Artigos

Escaparate 8/2014: Librería Aldova (Ourense)

Libreria_Aldova_Ourense_04-04-2014

Escaparate da librería Aldova, instalada no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense, con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.

Fotografía tirada por Elena Gallego o 4 de abril de 2014.

Onte 934: Presentación no Centro Comercial Ponte Vella

Sete_Caveiras_04-04-2014Foi interesante a experiencia de presentar onte a novela Sete Caveiras de Elena Gallego nos corredores do Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. A proposta naceu da librería Aldova, instalada alí dende o novembro pasado, unha das poucas librarías existentes en Galicia neste tipo de centros, coa intención de facer visible o libro nun entorno de consumo ao que parece alleo este ben cultural. A experiencia foi exitosa, ao chamado acudiron lectores e numerosos medios de comunicación, que deixaron constancia da novidade.

O libro, especialmente o libro editado en galego, ten que dar a batalla da súa visibilización, gañar o espazo público, sexa o dos escaparates, o da súa presenza nas prazas (como cada sábado fai Couceiro en Cervantes), o das rúas (nas feiras do libro que comezarán este mes de abril) ou nos corredores dos centros comerciais de lecer e consumo interxeracional (como o Consorcio editorial fai en Área Comercial de Santiago dende hai tempo). Sei que non é doado gañar esa presenza para o libro, nin tampouco consolidar a utilización vehicular da nosa lingua nese tipo de espazos e establecementos, mais promovela é outra tarefa á que os galeguistas estamos convocados.

Grazas a Raquel Feijoo (a presentadora da novela) pola súa magnífica entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer, da que tiramos tres fotos da galería.

Escaparate 1/2014: Libraría Miranda (Bueu)

Libraria_Miranda_Bueu_28-03-2014Escaparate da Libraría Miranda de Bueu instalado con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.

Fotografía tirada por Manuel Bragado o 28 de marzo de 2014.

Onte 927: Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego

Libraria_Miranda_Bueu_28-03-2014

O espectacular escaparate que montou a Librería Miranda con motivo da presentación onte en Bueu da novela de Elena Gallego Sete Caveiras decidiume a promover unha serie de anotacións sobre escaparatismo do libro en Galicia. Estou convencido que o escaparate continúa sendo na maior parte da actividade comercial de proximidade unha das accións principais (desas de toda a vida) da mercadotecnia no punto de venda. O escaparate é un espazo dacabalo entre o interior e o exterior que permite a visibilización dos produtos no espazo público de forma continuada, achegando (en tantas ocasións) un valor engadido á mercadoría exposta.

Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria. Por baixa que sexa a cota de mercado do libro galego é superior á da súa presenza na maior parte dos escaparates libreiros en Galicia.

Agardo que a finais deste anos os lectores e lectoras destas Brétemas outorguemos o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano. Até entón iremos publicando no blog fotografías de escaparates (agradécense os envíos por correo electrónico), indicando nome da libraría, localidade e data da fotografía do escaparate. Hoxe abeizoamos a Libraría Miranda de Bueu polo seu escaparate, o primeiro da galería do noso concurso.

 

Onte 919: Xornalismo vocacional

1888823_736152143084870_1444954366_o

A presentación de Sete Caveiras, a novela de negra de Elena Gallego, no impresionante Museo Manuel Torres de Marín, volveu ser un acto de reivindicación do xornalismo vocacional. Reclamouno a presentadora da novela, a escritora Asun Estévez, que gabou a Elena Gallego »por ser a primeira muller que fai en galego unha novela do xénero negro». «Esta historia, ademais de entreternos, convídanos a facer unha lectura social, a do acoso laboral, ademais de facer unha reivindicación polo xornalismo profesional e vocacional, onde non vale todo, onde se pon en valor o papel das hemerotecas e o traballo dos xornalistas». Reivindicación que, como en presentacións anteriores, corroborou a autora, que insisitiu ademais na súa «intención de implicar aos lectores nesta obra de misterio coa que quixen facer unha homenaxe a Agaatha Christie e os seus Dez negriños». O xornalista xubilado Anxo Carregal, coordinador do Club de Opinión Portocelo, organizador do acto, sinalou tamén a homenaxe que Sete Caveiras fai o xornalismo vocacional, «unha novela protagonizada por unha xornalista, Marta Vilas, o que non é unha casualidade ao ser escrita por unha xornalista». Xornalismo vocacional que Carregal, veterano profesional da información durante máis de tres décadas, traballou en medios como La Voz de Galicia, Faro de Vigo, e Diario de Pontevedra, continúa desenvolvendo no seu blog «Cousas de Carregal», onde segue puntualmente a actualidades política e cultural de Marin. Excelente presentación de Sete Caveiras que o repetiremos o venres 28 de marzo na Libraría Miranda de Bueu.

Onte 882: Para que serve un xornal?

Como xa sucedera en Vigo, onte na presentación de Sete Caveiras en Cangas debateuse sobre o papel do xornalismo e o compromiso dos xornalistas na sociedade actual. Elena Gallego volveu sobre a reivindicación do xornalismo que fai na súa novela, tanto polo feito de estar protagonizada por unha xornalista coma polo valor esencial que se lle concede ás hemerotecas. Cando chegou o momento das preguntas foi o veterano xornalista Eugenio Eiroa, responsable de Morrazo Tribuna, quen volveu sobre o tema ao fío da polémica entre os traballadores e os accionistas de Liberation. Máis alá das mudanzas do soporte e das dificultades do actual proceso de hibridación, semella que a cerna deste debate está en saber se é posible un xornalismo independente, profesional e libre cando a propiedade da maior parte dos medios está de facto en mans de bancos, fondos de investimento ou os medios dependen dos poderes públicos pola vía da publicidade institucional ou das axudas directas que reciben. Até agora crimos que un xornal servía, en primeiro lugar, para ofrecer ao seu lectorado unha información veraz e unha opinión plural e razoada. Poderase formular esta pretensión no futuro? Para que serve un xornal no marco do ruido de redes informativas e sociais? Un debate que paga a pena seguir na rolda de presentacións desta interesantísma Sete Caveiras.

Onte 876: De novela negra

Foi onte un día de novela negra. Pola mañá asistín ás dúas sesións da xornada «30 anos de novela negra galega» organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo do trixésimo aniversario da publicación de Crime en Compostela de Carlos G. Reigosa, primeiro premio Xerais de novela. No serán participei na presentación na Casa do Libro de Vigo de Sete Caveiras, a novela de Elena Gallego Abad, que pode ser considera a primeira (despois dos precedentes das obras do xénero criminal de María Xosé Queizán) do xénero negro publicada en galego por unha narradora. Un fito esperanzador para a narrativa galega que salientou a profesora Elena Losada na entrevista que lle fixo o Diario Cultural da Radio Galega.

Na «Xornada Negra» compostelá (así foi bautizada pola escritora Dolores Redondo), gustei da sinceridade da intervención inaugural de Carlos Reigosa. O autor de Intramundi recoñeceu que daquela Crime en Compostela non foi ben recibida pola crítica, especialmente pola revista Grial que entón «devecía por atopar un Ulises en galego». Confesou que non se consideraba un autor de novela negra, «son autor de novela de intriga». «Cando escribín Crime en Compostela había un concepto de novela negra restritivo, baseado en personaxes arquetípicos, como os dos mestres americanos do xénero. Eu o que quixen facer cos meus, con Nivardo Castro e Carlos Conde, é que fosen representativos dalgunha maneira da realidade onde se inserían«. Lembrou, despois, a súa participación na primeira Semana Negra de Xixón, na que o hospedaron nun cuarto do Molinón, o estadio do Sporting de Xixón, onde foi bautizado como o «Negro galego». «Hoxe estamos a un abismo de distancia de como entendiamos a novela negra nos oitenta. Superáronse os arquetipos, sabemos que a novela negra tamén pode ser longa, ademais de ser plural, xa que colleu de todas as partes. Hoxe é imposible considerala literatura menor». Rematou Reigosa cunha mensaxe optimista: «Hoxe en Galicia hai autores de novela negra espléndidos. Hai unha novela negra enormemente rica».

Na presentación do chuviñento serán vigués, Elena Gallego dixo que con Sete Caveiras quixo facer «algo diferente, sinxelo, divertido, ameno, fácil de ler, deseñar un conflito que levase á reflexión sobre o papel do xornalismo». «Propúxenme escribir unha historia na que aparecesen cadáveres e logo xoguetes, invertindo aquel esquema de dez negriños de Agatha Cristhie. Quixén facer algo vigués, con xente viguesa. Unha novela que tivese banda sonora, a da movida dos oitenta». «Quixen que Sete Caveiras fose un puzzle con diversos niveis de lectura, cun inicio que suscita sorpresa e un final que crea debate». Por último, salientou a súa intención de reivindicar na novela o papel dos xornalistas, que «nunca deben ser noticia»: «A solución do enigma de Sete Caveiras está nas hemerotecas como unha reivindicación do xornalismo».