Memorable foi a presentación de onte na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo d’ O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte, o libro de Irene e Rodrigo Pérez Pintos. Cento e moitas persoas seguiron as intervencións de Pablo Carrera, Pilar Barreiro e os autores sobre un libro tan singular na edición galega coma fermoso e atractivo.
Pablo Carrera disertou sobre os gabinetes de curiosidades e o papel do coleccionismo privado de láminas, gravados, bestiarios, obxectos exóticos e raros, marabillas que derón pé ao asombro da xente, sendo en moitos casos a orixe dalgúns dos grandes museos do século XX. Pilar Barreiro relatou con moito pulo narrativo como atopou información sobre Arxentino da Rocha, o protagonista do libro, cando na súa viaxe a Iquitos no Perú procuraba datos sobre a estancia alí do seu avó emigrante Wenceslao Barreiro.
Por último, Irene Pérez Pintos presentou os contidos do libro, no que identificou catro partes: a incrible biografía de Arxentino, o ensaio sobre o gabinete de curiosidades, o inventario de 622 do gabinete argallado por Arxentino e as fichas catalográficas máis destacadas do inventario, nas que hai unha forte presenza visual. Rematamos a presentación cantando o «Grándola» e curioseando entre as vitrinas e mesas nas que até o vindeiro martes se expoñen unha boa parte das pezas e obxectos imposibles catalogadas no libro.
Sen dúbida este libro marabilla e sorpresa –ilustrado por Ramón Trigo e polo fotógrafo Manuel Vicente, mimado na edición por Ramón Domínguez– está chamado a converterse nun referente do noso catálogo e das bibliotecas públicas, escolares e familiares. Como dixo Irene Pérez Pintos «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte é un libro para ler e para ir lendo, para mirar os santos e a letra». Aventuro que será un deses títulos polos que o tempo non vai pasar por eles, un libro arca, chamado a perdurar.