Onte 2094: Presentación do libro «Escuela Digit@l», un informe sobre transformación dixital educativa


Participei onte na presentación de Escuela digit@l. Los materiales didácticos en la Red (Grao 2020), o libro coordinado por Manuel Area Moreira, catedrático de Tecnoloxía educativa da Universidad de la Laguna e investigador principal do Laboratorio de Educación e Novas Tecnoloxías (EDULLAB). Todo unha honra para min acompañar aos profesores Jesús Rodríguez Rodríguez (USC) e José Peirats Chacón (Universitat de Valencia), ás profesoras Tania Braga (Universidade do Paraná do Brasil) e Mariana Maggio (Universidade de Bos Aires), xunto ao editor Antoni Zabala, na presentación internacional dun libro-informe froito dunha ampla investigación universitaria sobre a situación da transformación dixital educativa en España. Unha obra que aparece nun momento decisivo, en plena pandemia covid 19, que precipitou a educación mixta, a que se desenvolve de forma presencial e a distancia (formalmente dixital).

Un libro que na miña opinión aborda de forma innovadora a escola dixital, xa que a identifica coa rede, e polo tanto coa utilización da hipertextualidade e as súas utilidades. Un alicerce sobre o que Manuel Area organiza os conceptos básicos desta transformación dixital e propón unha clasificación dos materiais dixitais educativos, chamada a convertirse en referencial. Este carácter hipertextual, xustificado polo feito de que hoxe a comunicacion en todos os ámbitos deixou de ser alfabética para transformarse en hipermedia e transmedia, obriga a unha alfabetización nas utilidades da lectura e escritura hipertextuais. Transformación, polo tanto de tecnoloxía educativa como do propio currículum.

O carácter e o ritmo desa hibridación dos materiais didácticos, así como a posibilidade do carácter disruptivo para o sector editorial privado da transformación dixital educativa en marcha é unha das cuestións mais controvertidas do informe. De seguiren así as cousas, terán algún papel as editoras comerciais? Os actuais materiais dixitais educativos, que supoñen apenas o 3% dun mercado de 800 millóns anuais do libro de texto (datos 2019), amosan tanto a insuficiencia e atractivo da oferta como a ausencia dun modelo de negocio alternativo, que entendo pasa por abandonar o modelo de libro de texto como secuencia curricular anual dunha materia para adaptarse ao modelo dos repositorios dixitais educativos institucionais e de suscricións por accesos.

Ademais de presentar por extenso sete experiencias de bos prácticas doutros tantos centros de Primaria e Secundaria, o libro ten un interesante carácter prospectivo achegando orientación para a elaboración de materiais educativos dixitais para editoras e produtoras, para o profesorado como para o alumnado e as súas familias. Entre estas orientacións é de salientar que a elaboración dos materiais dixitais debe ser considerada como unha actividade procesual, aberta, colaborativa, experimental e hipertextual, incorporando os avances da realidade virtual e aumentada, da big data como da Intelixencia Artificial.

En resume, un libro clave para entender o proceso de transformación educativa dixital, o que se está facendo nas escolas e institutos e o que debería acometerse no futuro. Parabéns a Manuel Area e ao seu amplo número de colaboradores.

Sé xenial en Internet

Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) colabora coa Policía Nacional e a Fundación de Ayuda contra la Drogadicción (FAD) no proxecto de Google «Sé Xenial en Internet». Unha iniciativa coa que se pretende axudar a nenos e nenas e a adolescentes a facer un uso seguro e responsable da tecnoloxía, así como apoiar a familias e docentes no aproveitamento educativo que ofrece Internet.

O portal «Sé xenial en Internet» ensina os conceptos fundamentais da cidadanía dixital e seguridade para que poidan explorar con confianza o mundo en liña.

As distintas actividades organízanse en cinco principios:

–. Comparte con coidado: Sé intelixente en Internet.
–. Non caias en trampas: Mantente alerta en Internet.
–. Protexe os teus segredos: Mantente seguro en Internet
–. Ser amable é xenial: Sé amable en Internet
–. Se tes dúbidas, pregunta: Sé valente en Internet

O portal conta cunha sección de recursos para o profesorado que inclúe unha guía para docentes, que achega os recursos para  ensinar na aula os conceptos básicos de seguridade e cidadanía dixital. Aínda que se enfoca para alumnado de terceiro a sexto de primaria, resulta útil tamén para o de secundaria.

Tamén hai un apartado específico con recursos para pais e nais, onde se pode consultar unha guía para familias, onde aparecen claves para fomentar dende a casa os bos hábitos e o diálogo sobre o uso da tecnoloxía. E como complemento no acompañamento dixital, o portal inclúe a ferramenta de supervisión Family Link, que xestiona as aplicación que pode usar os menores ou controla o seu tempo de xestión, entre outras.

O videoxogo Interland

Neste portal tamén dispoñible o videoxogo gratuíto Interland, con posibilidades de aproveitamento didáctico tanto na casa como no colexio.

A través de catro escenarios diferentes (Reality River, Tower of Treasure, Kind Kingdom, Mindful Mountain) trabállanse aspectos como: diferenciar entre o real e o falso, recoñecer os sinais dunha estafa, entender que é phishing e como reportalo, aprender a crear un contrasinal seguro que ademais debe ser recordable, non tolerar a intimidación, comprender que algunha información é sensible, así como as consecuencias de compartir certa información.

Teléfono 017

Un  complemento a esta campaña é o servizo que INCIBE ofrece a través da Línea de Ayuda en Ciberseguridad, onde é posible recibir axuda profesional acerca do uso seguro e responsable de Internet. Un recurso gratuíto e confidencial co que poden contar docentes, familias e menores todos os días do ano de 09:00 a 21:00h. Abonda con marcar o  teléfono 017 e despois, escoller a opción nº1, correspondente ao equipo de menores.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Educación non presencial. Decálogo para familias

O primeiro espazo educativo é a familia. Logo a escola. A situación de confinamento continuado na casa das crianzas durante xa máis de dous meses debería converterse nunha oportunidade para reconsiderar o papel fundamental da familia na súa educación.

As familias deberían considerar esta longa corentena na que os escolares están lonxe das aulas como unha oportunidade para participar no seu proceso educativo e colaborar co profesorado do colexio para que continúen dende casa coas súas tarefas escolares e non perdan as rutinas e hábitos de estudo.

O Laboratorio de Educación y Nuevas Tecnologías de la Universidad de la Laguna, dirixido polo catedrático galego Manuel Area Moreira, dedicou unha das súas guías da colección «Enseñar y aprender desde casa», ao papel da familia nesta tarefa (pode descargarse aquí, 8 páxinas).

Recollemos unha síntese do decálogo de orientacións xerais para as familias sobre a ensinanza non presencial:

1–. Axuda a establecer horarios e rutinas nos teus fillos e fillas. No día hai tempo para o traballo de clase, para o descanso e para un lecer responsable. Recoméndase establecer un horario no que se respecte que por cada 45 minutos de traballo haxa un descanso de 15 de descanso (para beber auga, pasear pola casa ou facer un pouco de exercicio).

2–. Edúcaos no aproveitamento produtivo do tempo de traballo. É importante que no tempo dedicado ao traballo estean concentrados na tarefa, polo que para fomentar a súa concentración é necesario reducir das distraccións e crear un ambiente tranquilo.

3–. Revisa as medidas de seguridade e prevención dos dispositivos dixitais. Comproba que tes instalado un antivirus que protexe os dispositivos de calquera ameaza que poidamos atopar en internet. Ten a man os contrasinais dos accesos e procura que sexan seguras e intransferibles.

4–. Coordínate co profesorado para favorecer a súa aprendizaxe. Comunícate coa titora, sen que isto supoña saturala de mensaxes. Pensa que, como lle sucede ás familias, ela está vivindo tamén unha situación complicada sen poder estar cerca do seu alumnado. Se tes dúbidas ou precisas información, aproveita as canles do colexio para solicitala.

5–. Fomenta un uso racional e responsable dos recursos tecnolóxicos. Hai que ser responsables no uso da tecnoloxía, o que supón o respecto dalgunhas normas. Dependendo das idades das crianzas haberá unhas horas para facer as tarefas do cole no ordenador, outras para ver a televisión, outra para os videoxogos da tablet ou do móbil.

6–. As tarefas escolares na casa non deben ser só dixitais. Ensina aos teus fillos a estar desconectado. É necesario diversificar o uso dos recursos dispoñibles, xa sexa dixitais ou analóxico para favorecer a desconexión da tecnoloxía e capacidade creativas en diferentes soportes. É importante poñer un límite ás horas diante das pantallas (tele, videoxogos, redes sociais, segundo a idade) e propoñer outro tipo de actividades atractivas como a lectura.

7–. Selecciona ben os dispositivos tecnolóxicos utilizados para a educación na casa e interésate en buscar recursos educativos na rede. É unha realidade que non todas as familias teñen a mesma capacidade de acceso a un ordenador ou tablet para poñela a disposición dos fillos. Se tes dificultade, procura axuda do centro para procurar unha solución.

8–. Procura xerar un clima agradable e positivo á hora de poñerse a traballar. Fomentar un ambiente positivo axudará a manter un mellor ánimo e unha sensación de benestar. É importante manter unha actitude aberta diante das posibilidades educativas das TIC.

9–. Déixalles espazo e autonomía na realización das súas tarefas. Tanto as crianzas como as adolescentes necesitan asumir a responsabilidade das súas tarefas e obrigas. As familias deben axudar na realización das tarefas se os nenos teñen dificultades ou lembrarllas no caso de que as esquecera ou que de forma consciente non as estea asumindo. Porén, é esencial respectar o espazo e deixar que aprendan a gañar autonomía e o liderado na xestión da súa propia aprendizaxe.

10–. Busca espazos e tempos para conectar coa familia. É indispensable que estes días contribúan a conectar máis coa familia e a xerar un bo ambiente familiar. Proponlles actividades que poidan compartir e divertir a todos os membros, mais tamén para falar e coñecerse mellor.

Consellos específicos para Educación Infantil

1–. Evita que os picariños usen a tecnoloxía sen compañía dunha persoa adulta.

2–.Usa a tecnoloxía nos espazos compartidos da casa.

3–. Favorece a comunicación sobre o que fan, gustaríalles facer ou van facer logo. O diálogo é esencial na súa aprendizaxe. Organiza rutinas de conversa do que van facer ao longo do día.

4–. Atende ás recomendacións da titora na realización das actividades.

5– Delimita  tempo de uso dos dispositivos para a realización das actividades escolares e de lecer.

6– Propón diversidade de actividades, que supoñan o uso ou non de dispositivos (lecturas, xogos, actividades físicas, escoitar música…).

7–. Utiliza recursos educativos dixitais con fins concretos. Recoméndase o uso de repositorios e portais educativos institucionais ou os recomendados polo profesorado.

8–. Coordínate e comunícate con outras familias. É recomendable que os nenos e as nenas sigan mantendo espazos de comunicación virtual cos seus compañeiros co fin de xogar ou simplemente comunicarse.

Consellos específicos para Educación Primaria

1–. Usa a tecnoloxía en espazos compartidos. Non é aconsellable que o utilizan os ordenadores, tablets ou móbiles nos eu cuarto.

2–. Axúdaos a organizarse co traballo, utilizando os criterios propostos polo profesorado.

3–. Anímaos a poñerse en contacto con outros compañeiros de xeito virtual, para intercambiar ideas sobre os traballos.

4–. Favorece a comunicación sobre o que fan, gustaríalles facer ou van facer despois. As familias deben coñecer cales son as súas tarefas, non para facerllas, mais si para ofrecerlles orientación e axuda.

5–. Axúdaos a ser críticos coa información que buscan, a descubrir bulos e a contrastar a información. Os nenos e nenas teñen que saber que non toda a información que atopen en internet é fiable.

6–. Pide que compartan contigo o traballo que van facendo para facerlles suxestións, animalos e facer crítica construtiva. O feito de non ir a clase, onde o seu traballo é guiado polo profesorado e compartido cos seus colegas, non debe supoñer a realización das tarefas en solitario.

7–. Establece compromisos de traballo: é importante establecer un tempo para cousa de xeito que os nenos e nenas acepten o recoñecemento do seu deber de realizar tarefas para poder gozar do seu tempo de lecer.

8–. Axúdaos a identificar que información persoal non é axeitado difundir nin compartir con outras persoas coñecidas ou descoñecidas.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Sobre «Fortnite» e outros videoxogos

Con certeza que durante estes meses de confinamento os rapaces e rapazas incrementaron o tempo dedicado aos videoxogos, xa que son os xoguetes dixitais preferidos dende a preadolescencia (9/10 en diante).

Os videoxogos forman parte principal da industria do lecer electrónico, hoxe por volume de negocio a primeira industrial cultural do mundo, por diante da editorial, musical ou cinematográfica.

Calcúlase que un terzo da poboación mundial (2.500 millóns de persoas), e un 54 % da poboación europea, practican dunha ou doutra maneira esta afección, sendo os teléfonos móbiles a súa principal plataforma.

Beneficios dos videoxogos

Os videoxogos proporcionan beneficios na aprendizaxe dos «gamers», as súas persoas usuarias, xa que permiten ou facilitan:

–. O exercicio da fantasía e da creatividade, sen limitacións espaciais nin temporais.
–. O acceso a outros mundos e ao seu intercambio.
–. A repetición instantánea, volver a intentar a proeza sen perigo.
–. Exercitar a tolerancia cara a frustración, unhas veces gánase e outras pérdese.
–. O dominio de habilidades óculo-manuais e a atención sostida durante períodos longos, favorecendo o autocontrol e a consecución de éxito persoal.
–. Xogar en grupo, nalgunhas ocasións a través da cooperación e a colaboración, para acadar un obxectivo proposto.
–. A interacción con outros iguais, dun xeito non xerárquico.
–. Nalgunhas ocasións poden ser un medio de aprendizaxe moi atractivo e eficaz, xa que nese enrtorno fallar está permitido.

Riscos dos vídeoxogos

Mais algúns videoxogos tamén poden ofrecer riscos, sobre todo se teñen un carácter adictivo ou se son ofrecidos en liña a usuarios moi novos ou descoñecedores dos perigos da rede.

Convén reparar que algúns videoxogos moi populares entre o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, como  Fortnite, Candy Crush ou Clash Royale utilizan elementos tirados dos xogos de azar, poñendo en funcionamento os mesmos circuítos cerebrais que se activan ao xogar ao póquer.

O caso de Fortnite

Chama a atención por ser, probablemente, o videoxogo preferido hoxe polos nosos preadolescentes e adolescentes.

É un xogo en liña de disparos. Podería definirse, tamén, como unha batalla con xogos de construción.

Cal e o argumento?

Un cento de xogadores e xogadoras lánzanse dende un avión cara a unha illa, a illa Fornite, onde recollen armas, constrúen estruturas seguras e xeran tácticas mentres unha tormenta os rodea reducindo cada vez máis o espazo de xogo. O obxectivo é ser o último en sobrevivir.

Cales son os modos de xogo?

Admítense catro posibilidades: individual, parella, «Squad» (equipo de catro) ou 50 versus 50.

As persoas xogadoras poden ser amizades que deciden xogar xuntas ou persoas que probablemente non se coñecen e cos que terán comunicación directa mediante un chat ou un micrófono.

A que idades podería xogarse?

Common Sense Media recomenda que non sexa utilizado por menores de 13 anos, tanto pola existencia dun chat aberto como pola violencia das situacións creadas.

Por que resulta tan atractivo?

–. É un xogo gratuíto, polo tanto, moi accesible. Con todo, convén reparar que esta apoiado en microtransacións e nun amplísimo merchandising.
–. É multiplataforma, pódese acceder desde diferentes dispositivos (ordenador, tablet, móbil…).
–. As partidas son rápidas (20 minutos aproximadamente).
–. A mecánica do xogo é doada de dominar. Estímase máis de 200 millóns de usuarias no mundo.
–. Produce un aumento da dopamina que alimenta o circuíto da recompensa, o que provoca sensacións moi agradables.
–. Conta con mulleres protagonistas que atraen tamén ao público feminino. Estímase que o 35 % son xogadoras, algo pouco frecuente neste tipo de videoxogos.

Por que podería resultar daniño?

–. A autoestima do neno ou do adolescente queda en mans da súa habilidade para desfacerse dos contrincantes.
–. O estado de ansiedade e estrés que produce a combinación de guerra, retos e obtención de premios activa o circuíto cerebral da recompensa, o que pode fomentar conduta adictivas.
–. É un xogo violento, no que están presentes as armas, aínda que exclúe o sangue.
–. Monopoliza a conversa entre iguais, ameazando con deixar fóra a aquelas persoas que non son xogadoras.

Que facemos, entón, cos videoxogos?

Xogar con videoxogos achega aos menores algúns beneficios e supón tamén asumir riscos. Razón pola que o seu uso debe ser supervisado pola familia, tanto no que atinxe aos seus contidos como a duración das súas sesións.

Non existe un tempo especialmente recomendado para o uso de videoxogos, pero si que este debe ser limitado e previamente acordado no seo da familia, sen condicionar a súa accesibilidade ao rendemento escolar.

Con todo, non abonda con limitar e acordar os tempos e espazos de acceso, xa que tamén é necesario fomentar o sentido crítico do menor, manter un diálogo aberto sobre as súas preferencias neste eido e educar en valores desde a responsabilidade.

Existen ferramentas de control parental como Google Family Link.

As familias deben manter a calma e non deben dubidar en solicitar axuda ao centro educativo (titora, Departamento de Orientación, equipo directivo…) se consideran que os seus menores utilizan os videoxogos de forma abusiva, xa que podería constituír unha conduta de risco. Non esquecer que os videoxogos son unha opción de lecer máis, non a única.

Recollemos boa parte desta información nun folleto da asociación Érguete, que se pode baixar aquí en pdf.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

Onte 2054: «Machines Like Me», unha das mellores novelas de Ian McEwan

Ian MeEwan cre que a novela é a forma artística mellor para plasmar o interior da mente humana, e por ende, para representar na ficción os conflitos inherentes ao comportamento dos seres humanos. Ás portas da publicación de The Cockroach, a súa sátira do Brexit, con Machines Like Me (2019) – edición portuguesa en Gradiva e castelá en Anagrama– ofrece unha novela tan perturbadoras como interesante sobre os conflitos morais suscitados pola Intelixencia Artificial (IA) e polo desenvolvemento da robótica. Unha distopía localizada no Londres de 1982, o das loitas contra a poll tax de Thatcher e a guerra das Malvinas, na que o autor inglés xoga coa idea da construción do presente e dun pasado ao que xa chegaron os avances do futuro.

Como xa fixera en obras anteriores, McEwan artella a historia de Machines Like Me sobre un conflito moral, neste caso protagonizado por un triángulo amoroso formado por Charles e Miranda, parella á que se suma, Adan, un robot con impresionantes capacidades de computación, capaz de escribir haikus amorosos, un novo Prometeo do século XX levado as súas máximas consecuencias. Un triángulo emocional que se transforma nun labirinto moral sometido á vertixe de odios, celos e pequenas vinganzas aparentemente sen importancia. Interaccións dos humanos co replicante que lle permiten ao autor preguntarse que é o que nos fai humanos, que é o que nos separa das máquinas que, inevitablemente, chegarán a ser máis intelixentes, máis eficientes e máis coherentes ca nós. McEwan cre que é na capacidade e na habilidade de mentir onde se atopa, polo momento, a liña máis sutil que nos pode diferenciar dos robots, que non coñecen aínda o algoritmo da mentira.

Tras ese conflito, McEwan desenvolve un complexo argumento novelesco, onde dá entrada ao suspense na resolución do conflito que arrastra Miranda e a outros temas e conflitos morais non menos relevantes, como a lexitimidade da violencia, o acceso ao coñecemento, a imposibilidade da inocencia, o valor da educación e da arte como unha vía de investigación, dous dos temas preferidos por un autor que adoita afondar nas máis diversas dimensións da natureza humana. Xaora, como xa sucedera en Cáscara de noz e A lei do menor, Máquinas como eu amosa a un McEwan máis humanista e investigador meticuloso, o que non lle impide continuar sendo tan provocador como atrevido para reescribir a historia da tecnoloxía do século XX, homenaxeando a Alan Turing, dándolle a vida que non puido ter, o grande precursor da informática, que morreu envelenado despois de ser procesado pola súa condición homosexual.

Esa revisión da liña temporal do mundo é tan perturbadora como a prospección arredor da Intelixencia Artificial, que será probablemente, un dos debates centrais da década de 20 que acabamos de iniciar. A novela en mans expertas comos as de Ian MeEwan amósase como a mellor ferramenta coa que contamos para achegarnos aos principais conflitos, miserias e feblezas do seres humanos.

Onte 2051: Brétemas 15 anos

Tal día como o de onte de hai quince anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.101 anotacións das que 138 corresponden o último ano, unha cifra moi baixa, semellante a do pasado, que expresa tanto a persistencia da miña fatiga dixital como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.

Xaora, neste ano teño moito que agradecer que o blog recibise o Premio da Gala do Libro Galego a traxectoria dun proxecto literario na rede, así como que Xerais incluíse no catálogo da colección Crónica Vigo, puro milagre, o libro onde escolmei setenta e cinco dos textos de Campo de Granada, a maior parte non presentes no arquivo do blog. Senllas razóns para continuar a publicación do blog, no que nas vindeiras semanas introducirei mudanzas na páxina principal para axeitala a tipoloxía de textos que publico con maior frecuencia. En todo caso, expreso a miña gratitude ás lectoras pacientes e xenerosas destas brétemas de esperanza, a maior parte delas por medio de Twitter e Fb, que continúan formando parte das miñas preocupacións diarias.

Onte 2016: Aula e hiperaula, conferencia de Mariano Fernández Enguita

Resultou de grande interese a conferencia que onte ditou Mariano Fernández Enguita no peche da xornada de orientadores e orientadoras organizada en Compostela polo CAFI.  Referente indiscutible na interpretación do fenómeno educativo en España, cuxas opinións adoitan ser polémicas (eis o caso das súas posicións sobre a educación en Cataluña ou sobre a regulación da xornada continuada), defensor da escola pública dende hai catro décadas, Enguita explicou durante unha hora e cuarto hipnótica o tránsito da aula á hiperaula como correlato no eido escolar do cambio do paradigma comunicacional entre a Galaxia Gutenberg e a sociedade do coñecemento e da información.

Apoiado nunha presentación visual moi coidada, ao tempo que austera, movéndose polo auditorio, o catedrático de Socioloxía da Educación da Complutense comezou diferenciando os conceptos de «aprendizaxe», «educación», «ensinanza» e «escola». Criticou o modelo que identifica aprendizaxe con escola xa que para el «hoxe en día non hai nada que se poida aprender na escola que non se poida aprender fóra dela, razón pola que o modelo de educación na escola debe ser algo máis ca ensinanza». Insistiu, entón, Enguita na idea de que na escola as crianzas non están só para ser ensinadas; a escola ten unha función de custodia, de coidado, o que tamén é lexítimo e necesario para a sociedade.

Na cerna da súa intervención contrapuxo os modelo da aula e da hiperaula. O primeiro, a aula, acuñado por Comenius na Didáctica Magna, pretendía ensinar a mesma cousa a moitos alumnos nun mesmo espazo panótico presidido por un único profesor.  Un modelo novidoso que superaba o da educación grega, onde se ensinaban música, literatura e ximnasia, ou o presente nas pinturas de Brueghel, onde aparecía o mestre rodeado de alumnos sen conformar aula. Os xesuitas, os escolapios e as ordes moradas trouxeron a aula e a concebiron como un conxunto de relacións sociais, Así naceu a estampación como modelo educativo, presidido pola homoxeneidade e simultaneidade, pola imprenta como metáfora, polo emprego do libro, pola creación do concepto de «clase» e de «aula panóptica.

O segundo, a hiperaula, é un modelo alternativo caracterizado por conformar un hiperespazo («aberto, flexible e reconfigurable no espazo, pero tamén no tempo, xa que admite horarios distintos»), que emprega os recursos hipermedia («todos as tecnoloxías dixitais e medios analóxicos sen fricción»), tanto na escola como na súa contorna (incluída a familiar), coa intención de abordar unha hiperrealidade («fálase de cousas que non están presentes recorrendo á representación e á simulación») e recorrendo a codocencia («presenza simultánea e colaborativa de varios profesores que poden chegar a utilizar tamén os recursos da intelixencia artificial»). A hiperaula forma parte dun novo ecosistema comunicacional caracterizado pola interactividade, pola existencia de diversos expertos (non só os docentes), pola colaboración ubicua de pares, pola utilización das TIC, por conformar unha comunidade accesible, así como pola valoración da reflexión e da creatividade.

Non esqueceu Enguita citar que este tránsito, entre a aula, onde primaban sobre todos os textos impresos, e o novo paradigma que agroma na hiperaula, é froito dun proceso de hibridación comezado por todas aquelas experiencias educativas que ao longo dos dous últimos séculos propuxeron subvertir o espazo da aula e da homoxeineidade da ensinanza, así como o papel panóptico do mestre que o controlaba todo dende a súa tarima. Experiencias promovidas por María Montessori, Pestalozzi, Fröbel, Freinet, a Escola de Summerhill ou polos membros da Institución Libre de Enseñanza como Giner de los Ríos iniciaron dunha ou doutra maneira esta ruptura.

Pechou Enguita a súa lección, a pesar de ditala abandonando a tarima, advertindo que o novo modelo de hiperaula, no que se incorporan as tecnoloxías dixitais e a intelixencia artificial, esoutro eufemismo para referirse aos robots que interactúan cos seres humanos, chegará a todos os niveis educativos e permitirá a escolarización en grupos máis grandes a cargo de varios docentes, rompendo así o modelo da aula como caixa negra. Para Enguita este modelo, que se puxo en marcha estes días na súa propia facultade, solucionará debates interminables como a dos ratios de alumnado por profesor, así como fenómenos como o da codocencia colaborativa  levarán a modificar a identidade do profesorado actual baseada nunha aula e nun grupo. «Queirámolo ou non, estamos inmersos nun proceso de cambio que require da mudanza do ecosistema escolar», rematou o autor de Más escuela y menos aula.

Tan abraiado deixou Enguita ao auditorio que, a pesar da insistencia da presentadora, non houbo pregunta ningunha dos case douscentos orientadores participantes. Quedei coa brillantez da exposición, sobre todo na crítica do modelo de aula como caixa negra, alicerce da organización escolar dende o século XVIII, baseado na lección («o mestre que le o libro de texto») a unha clase (o que obrigaba a categorizar ao alumnado polo criterio de sexo, idade…). Mais tamén marchei cismando na ausencia no discurso de Enguita de elementos críticos sobre a configuración do modelo de hiperaula no marco da escola pública actual en España nin referencia explícita ningunha ás relacións destas tecnoloxías coas aprendizaxes.

Un debate sobre o futuro da educación na sociedade da información no que aconsello contrastar este discurso sociolóxico de Enguita co que ven elaborando o catedrático galego de Tecnoloxía Educativa da Universidade de la Laguna Manuel Area Moreira.

Hipertextos 009/2019: Precisamos máis Artes e Humanidades

Oitocentos millóns de empregos serán ocupados por robots de aquí a 2030. É un camiño irreversible. Por iso hai tempo que o Foro de Davos mandou unha mensaxe á clase traballadora mundial: para no rematar substituídos por máquinas debemos volver ao que nos fai humanos. Isto é, a aprendizaxe cooperativa, a creatividade, o pensamento crítico, a empatía. Habilidades que, precisamente, teñen moito que ver coa formación en Artes e Humanidades.

María José Carmona: «El ser humano frente al algoritmo: por qué el futuro necesita más Artes y Humanidades». Revista dixital EqualTimes.

Agradezo a Asesoría de Bibliotecas que chiase este artigo prospectivo e clarificador no actual entorno do big data, dos robots 4.0 e do desenvolvemento de intelixencia artificial. A proposta de engadir A de Artes á formación STEM (de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tan de moda (tamén en Galicia), semella imprescindible tanto polo seu carácter máis inclusivo e equitativo como polo suplemento de creatividade e diverxencia que achegan as competencias humanísticas e sociais a elas asociadas.

En definitiva: na escola da terceira década do século, a que será a era dos robots (e na que mudará a organización do traballo tal como o coñecemos), paradoxicamente precisaremos máis formación en Artes e Humanidades, ou que o mesmo a Literatura, a Música, a Filosofía, a Historia, as Artes Plásticas deben recuperar peso que perderon no currículum e na propia cultura escolar. O artigo de Carmona é unha peza moi recomendable para o debate do profesorado sobre as finalidades da educación no entorno da hibridación da comunicación dixital e da mais que probable automatización laboral.

 

Onte 2003: Brétemas 14 anos

Hai catorce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.963 anotacións das que 131 corresponden o último ano. A cifra mais baixa da xeira anual, á que non foi allea o desánimo sofrido tras o abandono da dirección de Xerais no mes de abril como tamén unha evidente fatiga dixital provocada polo ruído e a abafante banalidade cainita de Facebook, por desgraza hoxe o espazo central da conversa dixital da miña xeración. Consciente de que o blog tocara fondo, no verán pasado decidín mudar completamente a súa apariencia, utilizando un modelo de magazin coa intención de facer máis visible a diversidade dos seus contidos tanto nas súas seccións (Edición, Educación, Política, Cultura, Xerais, Artigos, Onte, Vigo…) como no acceso aos contidos do seu arquivo cronolóxico, temático e semántico.

Coincidindo co regreso as aulas no pasado mes de setembro, abrín unha nova etapa na que pretendo ir recuperando devagariño o espírito de hai unha década onde os blogueiros do blogomillo ensaiabamos as posibilidades de escritura de hipertextos en galego, como un xeito de construír espazos navegables utilizando palabras, imaxes e sons. Coa intención de continuar ensaiando a potencialidade comunicativa hipertextual e o seu aproveitamento didáctico, coincidindo co ano novo abrín a sección «Hipertextos», na que publicarei anotacións breves enriquecidas coas diversas utilidades hipertextuais.

Diante do retroceso que supuxo a escritura plana de Facebook e dos fíos de Twitter (sen enlaces nin accesos directos de busca), a hipertextualidade e multimodalidade reflexiva dos blogs permiten a identificación de sitios web, personaxes ou contidos relevantes na rede. Máis aínda cando se está configurando diante dos nosos ollos unha nova web macromedia, deseñada para ser consumida nas pantallas dos teléfonos e taboíñas, unha tendencia con presenza aínda cativa en galego, coas excepcións dalgúns contidos promovidos polo portal culturagalega.org, por Praza e sobre todo por esa marabilla recente que é Vinte, onde enxergamos un futuro que xa é presente.

Tras case tres lustros gozando do privilexio de contar con persoas incondicionais, que len, comentan e comparten estas brétemas, continúo acreditando en que os blogs son os portos máis seguros dos actuais soportes dixitais, tanto polas posibilidades comunicativas e creativas que ofrecen as súas utilidades como polas facilidades de acceder ao seus contidos. A miña gratitude a todas elas. Seguimos.