Onte 1123: «Somnámbulos» de Suso de Toro no Ateneo

Federico_Perez_Suso_de_Toro_Ateneo_20-10-14

O auditorio d’ Afundación da Rúa do Vilar quedou pequeno para seguir a lectura que o actor  Federico Pérez e o escritor Suso de Toro fixeron para presentar Somnámbulos no marco dos exitosos «Luns do Ateneo de Compostela». Tras media hora de lectura dramatizada de «Pesadelo», a primeira parte de «Negocios de familia», un dos tres textos de Somnámbulos, Suso de Toro pronunciou unhas palabras nas que condensou a poetica e as intencións do libro.

»Somnámbulos está formado por tres textos teatrais ou parateatrais, pensados para ser pronunciados. Tres contos para a voz humana. É un libro que forma parte dunha secuencia de libros, con conexións con outros meus anteriores como Home sen nome e Sete palabras». «O primeiro dos contos, “Negocios de familia” naceu dun cartafol que quedou aberto hai anos. Agora enlaza cun momento da miña vida, cando se está a renovar a memoria presente, como foi aquel período de tránsito, cando se está producindo unha revisión das nosas vidas. Sei que este texto supón volver a un momento que ninguén quere tocar, eses anos que van do 72 ao 76, cando se puxeron as bases do que temos hoxe, sobre os que se impuxo o esquecemento. Un dos temas dese tempo foi o fusilamento daqueles cinco mozos, o 27 de seembro de 1975, un momento fulcral na miña vida». «Este relato ten relación coa elaboración da miña vida familiar e persoal que fixen en Sete palabras». «”Negocios de familia” naceu dun encargo dunha obra teatral que me fixo o actor Manuel Galiana. Atopeime dspois con Federico Pérez no festival de Cans e apalabrei con el facer algo. Esquecino. Anos despois batín con el e recordoume que lle prometera que escribiría unha comedia. Sei que Federico ten unha vía cómica tremenda. A miña tentación era convencelo para facer un personaxe que leva dentro un inferno».

Referiuse despois Suso de Toro ao terceiro dos contos, «Insomne», que naceu a finais dos anos 90, «cando tiven un tropezo forte con Manuel Fraga, que me afectou moito». «Escribín unha vinganza literaria. Non minusvaloro a figura de Fraga na súa dimensión política. Tratei de facer un retrato do mal, quixen retratar literariamente a un monstro. Neste conto imaxinei a un home que tutela as vidas dun país, un home que non dormía». «Sei que este é un retrato moi duro, emparentado con Home sen nome. Daquela publiqueino en internet e no ano 2001 unha versión en castelán apareceu na revista Lateral. Agora reescribino completamente no contexto deste libro, no que insisto, reunín tres textos para a voz humana».

Non esqueceu Suso de Toro facer unha referencia ao segundo dos contos, «Auga derramada», que definiu como «unha estampa santiaguesa, un vello que fla diante da fonte dos cabalos de Praterías». «Un texto moi lixeiro como corresponde a auga desbordada, no que levo a oralidade á cidade miña».

Na quenda de intervencións do público, Suso de Toro recuperou algúns dos seus fíos inciais. «En “Negocios de familia” aparece a cuestión da orfandade que xa tratara en Sete palabras, o que sei identificará o lector familiarizado coa miña obra». Detívose, despois, sobre a cuestión do melodrama, presente en «Soño», a segunda parte de «Negocios de familia». «O lector culto ten prexuízos sobre o melodrama, un xénero no que aparecen as emocións e os sentimentos. Para min o melodrama e a verdadeira representación dos conflitos persoais. Sei que en “Soño” utilizo o melodrama, xa que este xénero é como a vida mesma, situacións que rematan en rídiculo, sen solución, nas que existe unha perturbación, algo inherente ás artes. Somos ridículos cando perdemos a compostura e non esquezamos que a traxedia é o momento no que caen as máscaras».

A derradeira pregunta realizada dende o público xirou sobre o futuro de Suso de Toro e a literatura. «Eu acabei unha carreira literaria, non a miña relación coa literatura. Mais alerto que a literatura está desaparecendo, perdendo terra baixo os seus pés. E somos nós os responsables. Propoño que cada lector faga unha reflexión sobre si mesmo. Canto tempo lle dedicamos a ler e que liamos hai dez anos e que tempo e cousas lemos agora? O tempo de abandono que require a literatura desapareceu. Cómpre volver a estar incomunicados para ler. O lector literario está morrendo dentro de nós». Abordou Suso de Toro a seguir os condicionantes da literatura galega. «Non é o mesmo ser escritor en lingua galega ca en lingua catalá, que conta cun apoio e amparo do seu goberno. A literatura ten un aspecto profesional e industrial que aquí non se coidou. Ademais, a Constitución foi entendida de forma excluínte para os que temos outra lingua diferente do castelán. Sei que nunca me darían nin podería levar o premio Cervantes, a pesar de que son un cidadán que paga os seus impostos ao estado que o concede».

Onte 1122: Cifras da edición en galego en 2013

d79786f1bba36d30e0cd4ab51d454d7cComo sucedeu ao longo da década, o estudo de Comercio Interior del Libro en España 2013 amosa como o volume da edición nas linguas cooficiais concéntrase nos libros de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, sendo en catalán o 83,9 % dos títulos, en éuscaro o 97,6 % e en galego o o 85, 7 %. Xaora, no caso dos libros editados en galego polos membros AGE o número dos publicados en 2013 destes tres xéneros «paraescolares» (1.120) representa o 85,7%, mentres que o número de exemplares producidos (1.564.000) o 87,26 % do total, supoñendo a  súa facturación (18,40 millóns de €) o 89,8 % do mercado. Cifras todas elas que testemuñan que no entorno da crise non se modificou a forte dependencia do libro editado en galego con respecto ao mercado escolar e paraescolar.

edición literaria en galego en 2013 (367 títulos, 263 mil ex.e unha tirada media de 717 ex,) representou 28,1 % dos títulos e o 14,6 % dos exemplares, mentres as súas vendas (2,58 millóns de €) supuxeron apenas o 12,6 % das totais do libro en galego. Con respecto ao ano anterior produciuse un lixeiro incremento de títulos do 4,26 %, unha importante redución do 19,32 % do número de exemplares (63.000 menos) e unha baixa da facturación do 2,64 % (apenas 70.000 €). Se fixesemos a comparación con 2011 (399 títulos, 509 mil ex., unha tirada media de 1.573 e unha facturación de 2,84 millóns de €), acentúanse esta tendencia. Xaora, o libro literario en galego nos dous últimos anos mantén a súa diversidade de edición e facturación, a costa de reducir o seu volume de edición e a tirada media arredor do 50 %.

A edición de poesía e teatro en galego, con 51 títulos en 2013 e unha tirada media de 764 exemplares, representou o 3,9 % do total dos títulos, o 2,2 % dos exemplares fabricados e o 0,9 % da facturación (180.000 €). Mentres que a edición de ensaio e estudos literarios en galego, con 101 títulos e unha tirada media de 643 exemplares, supuxo o 7,7 % do total, o 3,6 % dos exemplares e o 1,3 % da facturación.

Deteñámonos no caso da novela, o mercado privilexiado da edición literaria en galego. En 2013 publicáronse en galego, entre novidades e reimpresión, 215 títulos, o 16,5 % do total da edición; fabricáronse 159.000 exemplares, o 8,8 % do volume total de producióno que supón unha tirada media de 740 exemplares por título; e facturáronse 2,14 millóns de €, que supoñen o 10,5 % do total d eingresos a prezo de capa. Se comparamos estes datos cos do ano anterior, comprobamos que aumentou o número de títulos nun 18 %, baixaron os exemplares fabricados nun 51,22 %, reducíndose a facturación apenas nun 1,38 %. En definitiva, a novela que supón o 58, 58 % dos titulos literarios en galego, mantén a tendencia xeral de redución do volume de fabricación e de tiradas medias como estratexia dos editores para asegurar a diversidade da edición e a súa cifra de facturación. Un fenómeno facilitado polos actuais procedementos de impresión dixital e de baixa tirada que permiten realizar tiradas inferiores aos 400 exemplares a prezos asequibles.

Como xa fixemos en anos anteriores, é interesante comparar estes datos do mercado da novela en galego cos do conxunto deste subsector de ficción en España, que en 2013 editou 9.773 títulos, imprimiu 43 millóns de exemplares e facturou 426,27 millóns de €. Se desagregamos máis estas cifras, comprobamos que a edición de novela en castelán facturou 382,27 millóns de € (o 20 % do seu mercado), en catalán 39,93 millóns de € (o 19,6 % do seu mercado total), sendo en galego apenas os citados 2,14 millóns de €. Noutras cifras, o número de novelas en castelán (8.227) multiplica as galegas por 38, o número de exemplares (40 millóns) por 251 e a súa facturación (382, 27 millóns de €) por 178. Se facemos esta comparativa coa edición en catalán, o número de novelas editadas (1.164) case sextuplica o das galegas, o número de exemplares fabricados (2.940.000) multiplícaas por dezaoito e a facturación (39,93 millóns de €) faino case por dezanove. Ademais, se comparamos o mercado da novela en galego (2,14 millóns de €) co total do mercado libro en Galicia en 2013  (139,646 millóns de €) obtemos que a súa cota real no mercado galego do libro é do 1,53%, o que supón un  avance de sete décimas con respecto ao pasado ano, sendo a cota de mercado do libro literario galego no seu conxunto do 1,84 %. Cifras que nos axudan a comprender a cativa dimensión do mercdo literario galego e mesmo do seu xénero máis popular.

A edición infantil e xuvenil en galego con  399 en 2013 e unha tirada media de 1.133 exemplares representou o 30,5 % do total; con 452.000 exemplares o 25, 1% dos fabricados e con 4,31 millóns de € o 21 % da facturación. Con respecto ao ano anterior as porcentaxes medraron en todas as tres variables, apenas un punto no número de títulos publicados (que baixaron en 30); máis de sete no de exemplares, que subiron en cen mil, como na facturación que se incrementou nun 9,94 % (300.000 euros). Cifras que amosan o crecemento e mellora da edición infantil en galego no entorno da crise do sector.

A edición de libro de texto en galego con 354 títulos en 2013 e unha tirada media 2.395 exemplares representou o 27,1 % do total dos editados; 849.000 fabricados, o 47,2 % do total e os seus 11,51 millóns de €, o 56,2 % da facturación. Cifras que amosan o peso elevadísimo deste subsector de edición no conxunto do sector mais que, con respecto ao ano anterior, diminúe en todas as tres variables, nun 20 % no número de títulos, nun 15 % no de exemplares fabricados e nun  11,83 % a súa facturación.

A edición de Ciencias Sociais en galego con 70 títulos en 2013 e unha tirada media de 768 exemplares supuxo o 5,3 % do total, o 3 % dos fabricados e o 1,2 % da facturación. Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego con apenas 4 títulos en 2013 representou o 0,3 % do total, o 0,6 % dos exemplares editados e unha porcentaxe insignificante de facturación. O resto dos tipos da edición en galego (libros prácticos e de divugación, dicionarios e enciclopedias) supuxeron 113 títulos, o 8,7 %; 171.000 exemplares fabricados, o 9,5 % do total, e 1,34 millón de €, o 8,6 % da facturación.

Cando dispoñamos da Panorámica da edición de libros en España 2013, cos datos achegados do ISBN, poderemos detallar os datos referidos a libros traducidos e edición en soportes dixitais, categorías que polo momento non manexa o estudo de comercio interior do libro da FGEE.

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 1121: Cifras da edición galega en 2013

7dc4a811c908a8e66521e449d998fce2Despois do adianto do pasado verán dalgúns datos de facturación, por fin contamos coa edición completa do Comercio Interior del libro en España 2013, o estudo de referencia sobre o estado do sector editorial privado encargado pola Federación de Gremios de Editores de España e elaborado cos datos proporcionados polos diversos editores. Un informe que no conxunto do sector español amosa no pasado ano 2013 unha significativa redución das vendas do 11,7 % (2.181,97 millóns de €), o que supón 289,51 millóns de € menos ca o ano anterior; unha perda do 9,6 % dos exemplares vendidos (153.828), 16,4 millóns de exemplares menos vendidos no mercado interior; un decrecemento do 3,5 % no número de títulos editados  (76.434) e dun 12,1 % dos exemplares fabricados (246 millóns), trinta e seis millóns de exemplares menos ca en 2012. Cifras que se tomamos como referencia 2008, o ano de inicio da crise, supoñen unha redución das vendas do 31,70 % (máis de mil millóns de €) e do número de exemplares producidos do 27,1 % (85 millóns menos), sendo o número de títulos editados (76.434) semellante ao do ano 2009. O sector da edición española en cinco anos de crise perdeu un terzo da súa facturación e da súa tirada, un severísimo exercicio de enmagrecemento.

No caso da edición galega privada, a realizada polos membros da Asociación Galega de Editores, os principais indicadores tamén presentan no seu conxunto considerables reducións. O número de títulos publicados polos editores privados galegos baixa un  10,9 %, pasando dos 1.888 de 2012 (1.458 en galego, 397 en castelán e 34 noutras linguas) aos 1.682 de 2013 (1346 en galego, 315 en castelán e 21 noutras linguas). Tendencia á baixa que se produce tamén no caso do número de exemplares fabricados que en 2012 foron 2.426.000 e en 2013 2.275.000, o que supón unha redución do 6,22 % (151.000 exemplares). Cifras que paradoxicamente levan á que a tirada media do libro publicado en Galicia por editores privados se incremente nun 5,21 %, pasando dos 1.285 exemplares por título de 2012 aos 1.352 de 2013.

A edición en galego de editores privados acadou en 2013 os 1.747 títulos (1.346 publicados en Galicia, 324 en Madrid e 78 en Cataluña), o que supón unha redución do 5,46 %, xa que en 2012 os títulos foron 1.848 títulos (1.458 publicados en Galicia, 334 en Madrid e 55 en Cataluña). Cifras que expresan que no último ano o 77,0 % do libro en galego é editado en Galicia, o 18,54 % polos membros da Asociación de Editores de Madrid e o 4,46 % polo Gremi d’Editors de Catalunya. Datos que amosan, ademais, que os editores galegos reduciron nun 7,68 % os títulos en galego, que pasan dos 1.458 de 2012 aos 1.346 de 2013. Redución que no caso dos exemplares fabricados é do 6,15 %, pasando dos 1.917.000 de 2013 aos 1.799.000 de 2013 (118.000 exemplares). Cifras que sitúan a tirada media do libro editado en galego por editores privados en 2013 en 1.378, o que supón un incremento do 4,7%, sendo tamén un chisquiño superior á tirada media do libro editado en Galicia, 1.394. O catálogo do conxunto do sector acadou en 2013 os 13.945 títulos, aumentando un 4,91 % con respecto ano anterior (13.292). O catálogo do libro en galego situouse en 2013 nos 11.332 títulos, o que supón un incremento do 4,62 % con respecto a 2012 (10.804).

Como xa antes adiantamos a facturación do comercio interior do libro en España foi no ano 2013 de 2.181,97 millóns de euros, dos que o estudo estima corresponden a Galicia o 6,4 %  (un incremento de catro décimas sobre o ano anterior), 139,646 millóns de €, o que supón unha redución do mercado do libro en Galicia do 5,82 % (8,63 millóns de euros), en todo caso inferior á do conxunto do estado.

A facturación das editoras privadas galegas foi de 24,66 millóns de €, unha redución do 10,42 % con respecto ao ano anterior (27,53 millóns de €). O estudo estima que a facturación do libro editado en galego en Galicia foi de 20,49 millóns de €, unha redución do 5,05 % con respecto a 2013 (21,58 millóns de €). Tanto no caso do libro editado en Galicia (24,66 millóns de €) como o editado en galego (20,49 millóns de €), as librarías independentes continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 61,0 % no primeiro caso (15,04 millóns de €) e nun 58,30 % no segundo (11,94 millóns de €). Dos datos pode estimarse que as librarías e as cadeas de librarías galegas durante o ano 2013 venderon 85 millóns de €, o que supoñería que o 17,69 % das súas vendas corresponderon a libros editados en Galicia e  o 14,04 % a libros en galego editados en Galicia. As vendas do libro en Galicia teñen un forte carácter estacional, concentrándose nun 61,8 % no segundo semestre do ano. No que atinxe ao pagamento de dereitos de autor, en 2013 foron 1,39 millón de € (o 5,30 % das vendas), unha diminución do 6,71 % con respecto a 2012, ano no que os editores galegos pagaron aos seus autores 1,49 millón de € (o 5,20 % das vendas).

Se cruzamos estas cifras de facturación, obtemos que a cota de mercado en Galicia dos libros editados polos membros da Asociación Galega de Editores foi en 2013 do 17,65 %, o que supón unha lixeira dimunición con respecto a 2012 (18,56 %). A cota de mercado do libro editado en galego sería o 14,67 %, o que supón un incremento do 0,12 % con respecto ao ano anterior, supoñendo como xa adiantamos para a canle libreira o 14,04 % da súa facturación.

Se relacionamos estas cifras de facturación coas de 2008, ano no que a facturación do sector acadou os 33,04 millóns de €, a redución foi do 26,16%, o que estimamos que a prezos constantes supoñería unha porcentaxe arredor do 30 %. No caso da edición en galego, sendo a facturación en 2008 de 23,27 millóns de €, a máis elevada até hoxe, a redución é do 8,61 %. No caso do volume de edición, o número de exemplares fabricados, tanto para a edición en Galicia como para a edición en galego, continúa sendo inferior ao de 2008.

O estudo de Comercio Interior de 2013  estima que, despois da forte redución do persoal no ano 2012 (un 19,40 % dos cadros de persoal) en 2013 non se produciu perda de emprego no sector editorial galego, sendo 189 persoas as que traballan nas empresas da Asociación Galega de Editores das 12.241 do conxunto do sector no estado. O informe sinala que en Galicia son 40 as empresas participantes no estudo das que o 52,6 % forman parte dun grupo editorial.

Concluíndo. O sector da edición privada en Galicia, que forma parte da Asociación Galega de Editores, no ano 2013 continuou reducindo o seu número de títulos nun 10,9 %, o de exemplares fabricados nun 6,22 % e a súa facturación nun 10,42 %, valores semellantes ás do conxunto do sector. No caso da edición en galego, está redución tamén se produce, aínda que sexa de forma máis moderada, xa que os títulos decreceron nun 5,46 %, os exemplares nun 6,15 % e a facturación nun 5,05 %.

Nunha segunda anotación, debullaremos os datos sobre a edición e facturación por xéneros do libro editado en galego.

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 1120: Ksal, o pintor do traballo no mar

Ksal

A presentación do serán de onte na libraría Cartabón de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, enmarcada na iniciativa dos «Venres nas librarías», constituíu un acto de homenaxe a José Casal Cerqueira «Ksal», o pintor do traballo do mar, a quen Souto dedica o capítulo do libro titulado «O neno da curva de San Gregorio». Coa presenza da súa filla Mariluz e do seu neto David, que participaron nunha animada conversa con Xurxo, lembrouse ao maquinista de Coia, falecido en 2001, que chegou a expoñer os seus cadros en  Terranova máis nunca o fixo na súa terra. O seu neto David lembrou as súas mans grandes, capaces de ir máis alá da mecánica, «meu avó pintaba, preparaba maquetas e outra pezas,cando regresaba da marea viña cargado de roupa e dos cadros que creara nos bancos do bacallau». Durante o acto proxectouse unha escolma dos cadros de Pepe Casal, nos que recollía paisaxes terrícolas e escenas do traballo do mar, como unha copada en alta mar, un barco arrastrando a súa parella ou os mariñeiros no comedor con cadansúa bota. Diante dos cadros, Souto comentou «a dificultade de presentar homes traballando en perspectivas oblicuas ou parellas que navegaban atravesadas entre lombos de auga, mais tamén ao cociñeiro pelando patacas. Ksal non é pintor de barcos, é o pintor do traballo do mar». Para Xurxo «mentres Lugrís creou un mar sen tempo, Ksal é pintor do momento do mar, do instante, da onda, do pantocazo, dunha realidade convulsa, da que arrinca pingas de eternidade». Diante do autorretrato de «Ksal«, así asinaba Cerqueira os cadros, Xurxo identificou no primeiro plano «a mirada intelixente do maquinista, do fogueiro», mentres ca no segundo o «dunha figura feminina e un neno (probablemente os eu neto David), ademais duns barcos varados na area». Para Souto «Ksal é Van Gogh en azul-Terranova», «o pintor do mar que andou ao mar, ese neno asombrado da curva de San Gregorio da foto de Pacheco que merece a grande exposición en Bouzas que non tivo en vida». Quedamos comprometidos coa causa da exposición Ksal que moito merece a pena.

Onte 1119: En Lalín con «Zapatillas rotas»

XG00225901Gran presentación no IES Laxeiro de Lalín de Zapatillas rotas, a quinta novela de Xabier Quiroga. O equipo da Biblioteca preparou unha presentación da súa lectura compartida e proxectou o vídeo da súa lectura acompañando ao autor. Celso Fernández Sanmartín «Celsiño» foi intercalando as súas intervencións memorables, textos orais coidadísimos que contribúen a enxergar unha esperanza para a lingua galega e para a memoria das historias de vida dos que a falaron. Xabier Quiroga comezou expresando a súa gratitude ao seu alumnado pola lectura da súa obra, animándoos tamén a crear, a poñerse a escribir. Gabou os discursos de Celsiño subliñando que coma el cría que «os vellos saben moito, ás veces nos seus silencios, outras na súa memoria». Confesou despois que Zapatillas rotas saíu da estancia da súa avoa durante o derraeiro ano da súa vida nunha residencia. «Vin o que había alí. escoitei. Dediqueille a novela, a pesar que ela nunca viu o mar. Cadreina en 95 capítulos, tantos como tiña ela cando morreu».

Explicou que, como en cada unha das súas novelas anteriores, quixo «contar unha historia, neste caso a dun vello que marcha do asilo, que se rebela contra iso». «As novelas son coma un río, todo vai enchendo o seu caudal.» «Zapatillas rotas é unha historia que nos vai levando cara a beiramar, unha viaxe dun vello e dun parado, na que intentei relacionar o pasado e o presente.» Antes de enumerar as intencións e temas que quixo abordar na novela, Quiroga salientou que «os escritores facemos paxaros de barro». «Quixen denunciar o abandono dos vellos e o negocio público e privado das residencias de maiores. Quixen denunciar a unha adolescencia consumista que abandona o idioma. Denunciar a unha clase política corrupta e oportunista. Quixen denunciar a violencia contra a muller. O personaxe de Lola é esencial nesta novela. É criada, nai, avoa, usada e abusada. Quixen denunciar o paro, a falta de traballo e esa certa resignación que vivimos coa crise. Quixen denunciar a represión política, a corrupción, a confusión dos valores, nun tempo no que interesa máis o ter ca o sentir. Quixen falar da soidade no Vigo proletario e do abanodono do rural e da súa violencia. Mais e sobre todo, quixen abordar o sentimento da vida e da paisaxe. Sei que os maiores senten a paisaxe, como sentimento da Terra». Rematou Xabier Quiroga definindo Zapatillas rotas como «novela da memoria, para min non hai literatura sen memoria». «Esta novela é unha homenaxe á nosa sente e ao noso país. É unha novela dun amor imposible que permanece máis alá da morte».

Onte 1118: O calendario de Suárez

calendario-José-Suárez-2015-656x403Xa está á venda o Calendario Xerais 2015 dedicado este ano ao fotógrafo José Suárez. Como fixera con Ruth Matilda Anderson, a editora Celia Torres escolleu trece fotografías que constitúen unha magnífica escolma dos traballos realizados no Morrazo en 1935, probablemente correspondentes aos estudos previos da película Mariñeiros, rematada no exilio e que nunca se puido ver en Galicia. Os textos de Xosé Luís Suárez Canal e Domingo García Sabell constitúen o adro axeitado para entender un traballo fotográfico centrado sobre os homes e mulleres da Galicia tradicional, labrega e mariñeira, recollido no libro que Xerais lle publicara en 1981, un país que xa non existe, do que se conservan apenas pegadas na memoria. Cada unha das pezas, (dende a mítica do neno co Javiota, pasando polas redeiras, até o vello das patelas) vai enmarcada cun texto literario de autores e autoras, a maioría do noso tempo, que a vivifica e actualiza no contexto actual. Outra peza bibliográfica para a nosa memoria fotográfica. Un magnífico agasallo.

Onte 1117: No Pelouro

Volvín ao Pelouro, a escola de Caldelas, o soño educativo de Juan Llauder e Teresa Ubeira. Participei na asemblea, na que cada alumno asume o seu proxecto para a xornada. Vivín a forza luminosa que comuncia Teresa en cada canción e cada palabra pronunciada con sentido escénico dun acto que sabe marcante para cada un dos participantes. Vivín unhas horas nas aulas de primaria, talleres cheos de libros impresos (22.000 en todo o centro), utilizados para a recollida de información para os proxectos e para a confección dos mapas mentais. Visitei a escola infantil, organizada por recantos de actividade. Despois, Teresa levoume a Abadía. Alí faloume con entusiasmo do seu compromiso co espírito da ILE, que lle inculcou o seu pai, Manuel Ubeira, mestre galeguista da escola de Matamá. No Pelouro a educación é emoción e procura de sentido. Dende hai catro décadas esta escola vai por diante, rachando tópicos e rotinas, abrindo vieiros de experimentación e investigación para unha educación integral e inclusiva, para todos e todas, sen excepcion, compartida por alumnado de altas capacidades, autistas severos ou con sindrome de down. «Esta é unha escola intelixente onde aprende só o neno diverso» oínlles cantar na asemblea. Abofé. Volveremos.

Onte 1116: Tintimán en Lugo

XG00214501Entre as novidades para o público xuvenil lanzadas neste mes non podemos deixar de reparar nunha nova entrega de Tintimán, a serie de Jaureguizar protagonizada polo que se presenta como «o reporteiro máis novo de Europa e Indonesia». Desta volta o xornalista estrela do Diario Galego viaxa a Lugo para participar nunha das vodas celtas do «Arde Lucus»; cidade á que, tras a aparición do corpo do arqueólogo Henrique Alcorta, regresará para intentar desvelar un misterio que o levará a recuperar os planos utilizados no século III na construción da Muralla e o Carneiro alado e Ribadeo, unha alfaia castrexa do Museo de Lugo. Coma nas novelas anteriores, a trama dunha complexa investigación técese sobre un fito histórico, onde aparecen personaxes actuais recoñecibles, como o alcalde López Horacio, o doutor Fernández Paz (director da Unidade de Medicina Tropical do HULA), o historiador Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro (directora do Museo Provincial), o inspector Xosé Cid Cabido (da Brigada de Delitos Patrimoniais) e Marcos Calveiro (director xeral de Patirmonio). Ademais, non faltan nin o humor nin o terror nin o amor nin a aventura trepidante. Con este Tintimán en Lugo, Jaureguizar acada a plena madurez dunha serie a que o ilustrador Matalobos deu unha imaxe de seu, moi atractiva e actual. Aventuro que Tintimán continuará engaiolando como as entregas que protagonizou en Santiago, A Coruña e Vigo.

Onte 1115: Stephen Hawking en Vigo

A visita de Stephen Hawking a Vigo constitúe un agasallo para a actual proxección de Vigo. A escala do Independence of the seas camiño de Southampton permitiu que o astrofísico británico fixera unha excursión a Compostela e ao seu regreso xantase na rúa das ostras. As fotos que fixo Xoán Carlos Gil para La Voz de Galicia de Hawking xantando na Pedra quedarán para a historia recente da cidade. O turismo de cruceiros en Vigo, baseado nunha alianza estratéxica co porto de Lisboa, comeza a dar excelentes resultados.

Onte 1114: Premios da Crítica Galicia 2014

P1020268

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia deste ano dos que coñecimos onte o seu ditame e nos que por vez primeira en trinta e sete edicións asistiu o presidente da Xunta de Galicia. É innegable que quedei fachendoso polos dous premios recibidos por libros publicados por Xerais, a gran novela de Xosé María Lema, que xa quedara en varias oportunidades co mel nos beizos, e a Estilística da lingua galega de Freixeiro Mato. Como tamén foron excelentes noticias o recoñecemento a traxectoria de Berrogüetto, coincidindo co seu adeus dos escenarios, como de Costa da Morte, a película de Lois Patiño que internacionaliza o Novo cinema galego. Como merecen todos os parabéns Antón Pulido, o noso grande pintor contemporáneo, e o labor de Yolanda Castaño no ciclo Poetas D(in)versos do Agora coruñés e Ponte-Poética en Pontevedra. Foi a novidade desta edición a nova modalidade de Cultura Gastronómica que recoñeceu a creación do Marrón glacé por parte do Grupo Cuevas, capaz de transformar a humilde castaña nunha excelente delicatessen internacional. Os chamamentos á recuperación do consenso arredor do idioma, coincidindo co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, que fixeron dende a tribuna Lema e Freixeiro, como as apelacións á excelencia de Castaño, Pulido, Patiño e Anxo Pintos foron tamén moi oportunas. Outra excelente edición dun esforzo en mancomún do que participamos.