Blogs e fomento da lectura
A revista electrónica Dosdoce.com publica un traballo de Javier Celaya sobre o papel dos blogs no fomento da lectura e a súa aplicación educativa. O estado da cuestión e as experiencias máis salientables. Moi recomendable.
A revista electrónica Dosdoce.com publica un traballo de Javier Celaya sobre o papel dos blogs no fomento da lectura e a súa aplicación educativa. O estado da cuestión e as experiencias máis salientables. Moi recomendable.
Vía Libreros atopo este interesante artigo sobre o inicio do proceso lector. A afirmación máis rotunda do texto é que “os oito meses de vida é o momento no que cómpre iniciar ao bebé na familiarización do libro como obxecto”. Semella que nesta idade, cando o neno ou a nena xa pode sentar e coller o libro coas súas mans, é a do inicio do complexo proceso pre-lector. Precisamente, asumindo este criterio, Kalandraka editou o primeiro libro en tea en galego e a colección “Do berce á lúa“, títulos moi axeitados para estes pre-lectores.
Ando estes días preparando o pregón da Feira do Libro de Vigo do vindeiro venres. Pretendo enfocalo como unha defensa da lectura e do oficio de libreiro. Procurando documentación atopei estes catro traballos de defensa da lectura ou estoutras reflexións sobre o traballo de libreiro.
Vía Alcameh teño noticias do Plan Nacional de Leitura que se pon en marcha en Portugal. Semella que a consideración da lectura como eixo das políticas culturais públicas, con especial atención ás bibliotecas escolares, é un feito xa incuestionable. No caso portugués algunhas das liñas estratéxicas máis salientables (coincidentes en boa medida co plan galego) son os seguintes:
Este plan portugués a cinco anos propón o desenvolvemento de programas específicos en función de públicos: Ler é un desporto (13 a 18 anos), Un livro, un amigo da palavra (mozos universitarios sen hábitos de lectura), Leitura sem fronteiras (hospitais, cárceres, centros de maiores…). Así mesmo, establece programas específicos paras as bibliotecas públicas (Ler antes de ler, Já sei ler, A conquista do leitor) familias (Leitura á par), como escolas (Está na hora dos livros, Está na Hora da leitura), nas que se propón que se lle dedique unha hora diaria.
Un plan interesante que merece ser estudado con atención en Galicia, precisamente cando está a punto de aprobarse o noso.
Esta noite inicia a súa emisión Libro aberto, o agardado novo programa sobre libros e literatura da TVG. Polas noticias que temos o programa vai ser moi xeitoso e dinámico, con protagonismo importante dos clubes de lectores das bibliotecas. O programa de hoxe centrarase arredor de Corredores de sombra, a obra máis recente de Agustín Fernández Paz, que será entrevistado por Manuel Romón, o condutor do programa (un acerto recuperar a este Rompente para a programación cultural). A novela de Agustín foi traballada a fondo polo clube de lectores da Biblioteca Moaña, que prepararaon varias preguntas para que respondese o autor. A vindeira semana serán os lectores da Biblioteca Rialeda de Oleiros os que aborden O heroe. Darlle voz aos lectores, sexa por medio dos clubes de lectura ou dos críticos especializados en ámbitos temáticos ou de xénero, semella que vai constituír o sinal de identidade do programa que dirixe Luís Rei. Unha estratexia moi interesante. Agardamos que o programa consolide unha audiencia digna. A proposta ben a merece.
Vía Alcameh coñezo a tradución portuguesa deste libro incluído por Publishers Weekly entre os mellores libros de 2004 no apartado de Non ficción. “Un profesor, os seus alumnos e o seu mundo de historias”. Semella interesante para os lectores interesados en cuestións educativas. Non atopo tradución en castelán.
Nin un só ponente da literatura e da edición en galego no Primeiro Congreso Nacional da Lectura (coa excepción da conferencia inaugural de Nélida Piñón). Non dubido que o programa é atractivo, mais dificilmente así pode facerse crible iso da España plural, a pesar da importante nómina catalana. Afortunadamente, hoxe deixamos case listo na Comisión do Libro o texto do Plan de lectura, que acompañará á Lei do Libro e a Lectura. Un paradoxo da nosa vontade arredista?
Onte na comisión de traballo da Mesa polo Libro e a Lectura, que está elaborando o Plan de Lectura, debatimos diversas medidas destinadas a fomentar a lectura. O aumento dos índices lectores da poboación galega (hoxe déronse a coñecer os datos do último barómetro lector); a promoción e valoración da lingua, literatura e culturas nosas; o recoñecemento do papel dos mediadores e a súa formación; a visibilidade do libro e o favorecemento da súa consideración social na sociedade son algunhas da liñas estratéxicas sobre as que estivemos traballando e sobre ás que o continuaremos facendo no vindeiro mes.
Ao fío destas preocupacións, hoxe descubrín (outra vez vía Txetxu) o blog de Batichica, unha bibliotecaria mexicana que recolle magníficos textos sobre algunhas das nosas preocupacións (velaí a comuñón secreta da irmandade de lectores). Especial interese teñen estes once consellos para contaxiar o pracer de ler de Luis Olivera e a súa versión do decálogo do bo bibliotecario (ou a versión de Catuxa) de Umberto Eco. Recomendo a lectura destes enlaces preciosos dos que se poden tirar moi boas ideas para traballar sobre o plan de lectura galego.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
