Campo do Fragoso CCXXXIII

FALTOU O GOL

Dende aquel domingo, 6 de outubro, no que Aspas abriu a súa táboa de goles da tempada fronte ao Athletic, o Celta non gaña en Balaídos. E dende hai dous meses, desde aquel esperanzador 1-3 en Vilarreal, non volveu coñecer a vitoria. Dende entón, a pesar dunha certa melloría no seu xogo, o Celta en Balaídos conseguiu catro empates consecutivos fronte a outros tantos rivais directos, Valladolid, Mallorca, Osasuna e Eibar, o que a pesar de atallar a hemorraxia de derrotas, non chega para abandonar as posicións de descenso e para navegar devagariño cara a porto seguro.

O equipo de Óscar García Junyent non acada mellores resultados porque está pelexado co gol, apenas sete, dende a vitoria no estadio da Cerámica, por dez encaixados no mesmo período, un balance negativo que de non ser corrixido decontado agoira, xa no mes de xaneiro, a perda da categoría, o que constituiría unha catástrofe deportiva, pero tamén da propia sociedade deportiva, polas súas repercusións económicas, rompendo cunha xeira de oito tempadas  consecutivas en Primeira. Un agoiro que aínda pode ser frustrado, mais que obriga a unha reacción de afouteza, da que onte identificamos algúns indicios, semellante á que o noso admirado Fernando Vázquez provocou desde que chegou ao banco de Riazor.

Certo é que fronte ao Eibar os celestes fixeron case todo o que cómpre facer para conseguir unha vitoria, menos o requisito indispensable de marcar polo menos un tanto, nunha tarde onde quizais polo revoar constante das gaivotas sobre a lameira os ventos non lle foron propicios aos nosos. Os de Óscar García Junyent superaron aos de Mendilíbar en todas as facetas de xogo, tanto ofensivo como defensivo. As tres torres viguesas, Murillo, Araújo e Okay, coa excepción de erros pequenos de coordinación con Rubén, pecharon con catro cancelas a porta do seu gardameta, que apenas despexou un saque de recanto con perigo. Pola contra, o Celta gozou de numerosas chegadas a área, media ducia sobre os tres paos, sendo moi superior en intensidade, anticipación e recuperación na liña de dous terzos armeira, algo que había moito tempo que non viamos nos nosos. Máis esa superioridade resultou insuficiente diante da porta de Dimitrovic, quizais porque onte Aspas, Beltrán, Olaza, Rafinha e Pione padeceron os efectos desa estraña síndrome da afasia goleadora, un medo descoñecido no Campo do Fragoso dende hai moitos tempadas.

En ningún partido desta liga dispuxo o Celta de tantas oportunidades para marcar no seu estadio. No minuto 23 Pione, sempre moi activo e comprometido co colectivo, filtrou un balón de ouro dentro da área que estragou Santi Mina, un dianteiro moi desafortunado diante da porta, nesta súa segunda xeira celeste, que por méritos obxectivos non semella ter sitio no once inicial. No 32’ foi Aspas quen o intentou dende a banda e, a piques de rematar a primeira parte, Pione mereceu marcar cando aproveitando un erro dun defensa vasco o seu xutazo bateu nas luvas do gardarredes, o mellor dos visitantes.

Tras a reanudación, o Celta intensificou as súas chegadas, froito na maior parte das veces das asociacións entre Pione, Aspas e Rafinha, que tomaron as rédeas do equipo. Razón pola que resultou incomprensible e desafortunado o troco precipitado do internacional dinamarqués, o que anoxou con Óscar a unha parte da bancada que por vez primeira apupou ao adestrador catalán. Con todo, Aspas tivo no 64’ a mellor ocasión do partido, un xute con veleno de gol ao pao longo que atopou outra vez as luvas do porteiro nunha gran estricada. Nos decisivos minutos finais, un lanzamento de falta de Olaza bateu no poste e pouco despois un xute dende a frontal de Rafinha, tras unha extraordinaria asistencia de Aspas, saíu lixeiramente alto. Por non falar do barullo que no desconto se produciu diante da liña de meta visitante cando lle esvarou a Dimitrovic o balón entre as pernas e alí caeu Denís na súa disputa pola pelota cun defensa.

Diante do Eibar ao Celta faltoulle fortuna, xa que os seus merecementos foron moito maiores co resultado obtido. No entanto, o esperanzador do partido foi o incremento da intensidade e da implicación de xogadores claves (Pione, Aspas, Okay, Rafinha, Beltrán, Murillo, Araújo tiveron unha boa actuación), o que aventura que as vitorias chegarán, sempre que exista o compromiso e o xogo necesarios. A pesar das dificultades do temible calendario próximo, o Celta debería remontar se persiste na estratexia de onte. Faltou só o gol. Non está todo perdido.

 

Encrucillada viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o bloque interinstitucional que sofre Vigo

Non me pasou desapercibida a ausencia do alcalde de Vigo na entrega no Teatro Afundación dos Premios da Cultura Galega 2019 nin tampouco que o presidente da Xunta de Galicia utilizase a súa intervención neste acto para prometer unha futura sede do CGAC no Berbés e un programa cultural específico do Goberno Galego para Vigo. Interpreteino como un episodio máis da xa clásica confrontación institucional entre o presidente da Xunta e o alcalde de Vigo. Unha batalla que até agora reportou a nivel electoral importantes beneficios para ambos os dous contendentes, xa que Feijoo e o PPdeG obtiveron dúas cómodas maiorías en Galicia e Caballero e o PSdeG-PSOE outras tantas, aínda que máis esmagadoras e contundentes, no concello de Vigo.

Xaora, cabe preguntarse se semellante liorta, que monopoliza a axenda política viguesa e paraliza a procura de solucións para algúns problemas importantes, reporta algún beneficio para os intereses xerais da cidadanía e para o futuro e o liderado da área metropolitana viguesa. Velaí a cerna da deboura dun Vigo obrigado a tomar partido nesta encrucillada que sabemos deseñada pola moderna mercadotecnia electoral.

O feito de que os Premios da Cultura Galega fosen entregados na cidade da oliveira con motivo dun «rebuscado» homenaxe á movida viguesa no seu «corenta aniversario» (Siniestro Total e Aerolíneas Federales formáronse en 1981, Golpes Bajos en 1982…), amosa o carácter netamente electoral da presenza de Feijoo en Vigo para tirar do chapeu, como se dun agasallo se tratase, unha descentralización do CGAC cunha sala de exposicións de 65 metros cadrados, semellante a prometida tamén para Lugo. Unha proposta que esquece tanto unha década de rebaixas das achegas do Goberno Galego no MARCO vigués como obvia as imprescindibles políticas de coordinación e colaboración entre dous dos museos de referencia na arte contemporánea galega. Non sería máis razoable que Feijoo anunciase en Vigo unha colaboración entre a Xunta e o Concello de Vigo para o relanzamento das actividades e exposicións do MARCO e para a coordinación do Museo do Mar de Galicia, hoxe dependente da Consellaría de Cultura, coa rede municipal de museos viguesa?

Con idéntica intención electoral, a nova delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, intentou desenvolver durante as pasadas festas o seu «Nadal solidario», un programa de obradoiros e actividades para familias nas instalacións do Tinglado do Porto, alternativo ao municipal, mais que quedou pequeno fronte a grandilocuencia e desmesura da proposta de Abel Caballero, coa súa intención de colocar a Vigo no mercado do turismo de inverno do norte peninsular a base de millóns de leds, noria, carrusel, bombas de neve artificial, pistas de xeo e da ocupación intensiva do espazo público, mesmo daquel sometido a protección patrimonial como a centenaria alameda viguesa. Por non falar xa da aberta contra programación de ambas as dúas administracións o pasado día 12, entre o popular concurso (metropolitano) de rondallas organizado pola Xunta no IFEVI e o peche do alumeado do concello na Porta do Sol no que Caballero volveu a amosar polos altofalantes do centro xenio e figura.

Mais non vaiamos pensar que esta competencia e falta de diálogo entre Xunta e Concello afecta só ás cuestións da programación cultural e de lecer. O peor do caso é que atinxe tamén a temas estratéxicos como o da creación da Área Metropolitana, entidade administrativa que de terse constituído permitiría o funcionamento coordinado dun verdadeiro transporte metropolitano e evitaría disparates como o proxecto de construír en Mos un novo centro comercial metropolitano, como pretende teimosamente o presidente do Celta. Ausencia de diálogo e acordo interinstitucional que ameaza a ampliación do IFEVI, solicitada de forma urxente polos promotores de Conxemar ou dificulta o éxito da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO. Riscos que sofren tamén os tráficos portuario e aeroportuario vigueses (en franco retroceso) ou dos apoios que das administracións demandan os sectores da industria naval e do automóbil, sometidos aos cantos de serea da deslocalización en Portugal e a necesaria reconversión obrigada polas políticas de sostibilidade.

En definitiva, tras máis dunha década de desamparo institucional por parte da Xunta, o que en boa medida explica o éxito das políticas do «Vigo primeiro» de Abel Caballero, Vigo debe recuperar as políticas estratéxicas (a longo prazo) acordadas (como sucedeu na década de 1990) por un amplo abano de forzas políticas, sociais e cidadáns. Ábrese un ano electoral decisivo que pode facilitar este camiño dos acordos ou paralizar a cidade durante outra década perdida. Velaí a encrucillada viguesa.

 

Do hectógrafo ao encerado dixital

Na RGE 75 de Nova Escola Galega (moitos parabéns por estas tres décadas longas da publicación educativa máis veterana en lingua galega) publico un artigo sobre a mudanza dos materiais escolares utilizados nas últimas catro décadas. Un exercicio de memoria da renovación pedagógica en Galicia e tamén unha reflexión prospectiva que agardo contribúa a un debate que vaia máis alá do eido da innovación didáctica hoxe en voga.

Os mestres e mestras activistas da renovación pedagóxica da miña xeración identificabámonos polo emprego do hectógrafo, a imprenta dixital de xelatina[1], un recurso que utilizabamos para editar os materiais didácticos que preparabamos para as nosas aulas. Unha práctica laboriosa, tirada das técnicas Freinet da Escola Moderna, que nas escolas unitarias era aínda máis frecuente ca nos grupos escolares, xa que alí contaban co adianto que supoñían aquelas multicopistas, as famosas «Gestenert», capaces de imprimir centos de copias a partir dun clixé mecanografado ou picado cun punzón. Anos despois chegaron aos centros de EXB as primeiras fotocopiadoras, o que supuxo outra revolución na confección de soportes didácticos, e xa ao inicio da década dos noventa as primeiras computadoras e a posibilidade que algún profesorado pioneiro ensaiou de conectarse á primeira internet (1996).

A utilización do hectógrafo, asociada decote a outras técnicas do ensino cooperativo (texto libre, imprenta escolar de tipos móbiles…), supoñía un modelo didáctico no que se substituía o libro de texto como material escolar único (ou principal) polas actividades, boa parte delas de carácter cooperativo, que a mestra preparaba para o seu alumnado, o que por si mesmo supoñía un esforzo de achegamento das aprendizaxes ás súas necesidades e intereses. Un modelo «heroico» de elaboración de materiais propios que caracterizou o traballo dos mestres e mestras que a comezos da década de 1980 formaban parte do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega (MCEPG) ou do colectivo Avantar de Ferrolterra, fundadores con outros colectivos pedagóxicos de Nova Escola Galega (1983), que comezaron tamén a participar na elaboración dos primeiros libros de texto en galego, cun enfoque alternativo aos ofrecidos até entón, coa intención de contribuír a unha mudanza metodolóxica e a unha efectiva galeguización educativa.

Así naceron as primeiras coleccións de libros de texto de lingua e literatura galega para EXB de Xerais, «O Noso Galego» (1981-1984) e «Canles» (1986-1988) da autoría dos membros do Grupo Avantar de Nova Escola Galega, o método globalizado «Nobelos de Papel» (1986) para 1º e 2º de EXB ou a serie «Ámote Mundo» (1985-1987) de 3º a 5º de EXB, a primeira en galego para a área de Coñecemento do Medio. Outro tanto sucedeu con algúns títulos publicados no mesmo período por Vía Láctea edicións, en colaboración tamén con Nova Escola Galega, concibidos para ser utilizadas como lecturas escolares en galego: O misterio das badaladas (1986) de Xabier DoCampo ou Proxecto pomba dourada (1988) de Miguel Vázquez Freire, por citar dous casos. Series e títulos concibidos dende modelos didácticos novidosos, como o enfoque comunicativo no ensino da lingua ou a globalización nas aprendizaxes primeiras baseadas na experiencia e no ensino cooperativo, ao tempo que abertos a utilización na aula doutros recursos didácticos, con atención preferente á creación da biblioteca de aula, ao emprego diario da prensa e dos medios audiovisuais.

A creación dos centros comarcais de recursos (1987-1988) levou por vez primeira e de forma sistemática o vídeo aos centros de EXB, sobre todo o cine, o que supuxo outra volta de porca na diversificación dos recursos didácticos. Como tamén para ser utilizada na educación xeral básica apareceu a serie «Galicia en imaxes» (1980) do grupo Escola Aberta, milleiros de diapositivas con apoio informativo que constituíron a primeira enciclopedia en imaxes sobre contidos de xeografía, historia, etnografía, arte e natureza do país. Idéntica intención tiveron os audiovisuais didácticos, formados por carpetas de diapositivas, cinta e folleto impreso, publicadas polo colectivo pontevedrés Ollo de Sapo (1984-1990) sobre o ciclo de festas anuais (Magosto e Entroido) ou figuras galegas como Castelao ou Rosalía de Castro. Un recurso, o diaporama, a proxección de diapositivas acompañada de narración sonora, que non tardou en transformarse noutra xanela da aula cara o que sucedía tras os muros da escola. Un modelo diversificado que se foi complementando coas primeiras edicións de recursos musicais –velaí as cintas das diversas edicións do certame Cantareliña (1983-1991), organizado polo grupo Saraibas– ou de experiencias pioneiras de utilización da radio con intencionalidade educativa, como as promovidas por Xesús R. Jares en Vigo con motivo do Día escolar da non violencia e pola paz (1984) ou polo colectivo de profesorado de Ponte nas Ondas (1995), experiencia afortunada de colaboración educativa transfronteiriza, que por ventura continúa na actualidade.

Con todo, foi o libro de texto impreso o recurso didáctico que monopolizou e, aínda, lidera a mediación didáctica na aula tanto en Primaria como en Secundaria, sobre todo en Bacharelato, identificado como manual. Un recurso didáctico, editado pola forte industria editorial española, formada por dous grupos non confesionais (Anaya e Santillana) e varios selos católicos (SM, Edebé, Edelvives), que veu supoñendo un terzo da facturación do conxunto do sector do libro en España (2.139 millóns de euros en 2017), capaz de adaptarse con enorme facilidade ao disposto sobre metodoloxías didácticas e utilización dos recursos didácticos nas diversas reformas curriculares, que se viñeron sucedendo dende a LXE (1970), cando naceu como tal o sector editorial, ao fío do desenvolvemento dos «Programas renovados de EXB» (1971), pasando pola LOECE (1980), a LOXSE (1990), a LOCE (2002), que non chegou a aplicarse, a LOE (2006), até a máis recente a LOMCE (2013). Reformas educativas de signo «progresista» ou contrarreformas «conservadoras», que dunha ou doutra maneira mencionaron sempre nos seus documentos curriculares a necesidade de utilizar nos procesos de ensino, aprendizaxe e avaliación recursos didácticos diversos, o que nunca supuxo que o libro de texto, baixo diversos formatos e presentacións, fose relegado da súa hexemonía nas aulas.

Un fenómeno que tamén se produciu en Galicia onde a oferta do libro de texto, a partir de comezos de século, foise ampliando cara a formatos de libros de aula proxectables, aos que se engadía materiais técnicos de programación e avaliación como a recursos orientados ao tratamento da diversidade e reforzo das aprendizaxes. Unha oferta privada que, así o debemos recoñecer, axudou a ampliar nalgúns momentos a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil ou en áreas como Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química, fenómeno ao que non foron alleas as axudas públicas que as editoras recibiron da Secretaria Xeral de Política Lingüística, que sería reducidas de raíz a partir de 2009 e da aprobación do vixente Decreto para o Plurilingüismo.

O pulo do libro de texto nas dúas décadas de entre séculos contribuíu a difundir entre o profesorado o contido das reformas curriculares e os modelos de ensino aprendizaxe e avaliación prescritos polas autoridades educativas, ao tempo que homoxeneizou os contidos curriculares, as prácticas de aula e, en xeral, o que entendemos como cultura escolar. Éxito do sector editorial educativo que comezou a minguar en Galicia cando comezaron a ensaiarse diversos modelos de préstamo nas etapas do ensino obrigatorio (2005-2006), así como cando a Consellaría de Educación ampliou de catro a seis anos a utilización dos libros (Orde de 29 de maio de 2013) e cando se iniciou a experimentación de modelos de educación dixital, nos que se minguaba ou suprimía o emprego dos recursos didácticos impresos.

Na actualidade, inmersos de cheo na revolución dixital e robótica, vivimos unha situación de profunda mudanza no emprego dos soportes didácticos, xa que é irreversible que o libro de texto impreso vaia perdendo en reformas curriculares futuras a súa hexemonía sendo substituído por un modelo hibridado, no que coexisten recursos impresos e electrónicos, presidido, xa na maioría das aulas, dende Infantil a Bacharelato, pola pizarra dixital interactiva, ese grande ollo de acceso a internet e de interacción dixital dentro da propia aula. Un modelo de hibridación disrutiva, na medida que precisa do desenvolvemento de competencias específicas para o alumnado e para o propio profesorado, chamado a modificar os contidos da cultura escolar e o carácter e o acceso aos diversos recursos dixitais (libros dixitais, wiquis, actividades interactivas, xogos dixitais…). Un modelo no que se comparten recursos dixitais en liña, que xa non se presentan nin distribúen como secuencias curriculares completas de materia e curso, o que constitúe unha mudanza de enorme transcendencia. Velaí as experiencias institucionais como as do Espazo Abalar ou Edixgal ou as privadas dalgúns editores privados galegos como Xerais, que poñen a disposición do profesorado unha miscelánea de recursos dixitais, que poden ser identificados por temática ou tipoloxía, que permiten modelos de aprendizaxe máis individualizados e flexibles cos ofrecidos polos libros de texto impresos, o que obriga a un novo papel do docente.

Esta hibridación dos soportes de mediación didáctica xustifícase tanto pola pola disrupción que supón a necesidade de alfabetización de todo o alumnado e dende idades temperás na lectura e escritura de hipertextos e utilidades multimodais (texto, son, imaxes e hipermedia) como pola modificación da aula como espazo físico de aprendizaxe, xa que aparecen como alternativos os Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA) e a propia Biblioteca escolar, dende agora a aula principal de cada escola, concibida como centro creativo de aprendizaxes, un auténtico laboratorio interactivo de acceso á información en diversos soportes (libros impresos, e-books, blog, web, apps, cinema, música, videoxogos…), mais tamén como albeiro da lectura e escritura literarias e da alfabetización informacional (ALFIN) da comunidade educativa.

Un proceso de hibridación dixital educativa que obriga a reinventar o resto das mediacións didácticas actuais, sobre todo as referidas aos soportes impresos e a escritura caligráfica, xa que é previsible que no futuro o desenvolvemento da intelixencia artificial leve a que a robotización teña un peso de seu na escola ordinaria. A esa incrible chegada a escola dos robots que ensinan, haberá que engadir a oferta de novos EVA que poida ofrecer unha industria editorial educativa que, se non quere desaparecer de rutina, debe asumir o carácter disruptivo desta mudanza imparable.

Con todo, non vaiamos caer na inxenuidade de pensar que esta disrupción dixital, identificada como «innovación educativa histórica», asegura por si mesma unha mellora nas aprendizaxes para todo o alumnado, unha maior equidade nos centros ou unha mellora nas competencias de comunicación lingüística nun entorno educativo plurilingüe, onde o galego teña un emprego referencial. Como tampouco, ao fío do actual proceso de experimentación con materiais exclusivamente dixitais, debemos identificala cunha maior adaptación aos ritmos de aprendizaxe do alumnado nin sequera cunha participación máis activa pola súa parte. Máis alá da utilización dunha mediación impresa ou hibridada, como sucedía hai catro décadas cando os mestres nos enzoufabamos co hectógrafo ou hai tres cando empregabamos a maxia visual do diaporama na aula de usos múltiples, hoxe nas aulas dixitalizadas haberá que continuar atendendo a construción de aprendizaxes básicas sólidas e relevantes nun entorno colaborativo, onde cada alumno ou alumna traballa en grupo, interactuando, axudándose e favorecendo a comunicación. Tanto cando utilizabamos o hectógrafo como agora cando nos apoiamos na potencia das utilidades didácticas da pantalla dixital continúa sendo imprescindible que o fagamos cunha intencionalidade educativa orientada a construción de aprendizaxes significativas por parte dun alumnado crítico e competente. En fixar ese xesto educativo inclusivo está boa parte do éxito do profesorado na utilización dos recursos didácticos hibridados.


Nota ao pé:

[1] Se non lembro mal, a xelatina para imprimir preparábase con auga, azucre, glicerina e cola de peixe. Quentábase a auga e botábase o azucre remexendo para que se disolvese. Logo mesturábase coa glicerina e coa cola de peixe, volvendo a remexer para que non quedasen grumos ningúns. Logo, aquela pasta vertíase devagariño nunha bandexa e deixábase arrefriar. Para utilizar o hectógrafo, que así denominaba Celestin Freinet está técnica de impresión escolar de até cen copias, preparábase cada páxina cun clixé hectográfico, colocado entre dous folios, debuxando ou escribindo sobre o superior o contido que se pretendía imprimir. Logo asentábase o clixé sobre a pasta, para min a operación máis difícil, para que alí quedase gravado o escrito ou debuxado. Daquela xa se podía ir imprimindo, colocando cada folio sobre a prancha e retirando cada un con moito coidadiño. Para reproducir outra páxina distinta, a pasta lavábase con auga e se pasaba despois un pano agardando que secase. Un procedemento complexo que precisa algunha destreza e moita paciencia.

 

A oliveira nosa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro e a memoria da Oliveira de Vigo

A piques de comezar as obras do túnel da rúa Elduayen e da actuación urbanística no barrio do Cura e na rúa Poboadores é lóxico preguntarse como vai afectar a Oliveira do Paseo de Afonso XII, o símbolo que figura no emblema heráldico da cidade nosa, desde que en 1813 o alcalde Cristóbal María Falcón solicitou ás Cortes a súa inclusión no escudo de Vigo como «eterno monumento á posteridade». Unha árbore centenaria, incluída no «Catálogo Galego de Árbores Senlleiras», confeccionado pola Xunta de Galicia, no que tamén figuran o matusalén de camelias e os tulipeiros de Virxinia do Pazo de Castrelos, as casuarinas da Alameda e os eucaliptos e as faias do Parque de Castrelos. Árbores todas elas merecedoras dun ámbito especial de protección de posibles riscos e ameazas, das que se garante a súa protección no Decreto 67/2007 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, aprobado sendo presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño.

Non é doado establecer a idade exacta da Oliveira de Vigo. Os expertos municipais calculaban hai pouco máis dun ano, despois de realizarlle unha tomografía, que con carácter orientativo puidese ter uns 174 anos. Mais hai unha década, outra medición, utilizando tamén procedementos de tomografía sónica, asumindo unha marxe de erro estimou que superaría os 193 anos, o que significaría que superou xa os douscentos anos, unha idade parella ao carácter bicentenario da propia cidade coa que en boa medida comparte historia. Xaora, estas medicións son coherentes co relato acuñado sobre a súa orixe, unha oliveira plantada arredor do século XII polos monxes templarios no adro da primitiva igrexa románica de Santa María, sobre a que en 1403 se levantou outra de tres naves de estilo gótico, que sufriría o ataque das tropas de Francis Drake (1589) e cuxo estado era xa ruinoso cando chegaron os franceses (1809).

Unha peripecia a daquela vella oliveira que quedou marcada pola explosión da polvoreira do castelo de San Sebastián o 28 de marzo de 1813, o día do cuarto aniversario da Reconquista, que destruíu a que xa entón era igrexa colexiata. Coincidindo co inicio da construción do templo actual (1815), proxectado por Melchor de Prado Mariño, abriuse unha praza diante da portada, o que semella obrigou a derrubar a oliveira da que se contaba se podían sentar a traballar arredor dela até sete persoas. Segundo Avelino Rodríguez Elías, o administrador de aduanas Manuel Ángel Pereira, xenro do alcalde de Lavadores Cayetano Parada, un dos heroes da Reconquista, tivo a intelixencia de recoller un gallo da vella oliveira e plantalo extramurallas nun eido do barrio do Salgueiral, hoxe entre a Porta do Sol e a rúa do Príncipe, onde arraigou.

Crese que foi con motivo do quincuaxésimo aniversario da Reconquista cando os descendentes de Parada plantaron a oliveira no actual emprazamento, no mais fermoso miradoiro vigués dos solpores sobre o anfiteatro da Ría, onde medrou vizosa, acompañando ao da propia abella da ribeira. As investigacións do filatélico vigués Manuel Lago amosan que en 1881 a oliveira aparece nunha tea do pintor Verísimo cun tamaño considerable. Porte que tamén se aprecia nas postais das décadas de entre séculos a carón da saída das dilixencias e primeiros ómnibus metropolitanos. Sabemos polo semanario «La Ráfaga» que 1914 se lle colocou para a súa protección unha pequena reixa. Mais foi o 14 de agosto de 1932, cando nun acto cívico celebrado no entón Paseo Ramón Franco, que así se chamaba o miradoiro na Segunda República, cando se inaugurou a reixa actual, sufragada por suscrición popular, deseñada por Jenaro de la Fuente e forxada en Vulcano, a empresa de Enrique Lorenzo. Unha homenaxe a oliveira, promovida por Avelino Rodríguez Elías, entón cronista oficial da cidade, na que se colocou a placa na que aínda se pode ler un texto que sintetiza o valor deste símbolo para a cidadanía viguesa: «a promesa firme do seu amor, da súa lealdade e da súa abnegación pola cidade amada».

Oliveira que expresa o carácter emprendedor e liberal da cidade, nome escollido en 1856 por Eduardo e Alejandro Chao para o seu semanario, «La Oliva», a primeira publicación progresista viguesa, impresa por Juan Compañel no seu prelo da rúa Real. Como Oliva foi tamén o nome dun orfeón e logo sociedade recreativa que en 1908 promoveu a instalación na Alameda do monumento ao poeta Manuel Curros Enríquez.

Descoñecemos cal vai ser o futuro que lle agarda a nosa árbore primeira nas actuacións urbanísticas previstas na súa contorna, entre a rúa Poboadores e o Paseo de Afonso. A oliveira é un patrimonio principalísimo da cidade que non pode ser ameazado nin sometido a risco ningún. Os responsables dos proxectos deben presentar como quedaría un espazo urbano que representa o que é a cidade dende hai 800 anos.

 

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

Vai con sentidiño

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo á escolla de «sentidiño» como palabra galega do ano:

«Sentidiño» é a palabra galega do ano 2019 escollida por votación popular entre as usuarias do Portal das Palabras, espazo didáctico e de apoio léxico na rede da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Entre as outras palabras finalistas («feminicidio», «narcosubmarino», «quecemento global», «ecocidio» e «negociación»), máis da metade das votantes apoiaron este xeito xenuinamente galego de denominar o «sentido común», noutro ano no que as preocupacións sociais estiveron encabezadas pola denuncia da violencia machista, a reivindicación da igualdade de xénero e a problemática do cambio climático e de xestión sostible dos recursos naturais. «Sentidiño» únese así o corpus léxico que Víctor Freixanes, o presidente da Academia, definiu como «palabras crónica», termos referenciais das preocucpacións da nosa comunidade de falantes, como os escollidas en anos anteriores «deseucaliptización« (2018), «afouteza» (2017), «irmandade» (2016), «refuxiado/a« (2015) ou «corrupción» (2014).

A elección de «sentidiño» non é contraditoria coas angueiras de igualdade e sostibilidade, sobre todo se atendemos a incerteza provocada polas dificultades para formar goberno ou polo ascenso en todo o mundo de formas autoritarias do exercicio do poder, presente nos medios e nas redes sociais coas súas fake news, na medida que para o Portal das Palabras o «sentidiño é unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio». Un termo sinónimo do «sentido común», que o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) define na súa primeira aceptación como «capacidade de xulgar e obrar acertadamente» e na súa segunda, seguindo a tradición aristotélica, como «o sentido que unifica e coordina todos os datos da experiencia sensible». Definicións que o dicionario da RAG sintetiza apenas como «bo xuízo», para unha palabra que ten equivalencias noutras linguas romances como o «bom senso» portugués, o «seny» catalán, o «buonsenso» italiano ou o «bon sens» francés. Palabras ou locucións todas elas que dunha ou doutra maneira fan referencia ao emprego da sensatez, esa calidade das persoas que nos máis diversos contextos actúan con equilibrio de forma asisada.

Quizais, esta acepción de «sentidiño» como sinónimo de sensatez e prudencia, como bo entendemento para falar e actuar, sexa a que mellor aniñou na fala popular capaz de acuñar expresións de noso, utilizadas tanto polas persoas que utilizan decote o galego como a súa lingua vehicular coma aqueloutras que o fan en castelán con prosodia galega. Velaí ese «vai con sentidiño» co que os avós e as avoas galegos despiden con complicidade aos seus netos e netas canda van de festa, ao que algunhas destas maiores engaden, non sen retranca, «vai a modo e volve axiña». Velaquí esoutro «sentidiño» que noutro contexto comunicativo mais formal, como «poñer sentidiño» (ou «poñer os cinco sentidos»), equivale para nós a «atender con todo o interese e atención posible», expresión dunha forma de aberta complicidade coa interlocutora, que agora denominamos empatía. Velaí como concibido así de forma ampla e agarimosa o sentidiño ten o seu antónimo en «arrouto» ou «arroutada», que o Gran Dicionario Xerais define na súa segunda acepción como «impulso que move a falar ou actuar sen reflexión previa» e do que o dicionario da Academia ofrece como sinónimo de «arrebato» e «rauto».

Interpreto que esta improvisada homenaxe popular á palabra «sentidiño» non pode caer en saco roto. En primeiro lugar pola utilización afectiva do sufixo «-iño», forma enxebre do diminutivo que a nosa fala popular inclúe no territorio dos afectos, como ben sabía Rosalía de Castro e estudou o profesor Xosé Freixeiro Mato. Mais tamén, polo que esta escolla supón de chamamento político implícito á cordura e ao diálogo transversal para saír desta última década de conformismo paralizante que agoira a morte de Galicia, ao que tampouco son alleos os excesos daqueloutros afeitos a botar para fóra sen encomendarse nin a deus nin ao demo. Un chamado discreto e sutil a actuar con sentidiño ás portas dunha convocatoria electoral ao Parlamento de Galicia que debería ser atendido, tamén, polas forzas políticas da oposición, obrigadas a ofrecer unha alternativa sensata e de bo xuízo, o que non vai ser doado despois de tres lexislaturas confusas de desunión e desesperanza.

Sentidiño que moito botamos tamén en falta en Vigo, cidade sometida hoxe aos rigores dun inxustificable bloqueo autonómico e da vertixe da desmesura populista e dos seus arrebatos grandilocuentes. Sentidiño como reivindicación da cultura da mesura, da calma, da paciencia e do diálogo aberto entre diferentes como mellores fórmulas para abordar a resolución do común.

Feliz 2020, con amor, saúde e sentidiño!

Árbore dos desexos (conto de nadal)

Neste día de noiteboa publico en Faro de Vigo un conto de nadal que dedico aos meus coles:

Ás comunidades das escolas de Laredo e Cedeira

No meu cole celebramos o pasado venres o cotillón de fin de ano. Ás doce en punto compartimos as doce badaladas na pantalla da aula de usos múltiples. Vestímonos todos de gala para recibir xuntos o aninovo con dez días de adianto. Eu puxen unha das garabatas do avó e un chapeu moi bonito que mamá comprou no chino. O orientador novo díxome que con esas trazas parecía un científico, un investigador en intelixencia artificial ou en nanotecnoloxía. Alba, a nosa titora, recomendounos que estivésemos atentos e que acompañásemos cada uva cun desexo para que así o novo ano fose máis propicio para cada un de nós e para as nosas familias. Eu fíxeno até que me perdín. A primeira uva foi para que mamá volvese ter traballo. A segunda para que a avoa Carme non quedase ingresada outra vez no Cunqueiro. A terceira para que os reis me boten unha tablet nova. E xa non puiden pedir máis que case me atragoo con tanto balbordo e tanta uva, a pesar que antes lle quitara as pebidas unha por unha.

Cando rematou a derradeira badalada todos comezaron a aplaudir e a abrazar a quen tiña o seu carón. Non me colleu por sorpresa, que xa mo advertira a profe Candela, sempre tan pendente do que me puidera pasar. Alba díxonos que o ano novo expresa o mito clásico do eterno retorno, dentro da crenza de que o cosmos está suxeito a un proceso de renovación periódica. E como se o cosmos se renovase cada ano e tras 365 días todo volvese ao seu punto de partida. O aninovo permite desfacernos da roupa vella e acuñar soños novos, dixo a miña profe, cando consultamos en internet onde se atopaba a estrela rosaliadecastro, a primeira no ceo que ten o nome dunha escritora galega. Esta semana Alba estaba moi contenta por esta escolla da Unión Astronómica Internacional. Gustoume moito o obradoiro de centros de mesa para Nadal que tivemos onte cunha florista e coas profes de inglés e plástica. Os meus avós non van crer que fixera eu unha cousa tan bonita para poñer na mesa desta noite. Alba que non perde ocasión, aconsellounos que estas días de vacacións fósemos á biblioteca e lésemos todo o que puidésemos, xa que para ela é a mellor forma de loitar contra a tristeza e contribuír a salvar o planeta que está en perigo.

No meu cole participamos na rede de escolas polo clima. Os de cuarto ocupámonos todos os días de recoller os colectores de reciclaxe para conseguir reducir a cero o uso de plásticos tanto nas aulas como no patio. Para mudar o mundo hai que comezar a mudar os nosos hábitos. Alba recomendounos ler un libro de Rosa Aneiros, Xelís, o guieiro das botellas de mar, o premio Merlín deste ano. Encantoume. Lino en catro horas e vinte e cinco minutos. Teño moitas preguntas para facerlle a autora e a Andrés Meixide, o ilustrador, cando veñan ao encontro previsto na biblioteca. É unha gran idea formar coas botellas que se guindan ao mar, con cadansúa mensaxe secreta, unha barreira que sirva para reducir esa grande illa de plásticos de todo o planeta que aboia no océano Pacífico. Alba descubriume a Greta Thunberg, unha rapaza coma min, que en Estocolmo comezou a loitar ela soa contra o cambio climático. Que ben fala Greta! Encántanme todos os seus vídeos, sempre tan seria. Greta falou na ONU e no cumio de Madrid, onde reclamou ao dirixentes mundiais que se puxeran de acordo para reducir as emisións provocadas polo consumo de combustibles fósiles. Na radio da escola houbo un debate sobre se Greta fai ben en viaxar polo mundo sen utilizar o avión, que considera un medio de transporte moi contaminante. Eu non participei no programa, pero a min paréceme que Greta é consecuente.

Ademais do cotillón, este nadal chantamos na entrada do meu cole unha árbore dos desexos. Convidamos así a todas as persoas a escribir un desexo nunha tarxeta verde e pendurala logo da árbore. Alba dixo que é unha idea que o equipo de mestras sacaron lendo un conto de nadal de Agustín Fernández Paz, un mestre e escritor galego que morreu hai tres anos e a quen segundo Alba todo o mundo quería. Eu non podo evitar pararme cada día para ler as tarxetas de tantos desexos anónimos. Algunhas son moi bonitas, outras un pouco tristes. «Que non haxa ninguén sen casa.» «Que me toque a lotaría.» «Desexo estar sempre coa miña familia.» «Desexo que ningún dos meus amigos se faga dano.» «Desexo para min que a miña familia sempre estea cerca.» «O meu desexo é que me regalen un unicornio.» «O meu desexo é que este ano teñamos moita saúde e que non haxa máis violencia e pelexas.» «Desexo dar unha volta ao mundo.» «Desexo cando sexa maior ter un traballo, que a pobreza non exista e que o Nadal dure sempre.» «Quero un gato para o meu aniversario.» «Desexo ter un can e un poni.» «Desexo estar coa miña nai.»…

Alba di que esta árbore dos desexos nosa deita moita máis luz que non sei cantos millóns de leds prendidos na nora e nas rúas de Vigo. A nosa árbore dos desexos feita de cartón e papeliños ilumina tanto porque posúe a enerxía e a forza das nosas palabras. As follas da nosa árbore son os nosos soños, o tronco e as polas as nosas emocións. Alba di que con esta árbore que fixemos todas as persoas da escola demos con esa maxia das palabras que aniña, durmida ás veces, no interior de todas as persoas. Levo moitos días pensando en deixar o meu texto. Hoxe atrevinme a escribir con letras maiúsculas, que así me queda mellor, o meu desexo: «QUE A ESTRELA DOS AFECTOS SEXA A QUE SEMPRE NOS GUÍE».

Galeguismo sen galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao informe do comité de expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento por parte do estado español da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias:

A publicación recente do informe do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias volve a pór en evidencia o fracaso da política lingüística da Xunta de Galicia. Como xa sucedera nos informes de 2012 e 2016 desta organización internacional formada por 47 estados europeos, cuxa finalidade é a configuración dun espazo político e xurídico europeo común, neste quinto informe sobre o cumprimento da Carta por parte do Estado español, os expertos suspenden ao Goberno Galego por «non ter mellorado de forma significativa a súa aplicación» e polo feito de que «a presenza do galego é insuficiente no ensino», sobre todo na educación infantil, subliñando que na Secundaria se limita a docencia na lingua propia xa que non se imparten en galego grandes materias científicas. Un texto clarificador sobre os problemas actuais do galego na infancia que salienta o feito de que a súa transmisión de pais a fillos non estea garantida e que a proporción de alumnado que utiliza o galego na súa vida cotiá caese de forma significativa. Un texto técnico que lembra, ademais, o incumprimento do compromiso asumido na Carta de contar cun sistema de inmersión lingüística, xa que no sistema educativo non existe posibilidade ningunha de ofrecer un currículum en galego en ningunha das etapas educativas non universitarias.

Informe que anima ás autoridades españolas a cumprir os termos  dunha norma de obrigada aplicación, non reformable por unha lei interna, así como a seguir de forma inmediata unha serie de accións por parte das administracións competentes. Entre estas actuacións figura, entre outras, a recuperación da presenza do galego no ensino por parte da Xunta de Galicia, a celebración dos xuízos nas linguas propias, a petición dunha das partes, así como a utilización do galego por parte da administración periférica do Estado. Accións que se estenden a outras autonomías, como no caso do galego de Asturias, na que se urxe unha política lingüística estruturada nas zonas onde se fala, e as de Castela e Extremadura, comunidades onde se detecta un declive de falantes do galego que obriga a unha acción inmediata das súas administracións en colaboración coa da Comunidade Galega.

Sabemos que este informe dunha institución europea independente é incómodo para a política lingüística defendida polos gobernos de Feijoo, baseada na aplicación a ferro e fariña do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo, que esnaquizou o amplo consenso político e social arredor da utilización do galego como lingua vehicular no sistema educativo, forxado con múltiples e xenerosas mediacións dende a aprobación da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística. Unha política partidista que nesta segunda década de 2000 contribuíu a acelerar o proceso de substitución lingüística na infancia, sendo hoxe, con respecto a apenas unha década –velaí os datos do propio Instituto Galego de Estatística do pasado mes de setembro– moitos máis os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos que a pesar de estar escolarizados non saben falar o idioma galego, sendo case a metade os que xa usan só o castelán.

Unha fraca saúde da lingua galega que non parece preocupar ao presidente Feijoo, tan orgulloso do seu decreto de Plurilingüismo, que cando se lle solicita a súa opinión sobre o resultado deste informe identifica os obxectivos da súa política lingüística co estudo, coñecemento e aprendizaxe do inglés por parte do alumnado. Outra ocasión na que o presidente da Xunta enuncia sen vergonza ningunha o seu autocompracente galeguismo sen galego, facendo en aras da indiscutible mellora da ensinanza do inglés caso omiso do establecido na Lei de Normalización de 1983, nos currículums vixentes de Primaria e Secundaria como nesta Carta europea, ratificada por España en 2001.

E se non abondase a desidia co galego, esquésece o presidente, de que o seu goberno non fixo aínda a avaliación anual dos resultados do seu modelo de ensino plurilingüe, que polo que lle escoitamos entende orientado a mellorar a aprendizaxe do inglés. Unha avaliación prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 «para desenvolver cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco do ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias» (sic).

Ás portas das autonómicas, é previsible que este modelo de galeguismo sen galego volva ser o utilizado demagoxicamente por Feijoo, como fixera xa naquela campaña noxenta de 2009. E mentres, o amplo debate social e cidadán sobre como recuperar o consenso para salvar ao galego da súa desaparición efectiva como lingua vehicular familiar e escolar, é máis necesario ca nunca.

Campo do Fragoso CCXXXII

INSUFICIENTE

Tras a derrota en Leganés fronte ao pechacancelas e o empate co Mallorca en inferioridade numérica, o Celta liquidou as expectativas de rápida remontada xeradas pola chegada ao banco de Óscar García Junyent. As mudanzas que introduciu o adestrador catalán no patrón de xogo e a recuperación dalgúns xogadores como Pione Sisto e Olaza amosáronse aínda insuficientes para conseguir sequera unha vitoria en Balaídos e poder saír dos postos de descenso, que ocupa dende hai case dous meses. Outro empate deprimente para o celtismo, que comeza a amosar sinais de cansazo (apenas 13.247 persoas nas bancadas do Fragoso), peche tamén dun ano 2019 horrible para o Celta, estatisticamente o equipo da categoría que acadou menos puntos, apenas 34 en 38 partidos disputados. Números, que de non seren mellorados decontado, levan ao equipo a esvarar cara a ese foso sen fondo da segunda división, con todos os perigos que iso supón, como se pode comprobar esta tempada na traxectoria do Deportivo da Coruña.

Certo é que onte o Celta completou uns primeiros vinte minutos intensos, arredando aos visitantes sobre a área do seu gardarredes Reina. Dirixido por un Rafinha con ansias de protagonismo e dispoñendo de dúas bandas profundas, axiña chegaron as combinacións interiores de Lobotka con Pione e os centros dende a esquerda de Lucas Olaza, onte o mellor dos celestes. Foi unha destas accións do charrúa sobre a área pequena a que xerou o primeiro gol, tras unha cabezada cruzada de Rafinha sobre o pao longo de Reina. Un tanto de moitos estralos, tanto pola súa fermosa execución como polo valor emotivo que supoñía para o brasilego volver marcar coa camiseta celeste.

Porén, a ledicia nosa durou pouco. O gol obrigou aos visitantes a espertar e dar un paso adiante, ao que os celestes responderon cunha incomprensible relaxación da súa presión. Non tardaron en achegarse os primeiros balóns dos vermellóns á área de Rubén, primeiro un centro xute de Lumor e despois nunha xogada do xove xaponés Kubo. Accións illadas, mais que deron pé a dous barullos na área celeste, aparentemente inocentes, avaliados polas cámaras do VAR, parando o partido durante varios minutos. O primeiro, que dirimía unha desputa entre Olaza e Dani Rodríguez, saldouse cun saque de banda. O segundo, sen embargo, identificaría nese saque unha pisada de Aidoo a Budimir. Un penalti de VAR transformado polo veterano Salva Sevilla no 33’, que deixou ao Celta grogui durante uns minutos. Con todo, foi capaz de recuperar azos nun xute de Brais e nun biqueirazo de Aspas nos minutos de desconto.

Comezou para o Celta moi ben a segunda sesión. Transcorridos apenas tres minutos, Cucho derrubou a Olaza na área e o árbitro non dubidou sinalar o punto de once metros. Aspas marcou sen deixarse intimidar pola presión teatral de Manuel Reina. O partido regresaba con claridade a tomar cor celeste, mais aínda cando parecía que o terceiro podía chegar decontado. Lobotka puido conseguilo, cando no 55’ recibiu un pase da morte de Aspas. Pione, tamén, cando no 75’ o central Valjent o impediu na propia liña de meta. Semellaba que desta volta a vitoria celeste non podía escaparse, mais aínda cando no 78’ foi expulsado Raíllo, un dos defensas vermellóns máis contundentes.

Mais como xa sucedeu tantas outras veces, o Celta non soubo competir nos minutos finais, onde son tan decisivos os detalles e o control das emocións. E así, case sen querelo, chegou o gol do Mallorca no 83’, no segundo dos seus remates a portaría. Unha xogada nacida tras a enésima falta dos visitantes sobre Rafinha, cando ninguén dos celestes soubo e puido parar a carreira de Lago Junior que centrou desde a esquerda sen moita convicción, bóla que foi desviada moi frouxiño por Olaza en pelexa con Cucho, deixándoa morta perto da frontal da área pequena, ao pés dun Budimir sen marca, para que o croata batese a Rubén cun xute cruzado ao pao esquerdo.

A pesar de semellante desfeita inagardada diante dun equipo en inferioridade, capaz de provocar todo tipo de interrupcións e trapalladas, o Celta intentou nos dez minutos restantes a remontada heroica. Nos cinco de prolongamento, Aspas tivo o partido nun biqueirazo, que parou de forma incrible Reina, e Mina tamén nunha cabezada que quedou alta no derradeiro salaio.

Ao Celta quédalle para chegar a porto con ventura unha díficil e perigosa travesía, para a que precisa de maiores doses de intensidade e control emocional, unha capacidade competitiva que onte, como ao longo doutras xornadas desta liga, moito botamos en falta.

Con Greta Thunberg

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á activista climatica Greta Thunberg:

O pasado mes de marzo comentabamos con admiración a iniciativa de Greta Thunberg, unha rapaza sueca de dezaseis anos, de promover diante do parlamento do seu país a primeira folga escolar mundial polo clima. Dende entón, o movemento estudantil Friday For Future, que deu pé ao do profesorado Teachers For Future, denunciaron dende centros educativos de diversos puntos do planeta o escaso compromiso dos estados co medio ambiente e reclamaron a redución das emisións de carbono establecidas no Acordo de París (2015), dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, para manter o aumento da temperatura mundial por debaixo dos 2 graos e proseguir os esforzos para limitalos a 1,5 graos. Mobilizacións escolares intensificadas este curso ao fío da celebración da «Cumbre del clima 2019», coñecida como COP25, convocada polas Nacións Unidas coa intención de acadar un compromiso para reducir de forma drástica as emisións, canto menos nun 7% anual, evitando así o que sería un punto de non retorno na vida do planeta.

Prevista para celebrarse no Brasil e despois en Chile, o cumio abriuse estes días en Madrid coa intervención do secretario xeral da ONU, António Guterres, que recoñeceu que a escala global as emisións continuaban incrementándose, sendo insuficientes os compromisos unilaterais dalgúns estados. Como sinalou Inger Andersen, directora do Programa Ambiental da ONU, se queremos un planeta libre de emisións de carbono en 2050, obxectivo compartido xa por 67 estados, entre eles España, á luz das novas evidencias científicas, cómpre actuar colectivamente e de forma inmediata, o que obriga a profundas mudanzas. Velaí a cerna dos debates deste COP25 no que se confrontan, dentro e fóra dos salóns de IFEMA, as posicións dos activistas climáticos e membros dos movementos ecoloxistas de todo o planeta coas posicións negacionistas sobre o cambio climático abrazadas polos políticos populistas encabezados por Trump, Bolsonaro e polos partidos da extrema dereita europea. Unha durísima lea política e económica sobre a necesidade de «desinvestir» en combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas) e facelo en «enerxías renovables». Un debate a gran escala sobre como poñer freo á deforestación, a revisar as políticas agrarias, a protexer as augas dos océanos ou a regular a mobilidade e o tratamento dos residuos das grandes áreas urbanas, entre outros temas.

Nesa tremenda confrontación de intereses, á que non son alleas as presións da industria petroleira nin a ruptura do multilateralismo na resolución de conflitos nin o pobre papel actual da ONU, é onde se encadra o ataque inadmisible por parte dalgúns medios a Greta Thunberg, desde a súa chegada a Madrid para participar na «cumbre» climática. Un tratamento sen piedade nin respecto para unha menor de idade con síndrome de Asperger, ao que ademais dos intereses económicos e políticos citados, semella obedecer tamén a ser muller e neurodiversa, dúas condicións moi difíciles de aceptar nun entorno aínda patriarcal no que se privilexia o modelo masculino e neuronormal. Así o denunciou o Comité para a Promoción e o Apoio para as nenas e mulleres autistas (CEPAMA) para quen «Greta Thunberg ten dereito, como todas as persoas do Trastorno do Espectro Autista (TEA), a participar de forma activa nos diferentes ámbitos da vida social sen ter que agochar nin as súas diferenzas nin disimular a súa capacidade». Greta non padece doenza ningunha, mesmo a síndrome de Asperger nin sequera hoxe existe como categoría diagnóstica no DSM-5 (2013). Cadora, como outras persoas do Trastorno de Espectro Autista, con toda a súa variabilidade, Greta amosa capacidades singulares que a fan unha persoa de sensiblidade extrema, concienciada e comprometida coa causa do cambio climático, mesmo a pesar de recibir por isto rexeitamentos e críticas.

O que algúns non entenden de Greta é que ela, como outras persoas neurodiversas, manexa códigos de comunicación diferentes aos da maioría considerada neuronormal. A súa linguaxe é explícita e directa, sen os matices e eufemismos das convencións sociais; como o seu sistema de comunicación non verbal fai que poida ser percibida como unha persoa anoxada, nalgúns momentos distante, noutros fría ou indiferente. Greta é unha rapaza que está actuando de acordo as súas conviccións máis profundas, o que a obriga a intentar moverse polo planeta utilizando transportes sen emisións (o que non sempre é posible nin doado). Xaora, o feito de que Greta sexa TEA non pode ser utilizado para desmerecer o valor do seu activismo sobre o cambio climático nin de amosar unha forma de vida que pretende ser apenas consecuente coas ideas que defende.

Grazas, Greta, por teimar que é posible outro futuro para a túa xeración e para o planeta.