Onte 265: Illa soidade

Xa perdín conta dos meses que ese home leva vivindo nun escaparate de Urzaiz, á altura da parada onde collo o vitrasa cada mañá. Camiña moi pouco, axudado por un caxato, apenas para botar algún lixo ao colector ou para baleirar no sumidoiro a botella dos seus ouriños. De cando en vez fala cun transeúnte ou con algunha das visitas amigas, que lle achegan unha peza de froita ou petisco para a súa frugal mantenza. Écheme moi difícil comprender que os servizos sociais do concello non coñezan a súa situación, como ignoro cales son as razóns polas que non acude ao albergue nin dato ningún sobre como chegou a esta situación terrible. A súa soidade, entre o rebumbio do centro da cidade, sexa día ou noite de movida, é pavorosa. Cando regreso á noitiña continúa envurullado entre os farrapos escoitando as tertulias ou os partidos nun cativo transistor. Quizais el poida explicar mellor ca min as razóns polas que onte subiu a prima de risco até o abismo. Cantas illas soidades, en tempos de desfeita social, existen nas nosas cidades como esta viguesa?

Onte 264: puntoGAL

Magnífico acto de presentación da candidatura puntoGAL, que procura un dominio propio para a lingua e cultura galegas en Internet. Brillante foi a defensa que fixo Manuel González, o presidente da Asociación, salientando que a consecución do dominio supoñería «un fito decisivo na historia de Galicia. Lembraría día a día que existe unha comunidade que se chama Galicia, aumentando psicoloxicamente a nosa autoestima e socialmente a cohesión interna». Para González, ademais, «permitiría que os buscadores ordenasen os contidos en galego de forma máis completa» e «daríanos acceso a participar na gobernanza de Internet e a reinvestir os beneficios en Galicia no emprego da lingua en Internet». A presentación da experiencia da Fundación puntCAT, a cargo do seu director Jordi Iparaguirre, foi moi clarificadora sobre as posibilidades que o dominio puntCAT (53.000 dominios na actualidade) abriu para a lingua e cultura catalanas, incrementando a súa presenza social e liderando a incorporación de amplos sectores sociais nunha Internet segura.«O puntCAT permitiu que deixásemos de ser invisibles, achegando prestixio a nosa lingua que xoga na primeira división de Internet». Agardamos que nun ano poidamos celebrar a posta en marcha do puntoGAL, que axudará a visibilizar e proxectar no mundo a nosa industria cultural e aumentar a audiencia dos sitios en galego que, como sinalou con acerto Manuel Gago, «dende 2008 quedou lastrada polos algoritmos de Google».

Onte 263: Corazóns galegos

Envexable a marea branquiazul celebrando o ascenso. Semella incrible ese entusiasmo desbordado para recuperar a posición perdida hai apenas un ano. Alédome moito por Juan Carlos Valerón, un futbolista de fantasía que saíu ovacionado no derbi de Balaídos. Abeizoo, tamén, aos milleiros de deportivistas que acreditan nese soño do fútbol galego, de espírito inequivocamente atlántico, de pase longo e caneo de claqué. Pola nosa banda, os celtistas, xente paciente até o lirismo, seguimos sumando con esforzo, dispostos con moita prudencia e humildade a rematar o domingo cunha angueira de cinco tempadas nas que chegamos a visitar as marxes do abismo. Aínda non o podemos crer! Arriba, corazóns galegos!

Onte 262: A queimada de Feijoo

Feijoo foi entrevistado en Intereconomía por «12 mulleres sen piedade»  e acabou preparando unha queimada. Coma se dun émulo de don Manuel Fraga se tratase, mesmo leu o esconxuro para espantar as penurias da crise. Nunca tal viramos. Probablemente para unha parte da audiencia da canle ultraconservadora o máis significativo do programa non fose esa impresionante performance exotérica, nin que defendese a privatización dos servizos sanitarios nin que se presentase como adaíl das políticas de austeridade, senón o feito que o presidente da Xunta respondese en galego a pregunta que unha das xornalistas lle fixo en inglés. Sen dúbida, para os seguidores de Intereconomía, un comportamento propio dun perigoso separatista. Quen o diría!!!

Fútbol e poesía

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da despedida de Josep Guardiola do banco do Barcelona, reflexiono sobre a relación entre a poesía e o fútbol, a literatura e o deporte.

Afeitos á presenza no circo mediático das vaidades de famosiños efémeros, chama a atención a traxectoria do señor Josep Guardiola. Tras cinco intensas tempadas como adestrador do F.C.Barcelona, a primeira co equipo filial de terceira división, nas que conseguiu un extraordinario palmarés acuñando a procura da beleza como estilo de xogo e a rotación do cadro de xogadores como elemento de cohesión do equipo, Guardiola sae sen rebumbio das primeiras páxinas coa intención de tomar un ano sabático coa súa familia en Nova York. Sen dúbida será un retiro transitorio e dourado para quen, se quixese, podería ocupar o banco de calquera dos clubes ingleses millonarios ou de seleccións con ansias de títulos mundiais.

Probablemente, os éxitos como adestrador do «noi de Santpedor», un rapaz de familia moi humilde que ingresou na factoría azulgrana da Masía aos trece anos, alicerzáronse na experiencia acumulada como medio centro do Barcelona, o número 4 dos equipos de Cruyff, Robson e Louis van Gaal. Un período decisivo no que forxou a súa convicción de que «o fútbol é o xogo máis simple do mundo, canto máis doado e máis sinxelo sexa, mellor, abonda que o teu pé obedeza a túa cabeza».

Traballador concienciudo, autoesixente até a obsesión, Pep Guardiola inculcou aos seus xogadores este compromiso de racionalidade no desenvolvemento do xogo e de confianza nas propias posibilidades para realizar un traballo ben feito, enfrontándoos a un exercicio máximo de corresponsabilidade no que os defensas tamén deberían atacar e os dianteiros tamén defender. Con esa actitude o seu Barcelona asombrou, ofreceu un espectáculo marabilloso, un fútbol de salón e claqué, un exercicio só aparentemente sinxelo, onde os xogadores gozaban tecendo  devagariño e cooperativamente até que aparecesen os alustros de xenialidade desiquilibrante de Messi, Xavi, Iniesta, Fábregas, Pedro, Villa…

Mais Guardiola tamén, coma sucede adoito na vida, debeu xestionar importantes fracasos, sobre todo esta última tempada, na que perdeu a Liga fronte ao seu eterno rival e quedou fóra (inxustamente) da final de Champions, os seus dous principais obxectivos. A súa dignidade, asumindo a responsabilidade das derrotas e abrindo o camiño para que o sucedese o seu primeiro colaborador, constitúe un modelo de comportamento moral escasamente frecuente na actual sociedade conformista.

Tanto como xogador como adestrador, Pep Guardiola mantivo o seu compromiso como cidadán dun tempo e dun país. A súa estreita amizade con Miquel Martí i Pol é un dos episodios máis interesantes das relacións entre a literatura e o fútbol. Da man do cantor Lluis Llach coñeceu ao popular poeta catalán, cando estaba afectado dunha esclerose múltiple e tiña importantes dificultades para falar. Guardiola participou en presentacións dos seus poemarios, como a do Llibre de les solituds (1997), que o autor de Roda de Ter lle dedicou a el e a súa dona Cristina Serra, e mesmo chegou a substituír a voz do escritor en roldas de lecturas en centros escolares. Tras o pasamento do poeta, sendo xa adestrador, participou nun libro cedé de homenaxe a Martí i Pol, (Tribut de sorra i fulles) recitando un fragmento do poema «L’hoste insòlit» musicalizado polo grupo Mokodude. Este compromiso coa lectura e coa literatura catalana foi recoñecido polo Gremio de Editores de Catalunya co premio Atlántida 2010, que recibía por vez primeira un futbolista.

A figura do «señor Josep Guardiola», asociada á poesía e ao mundo do libro, axuda a desmitificar tanto algúns dos tópicos asociados co deporte como os que arrastra a lectura, a literatura ou o cinema, actividades presentadas a veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles co balonmpé. É innegable que son moitos os futbolistas que non teñen entre as súas afeccións as da lectura ou algunha inquedanza artística. Mesmo é moi coñecida a anécdota protagonizada polo goleiro Romario cando quedou tan pancho na televisión brasileira declarando que “non lía nunca porque lle daba dor de cabeza”. Porén, hai tamén futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai moitos escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais.

Pep Guardiola é un modelo da alquimia posible entre o fútbol e a poesía, dúas actividades que perseguen a beleza até a súa gorida e son capaces de representar con linguaxes diversas os conflitos e as emocións da condición humana. Lémbrao Eduardo Galeano, quizais o escritor que mellor ten abordado esa relación:«A historia do fútbol é unha triste viaxe do pracer ao deber. Ao que o deporte se industrializou, foise desterrando a beleza que nace da ledicia de xogar porque si».

Onte 261: En Muxía con López Abente

Viaxei a Muxía con Ramón Nicolás para participarmos na presentación d’ A narrativa mariña de Gonzalo López Abente que preparou Suso Sambade. O acto celebrouse nas instalacións da magnífica Biblioteca Municipal, un edificio cedido por Santiago Rey Fernández Latorre. É modélico o traballo dos membros da Fundación Gonzalo López Abente para poñer en valor e redimensionar a obra do primeiro escritor muxián, sempre fiel ao espírito das Irmandades da Fala. Rivadulla Corcón anunciou na súa intervención os proxectos da Fundación para celebrar en 2013 o 50 aniversario do pasamento do autor de Buserana, entre os que destacan a edición dunha unidade didáctica e a publicación da Poesía Completa por parte de Edicións Espiral Maior. Pola súa banda Sambade salientou a importancia da prosa de López Abente escrita para dignificar a lingua, as xentes e a paisaxe. Excelente serán literario.

Onte 260: Introducing Vigo in London


Eis o vídeo promocional de Vigo en Londres, colgado polo propio alcalde Caballero. A peza é visualmente fermosa, coma é a cidade nosa, mais o relato e a suxestiva voz off non posúe solidez narrativa abonda. Estrágase unha bonita metáfora, a da cidade que naceu do mar e foi desenvolvendo na ribeira. Nese fío non se entende que non exista referencia ningunha a Galicia nin a «cultura e lingua galega», coma se Vigo fose unha illa no Atlántico, contextualizando apenas a cidade na «cultura ibérica», no carácter «celta», nas «raíces latinas» e na «familia portuguesa» (o que máis me prestou). Insístese na idea dos «homes», nunha perspectiva machista dificilmente entendible en inglés, e nos tópicos, que se entenden máis amables para os británicos, da gastronomía, da festa e da noite. Con todo,o que máis me sorprendeu é o feito que apenas apareza a actividade cotián da cidade, dende o rebumbio dos vitrasas, a factoría de Citroën, á cidadanía ruando. Non me encheu, queda a anos luz da marabilla do tempo futuro.

Onte 259: Estatísticas culturais

Entre as cousas interesantes a emular do Goberno Vasco está o Observatorio Vasco da Cultura. Creado hai dúas lexislaturas, a súa finalidade é xerar información e coñecemento sobre a realidade cultural. Ademais, presta especial atención á elaboración de índices estatísticos sobre os diversos sectores e sobre aspectos transversais, como os relacionados con hábitos e prácticas culturais ou o gasto público en cultura. En Galicia arrastramos enormes carencias de información sobre o estado real dos diversos sectores da cultura. Coa excepción do esforzo extraordinario realizado por Víctor Freixanes n’ O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais, carecemos de estudos e, sobre todo, de series estatísticas que permitan valorar de forma obxectiva o estado e as tendencias da industria editorial ou dos sectores musicais, teatrais ou audiovisual. Ben sería que aquí tomásemos nota da interesante experiencia vasca.

Onte 258: Bilbao

Convidado polo Goberno Vasco viaxei a Bilbao para participar nun grupo de debate sobre o futuro do sector editorial e libreiro en Euskadi. Gosto moito desta cidade capaz de darse a volta coma un carpín en menos de dúas décadas, reconvertindo o seu tecido industrial e urbano ao servizo da cidadanía. Quedei abraiado da intervención urbanística da Alhóndiga, onde hai apenas dous anos se recuperou unha gran edificación industrial para transformala en moderna biblioteca municipal (aquí denominada “Mediateca”) e sede doutros equipamentos culturais e sociocomunitarios. Axiña pensei que este podería ser un modelo para a recuperación da Panificadora viguesa. Foi un serán fermoso ruando por Indautxu, ao pé da Catedral, onde non faltaron algunhas saudades celestes. Con todo, o mellor foi a conversa rica, moi rica, cos meus agarimeiros amigos bilbaínos. Gosto de Bilbao. Aúpa Athletic!