Artigos

Onte 1275: Crego

Crego_25-03-2015

Todos os membros do cadro de Xerais celebramos onte a xubilación de Xosé Manuel García Crego, o noso director de edición. Foi un xantar feliz nun día luminoso, mais tamén inevitablemente saudoso, no que expresamos a nosa gratitude, admiración e agarimo para quen é o noso referente profesional e humano na profesión da edición. Crego pecha o seu currículum profesional tras 11.442 días en Xerais, máis de tres décadas, tras ter sido o responsable da edición e fabricación de case 3.500 títulos en lingua galega. Unha proeza que forma parte xa da historia da edición galega. En todos e cada un deles, dunha ou doutra maneira, Crego deixou a pegada do seu rigor na composición do libro, na elección dos materais e no seu acabamento. En cada un deles respectou as características e singularidades de cada texto que pretendeu facer un libro único.

Ocupouse Crego da edición e fabricación de todo tipo de obras, dende os complexos libros de texto ás coleccións infantís, pasando polas primeiros libros ilustrados de Xerais como a marabillosa triloxía de Ferrín da década de 1980, até os discos da aventura musical de Xerais Media ás revistas como Golfiño ou Bravú, no que dirixiu a fabricación do primeiro pasaporte galego. Dirixiu a edición de obras extraordinarias para a nosa lingua, como o Dicionario dos seres míticos galegos, ilustrado polo seu amigo Lázaro Enríquez, ou as dúas edicións do Gran Dicionario Xerais e do resto da liña de dicionarios da que foi responsable. Mimou a edición de facsímiles de gran valor como La primera luz de Murguía, a primeira edición de Longa noite de pedra e da Noite estrelecida, ou Galicia de Murguía, hoxe consideradas valiosas edicións de bibliófilo. Imposible resumir nunhas liñas un labor editorial extraordinario. Nos últimos anos, mimou a produción das gravacións musicais dos nosos métodos de Educación Infantil coa paciencia teimosa e o amor a lingua galega que desenvolveu tamén nesoutra fantasía colectiva que é Cantares do Brión.

Crego é un enxeñeiro do libro galego, un dos grandes editores galegos contemporáneos, unha das trabes de ouro da nosa edición nestas tres décadas. Con todos os abrazos para a súa mestría e amizade. Sempre, sempre.

Cadro_de_Xerais_25-03-2015jpg

Onte 1155: «Bravú XX» no Culturgal

BRAVU_XX_exposicion_Page_01Ademais da exposición de libros de artista Do papel ao xesto, Culturgal 2014 contará no vestíbulo do Auditorio do Pazo da Cultura, con Bravú XX, unha mostra para facer memoria da cultura bravú que revolucionou a música, a plástica, a literatura e outras formas e soportes da creación en lingua galega na década de 1990. Oito grandes paneis informativos e numerosas pezas (discos, cedés, chapas, camisolas, bandeiras, carteis, pinturas…) ofrécense para facer memoria dun fenómeno nacido na noite de santos de 1994 nunha taberna de Chantada. Na mostra recupéranse as pegadas dos grupos fundacionais do rock Bravú como Rastreros, Diplomáticos, Skornabois, Bochechinhas, Kaos, Papaqueixos, Os Impresentables, Caimán do río Tea ou Xenreira. Preséntase a eclosión de cosmopolitismo que supuxo o fenómeno e as diversas manifestacións que provocou o que Pereiro, o director da revista Bravú de Xerais, definiu como «chute nacional de autoestima emocional e ansia musical». Unha mostra moi interesante sobre un movemento vital para a cultura galega de entre séculos, polas doses desbordadas de creatividade que supuxo e de paixón e entusiasmo que achegou á nosa lingua. Outro aliciente para non deixar de visitar o Culturgal 2014.

Aquí pode descargarse un pdf co contido dos paneis da exposición.

Onte 1153: Construír Culturgal

Culturgal_21-11-2014

Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.

Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.

Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.

A mesma cidade

No artigo da semana en Faro de Vigo, con motivo do ascenso do Deportivo, propoño recuperar a cooperación e a irmandade entre Vigo e A Coruña.

Desque hai corenta anos fun estudar bacharelato á universidade laboral considero A Coruña como a miña segunda patria, a cidade onde abrín os ollos a case todo, dende o galeguismo até os principios republicáns que impregnan o seu espírito liberal. Razón pola que dende comezos dos oitenta levei sempre moi mal ese enfrontamento pailán entre A Coruña e Vigo –protagonizado por tipos como Paco Vázquez, Lendoiro e “Leri”– dúas cidades portuarias atlánticas que comparten idéntico ADN e semellantes angueiras. Mágoa que unha rivalidade futbolística centenaria, anterior á fundación do Celta, protagonizada hoxe por unha rapazada pouco reflexiva e algunhas veces cunhas cervexas de máis, malogre a cooperación de dúas cidades que artellan as rexións urbanas da Galicia atlántica.

Ten razón o escritor coruñés Xurxo Souto, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, dúas áreas metropolitanas unidas polo mesmo océano. O Berbés e o Muro son os dous portos pesqueiros de arribada e partida das embarcacións nosas que debuxan o ronsel da súa derrota no mar céltico. En ambas as dúas estacións marítimas producíronse os adeuses que abriron os camiños de alén mar da diáspora galega. As dúas cidades contan cun alma popular e obreira presente nos seus barrios. Que diferenzas substancias hai entre Coia e Navia con Elviña e o Barrio das flores? Entre a Casabranca viguesa e a Falperra coruñesa? Entre a Travesía de Vigo e Monte Alto? Entre Travesas e a Gaiteira? Entre o Calvario e os Mallos? Entre Bouzas e Labañou? Entre o Casco Vello olívico e a Cidade Vella cascarilleira? Entre Saiáns e o Portiño? Entre Matamá e Bens? En cada un destes barrios viven fillos e netos daqueles obreiros que chegaron das aldeas de Ourense ou de Lugo para darlles vida á industria e aos servizos de ambas as dúas cidades. En todos eles fálase unha lingua semellante (con cadanseu sotaque) e os problemas e as carencias non son moi distintos. Vigo e A Coruña posúen identidade de seu, aínda que son moitas máis as súas afinidades ca diferenzas.

A Coruña e Vigo eran a mesma cidade para o pintor Urbano Lugrís, que fixo de ambas as dúas a súa patria; naceu e viviu a maior parte da súa vida na primeira, para el “Percalinópolys”, e morreu un domingo de noiteboa de 1973 no hospital municipal da segunda, a que chamaba retranqueiramente “Xouba city”. O autor do cuarto do vello mariñeiro evidenciou nas súas cámaras e murais que vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo do pedramol mesturado coa maruxía da galerna. Esa atmosfera euforizante contaxiou nos anos oitenta a movida cultural viguesa e coruñesa, que mantiñan diálogo aberto en publicacións como “Tintimán” e “La naval”, entre os músicos de Siniestro Total e os de Radio Oceano, entre pintores como Antón Patiño e Cabanas, escritoras como Xela Arias e Luisa Villalta… Diálogo cultural continuado nos noventa, co movemento Bravú, musical e literario, de orixe inequivocamente cascarilleira, mais cuxo nome, segundo o xornalista vigués Antonio Ojea, puido nacer na ría de Vigo, xa que “bravú” é unha mestura da palabra “bravío” e aquel perfume Tabú, o que preferían a maioría das traballadoras da conserva da factoría Massó de Cangas.

Vigo e A Coruña son a mesma cidade como aparece no videoclip gravado para o celebrar o regreso dos Diplomáticos de Monte Alto, o poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado fronte ao mar”. Unha cidade onde se fusionan o balcón do paseo do Orzán co do paseo de Afonso, desde os que se enxerga idéntico horizonte; unha cidade onde a porta do Sol e a rúa do Príncipe continúa nos Cantóns. A mesma cidade popular, entusiasta, inconformista, alegre e orgullosa de formar parte do proxecto de Galicia.

Vigo e A Coruña, viradas de costas dende o inicio do período autonómico, merecen reatoparse no marco dun novo proxecto territorial de Galicia para o século XXI. Ambos os dous concellos deben cooperar no desenvolvemento das áreas metropolitanas e do novo mapa urbano do país, exixindo que isto constitúa unha prioridade na axenda autonómica. Como ambos os dous deben manter a firmeza institucional necesaria para que a prioridade principal da actuación do Ministerio de Fomento en Galicia sexa a finalización do eixo atlántico ferroviario que unirá as dúas cidades de forma permanente en pouco máis dunha hora, o que constituirá un feito case revolucionario para o recoñecemento mutuo de ambas as dúas veciñanzas.

O ascenso do Deportivo, outra proeza do mestre Fernando Vázquez, permitirá que a vindeira tempada gocemos de dous derbis, datas que deberían ser sinaladas nos calendarios como de irmanamento de ambas as dúas cidades e cidadanías, como de encontro eficaz entre as súas corporacións, deixando a rivalidade deportiva estritamente dentro dos estadios, onde eu agardo que o Celta continúe liderando o fútbol galego.