Teresa Rabal, «Lenda do Recreo 2025»
Deixo para o arquivo o texto do discurso e unhas fotos da entrega do premio «Lenda do Recreo 2025» do Hematofesti á actriz e cantante Teresa Rabal. Un acto que resultou emocionante e divertido.
Deixo para o arquivo o texto do discurso e unhas fotos da entrega do premio «Lenda do Recreo 2025» do Hematofesti á actriz e cantante Teresa Rabal. Un acto que resultou emocionante e divertido.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao trixésimo cabodano do compositor vigués Enrique X. Macías:
Fanse hoxe trinta anos do falecemento de Enrique X. Macías, o compositor vigués máis destacado da historia. Quitouse a vida con trinta e sete anos, cando agardaba a estrea de Clamores y alegorías no Festival de Música de Canarias, pouco despois de presentar Itinerario de luz (1995), tras unha intensa carreira de dúas décadas na que fixo un valioso catálogo. Músico de curiosidade insaciable e formación autodidacta, non estudou no conservatorio, buscaba novas expresións sonoras dentro da cultura musical de fin do século XX, incluída a electroacústica, a que incorporaba a electrónica á música clásica. Artista de raíz foi, ademais, voz incómoda do Vigo inconformista dos oitenta, naquel seu discurso memorable cando recolleu no hotel Samil o Premio da Crítica de Galicia de 1987.
Deuse coñecer no Iº Encontro de Artistas Xoves de 1976 coas Setes micropezas para piano, organizado por Xuventudes Musicais de Vigo, colectivo do que formaba parte, que xa animaba o incansable Manuel Álvarez, un dos nosos pioneiros activistas culturais que agardan ser distinguidos. Iniciou así Enrique un traballo compositivo e autoformativo constante no que creou pezas como o Réquiem para piano e percusións (1979), sobre textos de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, que foron conformando un catálogo sometido a un esixente exercicio constante de revisión, do que retirou até trinta obras, e mesmo destruíu as súas gravacións ou partituras, por non consideralas representativas da súa creación, que na súa última versión reunía só quince pezas. Macías colaboraba entusiasmado nas primeiras performances poéticas no pub Satchmo, protagonizadas polo Grupo Poético Rompente de Alberto Avendaño, Manuel Romón e Antón Reixa, xunto aos pintores Antón Patiño e Menchu Lamas e o músico Julián Hernández, que pouco despois crearía Siniestro Total, membros uns e outros da invisible Xeración (viguesa) do Polycommander daquela rapazada que o 5 de maio de 1970 abraiamos no horizonte de Cíes coa nosa primeira marea de piche.
Naquel Vigo, anterior á movida, onde as performances poéticas e a música experimental (culta ou contemporánea) eran conceptos incomprendidos ou territorios inexplorados, Enrique Macías ocupouse de traer a noticia de primeira man das vangardas musicais europeas que fora coñecendo nos cursos de verán de Darmstadt (1980-1984), epicentro entón da vangarda musical europea, cunha bolsa do Instituto de Nova Música de Vigo ou cando foi compositor residente dos estudios da radio finesa (1981), da Academia de Música de Cracovia (1982) e do Instituto de Sonoloxía de Utrecht (1985), entre outros. Como foi decisiva a súa amizade co pianista portugués Jorge Peixinho, discípulo de Stockhausen, que deu un concerto memorable en Vigo nas xornadas de música contemporánea organizadas polo propio Macías, iniciando as tarefas de produción musical das que tantas veces se ocupou, como nas estreas de Exequias (1994) en Vigo e Porto, vasto fresco sinfónico, encargo do concello de Vigo sendo alcalde Carlos G, Príncipe, o que resulta hoxe memorable.
Sabendo da importancia do seu catálogo artístico, xaora non esquezo a pegada que me deixou a súa amizade e tantos días felices compartidos. Lembro como lle gustaba poñer a nosa María ao piano e tocar unha melodía cos seus pés, que non deran aínda os primeiros pasos. Fíos da memoria que devolven o recordo do seu sorriso optimista nos días de estrea, da súa ollada melancólica diante das partichelas, mais tamén do seu talante vitalista e ollada culta de lector letraferido en longas conversas, impaciente por coñecer os proxectos da editorial, divertirse coas intrigas do mundo literario galego ou saber do sucedía na política da cidade e dun país que lle doían.
Lembro tantas camiñadas compartidas coa desculpa de achegarnos á confeitaría de Solla na rúa Uruguai a mercar a lingua queimada e os biscoitos de froitas confeitadas, polos que tanto devecía como larpeiro de categoría que era. Como as colas dos sábados á mañá na panadaría de Reboreda en Urzáiz, xa desaparecida, para levar unhas pezas únicas de pan centeo. Como os paseos por García Barbón até o Perrete a mercar Le Monde e no estanco mercar os cartóns de Pall Mall. Como lembro as citas con Luís Noya, no prelo da imprenta Numen en Velázquez Moreno, para preparar os programas e libretos dos concertos. Non esquezo, tampouco, que me contara como sendo un rapaz quedara prendido pola Sinfonía Fantástica de Berlioz cando a coñeceu nun concerto da Orquestra do Capitole de Toulousse, celebrado no García Barbón, como a fascinación que sentía por Sibelius, pola Sonata para piano nº 32 de Beethoven, pola Arte da fuga de Bach, o Réquiem de Ligeti ou polo Répons de Pierre Boulez, algunhas das súas pezas preferidas. Inesquecible sempre, Enrique!
Para o arquivo deixo a crónica que fixen dos Premios da Crítica de Galicia 2025 que ditaminamos o sábado 18 de outubro. No discurso de acollida que pronunciei como presidente da asociación homenaxeamos a Luis Suárez Marconi, primeiro secretario dos premios, ademais de animador e organizador das nosas convocatorias. Anunciei a celebración en 2027 do cincuentenario dos premios e expresei o noso chamento a que parase o xenocidio palestino, uníndonos a solicitude de entidades pacifistas de todo o mundo.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa «Vigo, un mar de bandas»:
O programa «Vigo, un mar de bandas» é unha das iniciativas culturais que mellor representan o que é o Vigo contemporáneo e a súa tradición de música popular. Organizado pola Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e patrocinado polo concello de Vigo, como os programas «Vigo, bandas nos torreiros» e «Aulas de música nas bandas», permite a nove formacións viguesas continuar co desenvolvemento da súa actividade artística e formativa interxeracional, xa que están formadas por persoas de todas as idades, aínda que en case todas a maioría sexa a de xente nova, o que facilita a convivencia entre distintas idades e abre a esperanza da súa subsistencia e porvir. Como son moi distintos os repertorios de cada unha delas, deseñados coa intención de interesar aos públicos dos seus concertos populares, sempre a rebordar na magnífica e acolledora praza da Princesa, onde as persoas maiores son as que ocupan a maioría das cadeiras. Concertos de programa ecléctico, onde adoito non faltan nin os clásicos do xénero nin algúns temas populares de agora. Outra alquimia musical inclusiva, como a forxada pola modélica Escola de Música Tradicional, pola Orquestra Son de Seu ou polas dúas orquestras clásicas viguesas, propostas que contrastan coa insípida programación mainstream do palco de Castrelos, 800.000 euros para as arcas municipais, que nesta tempada volveu excluír a música galega de todos os xéneros.
A iniciativa de levar a música ao espazo público vigués ten o seu precedente en xaneiro de 1878, cando foi creada a Banda do Hospicio da Casa da Caridade que con vinte músicos militares retirados funcionou até o inicio de 1883. A súa desaparición supuxo a posta en marcha da Banda de Música de Vigo, alentada polo alcalde Jacobo Domínguez Iglesias, que na noite de San Xoán de 1883, dirixida por Enrique Paz, deu no palco da Alameda o seu primeiro concerto cunha duración de tres horas. En 1898 a banda adquiriu carácter municipal e no ano 1912 o concello reorganizou a agrupación baixo a dirección de Mónico García de la Parra que a dirixirá até a súa xubilación en 1956, durante catro décadas de éxito musical e creativo. En 1958 collerá a batuta Ildefonso García Rivas, contando entón cunha impresionante formación de 64 profesores, dos que algúns dirixían outras agrupacións da bisbarra ou se dedicaban á ensinanza musical. Esta gran Banda Municipal de Música de Vigo, que desaparecería en 1992, gravou en 1977 un disco de música galega que incluía temas como «Negra sombra», «Carrapucheiriña» ou «Airiños aires». No arquivo municipal consérvase o libro de arquivo da banda viguesa, que contén unha relación de todas as partituras do seu repertorio (1953-1957), clasificadas polo seu xénero, así como dos seus instrumentos e outros materiais da formación. Por ventura, os seus timbais centenarios foron recuperados e restaurados en 2019 pola Orquestra Clásica de Vigo, tras permanecer case tres décadas esquecidos nun faiado.
Pouco despois da creación da Banda do Hospicio, fundouse en 1880 a Unión Musical de Coruxo, hoxe a decana das bandas populares viguesas e unha das máis antigas das 94 existentes en Galicia, das que 66 están na provincia de Pontevedra. Dirixida na actualidade por Francisco Javier Quintas Alonso, que iniciou a súa carreira nesta agrupación como trompeta, conta coa súa propia escola de música. Tamén é máis que centenaria a Unión Musical de Valadares, fundada en 1902, con actividade ininterrompida dende entón. Dirixida por César Parada Fiqueiras xestiona a Escola de Música de Valadares, conta cun amplo catálogo de premios internacionais, realizando colaboracións frecuentes con músicos doutros xéneros como hai tres décadas tivo co compositor vigués Enrique X. Macías ou hai pouco con Abraham Cupeiro. Tamén é case centenaria a Banda de Música «Lira» de San Miguel de Oia, fundada en 1932, dirixida por Pedro Villarroel González xestiona tamén a coral polifónica e a escola de música.
Máis recentes son as outras participantes en Mar de bandas: a Banda de Música «Las delicias» co CCR de Cabral (1984), dirixida por Jesús Bugarín Alonso; a Unión Musical de Cabral (1986), conducida por Alberto Rocha Soto; a Banda Escola de Música de Beade (1989), a formación máis xuvenil con 75 membros, conducida por José Rodríguez Ramos; a Agrupación Musical Atlántida de Matamá (1991), dirixida por Enrique Lorenzo; o Ateneo Musical de Bembrive (1994), dirixido por Iván Carreira González; e a Banda de Música da UVCD de Candeán (1995), dirixida por Iago Lariño Rodal. Agrupacións que posúen a súas correspondentes escolas de música, capaces de crear ao seu redor unha comunidade formativa e emocionar a públicos nos torreiros e prazas. Parabéns ao mundo bandístico vigués por termar contra vento e marea de tan valioso patrimonio cultural.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do disco B.S.O. (2005-2025) de Eladio y los seres queridos:
Vigo é unha potencia musical, unha cidade con moi diversas bandas sonoras, onde os seus públicos aprecian e respectan aos seus músicos. Non coñezo ningunha outra que conte con dúas orquestras privadas, a Clásica de Vigo, a formación orquestral máis antiga de Galicia, cunha traxectoria de catro décadas, e a Vigo 430, formación profesional que conta con vinte anos. Nin existe ningunha outra que teña unha orquestra folk coma SonDeSeu, proeza musical viguesa nacida en 2001 na Escola Municipal de Música Tradicional, creada para protexer e difundir o patrimonio popular, que conta cun elenco artístico docente fabuloso e un alumnado interxeracional numeroso. Nin tampouco hai outra con nove bandas populares e as súas correspondentes escolas musicais, canteira de milleiros de intérpretes.
Nin ningunha outra que conte con dous conservatorios públicos, varias escolas de música privada, entre elas unha de rock, media ducia de salas de música ao vivo, brillantes festivais como ImaxinaSons de jazz (por desgraza desaparecido hai seis anos), Marisquiño ou a fantasía sonora emerxente dende hai vinte anos do Sinsal na illa de San Simón. Como hai poucas que conten espazos públicos de ensaio (certo que insuficientes a todos os efectos) para as novas bandas, inseridas nunha tradición musical moderna acuñada nas últimas catro décadas.
Nese ecosistema musical vigués apareceu hai vinte anos «Eladio y los seres queridos», grupo 100 % vigués que dende entón representa os mellores valores dunha banda auténtica de indie pop rock e canción popular. Promovida en 2005 por Eladio Santos, parella artística de Germán Fandiño en «Tony Lomba & Elio dos Santos» e compoñente que foi de formacións independentes como Starlux, Medusa ou The Foggy Mental Breakdown, o cuarteto actual está formado por el mesmo como cantante, guitarra e compositor; Óscar Durán «Uka», baixo; David Outumuro, batería; e Adrián Blanco, piano e teclados, os dous últimos profesores de conservatorio.
Grupo cunha traxectoria independente e honesta, recollida en sete discos, un cento de cancións rexistradas, centos de concertos dun directo cristalino e dúas ducias de temas memorables sobre melodías bonitas e textos coidados de dicción impecable que relatan historias cotiáns interesantes e ofrecen reflexións comprometidas sobre a vida e o amor. Gravacións moi coidadas nas que adoitan contar con apoio orquestral, o que imprime un selo inconfundible ao seu son limpísimo, propio dun grande grupo clásico de rock and rol.
Traxectoria celebrada coa publicación recente dun disco B.S.O. 2005-2025 no que recollen dezaseis dos seus temas máis populares gravados de novo en Casa de tolos de Nigrán con Segundo Grandío, nos que contaron con convidados de luxo: Amaral e As fillas de Casandra en «Non quero perderte», Depedro en «Medidas desesperadas», Vega en «El norte» e Pucho de Vetusta morla en «Al Himalaya». Ademais de Gala Santos, filla de Eladio, en «Bella Durmiente». Cancións ás que se engaden outros himnos eladianos: «Miss Europa», «Academia», «Viviendo sin miedo», «Highway to heaven», «Con el corazón en la mano» e, claro está, «El tiempo futuro», himno non oficial da cidade de Vigo, incluído no seu disco insignia Están ustedes unidos (Esmerarte 2011), que xa levan o millón de reproducións nas plataformas, contando cun videoclip extraordinario, parte xa do patrimonio popular vigués.
Disco que anuncian presentarán o 3 de outubro no Teatro Afundación nun serán que promete memorable e no que agardamos estreen a versión galega d’ «O tempo futuro», canción manifesto que expresa o carácter austeramente revolcado desta cidade nosa construída co esforzo e a inxenuidade xenerosa da súa cidadanía seguindo o ritmo marcado polas sirenas. Concerto no que se escoitará «Están ustedes unidos», que reafirma a mensaxe positiva e cariñosa do grupo, esa asertividade tan característica de Eladio y los seres queridos, esa confianza nas persoas e nas posibilidades de actuar unidos que tantos compartimos con eles.
Diante desta gran banda, faise difícil entender que despois de dúas décadas non debutase no palco de Castrelos. Un grupo que merece ser homenaxeado e recoñecido no seu viguiño de corazón. Anomalía que por desgraza padecen outros grupos e artistas vigueses, como Siniestro total, que sen dúbida agardaba poder despedirse cun derradeiro castrelos, ou como Iván Ferreiro ou Carlos Núñez, o noso músico máis internacional. Se celebramos a aposta do Celta pola canteira da Madroa, cal é a razón de que non se faga cos nosos músicos no palco público de Castrelos? É tan difícil reservar dúas ou tres datas do programa para a música viguesa? En todo caso, recomendo que bulan á billeteira do concerto do 3 de outubro onde Eladio e os seres queridos van petalo. Recomendabilísimo!
O éxito de celebración educativa das cantareiras neste 17 de maio obedece á admiración do profesorado pola figura poderosa destas mulleres libres coa pandeireta na man. Mercedes Peón, investigadora, compositora e tamén pandeireteira, reclama en Somos pandeireteiras (Xerais 2025) para elas o nome de tocadoras e «mulleres donas da palabra, donas do serán e da voz da colectividade». Mulleres que na década de 1980 protagonizaron a revolución esquecida das tocadoras, como centro da transmisión musical galega, da palabra e da propia lingua. Centralidade do legado lingüístico e musical que na mesma monografía a poeta e académica Ana Romaní atribúe á química das cociñas, que contaxiaban as súas melodías dunha casa a outra, e ao carácter das mulleres como creadoras e transmisoras de saberes. Activismo feminino que Martín Sarmiento identificou en 1775 cando escribiu que «en Galicia as mulleres non só son poetisas, tamén músicas naturais». Un día das letras para recuperar da man das tocadoras unha tradición coral de sororidade e empoderamento e un patrimonio da memoria actualizado de forma permanente. Día para a poesía popular oral que a Academia quixo personalizar en sete mulleres –das que por certo catro aparecen como informantes do Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth, señora galega das letras 2014, homenaxeada por A Sega– que representan apenas un testemuño do patrimonio das cantareiras anónimas que, por ventura, para a cultura galega, continúa vivo e punxente. Cantareiras de hoxe que asumen formas de composición e interpretación contemporáneas, sen medos a mudar o formato dos palcos e por desprazar o acompañamento masculino do gaiteiro, apostar pola presenza de mulleres gaiteiras ou por empregar mediacións musicais electrónicas. A Academia pretendeu que a súa escolla contribuíse a recuperar falantes, entre o colectivo de mozas e nenas, o que semella tan ben intencionado como voluntarista. Abondaría que a nova xeración de tocadoras enguedellen ese novo público. Ogallá.
Publicado en Nós diario: 14/05/2025
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á despedir a Grada de Gol, a derradeira peza do vello Balaídos:
O 14 de agosto de 2023 pasará historia do Celta pola estrea de «Oliveira dos cen anos», himno que Antón Alfaro compuxo para celebrar o seu centenario. Tema musical recoñecido con moitos premios, con case cinco millóns de reproducións en youtube, convertido en insignia do actual celtismo de canteira espallado por todo o mundo. Expresión emocional musical afortunada tanto do proxecto deportivo e empresarial da presidenta Marian Mouriño, como do sentimento da mocidade celeste, que asume con orgullo o celtismo galeguista como unha suma de ledicia e padeceres, renovado en cada partido nunha cerimonia de canto coral que fai tremer á abarrotada catedral da terra das abeleiras.
Himno de C. Tangana que substitúe ao tradicional de melodía rústica que acuñou o lema heroico (e afortunado) daquel Celta do ascensor de sube e baixa: «nobre xogo, afouteza e corazón». Tema creado en castelán, traducido con agarimo pola inesquecible lingüista e xestora deportiva Marta Souto, iniciando así o emprego modélico do galego como lingua vehicular de Balaídos, medida promovida polo alcalde Manuel Soto, ao abeiro da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989.
Ademais do incrible precedente que supuxeron as pancartas en galego da peña Jaburú nos derbis co Coruña dos sesenta, fotografadas, probablemente, por Siorty e Magar, foi pioneira para a galeguización do Celta a achega d’ A Roda, grupo de canción tabernaria do que celebramos este ano o cincuenta aniversario da súa primeira actuación nun escenario no Iº Festival dos Xesuítas. Formado primeiro por Fito, Luis Vaamonde, Luis Domínguez, os irmáns Abalde, Piña e Queno, A Roda creou a mítica «Foliada do Celta», incluída en Falemos galego (1979), segundo elepé do grupo. Nacida do celme popular, obreiro, vigués e galeguista, que caracteriza o repertorio do grupo, a foliada celtista, coñecida tamén como «Díxolle ao sobriño o tío», converteuse no himno non oficial do sentimento da inquebrantable paciencia celtista («e chega outro ano e pasa tamén») durante as décadas difíciles de 1960 a 1990. Máis aínda, cando o grupo nacido nos bares do Vigo vello interpretou a foliada no estadio de Balaídos en xuño de 1982 para celebrar o ascenso memorable a Primeira de Milorad Pavic, adestrador serbio que, dúas temporadas antes, collera ao Celta en Segunda B.
Convertéronse en himnos non oficiais tamén os temas de Keltoi, «1923 (2010)» e «Unhas cores e un sentimento (2016)». A banda viguesa de punk, liderada por Sime, actuou en Balaídos en 2012 para celebrar o último ascenso a Primeira (toquemos madeira!), tras un lustro en Segunda, daquel Celta de Sergio, Mallo, Lago, Oubiña, Alex López, Bermejo e Iago Aspas, entre outros. Repetidos na festa do centenario, os himnos de Keltoi representan o celtismo da afouteza orgullosa dun equipo para un país que nunca vai camiñar só.
Nas últimas seis décadas de celtismo entusiasta vividas na bancada de Río (Alto), onde adquirín parte da miña formación emocional, é a foliada da Roda o tema que máis pegada me deixou. Quizais pola acerto dos autores de exaltar a diversidade do celtismo, como emoción compartida dos seareiros de cada grada do vello Balaídos, anterior á reforma do mundial de 1982, cando aínda existía a pista de cinza que no descanso percorría Toniño. Identificación afortunada, xa que sabiamos que eran os señoritos de Tribuna os que sacaban o pano para dicirlle ao presidente que «a temporada que vén temos que cambiar de xente». Como eran os de Marcador –que non tivo cuberta até 1970, onde estaba instalado o marcador simultáneo «Dardo», no que seguiamos os resultados de Primeira cos seus anuncios– os algareiros que «máis se cabreaban e pedían a cabeza do señor adestrador». Ou que os de Río, un pouco señoritos, pero entendidos, eramos os que montabamos o lío, para intimidar ao equipo arbitral, que almorzara como deus manda no Mosquito.
Non esquezo que a foliada rodariana, lamentaba que os de Xeneral/e (Fondo, debaixo de Marcador) e os de Gol «como están tan separados non se decatan de nada», razón pola que «nunca protestan». Anomalía á que se pon remedio, tras o derradeiro partido de Gol do pasado venres, grada na que militaron o meu avó e o meu tío Suso dos que mamei o celtismo máis popular do Val do Fragoso, de Freixeiro a Mantelas. Gol onde colocaban as bandeiras sobre o perfil da viseira na orde clasificatoria de cada xornada, como lembro a imaxe do porteiro Fenoy marcando de penalti ou os dous goles salvadores do debut de Aspas co Alavés en 2009. Reducida, por fin, a distancia entre Gol e Marcador, agardo que cando se inaugure, previsiblemente, en 2027, a bancada pegada á lameira, completando así a nova e fermosa catedral do Fragoso, conviden a Tangana, Keltoi e A Roda a inaugurala. «Gol en Balaídos, marca Fer López, tras outra asistencia de Aspas…»
Neste ano que remata, no que afrontamos novidades inesperadas, non quero abandonar a tradición de celebrar o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, o grupiño de Manchester, que anunciou o seu regreso aos palcos en 2025. Para iso escollo a versión de «Up In the Sky (Monnow Valley Versión)», remasterizada por Noel Gallagher no verán deste 2024, tema sobre a dificultade de aprender a voar alto antes de empezar a caer.
Co paso dos anos aprendemos a instalarnos na incerteza para construímos as vidas nosas cos amores que escollemos e cos afáns aos que nos enfrontamos. Xaora, este serán do anovello enxergamos no horizonte, que en Vigo miramos entre o perfil das Cíes, a chegada dun ano novo, que quere celebrado con ansia e esperanza.
Sexan os meus votos para un 2025 mellor no que as luces da estrela dos afectos nos permitan compartir saúde, amor e boas lecturas galegas!
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o centenario da chegada a Vigo da fotógrafa Ruth Matilda Anserson:
O 7 de agosto de 1924 desembarcou no porto de Vigo Ruth Matilda Anderson, acompañada do seu pai, coa intención de realizar unha crónica gráfica de Galicia encargada pola Hispanic Society of America, o museo e a biblioteca onde traballaba como fotógrafa. Daquela primeira estadía de trece meses de duración, que repetiría en 1926 acompañada da fotógrafa Frances Spalding, a estadounidense deixou un arquivo de cinco mil fotografías coas súas correspondentes anotacións manuscritas. Colección iniciada polas fotografías tomadas en Vigo e nos seus arredores durante o mes agosto, visita recollida por Ruth Matilda con asombroso detalle e erudición no seu libro Pontevedra and La Coruña (New York 1939) que comeza recordando a entrada na ría do transatlántico SS Rousillon contemplando o solpor entre as illas Cíes e como tomou dende a ría a primeira vista da cidade, que define como «un outeiro granítico coroado por unha fortaleza angular e pétrea», referíndose así ao castelo do Castro e o seu baluarte. Anotacións polas que sabemos do seu primeiro xantar opíparo no hotel Moderno, onde se hospedaron, como lles impresionaron as visitas aos pazos de Santo Tomé e Castrelos, a presenza nos mercados de mulleres con cousas na cabeza, como souberon da existencia do poeta Martin Codax ou do tranvía que utilizaron decote para chegar aos arredores da cidade.
Interesados polos aspectos etnográficos, Ruth Matilda e o seu pai asistiron a un concerto o 29 de agosto do «Orfeón queixumes dos pinos», coa intención de coñecer a música galega, citando no seu libro a muiñeira e o alalá, amosándose impresionada polo aturuxo («un berro de grande valor para a mocidade galega»). Día no que retratou na Alameda viguesa a algúns dos compoñentes do orfeón folclórico cos traxes tradicionais, que chegou a fotografar peza por peza. Particular importancia tivo para ela coñecer a romaxe de San Roque, o día despois da festa do santo do can, unha celebración con máis de catro séculos de historia, enraizada en 1569 cando a peste asolou a vila de Vigo. Crónica da romaxe á que lle dedica o capítulo VI do seu libro, no que describe e fotografa ás instalacións do pazo e a capela, daquela aínda propiedade do Conde de Vilar de Fontes, os postos de venda de cabazas e exvotos, de rosquillas e licores. Retrata a un vendedor de andavías, fotografa a instalación dunha randeeira manual e anota o funcionamento do seu carrusel, que empurraban os meniños vestidos para a festa, o que resultaba para ela «unha imaxe preciosa», antecedentes das actuais atraccións de feira.
Daquela reportaxe da romaxe de San Roque, hoxe centenaria, coñecemos tres das fotos de músicos nosos (que entón aínda non vestían o traxe que popularizaron os orfeóns): a primeira dun trío tradicional, formado por gaita, caixa e bombo; a segunda, dun cuarteto, no que ao trío se engade un clarinete; e a terceira un retrato de perfil do gaiteiro. Ruth Matilda aproveita para describir os instrumentos e anotar como pé de foto o seguinte texto: «Banda de música con gaita do país. Mentres a banda tocaba para a súa fotografía, mozos e mozas bailaban pasodobres na outra porta do xardín». Mágoa que a fotografa non recollese o nome deste cuarteto, que testemuña a presenza centenaria na romaxe viguesa da música tradicional. Feito xa documentado durante a segunda república por cuartetos pioneiros como Airiños de Cabral –do que formaba parte Constante Moreda Vázquez, o gaiteiro mártir, executado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936–, formación que renacería en 1939 como Os Morenos de Lavadores, sendo durante décadas fixos no programa de San Roque. Como o serían, máis tarde, a murga Os Terribles de Donas, famosa por interpretar bailables no palco do pino manso.
Lembreime das fotos de Ruth Matilda cando na noitiña do 16 de agosto asistín en San Roque ao memorable e emocionante concerto de Treixadura, o quinteto de gaitas ao xeito rías baixas, acordeón e orfeón de dez voces, unha auténtica exaltación dese monumento do patrimonio inmaterial galego que constitúe a nosa música tradicional. Hora e media de canto colectivo e ledicia compartida, na que os Treixadura debullaron as pezas máis populares dun repertorio tecido ao longo de case trinta e cinco anos, un camiño longo compartido co seu público (que ateigou o torreiro de San Roque), onde non faltaron temas inesquecibles como «Muiñeira de Santo Amaro», «Maruxa», «Se chove», «Caraveliños», «Foliada marmuradora» ou o marabilloso «Fisterra», entre outros. Un concerto no que se lembrou a Antón Cabaleiro, tamén unha homenaxe aos músicos populares anónimos, como os fotografados por Ruth Matilda, que hai cen anos ocuparon ese palco de privilexio do viguiño popular: «Por dicir “Viva San Roque” / prenderon ao meu irmán / agora que o soltaron / “Viva San Roque e o can!”»
Lembramos hoxe o vixésimo cabodano de Luísa Villalta, homenaxeada este 17 de maio. Tras anos de esquecemento editorial, apenas roto pola publicación de Papagaio (Laiovento 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, e máis recentemente d’ As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro 2020), textos escritos (un por día) en diálogo con outros da poesía universal, nos dous meses anteriores ao seu pasamento, nas marxes do Almanaque poético (2004) da editora portuguesa Assírio & Alvin, apareceron, por fin, nas librarías de noso a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia 2023), así como varias achegas biográficas e escolmas da obra dunha autora que durante a súa traxectoria literaria (apenas dúas décadas) teimou na procura da verdade dende a concreción da palabra poética e dunha insurxente liberdade creadora. Publicacións, entre as que salientamos a escolma Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora 2024) de Eva Veiga e Pilar Pallarés, o ensaio e libro das amizades Abonda con vivir (Xerais 2024) de Montse Dopico, e o álbum para lectorado novo Alma de violino (Xerais 2023) de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez, que dende lecturas plurais coinciden en retratala como unha poeta, dramaturga, narradora, ensaísta, articulista, música, violinista, filóloga, profesora, membro da directiva da AELG e activista… radicalmente comprometida con Galiza e coa súa lingua. Foi a poeta coruñesa, en palabras de Pilar Pallarés, «autora dunha poesía en que coexisten altura intelectual e carácter civil», «sabia no respecto dos contrarios». Foi muller feminista, nacionalista e de esquerdas nunha sociedade literaria de homes, en palabras do seu compañeiro no conservatorio da Coruña Xurxo Souto, «conectada coa forza da vida» e «capaz de romper a orde entre música e poesía». Deixou Luísa un legado literario, edificado con palabras de denuncia que non perderon actualidade ningunha, e que para a súa amiga Marga do Val están «enroladas no seu compromiso ético e político».
Publicado en Nós diario: 06/03/2024

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
