Artigos

Xouba City e Percalinópolis

Dedico o artigo semanal no Faro de Vigo a propoñer, a raíz da publicación da novela de Xurxo Souto, A gran travesía de Chiruca Macallás, a irmandade entre as cidade sde Vigo e A Coruña:

Foi Urbano Lugrís, o pintor surrealista nacido na Coruña, que procurou porto en Vigo nos derradeiros anos da súa vida, quen bautizou a cidade onde naceu como Percalinópolis e na que morrería como Xouba City. Xaora, no ronsel trazaso por aquel Ulyses Fingal, o noso pintor-océano das grandes mans e trazo milimétrico, creador de toda unha icononografía mariña, o narrador e músico Xurxo Souto acaba de publicar A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), unha novela poderosa na que tirando das redes que lanzara hai xa dúas décadas en «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999) ofrece a historia de superación de Mercedes, a patroa de pesca do «Macallás», o arrastreiro que sae do porto das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés, con destino a Rockall, unha rocha perdida no medio da nada , entre o mar de Escocia e Islandia.

Para Xurxo Souto, como probablemente para Urbano Lugrís, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, unha cidade maragota ou mariña, cuxa denominación muda conforme sexa o punto da rosa dos ventos dende o que nos acheguemos á costa: Xouba City ou Penameá, Percalinópolis ou as Arneiras (onde atraca o «Macallás» na novela de Souto), ou os portos de Vigo e A Coruña, o Berbés ou o Muro, dous puntos de atraque dunha mesma recalada. E como nunha cidade única, nas páxinas da novela de Souto trázanse os camiños polos que ir das Travesas a Monelos, de Teis a Labañou ou dende a porta da Palloza á Cidade Alta ao pé do Campo de Granada.

A mesma cidade que para Xurxo, como probablemente para o noso pintor do infinito e da ensoñación oceánica, ten como capital do mar a Bouzas (onde Souto presentou no Liceo a pasada fin de semana a novela), porque alí foi onde se crearon as parellas do bacallau, alí continúan os estaleiros cun pulo anovado, alí naceu o sindicalismo do mar da CNT, sendo tamén onde o xigante recheo do porto de Vigo fixo desaparecer o que se cre mellor ostreiro da ría.

Algúns pensarán que defender a idea de que Vigo e A Coruña son a mesma cidade é causa de catro tolos que viven no mundo surrealista de Urbano Lugrís, mais aínda cando arrastran décadas de enfrontamentos e descoñecementos, alentados por localismos promovidos polas súas elites, ou pola incomunicación á que a prezo de ouro (trinta e dous euros, ida e volta) someten á cidadanía a concesionaria da autoestrada do Atlántico.

Mais para os que ao longo da nosa vida tivemos a fortuna de vivir nalgún momento nas dúas cidades é doado identificar que as persoas que viven no Calvario, en Coia ou en Teis son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos ou Labañou, familias obreiras, xentes humildes procedentes todas das aldeas de Lugo ou de Ourense, que nas décadas dos sesenta aos oitenta foron buscar traballo na beiramar. Como hoxe sabemos que os traballadores que loitan por non perder o seu posto en Alcoa afrontan idéntico reto ao que hai catro décadas asumiron en Vigo aqueloutros defendendo a supervivencia de Ascón, Barreras ou da propia Citroën.

Teñen razón Lugrís e Souto, Vigo e A Coruña constitúen en esencia unha cidade única, Vilamaior das mil ribeiras. Dous polos dunha mesma cidade atlántica que precisan superar as barreiras da incomunicación terrestre á que a someten ese negocio perfecto da AP-9 e un infrautilizado eixo ferroviario atlántico que renunciou polo momento ao horario nocturno. Vigo e A Coruña, tras a desaparición das entidades financeiras propias, sofren idénticas dificultades que poñen en perigo proxectos culturais emblemáticos como os o MACUF ou o Marco… Vigo e A Coruña son os dous polos exportadores e Galicia, o que constitúe unha oportunidade extraordinaria, mais tamén un risco pola súa dependencia extrema das empresas tractoras…

A Coruña e Vigo están obrigadas a enfrontar retos semellantes: a rexeneración dos seus cascos antigos, evitando a súa terciarización como «comedores» urbanos; a apertura das súas fachadas ao mar, derrubando a fronteira imposta polas súas autoridades portuarias; a conservación e a hibridación dixital dos seus tecidos industriais, como a súa participación nos mercados das cidades atlánticas do Norte; a modernización das súas infraestruturas de comunicación, dende a intermodalidade das súas estacións terrestres e a transformación do eixo atlántico ferroviario como un tren galego de cercanías, até a competitividade dos seus portos e aeroportos, capaces de ofrecer alternativas aos do Porto ou Rotterdam…

Os concellos de Vigo e da Coruña deberían irmandarse decontado e asumir que a aposta máis rendible para as súas cidadanías é a de colaborar no mesmo proxecto estratéxico, deixando a competencia emotiva para o territorio futbolístico, onde manda o «fair play» e a aposta polo valor de candasúa canteira. É difícil, mais non é quimera ningunha. Lean a Xurxo Souto.

Praza de Peniche

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a gabar o arranxo que fixo Anton Pulido da praza de Peniche e a reclamar que ese topónimo quede fixado no rueiro vigués.

CFmqa4IWAAEfhWW

Das actuacións artísticas recentes sobre o espazo urbano vigués paréceme moi destacable a deseñada por Antón Pulido para a nova praza de Peniche. O que noutrora foran tres casoupas centenarias e unha calella degradada, entre o camiño de Pazos e o cruzamento da rúa Pi e Margall e as de López Mora e Tomás Alonso, transformouse nunha rúa ampla e nunha praza de colorismo entusiasta que convida ao acougo e á conversa devagariño sobre seis bancos de formas redondeadas que manuscriben sobre o chan a palabra “aperta”. Unha formidable kermesse pulidiana de 14,5 metros de alto ocupa a medianeira do edificio sobre a praza, un latexar cromático caracterizado pola dominancia das cores vermellas e negras, que se expande como unha máscara de abstracción figurativa sobre os muros ondulados laterais.

Unha obra artística de altura que concilia o cidadán e a cidade nun punto de buligar urbano intenso. Unha praza xeitosa concibida como espazo de conversa entre o balbordo, o que sei agradecerán sobre todo as persoas maiores do barrio, mais tamén coa de ser un reclamo para o goce visual do paseante e do usuario do transporte colectivo abraiados diante de semellante explosión de cor. Unha obra importante do pintor Antón Pulido, auténtico poeta da abstracción emotiva, un dos máis grandes artistas de entre séculos, que con todo merecemento será homenaxeado pola Fundación Otero Pedrayo o vindeiro mes de xuño co Premio Trasalba.

Esta nova praza de Peniche nace sobre un espazo que sempre foi de fronteira para o Vigo de extramuros, probablemente un punto de fielato, situado entre dúas alturas, o que sempre supuxo un desafío para o seu arranxo urbanístico, que o arquitecto Jenaro de la Fuente pretendeu solucionar por medio de escaleiras, fontes e pérgolas, un fermoso proxecto que nunca chegou a desenvolver. O tranvía que circulaba pola antiga estrada de Baiona, chamada rúa de Pi e Margall en 1905, bifurcábase en Peniche cara á esquerda camiño do val do Fragoso, pola rúa de López Mora dende 1918, como sinala a moi fermosa placa de louza recuperada estes días polo concello, ou cara á dereita e abaixo pola estrada de Bouzas e a curva de San Gregorio que, como Peniche e a súa ribeira, formaban parte da parroquia de San Martiño de Coia.

Espazo periurbano de fincas e eidos vizosos, hai un século foise transformando como cidade xardín de vivendas unifamiliares para a emerxente burguesía industrial viguesa. En Peniche construíronse na primeira metade do século vinte algunhas das pezas senlleiras da arquitectura viguesa, como o (desaparecido) chalet Agarimo (1931) do arquitecto Manuel Gómez Román, a casa de Rosendo Silva (1900) de Michel Pacewicz, a vivenda de fasquía racionalista do doutor Adrio ou o chalet El Pilar (1913), felizmente aínda en pé, onde hoxe é a Casa da Mocidade. Sen esquecer a importancia que para moitos dos nosos avós tiveron o campo de fútbol de Coia, a catedral do fútbol vigués até a inauguración de Balaídos en 1927, e o parque das Cabañas, onde dende 1923 se celebraban bailes e verbenas de verán moi populares, instalacións de lecer ambas as dúas localizadas na ribeira de Peniche, próximas hoxe á zona industrial da beiramar roubada á ría.

Segundo o profesor Xerardo Sacau, Peniche debe o seu nome á existencia na súa redonda dunha rocha de pequena entidade, caso moi semellante ao de Picacho, o lugar onde estivo ubicado o cemiterio municipal, até o seu traslado a Pereiró a comezos do século XX, e décadas máis tarde a chamada fábrica do gas na actual rúa Llorente, que tamén faría referencia á existencia orixinal dunha punta de pedra sobre a ría. Peniche e Picacho son dous topónimos vigueses únicos de raíz oronímica que, probablemente, en tempos non moi afastados sinalaban dous lugares sobresaíntes sobre a ría. Senllos topónimos ameazados de desaparición, xa que na actualidade teñen moi escasa presenza no rueiro vigués, apenas como “Escalinata de Peniche” e Colexio Picacho, a pesar de que a administración o bautizou como CEIP Ramón y Cajal. Un caso semellante a doutros topónimos vigueses presentes na fala popular como Travesas, Casabranca, Choróns, Calvario, que fan referencia a barrios e lugares que todos os vigueses identificamos, mais que continúan sen recoñecemento administrativo no rueiro.

A creación desta nova e tan fermosa Praza de Peniche debería conlevar a súa incorporación ao rueiro e o seu sinalamento in situ. Como tamén contribuiría á preservación deste topónimo único que a Universidade de Vigo recoñecese aos centros que ten na rúa Torrecedeira como Campus de Peniche. Como tamén axudaría que Vitrasa o utilizase no sinalamento dos seus traxectos. A conservación da microtoponimia popular e a súa incorporación ao rueiro forma parte principal da conservación do patrimonio inmaterial. Benvidos á praza de Peniche.

Onte 1038: Contos do mar de Irlanda

XG00224001Dediquei unhas cantas horas da tarde de onte a mergullarme nese océano narrativo que é Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto. Tras Fumareu, O retorno dos homes mariños e Contos da Coruña, Xurxo volve ofrecer outro librobarco, un libromar que convida a navegar polas mil ribeiras do mar de noso. Medio cento de recortes poderosos protagonizados polo nosos labregos do Atlántico, heroes que partiron cara o paralelo 48 e recalaron no porto de Bouzas, a nosa capital do mar, ou nos peiraos do Berbés e do Muro da cidadeatlántica, epicentros desde os que a nosa flota desplegou a súa tecnoloxía nos mares de Terranova e Gran Sol. Un libro coral no que se recompilan as voces de xentes humildes do mar, dos mariñeiros, patróns e fogueiros, dos gaiteiros do mar, de redeiras, traballadoras da conserva ou descargadores da coia. Un libro arca que recolle os tesouros das falas mariñeiras, incluídos os topónimos da costa e talasónimos galegos da xeografía do Irish Sea.

Un libro esponxa épico no que reborda a vida, a emoción, o relato, a música, no que se reúnen textos excepcionais, como «Xulio Verne no país das marabillas», unha crónica extraordinaria escrita polo patrón do Ría de Aldán no ano 73, ou como «O neno da curva de San Gregorio», a historia do mariñeiro pintor, Un libro, pois, cheo de vida, co arrecendo do salitre e do pedramol.

O mércores 23 abriremos rota de presentacións no Museo Massó de Bueu, para continuar no Festigal o 25, na Feira da Coruña o serán do sábado 2 de agosto. Aquí traeremos crónica e impresións destes primeiros lances dun libro que aventuro vai gustar moito.

Onte 689: Cerco na ría

Saíndo a camiñar ao solpor polo paseo do recheo de Bouzas é unha fortuna demorarse na contemplación da manobra do cerco. Ao pé do enorme aparcadoiro de Citröen media ducia de embarcacións artesanais manteñen o vello oficio de cercar devagariño o cardume. Unha pequena marabilla do cotián que gozamos en xornada de moito balbordo.