Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!

Onte 366: Un ano de «Onte»

Hai xustamente un ano decidín iniciar un dietario dixital, baixo o título de «Onte», onde recollese algunhas reflexións de actualidade política, social e cultural, ao tempo que relatase en primeira persoa os acontecementos públicos nos que participo. A experiencia supuxo para min asumir tanto un reto diario de reflexión como respectar unha disciplina de escrita diaria, ás que nunca me enfrontara. O emprego das utilidades hipertextuais, a brevidade e premura na composición dos textos foron os únicos límites formais da serie. Tras un ano de actividade deste dietario, que hoxe inicia a sua segunda tempada, reitero a miña convicción na importancia do blog como cerna da miña identidade dixital, mesmo a pesar da miña intensa actividade  en Twitter, que concibo como primeira rede informativa, e a presenza en Fb, que entendo como plataforma de conversa e interacción menos formalizada. Fronte a fraxilidade e fugacidade de Twitter e Fb, o blog é hoxe a nosa mellor memoria dixital, permite o arquivo e súa axilidade de consulta retroalimenta a escritura dos hipertextos novos. De cara ao futuro é a miña intención profundizar na brevidade e hipertextualidade de cada unha das anotacións de «Onte». Obrigado quedo cos seus lectores e lectoras.

Onte 363: Internet e tv, soportes da campaña

Feijoo está preocupado porque percibe que o PP de Galicia ten escaso peso en internet. Afeito aos parabéns e delicadezas da maior parte da prensa en papel editada no país e aos aloumiños dos medios públicos, recrimina ás Novas Xeracións «a súa escasa implicación na rede a prol dos intereses do seu partido». Alén de semellarme inxusta co papel da mocidade conservadora, está valoración tan choqueira pon en evidencia o prexuízo do presidente de identificar a utilización das redes sociais coa mocidade. O propio Feijoo, quizais por non considerarse un mozo, carece de identidade dixital de seu (onte abriu a súa conta twitter), eiva que comparten o resto dos membros do seu gabinete, algo inconcebible nun político que pretende proxectarse como modelo de modernidade austera. Ben sería que antes de apupar as súas mocidades, Feijoo valorase a importancia que Obama concedeu ao longo de todo o seu mandato a manter unha voz propia e fiable en Twitter e Fb para defender as súas políticas e asegurar a súa reelección. Pola contra, temo que despois de estragar toda a lexislatura, nestas poucas semanas de precampaña moi pouco poderán arranxar os comunity manager do PP e os xefes de prensa das consellarías para artellar unha imaxe dixital sólida dos conservadores galegos e do seu presidente. É probable que se as Autonómicas se dirimisen na rede, Feijoo tería moi difícil recuncar. Porén, como a fenda dixital aínda é considerable en Galicia, o equipo de campaña de Feijoo confía en que sexan os debates televisivos os que axuden a decantar ao seu favor un resultado hoxe moi axustado. Semella que internet e tv serán os dous soportes principais desta campaña.

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.

Fracaso sen paliativos

A noticia, adiantada onte en twitter por Guillermo Meijón, supón unha rotunda desautorización do Consello Escolar de Galicia ao Conselleiro de Educación e ao seu equipo. Non se pode impoñer unha chamada «Lei de Convivencia» a unha comunidade educativa que a rexeita de forma tan unánime. Diante de semellante fracaso sen paliativos, Xesús Vázquez non ten outras opcións que retirar o anteproxecto ou demitir; continuar o procedemento, coma se onte nada tivesese sucedido, sería un xeito de inocular un virus en cada un dos centros escolares. A celebración do Día Escolar pola non violencia e paz é unha magnífica oportunidade, quizais a derradeira, para retificar.

Sexto aniversario

A Manuel Rivas, compañeiro de Brétema

Hoxe estas brétemas chegan ao seu sexto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.945 (332 neste sexto ano) e 7.933 comentarios (625 en 2010), o que consolida a tendencia apuntada xa o pasado ano dunha ralentización do ritmo de publicación no blog, ao tempo que un claro incremento da utilización de Twitter (onde xa superamos os 4.500 tuits) e de Facebook, espazos onde agora se está producindo boa parte das interacións e dos debates. No caso noso consolídase a tendencia da transferencia da conversa cara estas redes sociais, manténdose o blog como eixo da nosa identidade dixital. Este ano, Brétemas tivo a honra e a fortuna de ser recoñecido co Premio AELG ao blog literario 2010, o que constituíu para nós unha grande honra pola expresamos a nosa maior gratitude.

Como é adoito, este aniversario –coincidente tamén co sexto de Jaureguizar e Nacho de la Fuente, entrañables compañeiros cos que iniciei en 2005 esta aventura – serve para recuperarmos algunhas das anotacións que foos realizando, xa que unha das funcións do blog é o de servir de arquivo dixital.

Das do inverno, recupero dúas das que facían referencia ao rexeitamento do borrador do decreto de plurilingüismo, «O noso idioma á intemperie», «U-lo consenso? Galego 2025» e unha terceira, «ProLingua, o día despois», que se facía eco da experiencia das 63 presentacións expansivas e simultáneas, organizadas por ProLingua, do libro coordinador por Quique Costas 55 mentiras sobre a lingua galega.

Das anotacións da primavera recupero «Un caligrama: a miña bandeira», unha imaxe preparada en letraset por Agustín Fernández Paz e «Dona Carme, novas versións», ao fío da miña feliz tarde na Casa da Lectura dos meus amigos e maigas de espazo Lectura.

Das anotacións do verán rescato, «Un longo e tortuoso camiño», unha rcomendación entusiasta do magnífico libro de ensaio sobre o BNG de Xosé Ramón Quintana Garrido, e «Galicia, unha xeración perdida?», un artigo en Faro de Vigo no que expresei unha das miñas maiores preocupacións, o fenómeno da emigración da mocidade.

Xa no derradeiro trimestre, coa chegada do outono, o blog devalou polos territorios que lle son máis propios, os da preocupación pola lectura e a mudanza do paradigma do libro e da comunicación cultural. Das numerosas anotacións publicadas neste período sobre o tema recupero «A arte de ler en tempo de crise e mudanza» e «Guardiola e o fomento da lectura».

Como ven sucedendo dende o seu inicio, no blog foron publicándose este ano as crónicas celestes de Campo do Fragoso, ás que só lles falta unha para acadar a súa primeira centena. Entre todas elas escollín «Herrera acertou», na que expresei a miña admiración polo míster que despois de tres tempadas horribles pode devolvernos a primeira cos mellores.

Agradezo o agarimo de todos os lectores e lectoras destas brétemas, que sinto como numerosos e próximos, sexa aquí no blog, por medio dos seus lectores de feeds, por Twitter ou nos enlaces de Facebook; a todos estas persoas expreso as miñas beizóns por interesarse por elas. Se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falta, continuaremos con elas explorando o territorio das brétemas de esperanza.

48horas Democracia


Admirable iniciativa de seguimento cidadán das eleccións brasileiras. A combinación entre o emprego colaborativo de Twitter e o uso de streaming permite unha publicación á marxe dos medios de comunicación comerciais.
Vía: Por un BNG de futuro e con futuro.

Que erro tan grande!

«Que erro tan grande darlle máis poder nas aulas a uns pais que perderon o seu na casa.»

Creo que esta frase, que lin nun comentario de Facebook e que recolle en Twitter Descalza, describe mellor ca ningunha outra as dimensións do erro enorme que vai cometer o PPdeGalicia presentando ese proxecto de decreto (chamado) de plurilingüismo. Un texto que rompe un modelo consensuado de convivencia lingüística, forxado con moitas dificultades ao longo de tres décadas de autonomía, e fará retroceder o uso do galego nas aulas, dificultando así a adquisición dunha competencia idéntica nas dúas linguas oficiais a todo o alumnado ao remate da ESO. Mañá abordaremos a cuestión máis por extenso no artigo de Faro de Vigo que titulamos «Galego, o consenso feito cachizas».

Mentres, continuamos en Twitter o noso seguimento sobre as reaccións e mobilización que esta suscitando a noticia. Recomendamos a todos os tuiteiros que cando a aborden empreguen a marca #decretogalego.

Entre as moitas reaccións de repulsa ao contido do avance do decreto recomendamos a lectura das publicadas polas dúas plataformas nas que participamos: ProLingua e Galego Patrimonio da Humanidade.

Neste momento decisivo para o futuro da nosa lingua, como sinala Xosé Gundín, a resposta unitaria é vital.

A promoción editorial en Internet

Esta tarde retomamos as sesións do «Mestrado en Edición», unha experiencia docente que nos está axudando a sistematizar a reflexión sobre o noso traballo. Dedicaremos á promoción editorial en Internet a primeira sesión. Aquí deixamos en pdf os apuntes que elaboramos e utilizaremos en clase.

Ademais, recomendaremos o traballo sobre o magnífico documento de Anatomía de la edición: «Manual de comunicación on line editorial: Twitter» (pódese descargar en pdf)

Moitas grazas a Alberto Vicente e Silvano Gozzer, responsables de Anatomía de la edición por deixarnos compartir o seu excelente traballo.

25 de abril en twitter

Recomendo seguir o twitter do 25 de abril. Aquela xornada de 1974, recordada hora a hora. Un esforzo extraordinario de documentación na rede que amosa as posibilidades comunicacionais e creativas do microblogueo.Unha iniciativa a emular.