Hipertextos 014: Campo de Granada

Desde que hai vinte anos comecei a colaboración semanal en Faro de Vigo, baixo a etiqueta de «Campo de Granada» (van alá case un milleiro de pezas), levo xuntando fotos do que foi o campo da feira vigués, ao pé do Castro (monte Feroso). A foto do mitin agrarista foi unha das primeiras que me desvelaron o carácter emblemático deste espazo do Vigo en bisbarra, aínda que sempre me impresionou esta foto datada en 1925 na que é posible identificar a muralla completa do Castelo de San Sebastián, tomada (probablemente) antes do comezo dun desfile militar do Rexemento de Infantería Murcia nº 37. Como moi significativo é a foto recuperada por Pedro Feijoo do Arquivo Pacheco onde aparece o Mercado do Paseo de Granada, onde identificamos o comezo da rúa de Abeleira Menéndez, pretiño do Banco dos Contos. Cremos que aínda existen máis fotos deste espazo comunitario onde a finais do século XIX se formaban os desfiles do Entroido que finalizaban na Alameda. Seguiremos na esculca.

Hipertextos 011/2019: «O bosque dos cromosomas» de Olga Novo

A serie de artigos da sección «O bosque dos cromosomas» que publica Olga Novo no Luzes dixital é o máis fermoso que se pode ler cada mes na rede en galego. Pezas como «A medida do amor» ou «A vitoria do amor» son marabillosas e emocionantes alfaias da memoria de lectura hipnótica. Olga Novo escribe cada quince días os capítulos dun libro extraordinario sobre a nosa orixe e sobre como se forxa a nosa identidade complexa. Textos literarios de moitos quilates. Recomendo cen por cen. Unha fortuna para Luzes e para o seu lectorado (que sabemos cada vez máis numeroso e fidelizado). Beizóns, Olga!

Onte 2000: «Música no faiado»

Agradecín a Miguel Ángel Alonso Diz que me convidase a presentar Música no faiado, a súa primeira novela, publicada en Xerais Merlín e ilustrada por Laura Tova. E mereceu moito a pena o mediodía literario e musical na libraría Andel, na que tivemos o privilexio de escoitar a Patricia Moon e David Zarandon, dous mestres da Escola DZ de Vigo. Un acto no que se falou da memoria e da música como os dous ingredientes desta novela de indagación sobre o pasado de tres xeracións dunha familia de guitarristas. As vidas de músicos como «Bessie» Smith, Robert Jonhson, Elvis Presley e, sobre todo, de Yoko Ono e John Lennon (e a súa misteriosa visita a Galicia de 1974), estiveron moi presentes no relatorio. Así como a homenaxe que na figura da avoa Carme o autor rendeu a todas as mulleres invisibilizadas da nosa historia. Un libro valioso dun dos nos mellores activistas da lectura. Parabéns, Miguel Ángel!

Vigo cidade vagalume

A revista A Movida convidoume a colaborar na edición impresa deste mes de decembro, onde publiquei unha versión reducida deste texto:

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha imaxe que no caso de Vigo, durante tantos anos a cidade da oliveira, foi mudando ao longo das últimas décadas ao compás das mudanzas que se foron producindo na alcaldía do Campo de Granada. Daquel Vigo obreiro das décadas dos setenta e dos oitenta, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de X.L. Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, de Aerolíneas Federales e Trenvigo, pasamos ao actual Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, excéntrica, un novo Lepe, como o definiron os membros de Cain, o Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Navideña.

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta nesta imaxe. Manuel Soto, o primeiro e valente alcalde democrático e galeguista fixo daquel Vigo revolcado que cantaba Xela Arias en Denuncia do equilibrio, o Vigo de Ascón e dos conflitos do estudantado con Vitrasa, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas en Travesas e o Monumento ao traballo, os bautizados como Redeiros, de Ramón Conde entre Urzaiz e Gran Vía. Catro pezas de arte contemporánea galega, de moi diferente fasquía, cuxa instalación non estivo exenta de polémica, mais que foron capaces de mudar o espazo urbano e co tempo de converterse en iconas queridas polas diversas xeracións viguesas de entre séculos.

Carlos Príncipe quixo facer do Vigo unha cidade dos museos capaz de competir cos doutras cidades euroatlánticas, como Porto, Compostela e A Coruña, que no mesmo período desenvolvían cadanseu proxecto de infraestruturas culturais. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos arquitectónicos de Abrir Vigo ao Mar e do primeiro Plan Urban para o Vigo Vello, ademais do deseño de tres museos, construídos con fondos europeos: o Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe, recuperando o vello Pazo de Xustiza e Cárcere; o Museo do Mar de Galicia, instalado no antigo matadoiro municipal de Alcabre e o Verbum. Casa das Palabras na praia de Samil. Tres pezas arquitectónicas moi valiosas que despois dunha década de ser abertas ou ben non consolidaron os seus proxectos museísticos ou mesmo son abertamente cuestionadas.

Durante a alcaldía de Lois Pérez Castrillo desenvolvéronse os proxectos da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e do Centro Galego de Fotografía no Casco Vello, para contribuír a rexeneración do Casco Vello, e comezouse o de Auditorio Mar de Vigo en Beiramar, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades atlánticas da música, singularmente Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que polo momento quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e os económicos ruinosos, tras a quebra da concesionaria.

Vigo nunca contou neste período con políticas culturais públicas, esas capaces de enxergar dúas décadas, capaces de solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario endémico ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións das diversas artes, algunhas tan relevantes como a Fotobienal, as Xornadas de Música Contemporánea, promovidas por Enrique X. Macías, ou o propio Marisquiño, hoxe sumido na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca do Estado en Travesas ou unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que o que Vigo precisa é un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos diversos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios estritamente profesionais. É tempo xa de superar a política cultural das ocorrencias de alcaldes e concelleiros, como a daquel Agustín Arca que chantaba volcáns nos paseos de Coia e canastras de baloncesto en canto curruncho atopaba. A pesar da sobreiluminación de nadal e da súa contaminación luminosa, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.

As cavilacións de Bieito Ledo

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a Cavilacións, o libro de memorias literarias do editor Bieito Ledo:

Bieito Ledo acaba de publicar «Cavilacións» (Ir Indo, 2018), un fermoso libro de memorias que continúa o rego aberto hai unha década de reivindicación literaria de Padroso, a súa aldea natal, situada na parroquia de Abeleda do concello de Xunqueira da Ambía na comarca da Limia. Como sucedera coa súa primeira entrega, «Aconteceres» (Ir Indo, 2006), na que o editor debutaba como narrador, o incansable presidente da Asociación Premios da Crítica de Galicia, reconstrúe co alento popular, a destreza retranqueira e o galego de festa dun narrador oral formado ao carón da lareira o mundo máis íntimo e máis entrañábel desta aldea que hai cincuenta anos contaba cunha ducia de lumes, sesenta e oito habitantes, máis de corenta vacas, ovellas, burros, algún cabalo, cans, galiñas e mesmo escola unitaria con mestra nacional a oitocentos metros, mais que na actualidade ten apenas sete habitantes e cinco tractores manexados por catro xubilados.

Dous libros de memoria viva, urdidos por Bieito Ledo cos vimbios dos afectos e das lembranzas, capaces de explicar dende a experiencia familiar –quizais con maior claridade que o fan as investigacións da antropoloxía cultural e da socioloxía campesiña– a mudanza histórica vivida neste medio século na que a milenaria Galicia da labranza pasou de traballar a terra co arado romano e a utilizar o carro de vacas xunguidas á mulida a quedar ás portas da súa práctica extinción. No relato desa profundísima mudanza da cultura agraria, acontecida en tantas outras das nosas aldeas, reside a cerna destes relatos de lectura veloz, capaces de rescatar o latexo máis primixenio da vida en Padroso como o paraíso de Bieito, o territorio da súa infancia (das palabras, dos olores, dos sabores, das paisaxes), mais tamén o da cultura dos afectos e dos valores máis puros, eixos da súa concepción do mundo.

Eis o relato dos traballos compartidos nos montes comunais, onde se levaba o gando e se rozaban os toxos, que se aproveitaban para estrar as cortes onde durmía a facenda e tamén para quentar o forno mancomunado, que cocía cada doce días. Unha cerimonia a don pan relatada por Bieito de forma tan detallada que emociona e leva a sentir todo o seu arrecendo: «O primeiro en cocer tiña que avisar cando facía a quenta, xa que gastaba moita máis leña ou toxos. O segundo facía a requenta, momento no que o forno xa conservaba a calor, polo que os seguintes ata os doce ían precisando menos material…». Para seguir contando como se facía aquel pan de centeo moído nalgúns dos muíños de auga (que, como tantas outras cousas, xa non existen), amasado na artesa e levedado preto da borralleira. Sen esquecer citar a empanada que acompañaba a enfornada e o pracer compartido de comer os primeiros «cachiños», esa palabra que tanto lle gustaba a outro limiao como era Carlos Casares.

«Cavilacións» é, ademais, un manual de sabedoría popular protagonizado por Francisco Ledo e Secundina Cabido, os pais do autor, capaces de acuñar frases memorables que condensan aquela forma de vida. Así, para expresar a cantidade necesaria para ofrecer un bo xantar a convidados ou familiares, Secundina sempre facía comida de abondo, o que xustificaba cunha sentenza incuestionable: «É que se non sobra non sabes que chegou». Como Francisco aseveraba, cando despois de moitos días de seca comezaba a chover manseniñamente: «hoxe médranos o capital», unha frase que expresa con toda a viveza o espírito gramsciano do optimismo da vontade no que algúns acreditamos. Como aqueloutra de Maricarmen, a filla de Olguita, unha veciña de Padroso, que cando se lle pregunta como anda a súa nai respondía: «Mal, mal non anda, pero ben, ben tampouco», unha expresión de relativismo dificilmente mellorable.

«Cavilacións» é tamén o libro da memoria dun activista da causa da cultura e do país de noso. Bieito Ledo rememora aquí tanto os seus días de formación no seminario de Ourense, onde forxou grandes amizades, como a do seu inseparable Antón Pulido, como aqueloutros tempos do temible monseñor Temiño Sáez no que formaba parte dos chamados «Curas Comunistas», que pretendían espantar o medo en parroquias da Raia Seca como Arzádegos, preto de Verín. Como lembra Bieito a súa chegada en 1975 a Vigo, a cidade que tanto ama, onde abriu a libraría Ir Indo e comezou a experiencia de activismo do Círculo Ourensán Vigués. Sen esquecer, tampouco, o seu oficio de editor, iniciado en 1979 como director xerente da editorial Galaxia, onde puxo os alicerces para a súa modernización, e xa en 1985 como fundador da editorial Ir Indo, na que editou a «Enciclopedia Galega Universal» (1999), en dezaseis volumes, unha das trabes de ouro da edición galega de entre séculos.

Recomendo vivamente estas gorentosas «Cavilacións» de Bieito Ledo, libro que mañá mércores presentaremos no Club Faro.

A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común

No suplemento de Faro de Vigo que conmemora hoxe os 40 anos de Prensa Ibérica publicaron este meu traballo sobre a memoria cultural viguesa:

Hai unha fotografía que Magar tirou para Faro de Vigo o 16 de maio de 1978 nunha sala do Hotel Samil-Praia que representa o tránsito que tras a morte de Franco comezou a producirse na cultura galega desde a cidade de Vigo, un tempo de cambio e esperanza, onde todo semellaba posible, coñecido como Transición, ao que a historiografía actual denomina de forma máis obxectiva como Reforma Política. A instantánea recolle un momento da deliberación do xurado de Creación Literaria, unha das cinco modalidades outorgadas na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia, organizados polo Círculo Ourensán Vigués da rúa Venezuela, presidido entón por Bieito Ledo Cabido, daquela dono da libraría Ir Indo, situada no segundo andar das novas Galerías de Príncipe.

Unha fotografía na que é doado identificar a sete persoas, membros daquel xurado para a historia da nosa cultura, representativas do que entón constituía a expresión da pluralidade interxeracional e ideolóxica da literatura galega. Comezando pola esquerda da mesa aparecía o profesor Emilio de Gregorio Fernández, que actuou como secretario en representación dos organizadores; ao seu carón sentaba Pilar Vázquez Cuesta, a única muller, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (tamén a única existente en Galicia nesa altura); na fronte estaban Basilio Losada, o sempre influínte tradutor e profesor de galego-portugués da Universidade de Barcelona, nacido en Láncara; e ao seu lado a Carlos Casares, entón profesor de Bacharelato no Instituto de Rodeira de Cangas do Morrazo, autor de Xoguetes para un tempo perdido (1975), novela gañadora do premio concedido pola editorial Galaxia con motivo do seu vinte e cinco aniversario, que participaba no xurado uns poucos días antes de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, a proposta dos seus mentores Ramón Piñeiro e Domingo García Sabell. Na esquerda da fotografía aparecían Paco Martín, o profesor lucense de EXB, director de Axoúxere, («Semanario do neno galego»), publicado polo diario La Región, ademais de narrador novo, autor da novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia; e Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova en toda a súa madurez, que tras a súa campaña política como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega rematara de publicar Cimenterio privado na colección Pombal de Edicións Castrelos, antes de morrer aquel nefasto 31 de agosto de 1979 na súa casa da avenida de Castrelos; e, por último, X.L. Méndez Ferrín, catedrático do Instituto Santa Irene, un dos fundadores do Partido Galego do Proletariado, que tiña tamén recente a publicación de Con pólvora e magnolias (1976), libro de poemas de ruptura, editado con encanto alternativo polo vigués Grupo Rompente.

Na fotografía botamos en falta ao escritor Eduardo Blanco Amor, que entón vivía en Vigo, cidade onde finaría na soidade dun taxi, na noite do primeiro decembro de 1979, mais que a pesar de aparecer no programa do ditame dos premios non chegou a participar na reunión. Foto documental oportunísima, como tantas outras de Magar, un dos cronistas daquel tempo revolcado de incerteza, que pode servir de fondo para reconstruír o devir da literatura galega de fin de século. Testemuña dunha xuntanza moi propositiva, na que se escolleu como mellor libro literario galego do ano 1977 ao poemario Mar e naufraxio do ponteareán Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudios Sociales (CIES), do que se destacou na acta do ditame «o esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega». Mención que se fixo ao interese da obra finalista, Silabario da Turbina do colectivo poético Rompente (Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño), da que se salientaron «unhas especiais características renovadoras produto dunha nova xeración poética».

Renovación foi a palabra preferida por este xurado único que asumía o espírito de tolerancia e pluralidade dos organizadores (profesionais vigueses de diversos eidos que na súa maioría frisaban os trinta anos) destes premios de recoñecemento (sen dotación económica ningunha), mais que con motivo da celebración anovada e popular do día das letras galegas (entón sen recoñecemento institucional) pretendían dende a iniciativa civil poñer en valor de forma normalizada a cada vez máis voluminosa produción cultural galega nos diversos eidos: a creación literaria, a investigación, o ensaio, a mellor iniciativa cultural e o mellor disco de música galega.

Abonda con repasar a nómina doutros gañadores daquela edición para facerse unha idea do que bulía na cultura do país naquel momento. En Investigación recoñecéronse os traballos xeolóxicos de Isidro Parga Pondal, membro da xeración do Seminario de Estudos Galegos; mentres que en Ensaio foi premiado Recupera-la salvación, un dos primeiros libros do teólogo Andrés Torres Queiruga, editado por SEPT, a editorial viguesa que pretendía ser «órgano dunha nova conciencia cristiá no relixioso, no económico, no social e no político».

Como moi significativo foi o premio de Iniciativas Culturais outorgado ao Museo do Pobo Galego, institución civil creada para «investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos», que abrira as súas primeiras salas no Mosteiro de San Domingos de Bonaval apenas o ano anterior co apoio dos intelectuais galeguistas do momento e de figuras maiores destacadas como Xaquín Lourenzo e Antón Fraguas. Xurado de Iniciativas Culturais do que formaban parte, entre outras persoas, a escritora María Xosé Queizán e o empresario renancentista e creador de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, que salientou o valor da revista Vagalume, dirixida por Xosé Fortes Bouzán, como «primeira publicación lograda destinada á infancia, un mundo con total dereito a recibir mensaxes na súa fala e dispor dun órgano no que se expoña a súa sensibilidade». Toda unha declaración de intencións para unha literatura infantil e xuvenil aínda por nacer.

Outrosí sucedeu no premio ao mellor disco, outorgado por un xurado no que actuaba como secretario o compositor Enrique X. Macías, un dos animadores culturais vigueses máis inquedos daquel tempo, xurado que non conseguiu acadar un consenso e adoptou a decisión salomónica de conceder tres premios ex aequo a expresións musicais moi distintas de entender a tradición: ás cantigas galegas con orquestra dos séculos XIX-XX de María Uriz e aos primeiros discos do grupo de música (vigués) de taberna A Roda e ao grupo de folc Milladoiro, creado pola fusión do cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre de Catoira e algúns membros do Grupo Roi Xordo.

Aqueles primeiros Premios da Crítica Galicia de 1978 foron tamén unha certa expresión daquel Vigo revolcado da Transición, moi castigado pola primeira onda da reconversión naval na factoría de Ascón, cuxos obreiros (un cadro de 1.850 persoas) de forma heroica estiveron en folga durante oito meses, dende o 2 de febreiro ao 7 de outubro de 1978, tratando impedir o peche das factorías de Ríos e Meira. X.L. Méndez Ferrín escribiu, ao fío da súa participación naquel xurado, que «nunha inesquecíbel cea celebrada en Samil na que (lembro agora con emoción) nos acompañaba Celso Emilio Ferreiro, un piquete de traballadores de Ascón se dirixiu aos asistentes en petición de solidariedade», que os participantes naquela cea, cuxo cuberto custaba 800 pesetas, exerceron non só aplaudindo aos obreiros, senón tamén coas doazóns entregadas na mesa que mantiñan na porta da sala, entre as que estiveron as 84.000 pesetas polas que foi poxada a estatua de Sargadelos (unha homenaxe ao trobador vigués Martín Codax) do premio compartido da modalidade de «Mellor disco». «Vigo élles así –continúa Ferrín– e os Premios da Crítica Galicia son un produto galego, pero especificamente vigués». Opinión compartida polo profesor Xesús Alonso Montero, membro do primeiro xurado de II.CC., para quen naquel momento de inicio do posfranquismo «Vigo converteuse en cátedra, motor e referente no acontecer cultural galego no sentido máis amplo e dinámico».

Aquela arela común, como escribiu o profesor Modesto Hermida, outro dos animadores culturais daquel tempo, tanto de recuperación da democracia e das liberdades, como de normalización do sector cultural e de recoñecemento da lingua galega en todos os ámbitos da actividade social, educativa e económica, produciuse antes de que existisen as primeiras institucións autonómicas e antes de que se celebrasen as primeiras municipais, o 3 de abril de 1979. Eleccións das que sairía elixido alcalde de Vigo Manuel Soto Ferreiro, apoiado por cinco grupos políticos galeguistas e de esquerda. Un Vigo de 250.000 mil habitantes en aberta crise industrial, xa que tanto o estaleiro de Barreras como a empresa de cerámica de Álvarez de Cabral, controladas in extremis polo estado, reducían mes a mes os seus cadros de persoal; mentres que a factoría de Citroën da Zona Franca tampouco pasaba polo seu mellor momento e a flota viguesa de altura era expulsada dos caladoiros de Terranova e Namibia, o que obrigou ao peche de Casa Mar e Pebsa. Unha cidade con carencias infraestruturais moi severas, nas que non chegaba a auga corrente e o saneamento a unha cuarta parte da súa veciñanza e ao 70% do territorio da súa bisbarra, que contaba apenas cunha pequena biblioteca pública, a Jaime Solá nun baixo da Alameda, e cunha rede aínda moi insuficiente de centros educativos públicos, sobre todo de Bacharelato e FP.

Nese entorno de crise económica, tamén de oportunidade, foi callando en Vigo o proxecto normalizador acuñado polo espírito da arela común. En 1979 agromaron os primeiros proxectos de modernización e profesionalización da edición en lingua galega, liderados por Bieito Ledo, nomeado xerente da editorial Galaxia, e por Xulián Maure Rivas, primeiro director de Edicións Xerais de Galicia, editoras que dende entón converteron a Vigo en capital editorial de Galicia.

No eido do teatro en 1978 creouse a Agrupación de Teatro Galego de Vigo da que formaban parte, entre outros, grupos como A Farándula, Escoitade, Máscara 17, Teatro Popular Galego (máis tarde Artello),  ou Teatro Popular Keyzán, coa intención de procurar a vertebración teatral da cidade, entre a que estaba a organización anual da Mostra de Teatro Galego de Vigo e dunha escola de teatro na cidade, ademais de procurar, entre múltiples dificultades, os primeiros modelos de profesionalización dos seus espectáculos.

No eido da música intensificouse o activismo de Xuventudes Musicais, agrupación de promoción da música culta creada en 1972 da que moito teimou Manuel Álvarez, e apareceron as primeiras tentativas de vivir da canción de músicos vigueses como Bibiano, que publicara o seu primeiro LP, Estamos chegando ao mar en 1976, ou co homónimo de Pilocha (1978). No pub Sachtmo fixéronse as primeiras performances do compositor Enrique Macías e dos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, das que agromarían expresións artísticas moi diversas, dende a música contemporánea do inesquecible compositor de Itinerario de luz ate o grupo que en 1981 se bautizou como Siniestro Total, antes Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, nomes que adoptaron os músicos que sendo alumnos do instituto de Coia (1978), foran El Sexteto del Blues e Coco y el de los Mil Quinientos.

Proceso de anovación que se deu tamén no mundo da artes plásticas, onde a presenza en Vigo de artistas como Laxeiro, alentou que naquelas exposicións da Praza da Princesa, promovidas dende 1976 polo crítico Román Pereiro, sementase o que sería a primeira exposición en Baiona do Grupo Atlántica (1980), que revolucionaría toda a plástica galega de fin de século.

Unha efervescencia cultural viguesa en tempos de crise que contou coa complicidade necesaria dalgúns medios locais, sobre todo de Radio Popular de Vigo, que asumiu un papel inequivocamente galeguizador e aperturista, como  as páxinas de Faro de Vigo, dirixido por Francisco Armesto Faginas, especialmente nas páxinas de Artes e Letras dos domingos, nas que continuaba facendo prodixios as traducións poéticas do mestre Álvaro Cunqueiro, que por certo, gañaría o Premio da Crítica Galicia na súa segunda edición, tras a publicación do sería o seu derradeiro libro de narrativa, Os outros feirantes (1978). Mención á parte merecen as columnas literarias combativas de Dosinda Areses, heterónimo dunha figura da literatura galega, que comezaron a ser publicadas no Pueblo Gallego, até que foi clausurado polo Goberno de UCD (1979), continuadas na Hoja del Lunes de Vigo, semanario dirixido por Gustavo Luca de Tena, editado até 1981 pola Asociación Provincial da Prensa, e máis tarde n’ A Nosa Terra.

Castelaos maxistrais

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo as exposicións protagonizadas por Castelao abertas en Santiago de Compostela: «Castelao maxistral» no Centro Gaiás da Cidade da Cultura e «Alba de Gloria. Experiencia» en San Domigos de Bonaval:

Están abertas en Santiago de Compostela dúas extraordinarias exposicións protagonizadas por Castelao, a figura política e cultural que mellor representa a memoria e as esperanzas da Galicia contemporánea. No Museo Centro Gaiás, organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura, pode visitarse «Castelao maxistral», na que se exhibe por vez primeira na Galicia peninsular «A derradeira leición do mestre», o óleo pintado por Castelao en Buenos Aires en 1945, con motivo da celebración do Día dos Mártires (17 de agosto), considerado como o Gernika galego. Mentres que na igrexa de san Domingos de Bonaval, organizada polo Consello da Cultura Galega, pode participarse en «Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia», na que o propio Castelao, reconstruído visualmente con todo detalle, utilizando os recursos da realidade virtual guiará aos usuarios a través do seu derradeiro e histórico discurso pronunciado o 25 de xullo de 1948. Dúas exposicións de gran calidade e concepción moi actual, ademais de gran interese didáctico, que constitúen tamén para os visitantes senllas experiencias emocionantes que nos enfrontan coa memoria republicana de Galicia e coa figura xigante do Castelao artista e do orador político excepcional.

A cerna de «Castelao maxistral», exposición comisariada por Miguel Anxo Seixas Seoane, está na homenaxe que se rende á memoria do centenar de mestres e mestras de Galicia asasinados, dos que xa falara Pablo Neruda nun poema (1937), membros do maxisterio público en exercicio en xullo de 1936, cuxa listaxe foi elaborada polo Grupo Sarmiento de Historia da Educación en Galicia. Mestres que forman parte desas case 15.000 vítimas documentadas da represión en Galicia, das que case setecentas foron mestres e mestras, e das que medio cento foron paseadas sen sentenza xudicial (ese «sangue de mestres o de obreiros nas cunetas» de Luis Pimentel) e case outras corenta executadas sen outro motivo que estar vinculados a organizacións socialistas ou republicanas de esquerda ou simplemente, na maioría dos casos documentados polos historiadores, pola súa actividade docente, por defender no espazo das súas aulas, como facía don Gregorio, o inesquecible mestre da lingua das bolboretas de Manuel Rivas e José Luis Cuerda, as ideas republicanas da igualdade e os valores da ciencia e da razón.

Como emocionante é contemplar en Gaiás o cadro de máis de dous metros, préstamo do Centro Galicia de Buenos Aires, no que Castelao recuperou a sexta lámina do álbum «Galicia mártir», que preparara en Valencia e editara o Ministerio de Propaganda da República en 1937. Unha imaxe concibida para denunciar a ferocidade da represión e a impune vinganza fascista que se viña producindo en Galicia, así como para homenaxear ao mestre asasinado pintando no seu rostro a cara do seu «irmán» Alexandre Bóveda, para Castelao o motor do Partido Galeguista e o artífice do Estatuto de Galicia, fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936. Unha imaxe que se reverberaría en diversas publicacións republicanas, mesmo nuns selos emitidos pola República española e, xunto a outras imaxes dos álbums, «Atila en Galicia» (1937) e «Milicianos» (1938), sería exposta e reeditada durante a guerra civil en Moscova, Nova York, Guangzhou ou Toronto como denuncia do drama que se vivía en España e como defensa da educación e da cultura da paz. Eis o valor extraordinario desta obra universal, probablemente tamén a máis estarrecedora da pintura galega, que nos fai tremer en canto a miramos, e temos o privilexio de contemplar antes do seu regreso a Buenos Aires.

Como tamén é unha experiencia emotiva a que se vive na exposición arredor da «Alba de Gloria», comisariada por Manuel Gago, que presenta de forma moi novidosa, utilizando os recursos da narrativa multimedia, os contidos daquel discurso memorable de Castelao, para moitos a mellor peza oratoria en galego, pronunciada hai agora setenta anos, que sintetiza as aspiracións do galeguismo. Unha experiencia virtual na que se pode compartir a emoción que sentiron os participantes daquela mañán do Teatro Argentino de Buenos Aires e os milleiros de galegos que vibraron escoitando pola radio as palabras do guieiro Castelao: «Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única». A reconstrución milimétrica dun [impactante] Castelao tridimensional, a visión proporcionada polas lentes de realidade virtual, como a viaxe ofrecida pola intrahistoria da propia alocución fan da visita a «Alba de Gloria» unha experiencia que moito paga a pena vivir.

Dous castelaos maxistrais agardan por nós en Compostela até comezos de febreiro. Recoméndoos moi vivamente.

Onte 1987: A miña memoria do Vigo Vello

O Consello da Cultura Galega convidoume a participar no debate que onte se celebrou na Casa Galega da Cultura sobre o «Casco Vello de Vigo. A memoria, a relación coa cidade e as políticas de rexeneración urbana».

Lin un texto de vontade memorialística e intencionalidade política que comparto en pdf (8 folios, apenas quince minutos de lectura).

Comparto tamén unhas fotos que escollín do meu cartafol de Vigo de Pinterest como fondo visual que non cheguei a proxectar, xa que esquecín as lentes na mochila. Agardo que a lectura sexa de interese e promova debate sobre o futuro das intervencións públicas e a participación cidadá sobre o Vigo Vello.

A rexeneración do Vigo Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello:

O debate sobre a memoria na cidade e o papel das intervencións públicas na rexeneración urbana do Casco Vello de Vigo, que se celebra esta tarde na Casa Galega da Cultura, organizado polo Consello da Cultura Galega, é unha oportunidade magnífica para reflexionar sobre o que se leva facendo no Vigo Vello desde que en 1981, sendo alcalde Manuel Soto, se aprobou o Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. Un documento urbanístico que no marco dun barrio daquela en decadencia total, deixado polos poderes públicos na marxinalidade e abandonado a súa sorte, expresaba por vez primeira unha intención de rehabilitación física e de modernización dos seus espazos públicos. Iniciativa que coincidiu coa constitución da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, nacida cos obxectivos de loitar pola mellora da calidade de vida da veciñanza.

PERI do Casco Vello que coa posta en marcha do Plan Urban, xestionado polo concello de Vigo dende 1994 a 2001, nos mandatos dos alcaldes Carlos Príncipe e Lois Castrillo, comezou ensaiar unha novidosa estratexia de xestión integrada das políticas públicas, peonalizou espazos, apoiou a celebración dalgunhas festas e asumiu a rehabilitación dalgúns edificios insignia como a Casa Galega da Cultura, a Casa-Torre de Pazos-Figueroa e de Ceta (hoxe Instituto Camoens) ou a Casa Goda (hoxe centro de saúde do Sergas). Abandonado polo concello o Urban (por razóns de conxuntura política), as actuacións públicas no Vigo Vello se reiniciaron en 2005 da man da constitución do Consorcio Casco Vello entidade nacida co obxectivo de desenvolver un proxecto integral de rexeneración urbana asumido de forma compartida por tres administracións: o concello de Vigo (alcaldesa Corina Porro, PP), que achegaba un 10% do orzamento; a Xunta de Galicia (presidente Emilio Pérez Touriño, PSdeG-PSOE), que asumía o 50%, contando coa colaboración da Zona Franca (presidente Francisco López Peña, PSdeG-PSOE), que proporcionaba o 40%, porcentaxe que sería adquirida en 2007 pola Consellaría de Vivenda e o Solo (da conselleira Teresa Táboas, BNG).

Creación do Consorcio Casco Vello de Vigo (hoxe nun 90% en mans da Xunta de Galicia), que xunto coa declaración en 2006 do Casco Vello como Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico Artístico e a aprobación en 2007 do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), permitiu que nesta última década se deran pasos significativos nun proceso de rexeneración en marcha, ao que moito lle queda aínda por facer. Recuperáronse edificios, construíronse vivendas de promoción pública e creáronse novos espazos comerciais e administrativos (como a sede dos rexistros mercantís na casa de López Araújo na rúa Real). Mesmo no Barrio Alto, o máis degradado e descoñecido, comezou a ser ocupado por unha nova veciñanza, toda unha volta ao carpín. Como tamén o foi que visitar o Casco Vello está de moda coma nunca, feito ao que non foron alleos nin a apertura de novos e atractivos locais de hostelaría nin o éxito rotundo das festas como a Reconquista nin o pulo que lle deron rotas literarias como as deseñadas polo escritor Pedro Feijoo no seu libro «Camiñar o Vigo Vello» (Xerais, 2018). Xaora, que as prazas da Constitución, da Princesa, da Colexiata ou as rúas da Oliva e do Triunfo estean ocupadas cada serán como espazo de lecer e encontro por centos de persoas é unha excelente noticia, mais tamén afonda nos inevitables perigos da terciarización e turistización do barrio histórico, problemas moi complexos presentes xa noutras cidades próximas coma Porto ou Compostela.

Nesta altura decisiva, o éxito do proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello depende en boa medida de recibir un novo pulo político, que só pode vir da man dunha maior implicación por parte do concello de Vigo e dunha estreita colaboración co resto das administracións públicas. O Concello debe integrar o proxecto de revitalización do Vigo Vello nas actuacións urbanísticas na contorna do que foi a cidade amurallada, a Panificadora e o Barrio do Cura. O Concello debe apostar pola creación dalgún novo espazo verde e pola presenza de arborado e vexetación en todo o barrio. Como debe arriscar nas peonalizacións das súas travesías, a da Porta do Sol, a da rúa Elduayen e a da avenida Beiramar, á altura da actual praza do Berbés, o que obrigaría ao alongamento dos actuais túneles. Como é imprescindible continuar desenvolvendo a política de equipamentos socio-comunitarios, nun barrio que precisa dun centro de día público para maiores, un centro público de Educación Infantil de 0-6 anos, un espazo de xogo para os picariños e un centro cívico e veciñal no que instalar, entre outras actividades, unha Oficina da Memoria do Vigo Vello, celme sobre o que construír un sentimento de pertenza e orgullo no Vigo do futuro.

50 anos do Politécnico

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á celebración do cincuentenario do IES Politécnico de Vigo:

Esta semana o IES Politécnico de Vigo celebra o cincuenta aniversario do seu comezo nas instalacións da rúa Torrecedeira 88 de Vigo. O centro cabezaleiro da Formación Profesional na cidade durante as últimas oito décadas, no que se formaron moitos milleiros de técnicos e de estudantes preuniversitarios vigueses nos eidos da mecánica, electricidade, química e delineación, fai así memoria necesaria e fértil da súa achega ao desenvolvemento educativo, económico, empresarial e social do Vigo metropolitano.

Unha celebración académica, que se abrirá o vindeiro xoves día 20 cunha exposición sobre a historia do centro e cunha conferencia de Esteban López Figueroa e Clara Ogando Penela, dúas das persoas que ocuparon a súa dirección, e que continuará ao longo deste novo curso con diversas charlas, debates e encontros sobre o devir desta institución formativa viguesa construída na década de 1960 ao pé do que no seu día foron as instalacións do campo de fútbol de Coia e amparada polos guindastres de Barreras, as fragrancias da conserveira de Albo e os asubíos das sirenas das factorías de Beiramar chamando polos obreiros do metal.

Orixe dun centro de formación laboral que na historia viguesa atopamos na «Escuela de Artes y Oficios de Vigo» que o 26 de setembro de 1886 abriu na que se chamará «Casa-Escuela» da rúa do Circo nº 3 (hoxe Eduardo Iglesias) a Sociedade de Socorros Mutuos «La Cooperativa», da que era presidente honorario Eduardo Chao. Foi esta a primeira institución educativa viguesa que tivo por obxectivo a formación técnica dos obreiros e o perfeccionamento dos oficios artesanais. Escola de Artes e Oficios que en 1900 sería asumida polo concello de Vigo e trasladada ao edificio construído polo arquitecto Pacewicz na rúa Pontevedra para o filántropo José García Barbón que o cedera á cidade de Vigo para centro educativo e biblioteca pública. Escola de Artes e Oficios esencial para o desenvolvemento do Vigo contemporáneo que compartiu instalacións con outras dúas escolas profesionais, a Escola Municipal Elemental de Artes e Industrias e a Escola Superior de Industrias.

Foi nuns talleres dunha delas onde naceu en 1923 a «Escuela Elemental del Trabajo» (EET), destinada a formación dos primeiros técnicos da industria naval e conserveira. Centro docente que en 1930 daría paso á «Escuela Superior del Trabajo», un edificio magnífico do arquitecto Jenaro de la Fuente, construído en Peniche na proximidade das Cabañas, onde se instalaría máis tarde a Escola de Peritos Industriais (hoxe sede da Escola de Enxeñería Industrial), e no que dende 1944 funcionou a EET, chamada tamén «Escuela de Orientación Profesional y Preaprendizaje de Vigo», transformada en outubro de 1956, ao fío da Lei de Formación Profesional, en «Escuela de Maestría Industrial de Vigo».

O actual IES Politécnico inaugurouse como centro autónomo en outubro de 1968 como «Escuela de Maestría Industrial», sendo o seu primeiro director Armando Priegue Guerra. Naquel primeiro curso, ás ensinanzas nocturnas que se viñan impartindo na Escola de Peritos se incorporaron ás diúrnas do 1º curso de Oficialía Industrial nas especialidades de Metal (axustador, torneiro e fresador), Electricidade (instalador, montador e bobinador), Química (Industria Química e Laboratorio) e Delineación Industrial.

Ensinanzas que no curso seguinte se completaron co inicio das do grao de Maestría en Mecánica e Electricidade, o que permitíu a consolidación das ensinanzas profesionais dun centro que no curso 1976-1977 pasou a denominarse «Centro Nacional de FP de 1º e 2º Grao», adaptándose así ao establecido na LXE de 1970, e que no curso seguinte mudou a «Instituto Politécnico Nacional de Vigo», bautizado na cidade como «Politécnico», denominación que dende entón conserva. Mudanzas da década dos setenta, que incrementaron o alumnado de forma moi significativa na de 1980 e afondaron na seguinte coa aprobación da LOXSE que o transformou nun centro de ESO, Bacharelato e ESA e no que as ensinanzas de FP de 1º e 2º grao foron substituídas progresivamente polos ciclos formativos de grao medio e superior.

Hoxe o IES Politécnico continúa sendo un centro público de referencia na Educación Secundaria Obrigatoria, Postobrigatoria e de Persoas Adultas. Imparte os bacharelatos de Ciencias e de Artes, inseridos na súa tradición centenaria, mantendo o seu espírito de centro punteiro de formación profesional que dialoga cos sectores produtivos vigueses nos eidos da edificación e obra civil, de fabricación mecánica, de instalación e mantemento, de automatización e robótica industrial. Parabéns a súa comunidade educativa por celebrar o cincuentenario deste centro no que memoria, innovación e servizo público acrisolan o futuro educativo.