Onte 969: Con Teresa González Costa no Grove

Virginia_Bersabe_Carlos_Besada_Teresa-Gonzalez_08-05-2014

Magnífica presentación a do serán de onte na Galería Besada do Grove d’ Os santos nunca dormen, a novela máis recente de Teresa González Costa. Coincidindo tamén coa inauguración de «Almas de cántaro», unha impresionante exposición da pintora sevillana Virginia Bersabé, Teresa regresou ao seu Grove natal para reivindicar «que esta novela desenvólvese nun lugar que me habitou dende hai moito, unha vila sen nome onde o tempo fica parado, no Atlántis, ventre de balea, un casa de hóspedes onde se aloxan persoas extravagantes, magníficas, capaces de vivir poeticamente, personaxes libertarios, conscientes que na vida todo flúe coma a balea branca».

Citou despois Teresa algúns dos temas da novela: a angustia, as perdas persoais, como a guerra civil que deixou pegadas. «Quixen escribir unha traxedia. non un drama, onde non faltase a presenza do humor. A obra fala do odio e as súas consecuencias». «Na novela hai reflexións profundas e varias intrigas persoais que se cruzan». «Abordei a memoria como reparación e conciliación». «Na novela as fronteiras entre o real, o fantástico e onírico están esvaídas. Jeremías, restaurador de imaxes, aquí de seres humanos tamén, entra nun mundo de dimensións inesperadas, a través de “vivencias atlánticas”. Restaura e será restaurado. Os santos nunca dormen fala da vida coa intención de que o corazón da balea volva bater. A vida existe para ser vivida».

Dedicou Teresa unha parte da súa intervención a expresar a gratitude cos autores aos que debe moito esta obra: Melville, Nicolas Bouvier, Dionisio Pereira, Mark Twain e algúns autores franceses. Tamén ás conversas con Alfonso Abel, Loli Virulegio, Arximiro Fernández e coa súa visaboa da que tirei o título, «os santos nunca dormen». lembrou ao señor Jorge, un artesán compostelán co que falou toda unha mañá, que lle ensinou o anxo con lentes, fotografado na cuberta.

Para rematar leu o poema «O tempo» que escribiu para esta presentación.

 

O Tempo

Hai quen di
que o tempo
o pon todo
no seu sitio
pero tamén
é certo
que ás veces
hai que axudalo
porque o Tempo
vai ás présas
e non sempre
se decata
dos detalles.
Outras veces
parece
que chega tarde,
o Tempo
purga o tempo
toma o seu tempo
co seu chapeu
repleto de distracións,
e entón a demora
pode durar
demasiado
para quen agarda.
Hai que axudalo,
ao Tempo
e escribirlle cousas,
pequenos ou grandes
recordatorios
para a súa
libraría persoal,
poemas
historias
grandes ou pequenas
debuxos
para que o tempo
tome o seu tempo
da contemplación.
Hai que ofrecerlle un sorriso
e un intre
de xenerosidade
e de sinceridade.
Ás veces
o Tempo
o pon todo
no seu sitio,
pero outras
veces non.
É entón
cando hai que botarlle
un cabo
como se di
aínda que só
sexa
para non ter
a sensación
de perder
o verdadeiro Tempo.

O Grove 8, maio, 2014

 

 

Onte 961: Lectoras novas

amote_leo_a_30-04-2014

Nas dúas presentacións do serán de onte na Feira do Libro de Compostela, tanto na primeira de Penúltimas tendencias de Carlos Negro coma na da triloxía de Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, púxose en evidencia o papel fulcral das mediadoras na formación da lectora literaria e a esperanza representada pola xeración de lectoras novas.

Reitero en cada unha das miñas intervencións a nosa gratitude como editores polo labor de intermediación tan xeneroso realizado nas aulas, bibliotecas e redes por persoas como Montse Pena Presas e Gracia Sanctorum, integrantes destacadas desa xeración de profesoras promotoras dunha revolución silenciosa, a da lectura educativa en Galicia. O papel da mediadora como apoio, modelo, incitación, interlocución, provocación ou confrontación é esencial no proceso de integración da lectura, e da lectura literaria, nos hábitos da vida adulta.

No entanto, o protagonismo onte na feira foi para as lectoras. Recoñeceuno Carlos Negro lendo emocionado algúns comentarios (extraordinarios, engado eu) publicados en blogs de bibliotecas escolares sobre Penúltimas tendencias, amosando que «os termos poesía e adolescencia non son antagónicos, son complementarios», sempre que se «se proporcionen chanzos de acceso». Outro tanto aconteceu na presentación da triloxía de Aneiros, onde Denise Varela e Alba Moreira, integrantes do Clube Lectura pola Igualdade do IES de Silleda, opinaron sobre os dous volumes publicados e conversaron coa autora con sinceridade e profundidade sobre o texto literario. Rosa Aneiros confesou ao remate dunha conversa engaiolante para os asistentes, que «nos clubes de lectura as autoras enfrontámonos directamente ás novas xeracións». O de onte foi un serán de festa para a lectura, a Xeración da Esperanza tamén está nas lectoras novas. Saímos felices da feira.

[Grazas a Xesús Cociña pola magnífica galería de fotos da presentación de Ámote Leo A.]

Onte 957: Máis libros do ano

Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!

Onte 956: «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha»

XG001541_o_gabinete_das_marabillas_CUB.inddMemorable foi a presentación de onte na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo d’ O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte, o libro de Irene e Rodrigo Pérez Pintos. Cento e moitas persoas seguiron as intervencións de Pablo Carrera, Pilar Barreiro e os autores sobre un libro tan singular na edición galega coma fermoso e atractivo.

Pablo Carrera disertou sobre os gabinetes de curiosidades e o papel do coleccionismo privado de láminas, gravados, bestiarios, obxectos exóticos e raros, marabillas que derón pé ao asombro da xente, sendo en moitos casos a orixe dalgúns dos grandes museos do século XX. Pilar Barreiro relatou con moito pulo narrativo como atopou información sobre Arxentino da Rocha, o protagonista do libro, cando na súa viaxe a Iquitos no Perú procuraba datos sobre a estancia alí do seu avó emigrante Wenceslao Barreiro.

Por último, Irene Pérez Pintos presentou os contidos do libro, no que identificou catro partes: a incrible biografía de Arxentino, o ensaio sobre o gabinete de curiosidades, o inventario de 622 do gabinete argallado por Arxentino e as fichas catalográficas máis destacadas do inventario, nas que hai unha forte presenza visual. Rematamos a presentación cantando o «Grándola» e curioseando entre as vitrinas e mesas nas que até o vindeiro martes se expoñen unha boa parte das pezas e obxectos imposibles catalogadas no  libro.

Sen dúbida este libro marabilla e sorpresa –ilustrado por Ramón Trigo e polo fotógrafo Manuel Vicente, mimado na edición por Ramón Domínguez– está chamado a converterse nun referente do noso catálogo e das bibliotecas públicas, escolares e familiares. Como dixo Irene Pérez Pintos «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte é un libro para ler e para ir lendo, para mirar os santos e a letra». Aventuro que será un deses títulos polos que o tempo non vai pasar por eles, un libro arca, chamado a perdurar.

Onte 934: Presentación no Centro Comercial Ponte Vella

Sete_Caveiras_04-04-2014Foi interesante a experiencia de presentar onte a novela Sete Caveiras de Elena Gallego nos corredores do Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. A proposta naceu da librería Aldova, instalada alí dende o novembro pasado, unha das poucas librarías existentes en Galicia neste tipo de centros, coa intención de facer visible o libro nun entorno de consumo ao que parece alleo este ben cultural. A experiencia foi exitosa, ao chamado acudiron lectores e numerosos medios de comunicación, que deixaron constancia da novidade.

O libro, especialmente o libro editado en galego, ten que dar a batalla da súa visibilización, gañar o espazo público, sexa o dos escaparates, o da súa presenza nas prazas (como cada sábado fai Couceiro en Cervantes), o das rúas (nas feiras do libro que comezarán este mes de abril) ou nos corredores dos centros comerciais de lecer e consumo interxeracional (como o Consorcio editorial fai en Área Comercial de Santiago dende hai tempo). Sei que non é doado gañar esa presenza para o libro, nin tampouco consolidar a utilización vehicular da nosa lingua nese tipo de espazos e establecementos, mais promovela é outra tarefa á que os galeguistas estamos convocados.

Grazas a Raquel Feijoo (a presentadora da novela) pola súa magnífica entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer, da que tiramos tres fotos da galería.

Onte 920: Noite da Edición 2014

Gala AGE 2014. Premiados

A situación crítica do sector editorial galego e o temor provocado no sector do libro educativo polo anuncio da Xunta de Galicia de experimentar a «dixitalización completa» nalgúns centros do último ciclo de Primaria e do primeiro da ESO estiveron moi presentes nas intervencións da Noite da Edición que celebramos onte en Betanzos, no fermoso edificio que fora concibido para Arquivo do Reino de Galicia. Porén, máis alá destas treboadas, ás que cómpre facerlles fronte con serenidade e firmeza, a noite dos premios dos editores galegos constituíu unha excelente oportunidade para comprobar a calidade, rigor, excelencia e diversidade que a pesar destes tempos difíciles mantén a edición en galego. Unha inxección de autoestima e responsabilidade gremial, que boa falta nos facía.

Polo que correspondeu a Xerais, celebramos os premios recibidos por Vento e chuvia de Manolo Gago, como mellor libro educativo do ano, e Tastarabás de Antón Cortizas, como mellor obra editorial, senllas obras ao coidado do noso compañeiro Ramón Domínguez, que amosan as moitas posibilidades que o proceso de hibridación ofrece. Como tamén celebramos o recoñecemento a Berta Dávila, como autora do ano, tras a sorpresa que supuxo a publicación do poemario A raíz da fenda, do que estamos preparando a terceira edición, e o posterior premio de narrativa curta O derrardeiro libro de Enma Olsen. Mención á parte merece o premio para Carme Couceiro e Pepe Díaz, os libreiros da Libraría de Couceiro da praza do Libro da Coruña, co que recoñecemos, cando chegan a súa xubilación, o seu compromiso co libro galego durante máis de tres décadas. Premios ben merecidos como os recibidos por Alvarellos, Galaxia e Kalandraka no resto das categorías.

Lonxe de calquera conformismo paralizante, os editores galegos amosamos onte que hai razóns para a esperanza e para a recuperación do sector do libro.

Onte 903: O libro do polbo

Entre outras novidades de Xerais do mes de marzo, onte chegou ás librarías O polbo e a sua cociña, un interesantísimo libro de cultura gastronómica galega de Matilde Felpeto Lagoa sobre un dos nosos produtos emblema. Haberá quen poida pensar que a publicación do libro está motivada pola absurda polémica xerada hai uns meses no Carballiño. De xeito ningún. Na editorial levabamos traballando sobre o orixinal xa dende a pasada primavera. Publicado na colección LIBROX, a obra é unha viaxe pola xeografía, historia e literatura do polbo, aínda que o seu prato forte sexan as 67 receitas para cociñalo recompiladas pola profesora mugardesa. Marabilla de diversidade dunha cociña galega que vai moito máis alá do polbo á feira. Sei que este libro do polbo é moito.

O Vigo de Cameselle

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro antolóxico do fotógrafo Guillermo Cameselle, que será presentado o mércores 18 de decembro, ás 20:00 horas no Club Faro de Vigo.

Coincidindo co primeiro aniversario do pasamento de Guillermo Cameselle, Xerais acaba de publicar un libro antolóxico do seu traballo como fotoxornalista de “Faro de Vigo”. Fermosamente prologada por Ceferino de Blas, mestre de xornalistas e responsable de Faro nas últimas décadas, a obra recompila en 440 páxinas arredor de 800 fotografías, escolmadas entre máis de 30.000, que conforman unha impresionante e emocionante crónica gráfica de Vigo e da súa área metropolitana dende 1975 a 2005, un período histórico decisivo no que a nosa abella da ribeira, coincidindo coa restauración monárquica e co inicio do período autonómico, sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente a pel do seu tecido urbano.

Fillo de Cameselle, o famoso responsable do mantemento do estadio de Balaídos, Guillermo iniciou a súa profesión como fotógrafo da man de Manuel Novoa e Manuel García Castro “Magar” que con apenas vinte e poucos anos o introduciron como colaborador da axencia EFE e da delegación de TVE en Vigo. A partir de 1974, Cameselle entrou a formar parte do cadro de fotógrafos do decano, no que desenvolvería toda a súa traxectoria profesional e onde se forxou como un dos grandes do fotoxornalismo galego. Profesional de actitude sempre xenerosa, cun pulso vital impregnado dun pesimismo responsable, que ben coñecían os seus compañeiros de redacción, decontado foi adquirindo un estilo característico nas súas fotos identificables por unha composición coidada, atenta á xeometría e ao respecto das regras da dimensión áurea. Máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, obrigada polas urxencias do xornal, Cameselle esforzouse en ofrecer un traballo rotundo, baseado nunha ollada conmovedora sobre a realidade, non exenta do humor e dunha ironía moi sutil que ás veces chegaba aos límites do esperpento. A presenza de detalles case imperceptibles, nos que semellaba só el reparaba (o seu toque xenial), achegaban a cada unha das súas fotos un sorprendente engadido de orixinalidade e elegancia.

Cameselle foi modelo dun fotoxornalista afouto capaz de recoller a aceleración dun instante e de comprometerse cos afáns da cidadanía. Nas súas fotos atopamos o celme do Vigo rebelde e revolcado da reconversión naval dos oitenta, da que foi o seu cronista gráfico máis destacado, e das loitas obreiras e sociais no anfiteatro cívico de Urzaiz. No libro antolóxico aparecen fotos da protesta dos obreiros de Ascón no estadio de Balaídos en abril de 1978, das súas accións contundentes na mesma ponte de Rande ou de cando o 8 de xaneiro de 1985 ocuparon o catamarán e o conduciron a porto seguro. Fotos de forza extraordinaria coma as da reportaxe sobre a loita das mariscadoras da praia do Castelete, polas que recibiu en 1990 o primeiro premio “Galicia y el mar”, ou as da batalla que en decembro de 2002 os mariñeiros da ría libraron en Cíes contra o chapapote do “Prestige”. Fotos estremecedoras dos campamentos xitanos do Vigo dos oitenta, ou das mulleres sen teito, abrigadas nos escaparates de Príncipe. Exemplos de dignidade dun fotógrafo humilde e discretísimo, merecedor en 2005 do Premio Galicia de Xornalismo por este seu inquebrantable compromiso cívico cunha información profundamente humana, afastada de calquera tinte de amarelismo oportunista.

Namorado do mar, a ría de Vigo é a paisaxe protagonista dalgunha das súas fotos máis fermosas, dende aquelas da arquitectura móbil dos transatlánticos aparecendo entre o noso sky line, pasando por outras nas que expresa a potencia das guindastres dos estaleiros e a euforizante maruxía da lonxa do Berbés, até aqueloutras da beleza liviá das embarcacións da vela deportiva e das esforzadas traíñas. Fotógrafo primeiro dunha cidade polideportiva con vocación de sede olímpica, destaca o traballo de seguimento que fixo do incrible eurocelta de entre séculos, con fotos inesquecibles para a memoria celeste. Outro tanto acontece coas súas pezas dos concertos do Vigo da movida ou das festas populares (curros, entroidos, romaxes, procesións, paparotas e outros desfiles) nos que Cameselle deitou a súa ollada máis dionisíaca e divertida.  Mais foi no retrato outro xénero onde tamén Guillermo amosou a súa xenerosidade, tanto cando fotografou aos políticos e aos famosos con piedade e (nalgunhas ocasións) con retranca, coma cando o fixo co agarimo e coa tenrura que para el merecían os anónimos, os picariños e os vellos, os primeiros heroes das súas fotos.

O grande traballo en “Faro de Vigo” de Guillermo Cameselle obrigaba a ofrecer este primeiro libro antolóxico, que cremos contribuirá á construción da memoria do vivido por varias xeracións de vigueses. Mais merece tamén unha gran exposición na Casa das Artes como homenaxe e recoñecemento cidadán a súa proeza.

Onte 601: Primeiro de maio

A gran participación nas manifestacións galegas do Primeiro de maio amosa que a cidadanía comeza a vencer o virus do conformismo. Fronte ao discurso paralizante dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que nega calquera posibilidade de política económica alternativa á que impón Angela Merkel, esta contundente resposta cidadán expresa a vixencia dos ideais republicanos de igualdade, fraternidade e liberdade, que cifran hoxe o programa básico de calquera goberno decente. No obstante, continúa sendo lamentable que, a pesar da gravidade da situación do desemprego e do proceso deflaccionario, as centrais sindicais non convoquen conxuntamente á cidadanía. Unha queixa que escoitei a varias persoas onte na manifestación de Vigo. Mágoa que as executivas dos sindicatos non escoitasen (ou preferisen non facelo) a voz da clase traballadora que reclama a gramática da UNIDADE.


As fotos son de El País Galicia (Lalo Villar 1 e 2, Salvador Sas 3).

Onte 599: Tobaruela e “O códice do Santo Lugar”

A pesar da nortada, que xeaba os corpos, o noso primeiro serán na Feira do Libro de Compostela foi ben interesante. Agustín Fernández Paz asinou libros durante unha hora e media, padecendo as penalidades da friaxe e dunha ubicación moi desafortunada establecida polos organizadores. Pere Tobaruela e Xosé María Lema presentaron diante dun público moi numeroso as súas novelas, nunha sesión continua, que lembraba a dos cinemas dos domingos.

Luz Méndez foi a presentadora d´O códice do Santo Lugar, a novela histórica de Pere Tobaruela sobre o xove Xelmírez. Lembrando a súa querenza por Sarmiento e a importancia de Xelmírez,  Méndez aventurou que “a Sarmiento, lle gustaría este libro, xa que Pere achega verdades dunha época de Santiago, a de finais do século XI, que debemos coñecer mellor”. “A Sarmiento gustaríalle, tamén, a sinxeleza de Tobaruela e o enxalzamento que fai da nosa historia”.

Pola súa banda, Tobaruela chamou a atención sobre o pracer da lectura, “un dos poucos agochos da nosa intimidade e da nosa reflexión. A lectura permite abrir fiestras a nosa propia imaxinación. Un libro é un mundo para cada un de nós”. Comentou que a pesar de publicarse nunha colección dedicada aparentemente a un público xuvenil, a novela se dirixía tamén a un público de persoas adultas. Fixo, despois, un símil entre a actual literatura islandesa e o espírito de Xelmírez: “Na súa época, Xelmírez quixo facer de Santiago o centro do mundo, como os islandeses queren facer da súa cultura un valor de cambio. Queren transcender coma Xelmírez soubo facelo no seu tempo”. Referiuse o carácter histórico do libro “no que atoparedes manobras políticas das que se están utilizando na actualidade, proba de que a historia volve”. Lembrou a concepción da historia de Unamuno “como unha illa, na que emerxía só unha parte. Nós somos o que queda mergullado, o que non se ve. Nesta novela intentei facer presentes as mulleres, desaparecidas e maltratadas pola historia. Eses personaxes, aparentemente secundarios, como unha manceba e unha meiga, conforman unha parte esencial da novela”. “Intentei, ademais, escribir a historia desde dentro, para evitar que fose a que contan os vencedores”. Rematou Tobaruela referíndose ao seu admirado Josep Pla e a ideaa do seu localismo universal: “quero explicar o mundo dende a cultura galega e exportala. Debemos crer no noso”.