«A pobreza é a inxustiza»

No artigo da semana reflexiono, a raíz da Festa «Un Día para a Esperanza» de Intermón-Oxfam, sobre a necesidade de reaccionar sobre a actual situación de fame, pobreza e inxustiza no planeta. Outra ollada é posible.

Dous autos: Garzón e Varela

Fálase moito do auto do xuíz Baltasar Garzón polo cal foi procesado pola Sala 2ª do Penal do Tribunal Supremo. Non está de máis ler esta peza xurídica (pode baixarse en pdf aquí) que constitúe, tamén, unha admirable síntese histórica da brutalidade represiva do franquismo. O texto e os seus fundamentos poden compararse cos rebatidos nestoutro (tamén aquí en pdf) do maxistrado Luciano Varela, tras admitir a querela presentada por Falange Española, auto polo que Garzón é acusado de prevaricación. Dous textos que admiten un interesante comentario de textos (crítico e comparativo).

«Imaxínate»: Feliz Día do Libro

Continúa gustándome esta canción de Migallas. Celebremos mañá con ledicia este Día do Libro en tempos de crise económica e da edición cultural, ao que non é alleo, tampouco, o tránsito entre soportes. O miolo do libro está no contido e no protagonismo do lector ou da lectora.

Vía Trafegando ronseis.

Un caligrama: a miña bandeira

Agustín Fernández Paz agasalloume hoxe con este caligrama preparado en letraset para un dos primeiros libros de texto do colectivo Avantar. Coa perspectiva de case trinta anos, este recurso didáctico é unha auténtica marabilla.

«Pedro e o lobo», sempre unha marabilla

Como sucede tantas veces, Trafegando ronseis descubriume esta maravillosa peza de animación en stop-motion, gañadora do Óscar no 2008, dirixida por Suzie Templeton e producida conxuntamente entre Inglaterra, TV UNAM- Mexico, Polonia e Republica Checa. Baseáse no conto musical de Sergei Prokofiev Pedro e o lobo, escrito na década dos 30, no século pasado, e do que temos en galego  dende 1993 unha magnífica versión de Miguelanxo Prado e a Xove Orquestra de Galicia. 32 minutos fermosos para gozar nesta fin de semana na que chegou, por fin, a primavera.

Suzie Templeton ten outras dúas pezas de animación interesantes, Stanley (sete minutos) e Dog (seis minutos), ambas as dúas empregando tamén a técnica de stop-motion.

Millo Corvo e Biodiversidade

No artigo da semana en Faro de Vigo apupo a experiencia de artesanía agroalimentaria de recuperación do Millo Corvo promovida pola Asociación Cultural Meiro de Bueu. Un enfoque transversal moi interesante na abordaxe da Biodiversidade, un concepto que, aínda que en Galicia non o pareza, a ONU celebra en 2010 ano da Biodiversidade).

2 de abril, Día internacional do libro infantil e xuvenil

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha celebración promovida polo IBBY que coincidindo co nacemento de Hans Christian Andersen pretende achegar os valores da lectura á infancia de todo o planeta. desta volta correspondeu a confección do cartel á ilustradora Noemí Vilamuza e do texto da mensaxe ao escritor Eliacer Cansino, ambos os dous en representación das organizacións da OEPLI. O texto e o cartel, dispoñible nos catro idiomas oficiais, pode baixarse en pdf aquí.

Manifesto pola alfabetización

Por unha anotación do formidable blog de  Joaquín Rodríguez sei da publicación do «Manifesto pola alfabetización» (en pdf), un texto elaborado no Reino Unido por especialistas que reclama a implicación das autoridades e das diversas administracións na cuestión da lectura nesta era dixital. Encadrado dentro das iniciativas e programas do National Literacy Trust (unha institución conformada por institucións públicas e privadas, tanto gremiais como de voluntariado, que desenvolven programas tan xeitosos coma este  de «Ler para vivir»), este Manifesto propón catro liñas de reflexión que veñen perfectamente ao caso da situación da lectura en Galicia, e en xeral, en calquera das nosas sociedades occidentais.

  1. Para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística dos nenos e nenas é indispensable dispór dun ambiente familiar aberto ao diálogo.
  2. A alfabetización e o interese pola lectura comeza no entorno familiar.
  3. A alfabetización (entendida como lectura e escritura) é a chave que nos permite integrarnos na era dixital.
  4. A alfabetización é unha competencia indispensable para o desenvolvemento persoal e para o do conxunto da sociedade.

Teño a certeza que hoxe no desenvolvemento do pleno sobre o Estado da Autonomía, a pesar de estarmos xa no terceiro mes do chamado «Ano da lectura», moi pouco se vai falar no Parlamento Galego do estado da nosa alfabetización. O que non deixa de ser curioso nun Goberno que teima en que os pais exerzan un poder nos centros escolares que non exercen nos seus fogares. Esta chamada de atención que traemos do Reino Unido, unha sociedade cuns índices de lectura moi superiores aos nosos e un respecto incomparablemente maior ao sector do libro e á creación literaria (autores, editores, bibliotecarios e libreiros), ben podería servir para salientar as razóns das dificultades que atopa a civilidade en Galicia.

Na procura da igualdade real

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dedico o artigo da semana que publico en Faro de Vigo á reflexionar sobre a situación do proceso de igualdade e a valorar a contribución decisiva do movemento feminista.

Aquí información sobre os actos que se celebrarán hoxe en Vigo.