O Vigo de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Plan Palacios (1932):

Na magnífica exposición sobre Antonio Palacios no Museo do Mar de Alcabre enfeitiza a atención da visitante a maqueta realizada polo alumnado do IES Politécnico que plasma en tres dimensións o «Plan de extensión e reforma interior da cidade de Vigo» presentado á corporación en decembro de 1932 polo arquitecto porriñés. Substituíndo a aqueloutra de escaiola preparada no estudio vigués de Palacios para acompañar ás explicacións públicas do plan ao longo do ano 1934, esta nova maqueta de 4 m x 2,6 m realizada coas técnicas actuais da impresión dixital permite coñecer con todo detalle o deseño daquel Vigo de Palacios ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana.

Un Vigo que Palacios deseñou como unha peza artística e funcional a un tempo, cunha silueta urbana identificable dende o mar, na que segundo o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Sánchez García, comisario da mostra do Museo do Mar, utilizou solucións ensaiadas noutras cidades deseñadas por arquitectos formados na École des Beaux Arts de París, como o novo Guayaquil (1907) ou Tesalónica (1918), que trataron tamén a estas cidades como creacións orixinais, obras únicas e irrepetibles. Un Vigo soñado por Palacios no contexto da crise dos anos vinte e do caos urbanístico vigués, nunha cidade extendida sobre a ría de pouco máis de 65.000 mil habitantes (1930), tras a anexión de Bouzas (1904), que carecía dun planeamento que ordenase e controlase de forma unitaria e global o seu crecemento. Un Vigo radicalmente novo que para Xosé Manuel Souto González, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, constituía a resposta aos desexos da burguesía viguesa de facer a grande cidade do Atlántico, proxecto que Palacios identifica como a Barcelona atlántica que no ano 2000 superaría os 600.000 habitantes.

Unha cidade central monumental concibida como corazón dunha acrópole artellada en socalcos sobre a rúa Galicia, onde conflúen todas as vías, ao xeito dun formidable anfiteatro sobre a ría, que acada a súa cota no monte do Castro, onde se instalaría o Gran Palacio rexional con cúpula para planetario, o que supón que para Palacios Vigo sería a sede das institucións galegas. Unha cidade que no andar intermedio, ao nivel do castelo de San Sebastián e o Campo de Granada, instala a súa nova casa do concello, os xulgados, os museos, a biblioteca e dous grandes hoteis, deixando o nivel inferior para as sedes de oficinas industriais e de comercio e para unha pasaxe comercial, que bautiza como «Invernia». Unha cidade zonificada ao xeito de Le Corbusier en tres grandes áreas (marítima, interior e exterior) concibida como cidade xardín estendida sobre o Val do Fragoso e como cidade imán que organiza o territorio metropolitano de até máis de vinte núcleos satélites. Cidade portuaria na que Palacios contempla os espazos industriais (detrás da Guía), a estación marítima, os peiraos pesqueiros e até unha zona balnearia en Samil. Como tampouco esquece propoñer para solucionar a accidentada topografía viguesa un sistema radial no que se utilicen varios medios de transporte, dende estrada a ferrocarril, sen esquecer liñas de trolebuses, as conexións das embarcacións de ría, liñas de metro soterradas do porto ao Castro e de Urzaiz a Samil, ao emprego de funiculares, teleféricos e elevadores ou dun heliporto na estación do ferrocarril.

O arrasamento de boa parte do tecido urbano ao que obrigaba abrir a rúa Galicia foi o principal argumento para deixar o proxecto de Palacios sen efecto, tras unha dura polémica que o enfrontou con outros arquitectos vigueses do seu tempo como Manuel Gómez Román e Jenaro de la Fuente (fillo). De pouco serviu o seu argumento de artellar un  burgo arqueolóxico en Castrelos, na contorna da igrexa románica, un espazo onde se puidesen trasladar casas históricas e vivendas populares da zona vella, incluídas as asoportaladas dos barrios mariñeiros do Berbés e do Areal.

A arquitecta Alba Estévez Caldas, no seu magnífico traballo fin de grao sobre o Plan Palacios (2021), identifica solucións das contempladas polo porriñés que manteñen a súa vixencia, dende a edificación de mazás abertas e zonas verdes, á apertura de avenidas con bulevar francés, até o modelo transporte intermodal e a zonificación metropolitana. Benvidas tanto a recuperación da maqueta palaciana como estas novas lecturas da obra dun arquitecto xenial que soñou o futuro de Vigo como cidade atlántica.

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Historia da cidade de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar a publicación de Breve Historia da cidade de Vigo, obra colectiva coordinada por J. Miguel González Fernández, publicada polo Instituto de Estudios Vigueses:

A publicación de Breve historia da cidade de Vigo, o libro colectivo coordinado por J. Miguel González Fernández e publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, constitúe un fito na historiografía viguesa como no catálogo de publicacións da nosa entidade de estudos locais. Seguindo o fío diacrónico e cun afán de alta divulgación non exento de rigor, o libro ofrece en case trescentas páxinas as claves sobre as que se alicerza a historia de Vigo e a súa área xeográfica. Un percorrido «Dende o Vigo prehistórico ao do final do Imperio Romano», estudado por Ramón Patiño Gómez e Fernando J. Costas Goberna, que presentan o patrimonio de gravados rupestres, poboamentos castrexos, vilas e instalacións de salgadura romanas. Percorrido continuado polos vieiros pouco coñecidos do Vigo medieval do poeta Martín Codax e das igrexas románicas de Castrelos, Coruxo e Bembrive, enfiados no relato de Elisa Pereira García. Vila amurallada e próspero porto pesqueiro e comercial atlántico, presentada de forma moi documentada e atractiva polo coordinador do volume no capítulo esencial dedicado á Idade Moderna.

Xaora, a cerna da obra é a formación da cidade contemporánea abordada dende as perspectivas da súa evolución histórica (Xoán C. Abad Gallego), demográfica (Elena Durán Rodríguez), económica e infraestrutural (M. Pilar López Vidal), urbanística (Xosé Manuel Souto González) e social e cultural (Ceferino de Blas García). Vigo contemporáneo nacido como cidade (leal e valerosa) tras a Reconquista, episodio bélico que máis alá do seu carácter de mito iniciático, polo mérito de ser a última vila galega en ser ocupada polas tropas francesas e ao mesmo tempo a primeira que de xeito autónomo, grazas ao protagonismo das xentes da súa bisbarra, conseguiu sacudirse da bota napoleónica e comezou o proceso da súa independencia administrativa co señorío que o arcebispado de Santiago exercía dende había séculos sobre ela. Vigo que dende 1836 –coa nova lei de concellos, que crearía os de Vigo, Lavadores e Bouzas sobre o espazo xeográfico da ría e do Val do Fragoso– configurouse como municipio en bisbarra, do que forman parte as parroquias costeiras de Santa María de Vigo, Santiago de Vigo e San Salvador de Teis, penetrando cara o interior do Val do Fragoso, polas agrarias de Santo Tomé de Freixeiro, Santa María de Castrelos e San Pedro de Sárdoma.

Vigo contemporáneo desenvolto ao longo do século XIX como unha cidade portuaria cosmopolita, que medra cos empurróns das súas actividades vinculadas co mar cada vez máis diversificadas, sobre a pesca, a conserva e o tráfico transatlántico. Unha cidade que dende a segunda metade do século XIX duplicou en varias ocasións a súa poboación, construíu un impresionante perfil pétreo no seu ensanche burgués extramurallas, desenvolveu varios sectores industriais e comezou o proceso de transformación da súa morfoloxía urbana de núcleo portuario á actual cidade espallada sobre a ría e o val do Lagares. Acuñouse así o mito do Vigo como cidade puro milagre, como urbe única en Europa polo seu crecemento demográfico, industrial e inmobiliario espectacular en apenas un século, unha proeza colectiva que para os seus defensores pouco tiña que ver cunha historia reducida apenas á Reconquista, as pezas romanas e aos cadros do Museo de Castrelos. Mitos sobre os que reflexiona con ollada e coñecemento amplísimo Rafael Ojea Pérez, técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, no extraordinario prólogo do libro que comentamos; un limiar iluminador que constitúe unha peza de ouro na defensa do patrimonio cultural vigués e no seu coñecemento histórico como alicerce sobre o que construír un sinal de identidade e de orgullo colectivos, en definitiva, un novo «viguismo» asentado na Historia propia.

E nesa proposta de Ojea de identificación sólida co pasado é onde cobra todo o seu valor a publicación desta Breve historia da cidade de Vigo, que actualiza cos criterios historiográficos sólidos dos expertos do Instituto de Estudios Vigueses, achegas bibliográficas de divulgación da historia viguesa como as realizadas por José de Santiago e Gómez (1896), o cronista Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez (1949) ou as recollidas naquel Vigo en su historia (1979), obra colectiva coordinada por Álvaro Cunqueiro e Xosé María Álvarez Blázquez. Estudos incrementados de forma exponencial polos membros do IEV, algúns xa falecidos como Lalo Vázquez Gil, Xerardo Sacau, Xaime Garrido, Moncho Iglesias e Gerardo González Martín, entre outros, cuxas monografías contribuíron ao coñecemento do pasado da nosa cidade. Recomendo vivamente esta oportunísima Historia de Vigo e parabenizo ao equipo de autores e autoras do IEV pola súa aposta polo futuro desta nosa cidade milenaria.

Roteiro polo Vigo de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao roteiro polos espazos vitais e literarios de Xela Arias en Vigo:

Corenta e seis profesoras e profesores chegadas de toda Galicia percorreron o sábado un itinerario polos espazos vitais e literarios vigueses de Xela Arias. Unha actividade formativa organizada polo departamento de linguas do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coa que se pretende que os docentes vivan unha experiencia transversal activa e colectiva fóra do espazo académico de achegamento entre literatura e territorio. Unha xornada, inserida nun programa máis amplo de xeografías literarias, coordinado por Xosé Carlos Rodríguez Pérez, que pretende que os docentes interactúen cos territorios principais dun autor ou autora, co contexto literario do seu tempo, mais tamén coas pezas do seu patrimonio cultural e coas mudanzas sociais e pegadas da memoria, coa intención de contribuír a espertar o interese e construír coñecemento compartido sobre os textos literarios e os espazos nos que cada un desenvolveu a súa obra.

A pesar de que a palabra “Vigo” aparece unha soa vez na obra poética de Xela Arias, en concreto no segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 do fanzine Katarsis (1984) dos irmáns Tizón: «Érgome / e Vigo vai aínda durmido…», foi Vigo a súa cidade amada, na que escribiu e tinguiu toda a súa obra. A cidade de fronteira á que chegou aos sete anos (1969). A cidade revolcada, que percorreu de forma incansable durante a súa adolescencia e mocidade no comezo dos difíciles oitenta vigueses, «paseo arriba», «praza abaixo», como escribiu en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), nun botarse a andar errático, coma o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía naquela páxina memorable de Faro de Vigo (04-06-1983) de forma tan fermosa como entusiasta: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos (…) Te. Saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía».  Vigo, a cidade que a Xela Arias lle suxería «bastante dor» e que para ela «pode ser mesmo [cidade] pasional», como lle confesou á xornalista María Alonso (Atlántico, 1989), «porque tiña moita vida e iso significa dor e pracer ao mesmo tempo».

Na procura das pegadas daquel Vigo amado e vivido por Xela Arias saímos a mañá dende as portas do IES do Calvario onde fixo BUP e ensaiou os primeiros versos, para continuar no monte do Castro, onde xogou no parque de bicicletas e no miradoiro dos galeóns de Rande onde se fotografou coa nai e coa avoa chegada de Sarria. Un itinerario que continuou no Verbum visitando a exposición «A poesía na palabra» e despois no parque de Castrelos, preto da Avenida Portanet onde naceu o seu fillo, falando de Darío a diario (Xerais 1996) e lendo varios dos poemas. Longa camiñada que retomamos á tarde no Café de catro a catro de onde saímos cara ás portas de Xerais, a editora onde comezou a traballar aos vinte anos e na que se formou como editora e tradutora. Baixamos e subimos as escaleiras da rúa Ourense camiño da vivenda familiar da rúa Zamora, onde lemos un fragmento de Non te amola! (Galaxia 2021) sobre as pelexas coa rapazada do camiño de Riobó. De alí fomos até a rúa Venezuela, onde salientamos o papel dinamizador da cultura galeguista do Círculo Ourensán Vigués, editor da revista Neboeira (1983), onde publicou «A mañán é nova e neboada». Pateada que seguiu até as portas da Fundición Nautilus na rúa Manuel Núñez, onde lembramos o seu carácter de artenauta interesada no diálogo con outras artes e a súa amizade decisiva co pintor Xosé Guillermo.

Nas escaleiras do Marco contamos o que sucedeu coa estatua de Castro obra do escultor Jandro e a súa relación co poema «Burla negra», lamentando que a peza aínda non fose reinstalada. Diante da tenda Discos Elepé da rúa Doutor Cadaval limos unha das cancións de Desertores e nas galerías próximas o primeiro poema que publicou n’ A Nosa Terra. Na sombriña do edificio do COAG recordamos a exposición de Tigres coma cabalos (1990) e limos «Monólogo adicto» e outros poemas deste libro intermedial que preparara co fotógrafo Xulio Gil. Continuamos en Policarpo Sanz diante da sede de Faro de Vigo, onde lembramos a súa presenza frecuente nas páxinas do decano, do Teatro Afundación, onde participou na homenaxe a Francisco Fernández del Riego, na «súa retina dende nena». Paramos na rúa Carral, onde estivo a Sala Nasvhille e lembramos o recital de Noites Solidarias organizado por Implicadas no Desenvolvemento.  Rematamos na praza da Princesa diante da Casa Galega da Cultura, onde Xela presentara Intempériome (Espiral Maior 2003) lendo algúns dos seus poemas. Mágoa que faltase tempo para visitar o pub Alma na rúa Poboadores ou Café Uff da rúa Pracer. En todo caso, Xela Arias conta con roteiro de seu que forma parte da cartografía do Vigo literario.

Celebremos a Laxeiro

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a declaración de 2022 por parte da Academia de Belas Artes como Ano Laxeiro:

O 21 de xullo fixéronse vinte e cinco anos do pasamento de Xosé Otero Abeledo, o pintor Laxeiro, un dos xenios indiscutibles da arte galega, figura moi vencellada á cidade de Vigo, sede da súa Fundación. A efeméride que pasou desapercibida, como tantas outras, na axenda cultural viguesa, recuperouse por fortuna esta fin de semana da man da Academia Galega das Artes presidida polo pintor Manuel Quintana Martelo que decidiu por aclamación homenaxear a Laxeiro ao longo do vindeiro 2022 e dedicarlle o 1 de abril, Día das Artes Galegas. Unha efeméride que dende 2015 celebra que tal día de 1188 o Mestre Mateo dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria, como consta nos mesmos. Tras a difícil celebración entre os anos da pandemia do arquitecto barroco Domingo de Andrade, construtor da Berenguela ou Torre do Reloxo, contaremos con todo un ano para afondar na figura e peripecia biográfica apaixonante e comprometida de Laxeiro e sobre todo para volver sobre unha obra artística inmensa, constituída por máis de dúas mil pezas, decisiva para a renovación da plástica galega de entre séculos e recoñecida de forma unánime polas novas xeracións.

Os seus amigos, o xornalista Celso Collazo Lema e Isaac Díaz Pardo, consideran que Laxeiro, desde o seu arranque en Cuba e despois na República como artista pouco común, se fixo pintor durante a súa primeira instalación en Vigo; cidade á que chegou en 1942 procedente de Pontevedra, onde deixara o mural «O manancial da vida» (1941) do Café Moderno, no que rendía culto á sensibilidade renacentista. Unha intensa década viguesa na que se incorporou ás tertulias do Café Derby (entón, Bar Imperial) da praza de Colón (hoxe da Farola) e da Taberna Compostela, onde atoparía, entre outros, a inseparables como Urbano Lugrís, o propio Collazo, Carlos Maside, Mario Granell, os irmáns Álvarez Blázquez, Paco del Riego ou María do Carme Krukenberg. Un continuo ir de aquí para alí naquel Vigo aínda en guerra en días tristes nos que as chiquitas do aperitivo da taberna de Elixio, as cuncas da rúa Real e os chocolates dos seráns na casa da señora María, case no Berbés, non impediron a Laxeiro pintar de forma incesante no seu estudio da terraza do edificio da «Plancha» do Banco Hispano na propia Porta do Sol. Aí naceron algunhas das súas obras principais da etapa granítica como o extraordinario «Trasmundo» (1946), na que xa funde as orixes románicas e barrocas co expresionismo; cadro que anos despois recuperaría por unha fortuna para depositalo no Museo de Castrelos e hoxe está cedido de forma temporal no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Tras a instalación en Bos Aires en 1951, na que sería decisiva a súa relación con Luís Seoane e outros exiliados, así como o coñecemento de Eulalia de Prada, a súa compañeira até 1989, Laxeiro regresaría en 1970, tras unha retrospectiva na Art Gallery Internacional de Bos Aires, para fixar os seus estudios e residencia entre Lalín, Vigo e Madrid. Cunha obra pictórica entón xa consolidada e non deixando de procurar novas canles expresivas, Laxeiro comeza a ser recoñecido, como amosa o feito de que dende 1971 participa nas inesquecibles exposicións ao aire libre da Praza da Princesa ou en 1974, sendo conservador de Castrelos Ángel Ilarri, se lle dedique no Museo Quiñones de León un espazo monográfico con diferentes etapas da súa obra. En Vigo pinta afervoadamente no estudio da rúa do Príncipe e instalado na Cafetaría Goya de Urzaiz ou no restaurante Casa Rouco da rúa Llorente, comparte mesa de seu con vellas e novas amizades. Durante os anos 80 e 90 os recoñecementos e homenaxes sucedéronse, sobre todo, desde que os novos artistas do grupo Atlántica organizaran en Vigo (1981) unha antolóxica, «Érase unha vez Laxeiro», coa que pretenderon presentalo como o mestre que unía as vangardas galegas, mostra que coincidiu co legado Laxeiro á cidade de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto.

Tras o pasamento en Vigo o domingo 21 de xullo de 1996, poucos días despois da inauguración dunha gran antolóxica no Centro Galego de Arte Contemporánea, que logo viaxaría ao Centro Cultural Conde Duque de Madrid, a obra de Laxeiro nunca deixou de concitar interese. Un feito ao que non foron alleos nin as xuntanzas anuais das súas amizades viguesas cada 23 de febreiro, lembrando o día do seu aniversario, como a creación ese mesmo día de 1999 da Fundación Laxeiro, tras o acordo do concello de Vigo e da familia do pintor. Dende entón, a colección permanente do artista, que pode visitarse na sede da Fundación Laxeiro (rúa Policarpo Sanz 15, 3ª planta), converteuse nun dos reclamos culturais principais de Vigo. A declaración de 2022 como Ano Laxeiro será unha oportunidade para recoñecer outra vez a quen, como sinalou o tamén pintor Antón Patiño, «pintou como quen traballa a terra». Celebremos a Laxeiro.

Respecto para unha estatua

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar respecto para a estatua de Castro do escultor Jandro:

A comezos de novembro de 2002 apareceu en Príncipe, diante do Marco, a piques de ser inaugurado uns días despois, a estatua en poliéster de Castro, o derradeiro vendedor ambulante de xornais, obra do escultor vigués Alejandro Rodríguez «Jandro», membro da Fundición Nautilus, institución nacida coa intención de achegar as diversas modalidades artísticas ao público. Unha peza de inequívoca intención realista de tamaño natural que homenaxeaba a Manuel Castro, que percorría de forma incansable o centro de Vigo, dende a Porta de Sol a Urzaiz por Príncipe, onde paraba cos seus fardos diante das galerías de La Norma ou das escadas de Almacéns Alfredo Romero, e de alí baixaba até a Alameda por Velázquez Moreno ou Colón, voceando dende moi cedo as noticias máis frescas de «Faro de Vigo», máis tamén dos xornais da tarde, como o deportivo «Meta», «La Noche» de Santiago ou do diario «Pueblo» de Madrid.

Era a de Castro unha figura inesquecible, tanto polo seu carácter adusto e serio como pola súa habilidade para levar baixo o brazo esquerdo un fardo de faros e ao mesmo tempo aguantar os décimos da lotería nacional, mentres sostiña de forma acrobática un faro sobre o índice da man dereita en difíciles equilibrios. Unha proeza dixital esa do baile dos faros documentada por Magar en 1971 nunha fotografía deste quiosqueiro andante na rúa Reconquista á altura dos leóns de Correos ao que, como a Pepiño do quiosco do Paseo de Afonso, que de mociño tamén voceara «Meta» no barrio de Casablanca, lembramos como un deses jichiños humildes e entrañables que humanizaron o Vigo da nosa infancia.

Porén, a aquela aparición da estatua de Jandro á que lle faltaba o bronce, coincidindo coa apertura do Marco que dirixía Carlota Álvarez Basso, foi tan efémera como polémica. Deseñada a iniciativa propia polo autor en 1998, cando residía en Granada, o goberno municipal de Lois Pérez Castrillo encargoulle que a fundise en bronce para a súa instalación diante do museo. Tras as mudanzas da alcaldía dese ano, primeiro en mans de Ventura Pérez Mariño e despois de Corina Porro, a estatua de 300 quilos e dous metros trinta de altura, permaneceu en Madrid case unha década onde foi fundida por partes. Habería que agardar ao día de noiteboa de 2011 para que fose chantada na localización prevista en Príncipe sendo alcalde Abel Caballero.

Un vergonzoso atraso de oito anos ao que non foi alleo un lamentable episodio de censura, denunciado nestas páxinas de «Faro de Vigo» polo xornalista Fernando Franco en 2004 e recuperado do esquecemento neste ano de homenaxe a Xela Arias. O caso é que coincidiu o momento da fundición da estatua coa marea negra provocada polo Prestige e coa resposta expansiva do movemento cidadán organizado na plataforma Nunca Máis e a colectiva do mundo artístico artellada nas intervencións de Burla Negra. Jandro e o seu compañeiro da Fundición Nautilus, o pintor Xosé Guillermo, deseñaron a peza que faltaba á escultura, o exemplar de «Faro de Vigo» que bailaría no furabolos de Castro. Na portada titularon «Galicia berra ¡Nunca Máis!» e na contraportada reproduciron o poema «Dignidade», escrito por Xela Arias para o libro colectivo «Alma de beiramar» (A Nosa Terra, setembro, 2003), que comeza cos versos: «Marea miseria invade global Galicia / Colleita inepta de intereses financeiros / Burla negra…» Ao goberno municipal de Corina Porro non lle gustou esta solución e Jandro negouse a modificar o deseño, do que por ventura o artista conserva o orixinal no seu taller. Confesou que o facía por fidelidade e homenaxe á escritora activista, que pretendía levar a poesía a rúa e faleceu de forma tan prematura o primeiro de novembro de 2003.

Finalmente sería unha axencia quen deseñaría outros contidos para este xornal de bronce, que tras a inauguración da escultura por Caballero (2011), axiña sería obxecto de continuos ataques vandálicos, dende pintadas até arrincarlle en varias ocasións o exemplar do «Faro de Vigo», repetidos este pasado mes de maio, tras o a finalización do toque de recollida, no que a peza apareceu sen o brazo sobre o que bailaba o faro. Ataques denunciados tanto polos comerciantes como polo propio escultor que reclaman ao concello un sistema de videovixilancia eficaz para unha das iconas artísticas actuais da cidade.

Por todas estas vicisitudes a estatua de Castro de Jandro, autor tamén dun proxecto de escultura urbana semellante do poeta peripatético Carlos Oroza, que agarda polo interese do goberno municipal, constituíuse en dúas décadas en icona da liberdade de expresión e en homenaxe ao papel da prensa no desenvolvemento de Vigo como cidade acolledora, dinámica, liberal e cosmopolita. A estatua de Castro merece que se restitúa o deseño orixinal do seu autor e conte co respecto e protección do que carece.

A vida lenta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición comisariada por Aser Álvarez da Sede de Afundación:

Tras a desfeita provocada por un ano de pandemia Covid-19, reaparece moi amodiño a actividade cultural nos museos e centros culturais da cidade nosa. Entre as mostras abertas destaca polo seu formato novidoso «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», un proxecto expositivo interdisciplinar concibido e comisariado polo director e produtor cinematográfico Aser Álvarez que se pode visitar na Sede Afundación de Policarpo Sanz. Setenta fotografías procedentes dos arquivos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do fondo persoal de Carlos Valcárcel e das coleccións de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión, corenta minutos de fragmentos cinematográficos, versos de catro poetas gañadores do Premio de poesía Afundación (Ollala Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez), así como unha banda sonora composta por Moisés Quintás ofrécense á curiosidade da visitante convidándoa a reflexionar sobre a mudanza das paisaxes rurais e das formas de vida e de traballo que se produciron en Galicia entra as décadas de 1950 a 1980. Unha proposta completada con actividades en liña nas que participarán o director Oliver Laxe e a muralista e ilustradora Xoana Almar, artistas contemporáneos e de vangarda que manteñen un forte compromiso co mundo rural.

A exposición documenta a transformación do sector primario galego, que inclúe a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, ao longo de apenas catro décadas, que pasou de ocupar a máis do 80 % da poboación galega a comezos do século vinte ao 68 % en 1960 e ao 50 % en 1975; proceso que se acelerou coa chegada da Autonomía, xa que a porcentaxe reduciuse ao 35 % en 1990 e até ao 10 % co comezo do século actual. Unha transformación produtiva, identificada en tempos da ditadura como modernización agropecuaria, que acompañando ás ondas migratorias de comezos dos 50 e 70 modificou inevitablemente a vida nas aldeas, facendo desaparecer a cultura agraria tradicional e os oficios e actividades comunitarias a ela asociados. Proceso que se identifica na valiosa escolma dos fondos históricos da Mediateca do Ministerio de Agricultura, toda unha descuberta de películas e fotos tiradas entre 1934 e 1979 por profesionais do Servizo de Extensión Agraria ou por fotógrafos amadores participantes no concurso de fotografías agrícolas, forestais e pecuarias.

Transformacións recollidas nas fotos en branco e negro do fotógrafo lucense Carlos Valcárcel (Lugo 1929), que deita unha ollada íntima e máis cálida sobre a vida na aldea, retratando a familias labregas ou as crianzas e os mozos ocupando a eira, fotografando os interiores das vivendas e cociñas labregas, recuperando escenas na feira ou o traballo das lavandeiras no río Miño ou recollendo escenas agrarias onde nos anos setenta a burra, os bois, o carro e o arado romano non perderan aínda a súa funcionalidade. Ollada ampliada pola escolma da colección Lloveras e Piñeiro, dous investigadores agrónomos que de 1978 a 1986 percorreron os camiños do país para estudar os sistemas de rotación das colleitas coa intención de rexistrar a transformación rural galega que se estaba a producir nun momento decisivo de mudanza política, económica e social. Fotos xa a cor onde se documenta a aparición do tractor e dos camións de recollida do leite, vehículos que transformaron a tecnoloxía agraria, mais na que continúan presentes as escenas de mulleres segando o centeo a man en lugares tan dispares como Barro ou Negueira de Muñiz (1980) e os traballos agrícolas de autoconsumo, ampliando a súa ollada sobre as actividades do marisqueo nas Rías Baixas e na Pasaxe.

Tres fondos documentais diferentes, concibidos con intencionalidades distintas, o do Ministerio institucional, o de Valcárcel artístico e o Lloveras e Piñeiro investigador, mais capaces de complementarse para ofrecer unha ollada de gran angular sobre as transformacións das paisaxes e culturas agrarias galegas. Unha ollada fotográfica e cinematográfica que co apoio dos textos poéticos e da banda sonora creada por Moisés Quintás, capaz de recrear con fidelidade o latexar da terra, o chiar dos carros e o ouvear dos lobos, é capaz de crear no espazo expositivo unha certa atmosfera de vida lenta, un imaxinario alternativo onde aínda semella posible a conciliación comunitaria coa natureza. «A vida lenta» propón unha reflexión sobre o pasado e sobre o futuro da vida nas aldeas, poñendo en cuestión o imaxinario creado sobre o que chamamos «rural» e sobre a nosa propia relación cos ciclos naturais. En definitiva, na contorna de incerteza creada pola pandemia, Aser Álvarez propón a experiencia de reconciliarnos emocionalmente cunha parte do noso territorio e facer un pouco de memoria sobre o noso pasado colectivo. Mostra moi recomendable e esperanzadora.

Vigo romano, berce do albariño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao descubrimento de sementes arqueolóxicas de uva alabarda nas escavacións de salinas romanas en Vigo:

Os rigores da pandemia fixeron pasar desapercibida a comunicación dos resultados dunha investigación que identificou en Vigo os primeiros indicios de uva albariña. Unha noticia relevante para a historia e a cultura do viño en Galicia e para a propia cidade de Vigo, que pode ser considerada como o berce do albariño, o viño que don Álvaro Cunqueiro, o seu primeiro publicista, describía como «limpo, nostálxico e pálido» e consideraba de carácter «impaciente como un primoxénito», polo feito de que non debe deixarse moito tempo na copa polo perigo de estragar os seus aromas.

Publicado recentemente no «Australian Journal of Grape and Wine Research», este descubrimento é froito da colaboración dos membros dun grupo de investigación multidisciplinar no que participaron membros da sección de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do CSIC, dirixida por Carmen Martínez, e arqueólogos da Universidade de Santiago como Andrés Teira, acompañados dos ampelógrafos Rafael e Carlos Ocete, que identificaron sementes de uva albariña no xacemento vigués do Areal, a salina romana museificada na rúa Rosalía de Castro, ao pé do Centro de Saúde.

Un achado extraordinario que obriga a reconsiderar a cuestión sempre polémica sobre a orixe do viño en Galicia, xa que até agora se cría que as 67 variedades de uvas cultivadas en Galicia, estudadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) procedían de apenas catro grandes liñaxes (caíño, merenzao, garnacha e moscatel), das que só as dúas primeiras, se poderían considerar como liñaxes xenéticas propias, distribuíndose a do caíño no oeste de Galicia e a do merenzao ao leste. Xaora, como situar neste mapa a variedade albariña?

O descubrimento da MBG e da USC cuestiona de raíz as explicacións sobre a orixe da variedade da uva albariña utilizadas até agora, xa que non procedería nin das terras do Rin (onde o imperio romano tivo unhas das súas fronteiras) nin tampouco sería distribuída dende o corazón de Europa, como defendía Álvaro Cunqueiro, polos freires do Císter dende o mosteiro de Armenteira no século XII para logo espallarse polas terras vizosas das Rías Baixas. Para o grupo de investigación de Martínez e Teira as sementes de vide aparecidas no xacemento vigués do Areal, que o carbono catorce data entre os séculos segundo e cuarto, como noutros xacementos galegos, como o de Roza Vella de Ourense (tamén de época romana) e Ponte do Burgo de Pontevedra (séculos XIII-XIV), serían morfoloxicamente semellantes ás da actual variedade de uva albariña da denominación de orixe Rías Baixas. Estas sementes arqueolóxicas, que poderiamos considerar como «avoas» do albariño actual, estaban presentes xa na Galicia romana o que pode obedecer a que procedían de vides silvestres da zona domesticadas de forma autóctona ou hibridadas con outras procedentes doutras zonas do imperio, o que futuras probas de ADN das sementes deberán determinar. En todo caso, semella que a orixe do albariño, como doutras variedades galegas, estaría nestas variedades silvestres domesticadas polos habitantes das nosas rías.

O descubrimento arqueolóxico e enolóxico tamén é relevante para a historia da cidade de Vigo xa que dende agora une a súa orixe como porto exportador de sal cara a todo o Imperio Romano tamén a condición de ser un dos berces do viño albariño. Un achado que reforza o seu carácter como cidade romana, despois de Lugo, a segunda cidade galega con máis restos arqueolóxicos desta época. Así o testemuñan os restos do xacemento de Rosalía de Castro, onde se atoparon as sementes enolóxicas, aberto en 1998 e musealizado en 2008 como «SALINAE. Centro Arqueolóxico do Areal», no que se recrea un ambiente semellante o que hai case dous mil anos tiña a salina romana de evaporación solar máis antiga que se coñece.

Itinerario do Vigo romano que continúa coa vila de Toralla na Finca Mirambell e o seu centro de interpretación (2017), que axuda a coñecer como era a vida alí no século cuarto. Un espazo arqueolóxico, aínda por escavar, como o do oppidum castrexo do Castro. Vestixios romanos que tamén se poden atopar na sala de arqueoloxía do Museo de Castrelos e na exposición permanente do Museo do Mar de Galicia, nos xacementos do Fiunchal e A Mourisca, na costa de Alcabre, ou nos restos que os arqueólogos valoran en Marqués de Valadares e na Praza de Compostela ou en Marqués de Valterra.

É indubidable a importancia da pegada romana na nosa historia, dos vestixios da cidade identificada polo arqueólogo Manuel Santos como  a Burbida citada no Itinerario Antonino, unha importante urbe romana, porto comercial, poboación extensa, con industrias de salazón e amplas vilas residenciais. Queda moito por descubrir sobre aquela Burbida romana, un dos berces do Vigo actual.

 

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

A exposición da EMAO

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición 130 anos de Vigo e a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo:

A exposición sobre os 130 na historia de Vigo da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) é un dos acontecementos máis relevantes dos últimos anos para a consolidación da fraca memoria da cidade. Velaí o acordo do concello de Vigo de prorrogala até o 4 de outubro (agosto pechado) para facer posible que novos visitantes se unan aos varios milleiros que visitaron a sala de exposicións da EMAO no edificio deseñado polo arquitecto Michel Pacewicz. Comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) José Luis Mateo Álvarez e Rafael Ojea Pérez, actual director da EMAO, contando coa colaboración de Mª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca Pública García Barbón, esta exposición centrada máis en obxectos ca en textos permite coñecer o bulir desta institución educativa dende a súa creación en 1886 na rúa do Circo como centro cultural obreiro de Vigo, pasando polo seu esplendor no primeiro terzo do século XX, até o seu renacer actual, amosando ao tempo a súa contribución decisiva ao desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.

A Escola de Artes e Oficios (EAO) foi unha institución educativa pública e gratuíta xenuinamente viguesa sen a que non poderiamos entender o Vigo do século vinte xa que alí se formaron como profesionais milleiros de vigueses e viguesas. Como salientou a historiadora da educación e membro do IEV a doutora María Dolores Durán Rodríguez, na súa maxistral conferencia do pasado 4 de xullo, a EMAO constituíu un dos axentes de modernización principais da sociedade de Vigo e comarca. Unha modernización que formaba parte do proxecto dos seus promotores, como Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena ou Manuel Diego Santos, todos eles influenciados polos principios da Institución Libre de Ensinanza (ILE), que no emerxer do proceso de industrialización pretendía de forma sistemática e organizada a formación cultural e profesional das clases traballadoras. Proxecto que compartían Fernando García Arenal, o fillo da excepcional Concepción Arenal, un dos primeiros directores da EAO, como tamén o filántropo José García Barbón, que en 1900 doou á cidade os dous edificios do centro, onde se crearon tamén a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Laboratorio Municipal e Hixiene de Vigo (1900-1931), que ademais das actividades da escola acolleron outras institucións educativas como a Escola de Náutica (1915-1925), a Escola Pericial de Comercio (1920-1934) ou o primeiro instituto de segunda ensinanza (1937-1939).

Particular interese ten nunha exposición moi coidada nos detalles a achega que o alumnado, profesorado ou os benfeitores da escola fixeron a consolidación do celme de Vigo como cidade industrial e obreira. Pola EAO pasaron boa parte dos emprendedores da construción naval viguesa como Antonio Sanjurjo de La Industriosa (que convocaba un premio para o alumnado da EAO), Enrique Lorenzo de Vulcano ou Francisco Cardama Godoy, que pasou da carpintaría de ribeira a montar un dos estaleiros vigueses de referencia. Mais tamén na industria do vidro, como é o caso de José Cameselle Rial fundador de Cristalería La Belga, o inesquecible establecemento dos espellos cóncavo e convexo de Marqués de Valladares. Como tamén contribuíu ao desenvolvemento do sector das artes gráficas, fose como auxiliar do conserveiro, velaí os casos de Eugenio Fadrique de La Artística e Antonio Alonso de La Metalúrgica, como de impresores de tipos móbiles como José Cao Moure (PPKO), tamén editor e libreiro, Juan Noia Gil, fundador de Gráficas Numen ou da Litografía Espinosa.

A EAO tivo un papel extraordinario no desenvolvemento artístico da cidade, grazas a figuras case renacentistas como Jesús Miramontes Durán (cuxa biografía merecería un tratamento de seu) ou dunha longa nómina de artistas de disciplinas diversas, dende Reveriano Soutullo (músico), Camilo Nogueira (escultor), Laxeiro (pintor), Cesáreo González (creador de Suevia films), Xohán Carballeira (xornalista) a José Rodríguez Vilar (o cartelista do cine Fraga)… Como mención á parte merecería a contribución da EAO na formación da muller, unha das finalidades da doazón de García Barbón, xa que polas súas aulas pasaron moitas das nosas avoas que cursaron estudos de mecanografía, corte e confección, debuxo, música ou idiomas. Ámbito que merecería unha nova exposición, como o caso extraordinario da pianista e activista Urania Mella, a fundadora de feminismo vigués, a quen con toda xustiza se homenaxea na mostra.

Nesta modélica exposición da EMAO atopamos o xerme do que podería ser unha das salas do século XX dese museo da cidade que Vigo tanto necesita. Recomendo acudan a unha mostra fonte de moitas memorias compartidas. Parabéns a EMAO por tan magnífica iniciativa!