Hipertextos 002/2019: lectura no metro

Txetxu Barandiarán publica no seu perfil de FB esta fotografía preguntando cales son os formatos polos que aposta a infancia en Londres. E abofé que nesta instantánea recente chama moito a atención tanto a voracidade lectora da rapazada nun entorno urbano como o feito de que non aparezan pantallas por ningures. Polo significativo protagonismo das crianzas a foto merece ser incluída no meu arquivo de imaxes sobre a lectura, mais tamén como expresión da lentitude do proceso de hibridación da edición infantil, que continúa sendo protagonizada de forma abrumadadora polos formatos impresos.

Beneficios da lectura

Con motivo da Feira do Libro de Vigo dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á beneficiosa relación entre cerebro e lectura:

Máis alá da emoción que supuxo lembrar o pasamento do meu amigo o mestre Xabier DoCampo, do pregón que pronunciei na Porta do Sol na inauguración da Feira do Libro de Vigo non esquecerei nin o escaso interese institucional que este acto mereceu para os responsables do concello de Vigo nin a sorprendente polémica suscitada nas redes sociais por unha das miñas afirmacións: «Ler tal ou cal novela de Pedro Feijoo ou Ledicia Costas estimula a conectividade cerebral durante semanas». Unha frase que no contexto da apertura desta festa viguesa dos libros –evento que ocupa un espazo urbano de privilexio– pretendía apenas salientar que a lectura é unha actividade cerebralmente saudable e que os libros son unha creación memorable dos seres humanos indispensable para garantir o benestar de calquera comunidade.

No entanto, a miña afirmación non era tampouco inocente xa que como ten sinalado Juan Mata, profesor da Universidade de Granada, nun artigo esencial, «Neurociencia, lectura y literatura infantil» (2016), nos últimos anos foron varias as investigacións no eido da neurociencia que afondan arredor das complexas relacións entre a lectura e o cerebro. Estudos sobre as transformacións que a aprendizaxe da lectura provoca no cerebro, tanto en idades temperás como nas adultas, mais tamén outros moi orixinais que axudan a entender o que sucede no cerebro cando lemos e en que medida as ficcións repercuten nas persoas lectoras, incluídas as máis novas.

Cita o profesor Juan Mata que nunha investigación realizada con picariños de 3 a 5 anos utilizando imaxes de resonancia magnética, o equipo do doutor John S.Hutton (2015) do Hospital de Cincinnati comprobou que, ao escoitar novos contos, os nenos e nenas aos que se lles lía decote na casa amosaban nos resultados das resonancias unha activación máis elevada das áreas cerebrais relacionadas coa formación de imaxes mentais e co procesamento semántico ca aqueloutros que carecían desa experiencia oral preliteraria. Unha circunstancia que condicionará a aprendizaxe posterior da lectura. Secasí, ninguén pon en dúbida hoxe que a aprendizaxe da lectura provoca mudanzas profundas na estrutura cerebral, xa que a adquisición desta destreza non está predeterminada xeneticamente, como sucede coa fala, e o cerebro debe readaptar os circuítos neuronais a funcións específicas da lectura como as relacionadas co recoñecemento visual e coa tarefa de identificación de letras e palabras cos sons da lingua. Un proceso complexo de aprendizaxe que xustifica a importancia de lerlle aos bebés en voz alta dende o seu nacemento e salienta a importancia do contacto dos picariños cos libros e coa narración oral dende as idades temperás.

Xaora, tamén hai investigacións, como as promovidas polo equipo do profesor Berns da Universidade de Emory en Atlanta (2013), que amosan como a lectura dunha novela provoca un incremento significativo da conectividade neuronal na rexión da córtex somatosensorial e motora e como esa alta conectividade se mantén durante os días seguintes a súa lectura. E iso é así na medida en que as persoas lectoras mentres len un relato, ademais de comprender o significado das palabras viven emocionalmente o que esas palabras lle contan, o que non quere dicir outra cousas que a lectura de ficción ten implicacións cerebrais que van máis alá do lecer que provoca.

David Comer Kidd e Emanuele Castano nun proxecto da Universidade de Harvard (2013) amosaron, no que acuñaron como Teoría da Mente, que a lectura de textos de ficción mellora a capacidade de detectar, comprender ou predecir desexos, intencións, pensamentos, crenzas ou emocións doutras persoas, o que nos permite non só darlles sentido senón simular esas condutas, poñernos no lugar doutras persoas para entendelas mellor. Comer e Castano non dubidan en afirmar que «a ficción literaria repercute de forma significativa na vida das persoas lectoras».  Como as investigacións de Mar e Oatley (2011) confirman que a lectura de narracións de ficción ten efectos emocionais notables na maneira de sentir, antes, durante e despois da lectura.

Todas as evidencias amosan que a lectura de textos literarios activa numerosas áreas do cerebro e modifica a súa estrutura. Todas as investigacións coinciden en salientar os beneficios da lectura como chave para favorecer a saúde do cerebro. Noutras palabras, a lectura de textos de ficción inflúe no pensamento, nas emocións e no comportamento dos lectores e lectoras. O que lemos inflúe no que somos. «A literatura nace e esfiaña a vida», como lle escoitamos unha vez ao chorado mestre DoCampo. Recomendo que nestes días acudan sen medo ás actividades literarias que se desenvolven na Porta do Libro, onde está instalada a Feira do Sol. Boas e saudables lecturas de verán!

Onte 1981: Pregón da Feira do Libro de Vigo

Onte tiven a honra de pronunciar o pregón da Feira do Libro de Vigo, un dos maiores orgullos dos que gocei na miña vida de editor. Xaora, puiden comprobar, outra vez máis, o escaso interese institucional do acto para os responsables do concello de Vigo.

Deixo o texto en pdf no que homenaxeo ao editor vigués Eugenio Barrientos «Tetilla», fundador da proeza que foi a editorial Cíes de literatura popular, e reclamo dignidade para o libro galego como sector estratéxico para Galicia. Un texto, homenaxe ao mestre Xabier DoCampo, no que tamén reflexiono sobre o valor actual do libro e da lectura e no que propoño a recuperación do proxecto de Vigo llegit, como festival internacional do libro de Vigo. Agradezo o agarimo das persoas amigas que me acompañaron nesta xornada coa que sei pecho unha etapa profesional na que pretendín defender a edición en galego como un piar para o futuro da nosa lingua e da nosa cultura.

Texto do pregón en pdf.

Unha década de Espazo Lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao décimono aniversario de Espazo Lectura:

Non se entende a capacidade de resistencia da edición en Galicia sen contar coas achegas que durante a última década recibiu de iniciativas de fomento da lectura. Non hai dúbida que entre elas hai que citar o plan de mellora de bibliotecas escolares, promovido pola Consellaría de Cultura e Educación dende 2004, que cos seus clubes de lectura e as súas actividades de animación está transformando a dinámica lectora de varios centos de centros públicos do país. Como tamén hai que facelo co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que dende 1999 desenvolveu un modelo de intervención lectora sobre unha cidade que pretende mudar a súa pel dende a atención preferente ás crianzas. Sen esquecer, o modelo de corresponsabilidade interinstitucional e intergremial acuñado por Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, que dende 2007 se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, recoñecida pola Fundación Contemporánea como “o mellor acontecemento cultural do ano en Galicia”, onde o libro ten protagonismo de seu.

Xaora, nesta relación de iniciativas de éxito do fomento da lectura pública, non pode faltar a de Espazo Lectura (en diante EL), a asociación do Val Miñor sen ánimo de lucro que ten por finalidade o fomento e a animación da lectura, con atención moi singular e constante á lectura en lingua galega e no apoio ao libro galego. Creada o 26 de xaneiro de 2008, aínda que as súas sesións de contos do Contomar comezaran en febreiro de 2006, vencelladas á ANPA do CRA Antía Cal de Gondomar, EL conseguiu en apenas unha década constituír unha comunidade lectora en Gondomar, toda unha xeración que comparte libros e lecturas, así como diversas actividades comunitarias arredor da creación literaria e da lectura como vínculo de socialización. Unha asociación de voluntariado formada por corenta activistas da lectura e duascentas persoas e institucións, entre elas boa parte das editoras galegas e centros escolares do Val Miñor, que axiña se convertiu en referente e recibiu numerosos recoñecementos e premios, entre eles o da Mellor Iniciativa Cultural de Fomento da Lectura, outorgada na Gala do Libro de 2016.

Dende a súa creación EL concibiu a lectura non só como unha actividade individual silenciosa, que require da soidade e da concentración para a conquista dos textos, senón tamén como unha actividade socializadora e compartida de reflexión crítica, que en palabras de Concha Costas, a súa primeira presidenta e fundadora, “nos permita entender o mundo no que vivimos e sentirnos parte da comunidade á que pertencemos”. Eis, a razón de ser de Espazo Lectura, o nome tan afortunado escollido para unha iniciativa que pretende que a lectura se transforme en espazo para a vida, onde é posible gozar da ledicia argallada polo balbordo entusiasta dos picariños lectores co acougo proporcionado polos textos impresos ou dixitais que corren nas pantallas: En definitiva, como sinalou Alberto Manguel, EL asume que “non temos máis remedio que ler”, xa que “ler, case tanto como respirar, é a nosa función esencial”.

Esa é a convicción que move a programación anual de actividades e de clubes de lectura de EL, na que levan participado centos de autores e autoras galegos: Contomar, contacontos de 3 a 9 anos; Os mércores da Casa da Lectura, sesións de dinamización lectora na sede da asociación en Donas; Contos en cueiros, para bebés de 0-3 anos; Lendo contigo, para pais e nais e nenos e nenas de 7 a 11 anos; Comando le, para rapaces e rapazas a partir de 12 anos; Sete vidas e Lecturas debuxadas (cómic), para persoas adultas. Con idéntica intención organiza a “Noite na biblioteca” e a “Fogueira dos versos”, noites fermosas e máxicas que cada ano abren o verán coa luz dos libros e da poesía, a “Sentada lectora”, que en 2012 enfarrapou de libros e lectores e lectoras unha das prazas de Gondomar, ou as dez edicións do “Dar de ler como quen dá de beber”, actividade itinerante que cada 23 de abril leva a lectura a lugares onde non adoita estar presente.

E froito dese compromiso coa lectura pública, a asemblea de EL acordou en maio suspender as actividades na Biblioteca Municipal e renunciar á reserva de crédito do concello de Gondomar destinado a pagar as visitas dos autores participantes na programación da biblioteca preparada por EL. Un conflito que ten a súa orixe na precariedade de funcionamento e das instalacións da biblioteca municipal de Gondomar e no desinterese da alcaldía actual e do seu equipo de goberno por recuperar o diálogo con EL, que conta co apoio do pleno e coa solidariedade dos centros do Val Miñor. A loita por unha biblioteca digna en Gondomar resume hoxe o compromiso desta modélica asociación de voluntariado de fomento da lectura, que merece na súa primeira década de vida todas as beizóns e gratitudes.

Onte 1936: “A libraría” de Isabel Coixet

Isabel Coixet ofrece en The Bookshop unha fermosa homenaxe á lectura e ao mundo da libraría, que adapta a novela homónima de Penelope Fitzgerald. Unha peza de narración e realización impecable,como adoita a catalá, a pesar da escasa orixinalidade do conflito proposto, no que unha libreira soñadora e valente pon a proba a súa afouteza diante da extorsión que en 1959 sofre por parte dos poderes dunha pequena comunidade costeira. O máis interesante do film é a gabanza da lectura, do libro e da literatura sexa como forma de resistencia (protagoniza por Florence Green na excelente interpretación de Emily Mortimer), sexa como forma de instalarse na vida (eis o  enigmático señor Brandish, outra creación memorable de Bill Nighy). Xaora, tamén é interesante a concepción da libraría como espazo de encontros e descubertas, capaz de reeducar á pequena dos Gipping. Como son memorables as homenaxes a Bradbury e a Nabokov, así como algúns diálogos literarios referenciais desta balada triste da libraría.

Onte 1910: Fatiga dixital no sector do libro estadounidense

Lin onte un interesante estudo do ICEX sobre a situación do mercado do sector editorial os Estados Unidos. Sometido a un intenso proceso de hibridación e reestruturación, promovido polas mudanzas tecnolóxicas como polas preferencias dos públicos, o primeiro dato, quizais un dos máis sorprendentes, é que en 2016 as vendas aumentaron nun 1,10 %, até acadar os 29.000 millóns de dólares, procedendo o groso da facturación dos libros impresos, fronte á caída da dos e-books. Diminución dun 5,70 % dun mercado do libro electrónico de case catro mil millóns de dolares (o 13,38 % do total do mercado), motivada tanto polo encarecemento dos e-books polo chamado “modelo de axencia”, no que os editores fixan o prezo de venda sen apenas marxe para os minoristas, como polo fenómeno bautizado como “fatiga dixital”, que fai que os consumidores prefiran dedicar o seu tempo de lecer a actividades que os manteñen afastados dos ordenadores, tabletas e dispositivo móbiles.

Outro feito que me pareceu salientable deste mercado é o liderado indiscutible acadado polos e-tailers, os distribuidores a través de internet, como Amazon, que se sitúan como a canle favorita dos compradores, o que afecta tanto ás redes de librarías como as distribuidoras. Como tamén chama a atención que este mercado sexa lidareado polo libro de texto (o 31,60 % das vendas), seguido dos libros técnicos e profesionais (27,50 %), os de ficción e non ficción para persoas adultas (24,00 %), mentres que os libros infantís, que dependen en boa medida dos orzamentos das escolas, supoñen apenas o 6,60 %. Pareceume significativo o feito de que o formato dixital non teña unha gran aceptación nos libros infantís (apenas o 20,00 %), o que os redactores do informe atribúen á preferencia dalgunhas familias a que os seus pequenos lean en libro impreso antes que o fagan en e-book.

Por último, un dato que non pode pasar desapercibido é que o 73,00 % dos estadounidenses leron polo menos un libro nalgún formato durante o último ano, sendo o 65,00 % os que fixeron nun libro impreso, o 28,00 % nun e-book e o 14,00 % nun audiolibro, formato que continúa o seu crecemento continuado, quizais porque lles permite compartir outras tarefas. Xaora, o estudo identifica unha mudanza dos hábitos de consumo dos lectores dixitais, aumentando os que len en dispositivos multiplataforma (smartphones e tabletas) fronte a aqueles que o fan en e-readers.

Datos interesantes que expresan unha certa fatiga do proceso de hibridación dixital no mercado estadounidense que poden axudar a identificar  e explicar tendencias no noso mercado.

Onte 1881: O pregón de Carlos Núñez na Feira do Libro de Vigo

Carlos_Nuñez_29-06-2017

Resultoume imposible acompañar a Carlos Núñez na lectura do seu Pregón na Feira do Libro de Vigo. Unha peza nacida da experiencia e das conviccións dun dos profesionais máis destacados da edición, o deseño e a industria gráfica do noso país. Non esquezamos que Carlos Núñez Le Vieux é autor de obras neste eido tan importantes como o monumental Diccionario Histórico de la Escritura y de las Artes e Industrias Gráficas (2015), ou senllos libros sobre tipografía de noso Ó pé da Letra: A istoria da tipografía galega (2000) e Alfabetos Gallaecia Castelo e Gótica galega (2001).

No seu pregón (pode baixarse aquí en pdf) Núñez defendeu a o valor da lectura, a pervivencia do libro impreso e da industria editorial, salientando o carácter de Vigo como capital editorial de Galicia e unha das cidades españolas de maior produción de libros. Defendeu, ademais, «o complexo mundo de profesionais que traballan o libro, os deseñadores, tradutores, encadernadores, impresores…, eses equipos complexos que dan forma con moderna tecnoloxía á mensaxe escrita polo autor, que non se ven pero son os que plasman o carácter editorial pola súa experiencia e coñecementos. Eses equipos de profesionais son os que están a facer realidade que o libro do futuro non sexa un ladrillo inmutable e áspero, senón un atractivo soporte literario de papel impreso. A todos eles e elas o recoñecemento do seu traballo, a súa paixón e a súa arte. É obrigado sacar á luz o papel descoñecido da muller nos oficios gráficos, por iso hai que recoñecer os nomes e a achega de relevantes mulleres vinculadas á escritura, ao universo gráfico e á arte do libro. Destacamos o noso recoñecemento ao papel da muller, nunca valorado suficientemente na constante achega escritora e desenvolvemento do mundo gráfico librario.»

Tivo tamén palabras Carlos Núñez para o libreiro, «a figura imprescindible que vai sobrevivindo á implantación das grandes cadeas, que vai soportando o impacto das novas tecnoloxías e, como toda a cadea de produción libraria, sostén sobre as súas costas a maldita crise.» «Estamos ante un cambio que necesita máis que nunca da análise dos expertos, porque as librerías son un dos pulmóns das cidades, alimento para a intelixencia e os sentidos.». Como non esqueceu lembrar aos editores e impresores vigueses: «Vigo e a súa área metropolitana ten longa historia dos numerosos mestres impresores e libreiros ambulantes ata o século XIX en que as imprentas e librerías se consolidaron, como a de Juan Compañel, o impresor de Cantares Gallegos, Angel de Lema impresor e fundador de Faro de Vigo, o libreiro e impresor Eugenio Krapf, os impresores Noya…, e unha longa lista de mestres e familias impresoras, editoras e libreiras que viviron o xurdimento da sociedade industrial, a ideoloxía liberal, os cambios sociais e algúns sufriron o terror do franquismo máis recentemente. Gardamos con honra o recordo de todos os nosos mestres da fabricación e a distribución do libro e tamén polo seu compromiso social e cultural.»

Xaora, o momento máis emocionante chegou ao cabo da intervención cando Núñez dedicou o pregón «ao recordo de todos os escritores, artistas, impresores, editores, libreiros que foron perseguidos ao longo da Historia por defender a liberdade de conciencia e expresión; encarcerados, condenados polos poderes relixiosos, políticos e a insensatez humana. O meu recoñecemento ao seu soño de liberdade e heroísmo. Defendamos a literatura da liberdade impresa en papel…!»

Onte 1874: 70 anos de Agustín

Agustín Fernández Paz-3-RetoqueXG00273301

Lembramos onte a Agustín Fernández Paz no día que se cumpriron 70 anos do seu nacemento en Vilalba. O do seu aniversario era un día de ledicia que Agustín celebraba coa intención de revivir os días felices compartidos coas persoas queridas. Así tamén pretendemos que sexan todos os 29 de maio do futuro, para nós o día de Agustín Fernández Paz, unha xornada para compartir azos e ensinanzas dunha figura humana e literaria extraordinaria. E nada mellor que lembralo cun novo libro ou cunha nova edición da súa obra, aínda aberta. Neste ano facémolo con Un mundo de palabras, a obrano que o mestre reuniu, coa axuda de Isabel Soto, os seus textos sobre o libro e a lectura; un libro de ensaio importante na súa traxectoria como autor literario e como mediador, dous dos seus labores principais. Presentarémola o vindeiro sábado 3 de xuño, na illa de San Simón, no serán dos Xerais, onde queremos agarimalo. Sempre con Agustín no noso corazón e memoria.

Onte 1837: Azos de Agustín

Agustin_Fernandez_07-03-2013Lendo nos textos do novo libro de ensaio de Agustín Fernandez Paz, que preparamos para fin da primavera, recupero azos e doses de entusiasmo para o noso traballo de edición. En boa parte dos textos, centrados sobre a lectura, o libro e a formación do lectorado literario, Agustín insiste en que “a lectura é cousa de todos” (ese foi, tamén, o título da súa intervención de decembro de 2001 no terceiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra”), tanto polo feito do seu papel transformardor (individual e social) como polo papel que todas as persoas teñen na súa difusión, e o papel máis esencial aínda que xogamos os que temos a responsabilidade ineludible de contaxiar o virus lector (editores, libreiros, bibliotecarios, críticos, docentes…) nos mozos e mozas, mais tamén sobre o resto dos cidadáns, nas casas, nos centros de ensino ou nas bibliotecas.

Agustín reclamaba hai máis de quince anos unha actualización urxente do discurso dos que cremos que a lectura, e especialmente a lectura literaria, é unha peza decisiva na formación e na vida de calquera persoa. Como reclamaba unha atención á especificidade do caso da lectura en galego, tanto pola súa subordinación no espazo lector (librarías, bibliotecas e medios de comunicación) como polo seu carácter de segunda lingua de lectura para a maioría das familias galegofalantes. Condicionantes para a edición na nosa lingua que, debemos recoñecer, se agudizaron ao longo do actual proceso de hibridación do noso sector, o que provoca tanto desacougo e desorientación no noso debate cultural.

Lembra o mestre Agustín, tamén noutro texto memorable, “Agora entramos nós: a construción do lector”, transcrición da súa conferencia do 7 de marzo de 2013 nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que o segredo da mediación lectora está “en motivar, entusiasmar, contaxiar o gusto pola lectura”, algo que debe facerse con “libros que fan lectores”, eses títulos que teñen demostrada a súa calidade e a súa eficacia. Como lembraba que adquirir unha sólida competencia lectora é un camiño longo cheo de etapas, onde cada unha delas ten os seus libros, que deben constituír novos retos formais e temáticos:

Se cadra este é un bo momento para lembrar a «teoría do iceberg», que adoita atribuírse a Hemingway. En esencia, dinos que todo bo libro é como un iceberg. O que lemos son só as 2/5 partes visibles, pero baixo a superficie ocúltanse as 3/5 partes restantes, a gran masa de xeo que sostén todo o conxunto. Por baixo dun texto valioso discorre un poderoso río subterráneo, que é o que nos deixa pegada, aínda sen sermos conscientes dela.

Como lembra Agustín que non hai actividade máis importante que a das persoas mediadoras que promoven a revolución da lectura:

Eu sei que os cambios na sociedade sempre son procesos colectivos, mais non esquezo que estes son unha suma de actitudes individuais. No traballo escolar, moitas veces, non se ven os froitos. E hai ocasións en que parece que todo se esfarela. Sementamos, mais tampouco nos sabemos cando e como agromará esa semente.

Deixádeme que volo diga eu, desde a altura dunha biografía xa cumprida: o traballo de cada un, de cada unha de vós, é imprescindible. Ha agromar en persoas máis críticas e máis libres, e nunha sociedade máis xusta, e nun florear na cultura galega e na transmisión da lingua. Sodes sementadores de futuro, amigas e amigos. Aínda que ás veces pareza clandestina, nunca houbo actividade máis importante. E, como nos demostrou Rosa Parks, o que unha persoa fai pode cambiar o mundo. Vós, non o dubides, estades axudando a cambialo.

Azos do mestre Agustín que moito agradecemos os que cremos que a lectura literaria debe ser o corazón da educación e da actividade cultural. Nese empeño agustiniano continuamos.

Onte 1810: Déficit lector

A presentación onte do magnífico informe da Federación de Gremio de Editores sobre o estado da lectura en España volveu desvelar o importante déficit lector que pexa a nosa sociedade. O 60% das maiores de 14 anos poden ser consideradas como persoas lectoras, o que sería unha porcentaxe elevada se a lectura puidese ser considerada apenas como un hábito do tempo de lecer, como a afección polo fútbol, polo cinema ou a pintura. Porén, na sociedade actual, sometida ao proceso de hibridación dixital, a lectura debe ser concibida como unha competencia que deben posuír todos e todas as cidadás, de todas as idades, dende as máis novas ás maiores, un hábito saudable que a todas as persoas beneficia e que todas implica. A lectura é unha competencia cívica, non só un hábito de lecer ou unha preferencia artística.

Eis a cerna de calquera valoración sobre o déficit lector que arrastramos, ao que non é doado poñer remedio. Un problema grave de cultura pública. Con todo, non deixa de ser unha chiscadela irónica que onte, cando o secretario de estado de Cultura anunciaba a intención do goberno de Rajoy de pór en marcha un plan de lectura, con incidencia especial sobre o sistema educativo e as bibliotecas públicas, celebrásemos en Galicia o décimo aniversario da publicación da Lei do Libro e da lectura de Galicia, un texto normativo excelente, plenamente actual, máis nunca desenvolto polos gobernos de Feijoo, coa excepción do excelente programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. Xaora, benvidos sexan os bos propósitos de promover a revolución lectora que tanto precisamos. Sen lectura para todas, sen lectura en todos os formatos e soportes, dificilmente poderemos falar dunha sociedade en liberdade e igualdade.