Listado de la etiqueta: chapela

A escola do Faro

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo ao proxecto editorial Faro da Escola:

Teño participado en moitas entregas de premios, mais ningunha tan concorrida e participada polo público infantil como a que vivín o pasado 13 de xuño nas bancadas do pavillón municipal de Travesas, que pechaba a oitava edición de Faro da Escola, o proxecto editorial de Faro de Vigo que achega ao mundo da prensa aos centros educativos da provincia de Pontevedra, con especial incidencia na área metropolitana de Vigo, Pontevedra e Deza. Máis de 1.600 escolares e un cento de profesoras dos 47 centros educativos de Primaria, que publicaron este mes cadanseu faro, participaron nun acto, iniciado con moita música de moda (aspecto a mellorar, dende o punto de vista educativo, en edicións futuras) e coa acollida agarimosa do director do decano. Unha mañá de festa e moitas  fotos na que se recoñeceron os tres mellores periódicos escolares deste curso 2022-2023, tamén as tres mellores entrevistas, portadas, seccións de opinión, investigacións empregando a hemeroteca, reportaxes, fotografías de interior e portada, infografías, deseño, tira cómica, suplemento, pasatempos, entre outras modalidades e categorías deste singular certame de prensa escolar.

Unha entrega coa que remataban os case oito meses de traballo nas aulas necesarios para a elaboración integral do faro anual de trinta e dúas páxinas de cada centro. Tarefas iniciadas no mes de outubro co período formativo do alumnado e profesorado participante, a cargo dun equipo de profesionais de Faro de Vigo, que desprazados aos propios centros desvelaron os segredos da preparación dun xornal, tanto os referidos a planificación e distribución dos seus contidos, como da súa redacción e maquetación, empregando Scribus, a potente ferramenta coa que se fai o xornal. Unha escola de xornalismo infantil, polo tanto de escritura crítica e pegada ao cotián, que como corresponde ao actual proceso de hibridación da prensa utiliza soportes diversos, tanto impresos como dixitais. Unha escola de comunicación escolar que salienta o valor das imaxes (ilustracións, infografías e fotografías) que acompañan os textos das noticias, reportaxes ou entrevistas, nin esquece tampouco a relevancia dunha publicidade atractiva e da súa xestión para facer viable a publicación. Formación que o alumnado participante no proxecto completou nas visitas durante o inverno ás instalacións do xornal en Chapela e nas conferencias nos centros do persoal do CSIC e de autoras e autoras de literatura infantil de Xerais, entidades colaboradoras.

Unha escola a do Faro que promove o traballo colaborativo, tanto do equipo docente de cada centro como do alumnado de cada aula, planificado co obxectivo de elaborar un produto textual e gráfico do que todos os participantes se senten orgullosos e responsables. Unha tarefa xornalística, que ademais desta cooperación imprescindible, obriga aos escolares a poñer a proba a súa curiosidade e as súas competencias na localización e recollida de información en fontes diversas e fiables, utilizando nesta investigación tanto a dispoñible na propia hemeroteca do Faro (unha experiencia lectora extraordinaria), a existente na rede, na biblioteca escolar como na comunidade escolar e veciñal. Unha excelente oportunidade para que o alumnado realice un exercicio de lectura  e escritura crítica, o que esixe valorar e diferenciar en cada un dos textos o gran da palla, o que son noticias do que son falsidades, trolas ou dixomedíxomes. E, o que aínda é máis importante na construción do pensamento crítico e científico do alumnado de Primaria, obriga a debater e a argumentar, tanto oralmente como cando se redacta, empregando cada vez estruturas máis complexas e vocabulario preciso.

O Faro da Escola, pois, proporciona aos centros escolares de Primaria a posibilidade de achegamento directo a cada un dos xéneros periodísticos e propón que, utilizando as ferramentas do xornalismo actual, cada escola viva a experiencia de transformarse na redacción dun xornal que ao longo de todo o curso dialoga coa actualidade da contorna para informar a súa comunidade educativa. Seguido cada martes nas excelentes páxinas do suplemento Faro da Escola, este triunfante proxecto editorial e educativo, lembrounos as páxinas dos suplementos pioneiros A Pizarra, dedicado a información e opinión sobre temas educativos, e O Pizarrín, a contidos de literatura infantil e xuvenil, que Faro de Vigo comezou a publicar en galego en setembro de 1983, espazos ambos os dous onde tivemos a fortuna de comezar entón a publicar os nosos primeiros artigos naquel Faro da movida dirixido por José Armesto Faginas. Parabéns para o equipo de profesionais de Faro que cada curso fai máis atractiva e potente a experiencia educativa do Faro da Escola.

Onte 2015: Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela

Tiven a honra de participar onte no acto no que se lle asignou a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela. Unha excelente iniciativa da comunidade educativa do IES de Chapela, onde ela traballou de profesora no curso 1999-2000, que se une a outras homenaxes anteriores, como a rúa Xela Arias do concello de Culleredo, que recoñecen a figura da poeta, tradutora, editora e profesora. Como tamén o son as diversas iniciativas do colectivo de crítica A Sega reclamando para ela o Día das Letras Galegas, celebrando a homenaxe «As obras e os días» e dedicándolle o Día das Galegas nas Letras deste ano 2019.

Sen dúbida que a publicación da extraordinaria edición da súa Poesía reunida (1982-2004), preparada pola profesora Chus Nogueira, é un fito na recuperación da súa obra cando se cumpren quince anos do seu prematuro pasamento. Outra edición magnífica de Xerais Clásicos que centrará a xornada do Club de Lectura feminista A Lila + A Sega do sábado 4 de maio.

Estas foron as palabras que lin onte na súa lembranza.