Desde Vigo, Galicia como tarefa
Gardo no arquivo do blog a xenerosa entrevista que Xan Carballa me fixo para Sermos Galiza nº 681. Pode gardarse completa aquí.
Gardo no arquivo do blog a xenerosa entrevista que Xan Carballa me fixo para Sermos Galiza nº 681. Pode gardarse completa aquí.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao xenocidio palestino:
A excelente resposta a cada unha das convocatorias da Plataforma Cívica Pro-Palestina de Vigo, na que se integran 42 colectivos sindicais, políticos e cidadáns vigueses, amosa que a pesar da aparente apatía actual hai unha maioría da cidadanía viguesa disposta a mobilizarse coa intención de denunciar e parar o xenocidio que Israel está perpetrando na Faixa de Gaza.
Manifestacións nas que se denuncia que o de Palestina non se trata dunha guerra, que xa se alonga dende 1967, senón dun xenocidio coidadosamente planificado polo actual goberno israelita, presidido por Benjamin Netanyahu, que pretende a expulsión do pobo palestino do seu territorio, baixo o eufemismo de «desprazamento», contra o criterio dun millón novecentas mil persoas, a maior migración obrigada da historia recente.
Un ataque do exército israelita que en dous anos matou a 68.000 persoas da sociedade civil, das que o 70 % son crianzas e mulleres, entre as que se contan 1.600 sanitarias, 300 cooperantes da UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados palestinos) e 250 periodistas. Lista de vítimas ás que se suman 170.000 persoas feridas (incluídas 40.000 crianzas) e, ollo, 14.400 persoas desaparecidas entre os escombros, das que 4.400 son mulleres e menores, as principais vítimas dos bombardeos, causantes, como denuncia a organización Save the Children, do maior número de amputacións pediátricas da historia e da morte de 169 bebés. Un balance que levou a Antonio Guterres, secretario xeral das Nacións Unidas, a dicir que «Gaza é un cemiterio de crianzas»; o conflito máis mortífero do que vai de século XXI, que a revista The Lancet estima supuxo a morte do 2,9 % da poboación de Gaza de hai dous anos, un de cada 35 habitantes.
Vítimas ás que se suma a destrución de edificios de vivendas, hospitais, escolas, campos de refuxiados, igrexas, mesquitas, museos, espazos arqueolóxicos, refuxios da ONU, estradas, infraestruturas básicas de comunicación, electricidade e auga, instalacións agrícolas e mesmo pesqueiras. Destrución dirixida polo goberno de Netanyahu que a Comisión Internacional Independente de Investigación sobre os territorios palestinos ocupados, tras indagacións exhaustivas, cualifica como xenocidio, xa que cumpre as condicións previstas na Convención para a Prevención e a Sanción do delito de Xenocidio, aprobadas polas Nacións Unidas en 1948. Xenocidio que a ONU identifica con actos «perpetrados coa intención de destruír total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico ou relixioso sexa pola matanza dos seus membros; pola cesión grave da súa integridade física ou mental; polo sometemento do grupo a condicións que supoñan a súa destrución, física total ou parcial; polas medidas destinadas a impedir os nacementos ou o traslado por forza dos menores». Condicións que cumpre a actual intervención israelita bombardeando Gaza de forma intensa e desapiadada, coa intención de decimar a súa poboación, deixala sen alimentos, auga, electricidade e acceso a axuda humanitaria e destruír as súas infraestruturas, incluída a sanitarias.
Situación que provocou unha grande fame, para as Nacións Unidas, cifrada nun consumo de calorías da poboación gazatí inferior ao que recibiron as vítimas do campo de exterminio de Auschwitz. Israel utiliza a fame como arma de guerra, unha estratexia coa que pretende expulsar do seu territorio á poboación palestina para substituíla polos seus colonos , apenas unhas 8.000 persoas que no 20 % do territorio da faixa posúen xa o control do 40 % das terras cultivadas e da maioría dos recursos hídricos. Estratexia semellante á que empregou Hitler na súa invasión de Polonia de 1939, que xustificaba pola necesidade de espazos agrícolas para os colonos nazis e mandaba matar sen piedade a homes, mulleres e crianzas polo seu delito de «ser polacos».
O acordo entre Israel e o Movemento de Resistencia Islámico (Hamás) para o cesamento do fogo e o inicio da primeira fase do plan de paz auspiciado por Trump, froito en boa medida das presións da comunidade internacional, da Flotilla global da faixa e dos estados árabes mediadores, non exime aos que promoveron este xenocidio asumir as súas responsabilidades diante dos tribunais internacionais. Non esquezamos que a Corte Penal Internacional, órgano xudicial independente creado polo Estatuto de Roma, ditou en novembro de 2024 orde de detención por presuntos crimes de lesa humanidade contra Netanyahu, o seu ex-ministro de defensa Yoav Galleat e Mohammed Deif, comandante de Hamás, morto nun ataque aéreo israelita. Recuperar a solución dos dous estados e o respecto á legalidade internacional, baixo o marco das Nacións Unidas, son retos inmediatos no cumprimento duns acordos de paz que agardemos sexan respectados e paren dunha vez o xenocidio palestino.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro La Protestante (IEV 2025) de Paco Niebla:
O pleno da corporación do 31 de marzo de 2008, presidida por Abel Caballero, cando no Campo de Granada gobernaban en coalición o PSdeG-PSOE e o BNG, acordou engadir ao nomenclátor das rúas viguesas o nome de seis mulleres represaliadas polo franquismo. Un acordo que, como viña solicitando a Asociación Viguesa pola Recuperación da Memoria Histórica do 36, supoñía a primeira homenaxe institucional para estas viguesas vítimas da violencia franquista, até entón ocultas ou silenciadas nos libros de historia e ausentes nas hemerotecas, esquecidas, pendentes de xustiza e reparación, cuxos relatos vitais comezaban a ser rescatados por investigacións heroicas como as do historiador Xoán Carlos Abad Gallego, recollidas no seu libro piar Héroes o forajidos. «Fuxidos» y guerrilleiros en la comarca de Vigo (Instituto de Estudos Vigueses, 2005), ao que unha década despois engadiría Días negros. Crónica lutuosa dalgúns dos feitos que encheron de dor e morte o sur da provincia de Pontevedra. (Dende 1936 até 1978), (IEV, 2016), Máis días negros (IEV, 2017) e O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo (IEV, 2019), ilustrado por Evaristo Pereira, catro libros extraordinarios, indispensables e referenciais, para a recuperación da memoria republicana na rexión urbana de Vigo.
Aquelas viguesas foron todas mulleres novas e comprometidas coas luces da República. Rosario Hernández Diéguez «A Calesa», vendedora de xornais na porta da sociedade o Ximnasio da rúa do Príncipe, hoxe a Sede do Celta, torturada e asasinada nun cuartel de Falanxe o 3 de setembro de 1936, cando contaba apenas vinte anos. Carmen Miguel Agra, ama de casa, suicidouse aos vinte e catro, cando o 23 de abril de 1937 intentaba fugarse co seu home, Anxo Nogueira Nogueira, e outros republicanos, no bou Eva, un dos episodios máis estarrecedores da historia viguesa. Urania Mella Serrano, profesora de piano, pioneira feminista, condenada a morte coma o seu home, Humberto Solleiro, fusilado o 30 de outubro de 1936, á que lle sería conmutada a pena por 30 anos e liberada en 1945, un mes antes do seu pasamento, consumida por un tumor cerebral, xestado no cárcere de mulleres de Santurrarán. Margarita Bilbatúa Zubeldía, costureira, irmá de Antonio e Demetrio, dirixentes socialistas fusilados o 27 de agosto de 1936, conseguiu fuxir a Francia, antes de refuxiarse en México DF onde viviu até o seu pasamento en 1979. Mercedes Núñez Tegra, posuidora do triángulo vermello no campo de concentración de Ravensbrück, liberada en 1945, días antes de que estivese prevista a súa execución.
Foi a sexta destas referentes de memoria Ángela Iglesias Rebollar, costureira, sindicalista, pioneira feminista, comunista, colaboradora da sección viguesa de Socorro Vermello Internacional, asasinada cando estaba grávida, despois de ser violada no monte da Guía por unha manada de fascistas a noite do domingo 11 de abril de 1937, xunto ao seu home José García Niebla, fogueiro da draga portuaria que construía o peirao de transatlánticos, tras ser detidos a mesma noite por un pelotón de falanxistas e membros da Garda Civil que os acusaron de acoller na casa de Sanjurjo Badía a César Rosas, dirixente de CNT e a Antonio Iglesias, os roxos máis buscados da provincia. Terrible historia a de Ángela, nacida o 28 de marzo de 1911 no barrio A Pasaxe, na parroquia de Camposancos, do concello da Guarda, onde abrazou a fe evanxélica, moi coñecida en Teis, onde se trasladou en 1930 cando casou, como a «Angelita, la protestante», novelada polo seu neto, o xornalista Paco Niebla, tras unha longa investigación, publicada co título La Protestante. Ojos azules, corazón rojo (IEV, 2025).
Niebla reconstrúe a infancia e mocidade de Ángela na Guarda, onde sufriu o pasamento prematuro da súa nai e dunha irmanciña, e os días vigueses de entusiasmo da República, nos que naceron os seus fillos Pepe e Chicho, até os meses de terror faccioso. Velaí onde a historia novelada adquire todo o seu sentido, tras o tráxico e perturbador desenlace dos seus avós, vítimas do terror máis atroz e desapiadado, que afectou ao José Ramón Curbera, o conserveiro que negociou as condicións das súas empregadas con Ángela, que sufriu ao día seguinte un infarto repentino. Desgracia que sufriron tamén os tres fuxidos acubillados na casa de Ángela e José, dos que César e Antonio se suicidaron, para evitar ser detidos, e Ernesto tras ser capturado fusilado no Castro o 1 de xullo de 1937. Historia novelada con firme pulso narrativo, completa por Niebla cun epílogo no que reconstrúe as biografías das vítimas e se dá conta dos pormenores dunha investigación que se alongou máis de dúas décadas. Outra excelente publicación do IEV, que contribúe a desvelar a biografía desta muller xenerosa e comprometida, de ollos azuis e corazón vermello.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito da derivación de menores migrantes de Canarias a outras comunidades:
Entre o incesante xenocidio sionista da poboación palestina en Gaza e a ameazadora guerra arancelaria da administración estadounidense, apoiada polo discurso de odio da dereita extrema europea, a acollida da infancia migrante saíu fóra do foco da axenda pública. Porén, unha parte dos 5.800 menores de idade non acompañados, que viven en condicións precarias en centros de acollida, situados en Canarias e Ceuta, agardan ser trasladados a partir do 28 de agosto a outras comunidades. Un realoxamento de arredor de tres mil persoas a outras comunidades españolas, crianzas a protexer que, tras a vergonzosa liorta política do pasado inverno, deben quedar fóra da estratexia da crispación partidista.
Reasentamento obrigado, que se producirá ao abeiro dos criterios fixados no Real Decreto Lei 2/2025 de 18 de marzo sobre medidas urxentes para a garantía de interese superior da infancia e da adolescencia antes situacións de continxencia migratoria extraordinaria, mesmo a pesar do desacordo da Xunta de Galicia e doutras comunidades gobernadas polo PP e Vox, que interpuxeron recurso diante do Tribunal Constitucional.
Situación comprometida para estas persoas, denunciada por Amnistía Internacional, tanto pola precariedade actual dos recursos residenciais, situados fóra da península, en naves e edificios prefabricados, algún situado nun polígono industrial abandonado, que ademais de saturados non reúnen unhas condicións mínimas para unha acollida digna. Vítimas ademais doutras vulnerabilidades denunciadas como erros e mala praxe na identificación, atrasos na solicitude de asilo ou na xestión da súa documentación, como mesmo da existencia de malos tratos, privación de comida, confiscación de teléfonos, insultos ou castigos desproporcionados na rede saturada de (82) centros canarios de acollida. Nenos e nenas, rapaces e rapazas, que foxen de violacións dos dereitos humanos, de situacións traumáticas, como a das rapazas que sufriron mutilación xenital, trata ou simplemente do desamparo no que quedaron fuxindo das guerras africanas esquecidas, como as de Malí ou Sudán. Menores, algúns, que levan nesta rede de centros de Canarias máis de catro anos, pasando dun a outro, sen que se lle recoñeza, superada a maioría de idade, o seu carácter de refuxiado, quedando así no limbo da irregularidade.
Tanto o Goberno de España, como a comunidade de Canarias e a cidade autónoma de Ceuta, como o resto das CC.AA., no marco da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, deben asumir a necesidade de coordinación, a repartición obrigatoria, a solidariedade e a responsabilidade compartida para garantir os dereitos destas persoas menores e asegurar a súa protección efectiva. Como reclama Amnistía Internacional, xa abonda de que se faga política partidista con este tema. Estes nenos e nenas, chegados as nosas fronteiras tras vivir historias durísimas, non poden ser considerados como moeda de cambio das relacións entre comunidades nin forzas políticas.
Secasí, no caso de Galicia corresponde organizar a acollida á Consellaría de Política Social e Igualdade, liderada por Fabiola García Martínez, que nestas semanas de agosto xa debería ter prevista cal será o seu modelo para acoller a 317 destas persoas menores, cifra prevista dende hai meses. Mágoa, que a cancelación da Conferencia Sectorial, boicoteada polas comunidades gobernadas por PP e Vox, alegando o carácter inconstitucional do Decreto 2/2025, na que se ía pactar a acomodación inmediata de tres mil destas persoas, sexa utilizada pola responsable da política de Infancia da Xunta de Galicia para rexeitar a proposta do Goberno de España e para xustificar a imposibilidade de acollelas por non contar nin con cartos nin recursos suficientes para sostelas, na rede de acollida galega xa saturada.
Recursos económicos que non deberían ser o problema principal, xa que son 100 millóns de euros os mobilizados a este teor polo Goberno de España para as CC.AA. Con todo, a cerna desta polémica reside en coñecer cal é o compromiso político da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda para deseñar un programa de protección e acollemento humanizado, reforzando as estancias en familias e en centros pequenos sobre o das macroresidencias, modelo que xa amosou o seu fracaso.
Sen esquecer, como sinala Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional en Galicia, «a obriga da Consellaría de Asuntos Sociais en garantir o interese superior do menor e o seu dereito a ser acollido nunhas condicións dignas, que lle permitan acceder a documentación e protección internacional, así como a programas educativos que favorezan a súa transición á idade adulta». Protexer a infancia migrante non é unha querenza nin un agasallo, é unha obriga de respecto dos dereitos humanos.
No proceso de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) tres cuestións limitan o seu alcance. Primeira: a pretensión de outorgarlle perfil baixo a Educación Lingüística (EL), poñéndoa á mesma altura das «medidas salvadoras» da lingua propostas polas expertas e a propia cidadanía. Segunda: a decisión do Goberno Galego de poñer o límite do acordo sobre a EL en que non incorpore o termo «inmersión», entendida polo Partido Popular de Galicia con «monolingüismo». Terceira: a pretensión de considerar tanto o PXNLG como a EL como cuestións técnicas, cando se tratan de medidas políticas de primeira orde para o futuro de Galicia e da súa supervivencia como suxeito político. De todas as tres, inferimos que a chave dunha actualización consensuada, como foi a de 2004, do PXNLG radica en deseñar un modelo de EL alternativo ao Decreto de Plurilingüismo (2010), capaz de recuperar a transmisión oral da lingua nas idades temperás e permitir acadar idéntica competencia nas linguas oficiais ao remate das etapas obrigatorias. Mágoa que non escoitemos falar aos responsables da comisión de expertas do PXNLG nin apenas ás voces das institucións e entidades socioeducativas galeguistas sobre cales serían os contidos e o enfoque dun novo modelo de EL, baseado no plurilingüismo restitutivo, polo tanto cun nivel imprescindible de inmersión lingüística, ademais do desenvolvemento decidido da competencia plurilingüe e da incorporación da aprendizaxe do portugués dende a Educación Primaria. E a este teor non esquezamos que todas as linguas absórbense por inmersión dende a primeira infancia, razón pola que a inmersión non pode quedar fóra dun modelo alternativo. Urxe que as entidades socioeducativas galeguistas asuman a súa responsabilidade e poñan sobre a mesa con rigor a súa alternativa de EL inmersiva e plurilingüe. Só así se podería reorientar a dimensión dun imprescindible «acordo pola lingua» do que os sectores galeguistas e nacionalistas nunca poden quedar fóra.
Publicado en Nós diario: 06/08/2025
Ao fío do anuncio da instalación dos elementos lumínicos de Nadal, dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a solicitar unha taxa turística que compense a turistificación natalina:
Antes de que se iniciase o mes de agosto, Abel Caballero montou o seu primeiro show do Nadal 2025. Ao pé da ollada de ferreiro do Sireno anunciou o comezo dos traballos de instalación da iluminación natalina que superando récords anteriores chegará aos doce millóns de luces leds e 7.000 motivos ornamentais en 460 rúas, estendendo os novos elementos luminosos a Vialia, Urzaiz e Bouzas. Recollido amplamente nos xornais, redes sociais e principais emisoras estatais de televisión, que salientaron o insólito do anuncio, tanto pola data escollida, cando o termómetro superaba os 31 graos, como pola intervención do rexedor que, sen desvelar a data do acendido, declaraba todo pachán que «marcaría o inicio do Nadal en todo o planeta». Nada que nos puidese sorprender, despois de máis dunha década de éxito empregando unha estratexia de comunicación baseada nunha consciente hipérbole natalicia personalizada na figura do propio alcalde, que enuncia un discurso de aboafé ensarillado de desafíos ao alcade de Nova York con cifras millonarias de visitantes, que neste Nadal 2025 estima superarán os 6,3 millóns e supoñerá un «retorno» económico de 800 millóns para o sector hoteleiro, de restauración e compras.
Certo que nestes anuncios de estío coa intención de evitar conflitos, Caballero non detalle o impacto da instalación na contaminación luminosa nin o orzamento previsto para a iluminación decorativa, 2,37 millóns de euros, que parte dun contrato de catro anos adxudicado a Ximénez, a empresa que se ocupa das luces de Madrid, Málaga e Barcelona. Contrato principal, ao que se debe engadir, polo coñecido de 2024, arredor dun millón de euros para outros elementos decorativos, cabalgata de reis e outras actividades, sonorización e seguridade. O que se resume en que a achega municipal para o Nadal 2025 será de arredor de 3,3 millóns de euros, o que supón menos de 10 euros por habitante e apenas o 1 % do orzamento anual do concello de Vigo (335 millóns euros). Xaora, o Nadal de Vigo é xa caso de estudo nas escolas de turismo na disciplina de Marketing de cidades, onde se recoñece que a orixinalidade da comunicación e o compromiso do alcalde para defendela, mesmo para soportar as polémicas que esta estratexia provoca, é capaz de crear unha atractiva oferta turística natalicia, até agora inexistente, como atopar unha fenda publicitaria para proxectar a imaxe de Vigo no difícil mercado do turismo global.
Estratexia que deu pé a aparición dun produto turístico, LUCES EN VIGO, que durante dous meses diríxese de forma preferente ao público familiar galego e do norte de Portugal, e en menor medida de Zamora e León, atraído polo atractivo da iluminación e da árbore xigante. Unha experiencia de visita vespertina de tres ou catro horas, tempo que dá apenas para atravesar Príncipe, fotografarse na Porta do Sol, tomar un viño no Vigo vello ou unha caña e un bocadillo no mercado da Alameda, xardín histórico sometido a un estrés innecesario, e no mellor dos casos montar na nora, no tren de nadal ou entrar na exposición de beléns. Visitantes chegados na súa maior parte en autobús e en automóbil que na procura de estacionamento saturan o tráfico da cidade toda. Días que se fan difíciles para a veciñanza do centro, que axiña imos mudando o noso mellor espírito natalicio por unha clara antipatía polo que sucede cada tarde nunha cidade ocupada polas atraccións do parque temático natalino e o seu balbordo, na que é moi difícil moverse e acceder ás vivendas e aparcamentos. Non é doado recoñecer que este sexa o noso lugar para vivir.
Nada moi distinto do que ao longo de todo o ano ven sufrindo a veciñanza doutras cidades do noso entorno, como Compostela, vítima do fenómeno da turistificación xacobea. Fenómeno que en ambas as dúas cidades levou a un crecemento de vertixe das vivendas de uso turístico (VUT), que en Vigo xa supoñen máis de once mil prazas de aloxamento, o dobre das hoteleiras, e o conseguinte encarecemento do alugueiro residencial, hoxe a prezos disparados. Fenómenos que aconsellan a aprobación dunha ordenanza que fixe as condicións que deben respectar as VUT, ademais da creación dunha taxa turística, como a anunciada polo alcalde Caballero, que respectando a normativa autonómica, deberán pagar tanto os visitantes rexistrados en hoteis e VUT como os cruceiristas, coa intención de mellorar o impacto sobre as infraestruturas e servizos comunitarios provocados polos visitantes. Unha taxa que en Vigo, cun millón de noitadas ao ano, podería recadar tres millóns de euros, cifra cativa, mais que contribuiría a preservar o patrimonio e reforzar os servizos ofrecidos aos visitantes como ao conxunto da cidadanía. Utilizada pola maior parte de destinos culturais europeos relevantes, esta taxa turística é unha marca de turismo responsable.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao farol de Urzaiz:
Sei que non son un mandicante se propoño que Vigo conte cunha «Praza de Galicia», coma o resto das cidades galegas. E tampouco ando de meniñas propoñendo que esa referencia engadida ao rueiro sexa para o espazo peonil coñecido como «A farola», situado entre o anfiteatro cívico de Urzaiz e o edificio do Marco de Príncipe, onde se expresa o Vigo das causas máis xustas. Praza de Galicia creada polas luces do farol ou «columna artística» de sete metros de altura encargado en 1930 ao arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez pola corporación monárquica, presidida por Manuel San Román Ceballos, co achaque de darlle categoría á entrada da rúa Príncipe. Construción que comezou iluminar en febreiro de 1932, cando presidía a Praza da República, sendo alcalde Amado Garra Castellanzuelo, político agrarista de Teis, membro do Partido Republicano de Vigo. Farol artístico que ordenaba un espazo de transición urbana, entre Capitán Galán (Príncipe), Capitán García Hernández (Urzaiz) e Colón, que ao longo de nove décadas adoptou diversas solucións urbanísticas, nunca completamente satisfactorias. Nome de «Praza da República» suprimido tras o alzamento mais nunca substituído por outra alternativa, máis alá da popular de «Praza da farola».
O pedestal do farol, traballado en cantaría de granito, foi obra do mestre canteiro e escultor Camilo Fernández Correa, «Camilo o Roxo», quen tallou catro bancos para o descanso da xente, gravando en riba de cada un deles o escudo dunha das catro provincias. Detalle premeditadamente galeguista, que imitaba a solución que o propio O Roxo argallara en 1929 para as catro parellas de nenos que sostendo os escudos de Vigo e de Galicia engalanaban a beirarrúa voada do Paseo de Afonso, o fermoso miradoiro da oliveira. Solución artística que coincidía co debate aberto sobre o estatuto de Galicia, cando Vigo era considerada a Barcelona do Atlántico e non renunciaba a encabezar o proxecto autonomista galego. Liderado para o que o arquitecto Antonio Palacios reservaba no seu plan de reforma interior de 1932, no cume do monte do Castro, o gran pazo rexional, sede das institucións galegas. Como sabemos que o monumental farol dunha ducia de brazos e outras tantas luminarias, deseñadas por Pere Falques, foi forxado polo mestre Romero, un gran artista do ferro, e fundido nos obradoiros de Nervión no Roupeiro, propiedade de Joaquín Fernández Lema.
Farol artístico da Praza da República, onde abría terraza o famoso café Derby, que foi retirado aos depósitos municipais en 1965 para ser substituído por outro de maior altura e horroroso deseño, outra das tantas alcaldadas de Portanet que na década corrupta do «desarrollismo» fixo caso omiso do valor do patrimonio, autorizando animaladas coma o derrube no mesmo ano do edificio Rubira, unha das xoias da arquitectura de Jenaro de la Fuente Domínguez, que facía recanto entre Colón e García Barbón, apenas criticada nas páxinas de Faro de Vigo polo xornalista Benedicto Conde «Bene» nun artigo memorable titulado «El asesinato completo…». Farol recuperado en 1973 para ser instalado na alameda de Eduardo Cabello en Bouzas con motivo da celebración da VIª Feira Mundial da Pesca, que por vez primeira se celebraba en Vigo. Habería que agardar case tres décadas para que en 2002 sendo alcalde Lois Pérez Castrillo o farol fose restaurado e dous anos despois, coincidindo coas obras do aparcamento de Urzaiz, trasladado á praza sen nome, onde quedou chantado. Mudanza, non o esquezamos, froito da negociación coa veciñanza de Bouzas da alcaldesa Corina Porro, que se comprometeu a instalar na vila a antiga pérgola da Praza de Portugal (1928), tamén deseñada polo Jenaro de la Fuente Álvarez.
Esta praza do farol debería recuperar o seu nome primixenio, o de «Praza da República», como debería ser retirada a cruz de doce metros de altura que chanta no monte do Castro dende 1961, símbolo do nacional catolicismo e exaltación do franquismo. Porén, creo que no Vigo actual, unha cidade estado, sería aínda máis útil que os tres grupos municipais acordasen chamar «praza de Galicia» a este lugar de encontro habitual da mocidade e espazo cívico de concentracións e iniciativas diversas artellado arredor do farol artístico. Hai motivos abondo para xustificalo, sendo o primeiro o carácter de Vigo como cifra de todas as galicias posibles. Expresión afortunada do mestre de X.L. Méndez Ferrín para expresar que Vigo é unha bisbarra complexa, berce de actividades industriais diversas, dende as pesqueiras e portuarias até as automobilísticas, dixitais e culturais, como territorio do Val do Fragoso onde por ventura se conserva a lingua e a cultura agraria tradicional galega. Para recuperar o liderado perdido, Vigo ben podería comezar por este xesto de dotarse dunha praza de Galicia.
No informe de resultados sobre hábitos de Lectura e Compra de Libros en Galicia 2024, encargado pola Consellaría de Lingua e Xuventude, o que merece parabéns, destacan dous datos. O primeiro: a poboación galega lectora, a partir dos 14 anos, é de 69,50 %, unha porcentaxe elevada, superior ao 65,30 % do ano anterior, nos niveis da media española; sendo superior a de mulleres (76,20 %) ca de homes (63,30 %) e a da provincia de Ourense coa de maior proporción de lectorado. O segundo: a poboación lectora habitual en galego é de 11,80 %, inferior á do ano anterior (12,40 %); sendo a porcentaxe de homes (13,30 %) superior á de mulleres (10,70 %); como a da poboación lectora entre 25 e 34 anos a máis galeguista (15,30 %), xunto coa maior de 65 anos (13,60 %); destacando a provincia de Pontevedra sobre as restantes pola cifra de lectorado habitual en galego (17,10 %). Datos sobre lectura en galego, que descenden ao 10,10 %, cando se refire á lingua do último libro lido e ao 5,70 % cando se refire á compra habitual de libros en galego (non de texto). Cifras que polo reverso, amosan que o 88,10 % do lectorado habitual en Galicia escolle o castelán e o 87,30 % do que compra na libraría faino de títulos en castelán. Porcentaxes desequilibradas, indefendibles en calquera política de fomento da lectura en galego, tiradas dunha consulta fiable que contou cunha mostra moi apreciable de 1.200 persoas. Números que amosan a situación dramática do libro galego tanto na biblioteca coma na libraría, onde se merca o 71, 10 % do libro en Galicia. Cifras que ofrecen un novo perfil para o libro galego, excluído o de texto e o infantil e xuvenil, reducido ás faragullas dun mercado de apenas 5,70 % de persoas lectoras seguidoras das novidades editoriais, lonxe do 8,00 % de hai dous anos; lectorado masculinizado (feito novidoso) e liderado polo tirón da provincia de Pontevedra (aventuraría que da clientela libreira da cidade de Vigo). Anoten: 5,70 %, outra cifra do devalo do sector editorial galego.
Publicado en Nós diario: 16/07/25
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á renovación da marca CELTA e a súa aposta polo dominio punto gal:
A pasada semana o Real Club Celta de Vigo SAD presentou dúas novidades para o seu futuro: unha nova identidade visual e o inicio da segunda fase da cidade deportiva de Mos. A primeira, a marca CELTA, na que se mantén o escudo e a cruz de Santiago e se utiliza unha nova tipografía (Sempre Celta), creada para o caso, adoptando como dominio principal o celta.gal. Mudanza que consolida a aposta do club vigués pola lingua, a cultura e a identidade galega no ámbito dixital. Unha afirmación orgullosa do CELTA, club fundado en Vigo, como fusión de dous clubs vigueses, co obxectivo de representar a Galicia. Velaí a razón da escolla deste nome polos vigueses fundadores, cando en 1923 o celtismo era a expresión máis xenuína do galeguismo, concibido como célula de universalidade.
Marca CELTA que os responsables de comunicación aseguran convivirá coa de Celta de Vigo e Real Club Celta, na procura da «forma máis auténtica» que os celestes celtistas empregamos para referirnos ao equipo noso. Mudanza que coincide coa segunda novidade: a celebración do inicio das obras da segunda fase da Cidade Deportiva Afouteza en Mos, despois de ser desbloqueado o proxecto polo goberno da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda. Celebración na que participaron só autoridades vinculadas ao Partido Popular de Galicia, dende os presidentes da Xunta e do Parlamento, como da Deputación de Pontevedra e da alcaldesa de Mos, protagonista dunha vergonzosa intervención partidista, reclamando a presencia de Feijoo na inauguración das instalacións, prevista para 2027, entre as que se inclúe un mini estadio e cinco novos campos de adestramento.
Unha atmosfera partidaria que criamos abandonada, que nos fixo lembrar o anuncio de Carlos Mouriño de novembro de 2017, comunicando a retirada do sintagma «de Vigo» do nome do club e abrindo a confrontación con Abel Caballero e coa propia cidade. Unha estratexia da propiedade do club que criamos superada, tras a sinatura do convenio do concello e deputación para a construción da grada de Gol, e sobre todo do trasacordo de Marián Mouriño, abrindo un período de respecto e colaboración co concello de Vigo.
Agardamos que está nova retirada do sintagma de pertenza, xustificada como identitaria, non supoña perda de viguesidade ningunha do club, sexa polo feito de que o 90 % das persoas abonadas son veciñas do concello de Vigo fose polo apoio do celtismo a actual estratexia galeguista. Vigo é terra celeste e o campo do Fragoso o seu territorio simbólico. E non esquezamos que xa estamos, coma quen di no adral, do centenario de Balaídos, que se celebrará o 28 de decembro de 2028, agardemos que coa catedral celeste máis fermosa e compacta da súa historia, grazas ao compromiso do actual goberno municipal.
A pesar de treboadas como a da inauguración do proxecto «Celta 360», teño fundadas esperanzas na continuidade do proxecto estratéxico de comunicación dixital que dirixido por Gael García Cochón está revolucionando a imaxe do CELTA no mundo como entre o propio celtismo, como na propia cidade. Na última tempada provocou vinte millóns de interaccións nas redes sociais, case dez millóns de seguidoras en TikTok, tres millóns e medio en Facebook, medio millón en Instagram e X, ademais de ser o quinto equipo da pasada liga en audiencia televisiva, o que explica horarios tan estraños como os que padece.
Comunicación reforzada polo éxito do himno do Centenario, o lanzamento da camiseta, que leva o nome de todos os concellos galegos, a presenza no estadio das máscaras de Entroido, de Cupeiro e o seu karnix ou das Fillas de Cassandra. Entre outras accións que reforzan a imaxe do Celta actual, que emprega orgulloso o galego, como lingua vehicular preferente, e que asume o viguismo galeguista como cerna da súa identidade centenaria.
No momento actual do relato celeste apostar polo emprego do dominio punto gal en todos os seus espazos web constitúe unha achega histórica para o futuro do idioma galego. Un fito tamén para o propio dominio, nacido o 25 de xullo de 2014, cando 93 entidades fundadoras, entre elas Celta e Deportivo (formalmente), comezaron a utilizar este dominio, hoxe 7.347 webs, identificadas co carné de identidade de Galicia, unha marca dixital nacida coa vontade de ser utilizada por todas as entidades e empresas galegas, tanto no interior coma no resto do mundo.
O feito de que o CELTA se incorpore de forma activa a esta comunidade fará máis visible Galicia en todo o Universo, ao tempo que contribúe a materializar o soño dos seus fundadores que quixeron un equipo potente representando a Galicia nas competicións internacionais. A fundación do Celta foi froito da vontade dunha cidade emerxente que hai un século quería liderar Galicia desde Vigo. O CELTA actual é a mellor versión do viguismo galeguista e heterodoxo no que tantos cremos.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día de Portugal:
Celébrase hoxe o Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas, coincidindo co cabodano de Luis de Camões, autor d’ Os Lusiadas (1572), poema épico que canta os logros nas exploracións e descubertas portuguesas ao longo do século XVI. Celebrado dende 1880, cando se conmemorou o tricentenario do pasamento do poeta, foi declarada en 1924 festa nacional portuguesa. Xornada do 10 de xuño dende 2013 conmemorada en Estremadura cun significativo programa de concertos, proxeccións e actividades literarias organizadas polo goberno rexional coa intención de ofrecer a cidadanía estremeña opcións para coñecer máis e mellor a cultura portuguesa. Celebración que reforzou o compromiso da Junta de Extremadura de impulsar dende 2009 a aprendizaxe do portugués nesta comunidade arraiana, na que máis de cinco mil alumnos de Primaria o estudan como segunda lingua estranxeira e outros vinte e mil o fan nas etapas de Secundaria; acordo que chega a celebración cada 9 de xuño, do Día Escolar da Cultura Hispano Lusa.
Efeméride que tamén se celebrará hoxe en Vigo cun programa de actos do Centro Portugués presidido por Bernardino V. Crego no que non faltará nin un recital poético nin a colocación dunha coroa de louros no monumento a Camões na praza de Portugal. Celebración iniciada o 5 de maio coa xornada dedicada a Camilo Castelo Branco con motivo do bicentenario do seu nacemento, organizada polo Centro Cultural Portugués do Instituto Camõens, onde dende o pasado 22 de maio está aberta a exposición «Versões de Um amor de perdição» e onde hoxe ás 19:30 haberá un concerto do Grupo de Fado Académico do Orfeão Universitario do Porto. Programa ben cativo para unha cidade coma Vigo que dende 1882 abriu a conexión ferroviaria con Porto, constituíndo dende entón a referencia económica e urbana da poboación do norte de Portugal.
Relacións luso-viguesas facilitadas polo ferrocarril no que o 28 de xuño de 1901 chegou a excursión portuguesa, que devolvía visita, comitiva da que formaba parte o fotógrafo Aurelio Paz dos Reis, que fotografou Vigo utilizando un procedemento estereostópico, deixando unha reportaxe memorable do Vigo do inicio do século XX. Relacións que callaron o 10 de novembro de 1927 na inauguración do Centro Portugués de Vigo e na Semana Hispano-Lusitana de Vigo, organizada pola patronal viguesa entre o 26 de marzo ao 2 de abril de 1933, sendo alcalde Emilio Martínez Garrido, coa intención de reforzar as relacións entre a cidade e o país veciño. Inaugurada coa solta de 10.000 pombas desenvolveu un programa completísimo, que incluía unha exposición de produtos portugueses no pavillón da Aduana e unha feira do libro portugués, no que se mesturaban conferencias, actividades deportivas, representacións teatrais, excursións e até un festival de escaparates da rúa Galán, hoxe do Príncipe, para recibir á delegación portuguesa. Relacións culturais que se estabilizaron arredor do Centro Portugués desde que en 1937 ocupou a sede de Príncipe 13, 1º, onde permaneceu até 1989, para ser trasladado a Romil 12, 1º. Como non esquecemos a inauguración da praza de Portugal en 1933, obra de Jenaro de la Fuente, e un ano despois en agosto a do busto de Luis Camões, obra do escultor Souza Caldas.
Habería que agardar a 1998 para que se inaugurase na Casa Aríns, a edificación laica máis antiga de Vigo, o Instituto Camõens como centro de difusión da cultura e lingua portuguesas. En 1992 once cidades galegas e do norte de Portugal constituíron o Eixo Atlántico para solicitarlle recursos á Unión Europea e concertar políticas comúns, situando a sede naturalmente en Vigo. Sen esquecer o histórico 15 de marzo de 1995, no que os alcaldes de Vigo e Porto falaron na Porta do Sol tras a manifestación que reclamaba a liberación do Cabo Estai no marco da chamada Guerra do fletán.
O futuro das relación luso-galaicas, que é o mesmo que dicir ca luso-viguesas, pasa pola finalización do Eixo Atlántico ferroviario de Alta Velocidade, que una Vigo e Porto nunha hora, prioridade política aínda non acabada de concretarse con idéntico compromiso polos gobernos dos dous estados. Como a nivel cultural é imprescindible que o Goberno Galego actualice o seu compromiso coa Lei 1/2014 do 24 de marzo para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade, aprobada por unanimidade que, sen embargo, Feijoo e Rueda meteron no conxelador. Unha oportunidade estratéxica para o futuro do galego como para revirar por fin as costas entre dúas comunidades que comparten orixe da súa lingua. Proceso que lle corresponde liderar de forma indiscutible á cidade de Vigo, como veu acontecendo dende hai máis dun século. Celebrar con maior entusiasmo e compromiso este Día de Portugal podería ser un bo recomezo.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
