Enrique X. Macías 60

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo aos concertos de homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do sesenta aniversario do seu nacemento:

No serán de onte o grupo Vertixe Sonora, dirixido por Pedro Amaral, interpretou no Auditorio do CGAC de Santiago de Compostela «Itinerario de luz» (1994-95), unha das pezas máis emblemáticas de Enrique X. Macías. Un concerto inserido na programación das Xornadas de Música Contemporánea 2018 que co lema «Música, memoria e emoción» lembraron con diversas actividades o 60 aniversario do nacemento do compositor vigués. Un concerto iniciado con outras dúas pezas de Macías, «Adhuc» (1992-93) e «Cadencias e Interludios / Percurso» (1992), mais no que, inevitablemente lembramos aqueloutro celebrado o 15 de abril de 1995, no mesmo auditorio (sendo entón director do CGAC o pintor Antón Pulido), cando «Itinerario de luz» fora interpretada pola London Sinfonietta dixirida por Mark Foster, nun programa do que ademais formaron parte outras obras de Enrique, «Estrofas» (1993-95) e «Chambre dans l’espace» (1992-93). Concertos ambos os dous inesquecibles dun compositor sobresaínte na música contemporánea galega, española e europea, vinculado sempre ao festival compostelán do que, xunto a Carlos Villanueva (director da Aula Aberta da USC) e Tomás Marco (director do Centro para la Difusión de la Música Contemporánea), foi coorganizador da súa primeira edición de marzo de 1987.

Mercedes Rosón, alma mater ao longo de tres décadas das xornadas compostelanas (un espazo de encontro para varias xeracións de compositores e intérpretes contemporáneos), recuperou no programa desta edición un fragmento moi significativo da derradeira carta que dende Bruxelas lle enviara Macías: «Na espera de beber algo xuntos deixando entrar o sol pola galería do Auditorio de Galicia, onde soño, poesía e vida se mesturan, e signifiquemos xuntos que a creación é un xesto total e totalizador». E abofé que ao longo de dúas intensas décadas de formación autodidacta e traballo compositivo, Enrique X. Macías foi un creador total que utilizando os diversos recursos da creación sonora expresou a palpitación do existir nunha reflexión sempre autoesixente que o levou a renovar unha e outra vez a súa obra, tanto no que se refería a súa temática e preocupación estética como aos propios medios que empregaba, sen menoscabo do seu interese polas posibilidades creativas dos instrumentos tradicionais.

Os que tivemos a fortuna de gozar da amizade de Enrique X. Macías sabiamos que concibía a súa obra como unha tarefa inacabada, un proceso en permanente construción. Actualizaba decote o seu catálogo autoral, e cando escribía unha nova obra, apretado polos prazos e as dificultades de produción das estreas (tarefa da que se ocupaba con paixón), sabía que non estaba aínda rematada. O de Enrique foi un proceso creador permanente, nunca totalmente concluído, que no fresco sinfónico de «Exequias» (1992-94), amosa ese estado de procura, de inquietude, de rebeldía, como foi toda súa vida. Enrique, de aparencia tan fráxil como elegante, posuía esa forza interior, esa coraxe que lle permitía manter a súa ambición creativa contra vento e marea, por riba das incomprensións do seu proprio país, froito en boa medida da mediocridade e do conformismo do tempo que lle tocou vivir. O seu percorrido vital foi a viaxe solitaria dun heterodoxo, dun explorador do coñecemento, mais tamén dun artista profesional responsable do rigor da súa obra e das consecuencias disto para súa propia vida. Macías moveuse pola fe inquebrantable no seu traballo creativo, pola convicción de ser consecuente co logro dunha linguaxe musical persoal, nacida dunha reflexión inédita sobre a arte dos sons, que asumía diante do público todos os riscos.

O 18 de maio Enrique X. Macías tería cumprido sesenta anos. Tras o seu pasamento hai case vinte e tres, en novembro de 1995, a súa figura foise esvaecendo na nosa contorna cultural, apenas como unha nota breve nas escasas historias da música galega e foco de interese dun par de inquedos investigadores musicais. A pesar de iniciativas tan honrosas como a das Xornadas de Compostela deste ano, inauguradas coa interpretación da súa «Sonata» (1986-89) por parte da pianista galega Isabel Pérez Dobarro, e coa edición xa hai unha década de dous cedés e de tres concertos retrospectivos na Coruña, Santiago e Vigo, a figura deste xenio vigués irrepetible corre o risco de ser esquecida en Galicia. Que se volvese a interpretar a súa obra en Vigo, a cidade que tanto amou e que sempre tanto lle doeu, o porto seguro onde radicaban os seus afectos e o seu celme creativo, é de estrita xustiza. Moito máis cando aquí non se interpretou aínda «Clamores y alegrías» (1995), a súa obra póstuma, estreada en 1996 no Festival de Canarias, para a crítica o seu traballo máis acabado. Asume a Concellaría de Cultura ese reto?

Torrecedeira blues

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a problemática do barrio de Torrecedeira:

A rúa Torrecedeira é unha das expresións máis fidedignas do «urbanismo desarrollista» vigués de hai corenta anos. Aprobada a súa apertura pola corporación en 1943, como enlace entre a nova avenida da Coruña e o paseo de Alfonso, tardou en completar até a década de 1970 a súa fasquía actual de espazo urbano de dura construción pechada sen unha saída natural ao centro e escasas dotacións para a súa veciñanza de aluvión. Por ventura, fora iniciada coas excelentes instalacións educativas das escolas de Peritos e Comercio (xerme da Universidade de Vigo) e do Instituto Politécnico (a punto de celebrar o seu 50 aniversario), onde o alumnado podía sentir a euforia do arrecendo a salitre e ferro dos estaleiros e conserveiras instalados ao seu carón, máis tamén admirar os chalés de Peniche, alfaias desaparecidas daquela pretendida cidade xardín, soñada polos arquitectos Jenaro de la Fuente e Manuel Gómez Román. Rúa de Torrecedeira cuxo trazado continuou dende Peniche a Picacho, seguindo en paralelo as liñas das praias de San Sebastián e San Francisco, engulidas pola avenida de Beiramar, dende o baile das Cabañas, instalado á altura da rúa Severo Ochoa, pasando polo Colexio Alemán, até o Barrio do Pescador, primeiras vivendas sociais do barrio, fronte ao Campo do Gas e ao que foi cemiterio de Picacho.

Xaora, chegados os setenta das alcaldías franquistas de Portanet e Ramilo, a rúa Torrecedeira emerxeu de súbito como un dos celmes do novo Vigo popular, desa entusiasta cidade de acollida e de fortuna onde retornou unha parte da nosa emigración europea, novos vigueses e viguesas procedentes de Alemaña, Francia ou Suíza, sen outra memoria anterior que a aldea (probablemente) ourensá da que partiron nos sesenta e a de concibir Vigo como o seu espazo de esperanza onde chantar raíces. Torrecedeira como expresión do Vigo revolcado, que resistiu as reconversións do naval, as crises de Citroën, da conserva e das frotas do Berbés, mais tamén como espazo urbano que gozou das estudantadas do «Destornillo» de Peritos e do pulo que supuxo a creación da Universidade de Vigo, enchendo moitos dos pisos da rúa con centos de estudantes. Torrecedeira como expresión do endemoñado tráfico vigués nunha rúa embude, onde a ausencia endémica de prazas de aparcamento incrementa o tránsito, e que non contou con vitrasa até que hai máis dunha década se abriu a primeira liña circular.

Abandonada a súa sorte, a comezos dos anos noventa o arranxo do Parque Camilo José Cela supuxo a primeira solución urbanística destinada a facilitar a mobilidade dos peóns entre Torrecedeira e Pi e Margall, actuación que xa anticipara Jenaro de la Fuente nun seu proxecto en 1927, bautizado como «Parque de Picacho», que deseñaba unha escalinata pétrea, entre pérgolas e fontes. Unha actuación, inaugurada no derradeiro mandato do alcalde Manuel Soto (1991), nun entorno preelectoral polémico, que ademais pretendeu humanizar por medio dunha intervención paisaxística un espazo urbano xa daquela degradado. Unha solución que co paso do tempo non resultou totalmente satisfactoria na medida en que os seus usos como parque infantil e de lecer interxeracional se foron degradando até ser colonizado por uns poucos veciños, como por desgraza tamén sucedeu no parque de Peritos, como espazo para o trapicheo, para ceibar cans ou para estrondosas celebracións nocturnas. Marxinalización do Camilo José Cela, que tamén se produciu arredor do Barrio do Pescador, á que, sen dúbida, non foron alleas nin a degradación inducida polo abandono do Barrio do Cura e de naves industriais de Jacinto Benavente nin a concentración nese entorno dos servizos públicos para persoas en perigo de exclusión existentes na cidade.

Son comprensibles as protestas destes días da veciñanza e dos comerciantes de Torrecedeira polos problemas de seguridade que sofren, dos que nós tamén fomos vítimas en diversas ocasións, mais que sería improcedente detallar aquí. En todo caso son síntomas que expresan a profunda desigualdade existente na sociedade viguesa actual e a ausencia de políticas sociais e educativas integrais para abordar as causas da exclusión, as dificultades da integración de comunidades diferentes, a difícil loita contra o trapicheo de drogas ou a axuda que se pode achegar ás persoas con adiccións severas. O que sucede cada día na rúa Torrecedeira obriga a todas as administracións, dende o goberno municipal á subdelegación do Goberno e a propia Xunta de Galicia, a non ollar para outro lado e a encaralo como un problema sociocomunitario. A ninguén se lle pode ocultar que  unha problemática tan complexa non se vai solucionar da noite para a mañán incrementando o cadro dos coidadores de barrio e a vixiancia policial, por imprescindibles e urxentes que sexan estas medidas.

Historias de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar o libro Historias de Vigo de Jorge Lamas:

Nestas páxinas témonos laiado do carácter desmemoriado de Vigo, unha cidade que semella ter escasa historia, apenas dous séculos trepidantes nos que aquela viliña de mariñeiros do Berbés se transformou por aluvión na punxente cidade portuaria e industrial que hoxe coñecemos. Porén e por ventura, esta visión simplista da historia viguesa está sendo desmontada grazas ás investigacións dunha nova xeración de arqueólogos e historiadores, como ao traballo dun fato de divulgadores entusiastas, boa parte deles membros do Instituto de Estudios Vigueses, que demostran o carácter milenario dunha comunidade asentada dende hai douscentos mil anos na beira da ría de Vigo ao abrigo do vizoso Val do Fragoso. Unha batalla contra o esquecemento e a desmemoria na que cada vez participa con máis interese a cidadanía, como demostra o éxito das actividades e dalgunhas publicacións deste carácter como os itinerarios históricos polo Vigo Vello do escritor Pedro Feijoo que coma se se tratase do frautista de Hamelin conduciu a centos de persoas, convocadas por Facebook, durante a fin de semana pasada.

Nesta angueira de demostrar que Vigo ten tanta historia como calquera das outras cidades galegas ou portos atlánticos, nesta causa de contribuír a curar a amnesia histórica que padecemos moito teñen contribuído os artigos publicados na prensa viguesa polos cronistas da cidade Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez, Xosé María Álvarez Blázquez, Lalo Vázquez Gil ou polo actual Ceferino de Blas; mais tamén por xornalistas comprometidos coa memoria de Vigo como Manuel de la Fuente, Gerardo González Martín, Xosé Armesto Faginas, Javier Mosquera, Francisco Pablos, Eduardo Rolland ou Jorge Lamas, ou por escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, arquitectos como Xaime Garrido e José Martín Curty, profesores como Pedro Díaz ou Xosé Ramón Iglesias Veiga ou escritoras como María Xosé Queizán, entre outras firmas. Textos xornalísticos que semana e semana foron construíndo un novo relato cuxo argumento ten como fío condutor o carácter cosmopolita dunha cidade con fondas raíces na época castrexa e civilización romana, porto atlántico onde se libraron algunhas das batallas máis decisivas para a historia europea, ao tempo que se foi convertendo no motor de tracción necesario do proxecto de convivencia galego.

Con semellante intención, o xornalista vigués Jorge Lamas, responsable da sección «Eran otros tiempos» da edición viguesa de «La Voz de Galicia» e do blog «Del Berbés hacia arriba», acaba de publicar o libro «Historias de Vigo» (Xerais 2018), volume de 376 páxinas con vontade de converterse nese manual de viguesidade tan necesario para dar resposta ás preguntas máis habituais sobre unha cidade con moita historia, mais con moitas historias aínda descoñecidas. Un libro escrito con vontade de estilo e afán didáctico e divulgativo que con moito acerto comeza aclarando as razóns da escolla de símbolos e referentes do imaxinario vigués, dende a propia denominación da cidade e da icona da súa oliveira (expresión histórica do seu carácter liberal, tamén rebelde), pasando polos triángulos brancos e vermellos da súa bandeira, dalgúns dos seus alcuños literarios («Oliveira» ou «Xouba city»), até a súa patroa ou o nome e o vestiario celeste do noso primeiro club de fútbol. Unha obra con vontade enciclopédica que non esquece botar unha ollada de grande angular sobre o territorio vigués que bautiza como «cidade dos nove outeiros» (ao xeito dos sete cotarelos romanos) estendida sobre 24 parroquias nunha ría que conta cunha liña de navegación de 33 km, mais que retrocede de forma inexorable recheada dende hai máis dun século.

Un libro que non esquece retratar a personaxes e colectivos destacados na historia viguesa, dende os poetas Martín Códax e Vesteiro Torres até aquelas folguistas das empacadoras do Berbés (1919) e da conserva do Areal (1931), pioneiras dunha proeza onde aparecen aínda poucos nomes de muller que, sen dúbida, deben ser incorporadas ao relato colectivo. No entanto, a cerna da magnífica obra de Lamas atopámola nas historias de Vigo, unha escolla dos episodios máis significativos de cada período histórico, como a dos carteiros alemáns e ingleses, fotografados por Pacheco no seu estudio de Príncipe, días antes que se enfrontasen na primeira guerra mundial. Textos breves, moi coidados, ordenados de forma diacrónica, que enfían o relato dunha completa historia de Vigo, onde o autor bota man dos recursos dos diversos xéneros xornalísticos, como a entrevista e a crónica, coa intención de engaiolar ao lectorado. «Historias de Vigo» demostra que non existe historia local, cando falamos da historia de Vigo falamos da historia universal. Un libro dos imprescindibles, moi recomendable.

Días de Basilea

O artigo da semana en Faro de Vigo é a crónica da viaxe a Basilea da pasada semana:

Hai pouco fun convidado pola federación de sociedades culturais galegas de Suíza a ditar dúas conferencias sobre a escritora María Victoria Moreno nos centros de Basilea e Zug. Foron dous días intensos, emocionantes e inesquecibles en Basilea, encrucillada histórica de tres estados (Suíza, Francia e Alemaña) e sede da importante industria química e farmacéutica suíza, que contribuíron a coñecer a realidade da comunidade emigrante e o activismo cultural destas sociedades nas que a galeguidade é unha actitude vital, unha forma de instalarse no mundo irrenunciable para os seus membros.

Tras aterrar no «euroaeroporto» de Basilea-Mulhouse-Friburgo, vía Porto, axiña chamou a miña atención o magnífico funcionamento do transporte público, na súa maior parte a cargo de modernos tranvías metropolitanos. Como quedei aínda máis sorprendido cando na recepción do hotel me indicaron que en Basilea todos os visitantes tiñamos dereito a un bono de transporte gratuíto, que tamén permitía acceso libre aos puntos da rede wifi municipal e facilitaba descontos do 50 % nos museos. Medidas acolledoras para os turistas nunha cidade na que os vehículos privados teñen restrinxida a circulación nalgunhas rúas do centro e son moi interesantes os seus museos –como o existente sobre o papel e a imprenta nunha cidade de gran tradición editorial, onde no século XVI se publicaron os libros da doutrina de  Calvino e a anatomía de Vesalius– e os centros de arte contemporánea, como a Fundación Beyeler, onde visitamos a exposición na que dialogaban en cada unha das salas obras de Alberto Giacometti e Francis Bacon, dous dos xenios da arte europea de fin do século XX.

Xaora, o que será dificilmente esquecible destes días de Basilea foi ter a inmensa fortuna de amizar cos nosos anfitrións, os responsables da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea e do Centro Galego A Nosa Terra de Zug. Persoas de xenerosidade desbordada como Ramón Carreira, orixinario de Carballo, tipógrafo cultísimo, xa pensionado, presidente da federación e da sociedade de Basilea, dende hai décadas auténtico motor e cerebro da comunidade galega neste cantón suízo. Como extraordinaria tamén é a profesora Preciosa Martínez, nacida no ourensán concello de Arnoia, presentadora concienciuda da nosa conferencia e cicerone de privilexio polas rúas da vella Basilea seguindo os pasos de Erasmo de Róterdam, cuxos restos repousan na vella catedral, á beira do Rin. Como tampouco podemos esquecer as atencións recibidas na viaxe que fixemos a Zug, cidade de vinte e tres mil habitantes, apenas a media hora en coche de Zürich, tanto por parte do seu vicepresidente Francisco Nogueiras Marra, natural de Xinzo de Limia, como do seu secretario Carlos Rey, veciño da parroquia de Cela de Bueu, con quen visitamos o seu fermoso lago cos cumes dos Alpes ao fondo. Catro persoas marabillosas ás que debemos engadir o case un cento das participantes nas conferencias organizadas en ambas as dúas sociedades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, seguidas cun interese e cunha curiosidade que me deixou emocionado.

Estes días de Basilea agasalláronme coa amizade de todas estas persoas que levan, na súa maior parte, traballando en Suíza case catro décadas, todas comprometidas en manter o fío de ouro da nosa lingua e da nosa identidade nas súas familias. Persoas de diversas procedencias xeográficas e actividades profesionais, porén, unidas polo seu compromiso co país noso, mantendo sempre o lume do facho da súa comunidade de orixe. Sociedades que organizan pola súa conta e risco un programa anual de festas, concertos, conferencias e xantares de irmandade e manteñen grupos folclóricos e agrupacións deportivas. Centros que tamén son espazos de encontro e apoio interxeracional, con presenza activa da mocidade, onde non faltan nunca, aínda que sexa de forma testemuñal, unha biblioteca galega e os nosos mellores produtos culinarios.

Estes días de entusiasmo galeguista en Basilea, onde non escoitamos falar noutras linguas que non foran galego, alemán e francés, axudáronos a entender a importancia da Galicia exterior, esa que só semella existir nos telexornais cando se reconta os seus votos. Unha Galicia tan punxente como descoñecida, cuxas inquedanzas e problemas, como as súas actividades e iniciativas culturais e políticas, non forman parte da axenda pública utilizada na Galicia interior. Unha Galicia da diápora emigrante, como a que coñecemos nas sociedades galegas de Basilea e Zug, que debería contar con outro mellor amparo por parte das administracións públicas, tanto da Xunta de Galicia como do Gobierno de España, na medida que as súas actividades de promoción cultural e de apoio sociocomunitario expresan a vontade de sermos xente, país e lingua.

Un futuro para o Barrio do Cura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar un futuro para o Barrio do Cura:

Paso case todos os días por diante da casa onde nacín, no número 39 da rúa Pi e Margall, un edificio de baixo, un andar e bufarda, onde viviamos de alugueiro tres familias numerosas gozando dun patio co seu pombeiro onde enraizou un xasmín. A casa centenaria, moi característica das construídas na primeira estrada de Baiona, na proximidade do cemiterio de Picacho, aquel que con moita retranca gabara Valentín Lamas Carvajal por contar «con porta cara o mar», hai quince anos foi derrubada, reconstruída con catro andares e conservada só a fachada orixinal. E cada día non podo evitar que o aroma da memoria, ese almacén poderoso e inconsciente que nos acompaña, active a lembranza do pulo daquel barrio de xente humilde que viviamos a carón do Paseo de Alfonso e da fonte da Falperra, amparados pola torre da Panificadora e a maruxía do Berbés, a dous pasos do Vigo Vello. Un barrio hoxe arruinado, desaparecido, degradado, irrecoñecible para os que fomos os seus veciños e veciñas durante décadas.

Apenas quedan rastros nas poucas fachadas conservadas dun barrio con moita vida do noso señor. Contaba con dous fornos, o mítico do «Barrio do Cura» (conservado agora como marca da mellor tradición panadeira viguesa) e o da Oliva, a carón da igrexa evanxelista, e unha confeitaría e dozaría clásica, a de Ramos, aínda aberta. Unha veciñanza que se subministraba en catro tendas de ultramariños con libreta: a de Ramón, a de Julia, «La aldea» e a de Adelina, a única que continúa hoxe, ademais da carnicería de Concha, protagonista dun acontecemento tan tráxico como inesquecible. Un barrio que tiña varias tabernas de toda a vida, apenas liñas na memoria: «La Cosechera», «El Barajero», «Bar Madrid» e a coñecida de Armando, na calexa das Angustias (aínda por fortuna conservada), sempre a rebentar polo seu condado e polos callos. Un barrio que mantiña a drogaría de don Cayetano, o obradoiro do zapateiro, a ferraxaría industrial dos Sanmartín, a fontanería, a moblaría, a farmacia, mais tamén contaba coa funeraria de Fábregas (que metía moito medo), cunha imprenta, cunha xastrería, coa tenda de Televisores Iglesias, coa libraría Almoneda dos Álvarez Blázquez, o que sería a sede de Edicións Castrelos, con varios salóns de peiteado e barbarías, e co Estanco (quiosco tamén) de Maruja, ao pé da calexa do Barrio do Cura, tan decisivo na nosa formación como lectores, onde tamén se collían puntos para as medias e se cambiaban as novelas de Marcial Lafuente Estefanía e Corín Tellado.

O noso barrio mudara moito coa urbanización a comezos dos setenta do chalé dos Redentoristas, que daba ao Campo do Gas, tamén construído cando se abriu Torrecedeira. Probablemente nese momento foi cando comezou o devalo daquela edificación aberta centenaria, e a mudanza da súa veciñanza, sendo substituída pola pechada actual, que a converteu nunha rúa escura sen o encanto doutrora. Proceso agravado hai unha década cando comezou o traslado do asilo ás instalacións de Alcabre e a compra dalgunhas «casas afectadas» na rúa Llorente pola actuación anunciada por Karpin no Barrio do Cura. Dende entón o barrio, coa ocupación dos edificios do asilo por persoas sen casa que alí procuraron acubillo, como por transeúntes ocasionais (nun claro efecto chamada) ou persoas con adicións e dificultades, comezou a degradarse de forma imparable, ao que non foi alleo que sucedese outro tanto na rúa Falperra, ao fío da actuación prevista sine die na Panificadora. Espazos arruinados ambos os dous que, ao pé do anovado Vigo Vello, se converteron no rostro agochado da exclusión e da marxinación existente na cidade; mais tamén noutra mostra do fracaso de proxectos urbanísticos até agora inviables fose polo elevado investimento público que requirían, polas dificultades financeiras dos seus propietarios, pola complexidade da súa figura urbanística, tras a anulación do Plan Xeral, ou do seu proxecto arquitectónico.

Unha degradación a do Barrio do Cura e da Falperra á que urxe poñer remedio. Máis aínda cando esta é unha actuación indispensable para poder ampliar a superficie do miradoiro do Paseo de Alfonso, así como de establecer unha saída de Torrecedeira ao Casco Vello a través da rúa Poboadores. Unha solución que pasaría tanto polo desbloqueo do proxecto deseñado por Alfonso Penela, valorado en cen millóns de euros, o que non semella doado pola dificultade de contar cun novo Plan Xeral de forma inmediata, como por acometer por parte as administracións competentes actuacións integrais no eido das políticas sociais, de vivenda e de seguridade cidadá que atendan ás necesidades das persoas alí instaladas, como levan demandando diversos colectivos cidadáns de apoio. O futuro do Barrio do Cura pasa por non pechar os ollos a esta ruína actual que tanto nos doe.

Campo do Fragoso CCXIII

POUCO QUE CELEBRAR

Cunha vitoria merecida diante do Levante rematou unha tempada na que o Celta de Juan Carlos Unzué ofreceu a súa afección poucos motivos para celebrar.  Os catro goles de Iago Aspas e Maxi Gómez, a extraordinaria parella de goleiros nosos, autores de corenta dos cincuenta e nove tantos celestes desta liga, aliviaron unha decepcionante xeira de resultados na decisiva cuarta fase da competición, na que o Celta apenas obtivo once dos trinta puntos en xogo, o que o descartou xa hai varias xornadas da loita polas posicións europeas e ao mesmo tempo asegurou a súa continuidade na división dos mellores.

Sei que non foi nin a clasificación da metade da táboa para abaixo, nin a imposibilidade de acadar os cincuenta puntos nin sequera o triste papel dos nosos lonxe do estadio de Balaídos (a última vitoria foi hai catro meses en Donostia) a causa da suave melancolía padecida polo celtismo este campionato. A cerna da desconexión emotiva da afección co Celta de Unzué estivo, a pesar dalgúns encontros excelentes na casa, como o empate diante do Barcelona, na raquítica identidade do seu xogo, o mellor palmarés que o equipo de Berizzo ofreceu ao celtismo durante tres tempadas. A pesar de obter catro puntos máis (49) e marcar seis goles máis (59) e encaixar nove goles menos (60), sen dúbida mellores cifras que na tempada anterior con Berizzo, o cadro de Unzué non será lembrado nin pola excelencia nin pola versatilidade do seu xogo, o que en Balaídos se paga moi caro, a prezo de rianxeira. Unha escolla esixente do celtismo que o adestrador navarro con seguridade non esquecerá.

Por ventura, coincidíu o peche do campionato co regreso á lameira de Iago Aspas, que aspiraba a levar para a ría o seu segundo Zarra, como mellor goleiro español. E abofé que o merlín de Moaña o conseguiu onte con outro recital marabilloso, que o consolida como dianteiro indiscutible na lista de Lopetegui para Rusia, e como unha lenda na historia do Celta. Tras o precioso gol de Rochina, aos 11’, un xute dende a frontal, inalcanzable para Sergio, precedido dunha elegante reviravolta, coa que se adiantaban os granotas, Aspas conduciu a un Celta que con Jozabeb e Wass nas bandas adquiriu unha profundidade descoñecida. Así chegou o primeiro gol de Maxi, no 28’, nunha xogada iniciada por Lobotka, que Wass, moi activo no xornada da súa previsible despedida, abriu sobre Iago quen se internou na área, caneou a dous defensas, gañou a liña de fondo e dende alí asistíu ao ariete noso para que este empurrase sobre a rede aproveitando a diletancia do porteiro visitante.

O gol do charrúa funcionou como acicate e o Celta conducido por un Iago pletórico despregou até o descanso os seus mellores minutos. No 33´ mereceu marcar cun xute en carreira de Jozabed, tras recibir outra asistencia de ouro que Aspas lle serviu na banda dereita. Xogada que o astro do Morrazo repetiría un minuto despois dende a frontal, finalizada nesta ocasión por un xutazo de Wass ao longueiro. Gol que chegou, por fin, no 40’, cando o noso pichichi marcou dende a área pequena tras dúas paredes pola banda esquerda que trazou cun Jozabed animadísimo, nun dos seus mellores partidos.

Co inicio do segundo acto o Celta pretendeu liquidar o partido cunha gran xogada de Maxi Gómez, que tras roubar a bóla ao defensor centrou de forma moi certeira para que Iago acadase a pracer o seu gol vixésimo terceiro no campionato, unha cifra para a historia. Caroliño que deu azos aos celestes que procuraban en cada chegada atopar a Aspas para que este culminase unha nova tripleta. No entanto sería Maxi quen obtería o cuarto no 62’, tras unha soberbia cabezada cruzada e cara abaixo, aproveitando un saque de recanto de Wass. O xove ariete charrúa pechaba así unha primeira tempada extraordinaria, demostrando que cos seus dez goles de cabeza é, respectando os logros do seu compatriota Stuani, o mellor goleiro de toda a liga nesta modalidade.

Tras a substitución de Aspas e Jonny, o Levante tirou de orgullo coa intención de maquillar un resultado que podería ser aínda máis avultado. Esa afouteza levantinista e unha certa apatía defensiva celeste facilitou o gol de Morales no 73’ co se pechaba o catro dous na táboa. O partido esvaraba no conformismo e unha tempada escasamente emotiva, sen grandes desgustos e contadas ledicias, finalizaba no municipal do Fragoso. Pouco que celebrar para un Celta que dende inicio de liga semellaba aspirar a máis intensas emocións. Cun novo cadro técnico e unha previsible importante remuda do cadro de xogadores, agardemos recuperar o palmarés do mellor xogo a vindeira tempada. Esa sempre foi a ilusión inquebrantable do celtismo.

María Victoria Moreno e a lingua galega

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a María Victoria Moreno:

O 17 de maio homenaxeamos a María Victoria Moreno, cidadá galega á que moito lle amolaba ser considerada como «unha autora estremeña (Valencia de Alcántara, 1939), que escribía en galego». E abofé que a catedrática pontevedresa tiña razóns para salientar a súa galeguidade de cidadanía, xa que non debería ser considerada estremeña como tal, xa que filla de nai andaluza e pai castelán naceu na localidade cacereña por puro azar, estudou Primaria en Segovia, Bacharelato en Barcelona e Románicas na Universidade de Madrid, trasladándose despois a Galicia onde traballou como profesora de linguas durante catro décadas. Como  tampouco pode ser clasificada de forma ningunha como escritora alófona galega, como si o foron o xenial Federico García Lorca dos «Seis poemas galegos» (1935), e o catalán Carles Riba, autor de 205 versos en galego distribuídos en dous poemarios «Cantares d’ amor» e «Cantares d’ amigo», publicados en 1911.

María Victoria Moreno foi cidadá e escritora galega por elección consciente e persistente, idéntica escolla a que fixo a escritora e académica Marilar Aleixandre, que converteu  a ambas as dúas escritoras e fundadoras da nosa literatura infantil e xuvenil en referentes dun impagable galeguismo de adscrición e tradición republicana. María Victoria Moreno confesou que a súa relación con Galicia e a súa opción pola súa lingua foi «simplemente unha historia de amor». Demóstrano Xavier Senín e Isabel Soto na biografía «María Victoria Moreno. Sementadora de futuro» (Xerais 2018), cando lembran a mañá bretemosa de agosto de 1963 na que chegou a estación de Redondela para despois descubrir en Pontevedra, unha cidade que lle pareceu fermosa, onde alugou un ático orientado ao solpor, todo o que podía desexar: «xentes acolledoras, paisaxes marabillosas, un clima feito a medida do meu carácter e tantas cousas máis…»

Como relatan os seus biógrafos que en 1965, despois de aprobar a oposición de Profesora Agregada de Lingua e Literatura Española, María Victoria escribiu no Instituto Masculino de Lugo durante dous cursos unha páxina indeleble na súa vida na que Galicia aniñou no seu corazón: «Foi en Lugo onde Galicia se revelou ante os meus ollos, enteira, no seu ser, na súa cultura, no seu feitizo, na súa problemática e na súa lingua». Revelación na que tivo tamén que ver a amizade que trabou con Xesús Alonso Montero, daquela o catedrático do seu departamento, e que a levaría a sumarse dende entón á defensa da lingua galega e á loita pola súa dignidade.

Compromiso adquirido coa lingua galega, que asume como propia, ao que tampouco foi alleo o seu amor vocacional polo ensino que dende 1967 desenvolveu no Instituto Feminino de Pontevedra como profesora de Lingua e Literatura Española. María Victoria contaxiou alí a rapazas de quince e dezaseis anos tanto a súa paixón pola lectura literaria como o interese pola realidade lingüística e cultural de Galicia. Confésao a profesora Moncha Fuentes, unha das súas alumnas: «Unha María Vitoria Moreno, xove, entusiasta, e recén chegadiña de Lugo ensinábanos a amar a nosa lingua –que tamén fixo súa– e a ler a Rosalía, a Valle e a Miguel Hernández».

Compromiso que a partir da década de 1970 levaría a María Victoria Moreno a participar no mundo cultural de noso impartindo algúns dos primeiros cursos de galego, ditando conferencias, participando na aventura da libraría Xuntanza de Pontevedra (1973-1976), editando a antoloxía «Os novísimos da poesía galega» (1973), publicando artigos en defensa do idioma como «No dejéis que muera vuestra lengua» («Diario de Pontevedra», 1973) e comezando a súa traxectoria como unha das creadoras da literatura infantil en galego coa publicación de «Mar adiante. Historias de nenos pra nenos» (Edicions do Castro, 1973).

No difícil período tardofranquista María Victoria afondou no compromiso co proxecto de defensa social do galego e coa causa quixotesca de alfabetizar aos galegos na súa lingua propia. Entre 1971 e 1975 esta profesora extragalega impartiu de maneira gratuíta cursos de galego en diversas sociedades culturais, como Amigos da Cultura de Pontevedra ou Ateneo de Ourense, o que lle supuxo en 1973 a apertura dunha ficha policial, a retirada do pasaporte, un rexistro domiciliario, ademais de sentirse calumniada, difamada e rexeitada por parte da sociedade franquista pontevedresa.

Compromiso coa lingua galega que na década de 1980, xa no período autonómico, mudaría (por ventura) de carácter, impartindo cursos de galego dirixidos a docentes, participando na elaboración de libros de texto da editorial Galaxia dedicados á literatura galega no ensino medio e desenvolvendo unha obra pioneira e referencial no eido da literatura infantil e xuvenil.

Eis a traxectoria dunha escritora galega cento por cento.

Treixadura. «Inda canto!»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Treixadura, ao fío da publicación de Inda canto!, o seu sétimo disco:

No país dos mil viños que é Galicia, a treixadura é a variedade branca raíña do viñedo do Ribeiro, aínda que tamén está presente nos brancos das denominacións Rías Baixas (Condado) e Monterrei. Presentada en acios grandes e moi pechos, de bagos alongados, duros e moi doces, a treixadura é unha variedade autóctona de Galicia e do norte de Portugal que adoita mesturarse con outras castes como albariño, loureira, caíño branco, godello, entre outras. As notas de cata dos viños con treixadura subliñan decote o seu carácter aromático e o seu sabor ácido e agradable, sendo en nariz froiteiros e florais e en boca de acidez equilibrada, «resultando frescos, untuosos e sabedeiros».

Quizais para salientar este carácter autóctono e a súa capacidade para recrearse mesturada con outras variedades de noso, Treixadura foi tamén o nome que escolleron en xullo de 1990 en Redondela, catro gaiteiros (Antón e Xan López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez) para comezar unha andaina musical arredor da gaita e do canto como alicerces da identidade da música tradicional. Proxecto ao que sumou decontado Ramón Vázquez «O Chirlo» perfilándose dende entón Treixadura como un quinteto de gaiteiros de estilo propio no que se fundían voces, gaitas e percusións coa intención de manter vivas as melodías coas que os nosos cuartetos animaron sempre festas e romarías. Transcorridas case tres décadas e publicados sete discos, a formación do quinteto sufriu diversas mudanzas coa incorporación en 1995 de Paulo Nogueira, que substituí na gaita a Xabier Martínez, en 1998 do acordeonista César Longa, coincidindo co abandono de Ramón Vázquez para dedicarse profesionalmente á construción de gaitas e instrumentos de percusión galega, e coa entrada de Magoia Bodega en 2008, ocupándose de gaitas e bombo, tras o abandono de Xan López.

Dende aquel primeiro concerto do 30 de xullo de 1992, tamén no vello muíño de Redondela, ao pé do río Alvedosa, como do primeiro disco «Obrigado» (1995) e da tetraloxía posterior iniciada con «Unha noite no muíño» (1999), Treixadura, que asumiu con fachenda a enxebreza do traxe tradicional, soubo reinventarse en cada un dos seus concertos compartindo co público «o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo» nun repertorio no que popularizaron tonadas e coplas tradicionais. Espírito de recuperación do canto colectivo que levou, a partir do terceiro disco, «Unha noite non é nada» (2001), a xermolar o proxecto do Orfeón Treixadura, agrupación de dez voces masculinas, creada en 2003, que recrea o son dos antigos orfeóns que a comezos do século XX e co espírito das Irmandades da Fala interpretaban música galega. Idea de recuperación da música popular cantada que deu orixe a terceira entrega da copla popular co disco «Unha semaniña enteira» (2006) na que o Orfeón Treixadura participou xa de cheo, encadrándose definitivamente no grupo en 2011, coincidindo co disco que puxo cabo ao proxecto de tan singular tetraloxía, «Esa si que é muiñada», que presentarán nunha xira memorable de concertos cos coros Cantigas e Agarimos e Coral de Ruada.

Tras as colaboracións con Rodrigo Romaní no disco «Albaida» (2000) e con Kepa Junquera en «Galiza» (2013), así como tras a publicación de «Vendima tarda», un disco co que Treixadura resumiu a súa traxectoria de vinte e cinco anos, aparece estes días «Inda canto!», outro disco marabilla dunha ducia de pezas nas que se exalta o latexo do popular coma orixe da nosa tribo. Un disco extraordinario, con indubidable vontade de clásico, expresión da madurez musical dunha agrupación virtuosa transformada xa na voz dun pobo que fachendoso expresa a súa vontade de ser e continuar sendo. Cancións anovadas nas que se recupera o texto tradicional como en «Inda canto», que dá título o disco, «Pasodobre do gaiteiro» ou «Do corazón, un cariño», na que se recuperan até tres melodías tradicionais tomadas do Arquivo de Casto Sampedro. Temas recuperados como a «Muiñeira de Baiona», emocionantísima peza do repertorio dos Morenos de Lavadores, onde se aprecian todos os matices da gaita ao estilo Rías Baixas, «Maruxa», unha melodía saudosa na que a gaita e o acordeón choran de forma sublime, ou  «O carro», a canción de Mero sobre texto de Manuel María, hoxe un himno co se identifican e reconfortan varias xeracións.

Treixadura é a mellor expresión da alma do pobo galego que mentres canta fachendoso a súa foliada marmuradora, rescatada do seu esquezo e anovada con orgullo, non chora nin fala mal de ninguén. Treixadura é un xeito de facer e entender unha tradición popular anovada de xeito que continúe viva e non se esgace a cadea de xeración a xeración. A miña máis fonda admiración e gratitude polo seu afán. Gozen de «Inda canto!» e de toda a discografía desta agrupación imprescindible.

Campo do Fragoso CCXII

DERBI SEN ALMA

Despois de temporadiña tan ruín para o fútbol galego como esta pouco se podía agardar dun derbi no que o Deportivo chegaba descendido e o Celta eivado, con Aspas lesionado no palco e co adestrador desmotivado, cando sabe que non será renovado un segundo ano. E foi o de onte un derbi sen alma, onde o empate conseguido polos visitantes no comezo do tempo de desconto fixo xustiza ao sucedido ao longo de noventa minutos onde a pobreza (mellor sería dicir “a ausencia”) do xogo de ambos os dous equipos non os fixo merecentes da vitoria. Un derbi con pouco xogo e patadas de máis na lameira, pero con autocompracencia abonda nas bancadas de Balaídos, onde o escarnio da desgraza allea non puido ocultar o fracaso dunha tempada decepcionante na que os celestes non acadaron os obxectivos. En definitiva, foi o de onte un derbi descafeinado e triste cuxo resultado non terá outra transcendencia que engordar a serie estatística que dende 1928 ven conformando a historia do que bautizamos con orgullo de sentimento galego como «o noso derbi».

Comezou o Celta con vento nas velas, xa que no minuto 12’ Maxi Gómez marcou un gol de cocorote e de costas á portaría, outra auténtica xenialidade goleira do charrúa que coa colaboración do porteiro deportivista aproveitou un centro de Pione dende a esquerda, tras unha xogada iniciada por unha excelente recuperación de Hugo Mallo na banda contraria. Tras o gol, durante apenas vinte minutos, o Celta moi ben dirixido por Lobotka movía con rapidez a bóla polas bandas, sobre todo pola de Hugo Mallo, o máis motivado dos nosos, procurando que os centros diagonais atopasen a testa máxica do noso ariete uruguaio. No 28’ Maxi encarou a Rubén, mais desta volta o porteiro coruñés soubo aguantar e desfixo o que xa viamos como dous a cero. E con esa clara oportunidade acabou o mellor do xogo celeste nun partido que dende entón esvarou nos territorios da rotina e do aborrecemento centrocampista, que algunha parte da bancada tratou de evitar facendo unha onda de escarnio aos visitantes, a todas luces tan desafortunada como fóra de lugar.

Xaora, os de Seedorf, que só se xogaban o orgullo de non saír derrotados do municipal do Fragoso, deron noticias de moito perigo no minuto 36’, cun xute importante de Guillerme dende a frontal, que desviou cunha boa estirada Sergio. Acción que pouco antes do descanso movilizou os azos e esperanzas dos centos de sofridos seareiros deportivista desprazados que moito protestaron unhas supostas mans de Cabral na área viguesa. Co segundo acto, o partido gañou en brusquidade, patadas e algún que outro cobadazo, que provocaron continuas faltas, interrupcións e teatralizacións esaxeradas por ambas as dúas partes. Porén, o fútbol (ou algo que semellase a ese xogo de pelota) non aparecía por ningures, coa excepción dun gol (ben) anulado a Wass por fóra de xogo, tras outra xogada estelar de Pione Sisto, onte, por fin, o mellor dos celestes.

No entanto, cando o partido parecía gañado para o Celta, Unzué errou de forma garrafal nos trocos, retirando da lameira a Brais Méndez e mantendo, pola contra, a Jozabed que apenas chegaba a cada unha das pelotas. Seedorf percibiu que os vigueses aspiraban só a conservar o resultado e nos dez minutos finais ordenou atacar de forma heroica con todos os seus efectivos. E aí os de Unzúe recuaron de moi mala maneira. No primeiro asedio do minuto 80’ o Deportivo xa puido marcar, o que faría con contundencia Lucas Pérez dez minutos despois, cando Cabral non foi quen de suxeitar a Borges, que serviu para que a figuriña deportivista xutase a pracer ao primeiro pao. Un gol recibido polos coruñeses como auga de maio, que aliviaba algunhas dores e que evidenciaba, ademais, a pésima xestión do resultado feita por Unzué, incapaz de entender a importancia anímica que un partido como este ten para os seareiros celtistas.

Con semellante decepción, os celestes foron despedidos de forma moi fría polos seus propios seareiros, o que demostra que un dos peores efectos da triste tempada de Unzué foi afondar na desconexión do equipo coa bancada, que celebrou cada un dos resultados con moita austeridade. Unha doenza de anemia emocional agravada por este derbi que con seguridade nin pasará a historia nin lembraremos como o anterior celebrado en Balaídos onde o Celta de Eduardo Berizzo marcou catro goles de Aspas, Mallo e Orellana e desenvolveu un xogo electrizante. Agardemos polo ben do fútbol galego que aquel espectáculo extraordinario, lembrado hoxe con saudades, se repita en primeira canto antes. Celtistas e deportivistas merecémolo.

Redeiros da Gran Vía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica arredor da modificación do bulevar e do arborado da Gran Via de Vigo:

Inaugurada por Franco o 24 de agosto de 1945, sendo alcalde Luis Suárez-Llanos Menacho, a Gran Vía foi a arteria principal de circunvalación do Vigo do século XX. Proxectada en 1910 no Plan de Ordenación Urbana do enxeñeiro Ramiro Pascual, que prevía o ensanche do barrio de Casabranca e a chegada da cidade a Travesas, o primeiro treito, o ascendente, entre a rúa Lepanto e a Praza de España, comezou a executarse en 1939, e o segundo, o descendente, dende o Couto até a praza de América, entre as veigas e campos do barrio do Regueiro, en 1942. Transcorridas sete décadas, esta rúa formidable de trinta metros de ancho, disposta en dúas calzadas laterais para a circulación de vehículos e un bulevar central arborado para o paseo e o lecer dos peóns, serviu para artellar o crecemento urbano de ambas as dúas abas do Castro (non sempre con resultado afortunado). Xaora, a nivel simbólico, a Gran Vía constituíu, até a apertura nos anos setenta da súa continuación até acadar a praia de Samil, o que é hoxe a avenida Castelao, o único exemplo existente en Vigo de vías bulevar, ou vías parque para a cidadanía, ao xeito das existentes en Cataluña coas súas ramblas ou noutras cidades europeas tan emblemáticas como París e San Petersburgo.

Neste contexto histórico, é difícil entender cales son as razóns obxectivas polas que o concello de Vigo pretende modificar, ao fío das actuacións previstas no proxecto de Vigo vertical, o aspecto dunha rúa tan emblemática como a Gran Vía, na que ademais, se atopan construcións pétreas protexidas, como o edificio Albo do número 2, unha das alfaias da nosa arquitectura racionalista debida a Francisco Castro Represas, ou a construída nos números 4 e 6 polo arquitecto Antonio Cominges. Como tampouco é comprensible que a instalación de ramplas mecánicas, que faciliten o ascenso até a praza de España a persoas con mobilidade reducida, o que non xustificaría o alcance da actuación, supoña a desaparición do bulevar arborado de laranxeiras e camelios, tal como foi concibido, substituído por outro acristalado e axardinado apenas con macetas de especies de baixo porte. Como tampouco parece xustificado trasladar do bulevar o Monumento ao traballo, os famosos redeiros ou forzudos, un dos espazos da cidade máis fotografados polos visitantes e queridos polos vigueses, concibidos expresamente polo escultor Ramón Conde para o arrinque da costa e moito menos que sexan substituídos no cruzamento da rúa Nicaragua por unha Peixesebe, vendida xa como se do Puppy de Jeff Koons se tratase, continuando a tan desafortunada liña rechamangueira da dinosebe da Porta do Sol e doutras actuacións polémicas que xa non veñen nin ao caso citar.

Outro tanto podemos expresar sobre as noticias preocupantes da posible actuación da motoserra  sobre as vellas castiñeiras de indias e os tilos das beirarrúas laterais da Gran Vía, frondosas resistentes nunha das zonas máis contaminadas da cidade, ameazadas dunha tala, xustificada neste caso polos técnicos do proxecto pola súa mala saúde provocada por podas erradas e pola súa proximidade a algúns edificios, que se anuncian serán substituídas pola plantación de «árbores singulares» e pola presenza de «vexetación colgante» nalgunha das zonas do bulevar acristalado. Razóns nas que xa chove sobre mollado nunha cidade onde as bautizadas como humanizacións supuxeron case sempre a desaparición das raíces das árbores e a súa substitución por maceteiros decorativos, o que dificilmente podería ser considerar nalgún outro lugar como unha política medioambiental sostible. Como tampouco parece que o sexa o elevado custe enerxético que suporán o funcionamento das ramplas mecánicas, unha actuación do Vigo vertical de utilidade moi diferente a dos elevadores da rúa Segunda República ou dos elevadores previstos no parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi e Margall.

O feito de que o goberno municipal conte cunha folgada maioría absoluta non debería ser óbice para que en actuacións tan emblemáticas e custosas (máis de oito millóns de euros) como a prevista na Gran Vía se procurase acadar o maior consenso dentro da corporación como a participación da veciñanza e dos comerciantes da zona. Mudar de forma irreversible o aspecto dun espazo urbano, como se pretende despois de setenta anos coa Gran Vía viguesa, debe estar moi xustificado, tanto dende o punto de vista técnico xurídico –sexa polo seu impacto sobre o patrimonio, a mobilidade, a seguridade como sobre o propio medio ambiente– como inserido nun proxecto da cidade futura que cada xeración pretende ceder ás posteriores. Cremos que aínda hai tempo para que a alcaldía reconsidere con xenerosidade este proxecto desafortunado do arranxo da Gran Vía que afecta a memoria e a identidade do conxunto da cidade.