Onte 1837: Azos de Agustín

Agustin_Fernandez_07-03-2013Lendo nos textos do novo libro de ensaio de Agustín Fernandez Paz, que preparamos para fin da primavera, recupero azos e doses de entusiasmo para o noso traballo de edición. En boa parte dos textos, centrados sobre a lectura, o libro e a formación do lectorado literario, Agustín insiste en que “a lectura é cousa de todos” (ese foi, tamén, o título da súa intervención de decembro de 2001 no terceiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra”), tanto polo feito do seu papel transformardor (individual e social) como polo papel que todas as persoas teñen na súa difusión, e o papel máis esencial aínda que xogamos os que temos a responsabilidade ineludible de contaxiar o virus lector (editores, libreiros, bibliotecarios, críticos, docentes…) nos mozos e mozas, mais tamén sobre o resto dos cidadáns, nas casas, nos centros de ensino ou nas bibliotecas.

Agustín reclamaba hai máis de quince anos unha actualización urxente do discurso dos que cremos que a lectura, e especialmente a lectura literaria, é unha peza decisiva na formación e na vida de calquera persoa. Como reclamaba unha atención á especificidade do caso da lectura en galego, tanto pola súa subordinación no espazo lector (librarías, bibliotecas e medios de comunicación) como polo seu carácter de segunda lingua de lectura para a maioría das familias galegofalantes. Condicionantes para a edición na nosa lingua que, debemos recoñecer, se agudizaron ao longo do actual proceso de hibridación do noso sector, o que provoca tanto desacougo e desorientación no noso debate cultural.

Lembra o mestre Agustín, tamén noutro texto memorable, “Agora entramos nós: a construción do lector”, transcrición da súa conferencia do 7 de marzo de 2013 nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que o segredo da mediación lectora está “en motivar, entusiasmar, contaxiar o gusto pola lectura”, algo que debe facerse con “libros que fan lectores”, eses títulos que teñen demostrada a súa calidade e a súa eficacia. Como lembraba que adquirir unha sólida competencia lectora é un camiño longo cheo de etapas, onde cada unha delas ten os seus libros, que deben constituír novos retos formais e temáticos:

Se cadra este é un bo momento para lembrar a «teoría do iceberg», que adoita atribuírse a Hemingway. En esencia, dinos que todo bo libro é como un iceberg. O que lemos son só as 2/5 partes visibles, pero baixo a superficie ocúltanse as 3/5 partes restantes, a gran masa de xeo que sostén todo o conxunto. Por baixo dun texto valioso discorre un poderoso río subterráneo, que é o que nos deixa pegada, aínda sen sermos conscientes dela.

Como lembra Agustín que non hai actividade máis importante que a das persoas mediadoras que promoven a revolución da lectura:

Eu sei que os cambios na sociedade sempre son procesos colectivos, mais non esquezo que estes son unha suma de actitudes individuais. No traballo escolar, moitas veces, non se ven os froitos. E hai ocasións en que parece que todo se esfarela. Sementamos, mais tampouco nos sabemos cando e como agromará esa semente.

Deixádeme que volo diga eu, desde a altura dunha biografía xa cumprida: o traballo de cada un, de cada unha de vós, é imprescindible. Ha agromar en persoas máis críticas e máis libres, e nunha sociedade máis xusta, e nun florear na cultura galega e na transmisión da lingua. Sodes sementadores de futuro, amigas e amigos. Aínda que ás veces pareza clandestina, nunca houbo actividade máis importante. E, como nos demostrou Rosa Parks, o que unha persoa fai pode cambiar o mundo. Vós, non o dubides, estades axudando a cambialo.

Azos do mestre Agustín que moito agradecemos os que cremos que a lectura literaria debe ser o corazón da educación e da actividade cultural. Nese empeño agustiniano continuamos.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *