A lectura, eixo do novo modelo comunicacional

(Ilustración vía Roger Michelena)
Ás portas da celebración do primeiro encontro de “Blogs e libros“, no que participaremos o vindeiro venres, preparei unha reflexión sobre o que entendo é a centralidade que adquire a lectura no novo contexto da literacidade electrónica. Velaí un fragmento do texto:

“Desprazada a preeminencia do soporte analóxico sobre o contido, o novo paradigma de comunicación cultural electrónica asume a lectura como o seu elemento central, modificando radicalmente as funcións que desempeñan as industrias e as institucións da cultura analóxica, especialmente o papel dos editores, dos libreiros e das bibliotecas. A lectura convértese así na actividade que caracteriza a comunicación cultural, concibida como un elemento transversal entre os soportes impresos e electrónicos.
Deste xeito, xa non é posible definir o libro, como se veu facendo ata agora, como un ben cultural impreso dun determinado número de páxinas encadernadas; senón, como establece o anteproxecto da nova Lei de Lectura e do libro, como “a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais complementarios de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo, así como calquera outra manifestación editorial”.
Con esta redefinición, recoñécese que o característico do mundo do libro non reside xa no soporte (sexa analóxico-impreso ou dixital-electrónico) e, si pola contra, na actividade que promove, a lectura. Concibida a edición deste xeito, modifícase o papel dos editores e da industria do libro que no futuro ha de estar centrado sobre a produción e distribución de contidos culturais escritos.
Outrosí sucede coa biblioteca concibida agora como unha institución cultura pública especializada no acceso á lectura dos cidadáns. A biblioteca xa non almacena e pon a disposición da súa comunidade soportes analóxicos impresos (libros, xornais e revistas), senón que debe ofrecer, tamén, todo tipo de soportes susceptibles de ser lidos, escoitados ou visionados (sexan ríxidos ou en liña). A biblioteca, neste novo modelo comunicacional electrónico, transfórmase na primeira institución cultural de cada comunidade local para acceder á nova Sociedade do Coñecemento, especializándose como un punto de acceso público tanto á rede comunicacional dixital como aos fondos documentais analóxicos.
Este modelo de convivencia do impreso e do dixital na comunicación cultural escrita obriga a repensar as políticas culturais públicas sobre a lectura e a modificar os usos e costumes da industria editorial e da súa cadea de valor. Aparecen así numerosos interrogantes para os que actualmente existen escasas respostas. No eido da propiedade intelectual o entorno dixital require un modelo de propiedade intelectual máis flexible (como supoñen xa as licenzas Creative Commons) para abordar tanto o feito da autoría compartida como o acceso aos contidos que, a partir de agora, non se realizan só mediante a adquisición do produto. No eido da industria editorial, o novo entorno dixital permite a actualización constante dos contidos, feito extraordinario para as obras de referencia ou educativas, o que conleva modificar o xeito de comercializalos (actividade reservada tradicionalmente ás librarías). No eido bibliotecario, o modelo comunicacional electrónico, require de novas infraestruturas e dun novo perfil profesional para a figura do bibliotecario, profesional do fomento da lectura e da documentación analóxica e dixital.”

Etiquetas: , ,

Premio Tökland

Velaí a fotografía de Vítor Ribeiro gañadora do Premio Tókland de fomento da lectura.
Etiquetas: ,

As claves do éxito en lectura

Esta mañá nunha reunión de editores galegos con responsables da Dirección Xeral de ordenación Educativa da Consellaría de Educación coincidiamos na importancia que a nova reforma curricular concede á lectura e ao manexo das novas tecnoloxías da información. Establecer a lectura, nos seus diferentes soportes, como procedemento transversal de todas as áreas (o que obrigaría dalgún xeito a deslecturizar a área das linguas e a intensificar a lectura no resto das materias, fosen tanto humanísticas como científico-técnicas) é o grande reto que ten o profesorado e ao que debemos saber responder os editores educativos. Nesta fase de deseño dos materiais, na que estamos non está de máis repasar cales son as claves do éxito deste enfoque, que tantos froitos ten proporcionado, por exemplo, e se nos remitimos ao informe PISA, en Finlandia (Vía Tokland). Outro exercicio pendente de reflexión práctica.

Ler e escribir en Galicia

Estes días rematei de ler o último libro do catedrático Narciso de Gabriel, Ler e escribir en Galicia, unha investigación (merecedora do premio Concepción Arenal) sobre a alfabetización dos galegos e galegas dende 1860 a 1990.
Como é adoito neste autor (o noso primeiro estudoso sobre historia da lectura e da alfabetización en Galicia), o traballo (moi rigoroso e metodoloxicamente ben dotado) presenta numerosos cadros de datos estatísticos que permiten reconstruír de forma moi precisa o proceso de desenvolvemento demográfico e alfabetizador do país (datos desagregados por sexos, provincias, por comarcas e mesmo por concellos, o que supuxo para o autor un esforzo hercúleo). Entre todos eles, quedeime con dous que, a pesar de ben coñecidos, me parecen moi significativos para comprender a situación demográfica e territorial de Galicia na actualidade:
Primeiro: mentres que A Coruña e Pontevedra duplican os seus habitantes desde 1860 a 1991, Lugo perde case un doce por cento e Ourense un catro, o que leva consigo unha progresiva concentración da poboación nas dúas provincias occidentais.
Segundo: a progresiva redución do peso de Galicia na poboación española, que pasa do 11,48% en 1860 ao 6,91% en 1991 (o peso da emigración foi decisivo). En 130 anos Galicia aumentou a súa poboación apenas nun millón de habitantes.
Alén da recollida dos resultados cuantitativos da investigación, tamén é de moito interese no libro o capítulo dedicado a precisar os conceptos de alfabetización (a capacidade de ler e de escribir) e analfabetismo funcional, moi útil para sinalar a importancia do dominio da mecánica da lectura, a escritura, o cálculo e a súa aptitude para utilizalas en situacións concretas. Un libro valioso, que merecería unha maior divulgación fóra da comunidade académica.

Exit

Grazas a Michelena e Comunicación Cultural chego á versión dixital da revista trimestral Exit, dedicada ás artes visuais máis características do século XXI, que ofrece no seu último número un monográfico sobre “Lectura e lectores“. É magnífico todo o material fotográfico publicado arredor do acto de ler, dos espazos para a lectura e do mundo do libro, aínda o que máis me prestou é o texto do editorial de Rosa Olivares apostando máis pola lectura ca polo libro (unha actividade “que nos estigmatiza e introduce nun club cuxo lema é paixón ou insatisfacción).
Etiquetas: , ,

O ABCdario de Peonza

O magnífico ABCdario de animación á lectura do Equipo Peonza pode consultarse no Cervantes virtual. Un deses textos imprescindibles para profes, bibliotecarios ou editores, agora, por fin on line. Moi, moi recomendable.
Grazas, Tökland.

Ler nas praias

A caravana de promoción da lectura nas praias, promovida polo Ministerio de Cultura e a Federación de Gremio de Editores de España, resultou un auténtico fiasco en Galicia. O “descoñecemento” máis absoluto da toponimia oficial dos organizadores amosa, outra volta, o fracaso radical e a inutilidade destas campañas, deseñadas e concibidas dende unha óptica centralista tan homoxénea como paternalista. Sería tan difícil que aquí se realizase na nosa lingua e coa participación dos editores galegos? Canta vergonza teriamos así evitado?

Paradoxicamente, o máis recente barómetro sobre hábitos lectores amosa que en Galicia estamos oito puntos por baixo da media de lectura española. Un índice estatístico que amosa a nosa indixencia lectora e fronte ao que ningunha autoridade (nin do goberno central nin tampouco da Xunta de Galicia) semella alarmarse. Cales son as razóns de que os cidadáns galegos padezamos esta perigosa sinistralidade cultural?

Etiquetas:

Letras en movemento


No blog do libreiro venezolano Roger Michelena atópanse imaxes ben fermosas sobre o mundo do libro, a lectura e a tipografía. Eis algunhas das máis recentes.

Etiquetas: ,