’ O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais 2022), monumental obra recente na que o profesor Carlos Callón escolma en oitocentas páxinas documentos de proscrición, limitación, desprezo e ataque ao galego. Textos que documentan unha fobia poliédrica persistente, a galegofobia, o odio á lingua de Galicia, presente ao longo da historia en diversas formas, dende prohibicións polo seu uso privado e público, queimas de libros, castigos físicos, sancións administrativas ou multas  até os actuais prexuízos lingüísticos que obrigan a esa eterna ollada subordinada sobre o galego e sobre a propia Galicia como suxeito político. Neses poderosos anteollos que deforman a ollada sobre a nosa realidade lingüística, até facela irrecoñecible por mentirana e deformada, como sucede co estrafalario texto dos populares baioneses, identificamos a cerna do agravio lingüística actual, que coincide (e non parece fortuíto) cun retroceso do emprego do galego no espazo público até niveis preconstitucionais por parte dalgúns responsables políticos.

No entanto, do conto triste de Baiona paga a pena recoller o fío tan valioso da cortesía lingüística, un camiño de respecto e empatía de dúas direccións, que compromete tamén ás persoas que nos visitan e ás que decidiron compartir as súas vidas aquí durante a tempada nas súas segundas residencias. Deámoslle a volta ao carpín do abandono e da desidia e recoñezamos que o verán é un tempo de privilexio para gozar co galego, tamén, nos areais, cantís, prazas e terrazas de Baiona nas que un entorno acolledor de respecto e curiosidade as veraneantes poidan recoñecer a existencia da lingua galega e o se uso en espazos privados e públicos. Como o verán é tempo para que todas, tamén as visitantes, poidamos gozar da diversidade e da calidade das manifestacións culturais en lingua galega, sexa na música, no teatro, no audiovisual ou na creación literaria onde hai moito e bo para escoller. O galego é lingua milenaria de acollida, que abraza e agarima as persoas que con curiosidade e respecto se achegan a ela.

Baixas emisións

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha política de baixas emisións para Vigo:

Dous espazos naturais de encontro e convivencia dentro da cidade de Vigo emiten estes días o seu mayday, ameazados de desaparición. Refírome ao Parque García Picher, no corazón industrial da beiramar, situado entre as factorías de Barreras e a de conservas Albo, onde hai un século estivo instalado o campo de fútbol de Coia, espazo de privilexio que o concello anuncia converter noutro macroparque infantil de cemento e caucho, o que polas infografías difundidas polos medios dixitais suporá inevitablemente a desaparición completa do arborado e da herba e a súa posibilidade de utilización interxeracional, dende as crianzas ás persoas maiores. Refírome, en segundo lugar, aos xardíns das Avenidas, arranxados hai arredor de trinta anos na actuación Abrir Vigo ao Mar, onde se anuncia a construción dun aparcadoiro soterrado, xustificado como ampliación daqueloutro do Náutico, o fracasado «Robotizado», nunha actuación urbanística no moi sensible perfil da beiramar viguesa avalada polo concello, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca.

Actuacións ambas as dúas en zonas verdes consolidadas que destruirán, no caso da primeira, unha paisaxe viguesa moi singular, onde dende apenas dúas décadas se funde de forma case única en Vigo o arboredo coas guindastres e os cascos de ferro nas gradas dos estaleiros, e no caso da segunda, os xardíns urbanos de Montero Ríos, que dialogan coa frescura centenaria da Alameda, en pleno ensanche ideado por García Olloqui, coa pretensión de meter aínda máis coches nunha zona xa moi saturada que dende o Berbés, pasando pola Laxe e a praza da Estrela, até ao Areal, conta cunha decena de estacionamentos soterrados. Cabe preguntarse se con intervencións no tecido urbano como estas dúas se contribúe de forma eficaz a que Vigo conte a partir do 31 de decembro de 2023 dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), a que está obrigada pola Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética como cidade con máis de 50.000 habitantes, para reducir a contaminación no entorno urbano?

Transformación innecesaria do Parque García Picher explicable só pola grandilocuencia que o goberno municipal imprime a cada unha das súas actuacións dirixidas á infancia, coma se a súa obriga fose a de ofrecer parques de atraccións con estruturas de proporcións enormes e deseño extravagante, o que de facto supón consolidar parques cada vez máis desnaturalizados que privan ás criaturas do escaso contacto que na cidade poden ter coa natureza. Tras corenta anos observando o xogo infantil acredito con maior convicción que os elementos naturais, a auga e a terra, a area e a herba, son o mellor parque de atraccións e a primeira aula de aprendizaxe para os nenos e nenas de todas as idades; elementos naturais que facilitan ás crianzas a conquista da autonomía, a exploración dos perigos, o desenvolvemento psicomotor, as habilidades sociais e a cooperación entre iguais ou a exploración da creatividade. Seguindo as tendencias que hoxe se impoñen en Europa máis que grandes estruturas de esvaradoiros e chans de caucho requentado concibidas para un xogo guiado, o que se bota en falta nos parques infantís vigueses son árbores para gabear, máis randeeiras e xiradeiras, máis fontes e areeiros, limpos e ben conservados, como máis espazos de calma, sombra e frescura para os picariños e bancos para os avós e avoas ou nais e pais que os acompañan.

Como a todas luces é innecesario outro estacionamento soterrado nas Avenidas que como o resto dos existentes nun traxecto lonxitudinal de dous quilómetros contribuirá paradoxalmente a atraer máis tráfico sobre o centro e, polo tanto, máis emisións contaminantes. Compensa desfacerse do arborado arraizado nos xardíns de Montero Ríos, que por experiencia en intervencións anteriores semellantes sabemos será apenas substituído por arbustos chantados en macetas? Compensa semellante previsible desfeita dun espazo público naturalizado para dotar de máis prazas de estacionamento aos usuarios dos atraques  de embarcacións deportivas dunha concesión privada? Compensa estoutro paso atrás na difícil tarefa de facer un Vigo máis biodiverso e comprometido coa redución das emisións?

Neste contexto de transición ecolóxica convén lembrar que establecer unha Zona de Baixas Emisións obrigará en Vigo, como no resto das cidades, a aplicar restricións de acceso, circulación e estacionamento. Como tampouco está de máis recordar que conservar os espazos verdes existentes constitúe un requisito para preservar a biodiversidade urbana. No camiño de facer un Vigo máis verde e menos contaminante, un Vigo máis amigable para crianzas e maiores non semella a estratexia máis axeitada construír máis aparcadoiros no centro ou desfacerse de espazos naturais interxeracionais.

Ás portas do centenario

Rematada a tempada dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á encrucillada que enfronta o RC Celta SAD:

Finalizada a décima tempada consecutiva en Primeira cunha posición discreta na metade da táboa mais con alicerces sólidos na categoría dos mellores, ás portas da celebración do seu centenario (2023), o proxecto do Real Club Celta SAD non acaba de conectar coa súa masa social que, tras a pandemia, semella moi remisa a acudir ao estadio e en boa medida insatisfeita coas decisións de Carlos Mouriño, o seu dono e principal voceiro.

Unha desconexión co contorno celeste aparentemente incomprensible se temos en conta que tras dezaseis anos en mans de Ges, o grupo empresarial da familia de Mouriño, o Celta acredita contas saneadas e nas dúas derradeiras tempadas se mantivo sen abafos, probablemente grazas aos goles e liderado de Aspas, o mellor xogador da historia da canteira viguesa. Sen esquecer que nese período puxo en marcha o proxecto formativo de canteira, unha das punteiras do fútbol profesional, dotouse dunha sede no corazón da cidade e iniciou unha cidade deportiva de seu. Logros considerables, mais que non ocultan unha xestión carente de empatía tanto co seu propio cadro de profesionais, coa comunidade celtista como co Concello de Vigo.

U-las razóns desta desconexión paradoxal? U-las claves para recuperar o entusiasmo nas dúas vindeiras tempadas, no ano do centenario? O debate arredor destes interrogantes continúa aberto e moi acendido nas redes, situando en todo caso ao RC Celta SAD nunha encrucillada da que debe saír nos vindeiros meses.

O certo é que para normalizar a relación co Concello de Vigo moi pouco axudan as periódicas ameazas de Mouriño de abandonar Balaídos que, sen dúbida, forman parte da súa estratexia de confrontación persoal con Abel Caballero, primeiro responsable da corporación que, contando só coa axuda de Deputación de Pontevedra, leva varios exercicios reconstruíndo a anacos con gran esforzo financeiro e discutible resultado o vello estadio. A cidade sabe que o Celta non ten outra alternativa que continuar en Balaídos, o que inevitablemente obrigará a Mouriño a negociar co propietario desta instalación pública as condicións para os seus usos, deportivos e de lecer, procurando a maior comodidade e seguridade para abonadas e espectadoras. Como acontece coa finalización da cidade deportiva Afouteza de Mos que, por moito que se procure o amparo da Xunta de Galicia, só será posible contando tamén co acordo da propietaria dos terreos, a Comunidade de Montes de Tameiga.

Mais esta encrucillada non só é política, ten tamén un forte carácter comunitario e afecta á relación do club con todas as súas persoas abonadas, tamén os seus primeiros clientes, sometidas as máis diversas incomodidades, barreiras e desprezos dunha empresa case sempre insensible as súas demandas. Ausencia de agarimo acuñada na errática política de comunicación e redes, esencial para manter a cohesión e o entusiasmo de toda a comunidade celeste, que nalgunhas ocasións resultou allea á identidade e á historia do propio club, nacido para representar o fútbol galego en todo o mundo. Como a estas alturas está fóra de lugar a renitencia a contar cun cadro feminino, como o resto dos clubs de primeira, un empoderamento deportivo que por ventura sabemos imparable.

Xaora, está encrucillada do club celeste tamén afecta ao propio proxecto deportivo que non acaba de contaxiar o entusiasmo previsto. A xestión autoritaria do cadro de xogadores, cuxa peores expresións son a vergonzosa expulsión presidencial de Denís, o director de xogo na lameira, cen por cen celeste, máis tamén as barreiras case insuperables de acceso dos canteiráns da Madroa ao primeiro equipo ou a incomunicación entre o actual adestrador e os dos cadros filiais explican a perplexidade dunha afección que ve como non arrinca o proxecto do que debera ser a primeira canteira cen por cen galega.

Sei que moitas destas eivas da xestión RC Celta SAD son as propias do maldito fútbol moderno que transformou este xogo de pelota nun negocio multimillonario da industria do lecer audiovisual que conta co maior número de seguidores do planeta. Sei que o Celta non é alleo a esta dinámica e ás presións do mercado audiovisual e publicitario que comporta, mais iso non debería impedir que ás portas do seu centenario, máis alá da intención de vender máis camisetas, intentase recuperar a confianza da súa amplísima comunidade, dende as persoas abonadas, as peñas organizadas, as seareiras e simpatizantes viguesas e galegas até a diáspora celeste presente nos cinco continentes. Como o centenario obriga a que nas dúas vindeiras tempadas o club, sempre consciente da súa humildade e das súas posibilidades, intente acadar un logro colectivo, un obxectivo que volvese a facer soñar a un celtismo que nunca vai deixar só ao seu equipo. Pagaría moito a pena intentalo.

O Cristo da Guía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús na ermida da Guía:

Coñecemos hai poucos días o busto do Cristo da Guía, unha das seis pezas que formará parte da escultura do Sagrado Corazón de Xesús que esta semana se colocará sobre a ermida da Virxe da Guía, dedicada a Nosa Señora das Neves. Unha imaxe de granito de seis metros de altura e oito toneladas de peso realizada pola Escola de Canteiría de Poio da Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio co Concello e a Diocese de Vigo, que setenta anos despois pretende rematar o proxecto que para a igrexiña da Guía fixo o arquitecto Manuel Gómez Román. Cun custe de 84.000 euros, pagados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta escultura relixiosa está chamada para os seus promotores e patrocinadores a converterse nunha nova icona da cidade de Vigo marcando o perfil da ría dende os cen metros de altura do outeiro do castro da Guía, dende os que se pode enxergar tanto o horizonte das illas Cíes como o estreito de Rande e a enseada de San Simón e das salinas do Ulló. Unha instalación promovida inicialmente polo párroco de Teis que considera, segundo as súas declaracións á web infocatolica.com, «será a escala como unha especie de Cristo de Corcovado de Río de Janeiro», e que a propia alcaldía de Vigo considera «moi importante» porque «será visible dende toda a cidade».

Mais lonxe de tratarse doutra escultura instalada polo concello no espazo público, a colocación desta imaxe do Sagrado Corazón de Xesús (SCX) na ermida da Guía ten nun estado constitucionalmente aconfensional coma o noso unha dimensión crítica na orientación da política cultural da cidade tanto por tratarse dunha peza inequivocamente relixiosa como polas connotacións históricas que o SCX tivo para lexitimar ao bando dos sublevados en 1936, e a súa manipulación para dotar de “sobrenaturalidade” á guerra civil e a Francisco Franco como o seu líder e despois consolidar o seu goberno. Exaltación do SCX cunha forte pegada belicista, estudada polo historiador Pablo Baisotti (Cultura Latinoamericana, 2015), que dende o inicio da guerra civil se realizaba nas súas cerimonias de consagración e entronización presididas por xenerais e autoridades civís e relixiosas en igrexas ou nos locais de Falanxe, Sección Feminina ou Acción Católica. Como nas bandeiras do Requeté ondeaba a imaxe do SCX e os combatentes desfilaban cun distintivo de tea que levaba bordado o SCX coa palabra “detente”, transformando o simbolismo do corazón en protección contra as balas inimigas.

Culto ao SXC introducido en España polo xesuíta Bernardo de Hoyos  no século XVIII coa intención de conseguir a adhesión popular á devoción, que ao longo do século XIX se politizou intensamente sendo considerado en España como un símbolo da restauración do absolutismo monárquico e unha vía para consolidar a plena confesionalidade do Estado.  Tras o agravamento da chamada cuestión social a comezos do século XX e das políticas secularizadoras dos réximes liberais, a estratexia de procurar unha lexitimación relixiosa para a reconstrución cristiá da sociedade foi culminada coa consagración de España ao SCX no Cerro de los Ángeles o 30 de maio de 1919, estendéndose como devoción a Cristo rei durante a ditadura de Primo de Rivera como antagonista da cultura política democrática republicana que triunfaría nas eleccións de 14 de abril de 1931. Culto ao SCX que tras o Alzamento representaría a estratexia do nacional catolicismo que unía nun mesmo discurso os conceptos de Cruzada, relixión e Franco como Caudillo de España. Estratexia infelizmente recuperada no comezo da Reforma Política da década de 1970 cando o berro de “¡Viva Cristo rei!”, converteuse no identificador da extrema dereita.

Con semellantes antecedentes históricos é incomprensible e inédito que dúas administracións, concello de Vigo e Deputación de Pontevedra, custeen con fondos públicos unha imaxe relixiosa que representa a estratexia do nacional catolicismo de mesturar os cultos relixiosos coas súas implicacións políticas. Como é aínda máis desafortunado facelo na proximidade do espazo onde foi paseada o 11 de abril de 1937 unha parella de veciños de Teis, Ángela Iglesia Rebollar e José Niebla García, baleados de costas, cuxo único delito foi ser protestantes e desafectos ao réxime. Como tampouco cremos que a instalación da imaxe poida ser xustificada para completar o proxecto de Gómez Román, abandonado en 1951 por falta de recursos, nin tampouco para transformar o miradoiro en corcovado emblemático, cando apenas precisa de maior coidado do seu espazo natural e de regular o estacionamento de vehículos. Como é absurdo recorrer á instalación dun abuso de ostentación do nadal e a sufragar imaxes e procesións relixiosas coa intención de converter a Vigo nunha postal atractiva da que se sinta tamén orgullosa a súa veciñanza.

O caso do oceanográfico

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do Institto Oceanográfico de Vigo:

Tras as declaracións da ministra de Ciencia Tecnoloxía nas que anunciaba unha «descentralización» por razóns técnicas e científicas do Instituto Español de Oceanografía (IEO) voces autorizadas do sector como as de Alberto González-Garcés Santiso, membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) ou a de Edelmiro Ulloa, xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), explicaron nestas páxinas de opinión de Faro de Vigo o desprezo que isto supón para o Instituto Oceanográfico de Vigo, instalado en Cabo de Estai, o maior dos centros oceanográficos españois. Unha decisión á que non foi allea a absorción desta rede de investigación mariña pola estrutura do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e que de facto supón afastar de Vigo a dirección dos tres departamentos do IEO: Pesqueiras, Acuicultura e Medio mariño e protección ambiental. Unha decisión ministerial que marxina ao IEO de Vigo e creou malestar tanto no Vigo portuario, onde está instalado o ecosistema industrial pesqueiro e naval e de investigación mariña máis potente do estado, como nas forzas políticas viguesas, a pesar de ser incapaces de aprobar por unanimidade unha denuncia desta aldraxe no pleno do concello.

Unha relación de Vigo co IEO que xa ven dende a súa creación en 1914 da man de Odón de Buen y del Cos e das primeiras campañas de investigación que este científico aragonés en 1916 desenvolveu na ría de Vigo sobre as chamadas «mareas vermellas». Actividades que levarían a instalación no porto de Vigo do primeiro laboratorio oceanográfico español do IEO, inaugurado o 2 de setembro de 1917 nuns locais portuarios das Avenidas pertencentes á Sociedade de Salvamento de Náufragos, dotado co equipamento científico doado por Alberto de Mónaco, o príncipe navegante, que recalaría no porto vigués en diversas ocasións para estudar as características das augas da ría, a pesqueira da sardiña e os modos de pesca tradicionais. Centro oceanográfico vigués que mantería a súa actividade ininterrompida ao longo dun século, sempre coa intención de investigar sobre o medio mariño e axudar a industria pesqueira e conserveira nosa. Instalado no Areal durante a difícil década dos corenta, máis tarde na avenida Beiramar, dende 1986 consolidouse como o maior centro oceanográfico costeiro español nas actuais instalacións de Cabo Estai. Sen esquecer que dende 1971 o porto de Vigo foi tamén a base do Cornide Saavedra, o primeiro buque oceanográfico moderno con capacidade oceánica.

Trasladar a sede central administrativa e de coordinación do IEO a Vigo, así como potenciar e coordinar todos os recursos públicos de investigación mariña, reclamación unánime do sector pesqueiro e científico vigués, é unha medida sensata e razoable, se nos atemos á hexemonía viguesa ao longo dun século tanto en materia pesqueira, acuícola como de investigación mariña. Tradición viguesa á que habería que engadir outras circunstancias máis recentes que avalarían esta candidatura como a especialización dalgúns estaleiros vigueses na construción dos máis modernos (e fermosos) buques de investigación mariña para estados de todo o mundo, que cada ano son botados das atarazanas de Coia. Como a ter en conta é o feito de que a Axencia Europea de Control da Pesca teña dende 2005 a súa sede en Vigo e a Universidade de Vigo promova xunto ao CSIC o Campus do Mar, un campus de excelencia internacional de carácter transfronteirizo, constituído como polo de investigación no ámbito das ciencias e tecnoloxías do mar, no que tamén participan o resto de universidades galegas e do norte de Portugal. Sen esquecer, e non semella o menos importante, que é unha incongruencia política que un organismo oceanográfico continúe tendo a súa sede central en Madrid, como sucede tamén co Museo Naval dependente do Ministerio de Defensa, outro anacronismo centralista que merecería unha análise de seu.

O caso deste menoscabo ao centenario centro oceanográfico de Vigo é apenas outro síntoma do fraco peso político da cidade de Vigo máis alá da ponte de Rande, tanto para os responsables do Goberno de España como da Xunta de Galicia, cegos para entender o posicionamento dunha cidade á que dende hai séculos todo chegou e saíu polo mar e converteu a súa actividade portuaria e naval no celme da súa identidade sen renunciar nunca a que continúe sendo o motor do seu futuro. Como tamén amosa que a doenza do teimoso centralismo madricentrista, tras catro décadas de estado das autonomías, non só non acaba de ser superada, se non que adopta novas fórmulas de aparencia máis benigna, como esta descentralización sectorial do IEO, mais que consolidan un modelo da máis resesa uniformización. O centro oceanográfico de Vigo debe ser a sede coordinadora da rede do IEO, Vigo non pode pasar por menos.

Galego solicitado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á sentenza do TSXG sobre a solicitude de Xurxo Martínez de ser atendido en galego pola Axencia Tributaria:

O escritor Xurxo Martínez González mantivo un intricado preito coa Axencia Tributaria (AEAT) sobre o seu dereito a ser atendido en galego. Despois de catro anos de complexas reviravoltas xudiciais, na que foi apoiado pola avogada Elsa Quintas Alborés, responsable dos servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística, a sentenza 236/2022 do 4 de abril do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolle o seu recurso declarando nulos os actos administrativos efectuados pola AEAT en castelán, despois de que manifestase querer ser atendido en galego, e ordenando retrotraer as actuacións administrativas ao momento anterior á vulneración do seu dereito á escolla lingüística. Unha sentenza (probablemente histórica) seguida e redactada en galego por María Dolores Rivera Frade, presidenta da Sala do Contencioso do TSXG, que asenta o dereito a relacionarse coa AEAT en galego garantindo o seu uso nas súas comunicacións coa cidadanía, ao tempo que amosa outra vez máis que os dereitos, mesmo a pesar da complexidade e lentitude do procedemento xudicial, deben ser exercidos até as últimas consecuencias, o que permite, como declarou o demandante, «consolidar un status de normalidade para o noso idioma».

Entre as consecuencias que establece a sentenza do TSXG está a responsabilidade da AEAT de artellar un mecanismo de coordinación dos seus diferentes órganos para garantir o dereito á escolla lingüística do cidadán sen reiteralo en cada momento. Ou en palabras da propia sentenza: a administración non pode ampararse nunha división do procedemento «para impedir a eficacia do dereito exercitado polo obrigado tributario». O que inevitablemente supón que a administración do estado en Galicia debe contar e garantir os medios técnicos e procedementos para que o persoal ao seu servizo poida responder as comunicacións en iguais condicións en castelán e galego, mesmo as que fosen por oficio. Como recoñece esta importante sentenza que o dereito a escoller ser atendido en galego, sempre que sexa explícito, non pode estar subordinado ao coñecemento do castelán do administrado, unha interpretación clarificadora no recoñecemento dos dereitos lingüísticos daquelas persoas que así o solicitan. Consecuencias que o demandante Xurxo Martínez resume na recomendación de que «o cidadán debe solicitar de forma explícita o seu desexo de ser atendido en galego e dende entón reclamar se isto non se cumpre».

Sentenza do TSXG coherente coa estratexia de usar, escoller e solicitar o galego en todos os eidos da vida como mellor contribución individual na promoción do galego, recomendada por Carlos Callón no seu libro referencial Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011). Usar o galego con todo o mundo de forma normal, sexa de forma oral como nas comunicacións escritas, sexan correos electrónicos ou mensaxes nas redes sociais, coa mesma firmeza ca empatía e cordialidade, mesmo en situacións que froito dos  prexuízos lingüísticos poidan semellar incómodas. Escoller a opción galego sempre que a teñamos dispoñible, sexa no emprego do caixeiro bancario, na lectura de xornais dixitais, blogs e páxinas web, na interface dos teléfonos móbiles, nas aplicacións informáticas, nas dobraxes das plataformas audiovisuais, nas obras literarias traducidas ou naqueles establecementos comerciais e de hostalaría, por ventura cada vez máis numerosos, que tamén atenden en galego. Sen esquecer, como fixo teimosamente Xurxo Martínez, solicitar de forma explícita ser atendidos en galego nas nosas relacións orais e escritas coas diferentes administracións, tanto autonómica, local como a do estado, sabendo que a lexislación nos ampara, tanto polo establecido no artigo 6.1 da Lei 3/83 de normalización lingüística como no artigo 54.11 da Lei 7/2007 do estatuto do empregado público, que «garanten a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio».

Exercicio de dereitos, que para a escritora María Reimóndez no seu ensaio A alternativa está aquí (Xerais 2014), debemos considerar coma «unha leira na que cómpre traballar sen desfalecer», «un traballo que nunca está completo, porque choca de fronte contra os intereses de quen se beneficia da desigualdade». Uns dereitos interconectados que non funcionan os uns sen os outros, compartindo como as leiras o mesmo medio natural: «Quen defende os dereitos das mulleres pero non os dereitos lingüísticos está deixando fóra as circunstancias das mulleres que falamos linguas non hexemónicas…» Nesa estratexia activista de traballo sobre os dereitos lingüísticos encádrase o resultado desta sentenza que garante o servizo da administración en galego. Parabéns a Xurxo Martínez pola súa afouta teimosía en exercelos.

O mito da Reconquista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao mito da Reconquista de Vigo:

Todas as cidades galegas posúen o seu mito fundacional, un relato que dá conta das súas orixes e identidade no tempo. Ninguén dubida que o de Santiago corresponde ao do traslado e enterramento do corpo do apóstolo chegado do mar. Como o da Coruña está vinculado con Xerión, o xigante que matou Hércules, enterrado baixo o faro romano construído a finais do século primeiro. Como tamén ten orixe romana Lugo, a máis antiga das nosas cidades, fundada por Paulo Fabio Máximo como “Lucus Augusti”, o campamento militar romano instalado no ano 25 antes de Cristo sobre un castro. Outrosí pertence ao mundo clásico a orixe mítica de Pontevedra, creada polo arqueiro Teucro, fillo do rei Telamon, que tras abandonar o mar do Peloponeso seguindo a estela luminosa de Poseidón fundaría na máis fermosa das rías Helenes, unha colonia grega, ao pé da illa de Tambo.

Porén, non é tan doado identificar o mito fundacional de Vigo, cuestión xa abordada nas primeiras historias de Vigo, tanto a pioneira de Nicolás Taboada Leal de 1840 como a referencial de Francisco Ávila de la Cueva, que dedicou a Vigo o segundo capítulo da súa Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado (1852, Toxosoutos 2003). Tema que tamén preocupaba a Teodosio Vesteiro Torres, que nas súas Monografías de Vigo (1878) xa abordaba o refuxio do pobo dos herminios nas illas Cíes onde serían atacados  pola escuadra de César. Orixe romana do porto de Vigo, testemuñada polos achados arqueolóxicos de numerosas vilas de litoral e factorías ao longo da ría. Como tampouco se pode desbotar o seu fulgor medieval, como testemuñan as tres igrexas románicas conservadas, Castrelos, Coruxo e Bembrive, construídas entre os séculos XII e XIII, que coinciden co mito tan atractivo, acuñado por don Álvaro Cunqueiro, anunciado xa por Vesteiro, dunha cidade fundada por un poeta, Martín Codax, o xograr (ou segrel) que vive, escribe e canta a Vigo nas súas sete cantigas entre 1230 e 1280.

No entanto, é o da Reconquista, a proeza da expulsión dos franceses polo pobo vigués e polas alarmas da comarca –tropas francesas que ocuparon a vila durante 56 días, dende o 31 de xaneiro ao 28 de marzo de 1809– o acontecemento que transcorridos dous séculos se converteu no mito fundacional que mellor explica o Vigo actual. Fraguado co sacrificio do pobo común, este mérito de ser a primeira vila que conseguiu desfacerse da tutela napoleónica tivo importantes consecuencias políticas para Vigo, xa que o 1 de marzo de 1810 sería declarada polo Consello de Rexencia co título de cidade fiel, leal e valorosa, e ademais de recoñecerlle o seu dereito de voto dentro da Xunta do Reino de Galicia e eximirlle da súa dependencia señorial do arcebispado de Santiago. Honras que obrigaron a adaptación do escudo de armas da nova cidade, da que desapareceu a vieira xacobea e á que incorporou a imaxe da oliveira centenaria que entón se erguía no adro da colexiata.

Honras da Reconquista que proporcionaron a Vigo o peso político do que até entón carecía e coas que comeza a perfilar o seu papel e o seu afán de liderado no proxecto galego. O propio Vesteiro Torres non dubidaba nun artigo sobre o 28 de marzo de 1809, para el «data inmortal!», que «Vigo  tiña que ser a primeira en gustar do novo cáliz da liberdade» e adiantaba ademais o que serían os piares que definirían o Vigo contemporáneo: «Co vigor da mocidade, coa honradez do traballo, coa conciencia do seu poder, adiantou, medrou, e chegou a ser o emporio da grandeza de Galicia e dos seus mares de Occidente». O que sucedeu naqueles históricos 56 días artellou o mito dunha reconquista heroica e popular, sobre todo grazas ao relato artellado por José Santiago y Gómez na súa Historia de Vigo y Comarca (1896, Deputación de Pontevedra 2005). Relato por ventura matizado, expurgado e ampliado pola historiagrafía viguesa actual, en espléndidas obras de referencia como Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009) de Eduardo Rolland e O Vigo que viron os franceses (IEV, 2021) de Jorge Lamas, que permiten coñecer os feitos e o seu contexto histórico con rigor e obxectividade. Como imprescindible foron as achegas a este relato actual da Reconquista realizadas dende a literatura galega, sobre todo por Pedro Feijoo na novela Os fillos do lume (Xerais 2017).

Xaora que constitúe unha beizón o pulo da actual celebración popular do relato mítico da Reconquista, na que a veciñanza viguesa adquire todo o protagonismo, como sucedeu naqueles 56 días de ocupación napoleónica, que pasaron a historia europea como un episodio da Guerra Peninsular entre franceses e ingleses. Unha festa de época, iniciada en 1997 pola veciñanza do Casco Vello sen apenas axudas e apoios, hoxe por ventura consolidada como a primeira e a máis xenuína da cidade na que a todos orgulla o protagonismo do vestiario e da música tradicional galega.

Vigo despois de Feijoo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á marcha de Feijoo a Madrid e ás súas relacións co alcalde Abel Caballero:

A marcha de Alberto Núñez Feijoo a Madrid para presidir o Partido Popular e optar á Presidencia do Goberno abrirá unha oportunidade á oposición, que encabeza a nacionalista Ana Pontón no Parlamento de Galicia, para despois de catro lexislaturas mudar o goberno galego. Abandono da política galega que rematará con máis dunha década de desacordos e conflitos con Abel Caballero, alcalde de Vigo, probablemente tamén o seu rival político máis persistente nese período. Trece anos de Feijoo como presidente da Xunta de Galicia que en Vigo deixarán como legado a creación do Hospital Álvaro Cunqueiro, construído baixo o polémico modelo público-privado e inaugurado en 2015; a Cidade da Xustiza, recuperando integralmente e de forma exemplar o edificio do vello pirulí do Couto, a piques de abrir as súas portas, e a Estación intermodal de Urzáiz, xa case finalizada a carón da estación de Vialia.

Tres investimentos en servizos públicos que porén non poden ocultar o listado de agravios denunciados diariamente pola Alcaldía viguesa que fai responsable a Feijoo do fracaso da fusión entre as caixas de aforro e da súa posterior venda e da imposibilidade de constitución da Área Metropolitana de Vigo e da incorporación de Vigo ao servizo de transporte metropolitano. Como tamén doutras ofensas a Vigo como a de impedir que calle a candidatura das Illas Cíes como patrimonio da Humanidade, de negarlle ao concello de Vigo axudas autonómicas tanto para novos voos do aeroporto de Peinador, como para as accións de promoción turística do Nadal ou para as obras de reconstrución do estadio de Balaídos… Relación de aldraxes de Feijoo completada con outras máis recentes como a tardanza na construción dun instituto en Navia ou a de non apoiar institucionalmente nin a chegada a Vigo-Urzáiz do AVE directo dende Ourense á construción en túnel da A-55 entre Vigo e Porriño.

Como certo é tamén que as delegadas territoriais da Xunta de Galicia fan responsable a Caballero de negar o trazado do camiño xacobeo pola cidade, de recoñecer o albergue aberto no Berbés ou de rexeitar a celebración dalgún dos concertos do Xacobeo, acusándoo de «xacobeofobia», como de non ofrecer espazo suficiente para a construción da biblioteca do estado ou de negarse a incorporar a Vigo no transporte metropolitano… Un listado de discrepancias moito máis extenso das aquí relacionadas entre as administracións municipal e autonómica, ás que ademais habería que engadir as relacionadas coa interpretación da normativa sobre Patrimonio, Ordenación territorial e portuaria, nas que decote se nega a posibilidade do acordo interinstitucional, recorrendo as máis das veces a instancia xudicial, o que adía ou encalla sine die as solucións, como ven sucedendo dende hai xa unha década e para a vergonza da cidadanía no caso do conflito metropolitano ou da construción da biblioteca pública.

Mais o chamativo do caso é que esta dinámica de confrontación e agravio permanente entre Feijoo e Caballero beneficiou aos dous, como demostran os resultados das eleccións das tres últimas lexislaturas e mandatos nos que ambos consolidaron de forma contundente as súas maiorías absolutas. Unha polarización, pois, apoiada pola veciñanza e procurada por ambas as dúas partes, que consolidaron na súa procura do centrismo extremo o liderado de Feijoo en Galicia e de Caballero en Vigo. Mais unha estratexia de mercadotecnia política que afasta a Vigo do seu liderado do proxecto do autogoberno galego durante todo o século XX, creando unha sensación de cidade estado illada do resto de Galicia, ensimesmada nas súas afrontas, paralizada nas súas iniciativas e proxectos, cuxas luces non teñen alcance máis alá da ponte de Rande. Unha situación de bloqueo político inaceptable para unha cidade como Vigo que sempre se caracterizou pola súa capacidade de acollida como celme de todas as galicias posibles, como motor urbano da Galicia industrial e máis cosmopolita, como volcán de dinamismos para a súa cultura e fonte para a súa lingua.

A marcha de Feijoo a Madrid abre unha excelente oportunidade para a normalización das relacións entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, para recuperar a colaboración entre o primeiro concello de Galicia e o goberno galego. Unha oportunidade, antes da convocatoria electoral das municipais de 2023, para abordar de vez os temas prioritarios da axenda estratéxica de Vigo, entre os que non poden faltar as medidas de apoio ao sector industrial vigués, tanto automobilístico, naval como conserveiro, o acordo sobre infraestruturas básicas (porto, aeroporto e tren) como a posta en marcha da organización e servizos metropolitanos (transporte, auga, recollida de residuos e promoción turística…) e a potenciación dos servizos educativos e sociais públicos.