Amigos da Arte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro do historiador José Luis Mateo Álvarez sobre a Sociedade de Amigos da Arte de Vigo, 1931-1941:

O historiador José Luis Mateo Álvarez, membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses, tras o libro e a exposición sobre a Escola de Artes e Oficios (1886-1976) e sobre a historia do Teatro Keyzán, acaba de publicar A Sociedade de Amigos da Arte de Vigo. Unha década de actividade cultural 1931-1941 (IEV, 2022), outra das súas investigacións imprescindibles para entender que o activismo artístico, cultural e social de lecer constitúe outra hélice do ADN de Vigo como cidade atlántica industrial con vontade de liderar o proxecto galego de acceso á modernidade. Sociedade artística que deixou unha pegada tan indeleble como até agora esquecida na memoria da cidade, mais por ventura recuperada por esta monografía que en palabras do prologuista, o crítico vigués de Arte Carlos L. Bernárdez, «ilumina unha parte da historia cultural da cidade no período republicano e na primeira posguerra» e rescata unha nómina moi ampla de nomes significativos de escritores, xornalistas, editores, pintores, escultores e músicos, que protagonizaron un intenso labor naquel Vigo das décadas de entusiasmo de 1920 e 1930.

Como un dos mellores coñecedores da historia cultural viguesa contemporánea, Mateo identifica nas actividades das sociedades recreativas as experiencias que anticiparon a creación de Amigos da Arte en xullo de 1931. Velaí a Exposición da Arte Galega de 1924, instalada na Escola de Artes e Oficios e organizada polo Ateneo de Vigo (fundado en 1921). Velaí o Primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveis, inaugurado o 15 de maio de 1931 no Salón de Festas de Faro de Vigo e organizado pola Sociedade Recreo (fundada en 1928), na que se expuxeron 106 obras de artistas vigueses, entre as que atopaban apenas as de dúas únicas mulleres, as pintoras Elena Agra e Julia Álvarez Prado, que nas súas declaracións reclamaron a constitución en Vigo dunha Sociedade de Amigos da Arte como as xa existentes en Madrid dende 1909 ou Santiago desde 1928. Como tampouco esquece Mateo estudar as relacións de colaboración de Amigos da Arte co Centro de Hijos de Vigo, sociedade recreativa cultural nacida en maio de 1932 coa intención de fomentar o «viguismo» desde posicións apolíticas, entidade organizadora das Festas da Reconquista e do traslado dos restos de Cachamuíña Pereiro, entre outras iniciativas.

Tras sinalar que o primeiro obxectivo da Sociedade de Amigos da Arte foi apoiar ao concello na creación do Museo de Vigo, onde celebrar exposicións artísticas, Mateo salienta que as razóns de ser deste novo axente cultural foron contribuír a enaltecer a actividade de artistas e pensadores e constituír un tecido cultural forte, que transcendese o carácter festivo ou social das numerosas sociedades recreativas existentes dende o século XIX, unha condición que os seus promotores, como os poetas José Antonio Ochaíta e Enrique Romero Archidona, consideraban indispensable para que Vigo se convertese nunha gran cidade. Xaora, constitúe a cerna desta magnífica obra de Mateo a presentación das actividades de Amigos da Arte, como os seus concursos de debuxo infantil, a publicación da revista Horizonte (1932),a participación da súa sección literaria na Semana do Libro, os seus recitais poéticos, as súas conferencias, a incipiente participación das mulleres, a súa actividade teatral e, sobre todo, as súas exposicións artísticas, un dos seus obxectivos principais, proporcionándolle presenza nos salóns do Casino, do Faro ou nas Galerías de Príncipe a unha nova xeración de artistas, «os Novos» como Maside, Colmeiro, Souto, Torres, Eiroa, entre outros.

Se isto xa non abondase, Mateo dedica a parte final do libro a reconstruír as biografías dos artistas vencellados a Amigos da Arte, unha documentación excepcional para ese proxecto colectivo de recuperación da memoria cultural viguesa do século XX. Aquí aparecen os nomes do ourive Ángel Cajaraville Mareque, dos ilustradores Jesús Conde González «Xesús» e Mario González, do ilustrador de pergameos Fernando D’ Oliveira e do seu fillo, dos pintores Emilio Fernández Rodal, Demetrio Lobato, Carlos Sobrino e Luis Gil Vicario, dos escultores Manuel Longa e Camilo Nogueira, entre outros. Como remata Mateo sinalando que a desaparición dos Amigos da Arte a comezos da década de 1940, tras a adaptación dalgúns dos seus membros a nova realidade estética e cultural do réxime, deixou un grande baleiro na actividade cultural da cidade, que en boa medida sería cuberta de forma informal dos parladoiros do Derby, Savoy, Café Colón, Café Tropical ou na Taberna de Eligio, nos que participaba a bohemia artística viguesa, mais ese xa é outro relato por abordar.

Recomendo vivamente este libro sobre Amigos da Arte e parabenizo o excelente traballo de José Luis Mateo.

Centenario de Sobredo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario dos Mártires de Sobredo e da loita anticaciquil e antiforal:

O 28 de novembro de 1922 tres persoas foron asasinadas pola Garda Civil en Sobredo, na parroquia de Guillarei do concello de Tui, cando se manifestaban en solidariedade cun veciño do lugar a quen pretendían embargar por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento, boicot acordado por 133 sociedades agrarias reunidas do 28 ao 30 de xuño daquel ano no Congreso Rexional Agrario de Tui. O pasado domingo lembrouse o centenario daquel acontecemento no que faleceron Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Beade, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas, e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño, xunto a outras sete persoas que resultaron feridas de bala, cando a Garda Civil disparou contra unha concentración de dúas mil persoas de toda a bisbarra do Baixo Miño, a Louriña e até a Paradanta, convocadas a golpe de badaladas  e de foguetes para defender a dignidade dos labradores e rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista, que os obrigaban a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban.

O sucedido en Sobredo converteuse en referente dunha loita antiforal e anticaciquil, que xa contaba con varias décadas de mobilizacións e varios sucesos de represión semellantes. Un conflito que non atoparía unha saída política até a promulgación no mes de xuño de 1926 do decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía que os labregos redimisen os foros das terras de seu, o que obrigou a moitos a escoller os vieiros da emigración para alí atopar recursos para facelo. Unha conquista cívica moi celebrada na República, que no caso de Sobredo levou a que o 29 de novembro de 1931 o escultor Camilo Nogueira puxera a primeira pedra dun gran monumento pétreo en lembranza dos tres mártires, que sería inaugurado ao ano seguinte con motivo do décimo aniversario do sucedido. No entanto, o fanatismo fascista dinamitou a obra de Nogueira, xa no mes de xullo de 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias, motor deste movemento antiforal. Por ventura, en 1986 comezou a celebrarse un encontro cívico anual organizado polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, e dous anos despois reconstruíuse o monumento do escultor de Lavadores.

Os acontecementos de Sobredo pecharon unha xeira oprobiosa de mortes na loita agrarista, iniciadas o 19 de xuño de 1894 polos tres mártires de Campo da Porta, na parroquia de Salcedo, vítimas do fogo da Garda Civil, cando protestaban pola subida dos arbitrios. Continuadas cos sete mártires de Cea, caídos o 22 de abril de 1909 cando os gardas dispararon aos amotinados contra o roubo dun baldaquino da igrexa do mosteiro de Oseira. Ás que seguiron as cinco de Nebra, catro mulleres e un home –a pesar de que as mulleres ían diante porque contra elas se cría que os gardas non dispararían– baleadas na ponte de Cans do concello de Porto do Son, cando protestaban contra o «defís», un tributo que impuxera o concello para pagar unha débeda contraída coa deputación, que consideraban inxusto. Unha lista negra de morte continuada en marzo de 1918 coas oito vítimas da revolta das pedradas de Trasancos, protagonizada por mulleres campesiñas e obreiras que ao berro de «Temos fame» protestaban en Neda, Ferrol ou na Feira do Trece de Sedes no concello de Narón pola suba de prezos e impostos ás familias labregas, obrigando ao goberno a declarar o Estado de Guerra na comarca. Sen esquecer ás catro mulleres mártires de Sofán, abatidas o 16 de febreiro de 1919 cando formaban parte da comitiva fúnebre dun picariño de catro anos. Vítimas lembradas por Castelao en 1931 no álbum Nós, cando escribiu ao pé dunha das ilustracións: «Un padrenuestriño polos que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!»

Lembrar o centenario dos Mártires de Sobrado, como tamén as outras vítimas da represión contra o movemento agrarista en Salcedo, Cea, Narón, Nebra e Sofán, contribúe a restaurar na sociedade galega unha memoria reparadora do que fomos e da historia de como chegamos a ser o que somos. Lembranza que, como escribiu o poeta Manuel María no seu libro As rúas do vento ceibe (1979), homenaxea «os que defenderon pobo e pan», os que pretenderon reformular tanto as regras da propiedade da terra como modernizar os seus modos de traballo, introducindo as tecnoloxías na agricultura e na gandaría. Unha achega decisiva do agrarismo galego recoñecida polo Parlamento de Galicia na súa recente declaración do 23 de novembro na que abeizoa «o espírito solidario de todos os que loitaron a favor dos dereitos dos seus semellantes, coa vista posta na mellora da sociedade galega…» e «lembra as vítimas da represión sobre este movemento.»

45 anos dos Premios da Crítica de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración dos 45 anos dos Premios da Crítica de Galicia:

Na intervención que pechou o sábado o acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia 2022, Carmela Silva reclamou o liderado de Vigo, tamén no eido da cultura. Unha reivindicación coa que a presidenta da Deputación de Pontevedra recoñecía tamén o papel que para forxar ese liderado supuxo esta iniciativa da sociedade civil viguesa, encabezada polo editor Bieito Ledo e polo pintor Antón Pulido, que dende hai corenta e cinco anos organizan estes premios honoríficos cos que se pretende recoñecer a excelencia da creación e da produción das industrias culturais galegas, dende a literaria ao cinematográfica, dende a investigación á cultura gastronómica, dende a música ás artes plásticas e dende as iniciativas culturais e científicas ás artes escénicas. Premios que dende aquela primeira «Cea das letras», celebrada no desaparecido Hotel Samil o 16 de maio de 1978, organizados de forma entusiasta polos entón mozos do Círculo Ourensán Vigués, tiveron sempre a súa sede en Vigo, coa excepción do período no que foron trasladados a Mondariz Balneario, converténdose nunha das institucións culturais máis prestixiadas e veteranas da cidade.

Unha continuidade, tamén unha teimosa insistencia –á que certo é non foron alleas algunhas dificultades no apoio proporcionado polas administracións públicas– na que os promotores mantiveron o seu espírito fundacional de artellalos como un afán colectivo e altruísta de carácter normalizador. Uns premios deseñados para abrir unha xanela de visibilidade para a produción cultural galega anual, nos que convidaron a participar a máis de mil catrocentas persoas de diversas xeracións, profesións e ideoloxías como membros dos seus xurados. Un traballo crítico esencial, independente e rigoroso, no que participaron grandes figuras xa desaparecidas, como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Basilio Losada, Carlos Casares ou Pilar Vázquez Cuesta, que foi conformando un cadro de honra de persoas e entidades premiadas que permiten identificar as profundas mudanzas da creación cultural en Galicia ao longo dos períodos da Preautonomía e da actual Autonomía, tanto no que atinxe ao prometedor desenvolvemento das súas industrias culturais (editorial, musical, plástica, teatral e audiovisual) como das feblezas e ameazas provocadas pola ausencia de políticas culturais públicas efectivas de internacionalización dos sectores e de fomento da lingua galega.

Premios da Crítica de Galicia nos que podemos identificar a profunda fenda de xénero presente en todos os sectores culturais galegos, mitigada hai pouco máis dunha década, cando a asociación abriu unha etapa de anovación, tanto pola incorporación de mulleres na promotora dos recoñecementos como na propia composición dos xurados, dende entón paritarios, o que se comezou a percibir no elenco de gañadoras. Así na modalidade de Creación Literaria houbo que agardar 18 anos a que fóra premiada a primeira muller, Marilar Aleixandre, abrindo unha nómina á que dende 1995 se incorporaron Pilar Pallarés, Anxos Sumai, Luisa Villalta, Ana Romaní, María do Cebreiro, Moncha Fuentes e Olga Novo, apenas oito de 45 persoas premiadas. Outro tanto sucede na modalidade de Investigación onde a relación de premiadas redúcese a catro, iniciada por Begoña Bas en 1992, á que dende entón seguiron Pilar Rodríguez Suárez, Patricia Fra e Blanca Ana Roig Rechou, todas vinculadas ao ámbito das Humanidades. Tendencia que se mantén na modalidade de Música, na que son só seis as premiadas desde que en 1985 o fora Dorothé Schubarth polo seu Cancioneiro Popular Galego, compilado con Antón Santamarina, á que seguiron Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Margarita Viso e nesta edición a cantora e investigadora mariñá Ugia Pedreira. E outro tanto se podería apuntar das outras disciplinas artísticas, nas que como reclamou tamén na súa intervención Carmela Silva, faltan máis mulleres premiadas.

As modificacións introducidas na convocatoria destes premios amosan as mudanzas, a vitalidade e a diversificación do conxunto do sector cultural galego. Das cinco modalidades da primeira edición, seis na segunda, pasáronse as oito actuais, tras a creación das de «Cultura Gastronómica» en 2014 e de «Cine e Artes Audiovisuais» en 2018. Ampliación do número de modalidades que cada edición propón no seu ditame algún dos xurados, sexa para desdobrar a de Investigación nun premio de Humanidades e outro de Ciencias e Tecnoloxía, fose para facelo nos diversos xéneros da Creación Literaria ou das Artes Plásticas, desdobradas, como se propuxo nesta edición, en Pintura e Escultura, Deseño e Arquitectura. En todo caso, axustes posibles para unha iniciativa con vontade de perdurarmos e de continuar forxando unha tradición.

Vigo en corso

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Ramón Patiño Gómez, El corso en  la ría de Vigo y en las islas gallegas (IEV, 2022):

Desde que Juan Miguel González Fernández, un dos grandes  historiadores da cidade e fundador do Instituto de Estudios Vigueses, publicara no cuarto número de Glaucopis (1998), a revista anual do IEV, o seu referencial artigo «El corso vigués del siglo XVIII», ampliado nos seus numerosos traballos posteriores sobre a historia de Vigo na Idade Moderna, a práctica corsaria é entendida como un dos piares que explican a transformación de Vigo de aldea medieval á cidade portuaria atlántica que coñecemos. Unha tese referendada e ampliada no recente libro do arqueólogo mariño e historiador Ramón Patiño Gómez, El corso en la ría de Vigo y en las islas gallegas. Siglo XVI – Siglo XVII (Instituto de Estudios Vigueses 2022), obra monumental de case catrocentas páxinas, froito dunha concienciuda e pioneira esculca documental sobre o tema nos arquivos, singularmente os de Indias e Simancas, na que se explica a transcendencia deste fenómeno na actividade portuaria viguesa, dende a chegada da carabela A Pinta a Baiona até a batalla de Rande, dous séculos decisivos nos que Vigo fraguou o seu papel hexemónico no comercio naval da península e achou unha vía de capitalización que permitiu o seu desenvolvemento como cidade ao longo dos séculos posteriores.

Comeza Patiño aclarando conceptos sobre o corso e o seu exercicio, salientando o seu carácter de actividade marítima privada regulada pola Coroa. Un lucrativo negocio consistente en aparellar e artillar naves de cabotaxe para apresar buques mercantes de países inimigos coa finalidade de desvalixalos, mais para o que se requiría contar coa autorización do goberno que lle proporcionaba ao armador a patente de corso, unha licenza en forma de carta (de represalia, contramarca ou marca) na que se lle autorizaba a facer o corso e se sinalaban as normas específicas para abordar, rexistrar, deter e tomar posesión deses buques, así como o período de actuación e os lugares onde facelo. Actividade lucrativa tamén para a Coroa xa que obrigaba aos corsarios a depositar unha fianza, por se non se cumprían as normas establecidas na patente, e a que as presas fosen sometidas ao arbitrio dos tribunais que determinaban se eran boas ou malas. Patiño refírese despois á historia da actividade corsaria, que no caso galego se remonta ao tempo de Xelmírez, arredor do ano 1125, aínda que non sería regulada até 1621, cando Felipe IV ditou a primeira «Ordenanza da súa Maxestade para navegar en corso», ampliada e actualizada ao longo do século XVIII en varias ocasións, a derradeira en 1801, até a abolición desta actividade polo Tratado de París de 30 de marzo de 1856, ao que España tardaría tres décadas en adherirse.

Constitúe o miolo da obra de Ramón Patiño o relato detallado da actividade corsaria na ría de Vigo e nas illas atlánticas, dende os seus antecedentes, que identifica antes da chegada dos romanos coa presenza regular dos púnicos nas costas nosas, como testemuñan vestixios como os ídolos de Toralla, pasando polo comercio marítimo da época romana, a aparición dos piratas viquingos e normandos a partir do século IX, en virtude do chamado «dereito do puño», o dereito do máis forte para apoderarse dos buques do inimigo, até a chegada dos sarracenos a partir do século X. Crónica que Patiño amplía mesmo á navegación pesqueira, na que documenta en 1255 a presenza de pescadores portugueses na ría de Vigo ou as primeiras expedicións dende o porto de Baiona xa en 1541 para chegar ás costas de Terranova, «terra dos bacallaus».

Con todo, o lectorado atopará a cerna da esculca de Patiño na crónica, enfiada década a década, do sucedido nos séculos XVI e XVII, auténtica idade de ouro do corso na costa galega, así como na recuperación dalgúns documentos e os seus oportunos comentarios, algúns tan interesantes como o fragmento do Atlas do Rei Planeta (1634) do cartógrafo portugués Pedro Teixeira que relata o seu percorrido pola costa galega en 1621. Xaora, a obra de Patiño ten grande importancia para a historiografía viguesa por demostrar que a corsaria foi unha das actividades económicas que forxaron o destino de Vigo, xunto á pesqueira, industrial e comercial vinculada con América e cos portos do Norte de Europa. Unha actividade corsaria de cabotaxe consolidada na segunda metade do século XVII que permitiu incrementar as achegas de Vigo ás arcas reais, ao tempo que pulou pola actividade dos comerciantes vigueses, incrementou á poboación da vila até preto dos 3.000 habitantes, e iniciou o carácter cosmopolita do seu porto, considerado base corsaria multinacional, onde bulían tripulacións de orixe diversa.

Parabéns a Ramón Patiño por obra tan relevante como aos responsables do IEV pola súa incesante actividade investigadora e editorial a prol da historia da cidade da que se cumpre xa 30 anos.

Profesor Antón Costa Rico

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao profesor Antón Costa Rico con motivo da homenaxe que recibiu con motivo do seu setenta aniversario:

O pasado sábado o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea/USC), así como profesorado das tres universidades galegas e membros de Nova Escola Galega (NEG), homenaxeamos ao profesor Antón Costa Rico con motivo do seu setenta aniversario. Un recoñecemento necesario a quen hoxe é catedrático xubilado de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela que durante 44 anos desenvolveu un labor docente, intelectual e investigador fecundísimo e honesto tanto no eido da historiografía e política educativas como do activismo na renovación pedagóxica e galeguización educativa da que foi (e continúa sendo) alicerce e guieiro incombustible e infatigable. Unha homenaxe académica, en formato de singular seminario arredor das temáticas de «Educación, Historia e País», que lle foron propias a Antón durante cinco décadas, na que participaron dende os membros da Sociedad Española de Historia de la Educación, da que foi presidente, como Mª del Mar Pozo, actual presidenta, e o catedrático Agustín Escolano, o director da súa tese de doutoramento presentada en 1982 na Universidade de Salamanca, até unha representación do seu alumnado e de membros de NEG, movemento de renovación pedagóxica do que foi un dos seus fundadores, presidente e animador teimoso dende 1983.

Un proxecto vital, tamén académico e activista (militante), alicerzado sobre os piares da identidade, o territorio e a renovación, bosquexado xa no seu primeiro libro, O ensino en Galicia. Problemática e perspectivas (Edicións do Cerne, 1980), no que Costa xa escolma algún dos documentos máis relevantes da nosa historia educativa e aborda os retos da política educativa ao comezo do período autonómico. Un labor historiográfico que tras máis de tres décadas de esculca documental e catorce anos de redacción culminou en Historia da Educación e da Cultura en Galicia (séculos IV-XX). Permanencias e cambios no contexto cultural e educativo europeos (Xerais 2004), obra de 1246 páxinas, multipremiada, que concibiu como un «acto de confianza construtor de horizonte». Un libro nacido como un empeño científico, mais tamén patriótico, unha peza bibliográfica monumental que constitúe, en palabras de Agustín Escolano, «un fío interpretativo ordenado que outorga significado ao feito diferencial da cultura e da educación galegas no seo dos contextos cos que estes fenómenos e os discursos que os acompañan, comparten tradición».

Veciño de Vigo dende hai varias décadas, Antón Costa Rico participou no empeño que supuxo «A pizarra», o primeiro suplemento semanal educativo de Faro de Vigo (1983-1986) en lingua galega, pulsión de divulgación pedagóxica que desenvolveu en centos de artigo, mais tamén como correspondente informal en Galicia da revista Cuadernos de Pedagogía, fundador d’ As Roladas 2, revista do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, e sobre todo como animador incansable da Revista Galega da Educación, publicación de NEG, dende a publicación do seu primeiro número en 1986, e da revista Sarmiento. Anuario da Historia da Educación en Galicia. A sinatura de Antón está presente, tamén, en varios traballos no boletín do Instituto de Estudios Vigueses, sendo referenciais para a memoria viguesa o seu estudo biográfico sobre a figura do mestre mártir Apolinar Torres, «Modernización pedagóxica e reivindicación da Escola Nova na prensa da cidade de Vigo (1926-1929)» (Glaucopis 24, 2019), como sobre o sindicalismo educativo republicano, «Asociacionismo educativo e sindical do maxisterio galego: A Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo (1931-1936)» (Glaucopis 26, 2021).

Xaora, máis alá da súa impresionante obra publicada, unha decena de libros individuais, oitenta capítulos en libros colectivos, outros tantos artigos académicos, vinte e pico prólogos, a dirección de quince teses de doutoramento, entre elas as das viguesas María Fernanda Piñeiro Sampayo, La acción educativa de los colegios religiosos femeninos en la ciudad de Vigo 1886-1962 (2013) e Miriam Varela Iglesias, Colegios, cátedras y escuelas. Vigo (1803-1929) (IEV 2015) ou os seus anos de xestión como decano da Facultade de Educación, director do ICE da USC, membro do Consello Escolar de Galicia ou director da Biblioteca de Pedagoxía da editorial Kalandraka, o que máis destaca en Antón Costa Rico é a súa xenerosidade e tenrura como educador. Unha dimensión que a súa alumna Uxía Bolaño resumiu na homenaxe de forma emocionada e luminosa como «a dun sabio militante sempre apurado e cos libros na man, como un referente que sempre está coas causas relevantes, con compromiso e constancia, un construtor da educación galega co ollar no pasado e no futuro». Un profesor do que nos sentimos orgullosos os seus alumnos e alumnas. Únome aos parabéns tan merecidos. Grazas, Antón, mestre!

Menos mal que nos queda Portugal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as relacións de irmandade entre Portugal e a cidade de Vigo a raíz do anuncio do Goberno portugués do tren de AV que unirá Lisboa e Vigo:

O goberno portugués anunciou a pasada semana o calendario das obras da liña de Alta Velocidade (AV) que unirá Lisboa con Porto, que a partir de 2026 continuarán até Braga e Valença, onde se integraría coa procedente da saída sur de Vigo. Este anuncio, importantísimo para a Galicia futura, ratifica a aposta ferroviaria do goberno de Antonio Costa pola vía da costa atlántica para a súa integración en territorio galego coa rede ibérica de AV, desbotando a alternativa, até agora preferida polo goberno español do enlace directo entre Lisboa e Madrid. Unha aposta portuguesa que constitúe unha oportunidade única para consolidar a posición estratéxica de Vigo na rede europea de transportes como un dos nós ferroviarios e marítimos da fachada atlántica entre Lisboa e Hamburgo, mais que precisa dunha determinación e compromiso semellantes por parte do goberno español, aínda moi remiso a fixar con todas as consecuencias orzamentarias a agardada chegada directa da AV á estación de Urzaiz e a súa continuidade até Valença antes de 2030, como pretende o seu socio ibérico. Outra vez máis, dende Vigo óllase con esperanza cara a Portugal, concitando a simpatía e a irmandade tantas veces celebrada entre ambas as dúas beiras do Miño, que forman parte dunha mesma eurorrexión europea de seis millóns e medio de habitantes.

Con alicerces nunha historia e lingua comúns durante séculos, as relacións entre Galicia e Portugal foron a daqueles irmáns que viviron virados de costas. Con todo houbo períodos de enfrontamento, provocados pola pretensión española de consolidar a hexemonía peninsular, como sucedeu cos conflitos bélicos do século XVII, no marco da Guerra de Restauración portuguesa, que no trono de Lisboa substituíu aos Habsburgo pola Casa de Braganza, o que supuxo o recoñecemento da independencia de Portugal (1668). Guerra que chegou ao territorio galego, sendo unha das razóns da construción da muralla de Vigo (1656) e da constitución daquel Terzo de Valadares de mosqueteiros vigueses de casacas brancas e unha divisa vermella, participantes en varias batallas contra os portugueses, como os sitios de Valença e Monção e a defensa de Tui e Salvaterra, aínda que case sempre situándose no lado perdedor, como sucedeu en Monterrei (1664) cando case douscentos foron masacrados polas forzas portuguesas, que entraron o ano seguinte por Goián, achegándose a Vigo. Conflito armado que se repetiría na chamada guerra das laranxas de 1801, librada en Estremadura, mais que en Vigo supuxo o afastamento dos portugueses da aínda vila durante a penas quince días.

Secasí, xa ao longo do século XIX foron varias as iniciativas que trataron de tecer lazos de colaboración entre Vigo e Portugal, especialmente relacionadas co desenvolvemento do ferrocarril. A construción da ponte internacional do Miño, obra de Eifel, aprobada en 1880 e finalizada en 1886, permitirá a conexión por tren de Porto con Vigo, que abrira a súa estación en 1881, en apenas oito horas, reducindo tamén a viaxe a Madrid por Portugal a trinta e seis horas. Como forxaron en Vigo unha cultura transfronteiriza iniciativas como a excursión en tren que centos de portugueses fixeron o 28 e o 29 de xuño de 1901 a Vigo, devolvendo a visita realizada polos vigueses con anterioridade, inmortalizada en imaxes estereostópicas polo fotógrafo Aurelio Paz dos Reis. Acontecemento, como aqueloutra extraordinaria Semana Portuguesa de Vigo, organizada pola patronal viguesa entre o 26 de marzo ao 2 de abril de 1933, sendo alcalde Emilio Martínez Garrido, recuperados do esquecemento polos traballos de José Luis Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (Glaucopis nº 26, IEV 2021).

Case noventa anos despois, emociona repasar as actividades daquela semana de irmandade, rebautizada como Semana Hispano-Lusitana de Vigo, inaugurada coa solta de 10.000 pombas. Un programa completísimo, que incluía unha exposición de produtos portugueses no pavillón da Aduana e unha feira do libro portugués, no que se mesturaban conferencias, actividades deportivas, representacións teatrais, excursións e até un festival de escaparates da rúa Galán (hoxe do Príncipe) para recibir á delegación portuguesa. Un irmandamento económico e cultural que durante os anos da ditadura quedaría na memoría inconsciente de Vigo, recuperado por Gerardo González Martín en 1986 no seu libro sobre o centenario da Cámara de Comercio. Non obstante sería a expresión punk desa irmandade luso viguesa a fixada por Siniestro total no seu terceiro álbum, Menos mal que nos queda Portugal (1984), e por Resentidos no seu primeiro elepé, Vigo, capital Lisboa (1984), a que hoxe utilizamos para abeizoar a estratexia ferroviaria do goberno portugués de conectar por AV Lisboa, Porto, Braga e Vigo.

Onte 2153: Xosé María Álvarez Blázquez editor

Tiven a honra de participar onte no XIX Simposio o Libro e a Lectura que a AGE dedicou a conmemorar os 100 anos da edición histórica en Galicia cunha intervención sobre don Xosé María Álvarez Blázquez e a edición comercial na década de 1970.

O texto da conferencia pode baixarse aquí.

Vigo obreiro do 72

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a folga xeral de 1972:

Documentándome sobre a folga de setembro de 1972, atopei unha foto publicada no Faro de Vigo o 15 de marzo daquel mesmo ano. Trátase dunha instantánea tomada na Porta do Sol onde varios centos de obreiros ocupan a praza e interrompen o tráfico protestando polas mortes de Amador Rey e Daniel Niebla, baleados o 10 de marzo en Ferrol pola policía armada franquista nunha manifestación sindical de obreiros da Bazán. Unha gran concentración de solidariedade e condena da represión exercida sobre os seus compañeiros ferroláns, como tamén unha recadación de fondos para axudar a cubrir as necesidades das familias dos obreiros ferroláns mortos, detidos ou despedidos, que sorprenderon pola súa magnitude e alarmaron ás autoridades franquistas e aos círculos empresariais vigueses. Unha explosión de protesta social e laboral, que para o historiador José Gómez Alén tivera o seu precedente dez anos antes nos paros en Reyman e nos estaleiros de Vulcano e Barreras, promovidos polas Comisións Obreiras, que a pesar do seu carácter clandestino obterían en Vigo a maioría nas eleccións sindicais de 1971.

Conflitividade laboral que en Vigo tivo a súa continuidade na primavera do 72 na negociación do convenio de Barreras, no que a parte sindical reclamaba 400 pesetas por xornada, semana efectiva de 42 horas, un mes de vacacións e dereito de asembleas, entre outras  reivindicacións. Unha negociación que levou a paralización de todas as seccións da factoría o 10 de maio, ao que respondeu a patronal sancionando con 21 días de suspensión de emprego e soldo a case todo o persoal obreiro e de cinco á maioría do resto dos empregados. Conflito que provocou accións de solidariedade contra as sancións noutras empresas, como Citroën, Vulcano ou Álvarez, entre outras, cuxo traballadores participaron en paros e concentracións como a convocada polas Comisións Obreiras o 26 de maio na Porta do Sol, á altura de Príncipe, onde se concentraron tamén o groso dos efectivos dos “grises”, o que provocou saltos en diversos puntos da cidade. Conflito o de Barreras que supuxo a detención de 15 traballadores e rematou cun acordo entre a patronal e o xurado dun aumento salarial do 17 % (nun tempo de inflación desbocada) e coa retirada das sancións e readmisión dos detidos.

Naquela concentración solidaria do 15 de marzo de 1972 e no durísimo conflito do convenio de Barreras de maio do mesmo ano, que lembramos lendo nas páxinas do primeiro número de Vigo obreiro, periódico das Comisións Obreiras de Vigo, estiveron os xermes da folga de setembro de 1972, que estoupou en Citroën. A faísca saltou o sábado 9 de setembro cando os obreiros da quenda de tarde pararon reclamando a xornada de 44 horas semanais, que permitía librar a tarde dos sábados. Acción que foi respondida pola dirección con extrema dureza despedindo a nove traballadores, entre tres deles enlaces sindicais. O luns 11, nunha asemblea ás cinco da mañá na entrada da factoría, os participantes acordaron non volver ao traballo mentres houbera despedidos e chamaron á solidariedade do resto das industrias da cidade. O conflito estendeuse nos días seguintes a outros centros de traballo, chegando o 16 de setembro a participar na folga cerca de 35.000 obreiros de 30 factorías. A partir do 21 de setembro as empresas comezaron a enviar miles de cartas de despido, 6.000 en poucos días, decidindo o comité que dirixía a folga (a chamada “Intercomisión”) a reincorporación ao traballo o 25 de setembro. O número de despidos definitivos e detidos foi de 400 aproximadamente dos que 125 eran cargos sindicais.

A reivindicación do “sábado inglés” evolucionou en apenas dúas semanas cara a outras reclamacións de carácter socio-político e antifranquista, colocando a Vigo no primeiro plano das loitas sociais e laborais da España tardofranquista. O alcance da folga levou a que o entón bispo José Delicado Baeza fixera pública unha pastoral que chamaba a unha “conciliación xusta”, mentres que os círculos empresariais e autoridades franquistas non foron capaces de articular unha resposta conxunta, máis alá da actuación sen contemplacións da forza pública por toda a cidade e das detencións e malleiras na comisaría dos membros da Brigada Política e Social. Unha batalla que nos meses seguintes   continuou no ámbito xudicial para conseguir na Maxistratura a readmisión, tarefa na que destacaron os avogados laboralistas Fernando Randulfe e Elvira Landín que defenderon os dereitos dos traballadores até en 170 sumarios no Tribunal de Orde Pública (TOP).

Cincuenta anos despois aquela “Gran Folga de Vigo do 72” merece ser lembrada e os seus protagonistas homenaxeados pola súa afouteza en loitar pola conquista dos dereitos e liberdades cos que contamos. Esta hélice obreira e democrática forma parte do ADN da cidade.

A Exposición Industrial do 44

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Exposición Industrial de Galicia celebrada en Vigo do 17 de agosto ao 12 de setembro de 1944:

Ao fío do artigo sobre Handicap e a fundación do Celta, no que fixen unha referencia á Exposición Industrial de Galicia celebrada en Vigo entre o 27 de agosto e o 12 de setembro de 1944, foron varias persoas maiores as que me lembraron o impacto que aquela mostra causara en Vigo, nun tempo de autarquía e represión franquista, días tamén de esperanza no que París era liberada da ocupación nazi, no que a cidade comezaba a recuperar as estratexias de desenvolvemento industrial e comercial iniciadas na segunda metade do século XIX. E nunha cidade esquecediza coma a nosa paga a pena lembrar o que foi aquel pioneiro evento feiral organizado coa pretensión de salientar o empeño industrial de Galicia. Mais por ventura podemos facelo seguindo o completísimo artigo de José Luis Mateo Álvarez, historiador a quen tantas esculcas debemos para recuperar a memoria viguesa, publicado en Glaucopis, Boletín do Instituto de Estudios Vigueses (2019): «A exposición industrial de Galicia en Vigo (1944): “o milagre dos corenta días”, un exemplo de arquitectura efémera do réxime franquista».

Conta José Luis Mateo que a idea naceu no mes de maio do mesmo ano nunha reunión de autoridades do réxime e representantes da Cámara de Comercio de Vigo no despacho da Alcaldía, na que o novo Gobernador Civil, Genaro Riestra Díaz, propuxo facer en Vigo unha Exposición Industrial seguindo o modelo das xa realizadas en Bilbao, Valencia e Barcelona. O alcalde, Luis Suárez Llanos, a quen se recorda pola creación da Zona Franca, o deseño da Gran Vía, o axardinamento e repoboamento dos montes do Castro e da Guía, asumiu o financiamento e presentou o proxecto de Exposición Industrial, que sería aprobado no pleno de 29 de xullo cun orzamento inicial de medio millón de pesetas, que logo sería triplicado. De contado comezaron as obras nos xardíns de Eijo Garay, diante da Comandancia de Mariña, espazo no que Fernando Molins Soto, xove arquitecto vigués discípulo de Antonio Cominges, deseñou un recinto expositivo distribuído en tres prazas, que acolleu 125 stands, salón de festas e recepcións, e Luciano Turc Bert, o técnico municipal en xardinaxe, creou uns xardíns, que sen alterar as árbores existentes, deran un punto natural a cada unha das estancias. Os traballos desenvolvéronse a correr en apenas corenta días, velaí a consideración de “milagre”, coa intención de que a mostra fose inaugurada por Franco o 27 de agosto.

Na Exposición Industrial tiveron presenza destacada a Unión de Fabricantes de Conserva e as empresas agrupadas en Suministros Metalúrgicos y Navales S.A. (SUMNSA) dedicadas á construción naval, fundición e industrias do envasado. Como tamén estiveron as estampadoras La Artística, La Metalúrgica e  Alonarti; os estaleiros de Enrique Lorenzo, Troncoso e Santodomingo e Paulino Freire; as porcelanas e vidros de Manuel Álvarez; e empresas de actividades diversas como a Panificadora, Unión Cristalera, Zeltia, Pedramol, La ibense ou Casa Pérez Conde, entre outras. Como indica José Luis Mateo, a burguesía local, que apoiara aos golpistas do 36 e formaba parte da estrutura viguesa do réxime dende o seu inicio, “aproveitou a Exposición como plataforma de promoción para reivindicar o seu protagonismo”. Estratexia das elites franquistas da cidade que tivo o éxito recoñecible tres anos máis tarde, cando o Goberno concedeu ao porto de Vigo a Zona Franca do Norte, o que permitiría o seu aproveitamento comercial intercontinental, facilitaba as exportacións, potenciaba a subministración naval e unha década máis tarde a creación de novas instalacións industriais como a de Citroën.

Ademais da expresión do perfil industrial, fabril e portuario do Vigo da década de 1940, na Exposición estivo presente o traballo artístico dos creadores do Servicio Nacional de Propaganda na decoración dos espazos máis emblemáticos, entre os que estaban o escultor José Luis Medina Castro (ao que o concello de Vigo encargaría en 1949 catro esculturas de animais, entre elas o famoso Oso dunha peza do Castro) e os pintores José Romero Escassi e Juan Antonio Morales (autor dos murais alegóricos A Terra e O Mar da entrada principal). Mentres os artistas vigueses se ocuparon do arranxo dalgúns stands, como Urbano Lugrís (decorador do da unión de conserveiros con motivos mariños e da ilustración do Anuario de Vigo 1944/45 dedicado ao evento) Laxeiro, Demetrio Lobato, Riego, Barbosa, Oliveira e Ernesto Bao (autor do excelente cartel anunciador). Como estiveron presentes membros do sindicato vigués de Artesanía como os escultores Camilo Nogueira e Manuel Longa, o tallista Victoriano Gonzalo Tomé, os ourives Irmáns Hernández  ou o forxador Romero, autor da emblemática “Farola de Urzaiz”, que amosaron algunhas da súas producións máis emblemáticas.

Viana, o Schindler galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do deputado republicano Alejandro Viana Esperón:

A lista de Schindler (1993), o filme de Steven Spielberg, baseado na novela de Thomas Keneally A arca de Schindler, que representa a vida no gueto xudeu de Cracovia e a brutalidade do holocausto nazi, serviu tamén para desvelar a figura heroica de Oskar Schindler, o empresario alemán, espía e membro do partido nazi, capaz de rebelarse e salvar a vida de máis dun milleiro de xudeus polacos do campo de exterminio de Plaszow, contratándoos na súa fábrica de Cracovia. Unha iniciativa salvadora, recoñecida en 1960 polo goberno de Israel coa distinción de «Xusto entre as nacións», e máis tarde por Alemaña, como modelo de decencia e dignidade na defensa da vida dos seres humanos.
A publicación de Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (Belagua, 2021), biografía preparada polo avogado e politicólogo pontareano Roberto Mera Covas e galardoada co premio Losada Diéguez ao mellor libro de investigación e ensaio do ano, recupera do esquecemento a figura do deputado Alejandro Viana Esperón, a quen ben se lle podería alcumar como «o Schindler galego». Un relato emocionante e moi detallado que remata coa ocultación imposta dende hai case oito décadas sobre o periplo vital e o papel decisivo de Alejandro Viana, responsable de varias organizacións humanitarias, director do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE) entre 1940 e 1941, desde as que organizou expedicións marítimas colectivas de republicanos que naquela Europa ocupada polos nazis pretendían chegar a América para salvar as súas vidas.
Nacido en Ponteareas en 1877, con apenas catorce anos trasladouse a Vigo para traballar como dependente de comercio e formarse na tenza de libros de contabilidade no Centro de Instrución Mercantil. Fundador en 1901 da Asociación de Dependentes de Comercio de Vigo, iniciaría a súa actividade como industrial exportador de ovos e despois no sector da conserva, actuando como representante dos exportadores do porto de Vigo e participando en 1920 como accionista destacado de Tranvías Eléctricos de Vigo, empresa da que chegaría a ser presidente de 1935 a 1936. Directivo do Partido Republicano Vigués (1914), cofundador da Liga de Defensores de Vigo e do Ateneo de Vigo (1923), presidente do Círculo Mercantil, conselleiro delegado do xornal El Pueblo Gallego (1924), promotor do Estadio de Balaídos, foi designado concelleiro da corporación presidida polo alcalde Gregorio Espino, na que se responsabilizou do departamento de Facenda e na que ocuparía en 1926 a Alcaldía en funcións durante uns meses. Unha intensa actividade política e empresarial que continuaría na Segunda República como responsable en Vigo de Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña. Nas eleccións de febreiro de 1936 foi elixido deputado a Cortes formando parte da candidatura da Fronte Popular, sendo o candidato máis votado en Vigo e participando entre o 15 e o 17 de xullo de 1936 na comisión de deputados e alcaldes que entregaron o Estatuto de Autonomía de Galicia ao presidente da República.
Roberto Mera rescata no seu libro o compromiso de Alejandro Viana durante os anos da Guerra e do Exilio, fose como directivo das Milicias Galegas en Madrid e da Sociedade Galega Antifascista, ou como membro das Cortes reunidas en Valencia (1937), Montserrat (1938) e a derradeira en Figueres (1939), formando parte xunto ao tamén galego Osorio Tafall do grupo de apoio a Juan Negrín como presidente do Goberno. Será co inicio da vaga de refuxiados, tras a caída de Catalunya, nas praias de Saint Cyprien e Argelès-sur-Mer, cando Viana inicie dende París a súa actividade salvadora como xefe da Sección de Emigración do SERE, na que se ocupará de xestionar e organizar as expedicións de refuxiados cara aos países de acollida. Será Viana quen se encargue durante a primavera e o verán de 1939 de organizar o frete das expedicións dos «barcos da liberdade», o Sinaia, Ipanema e Méxique, que supuxeron a evacuación de 8.000 republicanos a México. Será tamén o responsable xunto ao poeta e diplomático Pablo Neruda da expedición do Winnipeg a Chile, a maior destas características que atravesou o Atlántico. Como será Viana o delegado oficial en París das Sociedades Hispanas Confederadas de Nova York que organizará outras saídas.
É incomprensible que tan brillante traxectoria humana, empresarial e política, como a dun hábil e paciente activismo diplomático, que salvou até 17.000 persoas, na que non falta sequera a odisea para chegar a México en 1941 e para tras once anos de separación forzosa reunirse no país azteca coa súa muller a viguesa Josefina Dotras Fábregas, non fose aínda recoñecida como merece polo concello e institucións viguesas. Parabéns a Roberto Mera por tan excelente traballo que rescata para a nosa historia a proeza da figura extraordinaria de Alejandro Viana, o «Schindler galego».