Listado de la etiqueta: galiciale

Audiolibros

Cando se van facer quince anos da publicación por Xerais dos primeiros libros dixitais en galego en formato epub, Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Sete palabras de Suso de Toro, o sector editorial anda as voltas cun novo intento de popularizar o audiolibro. Un formato dixital en auxe nos mercados editoriais próximos, que  conta cun catálogo de 25.000 títulos en español e unhas vendas do 3 % das do sector. Foi a publicación da magnífica edición de Pel de cordeiro (Xerais 2024) de Ledicia Costas, nas voces de Ana Lemos e Chelo Díaz, á que se engadiu á oferta pioneira iniciada en 2011 por Rinoceronte, abandonada pola editora do Morrazo hai unha década. Catálogo en galego ao que en 2021 se sumaron tres títulos de María Reimóndez, O club da calceta, Corredora e Usha, na voz da autora e distribuídos en Audible, a plataforma de Amazon, onde está publicada Beleza vermella de Arantza Portabales. Publicacións ás que tamén tras a pandemia se engadiron dez títulos en dominio público de Léocho?, a primeira editora galega só de audiolibros. Oferta mínima e fragmentada explicable polos custes de produción elevados, que poden superar os 3.000 € por título, o que fai imposible ás editoras recuperar o investido. Con todo, a problemática introdución deste novo formato nun mercado lector xa hibridado, volve residir nos baixos índices de lectura en galego, abaixados até o 3,90 %, outra cifra dramática para o futuro da lingua, a metade da cota de mercado do 8,00 % para o libro galego, considerada até hoxe fiable. De moi pouco axudan os discursos triunfalistas dos que alardean do momento excepcional da literatura galega cando o seu público non ten conta dela. No caso do audiolibro, como sucedeu hai quince anos coa ampliación dun catálogo suficiente do formato epub, para saír do enredo de se é antes a oferta ca demanda, é imprescindible que as editoras privadas conten con axudas públicas atractivas para producir títulos de calidade e promocionalos na canle bibliotecaria de GaliciaLe.

Publicado en Nós diario: 12/03/2025

Onte 1127: Galiciale no Día da Biblioteca

Galicia_le

Ademais da inauguración da nova Biblioteca de Carballo, o máis significativo do Día da Biblioteca, que celebramos onte, foi a posta en funcionamento do Galiciale, un primeiro catálogo de préstamo de libro en galego en soporte epub para os usuarios da rede de bibliotecas públicas galegas. Este catálogo alboral, no que Xerais achegou máis dun cento dos seus títulos electróncios, constitúe un importantísimo acicate para o desenvolvemento da edición do libro electrónico en galego, mais tamén unha posibilidade de acceso en igualdade para o lectorado do sistema público de bibliotecas galegas que quere acceder a unha oferta de lectura pública desde soportes dixitais diversos ou apenas ensaiar con ela a experiencia da lectura neste soporte. Sei que como en todo novo proxecto lector, haberá que completar e diversificar o catálogo, axeitando a oferta aos diversos públicos, sobre todo ao infantil e xuvenil e ao libro de non ficción para persoas adultas, onde o número de títulos é aínda reducido. Como haberá que valorar a amabilidade do sistema proposto de préstamo bibliotecario e o funcionamento da plataforma tecnolóxica deseñada pola empresa galega Xercode, para introducir no futuro aquelas melloras que o seu emprego vaia requirindo. Xaora, a posta en marcha de Galiciale é unha noticia esperanzosa neste Día da biblioteca.