San Simón, lugar da memoria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao recoñecemento da illa de San Simón no inventario de lugares de memoria:

Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), plataforma constituída dende 2010 por medio cento de asociacións que en Galicia están a loitar pola memoria, presentou o mes de xullo a documentación prevista na lei 20/2022 na Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, solicitando fosen incorporados ao Inventario Estatal de Lugares da Memoria Democrática o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón. Trámite que esta semana soubemos foi aceptado polo Goberno de España, tras a publicación do programa da iniciativa «España en libertad 50 años», o que para a IGM, a pesar de non ser aínda informada de forma oficial desta incorporación, supón un primeiro paso satisfactorio no recoñecemento histórico e simbólico destes dous enclaves galegos da memoria que agarda poidan ser ampliados a outros no futuro.

Creado polo artigo 51 da lei 20/2022 de Memoria Democrática,  este inventario é un instrumento de coñecemento e publicidade daqueles espazos, inmobles e sitios nos que se desenvolveron feitos de singular relevancia para a memoria democrática, convertidos en símbolos da loita cidadá pola memoria, vencellados sobre todo, mais non só, coa represión da ditadura e da loita contra o franquismo. Incorporación ao inventario, do que até agora forman parte dezaoito lugares, entre eles o espazo urbano de Gernika-Lumo, o Val de Cuelgamuros ou o Centro Documental de Salamanca, que obriga as administracións, no caso de Meirás á do Estado, no de San Simón á da Xunta, a ocuparse  da súa difusión, identificación, explicación e promoción cidadá por medio da realización de recursos audiovisuais e dixitais, instalación de placas, paneis ou algún distintivo de memoria. Como atendendo ao disposto no artigo 52, apartado 2 da mesma lei, no suposto de que nestes espazos se cometeran crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos ou ser lugares onde se realizaron traballos forzosos, as administracións deberán sinalar «puntos de recoñecemento das vítimas indicando cantos datos sexan de interese para o coñecemento público dos feitos».

Mágoa que este anuncio de homenaxe e reparación ás vítimas do campo de concentración que funcionou na illa de San Simón do inverno de 1936 á primavera de 1943, estendido ao buque Upo mendi, improvisado cárcere dos soldados da Frente Norte que non cabían na illa, fose apagado pola intervención no Parlamento de Galicia de José Luis Ferro Iglesias. Deputado do PP de Galicia, no seu día alcalde de Celanova, que asegurou non ter constancia da existencia de mortes na illa de San Simón, «salvo abusos do director daquel momento da prisión que foi pasado polo coitelo». Declaración que se produciu no marco do debate sobre a proposición non de lei, presentada polo PSdeG-PSOE, para instar á Xunta de Galicia a constituír o Consello da Memoria Democrática de Galicia, como órgano de asesoramento nesta materia, e facelo co consenso dos tres grupos.

Mentira ou ignorancia do deputado Ferro sen base histórica ningunha sobre o sucedido durante a Guerra Civil e os anos de terror que a seguiron. Velaí as diversas informacións recentes a este teor, como a detallada de Carolina Sertal en Faro de Vigo, sobre as vítimas do franquismo no campo de concentración da illa de San Simón, que para o investigador Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, superaron as 517, ás que cómpre engadir as que foron «sacadas» e asasinadas nas cunetas redondelás. Cifra de vítimas na illa que a base de datos do proxecto Nomes e voces do grupo Histagra da USC documenta en 387, moitas delas provocadas polas condicións de miseria extrema, hixiénicas, sanitarias e alimenticias, nas que se apiñaron as arredor de 6.000 persoas que pasaron polo campo. Cifras, en todo caso, moi superiores, como salienta Abad, as vítimas doutros campos penais en Galicia, como o do mosteiro de Celanova (84) ou o do colexio xesuíta de Camposancos da Guarda (70).

Con todo, o máis preocupante da intervención do deputado celanovense é que fai moi explícita a estratexia iniciada polo seu partido de branquear o réxime franquista, mesmo a pesar de que o fixo de forma moi groseira, quizais contaxiado pola ausencia de fineza dos articulistas da dereita que tirando de argumentario da rúa Génova atacan con palabras grosas e escaso talento o programa gobernamental «España en liberdade 50 anos». Secasí, intervencións como as de Ferro e outras voces populares, branquean case catro décadas de férrea ditadura militar e nacionalcatolicismo, que non cesou, nin sequera cando Franco morría na cama, en perseguir aos seus detractores e levalos diante do pelotón de fusilamento. Pretender recuperar a presidencia do goberno negando a verdade histórica e banalizando o sufrimento das vítimas non semella unha estratexia defendible.

 

O triángulo vermello

Luís González López «Ferreiro», militante do Partido Comunista durante sesenta anos, nunha das viaxes que compartimos co profesor Xesús Alonso Montero, agasalloume cun pequeno triángulo vermello invertido, unha insignia que dende entón levo sempre prendida orgulloso na lapela da miña chaqueta. Explicoume que se trataba da marca empregada nos campos de concentración nazis para distinguir os presos políticos, inicialmente para os comunistas, despois tamén para socialistas, anarquistas, sindicalistas ou masóns. Hoxe o triángulo vermello é unha insignia que honra a memoria daquelas combatentes que a levaron hai oitenta anos, un símbolo afirmativo das persoas antifascistas das máis diversas adscricións. Triángulo vermello que Mercedes Núñez Targa levou cosido enriba do número 43225 que a identificaba como presa política do campo de Ravensbrück, sobrevivente despois ao Kommando HASAG, liberada do horror nazi o 14 de abril de 1945, xusto o día no que fóra anotada para ser transportada ao crematorio polo «delito» de padecer escarlatina e tuberculose. Vida desta muller de nai catalá e pai galego, marcada polo sufrimento e pola loita contra os réximes de Franco e Hitler, que tras a liberación a levou a converterse en París no exilio en voz de denuncia do fascismo e despois da morte de Franco, instalada en Vigo, onde morreu o 4 de agosto de 1986, como activista da recuperación da memoria da represión franquista, que a levará a escribir o inesquecible Cárcere de Ventas (A Nosa Terra 2005, tradución galega precedida dun estudo biográfico de Carme Vidal). Relato vital silenciado, recuperado agora como biografía emocional pola propia Carme Vidal e por Pablo, o fillo de Mercedes Núñez, nun álbum ilustrado por Belén Diz Juncal e publicado por Xerais na súa colección «Pequena Memoria», dirixida por Eva Mejuto. Para min, O triangulo vermello é o libro en galego ilustrado (empregando apenas un bolígrafo BIC) máis fermoso, estremecedor, e de edición máis coidada do ano 2024. Recomendabilísimo!

Publicado en Nós diario: 25/12/2024.

Con Palestina

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación do territorio palestino ocupado:

O pasado xoves un centenar de persoas convocadas pola Plataforma Cívica Vigo Pro Palestina na Porta do Sol botaron abaixo un muro de caixas de cartón que representaba o peche que dende hai un ano sofre a poboación da Franxa de Gaza, onde o exército israelita non permite a entrada nin de alimentos nin de auga nin de medicinas. Acción performativa que continuaba a xornada «Gaza (a catástrofe Nakba)», organizada o día anterior polo concello de Vigo e as asociacións Hoy por ti e Juezas y jueces por la democracia, na que diversos expertos de organizacións humanitarias como Open Arms e Médicos sen fronteiras, o xornalista Ernesto Elkaizer e o vicepresidente da Comisión Europea Josep Borrell abordaron a situación actual de Palestina, cando se fai o 76 aniversario da «Nakba», a expulsión de 700.000 palestinos do territorio que dende 1948 conforma o estado de Israel. Dúas accións que pretenden sensibilizar á sociedade viguesa, até agora pasiva e conformista cunha guerra na que de forma sistemática se conculca o dereito internacional, unha situación rexida pola lóxica perversa da barbarie na que foxen cara a ningures milleiros de persoas civís, que nas últimas semanas se repite na fronteira do Libano, onde o exército israelita utiliza tamén a forza de forma desproporcionada e os civís están absolutamente desprotexidos.

Un asedio completo a Gaza, resposta do presidente Benjamin Netanyahu ao ataque sorpresa indiscriminado de Hamas e outros grupos armados o 7 de outubro de 2023, na que foron secuestradas 200 persoas (das que 100 continúan), a maior parte civís, e segundo o Ministerio de Saúde de Israel morreron 1.200 persoas e case 3.500 resultaron feridas. Resposta israelita iniciada con bombardeos a Franxa de Gaza, que incluíron hospitais, campamentos de persoas refuxiadas, centros educativos, mercados e outras instalacións civís, nos que segundo Amnistía Internacional morreron nun ano 42.000 persoas palestinas, entre elas máis de 11.000 nenos e nenas e outras 96.000 resultaron feridas; mortos sen razón aos que se engaden as máis de trescentas de vítimas do persoal do ONU e de diversas organizacións humanitarias. Ataques aéreos e terrestres que obrigaron a desprazarse internamente ao 90% da poboación de Gaza, ao tempo que sufrían a privación deliberada de alimentos, auga, atención médica e axuda humanitaria, provocando un cruel sufrimento sen precedentes no conflito. Prácticas, nas que non paran de incrementarse o número de vítimas civís palestinas, que constitúen para Amnistía Internacional probas irrefutables de crimes de guerra ou que para a Tribunal Internacional de Xustiza da ONU poñen a poboación palestina en perigo de xenocidio e limpeza étnica, o que é o mesmo que dicir que se trata dun crime contra a humanidade.

Diante de semellante escalada de violencia, xa traspasada a fronteira do Líbano, que ameaza estenderse a Siria, ao Mar Vermello e provocar un conflito de consecuencias inimaxinables cunha potencia nuclear como é Irán, a comunidade internacional (se existe como tal) ten a obriga de esixir as partes un alto o fogo inmediato e a liberación incondicional e inmediata de todos os reféns civís retidos por Hamas e outros grupos armados e as persoas palestinas detidas de forma ilexítima por Israel. Mentres a guerra e a destrución se prolonga sen enxergar un horizonte para o seu remate, non hai outra posibilidade que reclamar este alto o fogo, o respecto ao dereito internacional e os dereitos de todas as vítimas á verdade, a xustiza e a reparación. No entanto como lembra Agnès Callamard, activista de dereitos humanos e secretaria xeral de Amnistía Internacional, este primeiro aniversario doutro episodio dunha guerra prolongada e interminable dende hai décadas constitúe «un recordatorio instrutivo para esculcar nas causas profundas deste conflito, para cortar o subministro das armas a todas as partes, así como poñer fin a prolongada impunidade coa que as forzas israelitas, Hamas e outros grupos armados desprezaron o dereito internacional durante décadas sen temer consecuencia ningunha».

Unha guerra é un fracaso da humanidade. Mais o que tamén resulta inaceptable é a pasividade e a inacción de quen pretende normalizar estes conflitos armados e toda a súa crueldade como inevitables. Ausencia de compaixón coa poboación palestina manifestada ao longo deste ano polos estados occidentais, singularmente algúns da Unión Europea como Alemaña, incapaces de conmoverse coa situación dantesca que se vive na Franxa de Gaza e manterse inanes para mobilizar a comunidade internacional, como reclama Eduardo Guterres, actual secretario xeral da Nacións Unidas. Nada pode xustificar o castigo do pobo palestino nin sacrificar toda unha xeración de cativada que só coñece a dor e o odio. Nada.

Cando sopra o vento

Coincide a celebración deste 30 de xaneiro, Día escolar da non violencia e a paz, coa publicación de Cando sopra o vento (Retranca editora 2024) de Raymond Briggs, unha obra clásica da historia do cómic. Anosada ao galego por Alejandro Tobar, tras excelente e complexo traballo de tradución, e coidada con esmero polo editor Kiko Dasilva, esta novela gráfica aparecida en 1982, non perdeu ápice de interese e emoción. Tras o aspecto dunha peripecia de dous velliños que xa sufriran os bombardeos da segunda guerra mundial, asustados agora por un ataque nuclear soviético, está a historia lancinante de todas as persoas que alleas as que ditan as guerras padecen os seus horrores. Por desgraza, un argumento que anticipou as penalidades de accidentes nucleares que pouco despois se desencadearon en Chernobyl (1986) e máis tarde de Fukushima (2011). Cómic que, ademais, deu pé en 1986 ao filme homónimo de Jimmy Murakami, con excepcional BSO na que participaron Roger Waters e David Bowie, por certo, emitido pola TVG en 1990, o que hoxe semella incrible. Novela e filme utilizados como recurso didáctico nas celebracións de cada 30 de xaneiro, organizadas polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, creado polo inesquecible Xesús R. Jares, seguindo a proposta do inspector de mallorquín Llorenç Vidal, creador desta xornada educativa en 1964, hai cincuenta anos coa intención de conmemorar nas escolas o aniversario do pasamento de Gandhi, asasinado o 30 de xaneiro de 1948. Celebración que hai catro décadas estaba moi mediatizada pola loita a prol do desarme antinuclear nun mundo bipolar, amedrentado pola posibilidade do emprego dos mísiles nucleares. Un mundo en guerra que hoxe persiste no xenocidio palestino e na guerra de Ucraína, mais tamén nas guerras ocultas en África e nos milleiros de persoas refuxiadas que se enfrontan en varios continentes aos valados do unilateralismo xenófobo. Tempo no que educar nos valores da cultura da paz continúa sendo imprescindible.

Publicado en Nós diario: 31/01/2024

Mil grúas para Hiroshima

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o 78 aniversario dos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki:

A estrea de Oppenheimer, a longametraxe de Cristopher Nolan, coincide coa lembranza dos bombardeos atómicos sobre as cidades de Hiroshima, o 6 de agosto de 1945, e Nagasaki, tres días despois, masacres nas que morreron unhas 250.000 persoas e coas que rematou a Segunda Guerra Mundial. Unha casualidade polémica que non pexa o interese narrativo dun excelente thriller político e xudicial nin a elocuencia dos seus diálogos nin do impacto visual, sonoro e emotivo que provocan algunhas das súas imaxes nin sequera da memorable actuación de Cillian Murphy camiño do Óscar. Xaora ao fío da haxiografía sobre o físico teórico alemán, Prometeo americano que asumiu en 1942 a dirección científica do proxecto (secreto) Manhattan de desenvolvemento das primeiras armas nucleares (de destrución masiva), o filme de Nolan, a pesar do seu discurso moral ambiguo, reabre o debate sobre temas como as consecuencias éticas do bombardeo das cidades xaponesas, o inicio da era atómica e posterior proliferación nuclear ou sobre os dilemas da comunidade científica entre racionalidade, progreso e benestar da humanidade.

Confeso que como educador pola paz durante a proxección, tanto nas secuencias da detonación da proba Trinity como da bomba Little Boy, momentos estelares da película, veume á cabeza a historia de Sadako Sasaki, á que tantas veces recorremos nas aulas para lembrar as vítimas dos bombardeos nucleares. Sadako, unha picariña de dous anos, vivía coa súa familia perto da ponte Misasa na cidade de Hiroshima. Cando estourou a bomba, a case dous quilómetros da súa casa, voou a través dunha fiestra, mais coa fortuna de quedar sen ferida ningunha e poder fuxir coa súa nai entre a choiva negra. Nove anos despois aparecéronlle no colo e detrás das orellas os primeiros síntomas dunha leucemia da que foi tratada no hospital da cruz vermella onde coñeceu a unha estudante de secundaria, dous anos maior ca ela, tamén doente de cancro. Foi esta rapaza quen lle contou a lenda xaponesa que promete a quen pregue mil grúas de origami concederlle o seu desexo, sexa o dunha vida longa ou a recuperación dunha doenza. Durante os oito meses ingresada, até o seu pasamento o 25 de outubro de 1955, Sadako fixo con esa intención, segundo os seus pais, 1.400 grúas (probablemente menos de mil, segundo outras fontes) aproveitando envoltorios de medicamentos e dos papeis máis diversos, ás que se engadirían outro milleiro de grúas preparadas polas súas compañeiras de escola, que serían enterradas ao carón do seu corpo.

Tras o pasamento de Sadako desenvolveuse a iniciativa de construír con doazóns chegadas de todo Xapón un monumento que lembrase as crianzas mortas polos bombardeos. Tres anos despois, no Parque Memorial da Paz, construído no que fora o espazo comercial máis visitado de Hiroshima para lembrar a memoria do horror nuclear e promover a paz mundial, inaugurouse o Monumento da Paz das Crianzas, a estatua dunha nena cos brazos estendidos e unha grúa de papel pregado sobre ela, que homenaxea a iniciativa de Sadako e desexa un futuro de paz. Máis de sesenta anos despois, escolares de todo o mundo envían cada curso ao parque de Hiroshima o resultado do reto da creación do seu milleiro de grúas de papiroflexia e da escrita de cadansúas mensaxes pola paz para ser exhibidas no entorno da estatua da nena da bomba atómica. Excelentes traballos escolares que os responsables xaponeses do parque aconsellan complementar co estudo dos antecedentes do monumento e da situación actual das armas nucleares no mundo coa intención de que poidan contribuír a crear novos espazos de estudos para a paz e o diálogo mundial.

Dinámica didáctica de sensibilización pola paz desenvolvida na nosa área metropolitana ao longo do curso 2018-2019 pola grupo de 2º de Educación Primaria no Colexio Público de Laredo (Chapela) que superou o reto da preparación do milleiro de pezas e enviou 1.237 grúas ao parque da Paz de Hiroshima, o que foi agradecido pola embaixadora pola paz Tomoko Aikawa, tamén asesora da fundación Sadako, co convite á alcaldía de Redondela de integrarse na rede internacional de alcaldías pola paz. Como inequívoco compromiso de procurar a paz e renunciar a posuír, fabricar e utilizar armas nucleares (proclamado pola constitución de Xapón de 1947), debería ser referendado polos líderes actuais nun mundo no que ademais da ucraína están abertas outras guerras (Palestina, Siria, O Iemen, Myanmar, Afganistán…), asumidas con aparente indiferenza pola comunidade internacional. Benvidas as iniciativas das grúas escolares como a reflexión que no público adulto suscita Oppenheimer se axudan a reflexionar sobre como foi o desenlace nuclear da guerra mundial e da proliferación de armas atómicas coas que dende entón a humanidade convive suspendida dun fío.

Onte 2152: Miguel Vázquez Freire socio de honra de Galix

Onte chufei ao meu amigo Miguel Vázquez con motivo do seu nomeamento como socio de honra de Galix. Un serán emocionante no que fixemos memoria e homenaxeamos a un dos fundadores e piares da literatura infantil e xuvenil galega. Parabéns, Miguel!

O texto da gabanza pode baixarse aquí.

 

Onte 2117: «A nosa Negra» de Harriet E. Wilson

Lin de dúas sentadas A nosa Negra (Hugin e Munin 2020), a novela de Harriet E. Wilson anosada dende o inglés ao galego por María Reimóndez. Unha oportuna edición dun orixinal publicado en 1859, que chega quince anos despois de que o fixera en castelán na castellonense editorial Ellago do noso admirado editor Francisco Villegas Belmonte, falecido prematuramente hai case tres anos.

Adoptando as convencións da novela sentimental e do relato de escravas, A nosa Negra mestura con acerto a autobiografía coa ficción coa intención de denunciar en 1859 (no debate sobre a abolición) a escravitude da poboación negra dos estados sureños, mais tamén o racismo, o maltrato, o abuso, a pobreza e a hipocrisia relixiosa  que padecían as mulleres negras libres que vivían nas cidades do norte, como a propia autora da novela, unha das primeiras escrita por unha afroamericana.

Magnífica é a tradución literaria da escritora María Reimóndez, capaz de facer chegar con fidelidade e enxebreza o rexistro dun texto marcado pola súa época, así como contextualizar as súas referencias literarias de forma didáctica e atractiva para o lectorado. Como parabéns merece Hugin e Munin por rescatar para a nosa lingua un texto referencial sobre as orixes do racismo, que non perdeu nin actualidade nin interese, continuando así a construción dun catálogo traducido de excelencia que supera os setenta títulos.

A Salvo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro A Salvo de Tomás Alonso, biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor

Fun a correr a Librouro en canto souben da publicación d’ A Salvo (La Fábrica de Libros 2020), a biografía deportiva de Joaquín Salvo Pastor (Vigo 1958-2016), escrita polo xornalista Tomás Alonso. Imaxinaba que se trataría de materia moi sensible para min e abofé que non me decepcionou xa que prendín neste relato emocionante, que reconstrúe a traxectoria deportiva e vital do mellor xogador da historia do baloncesto vigués e un dos deportistas mais destacados da nosa cidade. Un texto biográfico alicerzado sobre os piares das voces testemuñais das amizades e das declaracións de admiración unánime dos seus colegas de canastra.

Un relato enriquecido coas pingas de humor e entusiasmo dos días felices nos que o protagonista compartía a ledicia de vivir con xenerosidade desbordada. Páxinas que, sen embargo, non agochan nin as dificultades dalgúns excesos nin a dor das duras xornadas de melancolía nin dos meses da doenza mortal de Quino cando regresou a Vigo, a súa cidade amada, despois dun longo periplo de tres décadas pola península como xogador e adestrador, como un romántico do vello baloncesto aprendido nas canchas de piche e cemento dos salesianos da Ronda.

A Salvo é ademais un referente sentimental para toda aquela rapazada que nos educamos no Colexio Salesianos entre a metade das décadas do sesenta e dos setenta, anos aínda de franquismo e nacional catolicismo nos que o deporte, o cine e o escultismo, as actividades extraescolares preferentes, mitigaban os rigores da férrea disciplina académica e relixiosa da cultura do máximo esforzo que impoñía nas aulas «el consejero» e o resto do profesorado salesiano. Lendo nestas páxinas sobre Salvo, chamabámonos polo primeiro apelido, quedei enchoupado cos recordos e saudades do colexio de Taboada Leal, cuxas novas instalacións inauguramos en 1966. Quedei rendido da fidelidade do narrado cando nun dos primeiros capítulos se conta como o protagonista viña ao centro co seu balón Mikasa botando, fintando, e facendo cambios de mans polas beirarrúas ou entre os coches dende Pizarro á Ronda de don Bosco.

Anécdota que activou a memoria de interminables partidas de frontón e pachangas de minibasket sobre unha única canastra, na mesma cancha onde se formou aquel equipo emblemático de baloncesto, onde o mellor era sempre aquel Salvo incansable, no que tamén xogaban o seu irmán José, Julio Bernárdez e Augusto de la Concepción, dende entón inseparables de Quino, hoxe comprometidos animadores ambos os dous da asociación Memorial Quino Salvo. Adestrado polo avogado Juan Aires de Palacio e promovido polo entusiasmo teimoso do salesiano Amador Lama Tombo, formaban parte daquel equipo das clases dos nacidos no 58 e no 59, entre outros, Jaime Molares (mestre de milleiros de xogadores e xogadoras), Pachi Reigosa (actual reitor da universidade), Berto, Tabo, Gilino, Pazó, José Manuel Dios, Antonio Docampo…

O relato de Tomás Alonso acompaña a Quino ao longo das súas quince tempadas como xogador de elite, dende as dúas primeiras no Obradoiro (1975-1976), onde coincidiu con Tonecho Lorenzo, para el «o mellor xogador do mundo», pasando polas do Helios de Zaragoza e as cinco no Fórum Filatélico de Valladolid en ACB, onde probablemente ofreceu as súas mellores campañas nunha cidade onde deixou un recordo extraordinario, até a súa retirada con trinta e cinco anos en Donostia no Askatuak (1992-1993) de LEB ouro. Traxectoria continuada como adestrador durante case dúas décadas, iniciada en Ciudad de Huelva e Torrelavega, onde ascendeu a Cantabria Lobos de EBA a LEB e despois a ACB (unha das súas xestas), pasando por León e Los Barrios, até o seu regreso a Vigo (2006-2007) para dirixir a fantasía do Gestibérica, que intentaron Julio Bernárdez e Pepe Conde, e rematada en Marín no Peixe Galego (2012), cando lle asexaba o abismo da depresión.

Xaora, a cerna deste relato vital moi emotivo está en cada páxina onde é posible recoñecer a xenerosidade do seu protagonista e o seu amor incondicional a un deporte que fixo razón da súa vida. Un baloncesto romántico que este xigante concibía como un xogo de asociación e cooperación baseado na entrega incansable fose como defensor tenaz (Quino foi o único xogador capaz de anular a Epi) ou fose como asistente desinteresado ou tirador preciso. Valores humanos e deportivos recoñecidos aquela noite memorable do 20 de febreiro de 2016 no Coliseum da Coruña onde o vigués nunca distinguido foi ovacionado durante tres minutos por milleiros de afeccionados que recoñecían así a un home que fixo da súa vida BALONCESTO. Por ventura, libros como este de Tomás Alonso e actividades como as organizadas cada ano pola asociación Memorial Quino Salvo contribúen a continuar en Vigo esa loita incesante da memoria contra o esquecemento. Grande Salvo!

Onte 1992: Rosa Aneiros, Premio Agustín 2018

Viaxamos onte a Vilalba para participar no xurado da IIª edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre a ducia das obras presentadas, as tres persoas do xurado, a escritora María Reimóndez, a tradutora Isabel Soto e eu mesmo, escollemos como gañadora por unanimidade a presentada baixo o título provisional «Unha manta rillada» e o lema Khoedi, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Rosa Aneiros e ter como título definitivo Tres bichicomas, dúas illas e unha serea. Unha novela infantil, que dialoga con varios dos textos e dos personaxes creados por Agustín, sobre todo n´ As flores radiactivas, n´A praia da esperanza ou n’ O segredo da Illa Negra, reclamando a empatía e o protagonismo do activismo interxeracional, de crianzas e persoas maiores, na solución de  problemas sociais como a recente crise das persoas refuxiadas e emigrantes.

Unha novela tan emocionante como literariamente fermosa que consolida o premio de narrativa infantil e xuvenil galega máis querido polo movemento agustinista. Aventuro que este de Aneiros será pola súa gran calidade un dos libros infantís máis referenciados e con máis lectorado destes vindeiros anos.

Olimpia Valencia e outras pioneiras

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a figura de Olimpia Valencia e outras pioneiras:

Reparo con frecuencia na placa colocada en Príncipe nº 11 na que se lembra que alí tivo a súa consulta a xinecóloga Olimpia Valencia López, a primeira muller galega en obter a licenciatura de Medicina na Universidade de Compostela en 1925, cun expediente inzado de matrículas. Nacida nas terras arraianas do concello de Baltar en 1898 e veciña de Vigo dende os doce anos, especializouse en Madrid, onde se doutorou cunha memoria sobre a colesterinemia no sangue, e despois, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios, trasladouse a Alemaña e Suíza onde ampliou formación científica na especialidade que exerceu en Vigo desde 1928 até case o seu pasamento en 1987. Profesión que desenvolveu na Seguridade Social, até a década de 1960, e na consulta particular que a súa chegada abriu en Príncipe, que trasladaría despois á rúa Velázquez Moreno e, finalmente, á rúa Uruguai, onde a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico de Pontevedra colocaron en 2016 unha placa que a recorda: «Olimpia Valencia: especialista en doenzas da muller».

Vinculada ao galeguismo republicano de Vigo, polo tanto a figuras como as de Valentín Paz Andrade, a doutora Valencia tivo a afouteza de encabezar en 1931 o chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra do Partido Galeguista e en 1936 outro que reclamaba o Si no Plebiscito do Estatuto, ambos os dous documentos asinados só por mulleres. Sempre estudosa, inqueda e comprometida coa súa profesión e coa causa da igualdade («as mulleres podemos namorarnos por algo máis que casar», confesoulle nunha entrevista ao xornalista Johán Carballeira), participou en Vigo na fundación de entidades como a Academia Médico-Quirúrgica (1930) e a Alianza Francesa. Compromisos cívicos que lle pasarían factura en 1937 cando foi detida, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e manter relación con xentes de esquerdas, e máis tarde nos dífíciles anos de posguerra, cando foi acusada de «roja» e mesmo boicoteada a súa consulta. Recoñecida hoxe como pioneira, unha desas mulleres que pelexaron por ocupar espazos até entón masculinos, dona Olimpia conta cunha rúa co seu nome na zona de Cabo Estai e a Universidade de Vigo escolleuna, tamén, para identificar o seu Centro de Investigacións Médicas. Apenas dous recoñecementos para unha das pioneiras viguesas máis afoutas.

A apaixonante biografía de Olimpia Valencia, que merece un lugar destacadísimo na historia de Vigo, é unha das incluídas no álbum «Pioneiras» (Xerais 2018) escrito por Anaír Rodríguez e ilustrado por Nuria Díaz, protagonizado por unha ducia de mulleres galegas que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados até ese momento só por homes. Mulleres de épocas e ámbitos sociais e profesionais ben distintos, dende Exeria, a primeira muller escritora de toda a Hispania Romana no século IV, e Isabel Barreto, a primeira almiranta do mar, participante a finais do século XVI na expedición para colonizar as Illas Salomón; pasando por Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, participante na expedición da vacina da varíola do doutor Balmis, e Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra; até Celia Rivas, a primeira condutora de camións, Marcela e Elisa, as mestras que quixeron casar, Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino, Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira, María Luz Morales, a primeira muller directora dun xornal de ámbito estatal («La Vanguardia»), e Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional, que traballou un par de anos no Instituto Oceanográfico de Vigo.

Unha ducia de pioneiras, como as doutoras Valencia e Alvariño, ou como tantas outras mulleres viguesas que abriron camiño, cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor. Recuperacións biográficas esenciais para a súa utilización didáctica nas aulas e para a formación nos valores da igualdade, mais tamén para as actividades do propio movemento feminista neste seu irreversible proceso de empoderamento emancipador, caligrafado nas rúas viguesas o pasado domingo por milleiros de mulleres, unha lumieira esperanzadora para erradicar as lacras do feminicidio, do acoso e das desigualdades social, laboral e económica, como raíces da sociedade patriarcal.

As conquistas do movemento feminista foron sempre conquistas para toda a humanidade; como sabemos que mudar a historia obriga a mudar as voces da historia. Secasí, se recuperamos os nomes e restauramos a memoria destas pioneiras, até agora invisibles na historia, contribuiremos a acuñar modelos e figuras femininas valoradas socialmente. Eis a necesidade de poñer en valor á doutora Olimpia Valencia e a outras pioneiras.