Antonio Fraguas, activista galeguista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Antonio Fraguas, á figura homenaxeada este 17 de maio:

Celebramos esta semana das Letras Galegas a proeza discreta de Antonio Fraguas Fraguas na recuperación da memoria da cultura popular galega. Nacido na parroquia de Santiago de Loureiro no concello pontevedrés de Cotobade en 1905, terra de canteiros, dedicou a vida enteira a causa nobre de Galicia, fose como mestre e profesor de instituto, como investigador nos eidos da Xeografía, a Historia, a Historia da Arte e, sobre todo, da Etnografía ou como fundador e primeiro director do Museo do Pobo Galego, unha das trabes da recuperación e da difusión da identidade e da memoria do que fomos, da cultura material e inmaterial daquela Galicia rural e mariñeira hoxe xa practicamente desaparecida.

Fillo de canteiro emigrante, empregado na construción das vías do tren en Niteroi, a fermosa banda do mar do Rio de Janeiro, Antonio aprendeu as primeiras verbas e as primeiras letras dos beizos da súa nai, unha humilde labrega, antes de acudir aos seis anos á escola pública da súa parroquia, onde confesou que pouco aprendera daquel mestre de ferrado casado cunha irmá do seu pai. Por ventura, aos trece anos comezou a asistir a escola que ao pé da carballeira de Famelga abrira un mestre chamado don Antonio, que axiña convencería aos seus pais para que o espelido rapaz empezase o bacharelato no instituto de Pontevedra. Unha decisión que lle mudaría o seu destino xa que foi naqueles anos de estudante na boa vila cando coñecería a profesores como Antón Losada Diéguez e Castelao, que impartía clases de debuxo, persoas coas que compartiu o gromo da causa de Galicia, que serían tamén marcantes na súa vida.

Coa mudanza a Compostela en 1924, onde comezou os estudos de Filosofía e Letras, consolidou o seu activismo galeguista, que iniciara un ano antes en Pontevedra na Sociedade da Lingua, ingresou como membro numerario do Seminario de Estudos Galegos das seccións de Xeografía e Etnografía e Folclore, nas que desenvolvería un traballo inxente como investigador e publicista. Deste tempo son as súas primeiras publicacións en «A Nosa Terra» e na revista «Nós», como o seu clásico «O culto ós mortos» (1931), onde recollía unha conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo. Activismo galeguista que se consolidaría nos anos da segunda República na Estrada, onde se incorporou como catedrático de Xeografía e Historia do instituto e onde a comezos de 1936 se presentou como candidato á alcaldía e acompañou a Castelao no que se cre foi o derradeiro mitin a favor do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, sendo entón Fraguas secretario xeral do Partido Galeguista da localidade da comarca de Tabeirós.

Separado da cátedra e represaliado polo franquismo, como tantos outros docentes republicanos e galeguistas, Antonio regresou a Compostela para fundar naqueles anos de horrro un centro privado na cidade vella, a Academia Menéndez Pelayo, o que non lle impediu continuar coas súas contribucións (agora, por forza, en castelán) na sección de Etnografía e Folclore do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento creado en 1943 polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas do que foi o seu primeiro bibliotecario. Despois de volver gañar a cátedra de instituto (1950), que o levaría durante case unha década a residir en Lugo, o 8 de maio de 1956 ingresou como membro da Real Academia Galega pasando a ocupar a cadeira do seu mestre Castelao. Fíxoo coa lectura dun discurso vibrante e ben fermoso, «As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán», no que lembrou con afouteza o pasamento do guieiro, a quen definiu como «a vida que viviu sempre para Galicia» e defendeu o valor do patrimonio inmaterial enfiando con moito enxeño versos populares da súa terra natal, que case tres décadas despois recolleu nun dos seus libros máis importantes, «Aportacións ó cancioneiro de Cotobade» (1985).

Asentado na súa benquerida Compostela, durante os derradeiros corenta anos da súa vida Antonio Fraguas non cesou no seu activismo galeguista, afastado a mantenta de calquera iniciativa política. O seu labor extraordinario como profesor do Instituto Rosalía de Castro (1959-1975), director do Museo Municipal de Santiago (1963), director do Museo do Pobo Galego (1976-1999), membro do Consello da Cultura Galega (1983), Cronista Xeral de Galicia (1992), a súa actividade como arquiveiro e bibliófilo, a súa paixón divulgadora nos xornais e na radio como a súa andaina polo país enteiro como ameno conferenciante e extraordinario contador de historias fixeron de Fraguas unha das personalidades galegas máis queridas e valoradas do século XX. Este 17 de maio celebramos a proeza deste mestre bo da memoria que traballou sempre por e para Galicia.

A nación resistente e optimista

Acabo de recibir o Tempos Novos nº 263, correspondente ao mes de abril, onde nas páxinas de «Protexta» publico este comentario sobre o ensaio de Camilo Nogueira Unha nación no mundo. A razón resistente (1480), publicado por Xerais.

Camilo Nogueira compartiu durante as catro últimas décadas a súa intensa actividade política coa escritura ensaística. Dende a publicación do libro de conversas con Suso de Toro, Camilo Nogueira e outras voces (Xerais, 1991), abriu o complexo relato da memoria da nación, ao que dende entón fixo valiosas achegas nas que recolleu a cerna do seu ideario político. Obras nas que enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reatopándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro.

Na súa publicación máis recente, Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) (Xerais, 2019), Nogueira completa o relato iniciado en A memoria da nación. O reino de Gallaecia (2001), no que se poñía de manifesto a tradición medieval da nación galega que dende hai case dous mil anos conta con personalidade política-administrativa de seu. Cadora, Nogueira aborda na primeira parte, «Galiza no Absolutismo», o carácter da monarquía española na Idade Moderna e a evolución da sociedade galega baixo as dinastías europeas dos Habsburgo e os Borbón; mentres que na segunda, «A nación política contemporánea», analiza a formación da conciencia nacional e a estruturación do nacionalismo galego como forza política no proceso de configuración do estado español no contexto dos estados europeos despois da Revolución Francesa.

Como fixera na primeira, na nova entrega insiste en que a memoria da nación necesita ser recuperada para o futuro de Galicia, coa intención de evitar caer no esquecemento antes de que este poida ter ocorrido. Unha recuperación que esixe a crítica da ideoloxía españolista que deturpa o pasado común dos pobos peninsulares e lle dá un carácter determinista á existencia do Estado na súa forma actual. Deféndese que Galicia ten dous mil anos de historia e personalidade política, o que supón unha profunda e fundamentada crítica da ideoloxía españolista, baseada na idea de España como unha realidade política unitaria desde o tempo romano e godo. Como se defende que a pesar de ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, mantivo os seus recursos vitais e personalidade diferenciada até 1800, cando era o país máis populoso entre os da península, contando con máis poboación ca Madrid e Cataluña. Para Nogueira foi no tempo contemporáneo cando o Estado español negou a nosa personalidade histórica e cultural, sendo os intentos de reescritura da Historia de España apenas unha falacia histórica na que se interpreta a Idade Media como un proceso que conduce á hexemonía de Castela e á concepción do Estado español como unha unidade procedente do século XV.

Con todo, o máis relevante do ensaio de Nogueira, froito dun traballo documental monumental, é situar o nacionalismo galego como un movemento político a prol da democracia, da liberdade e do desenvolvemento económico e social. Un movemento político a prol do pluralismo social, cultural e lingüístico e das liberdades civís, fronte a un Estado español identificado coa uniformización e a eliminación da diversidade como trabe do seu funcionamento. Deseña así Nogueira, persoa rigorosa e reflexiva, mais tamén teimoso optimista da vontade, o seu modelo de nación resistente e optimista, capaz de asumir o seu autogoberno nun mundo cada vez máis diverso e incerto. Un ensaio referencial no noso pensamento nacionalista.

Castelaos maxistrais

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo as exposicións protagonizadas por Castelao abertas en Santiago de Compostela: «Castelao maxistral» no Centro Gaiás da Cidade da Cultura e «Alba de Gloria. Experiencia» en San Domigos de Bonaval:

Están abertas en Santiago de Compostela dúas extraordinarias exposicións protagonizadas por Castelao, a figura política e cultural que mellor representa a memoria e as esperanzas da Galicia contemporánea. No Museo Centro Gaiás, organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura, pode visitarse «Castelao maxistral», na que se exhibe por vez primeira na Galicia peninsular «A derradeira leición do mestre», o óleo pintado por Castelao en Buenos Aires en 1945, con motivo da celebración do Día dos Mártires (17 de agosto), considerado como o Gernika galego. Mentres que na igrexa de san Domingos de Bonaval, organizada polo Consello da Cultura Galega, pode participarse en «Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia», na que o propio Castelao, reconstruído visualmente con todo detalle, utilizando os recursos da realidade virtual guiará aos usuarios a través do seu derradeiro e histórico discurso pronunciado o 25 de xullo de 1948. Dúas exposicións de gran calidade e concepción moi actual, ademais de gran interese didáctico, que constitúen tamén para os visitantes senllas experiencias emocionantes que nos enfrontan coa memoria republicana de Galicia e coa figura xigante do Castelao artista e do orador político excepcional.

A cerna de «Castelao maxistral», exposición comisariada por Miguel Anxo Seixas Seoane, está na homenaxe que se rende á memoria do centenar de mestres e mestras de Galicia asasinados, dos que xa falara Pablo Neruda nun poema (1937), membros do maxisterio público en exercicio en xullo de 1936, cuxa listaxe foi elaborada polo Grupo Sarmiento de Historia da Educación en Galicia. Mestres que forman parte desas case 15.000 vítimas documentadas da represión en Galicia, das que case setecentas foron mestres e mestras, e das que medio cento foron paseadas sen sentenza xudicial (ese «sangue de mestres o de obreiros nas cunetas» de Luis Pimentel) e case outras corenta executadas sen outro motivo que estar vinculados a organizacións socialistas ou republicanas de esquerda ou simplemente, na maioría dos casos documentados polos historiadores, pola súa actividade docente, por defender no espazo das súas aulas, como facía don Gregorio, o inesquecible mestre da lingua das bolboretas de Manuel Rivas e José Luis Cuerda, as ideas republicanas da igualdade e os valores da ciencia e da razón.

Como emocionante é contemplar en Gaiás o cadro de máis de dous metros, préstamo do Centro Galicia de Buenos Aires, no que Castelao recuperou a sexta lámina do álbum «Galicia mártir», que preparara en Valencia e editara o Ministerio de Propaganda da República en 1937. Unha imaxe concibida para denunciar a ferocidade da represión e a impune vinganza fascista que se viña producindo en Galicia, así como para homenaxear ao mestre asasinado pintando no seu rostro a cara do seu «irmán» Alexandre Bóveda, para Castelao o motor do Partido Galeguista e o artífice do Estatuto de Galicia, fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936. Unha imaxe que se reverberaría en diversas publicacións republicanas, mesmo nuns selos emitidos pola República española e, xunto a outras imaxes dos álbums, «Atila en Galicia» (1937) e «Milicianos» (1938), sería exposta e reeditada durante a guerra civil en Moscova, Nova York, Guangzhou ou Toronto como denuncia do drama que se vivía en España e como defensa da educación e da cultura da paz. Eis o valor extraordinario desta obra universal, probablemente tamén a máis estarrecedora da pintura galega, que nos fai tremer en canto a miramos, e temos o privilexio de contemplar antes do seu regreso a Buenos Aires.

Como tamén é unha experiencia emotiva a que se vive na exposición arredor da «Alba de Gloria», comisariada por Manuel Gago, que presenta de forma moi novidosa, utilizando os recursos da narrativa multimedia, os contidos daquel discurso memorable de Castelao, para moitos a mellor peza oratoria en galego, pronunciada hai agora setenta anos, que sintetiza as aspiracións do galeguismo. Unha experiencia virtual na que se pode compartir a emoción que sentiron os participantes daquela mañán do Teatro Argentino de Buenos Aires e os milleiros de galegos que vibraron escoitando pola radio as palabras do guieiro Castelao: «Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única». A reconstrución milimétrica dun [impactante] Castelao tridimensional, a visión proporcionada polas lentes de realidade virtual, como a viaxe ofrecida pola intrahistoria da propia alocución fan da visita a «Alba de Gloria» unha experiencia que moito paga a pena vivir.

Dous castelaos maxistrais agardan por nós en Compostela até comezos de febreiro. Recoméndoos moi vivamente.

O «sentidiño» de Albor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo o que entendo foi o legado político de Xerardo Fernández Albor:

Tras o pasamento de don Xerardo Fernández Albor, o primeiro presidente da Xunta de Galicia elixido tras a aprobación do Estatuto de Galicia (1981), a maioría das necrolóxicas salientan a bondade, a afabilidade, a empatía e o carácter apolítico do centenario cirurxián compostelán. E non lles faltan razóns aos que así retratan a quen entrou en política profesional «case sen querelo» da man de Manuel Fraga, o fundador de Alianza Popular, mais tamén, non o esquezamos, formando parte da estratexia da Realidade Galega dirixida por Ramón Piñeiro. Nacida en 1980 baixo afinidades persoais e coa intención de orientar a Autonomía cos valores galeguistas, este grupo de opinión non partidista colocou a algúns dos seus membros como independentes nas listas electorais de Alianza Popular (Albor), de UCD (Marino Dónega) e do PSdeG-PSOE (Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde e Benxamín Casal), sendo así deputados na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia. Un exitoso exercicio de transversalismo co que Piñeiro afastaba ao galeguismo conservador do emerxente nacionalismo de esquerda, organizado arredor da UPG e do PSG-EG, unha esgazadura galeguista dende entón nunca recomposta.

Xaora, os apenas cinco anos dos gobernos de Fernández Albor (1982-1987) foron decisivos para pór en marcha o primeiro autogoberno de noso e acuñar as que hoxe son algunhas das iconas da Autonomía. Albor inaugurou en 1984, tras un duro litixio sobre a capitalidade con Francisco Vázquez, as instalacións administrativas da Xunta de Galicia de San Caetano, sede das diversas consellarías, izando alí a bandeira azul e branca, como emblema do goberno galego. Foi, tamén, durante o goberno Albor cando o 28 de xuño de 1984 regresaron (no entorno dunha triste polémica) os restos de Castelao, depositados dende entón no Panteón de Galegos Ilustres. Tamén na primeira lexislatura autonómica foi aprobada por unanimidade a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, garante dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega e do recoñecemento do uso da lingua galega na toponimia e nos diversos ámbitos das administracións, da educación e dos medios de comunicación públicos. Sen esquecer que foi con Albor cando se puxo en marcha a Corporación Radio e Televisión de Galicia, creada pola Lei 9/1984 de 11 xullo, que permitiu o comezo das emisións monolingües da Radio Galega o 24 de febreiro de 1985 e da Televisión de Galicia o 24 de xullo de 1985.

Fitos todos de grande transcendencia política dos gobernos de Albor, que xa pasaron a formar parte da historia de Galicia, ao que tampouco foron alleos a determinación de Xosé Luís Barreiro Rivas, o seu vicepresidente e principal colaborador, tamén o promotor da moción de censura que permitiría que o socialista Fernando González Laxe o relevase en setembro de 1987. Como foi politicamente relevante o proceso de transferencias que no seu período se negociaron de forma paciente co goberno de Felipe González, un político sempre moi pouco empático e escasamente xeneroso con Galicia, en eidos como a Educación, Cultura, Sanidade ou cando se fixeron as primeiras reclamacións de infraestruturas de comunicación de Galicia coa Meseta. Sabemos que ao  «apolítico Albor» non lle sobran zonas de sombra, como a súa tolerancia cos contrabandistas galegos fuxidos da xustiza en Portugal cos que chegou a entrevistarse alí en 1984, como pon de manifesto o xornalista Nacho Carretero no libro «Fariña». Como coñecemos o seu folclorismo naíf do que facía gala en todo tipo de festas gastronómicas e encontros con maiores, polo que foi alcuñado con agarimo polos humoristas como «Merendiñas».

Albor legou á Autonomía institucións e acordos, forxados coa dura e diversa oposición daquel tempo, que tres décadas despois resultan díficiles de asumir para os actuais membros do Partido Popular de Galicia. Moveuno a súa convicción confesada de que «somos galegos por nación, españois por historia e europeos por cultura», frase cuxa autoría se lle atribúe a Piñeiro, expresión do seu carácter de liberal e galeguista. Unha actuación política guiada pola prudencia que el presentou como «sentidiño». Unha actitude, de aparencia apolítica, que permitiu que os seus conselleiros se ocupasen con ampla marxe de iniciativa en crear a arquitectura das primeiras institucións autonómicas. Sentidiño que non faltou na creación dunha Televisión de Galicia monolingüe concibida como ferramenta principal para a consolidación do uso da lingua galega. Como acredito que esa actitude política de escoita activa facilitou forxar o consenso arredor  dunha Lei de Normalización da Lingua Galega cuxa primeira proposta fixera o deputado Camilo Nogueira do PSG-EG. Eis nese sentidiño e apertura reside o mellor legado para o futuro de Albor.

Días de Basilea

O artigo da semana en Faro de Vigo é a crónica da viaxe a Basilea da pasada semana:

Hai pouco fun convidado pola federación de sociedades culturais galegas de Suíza a ditar dúas conferencias sobre a escritora María Victoria Moreno nos centros de Basilea e Zug. Foron dous días intensos, emocionantes e inesquecibles en Basilea, encrucillada histórica de tres estados (Suíza, Francia e Alemaña) e sede da importante industria química e farmacéutica suíza, que contribuíron a coñecer a realidade da comunidade emigrante e o activismo cultural destas sociedades nas que a galeguidade é unha actitude vital, unha forma de instalarse no mundo irrenunciable para os seus membros.

Tras aterrar no «euroaeroporto» de Basilea-Mulhouse-Friburgo, vía Porto, axiña chamou a miña atención o magnífico funcionamento do transporte público, na súa maior parte a cargo de modernos tranvías metropolitanos. Como quedei aínda máis sorprendido cando na recepción do hotel me indicaron que en Basilea todos os visitantes tiñamos dereito a un bono de transporte gratuíto, que tamén permitía acceso libre aos puntos da rede wifi municipal e facilitaba descontos do 50 % nos museos. Medidas acolledoras para os turistas nunha cidade na que os vehículos privados teñen restrinxida a circulación nalgunhas rúas do centro e son moi interesantes os seus museos –como o existente sobre o papel e a imprenta nunha cidade de gran tradición editorial, onde no século XVI se publicaron os libros da doutrina de  Calvino e a anatomía de Vesalius– e os centros de arte contemporánea, como a Fundación Beyeler, onde visitamos a exposición na que dialogaban en cada unha das salas obras de Alberto Giacometti e Francis Bacon, dous dos xenios da arte europea de fin do século XX.

Xaora, o que será dificilmente esquecible destes días de Basilea foi ter a inmensa fortuna de amizar cos nosos anfitrións, os responsables da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea e do Centro Galego A Nosa Terra de Zug. Persoas de xenerosidade desbordada como Ramón Carreira, orixinario de Carballo, tipógrafo cultísimo, xa pensionado, presidente da federación e da sociedade de Basilea, dende hai décadas auténtico motor e cerebro da comunidade galega neste cantón suízo. Como extraordinaria tamén é a profesora Preciosa Martínez, nacida no ourensán concello de Arnoia, presentadora concienciuda da nosa conferencia e cicerone de privilexio polas rúas da vella Basilea seguindo os pasos de Erasmo de Róterdam, cuxos restos repousan na vella catedral, á beira do Rin. Como tampouco podemos esquecer as atencións recibidas na viaxe que fixemos a Zug, cidade de vinte e tres mil habitantes, apenas a media hora en coche de Zürich, tanto por parte do seu vicepresidente Francisco Nogueiras Marra, natural de Xinzo de Limia, como do seu secretario Carlos Rey, veciño da parroquia de Cela de Bueu, con quen visitamos o seu fermoso lago cos cumes dos Alpes ao fondo. Catro persoas marabillosas ás que debemos engadir o case un cento das participantes nas conferencias organizadas en ambas as dúas sociedades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, seguidas cun interese e cunha curiosidade que me deixou emocionado.

Estes días de Basilea agasalláronme coa amizade de todas estas persoas que levan, na súa maior parte, traballando en Suíza case catro décadas, todas comprometidas en manter o fío de ouro da nosa lingua e da nosa identidade nas súas familias. Persoas de diversas procedencias xeográficas e actividades profesionais, porén, unidas polo seu compromiso co país noso, mantendo sempre o lume do facho da súa comunidade de orixe. Sociedades que organizan pola súa conta e risco un programa anual de festas, concertos, conferencias e xantares de irmandade e manteñen grupos folclóricos e agrupacións deportivas. Centros que tamén son espazos de encontro e apoio interxeracional, con presenza activa da mocidade, onde non faltan nunca, aínda que sexa de forma testemuñal, unha biblioteca galega e os nosos mellores produtos culinarios.

Estes días de entusiasmo galeguista en Basilea, onde non escoitamos falar noutras linguas que non foran galego, alemán e francés, axudáronos a entender a importancia da Galicia exterior, esa que só semella existir nos telexornais cando se reconta os seus votos. Unha Galicia tan punxente como descoñecida, cuxas inquedanzas e problemas, como as súas actividades e iniciativas culturais e políticas, non forman parte da axenda pública utilizada na Galicia interior. Unha Galicia da diápora emigrante, como a que coñecemos nas sociedades galegas de Basilea e Zug, que debería contar con outro mellor amparo por parte das administracións públicas, tanto da Xunta de Galicia como do Gobierno de España, na medida que as súas actividades de promoción cultural e de apoio sociocomunitario expresan a vontade de sermos xente, país e lingua.

Onte 1943: No aniversario de Celso Emilio e Elixio Rodríguez

Poucas veces raparamos na coincidencia na data do 4 de xaneiro do nacemento de Elixio Rodríguez e Celso Emilio Ferreiro, o primeiro en Grou en 1910 e o poeta de Celanova en 1912. Dúas figuras daquelas Mocidades do galeguismo republicán das Terras de Celanova e a Baixa Limia, como tamén ao de Xosé Velo (1916) , que tras o seu pasamento conservan a súa vixencia e todo o interese para a súa obra.

Celso Emilio, fonte inesgotable na que continúa bebendo cada xeración, constitúe o modelo de poeta natural, o bardo popular contemporáneo da segunda metade do século vinte, capaz de dialogar co seu tempo, facéndoo con toda a fondura e complexidade, o que lle obrigou a asumir tantos riscos e múltiples dificultades vitais.

Elixio Rodríguez, a quen tiven a fortuna de coñecer hai agora  trinta anos, cando traballei como mestre de Primaria en Bande, deixou nas súas memorias (Matádeo mañán), un testemuño excepcional da súa afouteza nos días difíciles da guerra e do exilio, unha parte da nosa memoria colectiva a rescatar.

Elixio e Celso Emilio compartiron angueiras  e compromisos para facer posible que xermolase un anovado nacionalismo galego dende a esquerda, como tamén contribuíron, un México e outro en Venezuela, á construción cultural da diáspora galega. Lembramos con saudades a Celso e a don Elixio (así o chamabamos sempre) e convidamos a visitar as súas obras.

Onte 1940: «Afouteza» 2017

O feito de que «afouteza» fose escollida como palabra galega do ano polo Portal das Palabras da Real Academia Galega, tamén a máis buscada no seu dicionario en liña, expresa a influencia decisiva da publicidade e do mundo do deporte para achegar connotacións positivas o uso da nosa lingua. Como xa se ten salientado, documentada dende o século XIV, «afouteza» adquiriu prestixio a partir da súa inclusión no himno do Celta de Vigo e, sobre todo, cando o propio club comezou a utilizala como eixo da súa comunicación corporativa, na campaña de abonados e nos partidos de competición europea da pasada primavera.

«Afouteza«, ademais de referise á disposición de actuar sen temor a dificultades e perigos ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa, adquiriu un valor identitario e comunitario xa que xa forma parte desa listaxe escollida de palabras que funcionan coma un resorte afectivo de positividade, expresión de unión e de confianza nas nosas propias posibilidades. Por ventura, «afouteza» pasou de ser un patrimonio do celtismo a ser o tamén de todo a comunidade galega. Procuremos continuar tinguindo desta afouteza inclusiva a nosa fala empregando as posibildades pouco exploradas que nos achega o mundo do deporte e da publicidade.

O legado de Belgrano

Dediquei o artigo do domingo en Luzes á venda do Centro Gallego de Bos Aires:

O caso da venda do Centro Gallego de Bos Aires, situado en Belgrano 2189, explicouno Xosé Manuel Pereiro nunha das súas crónicas hiperbóreas (marabillosas) en CTXT. Abonda con reiterar ao seu relato que coa a posible venda do Centro por corenta e poucos millóns de euros á Fundación Favaloro e ao grupo sanitario español Ribera Salud perigaría o control galego dunha parte esencial do patrimonio da diáspora galega do século XX. Un edificio tesouro onde está instalado o Teatro Castelao, o cuarto 202, onde morreu Daniel, e o panteón social que acubilllou o seu corpo até que foi levado á Galicia territorial. Unha institución sanitaria, hoxe en devalo, mais que atendeu durante décadas a unha parte da comunidade galega, capaz de conservar un arquivo sonoro e audiovisual, a biblioteca Manuel Murguía de máis de vinte mil volumes, boa parte de libro galego, e unha sala de exposicións bautizada co nome de Isaac Díaz Pardo. Un centro que, ademais, constitúe en si mesmo unha das nosas primeiras pinacotecas, onde se expoñen algúns dos cadros insignia da pintura galega do século XX: “A familia do cego” de Castelao, “Nacemento” de Díaz Pardo, “Feira de Ourense” de Colmeiro, “A sesta” de Maside, “Contos de nenos” de Laxeiro, “Emigrantes” de Seoane, entre moitos outros.

Como sinalou Pereiro no seu fermoso artigo gárdase alí “a memoria da pobreza, a dignidade e o exilio” da colectividade galega que foi construíndo durante 110 anos coas súas achegas, tinguidas de orgullo e amor á Terra, unha mutualidade de socorro mutuo para atender a saúde dos seus, ao tempo que forxou un legado para preservar a súa cultura e identidade. Descoñecemos se existe unha alternativa á venda “inevitable” da histórica institución, intervida hoxe polo Estado arxentino, tanto no que atinxe a xestión sanitaria da súa mutualidade médica, o que pon en risco a atención dos varios miles de usuarios, boa parte deles maiores, como na conservación deste patrimonio tan valioso da Galicia emigrante. Como semella que diante de situación tan crítica do Centro de Belgrano non pode continuar calada a Xunta de Galicia que, desde que goberna Alberto Núñez Feijoo, se foi desfacendo dun problema do que algúns membros da colectividade a fan responsable.

Xaora, semella sensato que a conservación en mans da colectividade galega do legado asociativo e cultural de Belgrano 2189 fose unha condición sine qua non para aceptar a venda do histórico edificio e da mutualidade médica. Unha solución que desbotaría de raíz a posibilidade do traslado do legado cultural a Galicia como propuxo esta semana o BNG, cremos que de forma tan entusiasta como pouco meditada. E hai razóns abondas que aconsellan que este legado cultural e histórico da Galicia non territorial, conformado durante décadas polas angueiras da colectividade da diáspora en Arxentina, continúe sendo un corpus único que debe ser alí protexido, conservado e posto en valor, como expresión da identidade, da memoria e do orgullo das diversas xeracións da colectividade galega. Esta é a solución que se lle deu en Bos Aires a importantes legados culturais como o italiano ou alemán, e na que podería afondar o caso galego.

E iso non elude de maneira ningunha a responsabilidade e a implicación da Xunta de Galicia neste tema, xa que non pode deixar de asistir sanitariamente a uns compatriotas nin deixar ao chou o que poida suceder cunha parte do patrimonio cultural galego, a pesar de que non forme parte da Galicia territorial. Nada do que poida acontecer nas comunidades galegas da diáspora, tanto as da emigración como as do exilio, pode resultarlle alleo á Xunta de Galicia, ás propias deputacións provinciais como ao propio Gobierno de España.

O que suceda co legado de Belgrano 2189 marcará nos vindeiros anos a forma de entender os conceptos de emigración, galeguidade e, mesmo, de Galicia como comunidade extraterritorial. Unha cuestión política de primeira orde que entra a forma parte da axenda pública galega.

Onte 1911: Manuel Antonio, icona da modernidade

A presentación de onte na libraría Andel de Vigo constituíu unha fermosa lembranza da figura do poeta Manuel Antonio. Ao fío da aparición da biografía documentada e referencial de Xosé Luís Axeitos, o autor, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Ramón Pena afondaron nunha figura da modernidade cuxa lectura é capaz de actualizarse con cada xeración. Así o salientou Ferrín, despois de confesar o seu orgullo por “formar parte das persoas que levamos a poesía de Manuel Antonio dentro, desa confraría de rebeldes que dicimos Máis ala!

Así o ratificou Pena que salientou que “cada xeración de novos autores galegos reivindica a Manuel Antonio e propón unha nova lectura da súa poesía”, para afirmar, despois, que “existe un club de manuelantonianos, unha masonería de vangardistas ou neoestetas da que Ferrín é membro co comité central”. Xosé Ramón Pena afirmou que no futuro haberá novas lecturas de Manuel Antonio, mais o que interesa é saber a que razóns obedece esta reivindicación e relectura. “Hai motivacións estéticas e sociopolíticas que explican que Manuel Antonio é unha icona da modernidade, daquilo que permanece moderno. Se alguén entendeu La poésie d’ aujourdhui de Jean Epstein, foi Manuel Antonio, que traduciu este ensaio ao galego en 1921. Se alguén estaba no centro onde tiña que estar nese momento foi el. A biografía de Xosé Luís Axeitos explica de forma eficaz e amena porque Manuel  Antonio nos produce esa impronta estética, política e persoal. Foi un rebelde con causa, algo que nos conmove”.

Comezou Axeitos definindo a Manuel Antonio como “o orgullo dun país que está constantemente reivindicando”. Confesou que intentara facer unha biografía documentada: “todo o que se di ten un documento que o respalda, non quixen facer conxecturas, mesmo a pesar da tentación que exerce o personaxe”. “Tratei de sinalar as rebeldías de Manuel Antonio, dende a primeira, cando abandonou nome de Leliño polo de Lelo, negándose a ser crego, como pretendía a súa nai. Como na segunda, cando pasou de Lelo a Manolo, cando foi estudante, e máis tarde cando adoptou o nome de Manuel Antonio, que o identifica como poeta, convertíndose nesa estrela que nos chama, a gran estrela da nosa poesía do primeiro terzo do século XX”. “O meu libro é unha contribución ao club de Manuel Antonio do que falan Ferrín e Pena”.

Manuel Antonio en Vigo

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a figura do poeta Manuel Antonio e súa relación coa cidade de Vigo:

Manuel Antonio viviu en Vigo durante os seus anos como alumno da Escola de Náutica. Tras rematar o bacharelato no Instituto General y Técnico de Santiago, no mes de setembro de 1920 trasladouse a Vigo para examinarse de tres materias dos estudos de piloto da Mariña Mercante, mais non sería até abril de 1921 cando se instalaría nunha fonda do Paseo de Afonso 15 e cursaría a solicitude de matrícula na Escola de Náutica de Vigo na ensinanza non oficial. Non hai dúbida, que dende entón Manuel Antonio ruaría pola medula do Vigo novo, a que vai do paseo da nosa oliveira, onde se goza de toda paisaxe sobre as Cíes (“o vento da Ría, vai virando a folla de cada emoción”, deixou escrito en “Adeus”), até o comezo da rúa García Barbón, onde se construíu a Escola de Artes Oficios, o emblemático edificio deseñado por Pacewicz (1900), no que en 1915 se creou esta escola de formación de mariños, no marco das disciplinas industriais.

Anos de entusiasmo que deixaron profunda pegada na obra do poeta piloto de xeito que “Manuel Antonio é Vigo” até tal condición que, como sinalou X.L. Méndez Ferrín hai ben pouco nestas páxinas de Faro de Vigo, “non habería Manuel Antonio se en Galicia non houbese Vigo”. Pegada que Ferrín identifica en “De catro a catro” (Nós, 1928) polo feito incuestionable de que Vigo é o único topónimo citado no libro: “Vigo está tan lonxe / que se desorientaron as cartas mariñas”, dous versos do poema “Lecer”, no que recolle a experiencia dunha encalmada no pailobote “Constantino Candeira”, onde a partir de febreiro de 1926 fixo os seus cento tres días primeiros de navegación. Pegada que Ferrín atopa tamén no noveno poema de libro tan decisivo para a poesía galega, “Navy Bar”, unha clara referencia ao vigués Bar Comercio (daquela “Commerce Bar”), situado entre a rúa Castelar e as Avenidas (hoxe “Cervecería El Puerto”) que Manuel Antonio debía frecuentar. Bar vigués (“encrucillada de estrelas apagadas”) onde probablemente escribiu os famosos versos (“E tatexan as pipas / co ademán políglota das bandeiras”) incitado polo vidro do escaparate da consignataria de Bonifacio Logares onde se podían ler os nomes e as bandeiras de diversas compañías de navegación que operaban no porto.

Cosmopolitismo, representado por estas iconas náuticas, que para o profesor Xosé Ramón Pena, outro dos mellores coñecedores da obra do poeta da vangarda galega, achega a Manuel Antonio co espírito do blues de preguerra. Como salienta o académico Xosé Luís Axeitos, primeiro estudoso da obra e da vida do poeta, autor da biografía documental e referencial “Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía” (Xerais, 2017), Manuel Antonio non perdeu o tempo durante a súa estadía en Vigo para despregar un intenso labor político como membro da Mocedade Galeguista de Vigo, e como tal participando na III Asemblea Nacionalista celebrada en Vigo no mes de abril de 1921, así como na creación en 1923 da Irmandade Nacionalista Galega de Vigo. De inequívoca fe política nacionalista, o rianxeiro incorporouse á tertulia do Café Derby promovida polos círculos periodísticos galeguistas de Vigo, na que participaban, entre outros, Valentín Paz Andrade, Roberto Blanco Torres, Manuel Lustres Rivas, Rafael Dieste, Carlos Maside, Francisco L. Bernárdez, Felipe Fernández Armesto, que lle facilitarían a posibilidade de publicar varios poemas e artigos no xornal vigués “Galicia”.

Compromiso político expresado pola súa participación nos diversos capítulos do chamado “conflito pola bandeira”, no que os militantes galeguistas vigueses reclamaban ao concello de Vigo, como xa sucedía na Coruña, que o Día da Patria Galega ondease no seu balcón a bandeira galega. Conflito que levaría en 1921 a Manuel Antonio e Xavier Soto a asinar unha folla voandeira titulada “Terra ceibe!”, non dubidando así en singularizarse na defensa da bandeira.

Para Manuel Antonio, Vigo foi tamén o porto por excelencia de todas as súas travesías como piloto, primeiro no “Constatino Candeira”, o pailebote de Camposancos (con folio vigués) de tres paus e nove tripulantes (“A noiva goleta / enloitada de branco”) que transportaba madeira a portos do Mediterráneo, do que era capitán Augusto, o irmán do xornalista Manuel Lustres Rivas. O porto de Vigo tamén foi o de recalada do vapor holandés “Gelria”, onde en 1928 realizou como alumno en prácticas tres viaxes transatlánticas, que lle permitiron coñecer Bos Aires e Río de Janeiro. Como en Vigo estaba inscrito o “Arosa”, o buque da Pesquera Vasco Gallega con base no porto de Cádiz onde no verán de 1929, xa doente de morte, faría durante cento catorce días oito mareas nos caladoiros do norte de África.

O poeta Manuel Antonio deixou en Vigo un ronsel aínda non recoñecido Canto haberá que agardar para que o seu nome forme parte do rueiro do porto vigués?