Parladoiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar a publicación de Parladoiro, o libro que escolma a obra xornalística de Ramón Otero Pedrayo.

parladoiroDentro da obra oceánica de Ramón Otero Pedrayo, o patriarca por excelencia das letras galegas do século XX e creador da prosa culta no noso idioma, non se ten salientado como merece a súa monumental achega ao xornalismo como primeiro columnista que publicou decote en galego. Un corpus de máis dun milleiro de artigos literarios, que Otero comezou a publicar en “La Centuria” (1917) e a partir de 1921 de forma regular na revista “Nós”, onde publicou o seu primeiro texto en galego, “Irlanda política no século XIX”.

Unha actividade de publicismo galeguista incesante que desenvolveu até o seu pasamento en 1976 en moi diversas publicacións como “La Zarpa”, “A Nosa Terra”, “Céltiga”, “Vida Gallega”, “Logos”, “Grial”, “Vieiros”, “Finisterre”, “Sonata Gallega”, “Posío”, “Mundo Gallego”, “Galicia emigrante”, “Tapal”, “Gelmírez”, as emisións galegas de BBC e nos xornais “Galicia”, “Faro de Vigo”, “Pueblo Gallego”, “La Voz de Galicia” e, sobre todo, nos composteláns “El Correo Gallego” e “La Noche”, onde dende 1947 a 1949 desenvolveu a serie titulada baixo o rubro de “Parladoiro”.

Obra xornalística escolmada e organizada por vez primeira en 1973 polo catedrático de Filosofía Carlos Baliñas nun volume titulado, tamén, “Parladoiro”, revisado polo autor e concibido entón pola editorial Galaxia como a primeira entrega das súas “Obras selectas”. Libro inatopable durante moitos anos que, catro décadas despois, acaba de ser reeditado pola fundación e editorial oterianas dentro da biblioteca dedicada ao autor de Trasalba. A edición deste “Parladoiro” contribúe ao proxecto de posta en valor do xornalismo oteriano, angueira iniciada coa edición de “Teoría de Galicia. Obra xornalística completa en ‘Vida Gallega’ 1926-1963” (Alvarellos, 2007), modélico volume de catrocentas páxinas preparado polo inesquecible Marcos Valcárcel, quen no limiar analiza tamén a decisiva contribución de Otero Pedrayo ao noso xornalismo literario.

Unha obra xornalística variadísima, tanto pola temática como pola diversidade dos medios nos que foi publicada, inzada de metáforas e referencias culturais de inequívoco carácter clásico e europeísta, na que hoxe identificamos as pegadas dunha auténtica “pantasma do século XIX” (como ao propio don Ramón lle gustaba definirse). Un vínculo co pasado, onde aparece (en palabras de Freixanes) “a memoria de todas cousas”, anticipando fórmulas utilizadas máis tarde polo máis moderno e incisivo xornalismo de opinión con poética propia e inequívoca vontade de estilo. Artigos nacidos de lembranzas autobiográficas, de variacións do ciclo anual, de novidades bibliográficas ou apenas de comentarios impresionistas, inevitablemente circunstanciais e, nalgúns casos, efémeros, referidos ao que Baliñas define como “actualidade interior”.

Artigos oterianos que van construíndo devagariño unha interpretación global de Galicia, “concibida como unha unidade indestrutible a través do espazo e do tempo” (unha nación), conformando así o que Ricardo Carballo Calero identificou como “unha auténtica teoría sobre Galicia”. Artigos nos que Pedrayo se demora na descrición continuada da xeografía de Galicia e da personalidade da súa paisaxe (“unha guía literaria de Galicia por anacos”), ou relatos nos que recrea personaxes, situacións ou evocacións de ambientes, moi próximos ao estilo envolvente da súa narrativa.

A oportuna reedición deste “Parladoiro” permite volver sobre os textos de Otero cunha ollada desprexuiciada, desfacendo os tópicos de escritor díficil. Artigos de intervención, propios dun intelectual que, como sinalou Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, “entrega toda a súa forza de pensador e todo o seu talento creativo ao servizo da emerxencia simbólica e identitaria da súa propia nación”. Artigos que constitúen unha fotografía en palabras, apenas retratos dun instante, máis que non perderon unha miga de actualidade, como “A Galiza do pan e a Galiza do viño” (“Nós”, 1922), “O Fontán en Buenos Aires” (“La Noche”, 1947) ou “Da decadencia da conversación” (“La Noche”, 1949), onde en tempos difíciles de silencio Otero reclama o valor xeneroso e libre dos cafés e das súas tertulias.

Un espírito oteriano presente en Vigo, dende hai máis dunha década, na tertulia bautizada tamén como o “Parladoiro”, que formamos vinte persoas, homes e mulleres de moi diversas profesións, procedencias xeográficas, sensibilidades políticas e posicións ideolóxicas, unidas todas pola vontade de expresar a palabra e de compartir a escoita atenta e respectuosa, como a nosa achega á construción dunha cidade e dun país que queremos de todos. O parladoiro é o lugar onde se dá leria, onde se comparte coñecemento, emoción e opinión. Longa vida para o Parladoiro e o espírito de Otero!

Onte 1721: Agardando pola unión

25-07-2016O nacionalismo galego chega esfareladiño a este 25 de xullo. Tras o entusiasmo pola unión do pasado ano (un espellismo voluntarista) cadaquén programa hoxe a súa xornada preelectoral: o BNG ensumidiño consume a enerxía e os azos da súa militancia baixo a dirección do seu partido guía; a Anova agarda a decisión de Xosé Manuel Beiras para saber se arre ou xo; mentres as Mareas dos tres alcaldes coaligados con Podemos e Esquerda Unida agardan ao vindeiro domingo para dar a coñecer ao seu Merlo Branco que, como no conto de Agustín Fernández Paz, traia a felicidade a toda a especie do nacionalismo e da esquerda galega. Triste panorama para un país en devalo, empobrecido no económico e no demográfico, incapaz de expresar politicamente a súa vontade de afirmación (como lle gustaba dicir a Castelao).

Xaora, a desunión e o seitarismo cainita é unha doenza crónica do nacionalismo contemporáneo que os membros da Xeración Erga vimos practicando e sufrindo dende hai corenta anos. Nada, pois, que poida sorprendernos máis do que nos leva doído. Porén, confío na capacidade anovadora dunha nova xeración capaz de conformar ese inexistente partido galeguista pola unión. Non perdo a esperanza que se poida ir tecendo nos vindeiros anos. Con esa ilusión, bo día da patria galega!

Con Camilo en Trasalba

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á gabanza de Camilo Nogueira, con motivo da entrega do Premio Trasalba 2016.

camilo-nogueira-1Coincidindo coa xornada electoral do 26 de xuño, viaxamos a Chans de Amoeiro para acompañar ao noso admirado Camilo Nogueira na recepción do Premio Trasalba 2016 outorgado pola Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, que dende 1983 recoñece anualmente a traxectoria dunha personalidade galeguista, a entidade que preside Víctor Freixanes valora no fillo de Lavadores “toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da Xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo”. Coincidindo no ano do seu oitenta aniversario, con este Trasalba recoñécese o compromiso dunha desas persoas boas e xenerosas na que varias xeracións de galeguistas identificamos de forma modélica os valores republicanos e o compromiso co proxecto de construción da nación.

Nacido no lugar dos Romanciños, no barrio de Riomao do concello de Lavadores, Camilo foi educado no berce dunha familia de tradición republicana. A súa nai, modista, e o seu pai, o escultor galeguista Nogueira, inculcáronlle un grande afán de superación. Das aulas da Academia Victoria de Príncipe pasou ás do Instituto Santa Irene, obtendo sempre as mellores cualificacións, o que non impediu que Lucho desenvolvese unha carreira deportiva no Estudiantes de baloncesto. Tras rematar os estudos en Madrid, en 1964 entrou a traballar en Citröen como enxeñeiro industrial, sendo despedido da factoría de Balaídos tras a folga do 72, na que foi detido e torturado. Daquela, como presidente da Asociación Cultural de Vigo promoveu, entre outras moitas iniciativas, as primeiras campañas de galeguización coa distribución dos famosos autocolantes para os automóbiles de “Falemos galego” e fundou con outros compañeiros da factoría a organización “Galicia Socialista, unha das orixes do actual sindicalismo nacionalista.

Tras este período vigués, Camilo Nogueira e a súa compañeira Paz López Facal trasladáronse a vivir a Santiago, onde traballará dende 1973 na empresa pública SODIGA. Coincidindo co proceso de Reforma Política, participou na creación da ANPG, na redacción das bases constitucionais do Consello das Forzas Políticas e formou parte do chamada “Comisión dos 16”, creada coa intención de redactar o primeiro borrador dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Coincidindo co inicio da Autonomía, Nogueira encabezou os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (POG, EG e PSG-EG), sendo elixido deputado do Parlamento Galego (entre 1981-1993 por Esquerda Galega e entre 1997-1999 polo BNG), concelleiro do concello de Vigo (1987-1991) e deputado do Parlamento Europeo representando ao BNG no Grupo dos Verdes / Alianza Libre Europea (1999-2004).

Ademais de participar dende o inicio no inconcluso proceso de reconstrución organizativa do nacionalismo galego, a achega política esencial de Nogueira foi a de liderar a modernización do proxecto nacional galego, desenvolvendo un programa ambicioso, tanto global como sectorial, que conducise a que Galicia fose auténtica nación política; aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas; promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía, con atención preferente á industria, á enerxía e os sectores gandeiro e pesqueiro; recoñecendo a lingua galega como nacional e universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas; pensando, xaora, o mundo dende Galicia en constante diálogo coas circunstancias do noso tempo.

Camilo Nogueira ofreceu unha proposta de nacionalismo galego desmitificadora, como un punto de encontro que nos leva a integrarnos e a facer nosos os problemas de toda a humanidade. O nacionalismo non é unha ideoloxía, senón unha proposta de liberdade, progreso e independencia que procura o autogoberno para Galicia e o benestar e a igualdade para a súa cidadanía. Como sinalou o seu amigo Suso de Toro, “no nacionalismo de Camilo acrisólase a practicidade intuitiva e o sentido táctico de Bóveda, aberta ao seu tempo e ao conxunto da sociedade, coa paixón nacional de Castelao, pacífica e entusiasta até o lirismo”. Así o sentimos, cada vez que tivemos a fortuna de traballar ao seu carón, práctico e apaixonado, lírico e épico a un tempo, teimudo e paciente. Xaora, Camilo Nogueira foi pioneiro da nova política, capaz de compaxinar durante anos o seu traballo profesional coas responsabilidades parlamentarias e políticas. Persoa reflexiva e xenerosa, encarnou coa vontade de ferro do corredor de maratón, que dosifica o seu esforzo para chegar á meta, o modelo de optimismo da vontade que admiramos desque o coñecimos hai catro décadas. Seguimos, curro!

Onte 1711: 80 anos do Estatuto

Que o 80 aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936 pasase onte case desapercibido amosa a anemia política que sofre o noso país.O do 28 de xuño foi un fito histórico que supuxo o recoñecemento de Galicia como entidade política,ao tempo que a primeira vez na que o pobo galego decidiu sobre o seu futuro. Unha data, pois, que non é unha efeméride calquera xa que nela se recoñeceu a oficialidade da lingua galega e a Galicia como nacionalidade, froito dun amplo consenso capaz de conformar unha posición orixinal de Galicia como suxeito político. Unha proeza colectiva que obriga hoxe a institucións, partidos e colectivos sociais e cidadáns polo que ten de referente para Galicia como nacionalidade histórica, á altura de Catalunya e Euskadi. Xaora, a inauguración da exposición “Meu Pontevedra” no Museo de Pontevedra, abrindo este novo ano Castelao, supuxo unha nota de autoestima e fachenda neste panorama conformista. Como tamén foi un acerto que a FUNCEF anunciase nesta data a convocatoria do Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa única de promoción da creación musical galega.

Onte 1704: Ferrín e a paisaxe

Na anotación de onte non tivemos tempopara recoller a referencia que merece a intervención de X.L. Méndez Ferrín na presentación do Atlas arqueolóxico da paisaxe galega. Apenas vinte minutos maxistrais nos que o autor de Estirpe debullou o papel da paisaxe na cultura galega. Comezou sinalando que «este libro é coral moi afinado, orfeóinico, fálase de moitas cousas a diversas voces». Confesou, despois, que «a paisaxe é algo co que convivimos toda a miña xeración, grazas a que recibimos clase de Otero Pedrayo». «Case ningún dos poetas e filósofos da miña época deixaron de reflexionar sobre a paisaxe, parte constituínte e imprescindible do nacionalismo galego». «Paisaxe é unha palabra francesa de orixe latina, pagus, aldea, lugar onde viven e traballan os seres humanos. Paisaxe, pois, non é sinónimo de espazo natural. A paisaxe está máis preto de nós do que pensamos. A paisaxe está relacionada coa pintura, poesía e literatura. É un lugar onde acontece un feito, mais co Romanticismo convértese en algo en si mesmo. Hai un suxeito que contempla e interpreta o mundo que está fóra, intervindo sobre el, escribindo, pìntando, compoñendo música.»

«Dende o século XVIII, a natureza, así, está intervida polo artista. Mais na paisaxe romántica hai moitas ruínas, fonte de melancolía romántica, como tamén de megalitos e túmulos, que teñen que ver tamén co espírito romántico». Ferrín referiuse despois a teoría da paisaxe de Otero Pedrayo, «estremadamente semellante a que se desenvolve neste Atlas arqueolóxico da paisaxe galega. Para Pedrayo a paisaxe é o corazón dunha xeografía toda profanada polo home. A paisaxe é para el a natureza intervida, posta en valor polo ser humano. A paisaxe feita coa súas mans e coa súa suor polos paisanos. A dialéctica coa natureza é un dos aspectos esenciais da construción do home.»

Continuou Ferrín sinalando que «entender a paisaxe como a entenden os autores deste atlas é a forma de entender o noso entorno de xeito que lectura do noso pasado nos prepare para o que pode ser o noso futuro. Esta é a arqueoloxía do noso tempo. Estes autores están na vangarda deixando atrás outras formas de facer arqueoloxía e facer paisaxe.» «O que nos ofrece este libro é unha fonte de reflexión, unha incitación a comprender o noso entorno. O gran complexo agrario está presente na paisaxe que é unha magnífica escola de intervención.» Rematou Ferrín referíndose ao título de “atlas”, que moi ben lle acae a unha «obra que ofrece un novo mapa cognitivo, xa que nesta obra hai un elemento teórico profundo, mais tamén un elemento plástico que nos axuda a comprender enigmas comos os dos petroglifos ou o do hórreo e as súas múltiples variantes.»

Onte 1684: Repensar a identidade galega

Como sucedera en Santiago e na Coruña resultou moi interesante a presentación que no serán de onte fixemos no Círculo das Artes de Lugo de Historia das historias de Galicia, o libro colectivo desmitificador da historiografía galega coordinado por Isidro Dubert. Un acto no que acompañaron o editor dous dos coautores, Manuel Gago e Javier Fernández.

XG00247101Comezou o editor da obra, lamentando que a divulgación histórica feita dende a universidade galega non conseguira desmontar os mitos e prexuízos existentes sobre a Historia de Galicia. “Botábase en falta un libro concibido a inglesa, feito por especialistas en divulgación histórica, que estivese ben escrito, sen necesidade de notas a rodapé e grande aparello crítico, presentado de forma atractiva para o lector. Historia das historias de Galicia pretendeu ser ese libro desmitificador dos mitos e historias como os dunha Galicia castrada e domada, que viviu trescentos anos de séculos escuros, arrastrando esa enorme condena do seu atraso”. Dubert insistiu en que era necesario desmontar criticamente esa visión do noso pasado “que fosiliza o presente e condiciona o noso futuro. O pasado como unha losa que constrinxe o noso futuro”. Dubert sinalou que esa imaxe que temos de nós mesmos foi construída ao longo da historia por uns sectores moi determinados e de forma moi consciente.

“O libro pretende dar conta dos mitos existentes arredor do celtismo e que se agocha detrás diso. Outro tanto cos temas dos Séculos Escuros e desoutro incomprensible do atraso, cando somos un país rico que conta cun gran capital humano.” “Interesounos coñecer como se xestaron estes construtos e procuramos ler criticamente todos estes mitos.” Rematou Isidro resumindo que todos os autores e autoras do libro, dende posicións diversas, asumiron como obxectivos comúns utilizar a perspectiva histórica e asumir a perspectiva inglesa da divulgación histórica”.

Javier Fernández sinalou que tres eran os grandes valores do libro. Primeiro: “Esta é unha obra que enaltece o oficio de historiador. neste libro non se repiten mitos, analízanse historicamente”. Segundo: “Este é un libro que fai país, que permite saber quen somos, que é Galicia”. “Así cando se nos pregunta aos historiadores se somos celtas ou romanos, non podemos contestar outra cousa que somos simplemente galegos. O mesmo sucede cando se nos pregunta se somos atrasados ou modernos, somos modernos á galega”. “Neste libro, por exemplo, Manuel Gago propón substituír o mito celtista polo atlantismo, como novo mito e nova identidade cara o futuro. Un exemplo de que a identidade necesita ser repensada, ao que moito axuda este libro.” E terceiro: “Este é un libro historiograficamente moi importante. Un libro feito por profesores universitarios e investigadores que ofrecen a crítica, a revisión e a posibilidade de repensar a historia que antes se fixara. É unha mensaxe desmitificadora e seria, unha obra importantísma”.

Rematou a quenda de intervencións coa de Manuel Gago para quen “o libro sitúa á historia no debate cultural, leva a historia de Galicia máis alá das aulas e do debate académico, xa que desacraliza os mitos”. “O feito de que na exposición Galicia 100, na que escollemos cen obxectos para contar a historia de Galicia a peza máis fotografada sexa a bata de GOA de Amancio Ortega, que se conseguiu nunha mercería de Porto do Son, quizais amose que en Galicia se valoran os modelos de éxito”.

 

Onte 1644: «A morte de Valle-Inclán»

pancho_valle_inclan_carlos_reigosa_15-04-2016

XG00246401-198x3001111Presentamos onte en Compostela A morte de Valle-Inclán, o libro de Javier Valle Inclán e Carlos G. Reigosa que publicamos no pasado mes de xaneiro lembrando o oitenta aniversario do pasamento do autor de Divinas palabras. Ambos os dous autores insistiron na proximidade de Valle co galeguismo e na importancia deses oito derradeiros meses de vida que pasou en Galicia. Reigosa definiu a Valle como «o escritor galego máis universal, un dos sete dramaturgos máis representados na actualidade en todo o mundo». Citou a Dieste e a Castelao para reivindicar o «caracter galego da lingua de Valle»: «Valle-Inclán universalizou o galego rexional ao escribir en castelán o pensado en galego. A lingua de Valle-Inclán leva o cuño e o carácter doce e duro, á vez, do espírito galego». Lembrou Reigosa a participación dos galeguistas o día do enterro en Compostela, mentres que Javier Valle-Inclán lamentou «a desidia da Xunta de Galicia na celebración deste ano Valle do que nada se sabe» e dos  intentos do PP de fixar «un Valle carlistón e conservador».

Onte 1634: Camilo, Premio Trasalba

Camilo NogueiraAcerta de cheo a Fundación Otero Pedrayo outorgando a Camilo Nogueira o Premio Trasalba 2016. Recoñécese así a extraordinaria traxectoria de Camilo nos eidos político, profesional e cultural onde serviu con xenerosidade desbordada a causa de Galicia. Modelo de teimoso optimista da vontade, Camilo contribuíu a modernización do nacionalismo galego contemporáneo e o seu arraizamento no pensamento socialista radical e europeísta, “na mellor tradición da Xeración Nós”. Ensaísta concienzudo e lúcido, analista agudo, historiador erudito, lingüista vocacional, conferenciante didáctico, lector curioso, vigués cosmopolita, Camilo Nogueira acuñou no nacionalismo galego o modelo de pensamento inclusivo, imprescindible para enxergar e compartir os territorios da esperanza. Cando cumpre os 80 anos, este premio recoñece o seu labor de xigante e pioneiro. O 26 de xuño estaremos con el en Trasalaba celebrando a Galicia da esperanza.

Onte 1586: Asociación positiva co galego

imagenOs vinte anos que celebra esta fin de semana a CTNL merecen todos os parabéns. Dúas décadas de moi proveitoso traballo dun colectivo de profesionais a prol da lingua galega compartindo sintagmas de entusiasmo e simpatía. Como ben salientou onte Nel Vidal, que despois de nove anos de traballo arreo abandona a presidencia do colectivo, a estratexia de todas as súas campañas (Gústame o galego, Como cho digo, Agasallo.eu…) foi pular pola asociación do galego coa «positividade, a modernidade e o orgullo«, convencidos que así se poderían desmontar prexuízos e mellorar a percepción que a cidadanía galega ten do seu propio idioma. Os membros da CTNL pertencen por méritos de seu á Galicia inconformista e esperanzosa. Expresamos a nosa gratitude e admiración. Beizón.

Máis rúas para Cunqueiro

No artigo que me solicitou Faro de Vigo reclamo máis rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro:

calle_alvaro_cunqueiroO escritor Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, lembraba onte que o 11 de febreiro cumpríronse 83 anos do gran mitin celebrado no Salón Teatro do Casino de Mondoñedo a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia. Un acto presentado por Álvaro Cunqueiro, daquela un rapaz de vinte e un anos, no que como oradores falaron figuras como Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Suárez Picallo e Castelao. Unha mostra primixenia do compromiso co Partido Galeguista (do que foi militante) dun Cunqueiro que acababa de publicar na editorial Nós de Ánxel Casal o seu primeiro libro de poemas “Mar ao Norde” (1932). Vínculo galeguista que mantería en 1936 apoiando o Si no referendum do Estatuto de Galicia celebrado o 28 de xuño.

Mais é innegable na biografía política de Cunqueiro que despois da sublevación militar, colaborou en “Era Azul”, o xornal falanxista da súa vila natal. Como tamén está acreditado que en 1937, tras a súa afiliación a Falanxe, colaborou nas páxinas “El Pueblo Gallego”, onde publicou algúns artigos como “De la necesidad del Caudillo” ou poemas como “Elegía verdadera a los muertos de la revolución”, escritos ao servizo da causa franquista. Como está acreditada a súa colaboración con medios da Ditadura nos seus días madrileños até o seu regreso a Mondoñedo en 1947, onde comezou o que podemos chamar un certo exilio interior.

Se Cunqueiro ten unha rúa en Madrid, no distrito Fuencarral-El Pardo, ao norte da capital, non foi pola súa traxectoria política nin como comprometido galeguista dos días da Segunda República nin como colaboracionista do réxime franquista que, como sinalou Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG, “na súa condición íntima, nunca se identificou coa violencia fascista”. Cunqueiro é lembrado no rueiro de Madrid, como no de varias ducias de concellos galegos, pola súa condición de escritor universal, fabulador visceral, narrador xenial que levaba a escritura no seu ADN, autor dunha obra literaria orixinal, a maior parte escrita en lingua galega. Nin máis nin menos.

Álvaro Cunqueiro nada ten que ver con figuras fascistas como Millán Astray ou nin sequera co bispo Eijo Garay. Resultaría inxusto, aberrante, absolutamente fóra de lugar que o concello de Madrid incluíse o seu nome na lista dos que pretende retirar do rueiro, en cumprimento do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica. Lonxe desta interesada polémica, que se reproduce ao fío da actual crise política, a reivindicación da figura de Álvaro Cunqueiro, unha das iconas da Galicia do século XX, debería ser unha causa compartida por todos. Agardo que poida contar con moitas máis rúas co seu nome. Don Álvaro meréceas.