Onte 496: -26,37 %

O adianto das cifras de rexistros do ISBN da edición realizada en 2012 polas editoras privadas (sen incluír os de autores-editores) confirma a tendencia da aceleración da diminución do número de títulos e do volume das tiradas. Os editores en España publican menos títulos e menos exemplares de cada un deles. No caso da edición en Galicia, a pesar do aumento da edición dixital, que en 2012 supuxo o 12,7 % da nova oferta editorial (280 títulos), as editoras privadas publicaron 2.190 referencias, unha cifra que nos sitúa moi lonxe dos 3.384 de 2011, a pesar de que nesa cifra estivese incluída a edición pública e a realizada por autores-editores. Outrosí sucede na edición privada en galego que se reduce nun 26,37 %, xa que pasa dos 1.820 títulos de 2011 aos 1.340 de 2012, unha diminución moi significativa (480 referencias menos), xa que en 2011 o número de títulos en galego diminuíu nun 16,30 %. Non é un disparate estimar que nos dous últimos anos a edición privada en galego reducíu nun 40 % o número dos seus títulos. E, se a esas cifras descontásemos o incremento que supuxeron os títulos dixitais, non é difícil estimar que no furacán destes dous anos de crise a edición privada impresa en galego se reducise á metade. Datos para a reflexión do sector e das administracións públicas sobre as políticas actuais de lectura e de promoción da lingua galega.

Onte 462: Xerais en Kindle

No proceso de tránsito entre os modelos de edición analóxica á edición dixital onte superamos outro fito: a publicación dos primeiros e-books no formato para Kindle de Amazon. Iniciamos así en Xerais un catálogo literario electrónico, creado en formato e-pub, que será distribuido en diversas librarías dixitais (polo momento en Amazón, axiña en Apple e Todoebbook) no que incluiremos de forma sistemática as novidades de Narrativa, Poesía e Ensaio, ao tempo que iremos recuperando algúns títulos agotados en formato impreso. Apenas outro pasiño neste proceso de profunda mudanza da que o libro galego non vai quedar á marxe.

Onte 428: O futuro da libraría

Quedamos satisfeitos do desenvolvemento do simposio sobre o futuro da libraría. Dúas conferencias, un debate e dous paneis de experiencias abordaron dende diversos enfoques a actual situación crítica da libraría e do conxunto do sector do libro e da lectura. Tras un debate moi rico en matices, quedeime con dúas conclusións moi relevantes. A primeira, a necesidade de deseñar neste período de tránsito, que tamén debería ser aproveitado como de oportunidade, un desenvolvemento estratéxico para o conxunto do sector do libro, onde participen os subsectores da edición, distribución e libraría. A reinvención do modelo de negocio e a creación dun novo modelo de relación coas administracións públicas deberían constituír os eixos deste novo programa. Segunda, a necesidade de afortalar neste período de mudanza da industria do libro o seu tecido sectorial e intersectorial, na perspectiva de constituír un único gremio profesional, o gremio do libro, no que se integrasen editores, distribuídores e libreiros.

No acto de inauguración do Simposio, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, ofreceu a súa dispoñibilidade para chegar a solucións consensuadas co conxunto do sector do libro e da lectura, solicitando reflexión sobre o que debe ser o futuro das feiras do libro de Galicia, «que queremos se convertan nunha festa para o libro galego e para posicionar o libro no mercado». Pola súa banda, Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, identificou o futuro do libro co futuro da libraría, apelando á necesidade de formación do sector libreiro.

A memorable conferencia de apertura Manuel Gil foi un dos momentos máis intensos do simposio. Comezou Gil propoñendo que o sector abandonase a súa autocompracencia e recoñecese que dende 2005, antes da chegada da crise e das políticas de austeridade, o libro decrece, perdeu un volume canto menos do 18 %. Mais este ano 2011 pode caer entre un 20 e un 25 %, perda que será compensada pola internacionalización das súas redes comerciais. Cifras que amosan que o sector do libro está en decadencia, «somos unha industria en reconversión, que precisa un decrecemento ordenado do sector». Gil atribuíu esta crise a perda de valor que o libro está tendo para o consumidor final, como a sobreprodución (91.000 títulos comerciais anuais), un fenómeno que «converte a edición en casino», xa que as canles son incapaces de levar todo ao mercado. Tamén citou o tsunami editorial xerado pola autopublicación dixital, que aínda que non supón negocio capta a atención. Gil presentou, despois, unha visión desoladora das librarías españolas, cuxas ratios económicas as sitúan ao bordo da quebra. Criticou aos editores tanto pola sobreprodución, polo feito de que o 44 % das súas vendas non pasen pola canle libreira, como polo feito de convertir ás librarías, mesmo aás chamadas independentes, en franquicias dos grandes grupos. Gil apelou á responsabilidade do sector libreiro, que debe abandonar a súa opacidade, compartindo a información e fortalecendo o seu soporte gremial. Para o desenvolvemento dun plan de defensa da libraría, Gil propuxo tres liñas de traballo tomadas da edición francesa: a posibilidade de que os editores interveñan financeiramente sobre as librarías en crise; a creación de selos de calidade de librarías de referencia (como no caso francés «Lire») ou a creación de librarías por parte dos propios editores.

Na parte final da súa conferencia, Manuel Gil propuxo diversas liñas de traballo: a creación dunha mesa en defensa da libraría entre CEGAL e FGEE;  flexibilizar o prezo fixo, coa intención de xerar máis tráfico por impulso; estender o IVE do libro para o conxunto do sector cultural; promover un plan de dotación bibliotecaria desenvolto polas librarías culturais en funcionamento; pular por un novo plan de fomento do libro, sobre todo, entre a poboación máis nova; manter un selo de calidade e un acordo de boas prácticas cos editores; establecer unha nova distribución das porcentaxes de loxística e comercialización, que permita á libraría recuperar entre o 5 e o 7 %. No que atinxe a cuestión dixital, Manuel Gil foi pesimista. Estimou que o mercado actual do libro dixital en España está entre os 15 e os 17 millóns de euros, dos 86 % está en mans de tres empresas estadounidenses que empregan entornos pechados. Para el «semella que non hai espazos para as pequenas librarías, xa que en internet se premia a agregación de contidos».No entanto, para el a solución estaría na creación dunha plataforma dixital de editores e libreiros, que establecese algún tipo de compensación ás librarías de proximidade por medios dun algoritmo. Confesou que non cre nos prezos baixos no entorno dixital. Insistíu na necesidade de artellar un novo modelo de negocio dixital, así como a necesidade de que editores e libreiros promovesen unha liña educativa arredor da defensa da propiedade intelectual. Para Gil a crise retarda o principio de Arquímedes do sector editorial (cando emerxe o dixital, vai afundíndose o papel). Para rematar, Gil propuxo a refundación do sectores, creando un auténtico lobby do libro, formado por editores, distribuidores e libreiros. «Ou agrupámonos ou a situación levaronos por diante. Cómpre integrarse nunha única estrutura. Non hai solucións individuais. Confluír ou converxer pra sobrevivir», foron as súas últimas palabras.

No panel de experiencias sobre a utilización das redes sociais nas librarías, Damiá Gallardo presentou a experiencia como comunity manager da Librería Laie CCCB, Lois Rodríguez a de Redelibros e Carlos Airas a da Libraría Aira das Letras de Allariz.

Pechou as sesións da mañá Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, abordando o futuro das feiras do libro en Galicia. Pedreira realizou un percorrido pola súa historia ao longo de de catro décadas. Afirmou que contribuíron a comunicación e integración social arredor do libro, así como á formación dos libreiros participantes como a do desenvolvemento comercial do propio sector. Para Pedreira, as feiras comezaron a minguar hai unha década precisando na actualidade dunha «voltiña» para que recuperasen o seu pulo. Propuxo unha reflexión sobre tres modelos posibles de feiras: temáticas (como os salóns do libro galego), especializadas (como as de literatura infantil e xuvenil) e sectoriais (coa presenza de libreiros, distribuidores e editores). Anunciou a intención da nova xunta directiva da Federación de Libreiros de Galicia de introducir en 2013 unha serie de melloras relacionadas coa utilización de novos recursos (wifi, paneis dixitais, presenza en redes sociais, cafetaría…). Ademais, convidou ás editoras galegas a que volvesen participar como expositoras, así como convocou aos responsables da Asociación Galega de Editores e da Administración autonómica a participar nunha mesa para debater estas mudanzas.

Comezou a sesión da tarde cun panel de experiencias no que se presentaron diversos modelos de libraría. Enric Faura, distribuidor, responsable de Xarxa de Llibres e Edi.cat, analizou a situación actual do sector do libro, caracterizada por unha baixada de vendas do 20 % ao 25 % neste ano 2012, niveis de facturación de hai dez anos. Para Faura «o libro vese afectado pola crise económica, mais tamén hai indicios que hai indicios dun cambio de hábitos sociais, onde o libro ten unha valoración inferior a que tiña». Defendeu que «era necesario facerse máis visible como sector da libraría diante das administracións, mais sendo consciente que é imprescindible a profesionalización do sector».

Carlos Blanco presentou a experiencia das Librarías Nobel do Grupo Arnoia. Definíunas como «tendas comoditio onde se poden comprar libros e produtos complementarios (papelaría, prensa, xogos educativos, audiovisuais e artigos complementarios da lectura)». Afirmou que «somos comerciantes de libros, non libreiros», razón pola que «procuramos a xestión de stocks» facendo fincapé na rotación constante e no posicionamento do libro dentro da tenda.

Carlos Coira, responsable da Libraría Trama de Lugo, presentou o seu modelo de libraría cultural. Coira defendeu que «a libraría ten que converterse nunha auténtica rede social, onde hai sitio para eses libros que agardan ser atopados un día por un lector».

Juan Carlos Febrero, director da Casa del Libro de Vigo, presentou o seu modelo de cadea de libraría. Febrero insistíu na importancia de realización de moitas actividades culturais, como da oferta de libros dixitais cun lector propio. «O noso papel é darlle razóns á xente para que acuda á libraría, asumindo a importancia de participar nas redes sociais, xa que o 60 % das vendas veñen recomendadas dende internet».

A conferencia de peche do simposio de Marià Marín i Torné, secretario técnico do Gremi de Llibreters de Catalunya, foi interesantísima e moi novidosa. Comezou confensando que para el «o futuro da libraría será a corrección dos males presentes, das actuais ineficiencias». A clave da situación actual do sector do libro está en que se foi creando un novo tipo de lectura, unha modificación profunda do comportamento lector, ao tempo que vivimos unha devaluación e unha frivolización da cultura. «Entre nós ler non é unha necesidade vital, é un luxo. A lectura está mudando máis que os negocios editoriais, os editores e libreiros deberiamos estudar os informes PISA para comprobalo». A pesar de que o libro non está moda e do actual proceso dixital, afirmou a súa crenza na continuidade dun tecido industrial e cultural do libro, así como a súa convicción de que o proceso de dixitalización non é un fenómeno característico da edición, xa que xa afectou con anterioridade a todos os sectores da cultura. «A crise actual proporciónanos a vantaxe da ralentización do proceso, o que nos achega tempo para a reflexión. Se editores e libreiros non pensamos, con seguridade que nos imos esnafrar». Para Marín non hai un futuro da libraría desvencellado do futuro do conxunto do sector, razón pola que defendeu a creación dun so gremio do libro, que traballe cunha actitude proactiva na observación dos cambios que permita «unha reubicación permanente» do sector. «Todos os que reman a prol do libro deben traballar xuntos», «Non podemos actuar sós, senón gremial e sectorialmente», «Non existe o consumidor cultural dun único produto» foron algunhas das súas afirmacións. Rematou a súa intervención presentando os proxectos nos que traballa o Gremi de Llibreters, a creación dun posgrao de libro e libraría, da plataforma dixital Liberdrac e de Libredata.

Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!

Onte 371: The Joy of Books

Tras tres xornadas seguidas do intenso Seminario sobre edición de libro electrónico, impartido por Antón Lado e no que participamos trinta editores galegos, é inevitable para os que gozamos co arrecendo dos libros expresar un aceno de perplexidade, entre unha doce melancolía e un ilusionante entusiasmo. Vivimos un momento de tránsito, onde a pesar das incertezas sobre o modelo da cadea de valor do sector do libro debemos desenvolver un catálogo de lecturas, tanto impresas como electrónicas. No obstante, preparar unha oferta de referencia en lingua galega en formato dixital é hoxe un dos retos principais do sector da edición privada en Galicia. Sen dúbida, o excelente ciclo formativo de Antón Lado moito axudará en impulsala e orientala. O noso maior recoñecemento para el.

Onte 368: Libro electrónico

Andando ás voltas estes días co traballo sobre os nosos libros electrónicos, ven ao caso esta peza polaca na que se homenaxea o Manifesto  de El Lissitzky 1923, nacido nun momento de tránsito, tamén, como o que hoxe vivimos. Cal é o modelo de libro electrónico que queremos? Serán as posibilidades técnicas, tamén posibilidades creativas?

Onte 325: Primeiro contacto con Kindle

Dinme por vencido. Onte estreei o Kindle Touch que merquei. Abandono o meu primeiro e-reader e o seu antipático sistema. Non nego que a experiencia de compra de Amazon é moito máis satisfactoria ca das librarías electrónicas que viña utilizando. O wifi funciona, a descarga de cada libro é directa ao aparello e dura menos dun minuto. Na experiencia lectora notei menos diferenza, xa que depende da calidade de edición dos e-books. Con todo, sorprendeume a facilidade de integración de documentos propios, aínda que a lectura de PDFs resultoume moi incómoda.

Onte 307: Devaluación interna

Como editor quedei aliviado, xa que só subiu o tipo de IVE do libro electrónico descargable. Como cidadán desolado diante doutro machadazo ao papel do estado como compensador de desigualdades. Outra fase nese proceso de devaluación interna de salarios e rendas (así como de perda de soberanía popular e de centralización do estado), iniciado no mes de maio de 2010 cando Zapatero tirou a toalla presionado polos mercados de débeda. Unha decisión que lle custou a carreira política ao presidente leonés e colocou ao partido socialista nos brazos dun conformismo que dende entón pode conducilo a súa irrelevancia. Onte, Mariano Rajoy, obrigado polas condicións impostas polo memorando de axuda á banca española, consumiu as poucas promesas que lle quedaban por traizoar: subiu os tipos superiores de IVE, prexudicando as rendas medias e baixas; arruinou aínda máis aos funcionarios, aos que escolleu como os seus primeiros reféns; empobreceu máis aos parados, deixándoos ao pairo da caridade, xa sen esperanza ningunha… Por moito que se esforcen en agochalo os medios conservadores, por moi entusiastas que fosen os aplausos (irresponsables) dos membros do seu grupo parlamentario, este machadazo vaille custar caro a Rajoy e ao seu partido, como lle sucedeu a todos os gobernos que avalaron medidas deste tipo. Como tamén pagará Rubalcaba o seu vergonzoso conformismo destilado nunha intervención decepcionante nun momento tan decisivo. Paradoxicamente, unha situación tan dramática abre posibilidades nas marxes de ambos os dous partidos conformistas. UPyD (que medo!) podería aproveitar o desencanto máis conservador e xacobino. Esquerda Unida e os nacionalistas galegos poderían ter nesta coxuntura unha oportunidade de ouro para recuperar credibilidade e apoios. Magoadamente, a situación imítase cada vez máis á grega, no que atinxe ao acentuado empobrecemento da sociedade e ao aumento da desigualdade entre os seus membros; imítase na profundización da recesión da actividade económica; no incremento das taxas de paro, xa moi por riba do 25%, todos os tres efectos deste procesos de devaluación interna presentado por Rajoy co eufemismo do «programa de reformas». Imítase, tamén, a inevitable recomposición dun escenario político cada vez máis líquido, onde se poden producir combinacións, até agora, case inimaxinables. Se a todo isto engadimos, a conflitividade social, cada vez máis dificilmente controlable, Feijoo ten moi complicado decidir cando lle convén convocar as autonómicas.

Onte 306: A subida do IVE e o libro

Na primeira reunión da nova directiva da Asociación Galega de Editores, na que aprobamos o programa de actividades para segundo semestre do ano, agoiramos as maiores dificultades para o mercado do libro galego diante da inevitable subida do actual IVE superreducido do 4%, que o venres aprobará o Consello de Ministros. Tanto sexa un 8% para o libro impreso (o que semella máis probable), como un 18% ou 21% para o electrónico, este incremento arrefriará aínda máis a compra de libros, un mercado que vive en Galicia o momento máis crítico das últimas dúas décadas. Non deixa de ser un sarcasmo que a reivindicación dos editores europeos na última década fose a de acadar un IVE cero, por tratarse o libro dun ben cultural; como tamén o foi, mentres isto non se acadase, loitar pola rebaixa do que grava o libro dixital descargable (tal como aprobou en Francia e Luxemburgo) até deixalo no mesmo tipo ca o analóxico. Agora, nun país como Galicia cuns baixos índices de lectura, esta subida do IVE, ao inicio da campaña escolar, pode supoñer a catástrofe definitiva para o sector editorial e a manifestación do maior desprezo pola cultura. Como tuiteou onte o mestre Xabier Docampo «sen libros, sen cultura, non se sae da crise».