Infamia

Isaac Díaz Pardo, a quen lembramos este mes no seu duodécimo cabodano, colocábanos aos editores galegos fronte ao espello cando repetía nas nosas xuntanzas gremiais no IGI que «dedicara toda a súa vida a templar gaitas e limpar merdas». Sabiamos que esta confesión, de quen asumiu a austeridade como a súa forma de vida e foi mestre da cultura da acollida, constituía apenas un eufemismo para expresar o sufrimento e a decepción dos enredos que como creador de Sargadelos, de Ediciós do Castro, do Laboratorio de Formas ou do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside padeceu para defender os seus proxectos empresariais de modernización galeguista. O mesmo Isaac teimoso e afouto dende a mocidade, que practicou até o seu derradeiro salaio o exercicio da memoria, tanto a propia como a compartida da que foi custodio. Memoria republicana de Galicia gravada nos máis de cento sesenta títulos da colección Documentos pra a Historia Contemporánea de Galiza ou do proxecto da Biblioteca do Exilio, que promoveu coa editorial Renacimiento, como editor ponte coa Galicia emigrante de Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, amizades que nunca perdeu. A mesma persoa que mantivo ao longo da vida enteira como referente moral ao seu pai, Camilo Díaz, escritor e escenógrafo da xeración de Castelao e Federico Ribas, asasinado polos sublevados en agosto de 1936, cando Isaac contaba apenas dezaseis anos, infamia que denunciou finalmente coa intención de que nunca se esquecese. Imaxino que con semellante xeito de instalarse no mundo, Díaz Pardo apenas sorriría con sarcasmo lendo a relación de participantes na nona edición dos Foros de Debate organizada en Ribadeo en xaneiro e febreiro pola Fundación Sargadelos e o Grupo Voar sobre «O Estado: súbditos e cidadáns». Os organizadores, cando este venres reciban ao conferenciante, Iván Espinosa de los Monteros, quen fora fundador de Vox e voceiro no Congreso, deberían explicarlle quen foi o creador do proxecto empresarial cerámica de Sargadelos.

Publicado en Nós diario: 17/01/2024

Narradoras

Inicio o ano Villalta relendo «Lúa», un conto longo da escritora coruñesa incluído en Narradoras (Xerais 2000). Un texto de escrita orixinal e espírito animalista, construído, como fixera John Berger en King, dende a ollada baixa dunha cadela. Un relato que pechaba aquel libro colectivo de 25 mulleres, o primeiro da colección Abismos, co que pretendiamos contribuír a ampliar a oferta de narrativa de muller en galego, cando era moi escasa a súa presenza nos catálogos e nos premios. Houbo que agardar a 2001 para que, por fin, gañase o Xerais de novela unha muller, Marilar Aleixandre, ou a 2005 para que Teresa Moure fose a primeira que obtivese o Premio da Crítica de Narrativa. Unha anomalía da nosa edición, que non se correspondía co liderado das mulleres nos barómetros lectores, que como sinalaban Teresa Cuíñas e Iria Sobrino no limiar de Narradoras, urxía normalizar: «se as mulleres son as que len, parece lóxico que tamén narren». Por ventura, dende comezo de século, vivimos o empoderamento das nosas narradoras, reflectido tanto nos premios (no Xerais, once; no Blanco Amor, cinco, os tres últimos consecutivos; nos da Crítica, seis) como nas listas dos libros máis vendidos ou na presenza habitual nos clubs de lectura. Mais tamén foron (e, aínda, son) numerosas as violencias que no proceso de recepción das súas obras sofren as narradoras, por parte dunha crítica masculina impregnada de resesos prexuízos patriarcais. Agardo que este ano no que celebramos a proeza creadora de Luisa Villalta, poeta, dramaturga, ensaísta, e tamén, narradora, axude a poñer o foco na excelencia da obra das nosas escritoras, en toda a súa diversidade. Polo que a min respecta non podo máis que recomendar tres grandes libros literarios cos que pechei as lecturas do pasado ano: a novela Furia (Xerais 2023) de María Reimóndez, o libro de relatos e poemas Cinco corujas (Através 2023) de Susana Sanches Arins e o libro de poemas Ultraluz (Xerais 2023) de Ledicia Costas. Por un ano de boas lecturas!

Publicado en Nós diario: 10/01/2024

Unha lingua é un mercado

O anuncio dunha lei orgánica de plurilingüismo, compromiso de Sánchez cos partidos que apoiaron a súa investidura, lembroume Unha llengua és un mercat (1992), un ensaio de Jesús Royo que traducido ao galego por Ramón Martínez Seixo e Miguel Rubinos publicamos na Xerais dos noventa. O profesor rioxano de catalán defendía que a lingua é un elemento fundamental do proceso produtivo, afastándose así da retórica do catalanismo de considerala só como sinal de identidade. Un texto que abría unha xanela sobre o porvir das linguas peninsulares, orientando as estratexias de planificación lingüística tamén sobre o mercado da comunicación (textual e audiovisual), da publicidade, da etiquetaxe e, en xeral, da actividade comercial. Un texto no que xa daquela propoñía unha lei de linguas que enxergase un horizonte plurilingüe para o conxunto do estado e das súas institucións (incluído exército e xudicatura). Obxectivo estratéxico e de convivencia política que obrigaría a que as catro linguas oficiais fosen ensinadas en todos os centros de Secundaria de todas as comunidades do estado, de xeito que a vinte anos vista calquera persoa culta debería ter competencia suficiente para ler en tres idiomas románicos, galego-portugués, catalán e castelán. Unha medida educativa que, á parte do desenvolvemento da competencia plurilingüe, «facilitaría a aprendizaxe dun valor que é distributivo, aplicable de maneira igual a cada unha das linguas peninsulares». E o que sería aínda máis relevante, facilitaría o consumo en toda a Península de produtos culturais na súa lingua orixinal. Unha proposta que tres décadas despois continúa sendo tan atractiva como politicamente disruptiva, cando o catalán (e sobre todo) o galego perderon neste tempo unha cantidade apreciable de falantes primeiros. Proxectar a presenza do catalán, do galego e do éuscaro nun mercado que non se acaba nas comunidades peninsulares, chegando a América e aos países lusofonía, é unha oportunidade que paga a pena non desbotar.

Publicado en Nós diario: 03/01/2024

Astérix galego

Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar asinan unha tradución memorable d’ O lirio branco (Xerais 2023), a novidade de Astérix, á cuadraxésima da serie, aparecida o 26 de outubro de forma simultánea en vinte linguas, cunha tirada de 5 millóns de exemplares. Versión galega que superou o método tradicional, obrigado dende 1967 polos propietarios dos dereitos (Hachette Livre, a partir de 2008), consistente en traducir unha primeira versión e a partir dela facer outra francesa, o que obriga a andar cos pés no aire en cuestións como a calidade dos chistes ou a fidelidade dos xogos de palabras que decote agochan os nomes de personaxes e lugares. Procedemento aproveitado como oportunidade polo equipo da tradución galega (responsable tamén da castelá) para despregar a riqueza toda da nosa fala popular, con agarimo preferente ao emprego da súa fraseoloxía, e mesmo para realizar algún emotivo cameo, como o de Fuxan os Ventos con motivo do seu cincuenta aniversario. Décimo oitavo título do catálogo Astérix de Xerais, que desde hai unha década asumiu a edición tanto das novidades como o proxecto de recuperación da totalidade da serie. Un Astérix galego, lembremos, iniciado en 1976 polo selo Mas Ivars, grazas a mediación da coruñesa Libraría Arenas e as traducións de Eduardo Blanco Amor, que en dous anos asinou as sete primeiras entregas en galego; publicación que continuaría, entre 1992 e 1998, Galaxia en coedición con Grijalbo, abrindo despois a ausencia dunha década que provocou as iniciativas da Mesa Pola Normalización Lingüística e de Bieito Lobeira no Parlamento de Galicia, reclamando a súa publicación como exercicio dos dereitos lingüísticos do lectorado galego. A normalización actual da edición do Astérix galego, tanto pola calidade das súas versións como da participación nos seus lanzamentos mundiais, amosa a madurez do sector editorial galego e o incremento do peso do seu lectorado. Un éxito da nosa lingua e edición que debemos celebrar. Están tolos, estes galegos!

Publicado en Nós diario: 27/12/2023

Móbiles na escola

O anuncio da prohibición dos móbiles nos centros escolares realizado por Alfonso Rueda chega tarde, cando o debate sobre o seu uso fóra das aulas, promovido por un grupo de familias, foi incorporado xa a axenda electoral. Unha polémica complexa para a que se pretende unha saída simple e restritiva, sen ter en conta nin a necesaria adaptación da medida a cada unha das etapas educativas nin as posibilidades dos centros de facela efectiva nin sequera en contar coa seguridade xurídica á hora de requisar aparellos ou aplicar sancións. Debate que afecta a toda a comunidade educativa, con especial incidencia ao papel das familias que, non nos enganemos, proporcionan acceso ao uso e a propiedade dos móbiles dende idades moi temperás, nalgúns casos case dende o berce. Emprego que debe formar parte tanto das estratexias de alfabetización dixital, como instrumento de aprendizaxe e comunicación, como de educación e benestar emocional e mesmo de educación afectiva e sexual. Unha controversia que xa debería ter sido abordada polo Consello Escolar de Galicia, como órgano superior de consulta e participación de todos os sectores educativos, xa que esta regulación restritiva afecta ao alumnado e ao persoal docente e non docente, como debería servir para regular tamén cuestións relacionadas co uso nos centros doutros dispositivos dixitais e pantallas (reloxos, consolas, tablets e computadoras), co emprego das imaxes do alumnado que se fan e publican nos perfís das redes sociais dos centros ou mesmo o uso dos grupos de WhatsApp que fan familias e o propio alumnado. A proximidade da inminente convocatoria electoral non debería interferir na abordaxe de todas estas cuestións por parte das comunidades educativas nin tampouco a desprazar o foco de atención sobre os problemas da rede escolar pública galega nin as xustas reclamacións sindicais de diminución de ratios e incremento de dotación de profesorado e recursos. Na escola galega non abonda con prohibir o uso dos móbiles no recreo.

Publicado en Nós diario: 20/12/2023

Detrás de PISA

Nos resultados do informe do Programa para a Avaliación Integral do Alumnado (PISA) 2022, Galicia encabeza os rendementos medios estimados no ranking de Ciencias, situándose por riba do termo medio de España, UE e OCDE tanto en Matemáticas como en Lectura, a pesar de empeorar, como o resto das comunidades e dos estados, nas puntuacións das tres competencias, probablemente polo impacto da Covid_19 nos peches escolares. Datos aos que se podería engadir que no que respecta a equidade, en Galicia as rapazas obteñen mellores resultados en Lectura e os rapaces en Matemáticas e Ciencias; ademais de acadar mellores niveis o alumnado dos centros privados ca dos públicos. Un retrato educativo (moi difundido nas tertulias dos medios e utilizado polas administracións educativas para avaliar as súas políticas) obtido cunha mostra de apenas 1.824 alumnos e alumnas de 15 anos de 58 centros galegos que reflicte os resultados dun test, dunha proba estandarizada, (polo tanto un indicador cuantitativo), que imita ao SAT (a selectividade estadounidense), pesada e pouco motivadora (con formularios de case 60 preguntas), deseñada, administrada, corrixida e difundida pola empresa norteamericana Pearson (líder mundial de materiais educativos e testing), que coas súas moitas limitacións pode servir para identificar tendencias mais nunca como proba irrefutable do estado, funcionamento, eficiencia e equidade dos nosos sistemas educativos. Non nos enganemos, PISA non avalía o estado real da nosa educación, das nosas escolas e institutos, cuestións para ás que cumpriría coñecer o clima escolar, a dotación dos centros, a organización docente, a contorna familiar e cultural, como as propias políticas educativas públicas. O éxito de PISA reside en que os seus resultados se publican en forma de ranking, de táboa clasificatoria, como se de competicións deportivas se tratase, identificando así a mellora da educación co ascenso nestas clasificacións nas que se identifica o «éxito educativo».

Publicado en Nós diario: 13/12/2023

#GrazasHemato

Abracei por vez primeira a Hematocrítico interrompendo unha sinatura multitudinaria na feira do libro da Coruña. Acababamos de publicar a edición de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais 2016), que fixera Anaír Rodríguez, dende entón a voz da súa obra en galego. Confeseille atrapallado que era un seguidor das súas novelas gráficas e do seu perfil en Twitter, que como director da editorial agradecía as súas facilidades para incluír o seu primeiro libro infantil na nosa colección Sopa de Libros. Moito lembrei estes días aqueles tres minutos alborais con Hemato, como o seu sorriso que contaxiaba afecto, cando choramos incrédulos o seu pasamento. Unha dor que nos estremece mitigada apenas pola lectura do seu bosque dos contos, oito libros xeniais, extraordinarios, outras tantas trabes de ouro da nosa literatura infantil. Un legado literario con vontade de clásico onde identificamos a voz de autoridade do lobiño riquiño, que coas modulacións e as pausas do humor e do agarimo esnaquiza os prexuízos rancios dos personaxes do conto clásico europeo sen modificar o relato identificado de xeración a xeración. Voz do lobiño que utilizaba en todos os proxectos creativos nos que participaba, fosen literarios ou audiovisuais, para a infancia ou para público maior. A voz do mestre que coñece os temas e rexistros da conversa da súa picariñada (como hai tres décadas fixeran os mestres Agustín e Docampo), matizada polos contidos máis diversos do relato de quen leu durante dúas décadas un conto diario ao seu alumnado cativeiro. Foi a de Hemato unha obra subversiva, revolucionaria, como as obras proxectadas pola súa alcaldesa vermella, como disrutivo foi o seu perfil branco e violeta de Twitter, compartindo azos, beleza e retranca a esgalla, os mellores antídotos para protexernos do xurro de odio e falsidades que luxan as redes. Grazas Miguel por legarnos a voz do lobiño. Na túa memoria compartirei con Montse e Ledicia outro arroz con lumbrigante con recendo de Laredo. #GrazasHemato

Publicado en Nós diario: 06/12/2023

Culturgal

Desde a primeira edición de 2007 organizada no Pazo da Cultura de Pontevedra pola Asociación Galega de Editoras, Culturgal mantívose como lugar de encontro anual entre públicos, profesionais e creadoras das diversas industrias e manifestacións culturais galegas. Renomeada nesta décimo sexta edición como «Feira das Culturas Galegas», continúa mantendo o seu carácter de evento cultural de referencia en Galicia, grazas tanto a súa organización por parte da asociación Culturgal, formada por cinco entidades profesionais, como ao seu patrocinio por parte doutras tantas administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Cultura, Concello de Pontevedra e deputacións da Coruña e Pontevedra). Un tecido de acordos e achegas públicas e privadas, renovado en cada edición (nun país onde é pouco frecuente que callen os acordos intersectoriais e aínda menos entre administracións de cores diversas), capaz de consolidar un evento de calidade do que se senten orgullosos tanto as organizadoras e patrocinadoras como os públicos participantes. Culturgal entendeu que a súa maior forza residía nos seus públicos, dende o familiar ao profesional, que fixeron da feira pontevedresa un espazo amigable de encontro e de descuberta das novidades de cada sector (libro, música, escena, audiovisual, artes plásticas…) e das iniciativas culturais cada vez máis diversas e transversais. Como Culturgal arriscou a que os seus públicos asumisen o pagamento dunha entrada accesible como un exercicio corresponsable, o que comprometeu á organizadora a facer da feira un espazo máis confortable e cada ano novidoso nas súas programacións e propostas. Con estes vimbios e a experiencia acumulada por varias direccións e equipos de xestión, o Culturgal 2023 asume o reto da ampliación do seu perímetro con actividades en Vigo e co deseño de numerosas iniciativas hibridadas vinculadas a diversos soportes e artes. O de Culturgal é un éxito colectivo da nosa cultura e das súas industrias que ben merece ser recoñecido.

Publicado en Nós diario: 29/11/2023

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

Librarías

Coincidindo con San Martiño (os trompos ao camiño) e os primeiros magostos, celebrouse o sábado o día das librarías, data incluída dende hai doce anos no calendario galego do libro e da lectura. Concibida como inicio da campaña de vendas de Nadal, anticipándose aos descontos do Black Friday (24 de novembro) que están en voga noutros sectores do comercio, a Federación de Librarías de Galicia convidou aos públicos lectores a visitar durante esta xornada calquera das súas 147 librarías asociadas (o 80 % das que estimamos abertas en Galicia) para participar en actividades de promoción de libro e de recomendación lectora. Unha xornada necesaria para o recoñecemento do papel esencial das librarías independentes tanto no desenvolvemento cultural e educativo de cadansúa comunidade local como do seu comercio de proximidade resistente á homoxeneización da distribución centralizada. Un sector que en Galicia facturou no pasado ano cincuenta nove millóns de euros (a prezos de capa), dos que estimamos sete (o 12 %) corresponden ao libro en galego, moi preto da metade das súas vendas. Onde hai unha biblioteca hai unha luz, escribiu o mestre Agustín Fernández Paz no seu manifesto en defensa da biblioteca pública (2009), o que podemos arremedar para cada libraría que aínda continúa aberta (mesmo as que sabemos ofrecen unha colección bibliografía cativa compartida con outros produtos impresos ou de papelaría). Onde hai unha libraría hai unha luz que agarima e orienta a súa clientela lectora, unha luz dun faro que atravesa os seus muros e na rúa ou na praza se fai aínda máis intensa entre bares, farmacias, panadarías, supermercados e outros comercios de primeira necesidade. Como incitaba o mestre de Vilalba, abramos as portas e entremos afoutos na libraría, non teñamos medo a perdernos entre os seus andeis e gozar remexendo entre os libros de temáticas, linguas e destinatarias diversas. Onde hai unha libraría hai unha comunidade portadora da luz dun mundo que non perdeu a esperanza.

Publicado en Nós diario: 15/11/2023