Zona a defender

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Zona a defender, o libro máis recente de Manuel Rivas:

Hai trinta e un invernos que Manuel Rivas presentou Galicia, el bonsai atlántico, o seu primeiro libro literario de non ficción. Partindo da metáfora da arboriña, á que se lle impide medrar, o xove xornalista coruñés retrataba o afundimento da nosa sociedade agraria ao tempo que paradoxalmente agromaban nesta Fisterra algunhas experiencias culturais e empresariais entón na vangarda. Un libro alboral no que o xornalista coruñés xa utilizaba un estilo poético para tecer unha escrita moi sensorial, tanto polo seu carácter sinestésico e retranqueiro, na que procuraba retorcer e estrullar cada unha das palabras como mellor xeito de afondar na súa ollada de gran angular sobre aquela Galicia, entón aínda esperanzada polas posibilidades do seu autogoberno, anterior á ocupación do fraguismo autonomista. Levedada dende entón nunha ducia de libros, algúns memorables como Toxos e flores (1992), Galicia. Galicia (1999) ou Episodios galegos (2009), Rivas culmina agora esta escrita política con Zona a defender. A esperanza indócil (Xerais 2020), probablemente, o libro máis importante do esteo da súa obra xornalística ensaística, síntese da súa característica escrita ás ceibas e da ollada de arcea sobre o horizonte.

Tras Contra todo isto (Xerais 2018), un libro manifesto no que denuncia a descivilización, o avance do conformismo e da indiferenza parello ao das desigualdades e ao incremento do odio ao diferente, en Zona a defender, Rivas ofrece outro libro manifesto, aínda que de espírito máis propositivo e de pulsión máis poética, no que a desesperación provocada polo «mayday» contemporáneo, a alerta de emerxencia inminente, transfórmase en esperanza indócil, en capacidade de defensa dos espazos e dos colectivos máis vulnerables. Rivas convoca a participar na revolución de procurar unha sociedade decente (Saint-Exupéry), onde a honestidade (Orwell), o decoro (Valle-Inclán), a honra e a dignidade sexan prácticas comúns, onde se recupere e libere o sentido das palabras e o acento da verdade, na que se proxecte a memoria no campo do futuro, onde a solidariedade sexa o fío secreto do acordo entre xeracións e a produción de odio sexa contrarrestada pola política dos afectos. Rivas ofrece unha estratexia para participar nesta inequívoca revolución contente, a de preservar Zonas a defender (ZAD), unha denominación que se estendeu en Francia para conservar espazos vulnerables que non poden ser profanados e deben ser conservados a toda costa.

Organizados como unha psicoxeografía de catro ventos, estes textos xornalísticos de Rivas escritos coa pulsión poética da verdade e da ollada limpa de medo ofrécense tamén como unha colección de mapas capaces de orientarnos para circular (ou tratar de entender en profundidade) nesta era Mayday de máxima urxencia. Agravado pola emerxencia da pandemia do Covid19, xa identificabamos o colapso na liña dun horizonte enfermo (Manuel Antonio) pola doenza irreversible do planeta, que na súa globalidade constitúe a primeira Zona a defender. Para Rivas, como xa desenvolvera tamén en Contra todo isto, no ecocidio provocado polo quecemento global, termo máis axeitado ao do eufemismo de cambio climático, está a cerna do colapso contemporáneo. Unha mecha que se debe cortar antes de que a faísca alcance a dinamita (Benjamin) para o que cómpre un novo contrato da sociedade coa natureza baseado nas ideas de decrecemento, des-extinción e relocalización cosmopolita como alicerces dunha estratexia do local universal. Calquera loita local deste tipo é imprescindible para esta estratexia universal, na que por ventura virá xente nómade cun país portátil na maleta e identidades compartidas.

Neste desafío excepcional que afrontamos, Rivas identifica dende un pesimismo rebelde que vai da man da esperanza indócil outras Zonas a defender. A do xornalismo como un activismo democrático que non renuncia a utilizar a sonda de profundidade para chegar a causa das cousas. A da cultura como creadora de almeiros, espazos igualitarios  limpos de medo. A do feminismo que emancipe as mulleres e libere aos homes do «histerismo masculino». A da cidade como creadora de espazos de diversidade e memoria, onde se anove o urbanismo como parte da natureza. A do activismo da liberdade, a da loita contra a corrupción, a da república de iguais, a da tolerancia contraria, a do humor como única arma contra os negacionismo…

A aparición desta Zona a defender anticipouse á chegada das vacinas como unha lectura de emerxencia contra o virus do medo e do conformismo das que dormen coa conciencia tranquila. Activemos as Zonas a defender. Comprometámonos coa esperanza indócil. Un libro extraordinario, necesario, fermoso, un gran Rivas. Corran a libraría a procuralo!

Onte 2097: Brava, Lady Bubble!

Hai apenas dous meses que Ledicia Costas sorprendeu as súas seguidoras cunha nova volta de porca ao Outromundo coa publicación da primeira entrega dos Minimortos. Agora volve facelo noutro dos seus mundos de ficción, o da inventora Lady Bubble, que creara co ilustrador Andrés Meixide, A señorita Bubble Baixo cero, (Xerais 2020) probablemente, a súa novela infantil máis atrevida e rabuda das publicadas até hoxe. Desta volta, Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, a capital da Laponia finesa onde ten a súa residencia oficial Papá Noel, onde acollerá na súa casa a unha ampla comunidade de pinguíns, os animais favoritos do seu inseparable Vicent, o neno do corazón mecánico. Xaora, fóra do seu medio natural a vida dos pingüíns non é doada, mais aínda cando sufren os efectos dos vertidos tóxicos ao mar da fábrica de xoguetes de Noel, na que traballan milleiros de elfos en condicións deplorables e con salarios de miseria.

Sen abandonar o espírito steampunk nin perder unha miga do interese pola temática científica e tecnolóxica da primeira entrega, en Baixo cero Ledicia Costas bota man dos recursos da utilización do diálogo como estratexia narrativa e do conto de Nadal dickensiano e do humor atolado de estirpe roaldahliana para relatar a revolta sindical de pingüíns e elfos e cuestionar así a crueldade e arbitrariedade machista de Noel, transformando a procura da igualdade e da dignidade nos valores máis xenuínos do Nadal. Unha revolta alternativa, tamén nas formas e na distribución dos agasallos, na que non faltan nin as panxoliñas reivindicativas nin as referencias aos magos e outros personaxes. Baixo cero abre así novas perspectivas temáticas para unha serie protagonizada pola Señorita Bubble que se consolida como outro dos universos creativos singulares de Costas, ao que tampouco é alleo o extraordinario traballo de ilustración dun Meixide en estado de graza, que entende o espírito steampunk e transgresor da autora viguesa, sobre todo no deseño arquitectónico e na creación dunha atmosfera propia dos contos de inverno.

Fermosísimo este conto de Nadal de Costas e Meixide, que supón a consolidación dunha serie, convertida xa en colección pola editora, que promete engaiolar e formar a milleiros de novos lectores e lectoras autónomos. Recomendo vivamente.

Saída atlántica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saída sur ferroviaria e marítima de Vigo:

Coincidindo coa incerteza da segunda onda da pandemia do Covid-19, reabriuse o debate sobre as infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a Galicia e para o Vigo da metade do século XXI. A apertura do treito do AVE entre Zamora e Pedralba de la Pradería, na comarca de Seabra, que rebaixa en case unha hora o traxecto de Madrid a Galicia; a presentación dos proxectos que aspiran a lograr os fondos Covid da Unión Europea; o anuncio dos investimentos previstos no Orzamento do Estado para a variante de Cercedo, apenas 500.000 euros para continuar a avaliación hidroxeolóxica dos terreos; e sobre todo o compromiso do Goberno de Portugal de incluír no seu Programa Nacional de Investimentos 2030 unha liña ferroviaria de novo trazado entre Braga e Valença, que uniría a Vigo con Porto en apenas unha hora, son noticias todas que poderían axudar a reorientar a posición estratéxica actual de Vigo e de Galicia no marco ibérico e atlántico.

Máis alá da interpretación da propaganda partidaria nunha conxuntura política moi polarizada, de todas estas cuestións poden tirarse conclusións abondo clarificadoras. A primeira, o anuncio do Ministro de Fomento dun novo prazo da chegada do AVE ás portas da cidade de Ourense (máis en concreto, a 17 km) para o segundo semestre de 2021 supón que Vigo e a súa área metropolitana quedarán até novo aviso fóra do proxecto do AVE (Alta Velocidade Española). Á estación de Urzaiz, a pesar da enorme actuación urbanística e comercial en marcha, incluída a construción da estación intermodal de transporte por estrada, non chegarán polo momento os trens AVE que saen de Chamartín.

A segunda, os fondos previstos nas Contas do Estado para a variante de Cercedo, a panacea ou quimera das elites políticas viguesas para non descolgarse definitivamente do proxecto AVE, non abondarán nin sequera para a finalización dos estudos ambientais en marcha, que deberán concluírse coas de 2022. En definitiva, sendo realistas a chegada do AVE a Vigo non ten data prevista, razón pola que debemos asumir que os viaxeiros procedentes da Meseta chegarán a rexión urbana máis poboada de Galicia dende Santiago ou demorando dende Ourense a súa viaxe polo pintoresco trazado á beira do Miño.

Por ventura, o anuncio do ministro das Infraestruturas de Portugal, Pedro Nuno Santos, podería mudar o futuro ferroviario de Vigo e de Galicia. Tras unha década de deixar aparcado o proxecto da Alta Velocidade, Portugal volve considerar prioritario o eixo ferroviario atlántico, deseñando unha liña intermodal de AV de Porto a Lisboa, conectada cos seus aeroportos, cun tempo de viaxe dunha hora e cuarto. Unha liña que se prolongaría cara a Vigo, reducindo a viaxe dende a cidade portuense a unha hora, recuperando así o obxectivo fixado a comezos de século. Un eixo atlántico que polo tanto uniría Lisboa e Vigo por Alta Velocidade en dúas horas e cuarto e a capital lusa e A Coruña en pouco mais de tres.

A recuperación do soño do eixo atlántico ferroviario obrigaría a converter en estratéxico e prioritario o proxecto da saída sur de Vigo, para a que hai contemplados no proxecto de Orzamentos 200.000 euros para un estudo sobre a conexión de Vigo coa fronteira. Unha saída sur ou «saída atlántica», que por vez primeira na historia das nosas comunicacións evitaría que Vigo fose estación término, obrigando á construción de varios túneles que, evitando o rodeo por Redondela, conectarían a estación de Urzaiz coa nova do Porriño. Un trazado que reduciría tanto a duración da viaxe até Ourense (o que facilitaría a conexión co AVE) como até Tui e a fronteira; sen menoscabo do acceso ferroviario á Universidade de Vigo e ao propio Hospital Álvaro Cunqueiro, próximos á nova estación de Beade. Unha saída que obrigaría a estudar como integrar o transporte de mercadorías (hoxe en Guixar) e como dotar de intermodalidade a terminal portuaria de Bouzas, o que a pesar de ser complexo suporía unha mellora decisiva para consolidala na rede de autoestradas do mar. Unha saída atlántica, polo tanto, ferroviaria e marítima, que algúns técnicos valoran en máis de 500 millóns de euros, o que comparado con outras infraestruturas non parece un custe disparatado, mais aínda cando facilitaría que a nosa área metropolitana funcionase como eixo equidistante das do Porto e da Coruña.

Apostar colectivamente e sen fisuras entre administracións pola saída sur ferroviaria de Vigo, o proxecto público máis ambicioso e complexo da cidade metropolitana, despois de anos de interminable dependencia na comunicación coa Meseta, supón recuperar a ilusión na reintegración no proxecto atlántico europeo, tanto con Portugal como con outros estados (celtas) da fachada atlántica marítima, comunidade cultural e económica da que Vigo e Galicia historicamente forman parte.

Día sen coches

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do Día europeo sen coches:

Se hoxe collen algunhas das liñas H de Vitrasa (H, H1, H2, H3), as que acaban no Hospital Álvaro Cunqueiro, as viaxes sairanlles gratis, xa que o concello de Vigo e a concesionaria do transporte público celebran así o Día Europeo Sen Coches, efeméride incluída na Semana Europea da Mobilidade promovida pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. Baixo o lema «Mobilidade sen emisións para todos», esta semana pretende sensibilizar á cidadanía europea sobre o dano que á saúde e ao medio ambiente provoca o uso indiscriminado do coche dentro da cidade, ao tempo que salientar os beneficios achegados polos medios de mobilidade considerados máis sostibles como son a bicicleta, as viaxes a pé, os sistemas de coche compartidos ou o empregar os servizos de transporte público.

Unha iniciativa nacida en 1999 coa intención de atopar solucións aos problemas provocados pola saturación do tráfico urbano, dende o 2000 foi apoiada pola Comisión coa intención de promocionar accións de mobilidade sostible e fomentar o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes de mobilidade. Obxectivos que ao fío das políticas de loita contra o cambio climático se concretaron máis recentemente en acadar en 2050 un continente neutro en emisións.

Razóns abondas hai para modificar o actual sistema de mobilidade urbana, baseado no abuso do emprego do coche particular. Provoca conxestión en horas punta co conseguinte tempo perdido en atascos e coas repercusións económicas que conlevan. Impide a integración dos diversos medios de transporte públicos e das súas conexións intermodais. Ocupa de forma desproporcionada até o 50 % dos espazos urbanos dedicados ás infraestruturas para a circulación e estacionamento dos vehículos. Deteriora a saúde da veciñanza polos hábitos de sedentarización que supón e polos inaceptables índices de sinistralidade en vías urbanas, como agrava a doenza do propio planeta, polo crecemento descontrolado das emisións dos Gases de Efecto Invernadoiro, polo deterioro da calidade do aire e o incremento do ruído nos espazos urbanos.

Coa intención de promover un modelo alternativo a Comisión Europea convida (certo é que de forma máis retórica ca efectiva) á cidadanía a que ao longo desta semana ensaie os beneficios que lle puidesen proporcionar as camiñadas e o pedaleo en bicicleta, os dous exercicios cardiovasculares máis populares, tanto se as consideramos actividades de lecer ou deportivas como se as utilizamos como formas de desprazamento ao traballo ou ao centro educativo. Convite a mudar os hábitos de mobilidade que as autoridades europeas estenden ás responsables das diversas administracións competentes, sobre todo as locais, para que durante o resto do ano impulsen políticas públicas que habiliten espazos urbanos seguros destinados aos peóns e aos ciclistas e faciliten a toda a cidadanía o uso de medios de transporte sen emisións.

Boas prácticas de mobilidade sostible, como as que leva desenvolvendo dende hai dúas décadas o concello de Pontevedra, amosan que é posible un modelo alternativo de mobilidade baseado nun plan integral de circulación que contemple tanto a limitación do tráfico rodado en determinados espazos, as rutas alternativas de mobilidade a motor e estacionamento, como a ampliación dos espazos destinados aos peóns. Superadas as inevitables reservas iniciais, Pontevedra foi capaz de reducir as emisións de CO2 no equivalente a 500 quilos por habitante e ano, mellorar a calidade do aire, contribuír ao sostemento do comercio e da hostalaría local como, o que semella máis importante, axudar a consolidar hábitos saudables na veciñanza, xa que camiña como mínimo entre os sete e os dez mil pasos diarios recomendados pola OMS. Mudanzas de calado, que xa non teñen volta atrás, asumidas polos grupos políticos e a cidadanía, xa que conseguiron enriquecer a esencia da propia cidade e mellorar a convivencia da veciñanza. Caso o da Boavila deseñado, ademais, atendendo ás necesidade da infancia e das persoas maiores, os sectores máis vulnerables aos excesos e perigos do tráfico a motor.

No polo contrario está o caso da escasa mudanza no modelo de mobilidade no Vigo metropolitano, un complexo tecido urbano e periurbano onde queda case todo por facer neste eido. Porén, o feito de que Vigo sexa unha cidade do automóbil, pertence ao cada vez máis reducido e selecto club internacional de cidades fabricantes de vehículos a motor, constitúe unha oportunidade para encabezar a mudanza cara a consolidación dun emprego alternativo e sostible dos vehículos híbridos e eléctricos. Comezar coa confección dun plan estratéxico de circulación metropolitana intermodal abriría a axenda dunha das cuestións máis decisivas para o Vigo futuro.

Serpentín kitsch

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo ao debate entre o kitsch e o contemporáneo na cultura en Vigo

Avanzada a remuda dun treito do bulevar da Gran Vía, xa apareceron os primeiros nomes cos que a cidadanía o bautiza co xenio da retranca viguesa. Entre os que coñecín gustoume moito o de «serpentín da Gran Vía», sintagma que procura unha intelixente connotación co carácter industrial da cidade, identificando a estrutura retorcida de ferraganchos pintados coa gama do arco da vella co nome da espiral utilizada nos alambiques ou nos equipos de refrixeración, peza que permite ao fluído circulante polo seu interior absorber ou ceder calor. Imaxe que ben lle acae ao desproporcionado tinglado de ferro e cristal baixo o que circularán en rampas eléctricas ringleiras de peóns camiño do Corte Inglés. Unha intervención urbana, que a alcaldía cualificou como «obra de arte», mais sobre a que tamén se pronunciaron diversas voces veciñais e os grupos da oposición decepcionadas tanto polo resultado estético renxente como pola perda irreversible do arborado patrimonial tanto do bulevar como das beirarrúas, modificando así as características orixinais dun espazo urbano emblemático deseñado hai setenta e cinco anos como a primeira avenida bulevar da nosa cidade.

O caso deste estridente serpentín da Gran Vía únese ao doutras intervencións urbanas de carácter semellante, como o da instalación (aparentemente casual) da dinosebe na Porta do Sol (2015), introducindo no noso primeiro espazo comunitario unha icona alternativa á do Sireno de Francisco Leiro; un espazo selfie, que como era previsible, despois das brincadeiras iniciais dos días de novidades, pasou a formar parte do percorrido polo Vigo kitsch, que non falta en guía ningunha dos itinerarios frikis por Galicia. Intervención replicada agora en Samil (2020), coa instalación doutro «photocall», unha nécora xigante de granito, xustificada para promover a imaxe das illas Cíes nas redes sociais. Espírito kitsch que impregna o alarde de luces de Nadal, co seu despregue de millóns de leds, noras e árbores, a todas luces desproporcionado, como inoportuno neste ano de dolorosa pandemia, tanto polo seu custo para as arcas municipais, polos riscos para o patrimonio e inconvenientes que ocasiona para a veciñanza durante case cinco meses, como polo incremento da contaminación luminosa, facendo caso omiso ás medidas de loita contra o cambio climático como ás recomendacións polos ceos limpos, incluída a aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego (2015).

Intervencións municipais que convocan a milleiros de persoas, como sucede tamén na cabalgata de reis, nas comitivas do entroido ou nos concertos de Castrelos, presentadas polos responsables do concello como alternativas populares á arte e cultura de vangarda, que só interesa a unha elite, apenas uns poucos culturetas e señoritos. Un vello debate, entre o kitsch e o contemporáneo, que durante o século XX afectou á arquitectura, deseño e ás diversas artes, que en Vigo tamén deixou a súa pegada. Velaí a desfeita dos anos do alcalde Portanet, no que se derrubaron alfaias da arquitectura pétrea, para substituílas por construcións que hoxe consideramos vulgares. Velaí aqueloutro surto de estética kitsch –se prefiren, «vulgar», «cursi» ou «chapuza»– nos mandatos en minoría de Soto, que permitiu ao concelleiro Agustín Arca intervir sobre o espazo de Castrelos ou deseñar da súa propia man a primeira versión dos volcáns de Coia. Esperpentos urbanos que con bo criterio emendou o compañeiro Soto no seu derradeiro mandato deixando cinco grandes esculturas contemporáneas, emblemas do Vigo de entre séculos. Novo abrocho kitsch reaparecido coa «cidade das flores» pola alcaldesa Corina Porro, promotora da aparición da actual cultura das macetas ou das arboriñas sen raíces.

O máis triste do conto é que a aparición deste novo surto de cultura kitsch coincide na última década co colapso de Vigo como cidade de cultura contemporánea, perdendo unha hexemonía que a caracterizou durante o século XX. Vigo está desaparecida nas táboas de actividades e equipamentos culturais, moi lonxe das súas competidoras naturais (Porto, A Coruña e Santiago). Velaí o auténtico drama que vivimos nun concello sen rede de bibliotecas ou sen un museo da cidade que se pode chamar como tal. Velaí unha cidade que deixou morrer, entre outras convocatorias do seu tecido artístico, o festival Are More de música clásica, a Fotobienal de fotografía, o ImaxinaSons de Jazz, o ALT de artes escénicas, ou deixou marchar o festival Sinsal. Velaí unha capital editorial de Galicia sen un festival de literatura galega.

O Vigo efémero do photocall, do serpentín e da paquetería de Nadal non pode agochar a existencia dunha cidade con vontade de liderar a cultura da Galicia contemporánea, unha posición de privilexio que debería ser recuperada.

A derradeira oportunidade para Samil

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha oportunidade para as praias de Samil:

Vía GCiencia souben da recreación interactiva da elevación do mar publicada na rede por Afundación. Unha recreación virtual para un total de 62 puntos da beiramar da península ibérica, na que se compara unha fotografía da situación actual (2020) e a estimación do terreo que quedaría baixo o mar no ano 2100, segundo a interpretación dos estudos realizados por Climate Central, unha organización  independente que investiga e informa sobre o cambio climático. Máis alá da alarma que poidan provocar estes prognósticos, que tratándose de grandes conxuntos de datos poden incluír algúns erros, chama a atención que no Atlántico galego, onde son comparados 22 espazos de beiramar, os territorios asolagados debido a elevación estimada do nivel do mar nun metro, modificarían completamente a paisaxe actual até facela irrecoñecible. Sucedería na illa de Arousa, cuxo territorio quedaría severamente reducido ou no Val Miñor onde as praias de Ladeira, Lourido e Gaifar estarían ameazadas. Prognósticos que obrigan a tomar conciencia de que a rexeneración dos océanos é unha tarefa urxente, sendo responsabilidade das xeracións actuais reducir a acidificación das augas e a contaminación dos ecosistemas terrestres e marítimos.

Neste prognóstico a recreación sobre o que podería suceder co porto de Vigo non pode ser máis preocupante xa que grosso modo serían anegados a maior parte dos espazos portuarios que, non o esquezamos, foron gañados ao mar ao longo dos sucesivos recheos da ría ao longo do século XX. Un xeito de xustiza poética da propia natureza que devolvería ao mar o que se lle foi roubando. No en tanto tratándose dunha predición a tan longo prazo debería ser utilizada apenas como unha referencia para orientar a organización e optimización do uso dos actuais espazos portuarios e, canto menos, evitar novos recheos. Porén, ese non semella ser o criterio da actual Autoridade Portuaria que meses atrás anunciou no marco do Plan Estratéxico do Porto de Vigo 2018-2018 a ampliación dos espazos portuarios con novos recheos. Velaí o anuncio dun de 5.000 metros cadrados coa intención de ampliar a lonxa, o que afastaría do mar o edificio do auditorio deseñado polo arquitecto César Portela como unha grande fiestra sobre o mar. Por non falar dos proxectos de novos recheos en Bouzas (165.000 metros cadrados) ou no propio peirao do Areal sobre os que os responsables do concello de Vigo e do Ministerio de Fomento teñen que decidir.

Pese a todo o espazo da beiramar viguesa máis ameazado polos efectos do cambio climático e ao mesmo tempo con máis posibilidades de recuperación é o da praia de Samil. Abandonado o proxecto de recuperación medioambiental integral da praia, previsto no PXOM de 2008, que contemplaba aumentar a anchura do areal até en cen metros e obrigaba a desprazar o actual paseo nalgúns casos até 60 metros, é imprescindible desenvolver decontado un novo proxecto que evite a desaparición a medio prazo da praia e do seu espazo intermareal. O areal de Samil agoniza debido a estrada que destruíu a duna nos anos e 50 e ao muro de formigón construído en 1971 que foron modificando o perfil natural e a dinámica da duna de xeito que xa hai zonas sen área durante os actuais temporais. Aquel Samil da praia da Argazada que coñecimos na nosa infancia como unha praia aberta e dunas con piñeirais converteuse hoxe nunha franxa de área de apenas 20 metros nos mellores casos, que chega a desaparecer nalgunhas zonas en inverno. Non hai volta de folla, os areais de Samil precisan e poden volver a recuperar o seu espazo e fasquía roubados.

Por ventura, para salvar a nosa primeira praia urbana contamos co precedente da intervención con éxito sobre o Vao, un proxecto dos servizos municipais de medio ambiente que con visión estratéxica e moita paciencia conseguiu ampliar de forma moi considerable tanto o areal como o espazo e a flora intermareais. Unha estratexia que debe emularse para devolverlle a Samil o que durante cinco décadas o formigón lle roubou. Unha intervención medioambiental que pasa inevitablemente, como propuxo o enxeñeiro vigués Pablo Brea, por desprazar o paseo actual 25 metros, derrubar as cafetarías e prescindir das piscinas e outras instalacións deportivas, o que permitiría gañar metros ao areal e rexenerar parte das dunas. Certo é que haberá que solucionar o futuro da incomprensible concesión recente dunha nova cafetaría (con licenza municipal até 2044), mais non pode ser obstáculo para acometer unha actuación prioritaria de interese xeral. Como tamén o é que semellante actuación sobre o areal debe estar integrada no ordenamento urbanístico da zona e no proxecto de mobilidade (á praia habería que chegar sobre todo en bicicleta e en transporte urbano eléctrico). Samil debe contar cunha derradeira oportunidade.

Onte 2077: Árbores caídas

Na Ronda perdéronse onte para sempre dous cedros de máis de cincuenta anos que abrigaron coa súa sombra a alamediña da estatua de San Xoán Bosco do escultor Camilo Nogueira. Un espazo, que frecuentamos dende o día da súa inaguración en 1966, transformado pola mudanza da pel da cidade nunha pequena e xeitosa illa de terra chamada a desaparecer. Lemos que segundo fontes municipais o «desplome foi accidental, provocado ao partirse unha árbore sobre outra». Onte quedamos parvos coa oportunísima foto do xornalista Teo Andrés, un chío que prendeu decontado a nosa indignación, máis aínda cando no proxecto anunciado de «humanización» da Ronda aparecía que se conservarían as árbores, catalogadas polo seu porte e idade. Semella que tanto ten que figurase ou non figurase a súa preservación, o feito é que as árbores caídas e tronzadas pola motoserra volveron ser onte as protagonistas dun novo arboricidio que a cidadanía avergonza. Sucedeu co arboricidio do pasado ano na Gran Vía das tileiras de setenta anos xustificado pola mala saúde e o perigo que ocasionaban aos peóns, o que as fotos demostraron falso na maior parte dos casos. Volveu suceder hai un par de meses no Castro nas inmediacións da Muralla, xustificado pola preservación e iluminación do baluarte, o que non parece incompatible con arrasar con carballos de cincuenta anos. Sucedeu no paseo de Coia, xustificado polas obras do carril bici… No monocromo Vigo actual sempre existen razóns de estado para perder árbores chantadas con raíces no tempo e na memoria para substituílas por arbustiños en maceteiros ornamentais. A estratexia da dinosebe. Cadora, sendo unha miga sensatos e desapaixonados, a das árbores caídas non parece ser a mellor estratexia para iniciar a revolución verde que precisamos para saír da pandemia. Non ao arboricidio!

Covid 19 e acción ambiental

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do día mundial do medio ambiente no contexto da pandemia pola Covid 19:

Coa esperanza de estar saíndo da situación máis severa de confinamento, celebramos este 5 de xuño o día mundial do medio ambiente arredor do tema da biodiversidade, a data anual máis importante das Nacións Unidas para fomentar a acción ambiental. Biodiversidade que abrangue as oito millóns de especies do planeta, os ecosistemas que as albergan e a diversidade xenética entre elas. Biodiversidade concibida como piar que sostén toda a vida na terra e debaixo da auga, tecendo unha complexa rede que afecta a todo o sistema de vida, con especial incidencia sobre os aspectos da saúde humana. A deforestación, a invasión de hábitats de vida silvestre, a agricultura intensiva e a aceleración do cambio climático alteraron nos últimos anos o fráxil equilibrio da natureza. Ao ritmo do consumo actual de recursos naturais as Nacións Unidas estiman que se precisarían cada ano dos 1,6 planetas. Catástrofes recentes como os incendios forestais no Brasil, California e Australia, a invasión de lagostas no Corno de África e sobre todo a pandemia da Covid 19, cuxa orixe é moi probablemente zoonótica (transmitida de animais a persoas), testemuñan a estreita relación entre os seres humanos e as redes de vida nas que vivimos.

A aparición da Covid 19 demostra que cando destruímos a biodiversidade destruímos tamén o sistema que sostén a vida humana. Os responsables da OMS insisten en que a menor biodiversidade corresponde maior capacidade de propagación de patóxenos (virus e bacterias). Outros científicos estiman que mil millóns de persoas son contaxiadas cada ano por doenzas relacionadas con algúns dos tipos de coronavirus e que arredor do 75 % de todas esas novas doenzas infecciosas transmítense de animais a persoas; razón pola que manter intactas a natureza e a diversidade de especies é unha forma moi eficaz de protexernos das pandemias. Como tamén existen evidencias para investigadores da Universidade de Harvard da existencia dunha asociación de maior mortalidade por coronavirus e niveis máis elevados de contaminación ambiental por concentración de partículas, feito que outros cuestionan, mais recoñecendo en todo caso que a longo prazo a contaminación contribuiría a debilitar o sistema respiratorio. A natureza está enviándonos unha mensaxe clara: protexer a saúde do planeta e preservar a súa biodiversidade é a vacina máis eficaz para evitar o colapso alimentario nalgunhas zonas do planeta e para protexer a toda a poboación mundial de futuras pandemias.

Por outra banda, é un feito coñecido que o confinamento e a paralización da actividade nalgúns sectores, medidas adoptadas nos dous últimos meses polos diversos gobernos para frear a pandemia do Covid 19, diminuíron de forma significativa as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que melloraron a calidade do aire nas cidades. Un estudo da consellaría de Medio Ambiente observou en Vigo unha redución de até o 76 % dos niveis das emisións de dióxido de nitróxeno, cuxos niveis elevados están asociados ao agravamento de doenzas respiratorias e cardiovasculares. E o que aínda é moito máis esperanzador, fomos moitos os vigueses asombrados polo acontecemento inédito de poder escoitar o canto dos paxariños que nestes días de reclusión volveron pousar no alfeizar das ventás das nosas casas.

En cidades como a nosa, a saída da pandemia, a «nova normalidade», é unha oportunidade para deixar de facer as cousas como sempre se fixeron e darlle unha profunda virada á acción ambiental. E iso tanto polos compromisos asumidos na axenda 2030 de desenvolvemento sostible como pola necesidade de preservar a propia biodiversidade na contorna urbana. Materia na que en Vigo hai moito aínda por mudar, dende a redución das emisións, para o que imprescindible diminuír de forma drástica o tráfico de vehículos privados que utilizan combustibles fósiles, como se fixo con éxito rotundo pechando durante os meses de confinamento algunhas arterias (como a que atravesa a Porta do Sol), pasando polo reordenamento do sistema de mobilidade interna no Vigo central, no periurbano como nos concellos da área metropolitana, en base a creación de rotas de camiñantes e ciclistas, coches híbridos e eléctricos compartidos e a un novo transporte urbano eléctrico, o que diminuiría a polución e a contaminación acústica. Sen esquecer que nesta mudanza en clave verde é imprescindible en Vigo a redución da contaminación luminosa, procurando ceos nocturnos tan limpos como os de Cíes, e un plan de reforestación con milleiros de árbores urbanas, abandonando a política ornamental de maceteiros e dinosebes das dúas últimas décadas. Se de verdade queremos apostar polo obxectivo dunha cidade sostible e inclusiva é obrigado saír desta pandemia acometendo as mudanzas verdes que Vigo precisa.

Un bosque para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo en reclamar un plan integral de protección natural e patrimonial para o monte do Castro:

Nos paseos dos seráns de confinamento son moitas as persoas que suben polas escalinatas do Castro procurando a frescura das pegadas nos carreiros e o espectáculo do solpor dende os miradoiros do adarve. E madía leva que ben afortunada é a veciñanza viguesa de contar para o seu goce con este extraordinario parque urbano de recreo (de propiedade municipal dende o 14 de abril de 1934) que dende hai pouco máis dun século foi cubrindo con árbores e vieiros o monte do Castro, un outeiro rapado, coroado a 147 metros por un castelo abaluartado do século XVII, o bastión da defensa viguesa antes os exércitos portugués, inglés e francés que nos visitaron. Corazón e celme vigués por excelencia, onde se asentou a primitiva poboación castrexa, unha das orixes da cidade, investigado polo arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez e o arquitecto Xaime Garrido, o monte do Castro constitúe tamén unha das súas alfaias verdes, xunto ás Cíes, a coroa vexetal do periurbano, o xardín da Alameda e o bosque da finca da marquesa en Castrelos.

Protagonista da primeira fotografía da cidade, tirada en 1867 por un viaxeiro inglés, identificada apenas coa lenda «Fort near Vigo, Spain», o parque do Castro é froito da ansia colectiva da cidade de contar cun bosque urbano para o seu lecer en situacións e condicións excepcionais. Así o considerou Jenaro de la Fuente autor en 1903 do primeiro proxecto de axardinamento que respectaba os dous recintos superiores do castelo e cadanseus paseos que o circundaban, o primeiro que coincidía máis ou menos co actual paseo de Rosalía de Castro, e o segundo, máis exterior, polo camiño que subía dende o Campo de Granada ao Couto curvándose alí para baixar polo que hoxe é o paseo do cronista Álvarez Blázquez. Entre ambas as dúas avenidas concibía o arquitecto municipal a plantación de xardíns e arborado, que non terían problemas de rego pola situación do depósito de augas en construción, que comezaría a prestar servizo un ano despois a máis de catro mil abonados. Aquela proposta de Jenaro de la Fuente quedou apenas na arquitectura de papel. Como aqueloutra grandiosa de monumentalismo utópico de  Antonio Palacios no seu «Plan de Extensión e Reforma Interior de Vigo» (1932), que concibía o Castro como o espazo verde do centro da futura cidade, colocando no seu cume o Pazo Rexional de Exposicións e Asembleas (na cota de 136 metros).

Xaora, o proxecto de axardinamento e urbanización que iría por fin adiante foi o deseñado polo enxeñeiro Manuel Cominges (1943), que conservaba os dous recintos defensivos pétreos e o seu paseo circundante, abría unha escalinata central dende o Campo baixo de Granada (onde se chantou a tan desafortunada cruz dos caídos) e unha avenida lateral no Camiño Alto do Couto. Dende entón a plantación un tanto indiscriminada e ás veces desafortunada de diversos tipos de arborado foi responsabilidade dos servizos municipais de parques e xardíns. Dende entón, o devir do noso primeiro parque urbano estivo determinado pola conservación das edificacións históricas, o que se conseguiu só hai pouco co derrube de «El Castillo», nefasta construción acaroada durante décadas á muralla, a musealización das escavacións castrexas (hoxe case abandonada), como pola conversión dos seus principais viarios interiores en aparcamento gratuíto para o centro urbano. Problemas aos que se unen as afeccións medioambientais en diversas zonas, sobre todo no entorno da muralla da fortaleza, que supuxeron talas de árbores adultas e podas abusivas denunciadas por diversos colectivos cidadáns e ecoloxistas.

Ademais da conservación e iluminación da muralla, proxecto en marcha, froito do acordo entre o ministerio de Fomento e o concello, o monte do Castro precisa dun plan integral de protección do patrimonio natural, arquitectónico e histórico que o converta nun espazo completamente verde destinado aos peóns e ciclistas, libre da circulación interior de vehículos a motor. Un documento que deseñe o Castro do século XXI, elaborado por servizos técnicos de arquitectura e urbanismo, sometido tanto ás suxestións e críticas da cidadanía como a aprobación da corporación, que estableza as medidas de protección da flora e fauna e os usos especializados dos diversos espazos do parque (lecer, deportivos, culturais, medioambientais, entre outros). Un proxecto estratéxico, inserido nas actuacións da estratexia europea da axenda 2050, que, como propón o grupo vigués de Ecoloxistas en acción, obrigaría a unha reforestación planificada do monte con árbores autóctonas para convertelo no horizonte das vindeiras décadas nun bosque urbano de referencia internacional dende o punto de vista medioambiental e cultural, á altura do Parque da cidade de Porto ou o Calton Hill de Edimburgo. Un novo Castro é posible.

Onte 2069: «O Chispas», o novo libro infantil de Manuel Rivas

Cando comecei as lecturas dos días de confinamento volvendo sobre O lapis do carpinteiro (1998), a traxedia curativa de Paco Comesaña e Chonchiña, que dúas décadas despois comprobei mantiña toda a viveza dun clásico, non imaxinaba que os remataría gozando coas páxinas d’ O Chispas, a entrega máis recente da ourivaría de Manuel Rivas. Velaí unha novela macanuda de ficción científica de Rivas protagonizada por O Chispas, un músico cósmico nacido en Estrelampo, onde mana a Fonte da Fala que foi secando sen que apenas ninguén o avisara. A historia engaiolante dunha estrela do firmamento do rock, o Chispas, a quen lle puxeron o sobrenome d’ O Tic do Demo, debido a que o seu primeiro éxito foi a canción «Somos o demo», nacida grazas a memoria manancial da Fonte da Fala. Éxito sorprendente polo que será convidado ao festival de Salvaterra, ao que acudirá na súa vella Montesa e coa guitarra Electra en bandoleira. Mais despois de actuar perderase na noite e aí comezara outra viaxe.

Tras os éxitos de Bala Perdida (1997, 2016) e O raposo e a mestra (2013), Manuel Rivas ofrece n’ O Chispas a súa aventura infantil máis audaz, imaxinativa e trangresora. Botando man dos recursos do xénero da ficción científica constrúe o universo de Mutandi, un planeta externo ao sistema solar, habitado polos craks, seres capaces de fabricar un círculo da realidade onde non hai estacións como na Terra, mais que tolean por imitar o que está de moda. Construída como unha ucronía, utilizando o procedemento narrativo dunha road movie e o recurso da música como enganche temático e visual, Rivas ofrece unha novela de poderoso carácter simbólico, elevada carga literaria e gran diversidade temática. Unha novela de ideas que propón ao lectorado enfrontarse ao conflito entre a liberdade persoal e creatividade e a escravitude do consumismo das modas efémeras.

Singular carga metafórica ten na novela a creación da figura da Fonte da Fala, un dos achádegos da obra que perdurará, como lugar de encontro entre a natureza e a cultura humana. En palabras do propio Rivas: «cando a fonte seca, cando a natureza é maltratada, tamén nós secamos. Cómpre coidar a vida das palabras como a vida nos espazos naturais». A fluencia de palabras, dicires, frases feitas, cancións é unha forma de preservar a natureza, como a conservación dos espazos naturais é un xeito de conservar a diversidade das linguas e o seu patrimonio léxico.

Destaca no libro o diálogo que a ilustradora, Sonia Díaz, a quen admiramos dende Sementes, aquel seu extraordinario primeiro álbum de hai tres anos, establece co texto de Rivas tanto na recreación dos espazos ucrónicos como na súa versatilidade na figuración de personaxes humanas, animais como seres extraterrestres. Un traballo espectacular que a confirma como unha das novas ilustradoras galegas máis orixinais e de traballo gráfico máis concienciudo.

Con esta edición d’ O Chispas, a veterana colección Sopa de Libros (superando os 75 títulos), gaña para o seu catálogo outro título con vontade de clásico do xénero. Como sucede cos máis grandes textos literarios infantís, este O Chispas de Rivas require dun lectorado (posiblemente a partir xa dos dez anos en diante) disposto a asumir a lectura como unha conquista individual e irrepetible. Este esforzo pagaralle moito a pena na súa construción como lector ou lectora literaria. Velaí o papel de títulos imprescindibles como O Chispas.