Onte 1127: Galiciale no Día da Biblioteca

Galicia_le

Ademais da inauguración da nova Biblioteca de Carballo, o máis significativo do Día da Biblioteca, que celebramos onte, foi a posta en funcionamento do Galiciale, un primeiro catálogo de préstamo de libro en galego en soporte epub para os usuarios da rede de bibliotecas públicas galegas. Este catálogo alboral, no que Xerais achegou máis dun cento dos seus títulos electróncios, constitúe un importantísimo acicate para o desenvolvemento da edición do libro electrónico en galego, mais tamén unha posibilidade de acceso en igualdade para o lectorado do sistema público de bibliotecas galegas que quere acceder a unha oferta de lectura pública desde soportes dixitais diversos ou apenas ensaiar con ela a experiencia da lectura neste soporte. Sei que como en todo novo proxecto lector, haberá que completar e diversificar o catálogo, axeitando a oferta aos diversos públicos, sobre todo ao infantil e xuvenil e ao libro de non ficción para persoas adultas, onde o número de títulos é aínda reducido. Como haberá que valorar a amabilidade do sistema proposto de préstamo bibliotecario e o funcionamento da plataforma tecnolóxica deseñada pola empresa galega Xercode, para introducir no futuro aquelas melloras que o seu emprego vaia requirindo. Xaora, a posta en marcha de Galiciale é unha noticia esperanzosa neste Día da biblioteca.

2 comentarios
  1. pepe
    pepe Dice:

    Por desgraza, penso que é un suicidio. É facilísimo desprotexer o e-pub unha vez descargado no disco duro (eu acabo de facelo). Para os que pensen que a literatura galega é demasiado pequena como para que ninguén se moleste niso, non saben como respira o alumnado da ESO e Bacharelato, principais compradores da literatura galega hoxe en día. Debería haber un catálogo en liña REDUCIDÍSIMO nas bibliotecas.

    Responder
  2. vigués
    vigués Dice:

    A facilidade de acceso é importante á hora de ler, se teño que ir mercar un libro, ou achegarrme a unha biblioteca non vou e leo en español. Claro que se son un lector militante igual me dá o mesmo e estou disposto a sofrer polo futuro da literatura en galego. Pero dame a min que non hai moitos sofredores…

    A música xa pasou por isto, non é solución meter a cabeza debaixo da area.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará