Compañeiro Luís «Ferreiro»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Luís González López «Ferreiro»:

Hai cinco anos Luís González López «Ferreiro» agasalloume cun pequeno triángulo vermello invertido, unha insignia que dende entón levo prendida orgulloso na lapela da miña chaqueta. Expliquei moitas veces que se trataba da marca empregada nos campos de concentración nazis para distinguir os presos políticos, inicialmente para os comunistas, despois tamén para socialistas, anarquistas, sindicalistas ou masóns. Un triángulo vermello que levaron algúns republicanos españois como Jorge Semprún, recluído no campo de exterminio de Buchenwald, ou Francisco Largo Caballero, prisioneiro do campo de Sachsenhausen durante dous anos. Hoxe o triángulo vermello é unha insignia que honra a memoria daquelas combatentes que a levaron hai máis de setenta anos, un símbolo orgulloso das persoas antifascistas das máis diversas adscricións, desde aquelas que non pertencemos a partido político ningún a outras de distintas formacións desde liberais a comunistas. Xaora, para min, esta pequena insignia será sempre a que identifica aos simpatizantes e seguidores do partido de Luís «Ferreiro», os milleiros de persoas amigas dun home bo no que identificamos a dignidade e xenerosidade dun loitador incansable pola liberdade solidaria, a democracia plena e a procura da igualdade.

Falecido o pasado sábado, a admirable vida de «Ferreiro», o seu nome na clandestinidade antifranquista, como tamén o de «Pedro», foi toda dedicada ao compromiso militante coas causas da humanidade. Acompañando nas nosas viaxes polo país ao seu camarada o profesor don Xesús Alonso Montero, tivemos a fortuna de que Ferreiro nos contase algúns episodios da súa peripecia novelesca. Nacido en 1939 en Barreiros, na parroquia de Salgueiros, no concello de Vila de Cruces, o sétimo de oito irmáns dunha familia labrega, Luís foi como lle gustaba dicir, outro Balbino calquera, o protagonista das Memorias dun neno labrego (das que celebramos estes días o sesenta aniversario da súa publicación en Bos Aires), o relato do seu paisano Xosé Neira Vilas, a quen tanto admiraba. Con escasos días de escola, enrolouse aos quince anos nunha cuadrilla de cinco aprendices do mestre canteiro Silva (episodio narrado de forma memorable por Manuel Rivas no relato «El aprendiz»). Con apenas dezaoito, emigrou a Francia para traballar nunha mina de talco, preto dos Pireneos. Alí coñeceu, dous anos despois, a Pilar García Jiménez, unha militante comunista andaluza coa que casará en 1961, incorporándose ao Partido Comunista no exilio no que militará de forma ininterrompida durante sesenta anos.

Despois de asistir a unha escola do Partido na Alemaña democrática (1963), Luís e Pilar retornan a Galicia en xaneiro de 1967 e contactan con Carlos Núñez, responsable en Vigo do pecé. Dende entón traballarán na legalidade e na clandestinidade, Pilar na empresa de cerámica Álvarez, onde comezará a desenvolver a actividade sindical na construción das primeiras Comisións Obreiras, Luís pertencendo ao comité central do Partido Comunista de Galicia, constituído en 1968 en París, e asumindo a responsabilidade do aparello de propaganda e da distribución de Mundo obrero e outras publicacións do Partido. Como tal, «Ferreiro» vivirá o 5 de abril de 1969, un día moi decisivo na súa vida, cando foi detido na Coruña onde fora adquirir dous cartuchos de tinta para a multicopista Gestetner que el gobernaba en Vigo. Narrada por el mesmo no documentario O meu nome é Luís Ferreiro (2010) de Roi Cagiao e Fernando Llor, a detención suporá brutais torturas físicas e ameazas da policía en longos interrogatorios durante 72 horas, que resistiu con afouteza e heroísmo, ademais de sufrir logo varios anos de cárcere.

Tras a saída da prisión, traballou como porteiro nas instalacións da Zona Franca de Vigo até a súa xubilación. «Ferreiro» continuou desenvolvendo unha actividade constante, fose como militante esforzado do PCG e Esquerda Unida, como implicado na causa da memoria republicana de Galicia ou como membro da Coral Máximo Gorki de Vigo, actividade musical que moito lle prestaba da que era un destacado cantor. «Ferreiro» cantaba só, sobre todo se as persoas amigas llo pedían en actos solidarios, nun repertorio antifascista onde non faltaba a canción do Guerrilleiro, a Internacional (en francés, subliñado o verso sete: «¡Le monde va changer de base!») ou a Chamada a folga, interpretación que quedará gravada para a historia na banda sonora orixinal do documentario Vigo 1972 (2017) de Roi Cagiao.

Recoñecido no seu pasamento de forma unánime e solidaria por todos os sectores antifascistas de Vigo, lembrarei con agarimo, respecto e admiración a Luís «Ferreiro» como un heroe contemporáneo que viviu co seu triángulo vermello tatuado no corazón. Beizón, compañeiro!

Onte 2114: Entrevista na revista «A movida»

A xornalista Tamara Novoa tivo a deferencia de facerme esta entrevista para a revista cultural mensual A Movida. Co pretexto da publicación de Vigo, puro milagre, Tamara soubo tirarme da lingua e falei de como concibo o papel do editor en lingua galega, da miña relación cos autores e autoras, da situación cultural da cidade de Vigo e do futuro da lingua galega, entre outras. Queda no blog como arquivo. Mil grazas a Tamara polo seu interese e traballo na transcrición como o autor das fotos no miradoiro do Paseo de Afonso.

Árbores urbanas blues

Dedico o primeiro artigo do ano en Faro de Vigo a lamentar a corta de árbores urbanas antiguas en Vigo:

O pasado 2020 será lembrado como o ano da pandemia provocada polo Covid-19, mais tamén en Vigo pola corta desapiada de árbores veteranas (se entendemos por iso as que contan con máis de cincuenta anos) que conformaban a identidade dalgúns dos espazos urbanos máis emblemáticos da cidade central. Comezou coas cortas da avenida Castelao, da avenida Martínez Garrido, do bulevar e das beirarrúas da Gran Vía e arredor da muralla do Castro, xustificadas polos responsables municipais, unhas veces polo mal estado das árbores outras por que danaban as tubaxes ou polo feito de estar contempladas nos proxectos de humanización deses espazos. As máis recentes producíronse nos xardíns das Avenidas, inequívoco anuncio da construción dun novo aparcadoiro soterrado (e polo tanto da desaparición do grande arborado), e na Ronda de don Bosco, onde no día dos inocentes foron cortados os dous cedros que quedaban, tras a caída dos outros dous no verán debido a unha neglixencia durante as obras de remodelación da praza.

Outra desfeita aparentemente inevitable esta dos lanzais cedros que medraron durante máis de cincuenta anos a carón da estatua de Xoán Bosco do escultor Camilo Nogueira, inaugurada en 1966, naquel ano no que non esquecerei comecei a primaria no colexio salesiano. Outra corta que provocou a indignación e a impotencia dalgunhas veciñas do propio barrio, mais que como todas as anteriores foi autorizada por Patrimonio da Xunta de Galicia e contaba cos informes dos técnicos municipais que, a pesar de recoñecer nesta caso a aceptable saúde das árbores, detectaron algún risco para as persoas e perigo de que algún día tarde ou cedo (un tempo indefinido) acabasen caendo. Sen apelar a ironía ningunha, madía leva, nin sequera abondou o compromiso explícito da alcaldía expresado diante das cámaras hai un ano, cando se iniciaron unhas obras executadas polo Concello en colaboración coa Deputación, para manter o arborado histórico que facía daquel curruncho da Ronda un dos máis xeitosos do centro.

Dende hai uns anos o Vigo urbano é un territorio onde as árbores por unhas razóns ou por outras corren sempre perigo, sobre todo cando se acometen obras de renovación do viario ou dos espazos urbanos de lecer. Como tamén é un exercicio que en Vigo entraña risco denunciar este arboricidio, se por tal termo entendemos a «corta inxustificada de árbores», xa que para os actuais responsables municipais estas denuncias obedecen apenas a unha andrómena froito da polarización política cada vez máis presente na corporación. Como até agora tampouco foron atendidas as denuncias das organizacións ecoloxistas e veciñais viguesas que reclaman ao concello que cesen as cortas e os traslados de árbores urbanas, unha medida paliativa non exenta de risco (como sucede coas palmeiras da praza da Estación) e desenvolvan unha protección afectiva das árbores antigas por tratarse dos medios que mellor protexen á veciñanza da contaminación atmosférica e acústica.

E o mellor do caso sobre a constante polémica sobre a corta e o traslado de árbores e arbustos urbanos (velaí a Dinosebe collendo agora raíces nos xardíns da Alameda) é que boa parte destas leas se evitarían atendendo estritamente ao establecido no capítulo VI da Ordenanza Municipal de Medio Ambiente, referida a «Zonas naturais e espazos verdes», vixente dende 1994, sendo alcalde Carlos González Príncipe. Ordenanza na que figura, entre outras medidas de protección do arboredo urbano, o compromiso de contar cun catálogo municipal actualizado de «formacións e especies vexetais singulares [plantadas sobre solos de propiedade municipal ou terreos particulares] que pola súa beleza, antigüidade, historia ou rareza merezan ser conservadas».

Xaora, a polémica sobre o interminable arboricidio vigués radica no erro colosal dos actuais responsables municipais de considerar o arborado urbano apenas como outra peza do mobiliario urbano, como se dun farol, semáforo ou dun adorno se tratase, que pode ser substituído en calquera momento. Un modelo de municipalismo de usar e tirar que, velaí o resultado da actuación recente nun treito da Gran Vía, vai mudando de forma inexorable aquelas árbores que colleran raíces durante décadas na beirarrúa por arbustos, sebes e vexetación con data de caducidade sobre soportes para testos de formigón. O caso é que as árbores son seres vivos, fontes purificadoras de osíxeno e frescura, que en todas as cidades do mundo son consideradas como pezas esenciais para a saúde pública e para o benestar da cidadanía. Como é incuestionable que algunhas destas árbores, como os cedros da Ronda, pola súa antigüidade e singularidade arraigaron como parte do patrimonio da cidade. Cortalas é arrincar tamén a nosa memoria, e iso doe.

O legado de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o Plan Palacios:

Antonio Palacios pasará a historia de Vigo por ser o autor do «Proxecto de Extensión e Reforma Interior de Vigo» asinado no mes de decembro de 1932, aprobado pola corporación en xaneiro de 1934 e anulado en plena Guerra Civil, tras unha dura polémica, en 1937 xa pola corporación fascista. Un documento urbanístico que definía sobre o papel un modelo para o Vigo futuro, entón unha cidade de cen mil habitantes, creando unha cidade marítima ordenada e moderna, disposta sobre o anfiteatro da ría para ser contemplada dende o mar,  capaz de cuadriplicar a súa poboación e integrar o desenvolvemento do espazo rural no seu tecido urbano. O arquitecto porriñés, pretendía converter Vigo na Barcelona do Atlántico, idea dunha cidade portuaria xardín que xa defendera en 1908 e máis tarde na súa conferencia na sociedade La Oliva (1919), convencido de que o futuro de Galicia (nas súas declaracións «patria galega») pasaba polo crecemento das súas tres cidades marítimas (Vigo, A Coruña e Arousa) como motores económicos da Galicia do século XX, posición que o distanciou do ruralismo defendido polo movemento galeguista do seu tempo, onde tiña bos amigos como Castelao, Cabanillas ou Paz Andrade.

Dende o seu estudio do Areal, Palacio deseñou un proxecto para Vigo moi novidoso e audaz tanto polo seu carácter metropolitano, xa que pretendía regular toda a área de influencia da cidade, identificando até vinte cidades satélites na súa contorna (Baiona, Porriño, Redondela e Cangas, entre elas), como pola súa proposta de distribución da cidade interior en tres áreas delimitadas por outras tantas grandes vías de mobilidade e desenvolvemento urbanístico: a Galicia, a Atlántica e a Cornixa. A primeira, unha vía de rañaceos, que supoñía a remodelación total do centro da cidade, incluído a práctica desaparición do que hoxe denominamos Vigo vello, subía dende a estación marítima ao gran Pazo rexional do Castro, pasando por unha nova sede para o concello no Castelo de San Sebastián do Campo de Granada, idea recuperada polas derradeiras corporacións da ditadura. A segunda, corría paralela á ría, dende o estreito de Rande a Samil, e a terceira, subía pola aba do Castro e baixaba cara ás praias. Dúas vías que, a pesar do fracaso daquel plan, desenvolvéronse ás toutiñadas conformando, a primeira, o que hoxe é a avenida Beiramar, e a segunda, a Gran Vía, estendida anos máis tarde nas avenidas Castelao e Europa.

Ademais de anticipar estes grandes viais, o plan Palacios legou outras moitas ideas urbanísticas que non perderan vixencia. A primeira, a necesidade de recuperación e especialización das actividades do borde marítimo, dende o outeiro da Guía, onde Palacios situaba o templo pola Paz, zona na que se deberían desenvolver as actividades industriais, pasando pola zona portuaria do Areal, a pesqueira do Berbés, até a balnearia das praias de Samil a Baiona, para as que o propio Palacios deseñou en 1923 un plan de remodelación. Tamén legou a idea dunha liña soterrada baixo o Castro dende a estación de Urzaiz, alongando o ferrocarril até ás praias, como a dun servizo de transporte marítimo, aproveitando o estreitamento de Rande. Reservaba o porriñés naquel seu Vigo futuro unha zona universitaria, outra sanitaria, outra forestal, que dunha maneira ou doutra irían desenvolvéndose sen respectar o seu criterio ordenado.

Certo é que Palacios legou ao Vigo metropolitano algúns dos seus edificios pétreos máis emblemáticos: o Teatro García Barbón (1926), construído co granito das canteiras de Castrelos e restaurado por Desiderio Pernas en 1984 con algunhas modificacións; o edificio do Banco Viñas-Aranda (1944), en Marqués de Valadares; o mosteiro das Salesas (1942) na Calzada; o templo do mar de Panxón (1937); a virxe da Rocha de Baiona (1912), erixida coma un faro; o hotel sanatorio de Mondariz (1917) ou a Casa do concello do Porriño (1918). Obras todas nas que Palacios amosa a súa reinterpretación dun clasicismo que non renuncia a utilización dos materiais propios do país, o que en palabras do seu primeiro estudoso, o noso admirado Moncho Iglesias, «as dota dunha poética persoal, na que identificamos rastros de Gaudí».

Legado vigués de Palacios que eu sempre identifiquei na maqueta de xeso do seu plan para Vigo, exposta durante a década de 1980 no primeiro andar da casa do concello de Vigo. Mágoa que daquela proeza de xeso para a historia do urbanismo vigués apenas queden os rastros das fotografías dispoñibles na rede, pois semella que a maqueta desapareceu para sempre nalgunha das reordenacións do concello. Terrible paradoxo para unha cidade desmemoriada que só aprecia o seu patrimonio cando desaparece irremediablemente, como esta semana sucedeu cun treito do bulevar cosmopolita daquela vía da Cornixa debuxada por Antonio Palacios.

Onte 2095: Librarías da memoria e da vida

Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.

Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….

Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.

Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos;  a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante;  a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …

Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.

Moncho Iglesias, mestre

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Xosé Ramón Iglesias Veiga

Ao longo da semana foron varios os obituarios dedicados nestas páxinas de Faro de Vigo a Xosé María Ramón Iglesias Veiga, «Moncho Iglesias», o mestre e doutor en Historia da Arte homenaxeado de forma unánime e emotiva pola súa dedicación ao ensino durante trinta e oito anos e á defensa do patrimonio do Vigo metropolitano. Abofé que non abondan as palabras para agradecer o labor dun dos nosos auténticos sabios, eses sabios humildes, sempre disposto a compartir con xenerosidade e espírito didáctico tanto os seus coñecementos e pescudas como a súa visión de grande angular sobre a historia local e galega. Unha ollada de arcea que xa o singularizaba cando iniciaba a profesión de mestre no Colexio Público de Atios do Porriño, onde xa non paraba de argallar iniciativas galeguistas e renovadoras que era capaz de compartir co seu labor como formador nos contidos de Xeografía e Historia de Galicia daqueles curso de Especialización en Lingua Galega, onde tantos mestres nos formamos a comezos da década de 1980, e como redactor dalgúns dos primeiros materiais didácticos en galego destas materias para Anaya.

Activismo teimoso de mestre, da xeración do profesorado de EXB, que despois desenvolvería ao longo de dúas décadas como profesor de Xeografía e Historia no IES Pino Manso do Porriño, onde se xubilou hai un par de cursos, sendo despedido polo seu alumnado como un heroe moderno, entre aplausos e manteos, o que el considerou o mellor e máis valioso dos recoñecementos recibidos. Activismo como historiador centrado na Historia da Arte de Galicia, sobre todo da arquitectura, á que dedicou todas as súas angueiras e a súa extraordinaria tese de doutoramento dirixida por J. Melero e presentada na UNED, «A tendencia rexionalista na arquitectura galega das primeiras décadas do século XX». Un traballo académico exhaustivo, referente para investigacións posteriores, que compartiu co seu activismo como defensor e divulgador do patrimonio arquitectónico, publicando ducias de artigos na prensa e en revistas especializadas e as súas grandes monografías e exposicións sobre Manuel Gómez Román (Xerais 1995) e Antonio Palacios (Deputación de Pontevedra 1993, Ir Indo 1995, Engaiolarte 2019), arquitectos aos que sempre quedará vinculado como o principal dos seus estudosos. Traballos sobre o arquitecto porriñés que lle valeron os premios Zoco outorgado en 1995 polo concello do Porriño e o ano seguinte o de Educación e Cultura do Círculo Recreativo e Cultural da capital da Louriña.

Nacido en 1957 na parroquia de Sanguiñeda do concello de Mos, traballou como docente no Porriño e residiu en Vigo, Moncho dedicou moitas ansias á defensa do patrimonio da que foi a súa cidade amada. Membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses (1998), entidade da que foi secretario conservador, Iglesias é coautor xunto ao seu amigo o arquitecto Xaime Garrido, dos dous monumentais volumes de Vigo. Arquitectura Urbana (Caixa Galicia, Concello de Vigo 2000), así como do Recorrido pola arquitectura histórica de Vigo (Caixa Galicia, Concello de Vigo 2003), obras referenciais e aínda non non superadas no coñecemento e divulgación do catálogo arquitectónico da nosa cidade. Foi autor tamén de Arquitectura e indianos na cidade de Vigo e bisbarra (IEV 2013) e máis recente participou no libro colectivo Alfageme. Historia e memoria (IEV 2020), xunto a Xoán Carmona e Mariña López, no que se reclama a protección da fábrica de conservas proxectada por Manuel Gómez Román.

Moncho Iglesias soubo interpretar o valor do patrimonio arquitectónico na conformación da memoria e da identidade do Vigo contemporáneo. Para el a suntuosidade da arquitectura ecléctica de hai cen anos, inspirada na parisina daquel momento, era froito tanto dos excedentes da industria conserveira e das achegas dos indianos, velaí o edificio Botín do Areal, como do seu carácter portuario e cosmopolita. Nas súas intervencións orais máis recentes, Moncho alertaba da desprotección da arquitectura racionalista viguesa, quizais por non realizarse en pedra, como do perigo que corre o patrimonio da arquitectura industrial, onde se conserva parte do ADN da propia cidade. Posicións que Moncho expresaba con gran brillantez nos seus discursos e entrevistas, utilizando os datos precisos do historiador e o espírito didáctico e entrañable do mestre que sempre foi. Lembraremos a Moncho Iglesias, ademais, como un dos defensores principais da causa do Vigo metropolitano, da cidade portuaria alongada sobre a ría, gabeando sobre o monte do Castro e estendida sobre os vales do Fragoso e da Louriña, como tamén soñaba o arquitecto Palacios, un dos seus principais referentes.

Vigo, cidade onde nunca foi distinguido, débelle a Moncho Iglesias un recoñecemento público.

Onte 2093: Universo Macías

Gustei de participar ante no ciclo «Universo Macías. Así pasen 25 anos» do VIIIº Vertixe Sonora, cunha intervención breve sobre o Macías íntimo que eu recordo. Un ciclo organizado no Conservatorio Superior de Música de Vigo con motivo do vinte e cinco cabodano do seu pasamento na que en tres concertos se interpretaron varias das obras de Macías, estreouse La lyre du Désert, un documental de Manuel Del Río, así como se desenvolveron diversos coloquios e intervencións arredor da obra e da figura do compositor vigués. Despois de dúas décadas de esquecemento e silencio, nos que a figura de Enrique permaneceu como unha sombra na memoria das súas amizades e unha nota a pé de páxina dalgunhas das poucas historias da música galega, é unha excelente noticia que se comezase a dixitalización do seu catálogo e se volva sobre a dimensión creativa do Universo Macías, unha das grandes figuras da Cultura Galega da segunda metade do século XX.

Deixo aquí  en pdf o texto que utilice como referente na miña intervención.

Saída atlántica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saída sur ferroviaria e marítima de Vigo:

Coincidindo coa incerteza da segunda onda da pandemia do Covid-19, reabriuse o debate sobre as infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a Galicia e para o Vigo da metade do século XXI. A apertura do treito do AVE entre Zamora e Pedralba de la Pradería, na comarca de Seabra, que rebaixa en case unha hora o traxecto de Madrid a Galicia; a presentación dos proxectos que aspiran a lograr os fondos Covid da Unión Europea; o anuncio dos investimentos previstos no Orzamento do Estado para a variante de Cercedo, apenas 500.000 euros para continuar a avaliación hidroxeolóxica dos terreos; e sobre todo o compromiso do Goberno de Portugal de incluír no seu Programa Nacional de Investimentos 2030 unha liña ferroviaria de novo trazado entre Braga e Valença, que uniría a Vigo con Porto en apenas unha hora, son noticias todas que poderían axudar a reorientar a posición estratéxica actual de Vigo e de Galicia no marco ibérico e atlántico.

Máis alá da interpretación da propaganda partidaria nunha conxuntura política moi polarizada, de todas estas cuestións poden tirarse conclusións abondo clarificadoras. A primeira, o anuncio do Ministro de Fomento dun novo prazo da chegada do AVE ás portas da cidade de Ourense (máis en concreto, a 17 km) para o segundo semestre de 2021 supón que Vigo e a súa área metropolitana quedarán até novo aviso fóra do proxecto do AVE (Alta Velocidade Española). Á estación de Urzaiz, a pesar da enorme actuación urbanística e comercial en marcha, incluída a construción da estación intermodal de transporte por estrada, non chegarán polo momento os trens AVE que saen de Chamartín.

A segunda, os fondos previstos nas Contas do Estado para a variante de Cercedo, a panacea ou quimera das elites políticas viguesas para non descolgarse definitivamente do proxecto AVE, non abondarán nin sequera para a finalización dos estudos ambientais en marcha, que deberán concluírse coas de 2022. En definitiva, sendo realistas a chegada do AVE a Vigo non ten data prevista, razón pola que debemos asumir que os viaxeiros procedentes da Meseta chegarán a rexión urbana máis poboada de Galicia dende Santiago ou demorando dende Ourense a súa viaxe polo pintoresco trazado á beira do Miño.

Por ventura, o anuncio do ministro das Infraestruturas de Portugal, Pedro Nuno Santos, podería mudar o futuro ferroviario de Vigo e de Galicia. Tras unha década de deixar aparcado o proxecto da Alta Velocidade, Portugal volve considerar prioritario o eixo ferroviario atlántico, deseñando unha liña intermodal de AV de Porto a Lisboa, conectada cos seus aeroportos, cun tempo de viaxe dunha hora e cuarto. Unha liña que se prolongaría cara a Vigo, reducindo a viaxe dende a cidade portuense a unha hora, recuperando así o obxectivo fixado a comezos de século. Un eixo atlántico que polo tanto uniría Lisboa e Vigo por Alta Velocidade en dúas horas e cuarto e a capital lusa e A Coruña en pouco mais de tres.

A recuperación do soño do eixo atlántico ferroviario obrigaría a converter en estratéxico e prioritario o proxecto da saída sur de Vigo, para a que hai contemplados no proxecto de Orzamentos 200.000 euros para un estudo sobre a conexión de Vigo coa fronteira. Unha saída sur ou «saída atlántica», que por vez primeira na historia das nosas comunicacións evitaría que Vigo fose estación término, obrigando á construción de varios túneles que, evitando o rodeo por Redondela, conectarían a estación de Urzaiz coa nova do Porriño. Un trazado que reduciría tanto a duración da viaxe até Ourense (o que facilitaría a conexión co AVE) como até Tui e a fronteira; sen menoscabo do acceso ferroviario á Universidade de Vigo e ao propio Hospital Álvaro Cunqueiro, próximos á nova estación de Beade. Unha saída que obrigaría a estudar como integrar o transporte de mercadorías (hoxe en Guixar) e como dotar de intermodalidade a terminal portuaria de Bouzas, o que a pesar de ser complexo suporía unha mellora decisiva para consolidala na rede de autoestradas do mar. Unha saída atlántica, polo tanto, ferroviaria e marítima, que algúns técnicos valoran en máis de 500 millóns de euros, o que comparado con outras infraestruturas non parece un custe disparatado, mais aínda cando facilitaría que a nosa área metropolitana funcionase como eixo equidistante das do Porto e da Coruña.

Apostar colectivamente e sen fisuras entre administracións pola saída sur ferroviaria de Vigo, o proxecto público máis ambicioso e complexo da cidade metropolitana, despois de anos de interminable dependencia na comunicación coa Meseta, supón recuperar a ilusión na reintegración no proxecto atlántico europeo, tanto con Portugal como con outros estados (celtas) da fachada atlántica marítima, comunidade cultural e económica da que Vigo e Galicia historicamente forman parte.

Día das bibliotecas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día internacional da biblioteca e a situación da rede de bibliotecas municipais de Vigo

O pasado sábado celebrouse o Día Internacional da Biblioteca destacando o papel decisivo que xogan estas institucións culturais e educativas especializadas en lectura ofrecendo acceso libre á información, á cultura, ao coñecemento e ao lecer en calquera lugar e circunstancia. Unha efeméride conmemorada dende 1997, a proposta da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura e polas diversas CC.AA., en lembranza do incendio e posterior destrución da Biblioteca Nacional Bosnia de Saraievo en 1992, tras un ataque das milicias serbias con proxectís de fósforo destruíndo dous millóns de libros, incluídos máis de 700 manuscritos e incunables e 150.000 rarezas bibliográficas e tesouros da cultura bosníaca.

Celebrada en todo tipo de bibliotecas (públicas, escolares, privadas e especializadas), este día pretende salientar a importancia da biblioteca como espazo de encontro de lectores e lectoras de todas as idades coa cultura e coa información, sexa cos textos (libros, xornais ou revistas) publicados en soportes impresos ou accesos dixitais, fose con contidos musicais, audiovisuais ou xogos interactivos, ademais dun instrumento de mellora e formación da convivencia humana.

Día das bibliotecas nas que a pesar das restricións obrigadas pola etiqueta sanitaria do Covid-19 centos de bibliotecas escolares abriron en Galicia as súas portas, nunha emocionante mobilización lectora sen precedentes que na actual contorna da pandemia enche os depósitos de esperanza dos que cremos na lectura como panca de cidadanía.

Como tamén serviu a xornada, no actual contexto de hibridación da lectura, no que o libro impreso comeza a compartir o seu protagonismo cos accesos dixitais, para reabrir o debate sobre o futuro das bibliotecas públicas e súa necesidade de reinventarse nos cinco continentes como células culturais básicas que atraen milleiros de usuarias sexa pola súa arquitectura singular como por deseñarse como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e mocidade, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros posibles servizos.

Mágoa que en Vigo, a pesar de ser a capital editorial de Galicia e unha das cidades do estado máis destacadas na edición de libros, a celebración do día das bibliotecas obrigue a lembrar as cifras que representan a anemia bibliotecaria que a cidade padece dende hai tres décadas. Vigo continúa sendo a cidade galega pechacancelas no que atinxe ao seu número de libros en bibliotecas públicas en relación ao seu censo de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño, moi lonxe dos 2,54 da Coruña e 2,60 de Pontevedra); como conta só con dúas bibliotecas públicas (a Juan Compañel da Xunta de Galicia e a Xosé Neira Vilas de titularidade municipal), unha dotación moi insuficiente fronte á tupida rede dunha ducia de centros cos que conta a cidade da Coruña, dez deles sostidos polo concello herculino.

Vigo necesita máis libros e máis bibliotecas que faciliten o encontro da veciñanza e o acceso á información e á cultura nos diversos formatos. Vigo precisa tecer a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables desta anemia bibliotecaria. Un proxecto que, en primeiro lugar, pasa por abandonar o disparatado modelo municipal actual das salas de lectura, «bibliotecas sen libros e sen persoal bibliotecario», como as abertas no edificio do auditorio Mar de Vigo, en Bouzas e Navia, adoptando con carácter xeral, xa dende a prevista para Teis, o modelo dinamizador da moi exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade aberta para facer efectivo o compromiso do Goberno de España de construír a devecida Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración de arquitectura singular, concibida como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro. Agardemos que a posibilidade de recuperar o proxecto das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.

Cidade granito

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Granito de Álex Alonso, novela viguesa gañadora ex aequo do Premio Torrente Ballester 2019

Vigo é unha cidade granito. O porto de Vigo é o terceiro do mundo en tráfico de pedra, tanto polo seu volume de exportación de granito en bruto como polas importacións para súa elaboración por parte das empresas transformadoras instaladas na súa maior parte no Porriño. Unha actividade extractiva e industrial iniciada hai case un século pola familia Ramilo, que na actualidade factura máis de 300 millóns de euros sendo un dos sectores económicos máis consolidados da área metropolitana viguesa tanto pola importancia do seu emprego como polo feito de que o prestixioso granito rosa do Porriño constitúe unha referencia internacional para a nosa área metropolitana. Vigo é unha cidade pétrea, ademais, pola importancia da súa arquitectura do granito, deseñada dende hai máis dun século nos ensanches da súa cidade portuaria por arquitectos como Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Antonio Cominges, Francisco Castro Represas, Pedro Alonso, entre outros, que legaron un patrimonio construtivo extraordinario que hoxe forma parte da identidade e do orgullo da propia cidade.

Defendido de forma teimosa polo arquitecto Jaime Garrido e por outros estudosos do Instituto de Estudios Vigueses, este carácter granítico de Vigo contaxiou a narrativa nosa que comezou a localizar as súas ficcións neste espazos icónicos para a memoria viguesa. Velaí as achegas pioneiras de «novelas viguesas» de Cid Cabido (Panificadora, 1994) e Manuel Forcadela (Fóra de xogo, 1993), ás que na última década se engadiron as de Pedro Feijoo, Domingo Villar, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Esteban, Francisco Castro, Beto Luaces, Elena Gallego Abad, Alicia Borrás… Unha relación aberta á que se engade agora Álex Alonso, o narrador de San Miguel de Oia, autor da extraordinaria Granito (Xerais 2020), premio Torrente Ballester 2019, ex aequo con O paraíso dos inocentes (Galaxia 2020) de Antón Riveiro Coello. Coñecido polos seus libros de relatos Xénero imperfecto (2016) e Tempos de bébidas isotónicas e fast-food (Xerais 2016), con esta novela de lectura aditiva e longo alento (568 páxinas), ao fío daquel terrible crime de Nigrán do 1 de febreiro de 1994, Álex Alonso reconstrúe a memoria social, cultural e política do Vigo de hai case tres décadas, cando en plena crise económica se iniciaban as profundas mudanza urbanas do Vigo de fin de século.

Álex Alonso segue o ronsel iniciado polo mestre Cid Cabido con Unha historia que non vou contar (Xerais 2009), na que cuestionando os moldes da propia ficción afondara no mítico crime do industrial conserveiro Antonio Alfageme de 20 de abril de 1974. Alargando os recursos literarios da novela de non ficción, Álex reconstrúe en Granito o cuádruplo crime de Priegue do que foran vítimas o industrial do granito David Fernández, a súa dona Pilar Sanromán, a filla de ambos os dous, Marta e a traballadora doméstica Ana Isabel Costas; crimes dos que foron autores os policías nacionais Manuel Lorenzo Vázquez e Jesús Vela Martínez, que serían condenados a 212 anos de cárcere. Utilizando personaxes literarios de ficción, cuxos nomes apenas comparten a inicial cos reais, Alonso ofrece con detalles de espírito evidencialista o que puideron ser na realidade as historias de vida de vítimas e asasinos durante o mes que precedeu á matanza. Un procedemento narrativo semellante ao que Truman Capote utilizara en A sangue frío para radiografar aquel cuádruplo asasinato da familia Clutter, outro crime sen motivo aparente. Un intelixente procedemento literario de novela xornalística que propón ao lectorado atravesar as certezas pola peneira da ficción para que cadaquén faga a súa interpretación.

Se isto xa non abondase, Granito ofrece moito máis que as razóns documentadas que levaron a dous policías fracasados a acabar con toda unha familia. Granito reconstrúe o Vigo de comezos de 1994, os locais e establecementos, cando era alcalde Carlos G. Príncipe, reitor Luis Espada Recarey e adestrador do Celta Víctor Fernández. Unha crónica xornalística, na ficción o narrador é un periodista en prácticas de Faro de Vigo, que retrata un Vigo en mudanza no que grandes actuacións urbanísticas se presentan como o Vigo futuro (centro comercial das Travesas, praza Elíptica ou «Abrir Vigo ao mar»). Un xornalista que reclama a conservación do patrimonio da Alameda, lembra o carácter metropolitano do tranvía ou denuncia a precaria situación das persoas sen teito que sobreviven no km 0 da cidade, na planta baixa dun abandonado edificio Simeón. Vigo rebelde, no que triunfa sen paliativos a folga xeral do 28 de xaneiro contra a reforma laboral de Felipe González… Recomendo vivamente Granito, moi valiosa novela viguesa, que recupera a nosa memoria máis recente.