Onte 670: 4.000

Onte superamos as 4.000 anotacións destas brétemas. Tras nove anos de traballo case diario, facemos unha parada no camiño moi curta para continuar reivindicando o valor e a actualidade dos blogs. A pesar da intensidade informativa de Twitter, da saturación da conversa (ás veces interesante, outras ruidosa) de Fb ou da popularidade das canles de vídeo, acredito nos blogs como o corazón da identidade dixital de persoas, entidades e proxectos. A pesar da pouco explicable desaparición de Google reader, un lector de feeds aínda non superado na nosa lectura dixital, os blogs son ferramentas primeiras para tirarlle proveito ás utilidades hipertextuais da prosa electrónica, ao tempo que constitúen un arquivo dixital moi valioso (fronte á fraxilidade e o carácter efémero das redes informativas, sociais e profesionais). Un arquivo cuxa utilidade medra se utilizamos decote as categorías e etiquetamos de forma detallada cada unha das nosas anotacións. Twitter, Fb, You tube, Vímeo, Linkedin nin substitúen nin acaban cos blogs, mesmo asumindo o feito de que os blogs, con algunha excepción, non son xa o espazo axeitado para manter a conversa e a fibra de entusiasmo daquel blogomillo emerxente en 2004 e 2005. Ademais do arquivo persoal ou corporativo de contidos dixitais, hoxe a especialización temática ou de formato, o desenvolvemento de proxectos de escrita hipertextual e colaborativa ou o emprego como ferramenta didáctica son tendencias en alza na escritura e lectura de blogs. Sigo apostando pola utilidade deste formato.

Onte 585: Tertulia

Cando na tertulia da Radio Galega comentabamos as andanzas perigosas de Manolo Pescanova, soubemos por twitter dos estouridos da maratón de Boston. Cando valorabamos o anuncio de Feijoo da posible entrada de Pemex no capital dos estaleiros vigueses (Barreras), a pantalla do teléfono doíase comunicando a derrota en tempo de desconto dun Celta xa pechacancelas. Case non houbo tempo para comentar a vitoria axustadísima de Maduro nin a ofensiva de Rouco para que Rajoy modifique as leis do aborto e dos matrimonios de persoas do mesmo sexo e mellore o estatuto dos centros educativos católicos. Vaia axenda informativa dun 15/04 que semella lembraremos!

Onte 541: #QueSeLixeATroika

As grandes manifestacións de onte en Portugal amosan a indignación dunha maioría social farta da política de austeridade imposta pola Troika e polo goberno de Passo Coelho. Convocados apenas por internet –utilizando  un blog, Fb e Twitter, baixo o hastag #QueSeLixeATroika e os lemas «Queremos as nossas Vidas» e «O povo é quem máis ordena»–, o millón e medio de persoas que ocuparon as rúas das cidades portuguesas, probablemente nas máis importantes manifestacións da súa historia recente, aprobaron unha Moción de Censura Popular, un chamamento á romper coas políticas nefastas de devaluación interna que empobrecen aínda máis aos humildes e remata coa democracia. O que sucedeu onte en Portugal amosa, ademais, a crise da lexitimidade dos partidos de goberno que minten á cidadanía e incumpren sistematicamente o que prometeron. Neste triste proceso, Portugal vai un ano por diante nosa. Aconsello reparar nas fotos e nos vídeos, identificando os textos das pancartiñas, onde non aparecen (ou polo menos eu non os vin) emblemas e insignias dos partidos de esquerda tamén presentes na convocatoriaEmociona escoitar outra volta  «Grândola vila morena» no Terreiro do Paço. Dá moito que pensar, un pobo que non se resigna.


Onte 532: #twitterengalego

A versión beta do Twitter en galego constitúe outro éxito colectivo da comunidade da internet galega. Esta posibilidade de escoller o galego entre as opcións de idioma en Twitter é un paso importante na normalización da presenza do nos ididoma na rede. Gustei das solucións escollidas polo equipo de tradución, sobre todo de termos novidosos como «chío», «rechío», «rechouchiado», «rechouchioute», ás que nesta versión beta haberá que engadir algunhas melloras. Iniciativas como a de #twitterengalego , ou a de Navega en galego, amosan o feliz vínculo entre lingua e comunicación dixital, ademais de constituír un avance decisivo de cara a consecución do dominio .gal. Para escoller o #twitteregalego abonda con seguir a secuencia CONFIGURACIÓN > IDIOMA > GALEGO. Beizóns a todas as persoas que xa utilizan o twitter en galego e aquelas xenerosas voluntarias que o traduciron. Twitter en galego somos todos nós. Eu xa chio, chía ti agora!

Onte 488: @AcademiaGalega

Excelente noticia foi a incorporación dende onte da Academia Galega a twitter (@AcademiaGalega). Coa súa presenza nesta rede informativa, a nosa Academia profundiza e mellora a súa comunicación dixital e o seu servizo público, un proceso que iniciara hai dous anos coa renovación do seu agora modélico espazo web e a apertura do seu utilísimo dicionario en liña. A conformación da identidade dixital da Academia Galega únese a outros moitos e importantes proxectos de modernización e presenza social da institución centenaria impulsados pola actual presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín, que neste 2013, entre outras iniciativas, homenaxeará a Roberto Vidal Bolaño e conmemorará o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Para desenvolver esta decisiva e enorme tarefa de dinamización cultural por todo o país, como a súa responsabilidade no eido da investigación lexicográfica, literaria e histórica, a Academia precisa contar con recursos suficientes. Razón pola que o financiamento da nosa primeira institución cultural constitúe unha das responsabilidades principais das políticas culturais de todos os poderes públicos en Galicia, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia até as administracións locais. Neste contexto, non hai argumentos que xustifiquen os recortes brutais das achegas públicas previstas para este 2013 que poñen en perigo o funcionamento da institución e, ao tempo, amosan unha desconsideración para a nosa lingua e para a nosa cultura. A pesar das presións desesperadas dos sectores galegofóbicos, é perfectamente posible para o Goberno Galego reconducir a situación e asegurar un financiamento digno para a entidade. O futuro da Academia Galega, un patrimonio da nación, será tamén o futuro de Galicia.

Onte 476: #IdleNoMore

Margaret Atwood, a nosa admirada narradora canadiana, veciña de Toronto, apoia dende o seu moi activo perfil de Twitter a difusión do hashtag #IdleNoMore a prol da defensa das comunidades indíxenas das primeiras nacións canadianas. O pasado 10 de decembro, milleiros de persoas mobilizáronse nas rúas das principais cidades canadianas baixo o lema «Idle No More» para protestar polos efectos das políticas actuais sobre os pobos índíxenas. Estas manifestacións, que tiveron ampla difusión nas redes sociais e moi escasa nos medios de comunicación, foron as máis importantes das celebradas en Canadá dos últimos anos, até ser consideradas como «native winter», á semellanza das das chamadas «primaveras árabes». O episodio máis impactante das mobilizacións está sendo protagonizado pola xefa Attawapiskat Theresa Spence que comezou unha folga de fame que pretende alongar até que o primeiro ministro Harper e a raína Sabela II acepten reunirse cos líderes das «primeiras nacións». A xefa Attawapiskat confesou «estar disposta a morrer até conseguir maior respecto para os membros do seu pobo». O movemento Idle No More xurdíu a raíz dos acontecementos do 4 de decembro, cando se impedíu acceder aos representantes das primeiras nacións ao parlamento de Ottawa onde se debatía a Lei C45, que eles entenden debilita protección da terra e das augas, ademais de violar tratados xa existentes. #IdleNoMore configúrase como un movemento cidadán de empoderamento, promovido dende a rede, que achega novos puntos de vista no eido político, ao tempo que é capaz de mobilizar a sectores mozos e outros até agora pouco representados. Pode seguirse a evolución deste interesante movemento cidadán dende o seu blog e espazo en Fb.

Na foto a xefa Theresa Spence.

Onte 471: Twitter 4.000

O meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.

(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)

Onte 384: Escaparate

Foi magnífico o escaparate que a Galería Sargadelos de Lugo preparou con motivo da presentación do libro de Xesús Alonso Montero Castelao na Unión Soviética en 1938. O escaparatismo creativo foi unha das estratexias principais do pequeno comerciante para reclamar o interese da clientela. Unha modalidade de promoción á que non foi allea o mundo da libraría tradicional, como demostraban aquelas vitrinas formidables da viguesa Librería Cervantes ou da Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, sempre actualizadas coas máis recentes novidades. Inmersos na voráxine do medo e da anemia comercial, debemos procurar que o libro galego volva aos escaparates das nosas librarías, facéndose visible á cidadanía toda, como onte sucedeu co libro de Alonso Montero en Lugo. Propoño unha campaña de parabéns –publicando e viralizando fotografías en Twitter e Fb– a aquelas librarías que arranxen os seus escaparates de xeito creativo e visibilicen neles libros en galego. Beizóns a Sargadelos de Lugo pola súa longa tradición escaparatista a prol do libro e cultura galegas.

Onte 381: As cifras de Twitter

Preparando a miña intervención na Rede de Coñecemento Compartido que a AGE organiza o vindeiro martes sobre «A identidade dixital da editorial», din con algunhas desas cifras desorbitantes (das que descoñezo a súa fiablidade) sobre o uso de Twitter. Pareceume impresionante que sexan xa 500 millóns os usuarios de Twitter no mundo, estimándose que en España xa superan a barreira dos cinco millóns. Botando contas e asumindo a fenda dixital galega, estimo que en Galicia contan con perfil nesta rede informativa entre 200.000 e 250.000 persoas. Xa sei que moitas estarán inactivas ou que o utilizan só para a participación pasiva, mais ninguén pode negar o impacto sobre os nosos hábitos de acceso á información desta lectura dixital, realizada na maior parte das ocasións sobre pantallas de teléfonos móbiles. Unha mudanza dun enorme calado.

Onte 379: Twitter en galego

A tradución do Twitter en galego é un éxito da comunidade de persoas que empregamos decote o galego nesta rede informativa. Un esforzo teimoso de varios anos no que se viñeron desenvolvendo as máis diversas iniciativas e nas que nestes meses recentes foi decisiva a solicitude promovida dende o perfil Twiter en galego. Non teño dúbida ningunha que o compromiso dos usuarios e usuarias foi o que colocou (xa en 2009) o galego como a vixesimosegunda lingua máis utilizada en Twitter. Porén, como xa sucedeu no caso de Barreras, doe que a Xunta ao fío da precampaña electoral pretenda colocarse unha medalla que non lle corresponde. Beizóns a todas as persoas que utilizan o twitter en galego e aquelas xenerosas voluntarias que agora o están traducindo. Twitter en galego somos todos nós.