Tal día como o de onte de hai dezaseis anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.242 anotacións das que 141 corresponden o último ano, unha cifra semellante a do pasado, que expresa tanto a diminución do emprego do blog como soporte preferente da comunicación dixital, desprazado cada vez máis no meu caso ao perfil de Twitter, como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.
No entanto, continúo acreditando no blog como soporte principal da miña identidade dixital, xa que permite un acceso ordenado ao seu arquivo, ao tempo que un marcado semántico, utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.
Este ano quedará marcado pola pandemia do Covid-19, razón pola que ten moita presenza nos contidos (sobre todo educativos) durante o período de confinamento, mais tamén polo interese en publicar de forma normalizada textos sobre as miñas lecturas (preferentemente da actual edición galega) e sobre o seguimento do mundo da edición (como un curioso editor xa retirado).
Gostei moito da liña cronolóxica sobre a dixitalización na comunicación cultural en galego publicada estes días por Marta Veiga Izaguire, un traballo extraordinario de investigación no que identifiquei case todos os avances compartidos por unha comunidade á que nos adscribimos (utilizo o plural polo feito de compartila co meu admirado Jaureguizar) tal día como onte de hai dezaseis anos. Continúo coa esperanza e inocencia coa que abrín aquelas primeiras brétemas que me propoño continuar. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2021/01/Bretemas_03_01_2005.jpg366684bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2021-01-04 14:06:472021-01-04 14:13:04Onte 2110: Brétemas 16 anos
Xosé Fernández Ferreiro contoume que cando sufriu o infarto xa deixara encargado ás súas amizades [Manuel Álvarez Torneiro e Chisco Fernandez Naval] que se lle pasaba algo me fixeran chegar o libro de contos sobre os que viña traballando dende había anos. Por fortuna, Ferreiro saíu daquel trance e aínda publicaría De Xente Nova a Brais Pinto (Xerais 2012), un libro onde fai memoria da súa participación nos dous grupos xeracionais aos que pertenceu na mocidade, o ourensán Xente Nova (1950) e o madrileño Brais Pinto (1957), colectivo que en palabras de X.L. Méndez Ferrín «intentou poñer ao día a cultura galega de vangarda». Tras aquelas memorias breves, sabía que Pepe continuaba traballando no libro de contiños e nalgunha conversa telefónica me adiantara que eran moi breves e que tiñan por fío condutor a Ulcis, unha invención literaria dos tempos de Brais Pinto, referíndose ao libro co título Contos do Sil ou Contos do río Sil, aínda que aseguraba non o tiña moi decidido.
Magoadamente, Ferreiro faleceu o 16 de decembro de 2015 sen entregar o libro de contos en Xerais, aínda que lle dixera ao seu amigo e testamenteiro Chisco Fernández Naval, que o libro estaba feito e pensaba falar comigo [entón o seu editor] para facermo chegar. Analizando os arquivos que Ferreiro deixou no ordenador, Chisco comprobou que existían até catro documentos do orixinal, datados entre 2013 e 2014. Sobre eles traballou con enorme xenerosidade e a meticulosidade e o detalle do editor literario para conformar a recente edición de Ulcis (Xerais 2020), o libro póstumo do narrador e poeta de Espartedo.
Como era de imaxinar, por todas as voltas que Ferreiro deu a estes máis de oitenta textos, a maioría dunha extensión inferior a unha páxina, trátase dun volume fulcral no conxunto da súa obra, xa que aquí están presentes boa parte dos temas das súas quince novelas e as súas preocupacions máis íntimas. Nestas Historias de Ulcis están episodios da infancia na aldea e no territorio íntimo delimitado polo río Sil, o mundo onírico dos contos (a maioría de medo) ao lume da lareira, a violencia entre os mozos, o terror que sufriron os paseados nas gabias, os episodios de zoofilia, os contos de afiadores, mais tamén as querenzas literarias do autor (Valle-Inclán e Lovecraft), o mundo do cinema do que foi experto e amador, a experiencia na UCI tras o infarto, a memoria dos días de entusiasmo en Madrid na cafetería Los Mariscos onde se fundou Brais Pinto, a propia historia deste afiador esmagado por un autobús tras chegar de Rusia…
Con todo, a cerna destas historias radica no seu carácter circular, xa que esta viaxe sen rumbo polos abismos dos sumidoiros máis íntimos do autor, durou sesenta anos, desque creara en 1955 as primeiras referencias no libro de poemas A Noite, publicado por Brais Pinto, até o que corrixiu nos seus últimos días. O de Ulcis é un mundo atolado, escuro, surrealista, alucinado, habitado por seres míticos e máxicos como o propio personaxe e a súa amada, a bruxa Ertí, mais tamén por Iroba, o seu irmán xemelgo, ambos os dous bastardos e inimigos, que máis tarde ou máis cedo acabarán destruíndose. Ulcis como universo e como personaxe sería para Ferreiro algo así como ese substrato escuro que subxace en cadaquén ao que inevitablemente acabaremos enfrontándonos.
Magnífica a edición de Chisco, precedida por un memorable prólogo de X.L. Méndez Ferrín que contextualiza o libro dentro do universo literario do autor e da literatura galega de entre séculos. Un libro referencial, de grande interese.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2021/01/Xose_Fernandez_Ferreiro.jpg374562bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2021-01-03 21:39:102021-01-04 14:21:09Onte 2109: «Ulcis», o libro póstumo de Xosé Fernández Ferreiro
Dediquei a tarde do día dos Manueles a ler Ulcis, o libro de relatos póstumo de Xosé Fernández Ferreiro, e a reunir a obra de Xela Arias da biblioteca, un fondo moi apreciable (16 títulos, sen contar a súa participación en obras colectivas. Tempo haberá de ir debullando ao longo do ano cada un destes libros, tanto os catro de poemas, como da súa extensa biblioteca de obra traducida, como da narrativa e ensaística aínda por descubrir.
Por ventura, contamos xa no inicio deste ano #XelaArias2021 (propoño utilizar este cancelo) de dous piares para unha celebración literaria de altura: a edición da Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora María Xesús Nogueira Pereira, e o libro homenaxe Xela Arias. Quedas en nós (Xerais 2004), publicado no pouso dos afectos un ano despois do seu pasamento, onde ademais dos 50 textos elexíacos das amizades se recolle unha achega biobliográfica, «Un día tiven desexos e cumprinos», preparada polo seu pai Valentín Arias, sen dúbida, o fío máis rigoroso e documentado da peripecia vital e literaria da autora.
Ao longo das vindeiras semanas iremos debullando estas páxinas para contribuír a unha celebración que intuímos pode contribuír a reinventar a efeméride do dezasete e a recuperar o interese pola ampla obra literaria dunha figura extraordinaria.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2021/01/Xela_Arias_foto_obra_02-01-2021.jpg9241100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2021-01-02 13:05:432021-01-02 13:15:26Onte 2108: Comeza o ano #Xela Arias2021
A pesar do ruín que foi o ano da pandemia, teimamos en manter as tradicións e celebramos o serán de San Silvestre coa música do grupo dos irmáns Gallagher. Busquei un tema no que Liam e Noel mantívense distancia social e unha certa esperanza non exenta de melancolía. Atopei este «Stand By Me», unha versión acústica daquel concerto na piscina de 1997. Certo é que «os tempos son duros cando as cousas non teñen sentido», como tamén o é que os afectos axudan cando «ninguén sabe o que vai pasar», «queda ao meu carón».
Os meus votos para que durante o 2021 o músculo dos afectos nos devolva a ledicia de compartir. Por ventura, sabemos que o novo ano ven con luces de longo alcance da man da ciencia e da esperanza.
Saúde, amor e boas lecturas galegas!
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Oasis_1999_Stand_By_Me.png4331100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-31 18:27:132020-12-31 18:31:14Feliz 2021: «Stand By Me»
No último número de Tramas & Texturas, o 43, leo unha interesentísima conversa con Roger Chartier, un dos investigadores sobre a edición, o libro e a lectura máis importantes da actualidade, na que debulla a situación actual da edición internacional na contorna poscovid. Guiada polo profesor arxentino Alejandro Dujovne e realizada con motivo da Feria virtual de editores de Buenos Aires do pasado mes de agosto, a conversa aborda algunhas das polémicas centrais da edición: o modelo actual da edición sen editores, as mudanzas na comercialización, o papel das feiras do libro, o futuro das librarías, para rematar cunha reflexión sobre a lectura e o papel dos estados na orientación da vida cultural da sociedade.
Interesoume a relectura que Chartier realiza sobre a fórmula da edición sen editores acuñada por André Schiffrin identificando na actualidade tres modelos de edición. A primeira, na que domina a lóxica puramente comercial sobre a lóxica estética ou intelectual procurando a rendabilidade para cada edición e para cada título, abandonando o modelo utilizado dende o século XVIII de que no balance anual dunha editora os libros que se venden poden equilibrar a aqueloutros que non. A segunda, a edición que abandona a edición e corrección dos manuscritos (o que os editores chaman editing) en colaboración e diálogo cos autores e autoras. E a terceira, a edición concibida como autoedición, facilitada na actualidade polo mundo dixital. Fronte a estes tres modelos de edición sen editores, Chartier cre que «unha política editorial ben concebida pode apostar por libros que, aínda se sabe que non poden ter un proveito inmediato, son libros cuxa calidade e imortancia prometen un destino a máis longo prazo como libros de referencia, tanot na ficción como nas ciencias humanas ou sociais».
Con respecto ás feiras do libro e ao futuro das librarías, Chartier considera que ambas as dúas manteñen toda a súa razón xa que «permiten encontros cos autores, cos editores e, o máis importante aínda, cos libros». Para el o mundo dixital non é capaz de substituír o encontro colectivo que se produce nas feiras do libro, como tampouco o descubrimento que se produce nas librarías, «institucións esenciais do espazo público», «lugares de resistencia e conversa». «As librarías transformáronse en foros de discusión, nun lugar de entendemento e de crítica, o que non ten equivalencia no mundo dixital. Para Chartier as librarías actuais son «un lugar de sociabilidade, de discurso, de discusión, d eintercambio, é un lugar de descubrimento».
Partindo de que para Chartier non hai unha única forma de lectura porque existen distintas comunidades de lectores, con competencias, disposicións e saberes distintos, considera que na actualidade «por primeira vez na cultura da palabra escrita existe unha separación entre o obxecto e o texto, entre a materialidade do soporte e o discurso que soporta». Isto ten importantes consecuencias para a lectura xa que transforma a relación entre o fragmento textual e a totalidade do discurso, moi forte no caso do libro impreso, inexistente no caso do texto electrónico.
Como ten consecuencias para como lemos hoxe que no mundo dixital «se le para escribir e se escribe para ler», de xeito que «a práctica da lectura nas redes sociais imponse como modelo hexemónico de todas as lecturas, unha lectura acelerada, fragmentada e impaciente». Para Chartier «a consecuencia máis grave desta distorsión é a transformación do criterio mesmo de verdade». «Na lectura manuscrita ou impresa, establecer a verdade dun enunciado supoñía saír do enunciado e confrontalo con outros, buscar información, aplicar o xuízo crítico, investigar, establecer o grao de autoridade e veracidade do enunciado». «Na lectura das redes sociais, o criterio de verdade atópase inscrito dentro da rede mesma […], o lugar compartido onde se atopa é unha garantía suficiente da súa verdade». «É a razón pola cal a tecnoloxía dixital, que permite compartir coñecementos, saberes e sabedorías, transformouse no instrumento máis poderoso para a difusión das teorías mais absurdas, noticias falsas, manipulacións do pasado, falsificacións da realidade e verdades alternativas».
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Roger_Chartier_FE_Bos_Aires_09-08-2020.png6211100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-30 16:30:072020-12-30 17:34:46Onte 2107: Roger Chartier e a edición en tempos incertos
Non quero que remate o ano sen recomendar o Calendario Xerais 2021. Mulleres. Llanos, outra alfaia desa extraordinaria serie sobre a memoria fotográfica concibida e editada por Celia Torres Bouzas. Unha colección de referencia na historia da fotografía en Galicia iniciada en 2014 coa publicación da escolma dunha ducia de fotos da viaxe a Galicia que Ruth Matilda Anderson fixo entre 1924 e 1925, introducida por un texto de Manuel O’Rivas. Serie continuada en 2015 con Mariñeiros de José Suárez, en 2016 pola Emigración de Alberto Martí e no 2017 por unha escolma do traballo fotoxornalístico de Magar. Xaora, foi a partir de 2018 cando a serie mudou a ollada para darlle visibilidade ás fotos de mulleres: en 2018 fotografadas por Pacheco, con texto de Ledicia Costas; en 2019 por José Suárez, con texto de Pedro Feijoo; en 2020 polas traballadoras de Massó, con texto de Covadonga López de Prado; e en 2021, por Llanos, con texto de Sabela Fraga Costas.
Cada un destes almanaques protagonizados por mulleres, calendarios fotográficos de parede con formato de 30 x 60 cm, que inclúe festivos e fases da lúa, propón unha ollada cun enfoque feminista sobre a Galicia do pasado século, privilexiando a visibilidade das mulleres no espazo público, sexa nos traballos comunitarios, agrarios, pesqueiros ou industriais, participando nas actividades sociais, políticas, deportivas, culturais ou relixiosas. Unha contribución moi salientable á construción dunha memoria fotográfica alternativa e crítica, capaz de desvelar outro tipo de referentes e de incorporar no relato galego contemporáneo o papel decisivo das mulleres.
Ese é o enfoque escollido tamén para o Calendario Xerais 2021 no que se escolma unha ducia de fotos protagonizadas por mulleres do Arquivo Llanos depositado no Museo Etnolóxico de Ribadavia dende a súa adquisición pola Consellaría de Cultura en 2009. Fotos de tres xeracións de fotógrafos da familia Llanos, a do avó e pai (ambos os dous de nome Francisco) do noso admirado Ángel Llanos, falecido en 2012, instalados na viguesa rúa Elduayen dende 1885. Daquel arquivo extraordinario de máis de 100.000 instantáneas, que documentaron as transformacións da cidade de Vigo ao longo de todo o século XX, neste almanaque tan singular aparece apenas unha ducia das protagonizadas por mulleres.
O almanaque de Llanos convida a que reparemos cunha ollada feminista durante un mes en situacións e acontecementos moi diversos e atractivos: un partido de fútbol feminino no campo de Coia protagonizado por dous equipos de xogadoras belgas (1925); unha mascarada teatral de entroido; a esculcar no escaparate do Garaxe Americano da rúa García Barbón (1936); a identificar as protagonistas dun paseo pola rúa do Príncipe (1920-1930); a lembrar o que foron as batallas de flores en Policarpo Sanz (1926); a coñecer unha escena do mercado de froitas e verduras na praciña das ostras (fotografía escollida para a portada do calendario); a entrar nunha clase de costura a máquina (1935); unha escena nun lavadoiro do periurbano; unha reunión política ou sindical durante a segunda República; o interior da gardería da conserveira Massó (1950-1960); até finalizar cunha carreira atlética nas Avenidas e cunha «fotoesperanza» protagonizada por unha rapaciña, como símbolo do empoderamento e da construción dos propios relatos por parte das mulleres.
Todos os nosos parabéns a Celia Torres, editora e alma mater deste proxecto editorial precioso e único na edición cultural galega.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Almanaques.jpg6331100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-29 13:32:422020-12-29 16:58:13Onte 2106: «Calendario Xerais 2021. Mulleres. Llanos»
Ninguén podía imaxinar hai un ano cando «sentidiño» foi escollida como a palabra galega de 2019 que protagonizaría a campaña da Consellaría de Educación de inicio de curso. Un de tantos paradoxos dun ano horrendo e inesquecible marcado pola irrupción en todo o planeta da pandemia do Covid-19. Un virus que o mudou todo, estarreceunos da noite para a mañá provocando que perdéramos a nosa tranquilidade e comodidade sen que apenas tivésemos moita conciencia sobre cal era súa orixe nin a súa transcendencia. Un bicho feroz que provocou até agora o falecemento de 1,7 millóns de persoas e o contaxio de máis de 77 millóns, ademais dunha crise económica mundial de consecuencias e duración aínda imprevisibles e doutras mudanzas disruptivas que afectan ás nosas formas de vida cotián, á organización do traballo, mobilidade, comunicación, educación e mesmo as actividades de cultura e lecer.
Dende aquel 11 de marzo, día no que OMS declarou que a covid causada polo virus SARS.CoV-2 era unha pandemia, cando en Europa apenas emerxía, aprendemos a convivir coas gráficas das estatísticas de falecementos e persoas contaxiadas, hospitalizadas en planta ou en UCI ou do número de probas de PCR realizadas. Afixémonos ao pavoroso reconto diario de vítimas e doentes en residencias de maiores, o espazo diana principal deste funesto coronavirus. Asumimos como inevitables as cifras disparadas de persoas afectadas por ERTES e ceses de negocios, quizais máis pendentes da xeografía de peches perimetrais e restricións horarias de concellos ou comunidades establecidos polas autoridades sanitarias. Medidas todas que foron consolidando o desacougo e a incerteza como emocións que expresan un estado de desánimo colectivo. E nin sequera a febre do espírito consumista de regalos, luces e paparotas dos encontros de Nadal, celebracións que algúns irresponsables manteñen como se nada sucedese no seu particular Titanic, conseguiu a remontada do pesimismo na segunda vaga da pandemia iniciada no outono.
Xaora, as primeiras vacinacións realizadas nos países da Unión Europea o domingo, convidan á esperanza de poder recuperar nos vindeiros meses unha certa normalidade. Nunca a ciencia lograra unha vacina en tan pouco tempo, apenas dez meses desde que se descubrira na China o misterioso virus que provocaba unha neumonía mortal. Un éxito histórico da colaboración da comunidade científica, daqueles grupos de investigación privados e públicos que traballaron arreo na discreción dos seus laboratorios desenvolvendo máis dun centenar de proxectos de vacinas (dos que por ventura xa están tres no mercado mundial), algunhas veces en condicións moi precarias, como por desventura sucede no noso país. Unha vacina sufragada na Unión Europea polos estados, distribuída e administrada de forma coordinada polos expertos sanitarios do sistema de sanidade pública, o que asegura a súa equidade, a prioridade de protección dos máis vulnerables e o seu carácter universal para toda a poboación. Unha vacinación, non o esquezamos, que debe chegar á poboación dos cinco continentes, un reto sanitario e de solidariedade humana sen precedentes.
Un éxito histórico da comunidade científica que debería axudar a valorar a ciencia como o mellor instrumento para afrontar os retos colectivos da humanidade. Razón pola que o investimento en ciencia e investigación ten un carácter estratéxico, tanto a nivel económico como da súa seguridade. Máis aínda cando superada esta pandemia do Covid-19 xa non se poderá adiar a axenda pendente da saúde do propio planeta, a do seu imparable quecemento global e a da perda da súa biodiversidade, onde os expertos identifican a orixe do Covid-19 e de onde pode aparecer outro bicho tamén con idénticos efectos devastadores. Ciencia, ademais, que debería formar parte con carácter xeral da axenda pública (da administración e dos medios), o que constituiría a mellor vacina contra todas esas fake news e condutas negacionistas irracionais que tanto dano fixeron á convivencia durante a pandemia.
Por último, o vagalume de longo alcance que comezamos a enxergar co inicio da vacinación tamén ten que ver coa propia recuperación do valor e da eficacia dos servizos públicos de coidados, tanto sanitarios como de maiores e crianzas. A súa prestación con carácter universal e de calidade é a garantía da súa equidade e do coidado óptimo das persoas máis vulnerables. E aí, non esquezamos, despois de finalizada a vacinación, no caso galego urxe saber que pasou nas residencias de maiores e como reconstruír o sistema público de coidados de maiores, hoxe no seu 80% negocio de empresas privadas (algunhas de capital transnacional), ao que contribuíu que durante a década de gobernos Feijoo non se abrira ningunha praza pública.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Vacina_ciencia.jpg385624bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-29 10:40:222020-12-29 10:51:18A esperanza chega da man da ciencia
Sigo con grande interese cada un dos libros de Érica Esmorís, desde que en 2015 publicou Ulises e as cronoamigas. Aventura nos 50: Surfistas en California (Sushi Books), o primeiro título dun proxecto de serie para a rapazada preadolescente, ilustrada polo xenial Jacobo Fernández Serrano, que a pesar da súa gran calidade e orixinalidade textual e gráfica non tivo aínda continuidade. Xaora, foi coa publicación da súa terceira novela, Nena e o mar (Xerais 2015), Premio Merlín de Literatura Infantil, cando comezou a facerse visible como merece a obra dunha das autoras máis renovadoras da actual lix galega. Xa non é sorpresa que cada unha das súas novelas mellore en orixinalidade ás anteriores como fixo en Quen salva un can (Xerais 2019), a aventura do afouto Rai e a súa particular patrulla canina, e, sobre todo, en Patio de luces (Xerais 2020), obra coa que obtivo o prestixioso Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga.
Lea, unha rapaza de oito anos, pasa todas as tardes dos venres na casa do seu avó, no baixo do edificio onde traballa como porteiro, unha profesión desas que están en perigo de extinción. Sentada na arca das ferramentas do patio de luces, Lea imaxina como son cada un dos veciños e veciñas pola roupa que penduran nos seus tendais. Dese fío argumental tira Érica Esmorís para ofrecer en Patio de luces unha comedia conmovedora e moi divertida sobre a convivencia na pequena comunidade dun edificio de cinco andares. Sen apelar nin ao didactismo nin ao moralismo, Érica enfronta a súa narradora con vidas para ela sorprendentes, que poderían ser consideradas fóra do normal, o que a obrigará a asumir que as aparencias e os prexuízos sempre enganan nos retratos precipitados. Porén, serán os vimbios do respecto da diversidade e o principio activo da axuda compartida os que tecen a rede dos afectos entre a veciñanza. Un libro entrañable e optimista sobre a amizade e o valor da veciñanza. Parabéns, Érica!
Magnífico, tamén, o traballo de ilustración de Juan Berrio, tamñen un veterano autor de banda deseñada, sobre todo polo xogo de encadres, dende os grandes angulares aos planos de detalle de interiores.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Patio_de_luces_02.jpg6191100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-28 12:56:362020-12-28 13:31:44Onte 2105: «Patio de luces» de Érica Esmorís
Manuel Veiga é un dos escritores que mellor teñen explorado na literatura galega as marxes dos xéneros narrativos. Cada unha das súas entregas sorprende pola súa ollada temática ou pola súa estrutura orixinal na que adoita mesturar a súa experiencial vital coas súas múltiples lecturas literarias e políticas. Un procedemento que explorou nas súas entregas novelísticas máis recentes, Os xornalistas utópicos (Xerais 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais 2016), no que dá outra volta de porca na súa entrega máis recente, A parte queimada. Stalin & Robespierre (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela de intriga e o ensaio político no que explora o ADN do totalitarismo e do emprego da violencia como vía política revolucionaria.
Co pretexto de responder á pregunta de por que as revolucións francesa e rusa se converteron en traxedias nas que os seus protagonistas acabaron devorándose como fixo Saturno cos seus fillos, Veiga propón n’ A parte queimada unha viaxe polos textos literarios protagonizados polos seus líderes (Marat, Robespierre, Stalin…). Novelas como O noventa e tres de Víctor Hugo, O home revoltado de Camus, O cero e o infinito de Arthur Koestler, entre outras moitas, permítenlle a Veiga realizar cadanseu retrato e sobre todo actualizar o debate fulcral entre fanatismo e escepticismo político, especular se houbo diferenzas entre o terror de Robespierre ou o do Stalin (autor dun ensaio sobre lingüística), entre a estratexia de xacobinos e bolxeviques, como entre as obras literarias que as representan: «O Terror do 93 está ben representado en novelas románticas como a de Victor Hugo, mentres que as obras que describen a represión soviética, como a de Arthur Koestler, poderían enmarcarse en algo próximo ao xénero policíaco».
Manuel Veiga constrúe así unha orixinalísima novela política de non ficción sobre as revolucións contemporáneas e sobre os seus dilemas morais: «Por máis que resulte inquietante, deberiamos quizais recoñecer que todos nós, liberais, socialistas, marxistas, somos fillos do Terror, pois todas as teorías políticas non deixan de ser nidias herdeiras da Revolución francesa. As propias liberdades que hoxe nos definen foron logradas, en non escasa medida, a través do recurso a violencia».
A parte queimada, texto literario brillante, por inusual, transgresor e arriscado, merece toda a atención. Recomendo vivamente.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Manuel_Veiga.jpg7341100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-27 10:39:022020-12-27 11:26:54Onte 2104: «A parte queimada» de Manuel Veiga Taboada
Un dos avances colectivos da edición en galego recente é o do inicio dun catálogo de ciencia e divulgación científica, unha carencia endémica do sector. Aos títulos daquelas impresionantes coleccións de Kalandraka (2012) de inventarios ilustrados e animais extraordinarios, edicións pioneiras e preciosas como todas as da editora pontevedresa, engadíronse en 2016 a apertura da colección Básicos Ciencia de Xerais dirixida por Miguel Vázquez Freire e a publicación por parte de Alvarellos do libro de Jorge MiraA que altura está o ceo? Tres editoras privadas en lingua galega abrían un espazo de edición impresa con espírito de alta divulgación científica coincidindo coa discriminación que o decreto de plurilingüismo (2010) establecía coa ensinanza das matemáticas e doutras disciplinas científicas e tecnolóxicas en galego. Un compromiso e sensibilidade co futuro do idioma, ao que tampouco foron alleos os científicos e divulgadores participantes nos diversos proxectos. Esforzos editoriais (heroicos) nun sector hexemonizado pola oferta literaria e á asociada ás disciplinas das ciencias sociais recoñecidos nos propios premios anuais do sector que dende 2018 estableceron unha categoría específica de «Divulgación», na que até agora foron galardonados dous títulos científicos: Terra (Xerais 2017) de Xurxo Mariño e A que cheiran as cores? (Galaxia 2019) de Juan Casto Rivadulla Fernández.
Dentro deste espazo de edición científica encádrase Unha mente que voa (Xerais 2020), libro no que Xurxo Mariño aborda a evolución da linguaxe nos humanos modernos. Unha viaxe de dous millóns de anos sobre a relación entre a autoconsciencia, o pensamento simbólico e a linguaxe, un reto no que se trata de comprender a propia natureza humana, tamén un dos maiores problemas da ciencia actual. Lonxe dos perigos académicos dun manual de lingüística ou dun estudo de paleontoloxía, dúas das disciplinas moi presentes neste cento de páxinas, Mariño aposta por ofrecer un relato sobre a evolución dos homínidos ao fío do desenvolvemento do encéfalo e das súas capacidades simbólicas, o que xera unha mente autoconsciente e precisa da interacción social dunha comunidade.
Particular interese ten para Mariño abordar cando xurdiu a linguaxe, unha destreza exclusiva do ser humano, e como se desenvolve na infancia sen necesidade de estímulos educativos dirixidos para iso, cuestión esencial na neuroeducación actual. Como apaixonante é o relato do proceso de invención das 6.000 linguas da humanidade ao longo de 60.000 anos, como o da relación entre o xeito de pensar e imaxinar o mundo e a lingua que se fala. Espectaculares son as páxinas dedicadas á relación entre o manexo de máis dunha lingua e as capacidades cognitivas, para Mariño, un magnífico elixir para a mente. Así, as actuais técnicas de imaxe que permiten estudar o que ocorre no interior do cerebro dun ser humano que manexa dúas ou máis linguas amosan que ten maior densidade de substancia gris ca unha persoa monolingüe en rexións cerebrais relacionadas coa habilidade verbal, o control articulatorio e fonolóxico. Como existen indicios de que o uso de diversas linguas pode atrasar catro ou cinco anos a aparición de enfermidades neurodexenerativas.
Acerta Xurxo Mariño cando concibe o libro como a narración dunha aventura de misterio na que van aparecendo pegadas, non sempre concluíntes. A súa habilidade narrativa, despregada no fascinante Terra, facilita ao lector seguir o fío dun nobelo do que aínda queda moito fío, como traxecto lle queda a viaxe da Voyager evocada nun emocionante epílogo no que salienta a capacidade do pensamento simbólico como ferramenta sen límites para o ser humano. Unha mente que voa enriquece e amplía o catálogo de divulgación científica na nosa lingua. Un libro indispensable para lingüistas e, en xeral, para todo o profesorado, non debe faltar nas bibliotecas escolares e didácticas. Un libro para o lectorado curioso que asume a dúbida como alicerce do método científico e da aprendizaxe. Parabéns moitos para Xurxo, a quen sempre considerei outra das nosas persoas sabias.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2020/12/Unha_mente_que_voa.jpg6191100bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2020-12-26 12:42:192020-12-26 13:34:38Onte 2103: «Unha mente que voa» de Xurxo Mariño