"Estiñada", novo disco de Ledicia

Mañá, 26 de decembro, ás 20:00 horas preséntase no Centro Civico de Caranza Estiñada, o novo disco (CD e DVD) do grupo Ledicia do Colexio Público Manuel Masdías de Ferrol. Despois da aparición hai dez anos de Polo correo do vento, este segundo disco de Ledicia antologa vinte e un temas deste grupo pioneiro dentro da nosa música infantil.
Nacido en 1983, con motivo do festival de música infantil “Cantareliña” esta formación escolar vén funcionando de forma ininterrompida, tratándose da único estable que interpreta cantigas infantís propias en lingua galega. O grupo baseado nos nenos e nenas do colexio, ten cada ano algunha modificación, aínda que existe unha base estable constituída por ex-alumnos/as, profesorado e pais e nais. Na actualidade, ademais do equipo de son que os acompaña habitualmente, Ledicia está formado por sete instrumentistas (percusión, baixo, violíns, viola de gamba, guitarras, frautas, acordeón e teclados), catro voces principais e entre quince e vinte nenos que fan coros. Alentou dende a súa fundación o grupo Xosé Lastra Muruais, contando coa inesquecible presenza do desaparecido Miguel Varela, facho que foi recollido agora polo seu fillo Xurxo.
Ao longo dos case vinte e cinco anos de vida, Ledicia ten realizadas centenares de actuacións por toda Galicia, especialmente na comarca de Ferrol, ademais de ter actuado en Xixón, Madrid, Rotterdam e Bruxelas.
En definitiva, unha experiencia musical, educativa e cultural galeguizadora dunha comunidade educativa volcada arredor das notas e as palabras en galego. Algo verdadeiramente tan modélico coma extraordinario que merece ser salientado. Recomendo moi vivamente o disco, onde aparecen algúns dos temas máis coñecidos do grupo “Polo correo do vento”, “Caranza”, “A buxaina”…, xunto a novas versións de cancións tan coñecidas como “Palabras para Xulia”, “O piollo e a pulga”, “Lela”, “Rumboia” ou “Pasado o punto do rescate”.
Estiñada, o cedé e o dvd (inclúe karaokes, gravacións de diversos concertos e centos de fotografías da historia do grupo) pode comprarse directamente neste correo electrónico:
ceip.manuel.masdias@edu.xunta.es,
chamando a este teléfono (9813274039)
ou dirixíndose a este fax (981325370).

Etiquetas:

Ler para comprender o mundo

Inevitablemente no artigo da semana comento os resultados do Informe PISA 2006. Como son consciente das limitacións do informe (mais vale que a ministra fose, tamén, máis prudente), pretendín facelo dende a perspectiva da oportunidade que ofrece para enfrontar o reto da mellora da comprensión lectora e da alfabetización informacional. Estou convencido, como teño salientado noutras moitas ocasións, que conseguir que o alumnado acade unha competencia aceptable en lectura comprensiva e crítica, tanto sobre os soportes impresos como sobre os dixitais, é o gran desafío do noso sistema educativo non universitario. Hoxe o dilema xa non está entre “ler ou non ler”, o envite do futuro é “ler para comprender de forma crítica o mundo coas palabras de outros”.

Etiquetas:

Era unha vez a escola

Coñecín hoxe a publicación de Érase una vez la escuela, o volume do noso amigo asturiano Carlos Lomas para escoitar o eco da escola na memoria literaria. En palabras do seu autor esta é unha obra na que convida “a unha viaje literaria polas historias finxidas e verdadeiras dos tempos xa afastados da infancia e da adolescencia escolares. Da man de escritoras e escritores de diferentes épocas e países, iremos ao encontro dos anos do colexio na literatura coa esperanza de atopar neses textos literarios sobre os contextos escolares non só emocións, saudades, malestares e críticas senón tamén algúns argumentos contra o espellismo nada inocente de pensar que en educación calquera tempo pasado foi mellor”. O volume contén gran número de fragmentos literarios sobre a vida escolar así como centenares de imaxes da escola doutrora, de escritoras e escritores, de manuais e enciclopedias escolares, de cadernos e de lapis, de pizarras, atlas e pupitres… Un libro, en definitiva, que ten unha pinta estupenda para os que gostamos da memoria da escola e da boa literatura.
Etiquetas:

Mariano Fernández Enguita en Vigo


O sociólogo da educación Mariano Fernández Enguita participará, xunto cos profesores Jurjo Torres Santomé e Jordi Adell, na Xornada “Innovación, Educación e Sociedade no Século XXI”, que se celebrará en Vigo durante toda a tarde do vindeiro día 4 de outubro. Un programa moi atractivo (con tres grandes conferenciantes) para reflexionar, dende a perspectiva da pedagoxía crítica, sobre a situación e os retos da educación.

Etiquetas:

Escándalo nas oposicións

Sabemos que hai noticias que corren no ruxe-ruxe dos cafés e dificilmente chegan aos medios (coa excepción dalgún blog). O escándalo das oposicións do profesorado de Secundaria deste pasado verán foi unha delas. Sabiamos que os interinos foron claramente beneficiados pola Administración educativa. Sabiamos que opositores con exames extraordinarios, quedaron á porta sen posibilidade ningunha, mentres interinos con probas penosas, aprobaban. Sabiámolo e todos calamos coma petos. Foron estas oposicións “restrinxidas” (aínda que non aparecesen como tales, por que a Lei da Función Pública impide esta figura) un sistema de acceso á función pública baseado nos principios constitucionais de “igualdade, mérito e capacidade”?
Afortunadamente hai algunha persoa afouta que hoxe no Faro levanta a voz da dignidade denunciando este escándalo e defendendo ao colectivo de opositores que até agora non tiña nin sindicato que piase por eles. Non teño dúbidas de que estas oposicións trucadas foron máis unha descarada regularización de interinos ca un sistema fiable de acceso igualitario e transparente á función docente. Temo que, ademais, van contribuír ben pouco a mellorar a calidade da nosa educación. Desta volta a Consellaría de Educación e os responsables dos sindicatos do ensino erraron primando intereses corporativos. Unha mágoa!

Volta ás aulas

No artigo da semana reflexiono sobre as tres grandes novidades do curso escolar iniciado estes días: o comezo da implantación dos curículums LOE de Primaria e Secundaria, o novo decreto de uso e promoción do galego e a creación da rede de “Galescolas“. Desta volta son optimista.

Etiquetas:

A alfabetización na era dixital

Moi recomendable esta presentación de Tiscar sobre a Alfabetización na era dixital. Utilísima para o profesorado de ESO á hora de preparar a abordaxe do desenvolvemento da competencia dixital.

Himno galego: o ridículo de "El Mundo"

El Mundo, o periódico máis identificado hoxe coa dirección do Partido Popular de Mariano Rajoy, pretende atacar ao vicepresidente Quintana por medio dunha anotación sen asinatura na que se ridiculiza o himno galego e algunhas medidas de política lingüística aprobadas polo Goberno Galego.
O máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado “xornal de referencia”.
A lamentable anotación non merecería máis comentario se non fose outro síntoma da ferocidade que esta prensa capitalina (ou esa inefable rede de blogs proRajoy, que meten medo!) está disposta a despregar co nacionalismo galego, ás portas das vindeiras Eleccións Xerais. Ben sería que por coherencia o propio Mariano saíse ao paso da anotación e solicitase unha rectificación ao seu benquerido PJ, xa que o actual presidente do PP é corresponsable da Lei de Símbolos de Galicia, aprobada (por unanimidade) en 1984 polo Parlamento Galego do que el daquela formaba parte. De non facelo, poderiamos chegar a pensar que Rajoy defende sen rubor ese “nacionalismo excluínte” que para El Mundo expresa o himno dun tal “Arturo Pondal”.
O máis pavero do asunto é que as palabras de Quintana foron ben sensatas e moi prudentes. Claro que a celebración do centenario do himno (o vindeiro 20 de decembro) merece ser salientada polo Goberno, polo Parlamento e polo conxunto da sociedade galega! Como tamén o desexo de Quintana (que todos compartimos) de que todos os escolares realmente aprendan o himno, mais aínda cando o coñecemento dos símbolos de Galicia está recollido como un dos contidos dos currículums de todas as etapas educativas non universitarias (mesmo dende a Educación Infantil). Quintana non propuxo nada que xa non estivese establecido na nosa lexislación educativa. Mágoa que os redactores anónimos de El Mundo non tivesen a paciencia e o rigor de comprobalo!
Etiquetas:

Mudanzas no Bacharelato II

Na anotación anterior quedaron pendentes algunhas novidades que paga a pena reseñar:

  • Incorpórase a “Literatura Universal” como materia da modalidade de Humanidades (antes era optativa) e da vía de Artes escénicas.
  • Desaparece a materia de “Mecánica” da modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.
  • Nas materias optativas, competencia da CC.AA., ábrese a posibilidade cursar unha materia das de modalidade, ao tempo que se pretende favorecer dalgunha maneira á “2ª Lingua estranxeira” e as “Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
  • Nos currículums de cada unha das materias non haberá referencia (como sucede no resto das etapas educativas) ás competencias básicas.
  • Haberá posibilidade de cursar o Bacharelato a distancia (competencia das CC.AA.), abríndose a posibilidade de que o alumnado curse por este sistema algunha das materias de modalidade que, por falta dun número de alumnos suficientes, non se imparta no seu centro.

En definitiva, semella que as mudanzas que se abren no novo Bacharelato LOE son escasas e están orientadas por unha banda a recuperar o modelo curricular LOXSE (suprimido pola contrarreforma conservadora de Aznar, do chamado “Decreto de Humanidades” que modificou os contidos da Historia e da Filosofía) e por outra a adaptalo aos requerimentos da nova Reforma Universitaria de carácter europeo (introdución da materia de “Ciencias do mundo contemporáneo” e reorganización das materias das modalidades). Haberá que agardar a estudar o contidos dos currículums das materias para saber se isto será realmente posible. Con todo, creo que hoxe os problemas da Educación en España non están nesta etapa terminal, senón nas dúas anteriores (Primaria e ESO), onde faltan aínda recursos (humanos e materiais) e onde sobra fraxilidade curricular para o tratamento da diversidade.

Etiquetas: Bacharelato