Grazas a Beltrán e Rhodes

Dedico o artigo en Faro de Vigo a agradecer a Fran Beltrán e a James Rhodes o seu emprego da lingua galega:

O 8 de outubro Fran Beltrán publicou en Twitter este chío: «En Galicia hai máis de cen formas para designar a choiva, pero todas elas escampan #Afouteza e moito #Corazón @RCCelta A seguir traballando!» O medio centro madrileño respondía así a decepcionante actuación do cadro celeste en Sevilla e aos primeiros síntomas de crise do proxecto de Antonio Mohamed. Foi o seu un exercicio responsable de celtismo da vontade, mais tamén xeneroso de galeguismo, tanto polo feito de utilizar a lingua galega nas redes sociais, como por referenciarse coa súa riqueza semántica e literaria, capaz de expresar todos os matices que sabemos identificar nas precipitacións: dende o orballo, chuvisco, chuviña e chuviscada, cando é moi lene, máis tamén como babuxa, babuña, poalla, poallada ou froalla, até chuvieira, chuvascada, xistra, ou brea cando chove a ballón (a barullo) ou a choupón para que logo escampe, estrelampe ou estiñe e máis tarde chegue a brétema, a néboa ou o neboeiro… Xaora, tampouco era esta a primeira ocasión na que o noso Iniestiña chiaba en galego, xa que o veu facendo dende as primeiras semanas en Vigo e que xustificou, como o seu esforzo por aprender a falalo, coa intención de achegarse aos seareiros e devolverlles así o agarimo que recibe.

Actitude aberta e xenerosa co galego desta promesa de dezanove anos con trazas de figura semellante á defendida polo pianista e escritor londiniense, hoxe establecido en Madrid, James Rhodes que tamén utiliza decote o galego no seu perfil (plurilingüe) de Twitter, que conta con 151.000 seguidores, desde o que expresa as súas opinións, confesa as súas experiencias e loita de forma teimosa contra os abusos na infancia que el mesmo sufriu en carne propia. Perfil desde o que a comezos de xullo, cando veu para ofrecer un concerto (memorable) no Auditorio Mar de Vigo, respondeu con elegancia e mesura a quen o criticou por utilizar o galego como «unha cuestión de respecto», «son un convidado aquí en Galicia e quero honrar iso». Comportamento de Rhodes que vai máis alá dun xesto de márketing dunha estrela cos seus seguidores ou da súa fascinación polas marabillas da nosa cidade, xa que el o concibe como un compromiso coas culturas non dominantes, a súa forma inclusiva de instalarse no mundo.

Lingua que falan e escriben de forma habitual (e de marabilla) tradutores e investigadoras da literatura galega como o inglés Jonathan Dunne, o xaponés Takekazu Asaka, a rusa Elena Zernova, a polaca Maria Boguszewicz, o italiano Attilio Castelucci ou o madrileño Francisco Coimbra, por só citar algúns dos centos de galeguistas alófonos espallados polo mundo. Lingua tamén escollida por ducias de estranxeiros que decidiron vivir en Galicia e facelo utilizando o galego como a súa lingua vehicular nos diversos eidos da súa actividade profesional e persoal. Actitude compartida polos centos de participantes nos cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, organizados dende 1988 e decisivos para que existan centros de estudos galegos nas universidades de todo o mundo e o galego sexa estudado en todo o planeta. Neofalantes por vontade, sensibilidade, afecto ou e utilidade que ofrecen un modelo que merece ser recoñecido polo súa xenerosidade.

Nun momento de incerteza para o futuro do idioma de noso, tras a creba da transmisión xeracional e o retroceso do seu uso como lingua habitual, actitudes de simpatía como as de Beltrán e Rhodes, ou como as expresadas polos galeguistas alófonos, conforman un modelo atractivo que aquí pode axudar a superar prexuízos e falsas ideas sobre o uso social do galego, como lingua inferior de xente da aldea ou de «culturetas galeguistas». Actitudes por si soas, que sen necesidade de acudir aos manuais de sociolingüística, desminten as reiteradas falsidades da imposición do galego e da discriminación do español en Galicia, acuñadas dende hai unha década por posicións galefóbicas delirantes, que para a desgraza da convivencia, deitan cada vez maiores doses do solimán da súa intolerancia, quizais por identificarse con máis claridade coa extrema dereita.

Hoxe, no actual marco comunicacional hibridado, plurilingüe e multimodal, a oportunidade dunha lingua minorizada como a nosa pasa por recuperar o seu valor inclusivo como lingua local de instalación afectiva e efectiva do conxunto da sociedade, tanto das familias de procedencia galegófona como daqueloutras que se incorporan a nosa comunidade. Contar cun repertorio de nomes para representar a escala das precipitacións é a nosa forma única de estar no mundo, un patrimonio ao noso coidado que non podemos perder baixo concepto ningún e temos obriga de deixar en herdanza. Agradecemos que influíntes como Fran Beltrán e James Rhodes nos axuden a lembralo e a conservalo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *