Amazon
Das mudanzas provocadas na edición pola disrupción dixital a máis relevante foi a aparición dun novo actor, Amazon. Desde que asinou os primeiros contratos coas editoras hai quince anos, o seu poder non deixou de medrar. Acumulou unha cantidade inxente de datos de clientes que comezaron a mercar libros utilizando a súa plataforma de distribución, até chegar a ser hoxe o minorista dominante na venda de libros impresos, libros dixitais (na plataforma Kindle), e mesmo audiolibros, creando ademais un ecosistema para a produción, difusión e consumo en múltiples formatos e linguas. En galego conta hoxe cun catálogo de vinte mil referencias, semellante ao de Todostuslibros.com, a web das librarías independentes e de proximidade. A revolución dixital, ademais de empregar as utilidades hipertextuais, abriu novas posibilidades de publicación e lectura, en formatos pdf e epub, mais tamén deu lugar á organización máis poderosa que a industria editorial coñeceu ao longo dos seus cincocentos anos de historia. Poder dos datos que Amazon, inicialmente especializada na loxística inocente de libros, ampliou a calquera tipo de produtos, ademais de crear un novidoso negocio gratuíto de libros autoeditados na plataforma Kindle Direct Publishing (KDP) desde a que desenvolveu con éxito de público algúns xéneros de ficción mainstream –como a novela romántica, de ciencia ficción e fantasía– por parte de autores e autoras debutantes ou que quedaron á marxe das editoras tradicionais, onde a lingua galega comeza a contar cunha certa presenza. Amazon funciona como monopolio do comercio electrónico, cunha facturación abraiante de 500.000 millóns de euros, dos que a España corresponden 8.000 (de libros apenas 75) e estimamos que a Galicia 480, onde conta con dúas estacións loxísticas no Porriño e Cambre. Intimida que unha soa empresa estadounidense poida exercer formas de poder sobre a nosa cultura e consumo en virtude da súa posición como plataforma loxística dominante. Convén pensalo, antes de utilizala.
Publicado en Nós diario: 22/10/2025


















