Castelao 75

O calendario institucional galego de 2025 estará centrado na homenaxe da RAG ás cantareiras o 17 de maio  e na celebración do septuaxésimo quinto cabodano do Castelao, finado o 7 de xaneiro de 1950, ambas as dúas efemérides avaladas pola Xunta de Galicia. Como sucedera xa en 2000, con motivo do cincuentenario, en pleno apoxeo galeguista do fraguismo e dos seus enredos teatrais de puchas e birretes, o goberno de Alfonso Rueda acordou que 2025 será por segunda vez «Ano Castelao», afirmando na súa declaración institucional o carácter de rianxeiro como unha figura neutra, «capaz de convocar sempre e unir a todos», razón pola que o pobo galego lle outorgou «a máxima estima e o teña escollido como un dos seus símbolos». Un discurso que imita empático, mais de inequívoca apropiación indebida, acuñado de forma orixinal pola estratexia dos membros de Realidade Galega (1980) que, desde o goberno daquel Xerardo Fernández Albor e do seu «sentidiño», e coa intención de avalar a Autonomía, retrataron a un Castelao sen apenas arestas políticas, como un xenio de humor gráfico, pintor, narrador, autor dramático e, en todo caso, irmán e guieiro do galeguismo en Bos Aires. Retrato que hoxe non se mantén, moito menos despois da publicación da monumental biografía, definitiva tamén, de Miguel Anxo Seixas, Castelao. Construtor da nación (Galaxia 2019, 2020 e 2021), como do ensaio breve de X.L. Méndez Ferrín, Castelao é noso (Alvarellos 2024), que salientan en ambos os dous casos, a dimensión política antifascista do autor de Sempre en Galiza (1944), defensor do dereito de Galicia como nación á autodeterminación e a súa integración nunha República federal, preferentemente ibérica, da que Portugal formaría parte. Benvido este segundo ano Castelao, que agardemos contribúa a un coñecemento popular de grande angular de Castelao como figura poliédrica (literaria, artística, xornalística e política), referente inequívoco para o nacionalismo galego, mais tamén para os demócratas e antifeixistas do século XXI.

Publicado en Nós diario: 08/01/25

Aniversarios 2025

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos aniversarios vigueses de 2025, dende o centenario da aceptación da doazón do parque de Castrelos ao vixésimo quinto aniversario da Intertoto:

Dende hai vinte e cinco anos reclamo aquí o respecto que merecen a memoria e historia viguesas. Con esa intención o pasado xaneiro alertei, con escasa acollida, sobre os importantes aniversarios dos tres xardíns históricos vigueses, iconas da cidade contemporánea: Alameda, Castro e, especialmente, o de Castrelos, cando se facían cen anos desde que o marqués de Alcedo, asinase en París, o 12 de decembro de 1924, o documento de doazón á cidade da chamada popularmente «finca da marquesa».

Aniversario do parque de Castrelos ao que por ventura Mercedes Bangueses, secretaria-conservadora do Instituto de Estudios Vigueses, dedica un amplo artigo no número 29 de Glaucopis Boletín do IEV. Texto que explica as circunstancias e condicións da doazón e posterior usufruto, como o proceso de creación do museo, iniciado o 12 de marzo de 1925, cando o concello de Vigo encabezado polo alcalde Adolfo Gregorio Espiño, as aceptou e procedeu ao nomeamento de fillo adoptivo a Fernando Quiñones de León, que permitiría unha década despois a apertura do Museo de Vigo, prevista para o 26 de xullo de 1936, truncada polo estoupido da guerra, mais que por fin se realizaría o 22 de xullo de 1937. Traballo referencial de Bangueses que describe a colección actual do Museo de Castrelos, en reestruturación ao abeiro do novo plan de museos municipais, como da escultura pública distribuída polos xardíns e o parque. Aniversario para o que o concello anuncia unha exposición, «O Pazo  de Castrelos no Centenario da súa doazón 1925-2025», ademais doutra mostra protagoniza por Irene Ceballos, a viúva de Policarpo Sanz, doante de parte dos fondos iniciais do museo.

Ademais deste centenario de Castrelos, non se deberían esquecer outros aniversarios vigueses. Entre eles identificamos o bicentenario da chegada de Isaac Dickson á ría no bergantín Enterprise, equipado cunha campá de bronce, para que os seus mergulladores explorasen os pecios da batalla de Rande, chegando a descubrir unha ducia de barcos; traballos aos que un ano despois se incorporou a goleta Abanew, dándose por rematada esta exploración pioneira.

Foi 1875 un ano chave na historia do Vigo moderno, pródigo en acontecementos, cando a cidade xa vivía da pesca e da salga da sardiña e reclamaba unha conexión ferroviaria co interior da península. Varios son os sequiscentenarios daquel Vigo a lembrar: o derrube da Torre da Pulguiña, a derradeira edificación da fortificación medieval; a saída da primeira locomotora do taller La Industriosa de Sanjurjo Badía (un fito para o ADN fabril vigués) e a participación de varios industriais vigueses na Exposición Rexional de Santiago, como os conserveiros irmáns Curbera, Mr. Hyde, fabricante de cervexa ou Noberto Velázquez Coppa, fundador da fábrica de papel La Cristina.

Viaxe no calendario histórico vigués que nos leva a reparar nos centenarios, ademais do xa adiantado de Castrelos, entre os que non poden faltar o da municipalización do servizo de augas, aprobada o 1 de novembro de 1925. Centenario, tamén, da inauguración da fábrica de cervexas A Barxa o 29 de xaneiro de 1925, nun edificio proxectado polo arquitecto Manuel Gómez Román, onde Cervezas de Santander fabricaría as marcas Cruz Blanca e La Austríaca e, a partir de 1970, Skol até o seu peche en 1989.

Con todo, será o centenario máis singular deste 2025 o da recalada o 9 de marzo de 1925 de Albert Einstein, procedente de Bilbao e Hamburgo, no Cap Polonio, camiño de América do Sur, apenas vinte anos despois de crear a Teoría da Relatividade. Ninguén na cidade soubo desta visita, da que o alemán deixou constancia nos seus Diarios do seguinte xeito: «Pola mañá desembarquei na Coruña e pola tarde en Vigo, baía rodeada de illas montañosas cunha fascinante viliña con forma de pintoresca azotea. (Á tarde conversas sobre lóxica). Riqueza de cores e posta de sol en Vigo, incomparable. O sol do Sur embriaga». O 26 de maio Einstein recalará en Vigo de regreso no vapor Cap Norte, escala na que no noso porto embarcará o enxeñeiro de minas Karl Lehmann, que na travesía a Bilbao lle presentará o invento do seu compás xiroscópico.

Sen esquecer que se axustamos o obxectivo aos setenta e cinco aniversarios, 2025 será ano de celebración na viguesa editorial Galaxia. Se o facemos aos cincuenta anos, lembraremos a memoria de Xosé Humberto Baena e Xosé Ramón Reboiras. Reparemos en modificacións urbanísticas de calado como a construción da torre de Toralla e do Colexio Universitario, a voadura do mercado do Progreso, a constitución das primeiras asociacións veciñais e a apertura na Gran Vía de El Corte Inglés. E se queremos reducila aos vinte e cinco anos, atoparemos o atentado do Grapo, a apertura da Praza Elíptica, o inicio das obras do campus de Marcosende, a creación de Caixanova ou a Intertoto do Celta, primeiro trofeo europeo do fútbol galego. Moito para recordar.

 

Brétemas 20 anos

Tal serán como de hoxe dun 3 de xaneiro de 2005 comecei a publicar este blog, utilizando o nome de Brétemas, que recuperaba do meu primeiro ano de carreira (1976), cando aínda formaba parte de ERGA. Dende entón publiquei 6.666 anotacións e recibín 9.558 comentarios, en tres formatos distintos (blogger, blogaliza e o actual, apoiado por Pumpun dixital), correspondendo ao último ano 134 entradas, cifra semellante a dos cinco últimos, que consolida a tendencia do uso do blog como arquivo dixital, que permite o acceso ordenado e o etiquetado semántico, sobre todo das miñas colaboracións semanais en Faro de Vigo e Nós diario, como aqueloutras esporádicas nas revistas Luzes e Tempos novos, entre outros medios, como dos textos utilizados nas actividades formativas das que fun ponente ou doutras intervencións literarias ou textos diversos solicitados.

Ao longo destas dúas décadas, no que irromperon ás redes sociais e informativas, que trasladaron a conversa arredor dos blogs, tamén se melloraron de forma moi considerable as utilidades hipertextuais, o que permitiu que a escritura frecuente no blog, durante anos diaria, se convertese na miña primeira aula de escritura dixital, onde ensaiar con elas. Brétemas, ademais de espazo de aprendizaxe, foi durante catorce anos bitácora do meu traballo como editor en lingua galega e, a partir de setembro de 2018, cando saín de Xerais, da miña experiencia como mestre orientador até o meu retiro en setembro de 2023. En Brétemas, pois, pode seguirse o meu relato en primeira persoa de anos intensos e difíciles da miña vida profesional como editor e mestre, mais tamén as miñas intervencións políticas e as miñas preferencias literarias, musicais, artísticas e deportivas, con especial atención a traxectoria do Celta de Vigo e da divulgación da historia e memoria da cidade de Vigo. Un abano temático diverso, froito (probablemente) da miña paixón pola lectura e pola curiosidade por aprender, que por ventura non perdín nin abandonei.

Brétemas non tería sido posible sen aquela comunidade de entusiasmo que foi o blogomillo, o berce onde naceu, onde compartimos aprendizaxes, descubertas, que nos serviron a cada unha das voces participantes, mais tamén contribuíron ao proceso de dixitalización da comunicación cultural en galego. Confeso con fachenda que de todos os proxectos colectivos de galeguización nos que teño colaborado, que foron uns poucos (Nova Escola Galega, Revista Galega de Educación, «A Pizarra» de Faro de Vigo, Asociación Galega de Editoras, Culturgal, Premios da Crítica de Galicia, Fundación Luzes, Galix,…), o de Brétemas é do que me confeso máis orgulloso, por sincero e teimoso que resultou. Como foi, facendo balance, tamén o meu traballo de escritura mellor recoñecido polos premios da AELG e do Libro Galego (2019).

Brétemas foi debedor do meu perfil de Twitter, onde se enlazaban os seus contidos, o que deixei de facer apenas hai dous meses, cando abrín o de Bluesky, rede informativa vehicular dende entón destas Brétemas, onde celebro a súa continuidade por reducido que sexa agora a comunidade que as segue e comparte. Certo que leo Facebook, Instagram e TikTok, onde teño perfís abertos, mais que non actualizo cos contidos do blog,  non teño tempo abondo, a pesar do retiro, de seguilos e coidar deles. A esta altura da miña vida, confórmome con contribuír ao catálogo galego cos meus textos semanais, arquivados dixitalmente en Brétemas, concibidos como agra de esperanza e horizonte da beleza do porvir.

Xaora, recupero o que afirmaba naquela primeira anotación, tan inocente, de hai vinte anos, na que relataba unha visita á Pisa de Froxán, cando entre o neboeiro escoitei o canto do brelo e as palabras proteícas de Uxío Novoneyra: «Manolo para remoer a pedra hai que facelo dende o fondo da fraga». Nesa angueira seguirei publicando mentres conserve ánimo e lecturas de interese que compartir. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas. Con todos os meus abrazos.

 

Axendas

No Nadal de 1974 publicouse o Almanaque co que a editorial Galaxia celebraba o seu 25 aniversario. Publicación que considero das máis singulares da historia da edición galega tanto pola orixinalidade do seu deseño como do adianto normalizador que supoñía a aparición dun completo calendario cultural coas súas efemérides de historia e literatura galega. Iniciativa deseñada co espírito divulgador e político de Paco del Riego, que trufaba as anotacións dos días e feitos con textos memorables, como o «Horóscopo universal de sortes e resortes do ano 1975 ao servicio perpetuo das estrelas» de Álvaro Cunqueiro ou «Unha ducia de platos de cociña pra unha ducia de meses», xunto a unha monografía sobre Castelao no seu vixésimo quinto cabodano e o catálogo xeral da editorial (entón 260 títulos). Publicación de Galaxia que por desgraza non tivo continuidade no mercado editorial noso –mentres cada ano se publicaban o Agrícola ZZ (1952), O gaiteiro de Lugo e O mintireiro verdadeiro– até que a empresa Ítem-Aga publicou a súa Axenda (1989) e Xerais deseñou o seu dietario e semanario, con información fiscal, laboral e cultural actualizada, edición que dende 1990 e durante tres décadas coidou a editora Celia Torres, como as dos calendarios fotográficos de parede, iniciados en 2014 co dedicado á Galicia fotografada por Ruth Matilda Anderson. Subxénero de edición, do que se ocuparon tamén iniciativas solidarias como as publicacións de Implicadas polo Desenvolvemento ou as do Observatorio da Mariña pola Igualdade, mais renacido tras a pandemia con diversas e coidadas novas propostas, desde as de Baía e a revista Luzes, pasando pola de Galaxia con motivo do 75 aniversario, até as visuais de Irmás Cartoné, en homenaxe a Emily Dickinson, empregando imaxes do seu herbario, ou as do estudio Brétemas, impresas na provincia de Ourense, as de Animosa ou Eailustra, entre as que coñecemos. Escoller hoxe unha das axendas impresas en galego é unha forma de agarimar e afirmar a lingua ao longo do ano enteiro.

Publicado en Nós diario: 01/01/2025

2025, quere celebrado con ansia e esperanza

Neste ano que remata, no que afrontamos novidades inesperadas, non quero abandonar  a tradición de celebrar o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, o grupiño de Manchester, que anunciou o seu regreso aos palcos en 2025. Para iso escollo a versión de «Up In the Sky (Monnow Valley Versión)», remasterizada por Noel Gallagher no verán deste 2024, tema sobre a dificultade de aprender a voar alto antes de empezar a caer.

Co paso dos anos aprendemos a instalarnos na incerteza para construímos as vidas nosas cos amores que escollemos e cos afáns aos que nos enfrontamos. Xaora, este serán do anovello enxergamos no horizonte, que en Vigo miramos entre o perfil das Cíes, a chegada dun ano novo, que quere celebrado con ansia e esperanza.

Sexan os meus votos para un 2025 mellor no que as luces da estrela dos afectos nos permitan compartir saúde, amor e boas lecturas galegas!

Sortes e resortes do ano novo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á noitevella e o ano novo:

Entre os meus libros preferidos da edición galega moderna adoito citar o Almanaque publicado en decembro de 1974 pola editorial Galaxia con motivo do seu vixésimo quinto aniversario. Imaxino que concibida e traballada polo editor obreiro que foi Francisco Fernández del Riego, abría a obra unha cantiga popular («Ano novo, ano novo, / ano novo velaí ven; / veña polo noso ben, / polo de vostede tamén…»), que anunciaba o seu carácter de calendario, no que baixo o epígrafe «Os días e os feitos», se publicaba as efemérides diarias da historia e da literatura galega. Publicación normalizadora pioneira que non tería continuidade até que a finais de 1980 apareceron no mercado as axendas en galego de Xerais.

Porén, aquel Almanaque, ao que Xohán Ledo puxo capa moderna, destacaba polas súas colaboracións literarias, dende a monografía a Castelao, con motivo do seu 25 cabodano, aberta cun texto elexíaco de Ramón Otero Pedrayo, «No seu espello e amor», pasando por un tríptico sobre a cultura galega onte, hoxe e mañá, asinado por Carballo Calero, Piñeiro e García Sabell, até os textos de prospectiva cultural para o derradeiro cuarto de século, como os asinados por Guillermo Rojo –que expresaba a súa preocupación polas dificultades para frear o proceso de castelanización ao tempo que a súa esperanza de recuperar falantes para o galego entre as esferas cultas de Galicia–, ou aqueloutros de Xosé Luis Franco Grande sobre o mercado do libro galego ou de Xohana Torres sobre a literatura infantil.

No entanto, o texto máis fascinante do Almanaque era o asinado por Cunqueiro, «Horóscopo universal, sortes e resortes do ano 1975 co xuicio perpetuo das estrelas», unha desas marabillas de don Álvaro, hoxe de difícil catalogación literaria, quizais como prosa fantástica de temática exotérica, ofrecida coa poderosa ferramenta da ironía para unha lectura corrida co sorriso nos beizos. Exaltación da imaxinación e da identidade propia, achegada a astroloxía e a erudición da cultura clásica, que resumía coa frase: «nacemos nun momento dado, e temos, coma os viños célebres, as calidades do ano e da estación que nos veu nacer». Lectura que ao mindoniense lle permitía agoirar que 1975, correspondente a Pisces, sería un ano difícil, «no que choverá dentro coma fóra». Cábala que, tras consultarmos na hemeroteca, sabemos resultou errada, xa que ese ano Galicia rexistrou precipitacións por baixo das habituais. O que non desmerece a calidade do texto cunqueirán, xa que, co estreleiro na man, tan singular horóscopo literario resultou atinado en moitas outras sortes e resortes.

Así afirma Cunqueiro que 1975 será un bo ano para mudar de casa, para facer amizades con forasteiros ricos, para plantar viñas novas ou para ter boas noticias de xente dun, que está lonxe. Outrosí afirma Cunqueiro que 1975 será un mal ano para agrandar a casa, para atopar tesouros e cousas soterradas ou para casar ao fillo primoxénito. Xaora, o que foi director de Faro de Vigo, de 1964 a 1970, e polo tanto experimentado no exercicio da prudencia, tras tan rotundas profecías, tamén se curaba en saúde advertindo que «cada quisque, polo día en que naceu ou por como andan as estrelas cando pretende obrar, terá que aterse ao desconcerto característico do ano». E así remataba aconsellando que «este será un ano de ficar ao socairo, na casiña propia, sen meterse na vida doutros, sen facer bando, e nas dúas ocasións que dá este ano de gran perigo, e de liortas, e de véspera de guerra, encomendarse a Deus, porque se farán moitas inxustizas, e buscaranse pecadores que non o serán, senón xustos collidos de travesía». E non lle faltou razón ao prudente Cunqueiro, se lembramos que en 1975, antes do pasamento do ditador na cama, foron executados cinco antifranquistas ou baleado pola policía en Ferrol Xosé Ramón Reboiras.

Certo é que a literatura galega actual amosa moi escaso interese pola astroloxía, o que non desmerece o interese das cábalas irónicas que hai cincuenta anos publicaba don Álvaro, cando saudaba o novo ano  que aparecía no horizonte «como unha gran fogaza de pan trigo, dourada». Anos novos, como o 2025, traídos polas mesmas estrelas, que van indo e vindo, que marcan o paso do tempo entre Acuario e Capricornio, dende aninovo a san Silvestre, cunha regularidade inacabable que continúa importando. Instalados nesa incerteza construímos as nosas vidas cos amores que escollemos e cos afáns aos que nos enfrontamos. Así cada noitevella é un momento para acougar una minutos e pensar que cousas importantes merecen a nosa atención e cales sobran e queremos abandonar. Nesa escolla atoparemos as sortes e resortes do ano 2025, mentres enxergamos no horizonte a beleza do porvir, que en Vigo miramos entre o perfil das Cíes. Un ano novo que quere celebrado con ansia e esperanza. Que o compartamos!

A estrela dos afectos

Agradezo esta postal de nadal, Con todos os abrazos, unha creación do meu admirado Martin Pawley a partir de imaxes dos filmes Noah’s Ark (Michael Curtiz, 1928), The Boob (William A. Wellman, 1926), The Scarlet Letter (Victor Sjöstrom, 1926), 7th Heaven (Frank Borzage, 1927), Wings (William A. Wellman, 1927), Sunrise (F. W. Murnau, 1927) e The Docks of New York (Josef von Sternberg, 1928), a música de Hugo Riesenfeld para Sunrise e o silencio dunha tarde na Casa de Rosalía en Padrón. Decembro de 2024.

No día de Noiteboa, dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebración do Nadal:

Son pouco partidario dos excesos das festas de Nadal, unha invención de éxito debedora da iniciativa do Papa Xulio I (anos 320-353), que declarou o 25 de decembro día de Nadal para conmemorar o nacemento de Xesús, efeméride declarada por Xustiniano un século máis tarde festividade do Imperio, coincidindo coa data que o calendario xuliano dedicaba a celebrar o primeiro sol de inverno (solsticio). Invención consolidada como un mito adulterado e espallado durante séculos polas comunidades católicas coa colaboración do poder civil, reconvertida desde a segunda metade do século XX no evento consumista por excelencia de Occidente, expresión neoliberal da hexemonía do comercio por medio dos diversos protocolos do intercambio de regalos. Relato, completado nun proceso de aculturación pola Igrexa Católica, que contempla un prólogo para o tempo de Nadal na Noiteboa, estendendo o ciclo até o día da Epifanía, o 6 de xaneiro, que a Igrexa Oriental celebraba como adoración dos reis que, guiados pola luz dunha estrela brillante, descubriron en Belén a Xesús nun presebe e o agasallaron cos tres regalos simbólicos que para el traían: ouro, como rei; incenso, como aroma de divindade e mirra, como bálsamo para a sepultura.

Estudado polo ensaísta rianxeiro Xosé Ramón Branco Buxán no seu libro tan recomendable, Nadal e consumismo. Lucrativas realidades sociais baseadas en invencións (Laiovento 2024), o mito dos Reis Magos entregando regalos foise transfigurando a longo da historia en distintos personaxes segundo as diversas culturas: San Nicolás, Santa Claus, Papá Noel (vestido de vermello e branco pola Coca Cola), mais tamén o Tió e o Caganer cataláns, o Olentzero vasco, ou o Pandingueiro ou Apalpador galego. Personaxes que na actualidade ritualizan a celebración como portadores do «espírito de Nadal», para o filósofo Branco Buxán representado na triloxía emocional de «cariño, familia e agasallos». Un paraugas do marketing da poderosa cultura do agasallo, que impulsa o consumo en Nadal, negocio formidable –estimado en España co 30 % da facturación anual dalgúns sectores–, en eidos como alimentación, industria dos xoguetes, edición, decoración e, máis recentemente, hostalaría e turismo; mercado estendido e fixado pola iluminación pública, nun calendario que vai do Black Friday de finais de novembro até o día de Reis.

Festas de Nadal que adquiren formas propias en cada comunidade, unha tradición que no caso galego, tras diversas superposicións culturais, adopta manifestacións como as do tizón do Nadal, o Lume Novo vinculado con aspectos máxicos; a cea de Noiteboa, e a súa tradición de abstinencia presente na maior parte das casas, onde o prato principal desa noite era o bacallau con coliflor; os ritos das Cédulas de Aninovo e das témporas; ou a presenza dos trubincos, os trasnos exclusivos do Nadal galego, estudados polo antropólogo Rafael Quintiá. Por non falar doutros símbolos como as panxoliñas, os cantos de aguinaldos e manueles, os desfiles de ranchos e rondallas de reis…, que conviven con tradicións chegadas do norte de Europa como a da árbore da casa finesa de Santa Claus, a dos cartóns de nadal (ou «Christmas»), nacida en 1843, para expresar os bos desexos e ledicia á familia e amizades, coincidindo no mesmo ano coa publicación do Conto de Nadal de Charles Dickens, que en plena sociedade vitoriana capitalista, amosaba a perda de valores humanos, descubrindo un novo Nadal e unha forma de celebralo como utopía da felicidade.

Festa de Nadal presente en Vigo até a hipérbole, como primeiro reclamo turístico de tempada, baseado na cantidade de iluminación e atraccións de feira instaladas e no número de visitantes convocados, que converte ao centro urbano (incluído o xardín histórico centenario da Alameda) en insulso parque temático espido doutras referencias culturais, que non sexan a exaltación do consumo (incluída unha papanoelada moteira propia doutros tempos) alentada polos temas de Mariah Carey e doutros intérpretes do mainstream musical global. Celebración propia dun non lugar, allea á utilización do galego e a presenza das agrupacións folclóricas veciñais metropolitanas. Xaora, por ventura, consérvanse os tradicionais concertos de Nadal de Carlos Núñez no García Barbón e de Tony Lomba & Elio Santos na Fábrica de Chocolate, aos que este ano se engade o do virtuoso Abraham Cupeiro, como se mantén a saída prevista das rondallas de aguinaldos e manueles do Casco Vello coas  súas danzas colectivas, testemuñas de que resiste un nadal de seu nunha cidade que non perdeu a súa luz propia. Os meus mellores desexos nos seus afáns e devires para o lectorado destas páxinas tan acolledoras de Faro de Vigo. Que sexa a luz da estrela dos afectos a que a cadaquén guíe. Con todos os abrazos: bo Nadal!

Casal

Cando en agosto de 1927 Ánxel Casal abandona a editorial Lar, que queda en mans de Carré, e funda a editorial e imprenta Nós, no seu domicilio da coruñesa rúa Real, dá o paso decisivo para dotar por primeira vez a Galicia, coa lingua galega como vehículo de comunicación, dunha estrutura editorial normalizada, tanto no que atinxe ao desenvolvemento dun catálogo literario monolingüe, incorporando textos e publicacións esenciais para a cultura galega moderna, como na presentación desas obras, sobre todo das súas capas e formatos, na liña da tendencia da edición europea daquel entón, marcada pola francesa Gallimard ou pola española Compañía Iberoamericana de Publicaciones (CIP). Iniciaba Casal un labor de xigante, consolidado cando na primavera de 1931 traslada a súa oficina de imprenta e edición a Compostela, primeiro, á rúa das Hortas, onde vivía o seu amigo, tamén cómplice de tantas iniciativas, o pintor e escenógrafo, Camilo Díaz Baliño, despois, en abril de 1933, trasladada aos baixos da rúa do Vilar nº 15. Foi Castelao quen sentenciou aquilo de que Casal «fixo por Galicia máis do que todos nós», probablemente para salientar a dimensión e a diversidade do catálogo editorial de Nós («libriños novos, humildes e limpos no seu formato») desenvolvido en menos dunha década, como doutras impresións de revistas, pasquíns e cartelaría política varia, actividades propias do seu carácter de indiscutible editor nacional. Publicacións que para Ernesto Vázquez Souza, un dos mellores coñecedores da súa traxectoria, «comunican a vontade de transcendencia que lle outorgou ao seu traballo». Un século despois de iniciada aquela proeza, ás portas de celebrar un novo día da edición galega, o 17 de decembro, fixado na data do seu nacemento na Coruña, continúa emocionando comprobar o impulso que este editor pioneiro, xeneroso e comprometido imprimiu á edición galega moderna. Casal foi, sen dúbida, unha das figuras máis senlleiras da historia cultural de Galicia, merecedor sempre de ser homenaxeado.

Publicado en Nós diario: 11/12/2024

Lar

Co obxectivo de favorecer a difusión da cultura galega naceu en Ferrol en 1921 a editorial Céltiga, que durante dous anos debeu a súa existencia o esforzo realizado polo seu editor Xaime Quintanilla. Proxecto editorial das Irmandades da Fala continuado o 29 de novembro de 1924 cando apareceu na imprenta Moret da Coruña o primeiro número da revista quincenal Lar, grazas ao propósito de Leandro Carré Alvarellos como director e de Ánxel Casal como administrador. Desde aquela primeira entrega, A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez, publicaría o derradeiro sábado de cada mes corenta noveliñas que conformaron o primeiro catálogo de narrativa galega do século XX, entre os que se atopaban títulos pioneiros como Martes d’ Antroido (1925) de Francisco Herrera ou Pantelas, home libre (1925), a estrea literaria de Ramón Otero Pedrayo, premiada na «Festa da Lingua Galega» convocada polo Seminario de Estudos Galegos. Secasí, sería o sinal de identidade daquela colección a liña de portadas deseñada polo Camilo Díaz Baliño, na que aparecía o sol, o altar e unha figura pétrea barbada, trilito da tradición druídica, considerado por Pepe Barro como unha das obras mestras do deseño galego. Foi o de Lar o primeiro proxecto editorial moderno en lingua galega, tanto pola intención de enraizar o xénero narrativo como de popularizalo, divulgalo e estendelo a un público propio, vontade que os editores sinalaban na nota de presentación do número 26, Fuxidos (1926) de Gonzalo López Abente: «pretendemos proporcionarlles aos nosos lectores novelas interesantes e ben escritas que lles dean plena satisfacción, aínda impoñéndonos sacrificios; porque a nosa empresa non é industrial, senón patriótica. Queremos contribuír ao engrandecemento da Literatura Galega, da Cultura Galega; e por iso traballamos con fe e afiuzados na crecente afección á lectura de libros galegos, de bos libros…» Vontade dos editores Carré e Casal que non perdeu ápice de interese cando celebramos a proeza de Lar no seu centenario.

Publicado por Nós diario: 20/11/2024

O legado de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao sequiscentenario do nacemento do arquitecto Antonio Palacios:

O 27 de outubro lembramos o pasamento do arquitecto Antonio Palacios Ramilo no ano que celebramos o sequiscentenario do seu nacemento no Porriño o 8 de xaneiro de 1874. Efeméride pola que é homenaxeado polo Ayuntamiento de Madrid ao longo de todo este 2024 con diversas actividades, como un itinerario interactivo para todas as idades, visitas teatralizadas, conferencias, un mapa musical e dúas exposicións sobre a súa pegada nunha cidade que o considera o seu arquitecto máis querido e popular polo seu soño en transformala nunha metrópole moderna. Madrid onde o porriñés realizou algunha das súas obras máis relevantes, entre elas os deseños interiores dalgunhas das primeiras estacións do Metro ou as construcións graníticas dacabalo do Modernismo e o Movemento Moderno, como o Pazo de Telecomunicacións (1904-1918), realizado en colaboración con Joaquín Otamendi, onde hoxe están instaladas as dependencias municipais, o icónico Círculo de Belas Artes (1926),  ou o Banco de España de Río da Prata (1918), hoxe sede do Instituto Cervantes, entre outras.

Xaora, Palacios nunca se desvinculou da súa terra galega onde deixou tamén un amplo legado arquitectónico, singularmente nalgúns dos concellos da bisbarra viguesa como na propia cidade de Vigo, onde instalou o seu segundo estudio. Figura que este ano celebra o concello do Porriño no sequiscentenario do seu fillo máis universal, mais tamén no centenario da construción da Casa do Concello (1924), unha das cinco obras na súa vila natal, de inequívoco estilo rexionalista, xunto á Fonte do Cristo (1905), a primeira obra que fixo en Galicia, na que contou coa colaboración do ceramista Daniel Zuloaga; a Botica Nova (1909), proxectada para o seu irmán Jesús e a Escola Fernández Areal (1906), de tradición indiana, derrubada na década de 1960, sendo un dos edificios perdidos máis chorados pola sociedade porriñesa. Iconas da vila da Louriña, á que dende 1971 se engadiu o Templete de acceso ao Metro da Gran Vía madrileña (1918).

Legado que Palacios deixou tamén en Mondariz Balneario, en tres edificacións emblemáticas: o Manancial da Gándara, a Varanda e o Hotel-Sanatorio (1917). Mais tamén na Guarda, onde deseñou o edificio de Santa Trega (1930), hoxe museo arqueolóxico, deseñado como restaurante para a súa sobriña Rosario, do que nunca se faría a torre. Como deixou a súa pegada nos concellos do Val Miñor, onde en Baiona deseñou o monumento da Virxe da Rocha, de quince metros de altura, construído entre 1910 e 1930; mentres en Nigrán fixo dous chalés de estilo rexionalista na praia de Lourido, o primeiro (1930) para Sileno un avogado madrileño, e pouco despois outro para Celso Méndez, aos que se uniría o Templo Votivo de Panxón (1937) e a casa reitoral. Legado palaciano que no caso da cidade de Vigo abrangue tres grandes edificios: o Teatro García Barbón (1926), a Banca Viñas-Aranda (1944) e o convento das Salesas Reais (1942), que non chegou a finalizarse.

Forma parte do legado de Palacios o seu «Plan de extensión e reforma interior de Vigo» (1932), co que pretendía transformar a Vigo na Barcelona do Noroeste. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana. Un plan de crecemento harmónico moi ambicioso, concibido para os concellos de Vigo e de Lavadores, para os que se propón concertar unha mancomunidade, acorde co potencial social e económico do Vigo punxente da década de 1920, ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100, prevendo que no 2000 chegaría aos 600.000 habitantes, no que se pretendía solucionar o problema da vivenda social creando novos barrios co estilo de cidade-xardín.

Plan de Palacios que recollía a creación dos parques públicos de Castrelos, A Guía, o Castro; o desenvolvemento de medios de transporte metropolitanos de diversa índole, dende o marítimo na ría ao aéreo que uniría por avioneta Bouzas co futuro aeroporto de Atios no Porriño; prevía unha autoestrada, a Erizana, que conectase Vigo e Baiona, un funicular subterráneo que unise o porto co Castro, unha ponte en Rande, até ascensores públicos para salvar a orografía viguesa… Plan que nunca chegaría a levarse a cabo, mais que proporcionou importantes ideas para actuacións urbanísticas futuras, converténdose para o historiador Xoán Carlos Abad Gallego «nun mito da cidade ideal e moderna que non chegou a ver a luz». Non está de máis telo presente en cidade tan pouco memoriosa coma a nosa que «esqueceu» celebrar o legado de Antonio Palacios cando se fan 150 anos do seu nacemento.